Tesouro de Caldas de Reis

O tesouro de Caldas de Reis é un conxunto de 36 pezas por un total de 14,9 kg de ouro de máis de 20 quilates pertencente á Idade de Bronce galaica e con concomitancias coas Illas Británicas, Irlanda, Bretaña e Centroeuropa. A súa datación oscilou dende o Bronce Final ata os que defenden que se inclúa no Bronce Inicial (cronoloxicamente cara ao 1900-1800 a.C.).

O tesouro de Caldas fai pensar nunha certa comunidade cultural coas fisterras europeas e dunha sociedade estruturada de xeito xerárquico baixo elites que comezaban a monopolizar as relacións comerciais e a acumulación de riqueza. Bouza Brey, quen o deu a coñecer, di que o tesouro non foi o agocho dun ourive local [1] afirmou: "Mejor nos inclinamos por creerlo riqueza tribal oculta ante peligro de invasión enemiga". Blanco Freijeiro nega esta hipótese: "Este tesoro de Caldas no pudo ser, pues, ... la riqueza de una tribu ocultada ante un enemigo invasor", aínda que non aventura unha hipótese alternativa.

Representa, hoxe por hoxe, a maior acumulación de ouro de toda a Prehistoria europea.

Tesouro de Caldas de Reis
Museo Pontevedra, Ed. Sarmiento 02-12c

Tesouro de Caldas de Reis
Data da descuberta Década de 1940
Exposto Museo de Pontevedra
Web museo.depo.es

Historia

O tesouro apareceu na zona das Silgadas, inmediata a Caldas, en 1940. O 20 de decembro, varios homes estaban colocando esteos para unha viña nun terreo acabado de rozar, cando Amalio Touceda Devesa, ó facer un burato na terra, observou que co ferro que estaba a cravar saía un pedazo de ouro. Xunto cos outros obreiros que traballaban con el, escavaron e atoparon o tesouro tan só a uns 20 cm de profundidade. O tesouro estaba directamente na terra, sen recipiente ningún.

Os descubridores decidiron calar o achado e proceder á súa venda ós poucos, pero foron descubertos en xuño de 1941 pola Garda Civil, que procedeu a intervir o que lles quedaba e avisar ós expertos. O 21 do mesmo mes, Fermín Bouza-Brey, como Comisario provincial de Escavacións Arqueolóxicas, xunto a Manuel Lois Vidal e Benxamín Valladares Salgado, acudiron ó cuartel da Garda Civil e recoñeceron o valor histórico e arqueolóxico do achado. Ese mesmo día depositaron o tesouro no Banco de España de Pontevedra.

A noticia do achado apareceu no Boletín da Real Academia Galega nº 264, de 1942[2]. Pronto pasaron a formar parte dos fondos do Museo de Pontevedra, que hoxe os expón no Edificio Sarmiento.

Descrición

Como se vendeu boa parte dos obxectos que conformaban o tesouro, resulta imposible saber con exactitude a súa composición. Polas declaracións dos descubridores suponse que podería estar formado por uns 25 kg[3], dos que se conservan 14,9 kg [4]. Das mesmas declaracións dedúcese que o que se perdeu foron lingotes, non ningunha peza singular.

O tesouro que hoxe se conserva está formado por catro tipos de obxectos:

  • Tres vasos ou xerras, cunha asa.
  • Un peite con tres semicírculos con raizames no Alto Rhin.
  • 31 lingotes anulares, un de gran tamaño (21 cm de diámetro máximo e 870 g de peso) e o resto de tamaños comprendidos entre os 13 e os 7 cm de diámetro (ou entre os 735 e os 40 g de peso). Inicialmente estes elementos foron considerados como un torque, o maior, e brazaletes os menores (función que aínda se admitía en 1998), pero agora se asume que son simplemente lingotes de ouro en forma de anel para transportar engarzados no anel de maior tamaño, que sería un portalingotes. Este remata en dous remaches planos cun burato, fórmula claramente distinta da empregada noutros torques coñecidos, e que permitían abrir e pechar o aro con facilidade. Tres destes lingotes mostran sinais de haber sido cortados e dobrados polos descubridores, é dicir, serían parte doutros lingotes-aro de maior tamaño (trátase dos máis pequenos, con pesos comprendidos entre os 40 e os 69 g de peso)
  • Seis fragmentos que formarían parte dunha lámina de tiras [5].

Recentemente se descubriu outro tesouro, este dentro da cidade, que se deu en denominar Tesouro de Caldas II, algo posterior ó principal. Está formado por un aplique cónico e 53 finas láminas enroladas en forma de pequenos tubos, que se supón proceden dun diadema de liñas que foi troceada.

