Tiro

Tiro (árabe صور Ṣūr, fenicio Ṣur, hebreo צור Tzor, acadio Ṣurru, grego Τύρος Týros) é unha cidade situada ao sur do Líbano, a 21 km de Israel. Chámase hoxe Sur.

Con 117.100 habitantes, Tiro atópase na costa oriental do mar Mediterráneo, uns 37 km ao norte de Acre, e 32 km ao sur de Sidón. O nome da cidade significa "rocha"[1] Aos seus habitantes chámaselles tirios.

A cidade foi declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO no ano 1984, polos seus vestixios arqueolóxicos de diversas civilizacións.

Tiro
صور
TyreFishingHarbour
Peirao de Tiro
Localización
Tiro en Líbano

Tiro
Tiro
PaísLíbano Líbano
Xeografía
Superficie4 km²
Demografía
Poboación60.000 hab.
XentilicioTirio (a).
Tiro
TyreAlMina
Área de escavación de Al Mina.
Patrimonio da Humanidade - UNESCO
PaísLíbano Líbano
Localización33°16′00″N 35°12′00″L / 33.26667, -35.20000
TipoCultural
CriteriosIII, VI
Inscrición1984 (8ª sesión)
Rexión da UNESCOEstados árabes
Identificador299

Xeografía

Tyre map
Mapa do Líbano. Tiro en vermello, está preto do bordo sur.

A antiga Tiro áchase na Fenicia meridional a pouco máis de 70 km ao sur de Beirut e a 35 km ao sur de Sidón, case á metade do camiño entre Sidón ao norte e Acre ao sur, e a algúns quilómetros ao sur do río Litani, o Leontes das fontes clásicas.

Tiro tiña dúas zonas, unha insular e a outra continental. A illa estaba situada sobre un montículo, de nome SR, que significa «a rocha» en fenicio. A cidade estaba separada do continente por un estreito de 500 a 700 metros de ancho, posteriormente unida a zona continental por un istmo artificial, obra de Alexandre Magno, construído cando cercou a cidade en -332. A illa estaba dotada de dous portos, un ao norte, o porto sidonio, e outro ao sur, o porto exipcio.

Partindo de Tiro para o norte, en dirección a Sidón, pásase preto da fonte 'Ain Babouq, despois preto da fonte termal 'Ain Habrian, e por fin chégase a Naher el Qasmiyé que é a parte sur do Nahr el Litani. Este río constituía a fronteira norte entre o reino de Tiro e o de Sidón cando se separaron, pero a fronteira norte adiantouse a este río moitas veces e se estendeu ata Sarepta e incluso un pouco máis ás veces.

Para o sur, partía de Tiro unha estrada costeira moi importante que pasaba por Tell el Rachidieh e Ras el 'Ain. Algúns historiadores especialistas, identificaron esta última con Paleotiro ou Ushu, pero esta identificación non excluíu as outras posibilidades. A estrada franqueaba Ras el Abyad que, á esquerda levaba a Oum el Amed, situada sobre un outeiro a unha decena de metros sobre a estrada costeira que, para o sur, pasaba por Akzib, Acre e a súa planicie, para chegar finalmente a Haifa e o monte Carmelo que constituía a fronteira sur do reino de Tiro.

Historia

Tiro foi a máis importante das cidades de Fenicia, fundada ao mesmo tempo que Sidón (hoxe Saida), Biblos (hoxe Djebail) e Beritos (hoxe Beirut), no III milenio adC.

"A situación da cidade de Tiro non ofrece dúbidas, está no lugar coñecido como Sur." Tiro orixinalmente consistía en dous distintos centros urbanos, un nunha illa e o outro na costa adxacente (aproximadamente 30 estadios aparte ou 5,6 km segundo Estrabón en seu Xeografía xvi, 2), antes de que Alexandre Magno conectase a illa coa costa durante o seu asedio da cidade. Era unha cidade fortemente fortificada en medio do mar (con muros defensivos de 45 m de alto)[2] e a máis antiga, orixinalmente chamada Ushu (Palaetiro, para os gregos) era en realidade máis unha liña de suburbios que unha cidade e foi usada principalmente como unha fonte de auga e madeira para a cidade da illa [3]. Xosefo indica que ata incluso loitaron entre eles, aínda que a maior parte do tempo se aliaron debido á riqueza da cidade polo seu comercio marítimo e os seus bosques de madeira de cedro, e auga potábel da zona continental.

