Tirinto

Tirinto ou Tirinte (en grego antigo Τίρυνς e en moderno Τίρυνθα) é un emprazamento arqueolóxico micénico no nomos grego da Argólida na península do Peloponeso, algúns quilómetros ao norte de Nauplia.

Tivo asentamentos desde o Neolítico e alcanzou o seu cénit entre o -1400  e o -1200  Os seus elementos máis notábeis foron o seu palacio, os seus túneles ou pasadizos e dous aneis de murallas ciclópeas, sobre todo estas últimas, posto que lle outorgaron á cidade o epíteto homérico de Tirinto, a de grandes murallas. A súa acrópole recibía o nome de Licimna[1].

Sitios arqueolóxicos de Micenas e Tirinto
Passageway of the galleries within the walls of Tiryns
Unha das galerías adosadas á muralla de Tirinto.
Patrimonio da Humanidade - UNESCO
PaísGrecia Grecia
Localización37°35′58″N 22°47′59″L / 37.59944, -22.79972
TipoCultural
CriteriosI, II, III, IV, VI
Inscrición1999 (23ª sesión)
Rexión da UNESCOEuropa e América do Norte
Identificador941

Mitoloxía

Tiryns general view
Vista xeral da acrópole de Tirinto.

Na mitoloxía grega, dicíase que a cidade tomou o seu nome de Tirinto, un fillo de Argos e neto de Zeus[2]. A tradición indicaba que os ciclopes, vindos desde Licia, amurallaran a cidade cando Preto se apoderou dela[1][3][4]. Entón Tirinto, Midea e o Hereon formaban parte do mesmo reino, mentres Argos era controlado por Acrisio[5]. O neto deste, Perseo, fundador de Micenas, intercambiou Argos con Megapentes, fillo de Preto, e así se converteu en rei de Tirinto[6][7]. Tamén se asocia a cidade con Heracles: ao servizo de Euristeo, que reinaba en Tirinto, realizou os doce traballos; ademais cóntase que guindou a Ífito desde as murallas da cidade[8][9]. Algunhas fontes sitúan aquí o seu nacemento[10].

No Catálogo das naves da Ilíada formaba parte dos territorios acaudillados por Diomedes, durante a Guerra de Troia[11].

Reis de Tirinto

Preto foi o fundador da casa real da cidade de Tirinto. O tamén rei de Tirinto Perseo fundou Micenas, pero non se sabe se tamén trasladou alí a sede do goberno. Euristeo era coñecido como o rei de Tirinto e Micenas. Os seus sucesores só levaban o título de rei de Micenas.

Esta é a lista de reis míticos de Tirinto:

  1. Preto.
  2. Megapentes.
  3. Perseo.
  4. Alceo.
  5. Anfitrión.
  6. Esténelo.
  7. Euristeo.

Historia

Tiryns fresco
Caza do Xabaril. Fresco reconstruído do segundo palacio de Tirinto (c. -1300) hoxe no Museo Arqueolóxico Nacional de Atenas.
Fresco of two female charioteers from Tiryns 1200 BC
Carro con dúas mulleres micénicas. Fresco reconstruído. (c. -1200).

Tirinto estivo habitada desde o Neolítico (7º-4º milenio), o que se constatou a través de restos de cerámica. Ao 3º milenio, a Idade do Bronce temperá, pertencen os restos arquitectónicos máis antigos. A súa época de apoxeo coincide co da civilización micénica, a partir do ano -1600, especialmente entre o -1400 e o -1200[12].

O lugar chegou ao seu declive co fin do período micénico, posto que ao redor de -1200 foi destruído polo lume, probabelmente por mor dun terremoto, aínda que hai indicios de que quizais até o ano -1050  mantivo asentamentos na parte baixa[13].

No período clásico é citada entre as cidades que achegou soldados na batalla de Platea, ata que despois das Guerras Médicas foi destruída, do mesmo xeito que Micenas, por un exército de Argos, que pretendía así aumentar o seu poder na zona[14][15][16]. Parte dos seus habitantes aumentaron a poboación de Argos e outros refuxiáronse en Epidauro, en Hermione e en Halias[1][17]. Pausanias visitou as súas ruínas no século -II[2].

No período bizantino había un pequeno asentamento cuxo fin debeu coincidir coa toma de Argos polo Imperio Otomán en 1379[18].

