Testamento

Un testamento é o documento mediante o cal o testador (persoa que outorga testamento) expón a súa vontade de establecer o futuro das súas propiedades mortis causa (expresión latina que quere dicir "por causa da morte") e explica a forma en que se ha de dividir a súa herdanza e a quen se lle ha de entregar cada parte. No testamento, o testador debe designar ós herdeiros, persoas que ademais de recibir unha porción das propiedades do defunto, xestionan a sucesión. Ademais de todo o dito, o testador ten a posibilidade de asignar a herdeiro ou a cada legatario unhas cotas, de tal forma que reciban unha parte das propiedades sen especificar cales.

Clases

En España o Dereito civil común establece (á marxe dos testamentos especiais) tres clases de testamentos:

  • O testamento ológrafo é o escrito do puño e letra do testador, non podendo estar escrito por ningún medio mecánico. Esta clase de testamento non debe ser presentado ante notario, aínda que posteriormente á morte debese constatar que está conforme a Dereito.
  • O testamento notarial pechado é o que o testador presenta ante notario xa elaborado, sen que este saiba o seu contido. Este tipo de testamento pode ser elaborado por medios mecánicos, aínda que en tal caso o testador debe asinar en todas e cada unha das páxinas. Así mesmo, o testador debe asinar tódalas páxinas cando, non sabendo escribir, encarga a outro que llo escriba.
  • O testamento notarial aberto é aquel redactado polo notario de acordo coa vontade do testador. É o máis habitual. Queda rexistrado nos arquivos da notaría.

Outros testamentos

Outros testamentos, non recoñecidos polo dereito sucesorio común, son:

  • O testamento mancomunado propio do costume galego e incorporado á Lei de Dereito civil de Galicia, é o outorgado por varias persoas na mesma escritura ante notario, na mesma forma que o testamento aberto. O testamento mancomunado regulado en Galicia corresponde aos cónxuxes que testan conxuntamente. Neste caso pódense incluír disposicións correspectivas, que son aquelas nas que os testadores dispoñen dun ben común para o supervivente á morte do outro.
  • O testamento por comisario é aquel no que o testador delega a capacidade de testar noutra persoa, habitualmente o cónxuxe, mediante escritura pública na que ademais pode imporlle ó comisario algunhas condicións, tales como a duración da delegación, a disposición de certos bens, a institución obrigatoria de herdeiros etc.

Testamentos especiais

O Código civil establece unha serie de testamentos que considera especiais debido ás circunstancias nas que se outorgan:[1]

  • O testamento militar é aquel outorgado en tempo de guerra polos militares en campaña, voluntarios, reféns, prisioneiros e demais individuos empregados no exército, ou que sigan a este.[1]
  • O testamento marítimo é aquel realizado en alta mar durante unha viaxe. Quedan baixo este tipo os realizados en buque mercante e os realizados en buque de guerra.[1]. Cando o buque, sexa de guerra ou mercante, arribe ao primeiro porto do Reino, o Comandante ou Capitán entregará o testamento orixinal, pechado e selado, á Autoridade marítima local, con copia da nota tomada no Diario; e, se houbese finado o testador, certificación que o acredite.[1]
  • O testamento feito en país estranxeiro son os realizados fora do territorio nacional do Estado ao que pertenza o testador. Estes testamentos haberán de realizarse conforme ás normas do estado no que se atope o testador no momento da súa redacción.[1] Non será válido en España o testamento mancomunado, prohibido polo artigo 669 do Código Civil, que os españois outorguen en país estranxeiro, aínda que o autoricen as leis da Nación onde se houbese outorgado.[1]

Estes tipos de testamento só poden ser utilizados cando concorran as circunstancias especiais para os que están previstos. Este tipo de testamento exixe ademais a mesma capacidade ao testador que nos comúns, así como a constancia dunha auténtica vontade testamentaria detrás dos actos constitutivos do seu outorgamento.[2]

Requisitos para testar

Cando se outorga testamento notarial, deben acudir dúas testemuñas ó outorgamento cando:

  • O requiran o notario ou o testador.
  • O testador sexa cego ou demente en intervalo lúcido.

En España están impedidos para testar, entre outros, os menores de 14 anos e os que non están en pleno uso das súas facultades mentais. Non obstante, o feito de que os menores de idade poidan testar é bastante pouco común, sendo o límite máis común o da maioría de idade.