Fundación

Tiro xorde sobre -1300, aínda que segundo Herodoto, foi fundada arredor do -2700 Filón de Biblos (en Eusebio de Cesarea) cita a Sanchuniathon quen comenta que primeiro estivo ocupada por Hypsuranius. Na obra de Sanchuniathon dise que estaba dedicada a "Abibalus, rei de Beritos" (posibelmente Abibaal, o que foi rei de Tiro) [4].

Historia temperá

TyreAlMinaTheatre
Teatro rectangular en Al Mina.

O comercio do mundo antigo era almacenado en Tiro. "Os comerciantes tirios foron os primeiros que se aventuraron a navegar nas augas mediterráneas; Foi un porto importante de Fenicia, acadando gran prosperidade económica; del saíron barcos para fundar numerosas colonias a beiras do Mediterráneo co propósito de dominar o comercio marítimo, fundando colonias nas costas e illas próximos do mar Exeo, en Grecia, a costa norte de África, Cartago, Sicilia, Córsega, na ibérica Tartessos, e mesmo máis alá das columnas de Hércules, en Gadeira (Cádiz)" (Driver's Isaiah).

Os hebreos chamárona Tsor e os mesmos tirios chamábana Sor ou Sur que quere dicir "Rocha". Os gregos substituíron o "S" inicial por un "T", e este nome foi adoptado polos romanos, que non obstante tamén a chamaron Sara ou Sarra.

A cidade foi poboada desde o III milenio adC, e no século XVI a.C. foi conquistada por Tutmosis I. No século XIV a.C. aliouse con Exipto, independizándose de Sidón. Estivo en mans dos exipcios ata a época de Ramsés II (século XIII a.C.). Sobre 1190 a.C. foi repoboada por xente de Sidón. No século IX a.C. someteu á súa antiga metrópole, para logo pasar a ser tributaria de Asiria.

En tempos de David (c. 1100 aC.), estableceuse unha alianza entre os hebreos e tirios, que tempo atrás eran gobernados polos seus reis nativos.

A cidade de Tiro foi célebre pola produción dun tipo único de tintura púrpura, coñecido como púrpura tiria. Esta cor era, en moitas culturas da antigüidade, reservado para uso exclusivo da realeza ou, polo menos, da nobreza.

A partir do século X a.C. exerceu a hexemonía sobre as cidades fenicias, que durou ata o século -VI O seu apoxeo foi baixo o rei Hiram I (que embeleceu a cidade na parte insular), pero hai que mencionar tamén a Ithobaal (887-856 a.C.) a filla do cal se casou co rei Acab de Israel, o rei Pigmalión (-821 a -774) en tempos do cal algúns colonos dirixidos por Dido marcharon a fundar Cartago (-814).

A influencia asiria notouse no século VIII a.C. e especialmente no século VII a.C.. Nesta época Tiro e Sidón foron un único reino, pero despois separáronse. En 672 a.C. foi asediada por Esarhaddon, e en -668--667 por Assurbanipal, pero non puideron conquistala.

Foi atacada por Exipto a miúdo, cercada por Salmanasar V, que foi axudado polos fenicios de terra firme, durante cinco anos.

A cidade (a parte da costa) foi asediada e ocupada por Nabucodonosor II de Babilonia, durante trece anos sen éxito, aínda que un acordo de paz foi feito no cal Tiro pagou imposto aos babilonios; feito do que hai un relato do profeta Ezequiel [5] (-574.).

A cidade estendíase entón ata o río Leontes ao norte e a fonte de Ras al-Ain ao sur, é dicir, un espazo duns 10 ou 12 km, formado por unha fértil planicie. A cidade na illa foi de fundación posterior, seguramente despois de Nabucodonosor. Parece que chegou a ter uns corenta mil habitantes. Na illa, en especial, cabe mencionar unha gran praza pública que os gregos chamaron Eurycoros, construída por Hiram I. Dous portos servían á poderosa mariña de Tiro, o do norte e o do sur.

Despois da conquista de Babilonia adoptou a forma republicana de goberno. En -538 pasou a depender do Imperio Aqueménida. En -345 rebelouse, pero foi conquistada por Artaxerxes III de Persia.

