Teseo

Teseo (en grego Θησεύς Theseus) era fillo de Etra e de Exeo, rei de Atenas, aínda que tamén se dixo que o pai foi Poseidón, o deus do mar, de feito Etra uniuse na mesma noite aos dous.

Theseus
Teseo e o Minotauro.

Traxectoria

Exeo, que non tivera descendencia e que recorrera ao oráculo de Delfos para acadala, ignoraba que da súa relación fugaz con Etra nacera Teseo. Así que a infancia de Teseo transcorreu na compaña da súa nai na cidade de Trecén. Cando cumpriu os dezaseis anos a súa nai desveloulle o segredo da súa paternidade e entregoulle unha espada e unhas sandalias de ouro que pertenceran a seu pai.

Viaxe a Atenas

Teseo, que desde moi novo destacara pola súa forza e a súa valentía, decidiu dirixirse a Atenas en solitario para coñecer ao seu proxenitor, sen temer os perigos que podía entrañar a viaxe. Pola contra, desexaba emular as fazañas do seu admirado Heracles, co que tiña grande amizade.

O primeiro en experimentar o seu valor foi Perifetes, o salteador de camiños, que, a pesar de ser coxo, dominaba á perfección unha enorme maza de bronce coa que mataba os viaxeiros: a mesma maza que tan útil lle había ser a Teseo no futuro, pois quedou con ela tras darlle morte.

Outro dos bandidos aos que tivo que se enfrontar foi Sinis, o dobrador de pinos, que tiña un xeito peculiar de se desfacer dos seus inimigos: dobraba dous pinos próximos, ataba as copas entre si e un brazo da súa vítima a cada unha delas. Logo soltaba as árbores que, ao se enderezar violentamente, desgarraban o corpo do desgraciado. Teseo, tras acabar con Sinis, mantivo unha relación amorosa coa súa filla Perigune de quen tivo un fillo: Melanipo.

Teseo continuou a súa viaxe e chegou a Atenas, pero atopouse cun inconveniente: seu pai casara con Medea, a que fora esposa de Xasón, co fin de que esta lle dera un herdeiro, ignorante do nacemento de Teseo. Desta unión nacera un fillo ao que chamaron Medo.

Ante esta situación inesperada, Teseo decidiu agardar un pouco antes de darse a coñecer. Pero Medea, que era unha feiticeira, recoñeceuno e veu nel un perigo para que o seu fillo accedera ao trono de Atenas. Así que trazou un plano. Enganou a Exeo, dicíndolle que aquel home era un inimigo de Atenas e que debían acabar coa súa vida, e convenceuno para que o invitase a un banquete no seu palacio. Unha vez alí, Medea puxo veleno na copa do rapaz pero a casualidade salvou a súa vida. Teseo sacara a espada que lle deu a súa nai para cortar a carne. Entón Exeo recoñeceu a arma, comprendeu o que ocorría e quitoulle ao seu fillo a copa dos beizos. Tendo fracasado na súa empresa, Medea decidiu fuxir co seu fillo.

Teseo foi daquela recoñecido oficialmente como fillo e sucesor do rei. Este feito provocou a rebelión dos Palántidas, fillos de Palante que era irmán de Exeo, xa que un deles sería o sucesor de Exeo no caso de que este non tivese descendencia. Teseo, facendo alarde da súa astucia militar, conseguiu acurralar aos seus adversarios e dar morte a gran parte deles, fuxindo os restantes. Teseo foi entón aclamado por todos os atenienses e recoñecido como futuro rei.

Teseo e o Minotauro

Desde había moito tempo, Atenas estaba obrigada a entregar cada ano un tributo a Creta, que consistía no sacrificio de sete mozos e sete doncelas para seren devorados polo monstro chamado Minotauro, que tiña cabeza de touro e corpo de home, e nacera dos amores de Pasífae, esposa de Minos, cun touro branco. Minos encerrárao no Labirinto, construción complicada do arquitecto Dédalo, na que era fácil entrar pero practicamente imposíbel saír. Teseo ofreceuse a ir. Unha vez alí, propuxo ao rei Minos que se daba acabado co monstro quedarían libres os catorce mozos e Atenas exenta do tributo. Minos aceptou a proposta.