Executores do testamento

Son aquelas persoas ás que o testador encarga na escritura testamentaria o feito de levar a cabo, tanto administrativa como realmente, as disposicións incluídas no testamento. Non tódalas figuras están recoñecidas por tódolos sistemas de dereito de sucesións, nin todas poder ter cabida en tódolos tipos de testamentos. Entre eles cóntase:

Os testamenteiros son persoas ás que o testador encarga no testamento que realicen determinadas funcións á súa morte, tales como paga-lo enterro e o funeral, se o houber, sufraga-los legados en metálico, contactar cos herdeiros etcétera.

O testador pode establecer con respecto ó cargo de testamenteiro:

  • Que quen o exerza reciba uns honorarios.
  • Que varias persoas o exerzan de maneira mancomunada.

Asemade, en previsión de que o testamenteiro abandone renuncie ó seu cargo, ou sexa cesado, pode determinar unhas persoas como substitutas. En todo caso, aínda sendo voluntario exercer de testamenteiro, o que renuncie perderá os seus dereitos na herdanza, excepto disposición en contrario do testador.

Caducidade do testamento

A caducidade do testamento supón a súa ineficacia nos casos que prevé o art. 743 do Código civil de 1889.

Caducarán polo simple transcurso do tempo os testamentos outorgados en circunstancias especiais, e de xeito excepcional, cando unha vez desaparecidas estas circunstancias que xustifican a forma especial, non foran substituídos por forma ordinaria: o outorgado en inminente perigo de morte, o outorgado en epidemia, os testamentos militares e marítimos ordinarios e os extraordinarios.

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 "Real Decreto de 24 de julio de 1889" (en castelán). Consultado o 11 de xuño de 2016.
  2. Bercovitz, pp. 144.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Bercovitz, Rodrigo (2015). Bercal, ed. Manual de Derecho Civil. Sucesiones (en castelán).
Antigo Testamento

O Antigo Testamento ou as Escrituras Hebreas (tamén chamadas a Biblia Hebrea) é a primeira parte da Biblia cristiá, que explica a historia desde a creación da Terra ata última profecía da vida do mesías, realizada 400 anos antes da era cristiá. Os xudeus, porén, utilizan o nome Tanakh para referírense ao Antigo Testamento, e aínda que contén os mesmos libros que o Antigo Testamento canónico cristián, non coincide na orde nin no nome destes.

A designación "Antigo Testamento" provén do grego ῾Η Παλαιά Διαθήκη, he Palaiá Diathéke, que significa "antigo pacto", en referencia ao antigo pacto de Deus coa humanidade (principalmente co pobo elixido de Israel) por medio do que viría o mesías a salvalos.

Apocalipse

O Libro de Revelación ou da Apocalipse é un texto atribuído tradicionalmente a Xoán o Evanxelista, que recolle, en forma das visión típicas da literatura apocalíptica, unha reflexión sobre a situación da primeira igrexa cristiá nos tempos do Imperio Romano e unha mensaxe de esperanza para os cristiáns.

O termo Apocalipse vén do grego ἀποκάλυψις, que vén de ἀποκαλύπτειν apocaliptein, literalmente descorrer unha cortina, ou revelar, pola que tamén moitas igrexas cristiás o coñecen como Libro da Revelación.

Biblia

A Biblia é o libro que o cristianismo trata como inspirado directamente por Deus. A palabra vén do grego (lingua en que foi escrito o Novo Testamento) «τα βιβλία» tà biblía, ou sexa, os libros. O plural xustifícase, xa que a Biblia non é un libro soamente, senón unha biblioteca composta de 66 libros, sendo 39 pertencentes ao Antigo Testamento e 27 ao Novo Testamento.

Bispo

Un bispo (do grego do Novo Testamento ἐπίσκοπος, epískopos, "supervisor", "gardián") é un membro do clero cristián que ostenta unha posición de autoridade. Dentro das igrexas católica, ortodoxa, anglicana e veterocatólica, así como na Igrexa Asiria Oriental, os bispos pretenden ter sucesión apostólica, é dicir, unha liña directa descendente dos Doce Apóstolos. Dentro destas igrexas, os bispos son aqueles que recibiron o sacerdocio no seu máximo grao, é dicir, o episcopado, e quen poden ordenar sacerdotes e bispos. Algunhas igrexas protestantes e metodistas teñen bispos con funcións similares, aínda que non considéranse herdeiros dos Apóstolos.