Asediada por Alexandre Magno a finais do -333., este construíu un istmo artificial coas pedras da cidade vella de Tiro e outros materiais facilmente ao alcance; foi laborioso porque as tormentas destruían a miúdo parte da construción, e cando xa estaba preto da illa, eran os soldados de Tiro os que con frechas e proxectís impedían os traballos; os macedonios construíron unhas torres de madeira, pero os tirios incendiáronas e destruíron nunha saída das súas naves e ao final unha gran tormenta destruíu todo o traballo; Alexandre decidiu comezar de novo, facer un istmo máis amplo e en diagonal suroeste, e ademais recrutou unha frota en Sidón, Soli, Mallos e outras cidades (toda Fenicia estaba xa en mans de Alexandre); mentres se facía o istmo fixo unha incursión en Celesiria e capturou árabes que enviou a cortar madeira ás montañas do Líbano; cando Alexandre volveu ao istmo xa estaba moi avanzado e os intentos dos tirios por destruílo, a pesar de algún éxito parcial, fracasaran. Os tirios enviaron as mulleres, anciáns e nenos a Cartago e pecharon as bocas dos seus dous portos. Alexandre levou máquinas de guerra. Despois dunha loita feroz, Alexandre ocupou a cidade. Os tirios resistiron casa por casa, e Alexandre fixo matar a oito mil defensores. Trinta mil foron vendidos como escravos e dous mil crucificados como vinganza pola morte dalgúns macedonios. O rei e os maxistrados foron respectados. O asedio durou sete meses e a cidade caeu en xullo do -332 A cidade foi repoboada con colonos de Caria.

A cidade foi outra vez asediada por Antígono I Monoftalmos en -315 [6], quen a tomou un ano máis tarde [7].

Formou parte do Imperio Seléucida (-198). En -126, Tiro recuperou a súa independencia [8] dos seléucidas e lle foi permitido permanecer libre cando a área circundante se converteu na provincia romana de Siria (-64 [9].

Historia posterior

Tyre Triumphal Arch
O arco do triunfo de Tiro, realizado o século II.

Unha congregación foi fundada trala morte de Santo Estevo, e Paulo de Tarso, ao regresar da súa terceira viaxe misioneira, residiu unha semana para poder conversar cos discípulos do lugar. Segundo Ireneo de Lyon en "Adversus Haereses", a compañeira de Simón o Mago procedía de Tiro.

No ano 395 era parte do imperio bizantino ata que no 638 foi ocupada polos árabes. En 1098 caeu en poder dos turcos selxúcidas, e en 1124 dos Cruzados, en mans dos cales permaneceu ata 1291. Entón entrou en decadencia ata rexurdir lixeiramente en tempos do emir libanés Fakhr al-Din, no século XVII. Despois da primeira guerra mundial pasou a Francia, dentro do mandato de Siria, logo dentro do Gran Líbano, despois simplemente do Líbano.

Foi capturada en 1124 tras a primeira Cruzada e foi unha das máis importantes cidades do Reino de Xerusalén. Formou parte do dominio real, aínda que tamén había colonias comerciais autónomas de comerciantes italianos. A cidade foi sede do Arcebispo de Tiro, dependente do Patriarcado latino de Xerusalén; os seus arcebispos, a miúdo, accederon ao patriarcado. O máis notábel dos arcebispos latinos foi o historiador Guillerme de Tiro.

Trala caída de Xerusalén, a mans de Saladino en 1187, a capital do reino trasladouse a Acre, pero se mantiveron en Tiro as cerimonias de coroamento. No século XIII, Tiro foi separada do dominio real como un señorío cruzado. En 1291, foi volto a capturar polos mamelucos que foron seguidos por un goberno otomán antes de que fose declarado o moderno estado de Líbano en 1920.

Despois de 1920

Tyre air strike
Ataque aéreo israelí sobre a cidade libanesa de Tiro o 26 de xullo de 2006.

Tiro foi gravemente danada a finais dos anos 70 (Operación Litani) e os 80, durante a Guerra do Líbano de 1982 entre Israel e a Organización para a Liberación de Palestina (OLP). A cidade foi utilizada como base militar pola OLP, e bombardeada pola artillería israelí [10]. En novembro de 1983, a cidade foi novamente bombardeada polos israelitas destruíndo numerosos edificios e ocasionando ducias de mortos. Nese mesmo ano, un Coche bomba estoupou en Tiro; Israel e Estados Unidos culparon a Irán e a Hezbollah, pero eles negaron haber ocasionado a explosión.