Notas

  1. De feito, non se atopou ningún resto arqueolóxico na leira da que procede nin nas proximidades.
  2. "El tesoro de Caldas de Reyes" Arquivado 29 de outubro de 2013 en Wayback Machine., artigo no Boletín da Real Academia Galega nº 264, 1942.
  3. "Ourivería antiga", sección na web do Museo de Pontevedra.
  4. Blanco Freijeiro fala de cerca de 30 kilos e mesmo engade que poderían ser 50 kilos según otras estimaciones, sen especificar as súas fontes.
  5. Que Bouza Brey identificaba como unha jarretera.

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas

Arquitectura prehistórica de Galicia

A arquitectura prehistórica de Galicia abrangue aquelas formas de construción empregadas polos habitantes de Galicia dende hai 2 millóns de anos (Prehistoria) ata a chegada dos romanos e a conseguinte romanización de Galicia.

Arte de Galicia

A arte de Galicia tivo unha evolución paralela á do resto da arte europea, seguindo de formas diversas as múltiples tendencias que se teñen producido no contexto da historia da arte occidental. A historia da arte galega mostra as manifestacións culturais e artísticas ao longo do tempo dende os primeiros asentamentos humanos até a actualidade. Dende o paleolítico á cultura contemporánea, a arte feita en Galicia ten certas características propias, alimentada polas correntes traídas por outros pobos. A arte sempre foi un dos principais medios de expresión do ser humano, a través da cal expresa as súas ideas e sentimentos, o xeito de relacionarse co mundo. A súa función pode variar dende a máis práctica ata a máis ornamental, pode ter contido relixioso ou simplemente estético, pode ser duradeira ou efémera.

Ao longo da historia, Galicia acolleu diversas culturas e civilizacións, que achegaron o seu concepto de arte e deixaron o seu legado. Cada período histórico tivo unhas características concretas e definibles, comúns a outras rexións e culturas, ou ben únicas e diferenciadas, que foron evolucionando co devir dos séculos.

A arte galega é froito da diversa amálgama social e cultural achegada polos diversos pobos que habitaron o seu territorio: os primeiros poboadores prehistóricos deron paso á cultura castrexa xurdida na idade dos metais, estes convivirían máis tarde cos colonizadores romanos procedentes do Mediterráneo, que converterían a Gallaecia nun territorio máis do seu imperio; tras a caída deste, en Galicia os suevos fundaron o primeiro reino medieval europeo, que despois caeu baixo a dominación do reino visigodo. Na Idade Media, durante a invasión islámica da península ibérica (que apenas deixou pegada no territorio galego), xorde a cultura galego-portuguesa como entidade propia e definida, cunha lingua propia herdeira do latín e a consolidación do Reino de Galicia. Foi esta unha época de esplendor da arte galega, sendo o románico un período moi frutífero para o desenvolvemento artístico do territorio. Durante a Idade Moderna, baixo o poder da coroa española e a sucesión de crises económicas e culturais, a arte entra en certa decadencia, polo que o renacemento non é un período destacable na historia da arte galega. Todo o contrario sucede co barroco, que tivo en Compostela un desenvolvemento orixinal e xenuíno. Dende o século XIX, coa revitalización cultural que supuxo o Rexurdimento, Galicia é influída polos movementos artísticos e culturais que marcaron Europa, como o modernismo. Finalmente, xa no século XX houbo unha xeración de artistas que crean unha escola galega que conecta coas correntes internacionais, con nomes como os de Francisco Asorey, Carlos Maside, Luís Seoane, Maruxa Mallo ou Isaac Díaz Pardo.

Historia de Galicia

A historia de Galiza comeza co nacemento da propia Galiza, que é fixado tradicionalmente arredor do 19 a. C., cando o Imperio Romano logra anexionar definitivamente os pobos galaicos —kallaikoi segundo o autor grego Estrabón— unificándoos por vez primeira na historia e denominando ó seu territorio como Gallaecia —terra dos callaeci—, e que acabaría derivando nos actuais nomes Galicia ou Galiza, motivo polo que é considerada como unha das entidades político-administrativas máis antigas de toda Europa.

O feito de que no ano 298 d. C. o emperador Diocleciano decidise elevala ao rango de provincia consular —ampliando así tamén o seu territorio— supuxo un acrecentamento da súa cohesión política, pois desta maneira pasaba a estar baixo o goberno dun cónsul romano. A súa definitiva consolidación estatal chegaría no ano 409 d. C., cando o rei suevo Hermerico funda nela o primeiro reino de Galiza, afianzando a existencia de Galiza ata os nosos días.