Arqueoloxía

BurchtTiryns2
Plano de Tirinto. 1-Gran rampla de acceso 2-Porta principal 3-Galerías 4-Propileos 5-Patio central 6- Mégaron 7-Escalinata e bastión oeste 8-Acrópole media 9-Acrópole inferior

Campañas de escavacións

En Tirinto realizáronse escavacións dirixidas polo Instituto Arqueolóxico Alemán e pola Sociedade Arqueolóxica de Grecia. Heinrich Schliemann e Wilhelm Dörpfeld escavaron o lugar en 1884-1885; entre 1905 e 1929 as escavacións foron dirixidas por Dörpfeld, Georg Karo e Kurt Müller; a mediados do século XX Nikolaos Verdelis rehabilitou unha parte da fortificación que se derrubou; a partir de 1967 as escavacións novamente estiveron a cargo do Instituto Arqueolóxico Alemán, dirixidas por Ulf Jantzen, Jörg Schäfer, Klaus Kilian e Joseph Maran[18][19].

Restos arqueolóxicos

A acrópole de Tirinto divídese en tres niveis: superior, medio e inferior.

Na parte superior achábase o palacio, que tivo tres fases diferentes de construción: a primeira cara ao ano -1450 e posteriormente foi ampliado no século -XIV  e tamén no século -XIII  Estaba defendido non só pola súa dobre muralla senón que tamén estaba disposto para que se tivese que transitar por unha serie de patios pechados e atravesar dúas portas en forma de H (propileos) antes de acadar o pórtico de entrada ao mégaron[20].

O famoso mégaron do palacio de Tirinto ten un amplo vestíbulo, habitación principal na que estivo o trono fronte á parede da dereita e unha cheminea central rodeada de catro columnas de madeira de estilo minoico que servían de soporte para o teito. Aquí foron achadas pinturas ao fresco que se atopan expostas no Museo Arqueolóxico Nacional de Atenas.

Na parte leste e sur da acrópole hai dúas galerías ou casamatas abovedadas que están acaroadas ás murallas e que poderían ter unha función defensiva ou de almacenaxe.

Con respecto ás murallas, destaca o bastión occidental, que chega a ter unha anchura de 7 metros. Na parte norte das murallas hai un gran número de estancias cuxa función, do mesmo xeito que as galerías, podería ser de almacenaxe ou defensiva.

Sobre o sector oriental do mégaron hai un edificio pequeno que se cre que era un templo do período xeométrico pois alí acháronse restos de ofrendas que se atopan no Museo de Nauplia[21][22].

Na parte inferior da acrópole atópanse accesos a pozos que fornecían auga. Fóra das murallas hai restos de vivendas, construcións funerarias e sistemas de canalización das augas. En Tirinto non apareceron taboíñas con inscricións en lineal B pero acháronse algúns signos neste sistema de escritura inscritos en cerámica[23].

Recoñeceuse o sitio arqueolóxico de Tirinto, xunto co de Micenas, como Patrimonio da Humanidade pola Unesco en 1999[24].

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 Estrabón VIII,6,11.
  2. 2,0 2,1 Pausanias II,25,8.
  3. Apolodoro, Biblioteca mitolóxica II,2,1.
  4. Pausanias II,16,5.
  5. Pausanias II,16,2.
  6. Apolodoro, Biblioteca mitolóxica II,4,4.
  7. Pausanias II,16,3.
  8. Apolodoro, Biblioteca mitolóxica II,5,1.
  9. Apolodoro, Biblioteca mitolóxica II,6,2.
  10. «Tiryns» en Greek Mythology Link (en inglés)
  11. Homero, Ilíada II, 559.
  12. Páxina do Ministerio de Cultura de Grecia: Descrición de Tirinto (en grego)
  13. Páxina do Ministerio de Cultura de Grecia: Cidade baixa de Tirinto (en grego)
  14. Heródoto IX,28.
  15. Heródoto VI,83.
  16. Pausanias II,25,8; V,23,2-3.
  17. Pausanias VIII,27,1.
  18. 18,0 18,1 Páxina do Ministerio de Cultura de Grecia: Historia de Tirinto (en grego)
  19. Páxina da Universidade de Heidelberg: as escavacións de Tirinto (en alemán)
  20. Pierre Leveque, Tras los pasos de los dioses griegos, pp.230-233, Madrid:Akal (2006), ISBN 978-84-460-2248-0.
  21. Páxina do Ministerio de Cultura de Grecia: Templo xeométrico de Tirinto (en grego)
  22. Elisavet Spazari e Kelli Petropolu, Corinto-Micenas-Nauplión-Tirinto-Epidauro.
  23. Luis García Iglesias, Los orígenes del pueblo griego, páx.82, Barcelona:Síntesis (2000), ISBN 84-7738-520-3.
  24. "Archaeological Sites of Mycenae and Tiryns". UNESCO Culture Sector.