Durante a Guerra do Líbano de 2006, localizábanse nas periferia da cidade varios lanzamísiles de Hezbollah para atacar Israel [11]. Polo menos unha localidade preto da cidade foi bombardeada por Israel, causando varias mortes civís e prexudicando a subministración alimentario a Tiro.[12]. Os comandos navais israelís atacaron por mar aos brancos de Hezbollah dentro da cidade.[13]

Referencias culturais

  • No século XIX en Gran Bretaña, Tiro foi tomada moitas veces como exemplo da mortalidade do gran poder e o estado - por John Ruskin nas primeiras palabras de As pedras de Venecia (1851-1853), e por Rudyard Kipling no seu poema Recesión.
  • Bob Dylan alude aos "Reis de Tiro" na súa balada de 1966, Sad Eyed Lady of the Lowlands.
  • No seu poema "Atlántida", Hart Crane evoca imaxes de Tiro, xunto con outras gran cidades da antigüidade, en comparación á cidade mítica na súa epopea visionaria, "The Bridge".
  • Tiro é mencionada por Ned Flanders xunto con Sidón como unha das "cidades xemelgas de Terra Santa" no episodio de "A miña irmá, a miña ama" de The Simpsons.
  • Tiro tamén aparece na obra dramática de Shakespeare, Pericles, Príncipe de Tiro.
  • A Tiro refírese tamén moitas veces o poeta Tíbulo nos tres libros da poesía titulados "Elexías".
  • Oscar Wilde fai referencia a Tiro na súa poesía "...A miña galera tiria espera para ti..."
TyreAlMinaAgora

Al Mina área da escavación - suposta ágora romana.

TyreNarrowStChrQrt

Típica calella no barrio cristián.

TyreFishingHarbour

Porto de Tiro.

Cidades irmandadas

Notas

  1. (Bikai, P., "The Land of Tyre," in Joukowsky, M., The Heritage of Tyre, 1992, chapter 2, p. 13)
  2. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 04 de setembro de 2006. Consultado o 24 de xullo de 2008.
  3. TYRE (Phoen. and Hebr - Online Information article about TYRE (Phoen. and Hebr
  4. Vance, Donald R. (March 1994) "Literary Sources for the History of Palestine and Syria: The Phœnician Inscriptions" The Biblical Archaeologist 57(1) , pp. 2-19
  5. Antigo Testamento, Libro de Ezequiel, 26.7.8
  6. [1]
  7. [2]
  8. [3]
  9. [4]
  10. A peaxe de tres cidades, O economista 19 de xuño de 1982. p.26
  11. Butcher, Tim. Os rebeldes estaban listos para o ataque. Sydney Morning Herald 27 de xuño de 2006
  12. Engel, Richard. Desesperación en Tiro, Líbano.[Ligazón morta] MSNBC 25 de xullo de 2006
  13. Os comandos navais israelís atacaron Tiro BBC 5 de agosto de 2006

Véxase tamén

Ligazóns externas

Ala-pivote (baloncesto)

Ala-pivote (en inglés: power forward), tamén denominado poste baixo, ou 4 na terminoloxía empregada polos adestradores, é unha das 5 posicións dun equipo nunha pista de baloncesto. Son, polo xeral, xogadores altos que xogan preto do aro, hábiles no rebote e con bo tiro en posicións dentro da zona.

A súa característica principal adoita ser a potencia, desempregando en ocasións funcións de pivote. A súa estatura adoita estar entre os 2,03 e os 2,08 metros, sendo case sempre grandes defensores.

Altura (magnitude)

A altura é unha magnitude física que expresa a distancia medida en vertical que presenta un obxecto en repouso ou movemento respecto dun plano de referencia. O cálculo da altura é necesario para analizar tanto as caídas libres como os tiros parabólicos.

Arco (arma)

O arco é unha arma impulsora que se usa para disparar setas sobre calquera albo distante. O arco pode estar formado por unha única peza de madeira, que pode ser tan alta como a estatura do tirador, como o longbow (arco longo), ou varias pezas curvadas que aumentan a potencia do arco, coma o arco composto moderno, ou arcos tradicionais de óso ou madeira, como o turco e o xaponés.

O arco funciona alongando unha corda nos membros, que pode ser de fibra vexetal ou animal nos arcos tradicionais, ou sintéticas nos modernos. A potencia do tiro dun arco pode ser regulada dentro de certos límites, axustando a tensión da corda. O tiro con arco é un deporte olímpico, malia se practicaren tamén modalidades deportivas non olímpicas que utilizan réplicas dos arcos tradicionais. Os arcos poden ter un alcance mortal de 40 a 100 metros. No caso do arco longo, até 400 metros de alcance. Unha variante do arco é a bésta, que foi moi usada por mercenarios xenoveses na idade media e parte da idade moderna.

