Tesouro de Agolada

O tesouro de Agolada é un conxunto de xoias, datadas probablemente no Bronce Inicial ou Bronce Antigo B (1700-1600 a.C.)[1], composto por unha gargantilla e dous brazaletes de ouro.

Atopouse, preto do Castro de Goiás, na parroquia de Ferreiroa, nun túmulo con motivo das obras da estrada de Lalín a Agolada no ano 1920, polo que se entende que formaba parte dun enxoval funerario.

O conxunto ten varios paralelos en Galicia, pero fora de Galicia só se teñen atopado obxectos semellantes na Bretaña francesa, feito que é interpretado como unha testemuña das relacións atlánticas entre os poboadores do territorio galego e os da Bretaña francesa nos inicios da Idade de Bronce, sendo tamén interpretados como a expresión dunha sociedade xerarquizada.

Na actualidade consérvase no Museo Provincial de Pontevedra.

Descrición

A gargantilla é unha delgada lámina rectángular con estreitamentos cara aos extremos. Mide 40 cm de lonxitude e 7,6 de ancho no centro onde alcanza a maior anchura e se decora con dezaoito cortes horizontais resultando dezanove canas limitadas por outras tres canas verticais feitas con buril. Nos extremos presenta pestanas dobradas para o seu enganche.

Os brazaletes son subcilíndricos, macizos, con forma de curva elíptica, lisos e abertos, que rematan en dous botóns planos. O seu diámentro máximo é de 9 cm e pesan entre 300 e 400 gramos.

Notas

  1. Jorge Eiroa, La Edad del Bronce en Murcia

Véxase tamén

Ligazóns externas

Agolada

Agolada é un concello da provincia de Pontevedra pertencente á comarca do Deza. Segundo o IGE en 2015 tiña 2 585 habitantes (3 875 en 2003).O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é agoladés ou aqualatense.

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.