A principal preocupación de Teseo era o modo de saír do Labirinto e nisto entrou en xogo Ariadna, filla de Minos, que se namorou del e o axudou a se librar da morte no Labirinto ofrecéndolle un novelo de fío para que non se perdese no interior de aquel lugar. Teseo seguiu as instrucións de Ariadna, conseguiu matar o monstro e fuxir de Creta no seu barco xunto con Ariadna e o resto dos mozos que o acompañaran.

De regreso á súa patria, Teseo decidiu parar na illa de Naxos para recoller provisións e alí abandonou, sen explicación aparente, a Ariadna, que se quedara dormida. Cando espertou e se deu de conta do sucedido, chorou amargamente. Porén, non moito tempo despois apareceu pola illa o deus Baco e namorouse dela. Ariadna correspondeu este amor e pouco despois casaron.

Volta a Atenas

Teseo continuou a súa viaxe triunfal cara a Atenas, pero cometeu un tremendo erro. Dixéralle a seu pai que á volta da súa viaxe, sei saía vencedor naquela empresa, había izar unha bandeira branca en sinal de vitoria; en caso contrario, se perecese, regresaría a embarcación coa súa acostumada bandeira negra. Teseo esqueceu cambiar a bandeira, e seu pai, que veu desde unha torre como se acercaba o barco polo horizonte portando a bandeira negra, desconsolado, botouse ao mar e morreu. A ese mar que baña as costas de Grecia chámaselle desde entón mar Exeo.

Unha vez en Atenas e tras herdar o trono de seu pai, casou cunha das Amazonas (mulleres guerreiras que vivían cerca do Cáucaso), Antíope, que lle deu un fillo chamado Hipólito. Ao pouco tempo Teseo repudiou á súa esposa para casar con Fedra, filla tamén do rei Minos. Dise que Acamante foi fillo del. Fedra namorouse perdidamente do seu fillastro Hipólito e acosábao, pero so obtiña o desdén de Hipólito. Así que, véndose deshonrada pola vergoña e nun arrebato de rabia suicidouse, deixando como vinganza unha nota ao seu esposo Teseo na que dicía que Hipólito tentara violala. Teseo, enfurecido, desterrou ao seu fillo, que morreu vítima do ataque dun monstro mariño enviado polo deus Neptuno a instancias de Teseo.

Últimos días de Teseo

Xa en idade avanzada, Teseo acompañou ao seu amigo Piritoo ao Inferno, xa que este último quería raptar a Perséfone, a esposa de Hades, para casar con ela. Pero o deus do Hades lles tendeu unha trampa: invitounos a un banquete e unha vez que os tivo sentados á mesa, deixounos adheridos aos asentos. Teseo foi rescatado por Heracles, que coa súa forza logrou despegalo do aseento; en cambio, Piritoo permaneceu condanado a quedar alí para toda a eternidade.

Á súa volta dos infernos, nos últimos anos da súa vida, Teseo encontrouse cun caos total no goberno da súa cidade e decidiuse a se desterrar voluntariamente á illa de Esciros onde foi asasinado polo seu rei Licomedes.

Bibliografía

  • Œdipe intérieur, Annick de Souzenelle, Albin Michel, 1999 ;
  • Thésée, novela de André Gide.
Afrodita

Afrodita é a deusa grega do amor e da beleza. Nacida da escuma do mar de Chipre, segundo Hesíodo, ó ser fecundado polos xenitais do Ceo/Urano, botados polo seu fillo Crono/Saturno despois de castralo.

Durante o xuízo de Paris, nada puido a maxestade da deusa Hera nin a belicosidade de Atenea fronte á súa sedutora beleza, e Paris concedeulle a mazá de ouro como premio á fermosura. Foi a protectora de Paris e de Troia, e logo do heroe latino Eneas, o fillo de Anquises e fundador simbólico de Roma. É tamén a fecundidade na natureza vexetal e animal. O seu fillo é Eros -o latino Cupido- caprichoso frecheiro de dous dardos: un para os amores felices, e o outro para os desgrazados.