Arte marcial

Unha arte marcial é un conxunto de técnicas, filosofías e tradicións de combate cuxo obxectivo é someter ou defenderse mediante a técnica. Cada arte marcial é herdeira dunha determinada tradición e constitúe un todo coherente en que as técnicas son debidamente encadradas por conceptos filosóficos e por rituais tradicionais. Os diferentes estilos e escolas de artes marciais exclúen o emprego de armas de fogo e outro armamento moderno. En cada especialidade ou loita, temos a graduación en niveis de acordo coa evolución do practicante tanto no campo práctico (técnicas) como tamén no filosófico. Case sempre por medio de "cinto" ou "cordóns" con cores variadas, podemos ter a referencia do estadio do discípulo/alumno.

Na actualidade as artes marciais practícanse por diferentes razóns, que inclúen a saúde, a protección persoal, o desenvolvemento persoal, a disciplina mental e a forxa de carácter. Ademais, posto que o significado estrito é o de "artes militares", aplícase por extensión a todo tipo de forma de loita corpo a corpo e ás artes militares históricas. Por esta asociación coa loita e coas armas, inclúe coñecementos relativos a sistemas que tradicionalmente se consideraron modalidades deportivas (por exemplo, o boxeo, a esgrima, o tiro con arco e a loita libre).

Baloncesto

O baloncesto (basketball en inglés) é un deporte colectivo inventado en 1891 polo profesor de Educación Física James Naismith, na Asociación Cristiá de Mozos de Springfield, EUA. Cada un dos dous equipos está formado por cinco xogadores. Ten como obxectivo pasar a pelota por dentro dunha cesta colocada nas extremidades da pista. Actualmente pode xogarse tamén en pistas ao aire libre. Neste deporte pódense facer os cambios de xogadores que o adestrador estime necesarios. As posicións máis comúns dos xogadores son: base, escolta, aleiro, ala-pivote e pivote. O base ten a función de dirixir o xogo.

Os xogadores poden camiñar na pista sempre que boten contra o chan a pelota a cada paso dado. Tamén é posíbel dar un pase, ou sexa, lanzar a pelota en dirección a un compañeiro de equipo.

Cesta ou canastra é o nome dado comunmente ao tiro de facer a pelota pasar por ese aro; entón márcanse puntos:

Dous puntos no caso do lanzamento entre a liña de fondo e a chamada liña dos 3 puntos

Tres puntos se o lanzamento viñer de fóra desa área

E un punto cando o lanzamento viñer dun tiro libre.Unha grande habilidade no baloncesto é a puntería certeira. Polo tanto, os equipos deben facer puntos sempre do mesmo lado - é a media pista de ataque - e defender a cesta oposta - na media pista de defensa. Obviamente o equipo que defende tenta impedir que o equipo que ataca faga canastra, a través da marcación, da interceptación de pases ou ata mesmo do bloqueo ao lanzamento. No entanto, os contactos máis fortes púnense como falta. Se o xogador fixer cinco faltas, debe ser substituído e non pode volver á pista. A partir da cuarta falta colectiva dun equipo, o equipo adversario ten dereito a tiros libres toda vez que sufra unha falta. En caso de que estea no acto do lanzamento e a pelota entre na cesta, terá dereito a un tiro libre. No caso de a pelota non entrar na cesta, terá tantos tiros libres como o valor do lanzamento tentado ao sufrir a falta.

Actualmente o baloncesto internacional atópase organizado na FIBA - Federación Internacional de Baloncesto. A súas determinacións valen para todos os países onde se xoga o baloncesto, excepto para a liga profesional dos EUA, a NBA, que mantén regras propias un pouco diferentes das internacionais. A expectativa é que as dúas entidades aproximen cada vez máis os seus regulamentos.

Para xogos regulamentados pola FIBA, o tempo de xogo oficial é de 40 minutos, divididos en catro períodos iguais de 10 minutos cada un. Entre o 2º e 3º períodos, hai intervalo de 15 minutos, e invértense as pistas de ataque e defensa dos equipos; logo, cada equipo defende en dous períodos cada cesta. Ao contrario doutros deportes colectivos, non hai sorteo para definir quen ten a posesión de pelota no comezo do xogo: a pelota lanzase para cima por un árbitro, e un xogador de cada equipo (naturalmente o máis alto) colócase para saltar e tentar obter a posesión.

Non se permite saír dos límites da pista, e nos xogos oficiais tampouco se permite que o xogador leve a pelota para a pista de ataque e retorne para a pista de defensa. Alén diso, hai tamén unha limitación de tempo (24 segundos) para facer a cesta, e a prohibición de que o atleta salte e retorne ao chan coa posesión de pelota, sen executar lanzamento ou pase. As faltas cóbranse da lateral de pista, así como as demais violacións; no entanto, en caso de que un equipo cometa máis de 4 faltas nun período, as faltas do adversario pasan a cobrarse na forma de tiro libre: o xogador colócase nunha liña a 4,60 metros da cesta e lanza sen a marcación dos rivais. O tiro libre tamén se cobra cando un xogador sofre falta no momento en que está tentando un lanzamento - independentemente do número total de faltas do equipo adversario.