O termo epískopos non estaba nos comezos do cristianismo claramente diferenciado do termo presbýteros ("ancián", hoxe en día co significado de sacerdote), pero o termo xa era empregado no seu sentido actual, distinto de sacerdote, nos escritos de Ignacio de Antioquía (finado arredor de 108), e as fontes de mediados do século II xa amosan como todos os centros do cristianismo organizábanse arredor da figura do bispo, empregando unha forma de organización que non variou até a reforma protestante.

Cristianismo

O cristianismo (da verba en grego antigo Χριστός, Khristós (Cristo)) é unha relixión monoteísta baseada na vida e ensinanzas de Xesús Cristo como aparecen nos evanxeos canónicos e noutros escritos do Novo Testamento. Actualmente é a relixión, se contamos tódalas súas ramas, que conta con maior número de practicantes, coñecidos como cristiáns.

Os cristiáns cren que Xesús é o Fillo de Deus, Deus feito home, e o salvador da humanidade. Por mor disto, refírense a Xesús como Cristo, o Mesías profetizado nos textos xudeus que compoñen o Antigo Testamento. A doutrina teolóxica básica aparece nos primeiros textos cristiáns, cuxo contido é aceptado pola maioría das confesións cristiás. Estas profesións de fe din que Xesús sufriu, morreu e resucitou de entre os mortos para garantir a vida eterna a aqueles que cren nel e que confían nel para o perdón dos seus pecados. A maioría sosteñen tamén que Xesús subiu ao Ceo e que alí goberna xunto con Deus Pai. Aínda que o cristianismo é unha relixión monoteísta a maioría dos cristiáns cren que Deus existe en tres persoas, Deus Pai, Deus Fillo e Deus Espírito Santo que constitúen unha mesma substancia de Deus, o que constitúe o misterio da Santa Trindade.

David

David (en hebreo: דָּוִד Dāwîḏ; en árabe: داوُد Dāwūd; en siríaco: ܕܘܝܕ Dawid; en grego antigo: Δαυίδ; en latín: Davidus, David) foi, segundo os Libros de Samuel, o segundo rei do Reino de Israel (século X a.C.), e de acordo co Novo Testamento, devanceiro de Xesús. A súa vida é datada de forma convencional entre c. -1040 e o -970, e o seu reinado sobre Xudá c. -1010 e o –970.Os Libros de Samuel, 1 Reis e 1 Crónicas son as únicas fontes de información sobre David do Antigo Testamento, malia que a Estela de Tel Dan (datada do c. -850 ou -835) contén a frase בית דוד (bytdwd), que se le como "Casa de David", polo que moitos estudosos confirman que pode ter existido unha dinastía real xudía do século -IX chamada Casa de David.Descrito como un valoroso guerreiro de gran renome, está considerado ademais un poeta e músico que compuxo moitos dos salmos contidos no Libro de Salmos. O Rei David está amplamente considerado como un rei xusto e eficaz tanto no goberno como na batalla.

Segundo o cristianismo, David é unha salientada figura por pertencer o seu mesías Xesús de Nazaret á Casa de David. No islam, David é considerado un profeta.

Evanxeo

Evanxeo, do grego εὐαγγέλιον (evangélion), de εὐ (eu, que significa 'ben'), e ἀγγέλιον (angélion, que significa 'mensaxe') e en hebreo בשורה, que significa 'noticia' e טובה, que significa 'boa', é a boa noticia do cumprimento da promesa feita por Deus a Abraham, Isaac e Xacob de que redimiría á súa descendencia do pecado (Feitos: 13, 32) por medio da morte do seu Fillo unixénito Xesús (Xénese: 22, 2 ; Salmos: 130, 8 ; Salmos: 2, 7 ) quen morrería en expiación polo pecado de toda a humanidade (Isaías: 53, 10) e resucitaría ao terceiro día (Salmos: 16, 10) para dar arrepentimento e perdón dos pecados a todo aquel que crea nel (Lucas: 24, 47).David profetizou que Xesús resucitaría ao terceiro día sen ver corrupción (Salmos: 16, 10), todos sabemos que David morreu e que o seu corpo viu corrupción (Romanos: 2, 10) e a tumba de David está no Monte Sión, pero Xesús resucitou ao terceiro día (Marcos: 16, 1-6) cumprindo a profecía da súa resurrección e a súa tumba está baleira e é coñecida como o Santo Sepulcro.