Os seus poderes eran inmensos: protexía aos esposos, fecundaba os fogares, estaba presente nos partos, simbolizaba a paixón desenfreada, incitaba aos mortais a toda clase de voluptuosidades e vicios.

A illa de Citeres era o centro do seu culto.

Afrodita tiña o seu propio festival, as Afrodisias, celebradas en toda Grecia, pero sobre todo en Atenas e Corinto.

O seu equivalente romano era Venus, Ishtar en Mesopotamia, Ashtart en Fenicia, Turan en Etruria.

Por mor da súa fermosura, Zeus temía que puidese ser causa de violencia entre os deuses, polo que a casou con Hefesto, pero a infelicidade do seu matrimonio causou que buscase compañía noutros deuses, especialmenteAres, pero tamén Adonis, Anquises e moitos outros.

Apolo

Apolo é un deus da mitoloxía grega, deus do Sol e de tódalas artes en xeral. Fillo de Zeus e de Latona, naceu na illa de Delos. Asentouse no santuario de Delfos, tras dar morte a serpe Pitón, e estableceu alí o seu principal oráculo como deus da adiviñación e a mántica. É tamén o deus da música, a medicina e a poesía e como tal preside o coro das nove Musas, que viven no monte Helicón. A súa beleza era extraordinaria, aínda que ningún mortal o vira nunca, xa que a luz que desprendía deixaba cego a quen o mirara. É tamén o nome que recibiu a misión da NASA que levou ó home á Lúa (Apollo program).

Argonautas

Na mitoloxía grega, os Argonautas (en grego: Αργοναύται) eran un grupo de heroes que, en anos anteriores á Guerra de Troia, acompañaran a Xasón á Cólquida, na busca do vélaro de ouro. O seu nome procede do nome da súa nave, a Argo, que á súa vez fora designada así en honra do seu construtor Argos; de modo que, literalmente, Argonautas significa "mariñeiros do Argo".

Ariadna (mitoloxía)

Na mitoloxía grega, Ariadna era a filla de Minos, rei de Creta e fillo de Zeus e a raíña de Minos, Pasiphaë, filla de Helios. Está asociada principalmente a labirintos debido á súa participación nos mitos do Minotauro e de Teseo. O seu pai púxolle a cargo do labirinto onde se fixeron os sacrificios como parte das reparacións (xa sexa para Poseidón ou Athena); Máis tarde, ela axudou a Thasus a derrotar ao Minotauro e salvar ás posibles vítimas do sacrificio. Converténdose na noiva do deus Dioniso, coa cuestión de ser mortal ou deusa.(Foi caracterizado como "dos desertores") e axudoulle cunha bola de fíos que estaba xirando para que puidese atopar a saída do Labirinto despois de matar ao Minotauro. Ariadna fuxiu entón con Teseo; Teseo non a abandonou, pero Ariadna foi secuestrada por Dionísio e levouna á illa de Lemnos.

Con Dionisio, era nai de Enopión, Toante, Estáfilo e Pepareto.

A coroa que Ariadna recibiu como agasallo de voda foi promovida aos ceos como a constelación Corona Boreal.

Ariadna permaneceu con Dioniso ata máis tarde,Perseo loitaba contra Dioniso en Argos e matou Ariadna para petrificala coa cabeza de Medusa ou despois de lanzar unha lanza que foi dirixido a outro guerreiro. Noutros mitos, Ariadna aforcouse despois de ser abandonada por Teseo. Con todo, Dionisio descendeu a Hades e devolvena coa súa nai Semele. Xuntos uníronse aos deuses do Olimpo. Segundo Hesíodo, foi inmortalizada por Zeus.

Na mitoloxía romana, a deusa comparable é Libera, que poetas romanos asociaban coa greco-minoica Ariadna.

Ariadna foi especialmente adorada en Naxos, Delos e Chipre. Probablemente tamén a veneraran en Argos, onde a tradición indica que alíse encontraba a súa tumba.o certame de Homero e Hesíodo tamén menciona un banquete na honra de Ariadna no lugar onde se atopou o corpo de Hesíodo, aínda que esta mención Ariadna non está segura.