Alén da NBA, que se considera unha liga moi emocionante e espectacular, o principal torneo de clubs de baloncesto é a Euroliga. Se dun lado a NBA conta cos xogadores de maior poder defensivo e de forza, a Euroliga conta con xogadores máis cerebrais e técnicos. Xa entre as seleccións, o torneo máis importante aínda é o Olímpico.

O baloncesto en cadeira de rodas é unha modalidade bastante coñecida entre os deportes para persoas discapacitadas.

O Mini Baloncesto é a forma de disputa do deporte para nenos con menos de 12 anos. Foi desenvolvido como unha forma divertida de descubrir o baloncesto. Algunhas regras son diferentes do baloncesto tradicional. A altura da cesta (do aro ata o solo) é de 2,60 m. O tempo de xogo recomendado pola FIBA é de 2 (dous) períodos de 20 minutos; no entanto, algúns Estados introduciron adaptacións a esta regra visando un maior desenvolvemento do xogo. No Río de Xaneiro, por exemplo, úsanse 3 (tres) períodos de 5 minutos. Xa en Sao Paulo se empregan 2 (dous) períodos de 7 minutos.

Tamén como recomendación da FIBA, visando a participación do maior número de xogadores, existe unha regra referente á substitución de atletas: "cada xogador debe xogar no mínimo en dous períodos, excepto aqueles que tiveren sido substituídos por lesión, descualificación ou que teñan cometido 5 faltas persoais." Esta regra tamén sofre adaptacións nalgúns Estados.

Outra gran diferenza cando se compara co baloncesto tradicional obsérvase ao final do xogo, en caso de que o partido presente empate, este é o resultado final, non se debendo xogar ningunha prorrogación.

Central térmica de Meirama

A central térmica de Meirama é unha central térmica de produción de enerxía eléctrica situada no concello de Cerceda. Pertence ao grupo Gas Natural Fenosa e ten unha capacidade instalada de arredor de cincocentos megavatios (563 MW segundo as últimas informacións da empresa).

A central construíuse aproveitando uns xacementos de lignito xa practicamente esgotados. Este lignito de moi mala calidade, baixo poder calorífico e moitos residuos, entre eles materias sólidas que desgastaban os muíños por atrito e xofre que provocaba moita contaminación, foi sendo paulatinamente substituído por hulla de Wyoming.

A central produce enerxía queimando carbón para producir vapor que fai xirar tres turbinas.

Constantino, papa

Constantino, nado en Tiro (Siria, hoxe no Líbano) e finado en Roma o 9 de abril de 715, foi o Papa nº 88 da Igrexa católica de 708 a 715.

Deporte

O deporte é unha actividade física, lúdica e mental que está suxeita a unha serie de determinadas regras. Algúns deportes practícanse con vehículos. Neste caso é máis importante a destreza e a concentración que a actividade física. Xeralmente practícase un deporte para divertirse, mais existen competicións nas que os deportistas xogan para ver quen é o mellor. Os deportes poden ser colectivos ou individuais: nos colectivos, xógase en equipo, e nos individuais, xoga unha persoa contra outra (ou outras).

É posíbel que os deportes nacesen na prehistoria, aínda que isto non está demostrado. O que si está demostrado é que moitas civilizacións antigas practicaban deportes, como a azteca, a exipcia, a grega, a chinesa, a aborixe australiana, ou a romana. De feito, os Xogos Olímpicos teñen a súa orixe na cidade Olimpia da antiga Grecia.

Escolta (baloncesto)

Escolta (en inglés: shooting guard), tamén denominado 2 na terminoloxía empregada polos adestradores, ou "ala baixo", é unha das 5 posicións dun equipo nunha pista de baloncesto. A súa función consiste, por un lado, en dar apoio ao base á hora de subir o balón, e por outro, desempeñar as funcións de tirador de longa distancia. As súas características xerais son as dun xogador habilidoso, cun bo manexo do balón, capaz de penetrar entre a defensa e cun bo tiro exterior. Fisicamente é un xogador máis dotado có base, rápido e con bos fundamentos técnicos. Habitualmente poden xogar tanto na posición de base coma na de ala. Non existe unha normal escrita sobre a súa estatura, pero o máis habitual é que se atopen entre 1,91 e 2,03 metros.