Este é o evanxeo que predicaban os primeiros discípulos de Xesús (1 Corintios: 15, 1-12).O cumprimento da promesa de Deus, ou evanxeo, foi escrito polos primeiros discípulos xudeus nos evanxeos, que son os escritos que recollen as primeiras predicacións dos discípulos de Xesús de Nazaret, e cuxo núcleo central da mensaxe é a morte e resurrección de Xesús.

Nun sentido máis xeral o termo evanxeo pode referirse aos evanxeos. Neste sentido existen catro evanxeos contidos no Novo Testamento da Biblia cristiá, chamados Evanxeos canónicos, recoñecidos como parte da Revelación polas diferentes confesións cristiás. Coñécense co nome dos seus supostos autores: Mateo, Marcos, Lucas e Xoán. A maioría dos expertos considera que estes catro evanxeos foron escritos entre os anos 65 e 100 d.C., aínda que outros académicos propoñen datas máis temperás.

Existen outros escritos, coñecidos como Evanxeos apócrifos, non recoñecidos como canónicos polas igrexas cristiás actuais.

Evanxeo de Lucas

O Evanxeo de Lucas é o terceiro libro do Novo Testamento dentro da Biblia. Recolle unidades de predicación constituídas por feitos da vida de Xesús de Nazaret e tamén ditos, a maioría moi probablemente da denominada fonte Q. Constitúe unha unidade literaria cos Feitos dos Apóstolos

Evanxeo de Mateo

O Evanxeo de Mateo, encadrado dentro dos sinópticos, é o primeiro dos evanxeos sobre Xesucristo, tal como aparece nas biblias cristiás.

Ten unha grande influencia na relixiosidade popular e na arte relixiosa, por episodios como a Adoración dos Magos ou a matanza dos inocentes.

Tamén, os capítulos 5 a 7, chamado "Sermón do Monte", son claves para entender a formación da moral cristiá.

Evanxeo de Xoán

O Evanxeo de Xoán é un libro da Biblia no Novo Testamento que contén a mensaxe de Xesucristo. O apóstolo Xoán o evanxelista é considerado tradicionalmente como o seu autor.

Isabel I de Castela

Isabel I de Castela, nada en Madrigal de las Altas Torres o 22 de abril de 1451 e finada en Medina del Campo o 26 de novembro de 1504. Foi raíña de Castela desde 1474 ata 1504, raíña consorte de Sicilia desde 1469 e de Aragón desde 1479, polo seu matrimonio con Fernando de Aragón. É chamada «a Católica», título que lles foi outorgado a ela e ao seu marido polo papa Alexandre VI mediante a bula Si convenit, o 19 de decembro de 1496. É polo que se coñece á parella real co nome de Reis Católicos, título que usarían en diante practicamente todos os reis de España.

Casou en 1469 co príncipe Fernando de Aragón. Polo feito de ser primos segundos necesitaban unha bula papal de dispensa que só conseguiron de Sisto IV a través do seu enviado o cardeal Rodrigo Borgia en 1472. Ela e o seu esposo Fernando conquistaron o reino de Granada e participaron nunha rede de alianzas matrimoniais que fixeron que o seu neto, Carlos, herdase as coroas de Castela e de Aragón, outros territorios europeos e convertésese en emperador do Sacro Imperio Romano.Isabel e Fernando fixéronse co trono tras unha longa loita, primeiro contra o rei Henrique IV e de 1475 a 1479 na Guerra de Sucesión castelá contra os partidarios da outra pretendente ao trono, Xoana. Isabel reorganizou o sistema de goberno e a administración, centralizando competencias que antes ostentaban os nobres; reformou o sistema de seguridade cidadá e levou a cabo unha reforma económica para reducir a débeda que o reino herdara do seu medio irmán, e predecesor no trono, Henrique IV. Tras gañar a guerra de Granada os Reis Católicos expulsaron aos xudeus dos seus reinos e, anos máis tarde, tamén aos musulmáns.

Isabel concedeu apoio a Cristovo Colón na procura dunha nova ruta cara ás Indias, o que levou ao descubrimento de América. Devandito acontecemento provocaría no futuro a conquista das terras descubertas e a creación do Imperio Español.

Isabel viviu 53 anos, dos cales gobernou 30 anos como raíña de Castela e 26 como raíña consorte de Aragón á beira de Fernando II.