Véxase tamén

Outros artigos

Andrómeda (mitoloxía)

Na mitoloxía grega Andrómeda (en grego antigo Ἀνδρομέδα, 'gobernante dos homes') era filla de Cefeo e de Casiopea, reis de Etiopía.

Casiopea, presumindo de ser tan bela como as Nereidas, provocou a furia de Poseidón, quen enviou unha inundación sobre a terra e un monstro mariño, Ceto, para que acabase con homes e gando. Sabendo polo oráculo de Amón que non poderían atopar unha solución ata casar a súa filla Andrómeda co monstro, o rei Cefeo deixouna encadeada a unha rocha, espida e con xoias.

Perseo, cabalgando polo aire co seu cabalo alado Pegaso de volta tras matar a Gorgona, viu a Andrómeda e namorou dela. Baixou á praia a falar con Cefeo e Casiopea para pedir a súa man se a libraba do monstro mariño. Os pais aceptaron de mala gana. Perseo con Pegaso loitou co monstro mariño, matouno e usou a cabeza da Medusa (que convertía en pedra a quen a miraba e que conseguira cortar Perseo anteriormente) para petrificar o animal e convertelo en coral. Despois desatou a Andrómeda e, cando querían casar, Casiopea negouse porque xa lle prometera a man de Andrómeda ao príncipe Agenor. Perseo loitou contra Agenor e o seu séquito e logo de matar a moitos viuse obrigado a usar a cabeza da Medusa e petrificou os que quedaban. Andrómeda casou felizmente con Perseo.

Andrómeda marchou tras o seu marido a Tirinto en Argos, e converteuse na nai de seis fillos (os Perseides): Perses, Alceo, Méstor, Heleo, Electrión e Esténelo, e unha filla, Gorgófene. Os seus descendentes gobernaron Micenas desde Electrión ata Euristeo, tras quen Atreo obtivo a coroa, e inclúe ao grande heroe Heracles. Segundo esta mitoloxía, Perses é o devanceiro dos persas.

Tras a súa morte, Andrómeda foi situada por Atenea entre as constelacións do ceo do norte, preto de Perseo e Casiopea. Sófocles e Eurípides (e en época máis recente Pierre Corneille) escribiron varias traxedias a partir da historia, e os seus incidentes foron representados en numerosas obras de arte antigas.

Andrómeda é representada no ceo do hemisferio norte pola constelación Andrómeda, que contén a galaxia de Andrómeda.

Este mito foi representado nunha versión modificada da película de 1981 Furia de Titáns.

Aqueos

Os aqueos (en grego: Ἀχαιοί, Akhaioi) foron unha das catro tribos principais nas cales o pobo da Grecia clásica se dividía a si mesmo (xunto cos eolios, xonios e dorios). Segundo o mito fundacional formalizado por Hesíodo, o seu nome provén de "Aqueo", o fundador mítico da tribo aquea, quen supostamente era un dos fillos de Xuto e Creúsa medio irmán de Ión (devanceiro epónimo dos Xonios). Xuto era á súa vez o fillo de Helén, o patriarca mítico da nación dos gregos.Historicamente, os membros da tribo aquea habitaron a rexión de Acaia no norte do Peloponeso. Os aqueos xogaron un papel activo na colonización grega do sur de Italia, fundando a cidade de Kroton (Κρότων) en -710. A cidade acadou a fama logo de ser o lugar onde se fundou a Escola Pitagórica. Ó contrario que as outras tribos principais (xonios, dorios e eolios), os aqueos non tiñan un dialecto de seu no período clásico e falaban o grego dórico.

A Argólide convértese no seu feudo e desde ela dominan o resto de Grecia. Homero fala así de «Aqueos» ou de «Arxivos» para designar o conxunto dos gregos reunidos ante Troia. Os seus centros principais soan as cidades de Argos, Tirinto, Pilos, pero sobre todo Micenas, de onde vén o nome de civilización micénica para o período que vai do século XVII ao XII antes da nosa era, aproximadamente. A caída do dominio micénico atribúese tradicionalmente á invasión doria, pero hoxe se pensa que a grande invasión foi máis ben unha serie de pequenas incursións, espazadas no tempo.