Fenicios

Os fenicios foron un pobo de orixe semítica que habitaron na Fenicia, no norte da rexión hoxe coñecida como Líbano. Fundaron colonias nas costas do mar Mediterráneo e durante longo tempo dominaron o comercio nas súas augas.

Grunge

O grunge é un tipo de música dos primeiros anos noventa. É unha mestura do rock máis duro dos sesenta coa forza da música punk aderezado con guitarras marcadamente distorsionadas, e caracterízase polo rexeitamento de estilo de metal que marcou os últimos oitenta, con grupos coma Bon Jovi, Whitesnake ou Van Halen. Naceu coa chamada escena de Seattle e o selo discográfico Sub Pop.

O desaparecido grupo Nirvana foi o máximo representante deste estilo. Outras formacións sobranceiras foron Pearl Jam, Soundgarden, Alice in Chains, Mudhoney -considerados os fundadores do movemento- e Dinosaur Jr. Entre as bandas que marcaron o grunge poden citarse a bandas dos setenta coma Iggy Pop & the Stooges ou Neil Young coa súa banda Crazy Horse, así como os Beatles, que influenciaron notablemente nas melodías características de Nirvana.

Kurt Cobain foi un dos creadores do grunge. Integrante de Nirvana, morreu no 1994 dun tiro na cabeza. Tras a súa morte a forza vital do movemento foise esvaecendo ata ser substituída como movemento musical destacado polo britpop na segunda metade dos noventa.

Radar

O radar ( pronunciación ), do inglés Radio Detection And Ranging (Detección e Telemetría por Radio), é un dispositivo que permite detectar obxectos a longas distancias.

O radar emite ondas electromagnéticas que son reflectidas por obxectos distantes. A detección das ondas reflectidas, permite determinar a localización do obxecto.

Seta

Unha seta ou frecha é unha arma ou proxectil que consiste nunha barra fina rematada en punta, que ten unha peza feita xeralmente de plumas no outro extremo para manter a estabilidade e que se lanza mediante un arco ou unha bésta. Empregado dende a prehistoria, é común á maioría das culturas.

Unha seta consiste nunha hasta longa e fina, con sección circular, feita orixinalmente de madeira e agora tamén de aluminio, fibra de vidro ou de carbono. É afiada na punta ou armada cunha punta de frecha nunha extremidade, dispondo na outra dun engaste (nock) para fixación na corda do arco. Hai unha gran variedade dispoñíbel de tipos de puntas de seta, axeitándose ao uso que se dará á frecha: deportivo, caza ou militar. Achegado á extremidade posterior da seta colócanse superficies de estabilización que constitúen a plumaxe da frecha, a fin de axudaren na estabilización da traxectoria de voo. Xeralmente en número de tres, as plumas dispóñense ao redor da hasta formando un ángulo de 120º entre si. Nas frechas modernas as plumas fabrícanse en plástico e fíxanse cunha cola especial.

Os artesáns que fabrican setas son coñecidos como seteiros ou frecheiros, este último termo relacionado coa palabra francesa: flèche.

Tiro con arco

O tiro con arco é un deporte no que se utiliza un arco para disparar setas máis lonxe ou máis habitualmente con precisión sobre un albo, a súa orixe está na utilización do arco na caza e nas guerras. A persoa que practica este deporte chámase arqueiro. O tiro con arco olímpico é a modalidade practicada nos Xogos Olímpicos.

Hai dúas modalidades principais, o Tiro con arco con diana regulado pola Federación Internacional de Tiro con arco, é a modalidade usada nos Xogos Olímpicos e o Tiro con arco de campo que ademais das regulamentacións e campionatos da FITA conta coa súa propia federación internacional, a Asociación Internacional de Arquería de campo

Xogos Olímpicos de 1900

Os II Xogos Olímpicos da Era Moderna realizáronse en 1900, en París, Francia, terra natal do seu creador, o Barón Pierre de Coubertin. Infelizmente, por cuestións políticas, os Xogos foron integrados na Exposición Universal de París, unha grande feira mundial de comercio realizada por Francia na época, e por ter sido diluídos ó longo de máis de cinco meses, entre o 14 de maio e o 28 de outubro, non tiveron ningunha relevancia, sendo unanimemente considerados un fracaso.

Oficialmente, en Francia, as xogos foron bautizados como Concurso Internacional de Exercicios Físicos e de Deportes, e os participantes chegaron a imaxinar todo menos que participaban nunha celebración deportiva, tantas eran as actividades paralelas nas artes e no comercio ofrecidas pola feira. Alén diso, París non posuía ningún complexo deportivo olímpico e as probas de atletismo disputáronse no medio dos bosques e árbores do Bois de Boulogne e a natación en plena corrente do río Sena.