Atenea

Atenea é a filla de Zeus e de Metis, chamada posteriormente polos romanos Minerva. É unha das seis deusas principais do panteón grego clásico. Deusa da sabedoría, gardiá da xustiza e das leis. Aínda que é unha deusa virxe actúa como nai adoptiva de heroes como Perseo e Teseo, e é adorada desde moi antigo como patroa de Atenas, onde se construíu o Partenón, o Erecteión e os Propileos para adorala. Nos mitos clásicos nunca tivo consorte ou amante, e por iso a miúdo era coñecida como Atenea Partenos ("virxe").

Represéntase coa armadura hoplítica, é dicir, coa lanza, o casco e a éxida (especie de coraza de pel de cabra). Na éxide hai representada a cabeza da gorgona Medusa, que lle dera Perseo. O seu nacemento foi accidentado, pois Zeus, tras deixar preñada a Metis, e para evitar os celos da súa esposa Hera, cómea. Co paso do tempo Zeus sofre unhas incribles dores de cabeza. Acode a Hefesto, quen lle abre a cabeza coas súas ferramentas de ferreiro, de onde nacerá Atenea, xa adulta e armada.

Centauro

Na mitoloxía grega, os centauros (en grego Κένταυρος Kéntauros, «matador de touros», «cen fortes», plural Κένταυροι Kéntauroi; en latín Centaurus/Centauri) son unha raza de seres co torso e cabeza de humano e o corpo de cabalo.

Vivían nas montañas de Tesalia e eran fillos de Ixión e Néfele, a nube de chuvia. Alternativamente, considerábanse fillos de Kentauros (o fillo de Ixión e Nefele) e algunhas eguas magnesias, ou de Apolo e Hebe. Ás veces cóntase que Ixión planeaba manter relacions sexuais con Hera, pero Zeus, o seu marido, evitouno moldeando unha nube coa forma de Hera. Posto que Ixión é normalmente considerado o devanceiro dos centauros, pode facerse referencia a eles poeticamente como Ixiónidas.

Eduardo Dieste

Eduardo Dieste Gonçalves, nado en Rocha (Uruguai) o 14 de novembro de 1882 e finado en Santiago de Chile o 2 de setembro de 1954, foi un escritor e diplomático galego de nacionalidade uruguaia, irmán de Rafael Dieste.

Eros

Eros é o nome dun deus grego do amor, correspondente ó Cupido romano.

Hades

Na mitoloxía grega, Hades (en grego antigo ᾍδης Hadēs, orixinalmente Ἅιδης Haidēs ou Ἀΐδης Aïdēs —dórico Ἀΐδας Aidas—, ‘o invisible’) alude tanto ao antigo inframundo grego como ao deus deste. A palabra facía referencia en Homero só ao deus; sendo o xenitivo ᾍιδού Haidou un elisión para designar localización: ‘[a casa/dominio] de Hades’. Finalmente tamén o nominativo chegou a designar a morada dos mortos.

Na mitoloxía grega, Hades é o fillo varón maior de Crono e Rea. Segundo o mito, el e os seus irmáns Zeus e Poseidón derrotaron aos Titáns e reclamaron o goberno do cosmos, adxudicándose o inframundo, o ceo e o mar, respectivamente; a terra sólida, desde moito antes provincia de Xea, estaba dispoñible para os tres ao mesmo tempo.

Hades tamén era chamado Plouton (en grego antigo Πλούτων, xenitivo Πλούτωνος, ‘o rico’), nome que os romanos latinizaron como Plutón. Os antigos romanos asociaron a Hades/Plutón coas súas propias deidades ctónicas, Dis Pater e Orco. O deus etrusco equivalente era Aita.

O termo «hades» na teoloxía cristiá (e no Novo Testamento Grego) é paralelo ao hebreo sheol (שאול, ‘tumba’ ou ‘pozo de sucidade’), e alude á morada dos mortos. O concepto cristián de inferno parécese máis ao Tártaro grego, unha parte profunda e sombría do Hades usada como alxube de tormento e sufrimento.