Argos, Grecia

Argos (en grego antigo Άργος) é unha cidade grega do Peloponeso, na prefectura de Argólida, situada preto da capital da prefectura, Nauplia, que é o seu porto histórico. Estaba a uns 5 km da costa e tiña unha cidadela chamada Larisa. Considérase como a máis antiga cidade de Grecia. A súa fundación data do 2000 a.C. No pasado foi unha cidade próspera, pero hoxe no seu lugar só existen ruínas, á beira da cidade moderna, duns 30.000 habitantes. A rexión de Argos chámase Argólida.

Segundo a mitoloxía grega foi o berce de moitos heroes que participaron na guerra de Troia.

Numerosos restos do pasado atraen aos turistas á cidade. Tamén son característicos os cultivos de cítricos, que arrodean a cidade e enchen o val en que se encontra.

A cidade moderna sitúase ao pé dun outeiro, e ten unha serie de edificios modernos dominados polo castelo de Larisa a 300 metros por encima. Deste castelo, (do século XIII), só perduran as súas paredes exteriores e a armazón dun torreón. Desde a súa altura aprécianse fermosas vistas da costa e da cidade no medio de extensos hortos de cítricos e oliveiras. Tamén no castelo hai un museo onde se exhiben cerámicas, armas, mosaicos e unha armadura de bronce do século VIII a.C.

Arte da antigüidade

A arte antiga ou arte da antigüidade é a arte da Idade Antiga. A historia da arte antiga é a división da historia da arte que se centra no seu estudo e interpretación formal, técnica, estrutural, e ideolóxica (iconográfica, iconolóxica) e na súa explicación histórica; aínda que a arqueoloxía é a ciencia histórica cuxo obxecto é a cultura material da que as obras de arte son a manifestación máis valiosa, e é a encargada do seu descubrimento e análise contextual.

A súa delimitación cronolóxica vai dende o comezo da Historia (aproximadamente o IV milenio no Próximo Oriente e Exipto) ata a caída do Imperio Romano de Occidente (século V). A extensión xeográfica do desenvolvemento das primeiras civilizacións —definidas pola aparición da escritura e o poder político e relixioso— impón onde poden localizarse (civilizacións mediterráneas, da India, do Extremo Oriente, da América precolombiana e do resto de Europa e de África) e cando pode falarse en cada unha dun período histórico (Historia) ou dun período prehistórico (Prehistoria), que determinaría que a súa produción artística fose obxecto da historia da arte prehistórica; aínda que realmente a metodoloxía para o seu estudo é en gran parte común, hai unha diferenza fundamental, e é a posibilidade de empregar as fontes escritas para os períodos históricos. Este recurso é insubstituíble, posto que non só permite a identificación no seu caso dos autores ou patrocinadores da obra artística e reconstruír o contexto no que se produciu, senón que posibilita a interpretación da Arte na súa relación coa produción intelectual noutros ámbitos do pensamento, sobre todo a relixión e a filosofía. Deste xeito pódese efectuar unha lectura da arte que a entenda a través da visión do mundo (Weltanschauung) ou ideoloxía dominante en épocas e lugares tan afastados a nós como as civilizacións da Idade Antiga, e do que a Arte é a plasmación material e visual.

Ao contrario que a civilización occidental, as civilizacións africanas, extremo-orientais e americanas non experimentaron a marcada descontinuidade que a arte occidental presenta entre a arte antiga e a arte medieval; co que este último concepto non adoita aplicarse a estas civilizacións.

Tamén existe un concepto comercial e coleccionista da arte antiga, entendido como antigüidades; é dicir, como o termo empregado para englobar todo tipo de obxectos artísticos que non se consideran Arte moderna, pertenzan á Idade Antiga ou a períodos posteriores (arte medieval, arte da Idade Moderna e ata boa parte da arte contemporánea se esta non se entende só como o máis actual senón como todo a arte da Idade Contemporánea —dende mediados do século XVIII).

(Á dereita, Torso do Belvedere, obra de Apolonio de Atenas do século I).

Civilización

Unha civilización, empregando o termo nun sentido restrinxido, é unha sociedade complexa. O termo civilización ten unha gran variedade de significados relacionados coa sociedade humana. Na maioría dos casos faise uso deste termo para referirse ás sociedades complexas ou avanzadas: aquelas que practican a agricultura, teñen unha división do traballo significativa, e unha densidade de poboación suficientemente grande para formar cidades. Alternativamente, civilización tamén pode usarse para referirse á suma, extensión ou adianto da humanidade e os logros dos humanos en calquera orde, ou na cultura dunha comunidade en particular. Finalmente, nun sentido máis amplo, a civilización pode referirse á sociedade humana mundial. Neste sentido, "civilizado" significaba ser un cidadán, unha persoa gobernada polas leis do seu pobo, cidade ou comunidade. Se se utiliza nun sentido amplo, civilización pasa a ser sinónimo de Cultura (englobando as visións do mundo ou ideoloxías, as crenzas, os valores, as costumes, as leis e institucións); que se adoita aplicar con carácter máis xeral.