O Comité Olímpico Internacional tivo pouca influencia na condución destes Xogos, competendo á organización da Exposición Universal a organización dos eventos. Como a organización consideraba o deporte unha actividade secundaria, as diferentes modalidades foron espalladas polos diversos locais da Exposición e moitas veces con clasificacións canto menos curiosas. Particularmente, a organización clasificou a ximnasia na sección de "deporte escolar para nenos", esgrima na sección de "coitelería" e remo na sección de "socorrismo".

Adicionalmente, ó longo da Exposición Universal e concorrentemente coas modalidades olímpicas realizáronse eventos en moitos outros deportes, tales como motonáutica, carreiras en globo, natación subacuática, natación con obstáculos e tiro ós pombos, que non foron recoñecidos como modalidades olímpicas, polo que eses eventos non se consideran parte dos Xogos Olímpicos de 1900.

Por mor da grande confusión que foi a organización dos Xogos da II Olimpíada, o número de participantes (e mesmo de modalidades) varía largamente de acordo con diferentes fontes. De acordo co Comité Olímpico Internacional participaron 997 atletas, representando 24 estados e competindo en 20 modalidades.

En fútbol, soga-tira, polo, remo e tenis, competiron equipos mixtas, compostos por atletas de diferentes nacións.

Xogos Olímpicos de 1912

Os Xogos Olímpicos de 1912 realizáronse en Estocolmo, capital de Suecia, entre o 5 de maio e o 27 de xullo coa participación de 2407 atletas (48 mulleres) de 28 países. Abertos oficialmente polo Rei Gustavo V, os xa bastante concorridos, prestixiados e famosos Xogos foron un modelo da eficiencia sueca e o primeiro no que compareceron atletas de todos os cinco continentes representados na bandeira olímpica.

Dotados dunha estrutura nunca antes vista, estes foron os primeiros Xogos que utilizaron un, na época, moderno sistema de son con altofalantes espallados polo complexo olímpico e pola cidade, para informar sobre os resultados de cada deporte disputado; alén diso, Estocolmo empregou por primeira vez un sistema de fotografías e cronometraxe semieletrónica, para a marcación dos tempos da Natación e do Atletismo.

Foron tamén os primeiros onde houbo unha cerimonia coreografada de apertura, antes da entrada das delegacións nacionais, realizada por douscentos rapaces vestidos de branco no centro do campo do Estadio Olímpico.

Xogos Olímpicos de 2008

Os Xogos Olímpicos de Pequín 2008 (oficialmente denominados Xogos da XXIX Olimpíada) tiveron lugar na cidade de Pequín, capital da República Popular China, entre o 8 e o 24 de agosto de 2008, aínda que o torneo de fútbol comenzou dous días antes, o 6 de agosto. Ao concluír o evento, leváronse a cabo na mesma cidade os XIII Xogos Paralímpicos, entre o 6 e o 17 de setembro.

O evento deportivo contou con 302 probas en 28 deportes nas que, segundo estimacións, participaron uns 10.500 atletas de 204 países. Ademais de Pequín, algunhas das probas deportivas tiveron lugar noutras cidades de China. O torneo de fútbol tivo lugar nas cidades cidades de Qinhuangdao, Tianjin, Shenyang e Shanghai, namentres as regatas de vela e as probas de hípica efectuáronse no porto de Qingdao e no de Hong Kong, respectivamente.

Os Xogos Olímpicos de Pequín 2008 tiveron un custo que podería superar os 41.000 millóns de dólares, case triplicando o orzamento final do seu antecesor, os Xogos Olímpicos de Atenas 2004, converténdose no evento máis custoso da historia olímpica. A organización deste evento enfrontou diversos problemas dende a súa elección, o 13 de xullo de 2001, especialmente polos problemas de contaminación atmosférica que enfronta a cidade sede e polas acusacións de violacións aos dereitos humanos que recibiu o réxime chinés por parte importante da comunidade internacional, xerando diversas protestas que afectaron o percorrido do facho olímpico. O goberno da China promocionou os xogos co obxectivo de destacar a importancia e influencias do país no resto do mundo.

Xogos Olímpicos de 2012

Os Xogos Olímpicos de 2012, correspondentes aos Xogos da XXX Olimpíada, tiveron lugar en Londres entre o 27 de xullo e o 12 de agosto de 2012.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.