Hefesto

Na mitoloxía grega, Hefesto (en grego Ἥφαιστος Hêphaistos, quizais de φαίνω phainô, ‘brillar’) é o deus do lume e da forxa, así como dos ferreiros, os artesáns, os escultores, os metais e a metalurxia. Era louvado en tódolos centros industriais e manufactureiros de Grecia, especialmente en Atenas. O seu equivalente na mitoloxía romana era Vulcano.

Hefesto era feo e tolleito. Mesmo o mito di que, ó nacer, Hera -súa nai- viuno tan feo que o tirou do Monte Olimpo e deixouno eivado. Tanto é así, que camiñaba coa axuda dunha vara e, nalgunhas vasillas pintadas, os seus pés aparecen do revés. Na arte, é representado coxo, suorento, coa barba desaliñada e o peito descuberto, inclinado sobre a súa bigornia, a miúdo traballando na súa forxa.

A aparencia física de Hefesto indica arsenicose, é dicir, envelenamento crónico por arsénico que provoca coxeira e cancro de pel. O arsénico engadíase ó bronce para endurecelo e a moitos dos ferreiros da Idade de Bronce padeceron esta enfermidade.

Hera

Hera (Xuno na cultura romana) foi a principal esposa de Zeus, raíña do Olimpo. Protectora do matrimonio, é envexosa e as veces celosa -dende logo, con motivos- do seu marido. Nunca perdoou ao príncipe troiano Paris que pospuxera a súa beleza á de Afrodita no famoso Xuízo de Paris.

Odiaba as mulleres amadas polo seu marido e os fillos que delas tivo: ben o sufriu Heracles durante toda a súa vida.

Mar Exeo

O Mar Exeo (grego: Αιγαίο Πέλαγος Aigaío Pélagos, turco: Ege Denizi) é un brazo do Mar Mediterráneo situado entre Grecia e a península de Anatolia, é dicir, entre as terras altas de Grecia e de Turquía. No norte, o Exeo está conectado ao Mar de Mármara e a o Mar Negro polos Dardanelos e o Bósforo. Considérase que este mar está delimitado ao sur por un arco que atravesa, en dirección oeste-leste, as illas de Citera, Anticitera, Creta, Kasos, Karpathos e Rodas. Polo arbitrario do seu «límite» sur, é difícil atribuírlle unha superficie exacta, sendo un valor aproximado 180.000 km². De norte a sur, a súa extensión máxima é de 600 km, e do leste a oeste é de 400 km.

O mar era tradicionalmente coñecido como o Arquipélago (na Lingua grega antiga, Ἀρχιπέλαγος, que significa "mar principal"),[Cómpre referencia] pero en galego o significado de arquipélago cambiou para referirse ás illas do Exeo e, en xeral, a calquera grupo insular.

Minotauro

Na mitoloxía grega, o Minotauro era unha criatura con corpo de home e cabeza de boi. El vivía no Labirinto elaborado e construído polo rei Minos de Creta. O labirinto fora deseñado polo arquitecto Dédalo para manter ao Minotauro. Finalmente o Minotauro foi morto por Teseo.

"Minotauro" en grego significa "Touro de Minos". O touro tamén era coñecido como Asterio ou Asterión, un nome compartillado co pai adoptivo de Minos.

Monte Olimpo, Grecia

O monte Olimpo (que significa o luminoso) é a montaña máis alta de Grecia, e dos Balcáns xunto ó Musala de Bulgaria, ambos con 2 925 metros de altitude.

A mitoloxía grega situaba no Olimpo o fogar dos deuses olímpicos, os principais deuses do panteón grego. Os gregos crían que nel había construídas mansións de cristal na que moraban os deuses.

Existen máis montañas con este nome en todo o mundo, unhas dezaoito, ademais dun volcán marciano.

Ninfa (mitoloxía)

Na mitoloxía grega, unha ninfa é un ser mitolóxico membro dun grande grupo de espíritos femininos da natureza, ás veces unidos a un lugar ou orografía particular. As ninfas adoitaban acompañar a varios deuses e deusas, e eran con frecuencia o obxectivo de sátiros luxuriosos.