Os xuízos formais e informais de como unha sociedade é civilizada, xeralmente baséanse nos métodos e o alcance da agricultura, o comercio a longa distancia, especialización ocupacional, unha clase gobernante especial, e o urbanismo. Separadamente destes elementos centrais, unha civilización a miúdo está marcada por calquera combinación dun número de elementos secundarios, incluíndo un desenvolvido sistema de transporte, escritura, estandarización das medidas, moeda, sistemas legais contractuais e baseado no agravio, arte e a arquitectura característica, matemáticas, coñecemento científico amplo, metalurxia, estruturas políticas, e unha relixión organizada.

Corinto antiga

Corinto (en grego: Κόρινθος, Kórinthos) foi unha cidade-estado (polis) situada no istmo de Corinto, a estreita franxa de terra que une o Peloponeso coa Grecia continental, a medio camiño entre Atenas e Esparta. A cidade moderna de Corinto atópase a aproximadamente 5 km ao nordés das ruínas antigas. Desde 1896, escavacións arqueolóxicas sistemáticas de Corinto levadas a cabo pola American School of Classical Studies at Athens revelaron grandes partes da cidade antiga e investigacións recentes dirixidas polo Ministerio de Cultura grego ilustraron importantes facetas novas sobre a Antigüidade.

Grecia antiga

Chámase Grecia antiga ao período da historia de Grecia que durou uns mil anos e rematou coa chegada do cristianismo. Considérase como o alicerce da civilización occidental. A cultura grega exerceu unha poderosa influencia sobre o Imperio Romano, que levou consigo unha versión propia a moitas partes de Europa.

A civilización dos antigos gregos tivo unha influencia enorme sobre a lingua, política, sistemas educativos, filosofía, ciencia e as artes, dando lugar ao Renacemento da Europa Occidental e rexurdiu de novo durante varios movementos "neoclásicos" durante os séculos VIII e XIX en Europa e en América.

Grecia antiga é o termo utilizado para describir os territorios de lingua grega na antigüidade clásica. Refírese non só á península xeográfica da Grecia actual senón tamén ás culturas helénicas ocupadas polos gregos desde antigo: Chipre e as Illas Exeas, o mar Exeo, a costa da Anatolia (coñecida por eles como Xonia), Sicilia e o sur de Italia (coñecidas como Magna Grecia) e as colonias gregas dispersas polas costas da Cólquida, Iliria, Tracia, Exipto, Cirenaica, o sur da Galia, o leste e nordeste da Península Ibérica e a Táurica.

Grego micénico

O micénico é a máis antiga forma coñecida da lingua grega, falada na Grecia continental e en Creta nos séculos -XVI a -XI, antes da invasión doria. Consérvase en inscricións en Lineal B, unha escrita inventada en Creta polo século -XIV. A maior parte dos exemplos desta escrita están en taboíñas de arxila atopadas en Knossos e en Pilos. A lingua recibe o nome de Micenas, o primeiro dos palacios que se escavou.

As taboíñas permaneceron moito tempo sen descifrar, propoñéndose todas as linguas concibíbeis como a que subxacía nelas, ata que Michael Ventris descifrou a escrita en 1952 e probou máis aló de toda dúbida que a lingua era unha forma antiga do grego.

A maioría dos textos das taboíñas son listas e inventarios. Non hai ningún texto narrativo e menos poético. Porén estas listas botan moita luz sobre o pobo que as escribiu e sobre o período micénico, ás vésperas da denominada Idade Escura de Grecia.

Heinrich Schliemann

Johann Ludwig Heinrich Julius Schliemann, coñecido como Heinrich Schliemann, nado en Neubukow, Mecklemburgo, o 6 de xaneiro de 1822 e finado en Nápoles, Italia, o 26 de decembro de 1890, foi un millonario prusiano que, tras amasar unha fortuna, dedicouse ao seu gran soño: a arqueoloxía. A suxestión do diplomático Frank Calvert, que traballara no lugar sete anos antes, escavou o emprazamento de Troia en Hisarlik, e noutros sitios homéricos como Micenas, Tirinto e Orcómeno, demostrando que a Ilíada describía realmente escenarios históricos.