Novo Testamento

Novo Testamento (do grego: Διαθήκη Καινή, Diathéke Kainé) é o nome dado á colección de libros que compoñen a segunda parte da Biblia ou libro sagrado do cristianismo. Esta parte corresponde aos Evanxeos canónicos, segundo a tradición escritos por Mateo, Marcos, Lucas e Xoán, que relatan a vida de Xesús, xunto con diversos libros que describen os primeiros tempos do cristianismo e unha Apocalipse, a de Xoán.

O termo é unha tradución do latín, Novum Testamentum, á súa vez tradución do grego Ἡ Καινὴ Διαθήκη, Hê Kainê Diathêkê, significando "A Nova Alianza" ou Testamento. Foi orixinalmente usado polos primeiros cristiáns para describir as súas relacións con Deus (ver II Corintios 3:6-15; Hebreos 9:15-20) e posteriormente para designar o canon de escritos cristiáns, estabelecido progresivamente.

Os 27 libros do Novo Testamento foron escritos por varios autores en varias épocas e lugares. Ao contrario do Vello Testamento, o Novo foi escrito nun curto espazo de tempo, durante un século ou un pouco máis.

Pascua cristiá

A Pascua (grego: Πάσχα) é a festividade relixiosa máis importante do ano litúrxico cristián en conmemoración da resurrección de Xesús de entre os mortos, segundo conta o Novo Testamento, o terceiro día desde a súa crucifixión. Os cristiáns celebran esta resurrección o Domingo de Pascua ou Resurrección, dous días despois do Venres Santo e tres despois do Xoves Santo.

A Pascua tamén se refire ó Tempo Pascual, período do ano litúrxico cristián, que tradicionalmente duraba corenta días entre o Domingo de Pascua e a Ascensión pero agora dura cincuenta días ata Pentecoste, a primeira semana coñécese como Semana Santa. A Pascua marca tamén a fin da Coresma, época de xaxún, oración e penitencia.

A Pascua é unha festa que non ten data fixa en relación co calendario civil. O Primeiro Concilio de Nicea (325) estableceu o día de Pascua como o primeiro domingo despois de lúa chea tralo equinoccio de primavera, eclesiasticamente establecido o 21 de marzo, na práctica a data varía entre o 22 de marzo e o 25 de abril para a Igrexa católica latina e as protestantes que basean os seus cálculos no calendario xuliano, as igrexas orientais, que se basean no calendario gregoriano celébrana entre o 4 de abril e o 8 de maio.

A Pascua cristiá está relacionada coa Pascua xudía, a Pessach, non só no simbolismo senón tamén pola súa disposición no calendario

Nas celebracións modernas da Pascua introducénse novos elementos, como en Galicia o ovo de Pascua ou a rosca de Pascua que os padriños regalan ós afillados, que celebran tanto cristiáns como non cristiáns. Tamén hai unhas poucas confesións cristiás, como os cuáqueros, que non celebran a Pascua.

Pedro, papa

Simón (hebreo: שמעון , "Ximon"), chamado tamén Pedro ou Cefas, nado en Betsaida, e falecido en Roma en 67, foi segundo a tradición cristiá un dos doce apóstolos, discípulos de Xesús de Nazaret, a quen deixou encargado de dirixir o resto da súa Igrexa. Foi o primeiro patriarca de Antioquía e bispo de Roma e o primeiro papa da Igrexa católica.

Premio Nobel de Literatura

O Premio Nobel de Literatura é un dos 5 premios especificamente sinalados no testamento do escandinavo Alfred Nobel. Segundo as súas palabras, o premio debe entregarse cada ano "a quen produza no campo da literatura a obra máis salientábel, na dirección correcta". A institución encargada de seleccionar ó gañador é a Academia Sueca (en sueco, Svenska Akademien).

Once dos galardoados co premio no século XX foron escritores en lingua castelá —entre eles un galego— e un en lingua portuguesa: os españois José Echegaray (1904), Jacinto Benavente (1922), Juan Ramón Jiménez (1956), Vicente Aleixandre (1977), e o galego Camilo José Cela (1989); os chilenos Gabriela Mistral (1945) e Pablo Neruda (1971); o guatemalteco Miguel Ángel Asturias (1967); o colombiano Gabriel García Márquez (1982), o mexicano Octavio Paz (1990) e o peruano Mario Vargas Llosa (2010); en lingua portuguesa o portugués José Saramago (1998).

Premios Nobel

Os Premios Nobel foron instituídos por Alfred Nobel, un industrial sueco, inventor da nitroglicerina. Son atribuídos anualmente no día 10 de decembro, aniversario da morte de Alfred Nobel, ás persoas que fixeron investigacións importantes, inventaron técnicas pioneiras, ou deron contribucións destacadas á sociedade.