As ninfas son as personificacións das actividades creativas e alentadoras da natureza. A palabra grega νύμφη significa "noiva" e "virxe", entre outras cousas; ou sexa, unha muller en idade casadoira. Outros fan referencia a esta palabra (e tamén á latina nubere e mais á alemá Knospe) como unha raíz que expresa a idea de ‘crecer’ (segundo Hesiquio de Alexandría, un dos significados de νύμφη é ‘botón de rosa’). O lar das ninfas está nas montañas e arboredas, nos mananciais e ríos, nos vales e nas frías grutas. Con frecuencia son o séquito de divindades superiores: de Ártemis a cazadora, de Apolo o profeta, do esmorgueiro e deus das árbores Dioniso, do mensaxeiro Hermes e tamén de deuses rústicos como Pan, deus dos pastores.

Os doce traballos de Hércules

Heracles (máis coñecido polo seu nome romano Hércules) é o nome dun heroe mitolóxico grego. O seu pai era Zeus quen, abraiado pola beleza de Alcmena, a muller de Anfitrión de Tebas, adquiriu a forma do seu esposo para enganala. Froito desa relación naceu Heracles.

A súa forza física sería a a súa característica física máis prezada, demostrada xa desde pequeno ao afogar dúas serpes no berce. Cando acadou a idade adulta matou ao León de Citerón e vestiuse coas súas peles.

Venceu aos minios que gravaban aos tebanos cun pesado tributo, o que lle asegurou a simpatía dos seus veciños, quen lle ofreceron como recompensa a princesa Méxera coa que casou. Cando a princesa lle deu tres fillos, Hera, a esposa de Zeus que non esquecía ningunha ofensa, volveuno tolo temporalmente. Heracles, entón, matou a súa muller e fillos coas súas propias mans. Coa dor por estes asasinatos acudiu ao seu primo Euristeo quen lle encargou os doce traballos como penitencia.

Selene

Representa á Lúa na mitoloxía grega, é filla dos titáns Hiperión e Tía, e irmá de Helios (o Sol) e de Eos (a aurora). Era representada como unha muller xove que percorría o ceo nun carro de prata tirado por dous cabalos brancos.

Conta a lenda, que en certa ocasión namorou dun pastor chamado Endimión, e pediulle a Zeus que lle concedera un desexo. Este aceptou e Endimión pediu durmir eternamente, e só ser despertado nas visitas da súa amada Selene.

Templo grego

O templo grego é unha das tipoloxías arquitectónicas de maior relevo na Grecia antiga. Ten a súa orixe no mégaron, espazo existente nos anteriores palacios micénicos, exercendo unha forte influencia na posterior arquitectura da Roma antiga e no seu respectivo templo romano.

Ventos (mitoloxía)

Na antiga relixión e na mitoloxía gregas, os Anemoi (grego: Ἄνεμοι, "Ventos") foron deuses dos ventos que tamén estaban adscritos a un punto cardinal, dende o que proviñan os seus ventos, e tamén foron asociados ás diferentes estacións e condicións meteorolóxicas. Foron representados como meros refachos de vento, personificados como homes con ás, e tamén como cabalos nas cortes da tormenta do deus Eolo, que proveeu a Ulises cos Anemoi durante a Odisea. Os espartanos foron rexistrados sacrificando un cabalo ós ventos no Monte Taixeto. Eolo e Eos, a deusa do amencer, eran os pais dos Anemoi segundo o poeta Hesíodo.

Dos catro ventos xefe , Bóreas (Aquilo en latín) era o vento do norte que traía o ar frío do inverno, Noto era o vento do sur que traía as treboadas de verán e outono, Céfiro era o vento do oeste que traía o ar da primavera e as brisas de verán; e Euro, o vento do leste, non estaba asociado a ningunha das tres estacións gregas, e é o único dos catro que non é mencionado na Teogonía de Hesíodo ou nos himnos de Orfeo. Ademais, había outros catro ventos menores asociados ó nordeste, sueste, noroeste, e suroeste.

As deidades equivalentes ós Anemoi na mitoloxía romana eran os Venti. Malia teren nomes diferentes, eran moi semellantes ós gregos pois mantiñan os seus atributos.

Relixións e cultos
Grupos
Deuses olímpicos
Outras deidades maiores
Heroes
Ritos e prácticas
Lugares sagrados

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.