Idade de Bronce

A Idade de Bronce é un período na civilización en que se desenvolveu o emprego deste metal na metalurxia, resultado da mestura de cobre e estaño. O bronce foi inventado en oriente medio cara ao IV milenio a. C. substituíndo ao cobre, que dera lugar ao período Calcolítico, aínda que noutros lugares esta última idade foi descoñecida e o bronce substituíu directamente ao período Neolítico. Na África negra o Neolítico foi seguido da Idade de Ferro.

A data de adopción do bronce varía segundo as culturas:

Na Asia central o bronce chega ao redor do 2000 a.C. en Afganistán, Turkmenistán e Irán.

Na China adóptao a dinastía Shang (1766 a.C.- 1122 a.C.).

Lista de lugares Patrimonio da Humanidade en Grecia

Actualmente hai 18 sitios Patrimonio da Humanidade da UNESCO en Grecia. Deles, 16 están inscritas en base a criterio "cultural", mentres que os dous restantes (Monte Athos, Meteora) están inscritos para cumprir criterios "culturais" e "naturais". Cinco dos sitios están situados en illas, un atópase entre as illas e terra firme, os 12 restantes están exclusivamente en terra firme. Este primeiro sitio que se inscribiu foi o Templo de Apolo en Bassae en 1986, o máis recente é o Filipos, inscrito en 2016. Hai 14 sitios adicionais na lista tentativa.

Lista de sitios do Patrimonio Mundial por ano de inscrición

Esta é unha lista da UNESCO do Patrimonio Mundial ao redor do mundo por ano de inscrición. O primeiro sitio do Patrimonio Mundial na lista é Illas Galápagos.En xullo de 2018, estaban catalogados un total de 1.092 sitios (845 culturais, 209 naturais e 38 mixtas) en 167 países diferentes. O país con maior número de sitios (incluíndo sitios compartidos con outros países) é Italia, con 54 sitios. O país con maior número de sitios por se só (excluíndo sitios compartidos con outros países) é China, con 52 entradas, seguidas de España (47), Francia (44), Alemaña (44), India (37) e México (35). (F) indica a primeira inscrición do país.

Micenas

Micenas (IPA /my'ke:nai/, en grego moderno: Μυκήνες /mi'cines/) é un sitio arqueolóxico en Grecia, localizado preto de 90 km ao suroeste de Atenas, no nordeste do Peloponeso. No segundo milenio a.C, Micenas foi un dos maiores centros da civilización grega e unha potencia militar que dominou a maior parte do sur de Grecia. O período da Historia de Grecia de preto de 1600 a.C. a preto de 1100 a.C. chámase Micénico en recoñecemento á posición de liderado de Micenas.

Crese que a acrópole ou "cidade alta" de Micenas foi fortificada no 1500 a.C. aproximadamente, debido á presenza de túmulos verticais que datan deste período. As fortificacións na acrópole e noutros outeiros circundantes reconstruíronse aproximadamente no 1350 a.C. nun estilo coñecido como "ciclópeo", porque os bloques de pedra usados eran tan grandes que os gregos xulgaron que foron traballo de xigantes dun único ollo, coñecidos como ciclopes. Dentro destes muros, parte dos cales aínda poden ser vistos, erguéronse palacios monumentais.

En períodos posteriores, os micénicos pararon de enterrar os seus reis en túmulos verticais e pasaron a construír enormes sepulturas circulares chamadas tholoi, frecuentemente construídas nos lados dos outeiros. A maior delas (o Círculo A) foi descuberta polo arqueólogo alemán Heinrich Schliemann. Como esas enormes sepulturas foron saqueadas moito tempo antes, él non se decatou que era un túmulo e deulle o nome de Sala do Tesouro de Atreo.

A construción máis coñecida de Micenas é a Porta dos Leóns, que ergueuse aproximadamente no 1250 a.C.. Nesta época, Micenas probabelmente era unha cidade próspera, cun poder político, militar e económico que se estendía até Creta, Pilos, no Peloponeso occidental, e até Atenas e Tebas. Pero preto do 1200 a.C. o poder de Micenas estaba xa declinando e durante o século XII a.C., o dominio micénico entrou en colapso. Tradicionalmente, isto atribúese a unha invasión dos dorios, gregos do norte, aínda que algúns historiadores dubiden que tal invasión teña acontecido.