A ocupación humana do territorio correspondente á actual Galiza, non obstante, é moito máis antiga cá chegada de Roma, existindo testemuños arqueolóxicos que certifican o seu poboamento desde o Paleolítico inferior. Estas poboacións recibiron diversas achegas culturais durante milenios, formando parte xa na Idade de Bronce da área cultural atlántica que se deu entre as terras máis occidentais de Europa. A finais da Idade de Ferro estas poboacións autóctonas formaban unha unidade cultural, que os romanos denominaron como galaicos e que supoñen o principal substrato da poboación actual en Galicia.

Do mesmo xeito, durante os séculos seguintes Galiza recibiu sucesivos asentamentos de xente, entre os que destacan romanos, suevos e bretóns, que non só se integraron na poboación autóctona senón que tamén influíron decisivamente na súa vida, como foi o caso da cultura romana que propiciou a formación dunha nova lingua autóctona, o galego. Ata o ano 1833 mantívose coma un reino, no ano 1933 recibe o recoñecemento internacional da súa realidade nacional e desde 1981 organízase xurídica e administrativamente como unha comunidade autónoma dentro do Estado español.

Idade de Bronce en Galicia

Os primeiros metais e a cerámica campaniforme chegaron a Galiza procedentes de Portugal hai uns 4 000 anos, durante o Calcolítico ou Idade do Cobre.

Na Idade de Bronce (1800-700 a.C.), a metalurxia comezou a evidenciar cambios tanto na forma coma na técnica coa aparición do bronce. A base económica foi a agricultura e a gandería e mailo aproveitamento dos recursos mariños; aínda que a metalurxia do bronce debeu xogar un importante papel, mesmo no crecemento dos intercambios destes bens coa Europa atlántica e co Mediterráneo peninsular.

Son numerosas as pezas de ourivaría que conservamos: pulseiras, diademas, brazaletes,etc., o que evidencia a xerarquización desta sociedade. Pola súa cantidade e calidade destaca o tesouro de Caldas de Reis (Caldas de Reis), hoxe no Museo Provincial de Pontevedra, así como o casco de Leiro (Leiro, Rianxo), no Museo Arqueolóxico do Castelo de Santo Antón, na Coruña.

A importancia da guerra para esta sociedade vén marcada polo numeroso armamento metálico atopado: puñais, machadas, punta de lanza ou espadas. Os lugares nos que apareceron os restos de maior importancia son Leiro, O Hío (Cangas) e Roufeiro (Nocelo da Pena, Sarreaus).

Da Idade de Bronce consérvase unha gran cantidade de gravados en penedos ao aire libre, denominados petróglifos. Aparece a finais desta época a Cultura castrexa.

Museo Provincial de Pontevedra

O Museo Provincial de Pontevedra foi fundado pola Deputación de Pontevedra o 30 de decembro de 1927. Está rexido por un padroádego, sendo a Deputación Provincial de Pontevedra o seu titular. Dispón de cinco edificios históricos e un sexto de nova construción, con salas de exposición permanente e temporais. Os fondos do museo son pluridisciplinares, clasificados en salas de belas artes, arqueoloxía, etnografía e artes aplicadas. O edificio fundacional, o Castro Monteagudo, localízase na rúa Pasantería en Pontevedra.

Foi distinguido en 1996 coa Medalla de Ouro de Galicia.

Pontevedra

Pontevedra é unha cidade e concello do suroeste de Galicia, capital da provincia de Pontevedra, da comarca homónima e das rías Baixas. Está situada nas beiras do río Lérez e da ría de Pontevedra.

Prehistoria

A Prehistoria é o período de tempo que vai desde o inicio da evolución humana até os primeiros testemuños escritos. Xa que o comezo da Prehistoria está marcado pola aparición do ser humano non se pode aplicar este comezo ao mesmo tempo en todo o mundo; en África pódese datar en torno aos dous millóns seiscentos mil anos, no Medio Oriente algo menos dun millón oitocentos mil anos, en Asia e Europa arredor dun millón de anos de antigüidade, no resto do mundo estaría por baixo dos 50.000 anos.

Torque (colar)

Un torque é un colar ríxido de metal semicircular. Foi moi frecuente en Centroeuropa e na Europa atlántica, tamén en Galicia, sendo empregado principalmente polos pobos celtas. Na Galicia da Idade de Ferro foi un tradicional elemento de distinción social entre os galaicos, presentando grande similitude cos doutras áreas de Europa occidental ou central.

Ao longo de toda Europa, existe unha variada tipoloxía: macizos, ocos, con remates (periña, escocia, tronco de cono, campánula, cabeza de cravo...), con decoración, de ouro ou doutros metais. Da súa existencia despréndese unha importante xerarquización social e unha especialización artesá salientable.

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.