Inicialmente eran concedidos pola Fundación Nobel, cos cartos cedidos por Alfred Nobel. Son propostas por institucións nacionais e internacionais e outorgados pola Real Academina Sueca correspondente.

As Matemáticas non dispoñen dun premio correspondente, polo que foi creado o Premio Abel en Noruega como correspondente ós Premios Nobel.

Alfred Nobel ficou sorprendido ao ver a edición dun xornal que falaba da morte do seu irmán como sendo a súa, e inventou unha forma de lembrarse. Creou premios para que fosen concedidos a aqueles que serviron ao ben da Humanidade, máis propiamente a aqueles que proporcionaron á Humanidade beneficios no campo da física, química, fisioloxía ou medicina, literatura e paz. Nobel nunca creou un premio para Economía, aínda que moitos economistas famosos afirman ter recibido o Nobel de Economía. Véxase máis abaixo.

Vulgata

Vulgata é a tradución en latín dende o hebreo do Antigo Testamento e revisión da versión latina do Novo Testamento feita por San Xerome no século IV e tomada como referencia para a interpretación bíblica por parte da Igrexa católica dende o Concilio de Trento. No século VII Isidoro de Sevilla edita unha versión da Vulgata e tamén Afonso X patrocina unha tradución ó castelán (Biblia alfonsina).

Xesús de Nazaret

Este artigo é sobre a figura histórica de Xesús e os seus aspectos biográficos. Para informacións acerca das múltiples versións de Cristo, vexa ese artigo.

Xesús de Nazaret, tamén coñecido como Xesús, Cristo, Xesucristo ou Xesús Cristo, é a figura central do cristianismo e unha das figuras máis influentes da cultura occidental. Para a maioría das denominacións cristiás, é o Fillo de Deus, a segunda Persoa da Santa Trindade, sendo ao mesmo tempo plenamente humano (Deus encarnado). A súa importancia estriba así mesmo na crenza de que -coa súa morte e posterior resurrección- redimiu o xénero humano. O xudaísmo nega a súa divindade, que é incompatible coa súa concepción de Deus. No islam, onde é coñecido como Isa, é considerado un dos profetas máis importantes.

Segundo a opinión maioritariamente aceptada en medios académicos, baseada nunha lectura crítica dos textos sobre a súa figura, Xesús de Nazaret foi un predicador xudeu que viviu a comezos do século I nas rexións de Galilea e Xudea, e foi crucificado en Xerusalén en torno ao ano 30, baixo o goberno de Poncio Pilato.

O que se coñece de Xesús depende case exclusivamente da tradición cristiá (aínda que aparece mencionado en fontes non cristiás), especialmente da utilizada para a composición dos Evanxeos sinópticos, redactados, segundo opinión maioritaria, uns 30 ou 40 anos, como mínimo, logo da súa morte. A maioría dos estudosos considera que mediante o estudo dos evanxeos é posible reconstruír tradicións que se remontan a contemporáneos de Xesús, aínda que existen grandes discrepancias entre os investigadores en canto aos métodos de análises dos textos e as conclusións que deles poden extraerse. Existe unha minoría que nega a existencia histórica de Xesús de Nazaret.

Xoán o Bautista

Xoán Bautista, nado contra o 5 a.C. e finado contra o 30 d.C., foi quen anunciou a chegada do Mesías prometido (de aí o nome de Xoán o Precursor co que tamén se coñece) e bautizouno no río Xordán.

Xénese

O libro da Xénese, (do grego Γένεσις, "nacemento, creación, orixe", en hebreo תּוֹלֵדוֹת, "xeración", que prefire como título בְּרֵאשִׁית, Bereshit, "no principio"). É o primeiro libro da Torá ("A Lei"), e tamén o primeiro libro do Tanak, a biblia hebrea (coñecida polos cristiáns como o Antigo Testamento). Fai parte dos primeiros cinco libros (Pentateuco), xunto con Éxodo, Levítico, Números e Deuteronomio, cuxa autoría é, tradicionalmente, atribuída a Moisés.

Narra acontecementos, desde a creación do mundo, na perspectiva xudaica (o chamado "relato da Xénese"), pasando polos Patriarcas, ata á fixación deste pobo no Exipto, despois da historia de Xosé.

A tradición xudía considera que o seu autor foi Moisés.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.