A lembranza do poder de Micenas mantívose nas mentes dos gregos durante os séculos seguintes, coñecidos como a Idade das Tebras. Os poemas épicos atribuídos polos gregos de xeracións posteriores a Homero, a Ilíada e a Odisea, preservan memorias do período micénico. Os poemas de Homero presentan a Agamenón, Rei de Micenas, como o líder dos gregos na Guerra de Troia.

Durante o período Clásico inicial, Micenas habitouse novamente, aínda que xamais recuperou a súa antiga importancia. Os micénicos combateron en Termópilas e en Platea durante as Guerras Persas. Entrementres, no 468 a.C., tropas de Argos capturaron a cidade e expulsaron os habitantes. Durante os períodos Helenístico e Romano, as ruínas de Micenas eran unha atracción turística, así como son hoxe. Unha pequena aldea xurdiu para atender aos negocios xerados polos turistas. Porén, o lugar abandonouse no final do Imperio Romano.

As primeiras escavacións en Micenas realizáronse polo arqueólogo grego Pittakis en 1841, quen encontrou e restaurou a Porta dos Leóns. En 1874, Schliemann chegou ao lugar e realizou unha escavación completa. Schliemann consideraba como verdade histórica os poemas de Homero e interpretou as súas descubertas nesa liña. Encontrou os antigos túmulos verticais cos seus esqueletos reais e artefactos fúnebres espectaculares. Cando descubriu unha máscara mortuaria de ouro nun dos túmulos, exclamou: "Contemplen o rostro de Agamenón!".

Desde a época de Schliemann, realizáronse máis escavacións científicas en Micenas, principalmente por arqueólogos gregos mais tamén pola Escola Británica de Atenas. A acrópole escavouse en 1902, e os outeiros circundantes investigáronse metodicamente por escavacións posteriores.

Hoxe, Micenas, un dos lugares de fundación da civilización europea, é un destino turístico popular. O lugar foi ben preservado, e as grandes ruínas dos muros ciclópeos e dos palacios na acrópole aínda causan a admiración dos visitantes, particularmente cando se lembra que tales muros foron erguidos mil anos antes dos monumentos da Grecia clásica.

Museo Arqueolóxico Nacional de Atenas

O Museo Arqueolóxico Nacional de Atenas (en grego: Εθνικό Αρχαιολογικό Μουσείο) aloxa moitos dos obxectos arqueolóxicos máis importantes atopados en Grecia dende a prehistoria ata a antigüidade tardía. Considérase un dos grandes museos do mundo, contén a mellor colección de obxectos da antiga Grecia que se pode atopar no mundo. Sitúase no centro de Atenas, no barrio de Eksarhia, a entrada está localizada na Avenida Patission, adxacente ao edificio, tamén histórico, que aloxa a Universidade Politécnica Nacional de Atenas.

Está organizado en cinco temas máis ou menos cronolóxicos: a colección prehistórica (do século VI aC ao século XI aC), a colección de esculturas (século -VII ao século -V), a colección de cerámicas (século XI aC á Grecia romana), a colección de bronces, máis as coleccións exipcia e do Oriente Próximo.

O museo tamén alberga unha extensa colección de fotografías, unha biblioteca de investigación, laboratorios de conservación dos obxectos en metal, terracota, pedra e materia orgánica, un laboratorio fotográfico e máis un laboratorio químico. O museo acolle tamén exposicións temporais. Dispón dunha sala de actos, dunha gran tenda e máis dunha cafetería instalada nun atrio.

Patrimonio da Humanidade na Unión Europea

A Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura, tamén coñecida como UNESCO, propuxo un plano de protección dos bens culturais do mundo, a través da "Convención sobre a Protección do Patrimonio Mundial Cultural e Natural", aprobado en 1972. Presenta unha lista de bens que pertencen ao Patrimonio Mundial (World Heritage), máis coñecido como Patrimonio da Humanidade.

Período micénico

O Período micénico da historia de Grecia abarca desde o 1600 a.C. ao 1100 a.C., cando Micenas era un dos maiores centros de civilización e unha potencia militar que dominaba a maior parte do sur da Grecia. O período micénico constitúe a derradeira fase da Idade de Bronce na Grecia Antiga e é o escenario das narrativas épicas de Homero e de boa parte da mitoloxía grega. Rematou coa invasión dos dorios, aínda que hoxe se dubida de se existiu tal invasión.

Os descendentes dos invasores que remataran coa Creta minoica foron incorporando elementos de civilización preexistente e arredor de 1600 a. C. tiñan unhas monarquías cuxa sede estaba en palacios moi sinxelos, pero que conservaban trazos do seu pasado tribal, xa que o rei tiña mero carácter simbólico e as decisións tomábanse en asemblea de notables.

O Bronce medio vense a converter na plena adaptación ao medio mediterráneo, dedicados o cultivo da vide, oliveira e algúns frutais como a figueira. Practicaban tamén a artesanía do bronce e a cerámica con torno de olería por vez primeira. Non tardaron en establecer contactos comerciais e esta nova realidade económica impulsou as necesidades defensivas, coa construción de fortificacións novas e máis eficaces. Tamén a monarquía foi deixando detrás o seu aspecto tribal, esvaeceuse a importancia da asemblea en favor dunha monarquía autocrática, moi semellante aos despotismos orientais. O rei estaba asistido por un primeiro ministro (lawagetas) con funcións civís e militares e un corpo de funcionarios moi estruturado e eficaz. Existía un clero moi poderoso e a súa relixión, de carácter sincrético con divindades xerarquizadas e cuxo deus supremo tiña como símbolo o raio. Nos palacios atopáronse arquivos de tabelas na escrita lineal B, con censos, inventarios etc, que controlaban as actividades no ámbito do rei.

O nome de micénicos procede de Micenas a cidade fortificada máis importante. Os palacios nesta época deixaron de ser meros caseróns para se converter en construcións luxosas e con servizos. A súa principal actividade económica aínda era a explotación da terra. As labouras do campo levábanas a cabo comunidades campesiñas, controladas pola burocracia. Outras labouras controladas dende o palacio eran a gandería e a metalurxia. Hai probas da existencia de comercio con Creta, Asia Menor, Chipre, Exipto, Siria, as costas do Mar Negro, Libia Sicilia, e os sur de Italia.

Aínda que Micenas era o reino máis importante (polo menos palacios atopados) houbo outros repartidos pola Grecia continental e as illas do mar Exeo. Os principais achados destes reinos están no Peloponeso, Tirinto, e Pilos. Ao norte do istmo de Corinto destacan os de Atenas, Orcómeno, Tebas e Gla (estas tres últimas na Beocia)

O aumento de poder económico e a militarización levaron por razóns defensivas a unha fase imperialista, alentada polo descubrimento e explotación de novas rotas comerciais, materias primas e mantemento de provedores e mercados. Conquistouse Creta e penetrouse na illa até poñer fin á cultura minoica. Tamén se conquistou Rodas e hai achados de presenza aquea en Chipre. Xa cara o final do período micénico, produciuse un feito dunha grande repercusión literaria, a guerra de Troia (Ilión) que quedou destruída. A partir do 1200 a. C. as fortalezas quedaron destruídas, caeron as monarquías asentadas nelas debido sobre de todo á invasión dos dorios, até entón establecidos ao norte de Grecia (Tracia), aínda que algúns autores ven nesta caída sinais de desordes internos ou unha efervescencia étnica que provocou a caída do Imperio Hitita. Neste tempo se produciu unha migración masiva dos gregos ás costas occidentais de Asia Menor e Chipre. Sexa como for, ás poboacións anteriores, que con criterio lingüístico se clasifican como aqueos e xonios, vense a engadir os dorios, no que quedou formada a familia definitiva dos que se coñece como gregos. Coincidindo máis o menos con estes trastornos étnicos, introdúcese en Grecia a metalurxia do ferro, a cerámica con decoración xeométrica e certas formas relixiosas, cun desprazamento das divindades femininas por unhas masculinas e coa adopción do rito funerario da incineración en lugar da inhumación.

Trono Ludovisi

O Trono Ludovisi, malia o seu nome, non é un trono senón un bloque de mármore branco, oco na parte posterior e esculpido en baixorrelevo nos seu tres lados. A súa autenticidade é debatida; quen a aceptan, sitúana na Grecia Occidental, en Magna Grecia, datándoa no período próximo a 460 a. C. (baseados no "estilo severo" que manifesta, o cal pertence á transición entre a Época Arcaica e os comezos da Clásica. O Trono Ludovisi consérvase no Museo Nazionale Romano, Roma, dende que foi mercada polo goberno italiano en 1894.

Wilhelm Dörpfeld

Wilhelm Dörpfeld, nado o 26 de decembro de 1853 e finado o 25 de abril de 1940, foi un arquitecto e arqueólogo alemán que participou nas escavacións levadas a cabo entre 1877 e 1881 en Olimpia, e posteriormente, xunto a Heinrich Schliemann, en Orcómeno e en Troia.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.