Terracota

A terracota (do italiano terra cotta "terra cocida") é a arxila modelada e endurecida ao forno, fundamento dos traballos de cerámica, utilizada tanto para recipientes como para a realización de esculturas e decoración arquitectónica. Ata en Etruria, durante os séculos III e II a.C., utilizouse para a elaboración de sarcófagos. En Merimde foi empregada desde o cuarto milenio a.C.

Banditaccia Sarcofago Degli Sposi
O Sarcófago dos esposos, elaborado en terracota pintada.

Historia e características

Desde os tempos máis remotos, a arxila foi para o home o material máis importante para elaborar obxectos. Abunda na natureza e é fácil de modelar simplemente coas mans, sen necesidade de utensilios. A arxila é unha mestura de minerais cunha pequena cantidade de substancias orgánicas.

Antes de que se inventase o torno, o home modelaba a arxila coas súas mans, preparando unha pasta que logo apertaba e lavaba para finalmente deixala decantar en pequenos recipientes. Unha vez feita esta operación, o amasillo presionábase ata darlle forma, ou ben enrolaba en espiral tiras de arxila. O torno veu a facilitar o traballo e axudou a perfeccionalo.

Se o obxecto require para a súa terminación engadir un asa ou un biquelo, estes elementos incorpóranse despois do traballo do torno. Unha vez terminada a peza, vén o proceso do secado durante o cal a terracota perde parte da auga. A continuación cócese nun forno especial que alcanza aos poucos unha temperatura de 1.300 a 1.400 graos. A masa vólvese máis dura e compacta. Unha vez terminada a cocción, déixase arrefriar amodo.

Para a realización deste traballo empréganse estes utensilios: torno, forno, varillas e matrices. Coas varillas fanse os acabados e os relevos cando a arxila está aínda branda.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Foxe, Antonella. Técnicas y materiales de arte. Editorial Electa, Barcelona 2004. ISBN 84-8156-377-3

Outros artigos

11 de xullo

O 11 de xullo é o 192º día do ano do calendario gregoriano e o 193º nos anos bisestos. Quedan 173 días para finalizar o ano.

Acroterio

Un acroterio é un ornamento arquitectónico que consiste nun pedestal, orixinalmente unha placa circular e en terracota pintada, que serve de remate a un frontispicio decorado con elementos vexetais ou para colocar unha estatua dun edificio de estilo clásico ou na arquitectura gótica.

Antefixo

O antefixo ou antefixa (do latín antefigere, literalmente fixar por diante) é un bloque ornamental colocado verticalmente ao longo dos beirís dos tellados para protexer os extremos das tellas e esconder a unión entre elas.

En grandes edificios, a cara dos antefixos de pedra eran tallados con detalle. En edificios de menores proporcións empregábanse antefixos modelados en cerámica, polo xeral terracota, e que adoitaban estar decorados con figuras ou máscaras, especialmente durante o período romano. Nesta época era común atopalos en numerosos edificios e casas particulares.

Aveta

Na relixión celta, Dea Aveta foi unha deusa nai, tamén asociada coa fonte de auga fresca Tréveris, no que hoxe é Alemaña. Aveta é coñecida polas figuriñas de barro atopadas Toulon-sur-Allier en Francia e en Tréveris. Esas figuras amosan á deusa con bebés no peito, cadelos pequenos ou cestos de froita. Había un templo dedicado a Aveta no complexo de Altbachtal en Tréveris.

O seu nome sábese por inscricións atopadas en Suíza, e en Côte-d'Or (Francia).

Cerámica

A cerámica é a arte que fabrica obxectos como olas, xerras, tellas etc. en terracota que sufriron unha transformación fisicoquímica irreversible no curso dunha cocción a temperaturas máis ou menos elevadas (de 700 °C a 1100 °C) despois de lles dar a forma mediante un moldeado. Na historia da humanidade é a primeira arte do lume e atópase antes da metalurxia e do vidro. A palabra abarca tanto a tecnoloxía como os obxectos feitos con ela. Certos tipos de cerámicas son representativas dunha época e dunha cultura.

Forno

Un forno é un dispositivo que xera calor e que o mantén dentro dun compartimento pechado. Utilízase xeralmente na cociña para quentar, cocer ou secar alimentos.

A enerxía calorífica utilizada para alimentar un forno pode ser suplida directamente por combustión (leña, gas), radiación (luz solar), ou indirectamente por medio de electricidade (forno eléctrico).

Guerreiros de Terracota

Os Guerreiros de terracota (兵馬俑; pinyin: bīng mă yŏng, tradución literal: "Figuras de soldados e cabalos"), dentro do Mausoleo de Qin Shi Huang, tamén coñecido como o Mausoleo do Primeiro Emperador Qin (秦始皇陵; pinyin: qín shĭ huáng líng), foi descuberto en marzo de 1974 durante unhas obras para o abastecemento de augas de regadío preto de Xi'an, China. Desde o ano 1987 está considerado por parte da UNESCO como Patrimonio da Humanidade.

Gárgola (arquitectura)

En arquitectura, as gárgolas son desaugadoiros, ou sexa, son a parte saínte das calexas dos tellados que se destinan a botar as augas pluviais a certa distancia da parede dos edificios e que, especialmente na Idade Media, eran ornadas con figuras monstruosas, humanas ou animalescas, comunmente presentes na arquitectura gótica.

O termo orixinouse a partir do francés gargouille, de gargouiller 'producir un ruído semellante ao dun líquido nun tubo', derivado do latín gurgulio, e este do grego antigo γαργαρίζω gargarízo, 'facer gargarexos'.

No pasado pensábase que as gárgolas eran os gardiáns das catedrais e que durante a noite cobraban vida.

As quimeras ou figuras grotescas son un tipo de esculturas semellantes ás gárgolas. Malia que non funcionan como desaugadoiros, tamén son popularmente coñecidas como gárgolas.

Herma

Na Grecia Antiga, unha herma (ἕρμα, plural ἕρμαι hermai, en grego), era un piar cadrado ou rectangular de pedra, terracota ou bronce (o estípite) sobre a que se colocaba un busto do deus Hermes, representado normalmente con barba. O piar era máis ancho por arriba que na parte inferior. Na base colocábase un falo en erección, símbolo de virilidade e disposición ás armas.

O nome do deus Hermes provén das hermas, e delas procede tamén o seu papel como protector de mercadores e viaxeiros, pois anteriormente fora un deus fálico asociado coa fertilidade e a sorte.

As hermas colocábanse nas rúas, portas e encrucilladas dos camiños como símbolo protector, e tamén como delimitadores de propiedades. En Atenas erguíanse fora das casas para atraer a boa sorte. Cada barrio tiña a súa herma e consérvanse vaixelas con pinturas que mostran sacrificios particulares realizándose diante delas.

Louza

Denomínase louza á terracota esmaltada ou vernizada, de pasta fina, porosa, absorbente e opaca. Esta pasta está composta de varias arxilas brancas mesturadas con terras silíceas calcinadas. Segundo sexa a clase de arxila así adquirirá a cor despois de cocida, que pode ser amarela, vermella, parda ou negra. Alcanza unha gran dureza e resistencia. O impermeabilizado da louza conséguese cun verniz fluído que contén sílice, minio, branco de chumbo e galena, todo isto moído en auga antes da súa cocción. É moi útil para os obxectos domésticos.

Luca della Robbia

Luca della Robbia, nado en Florencia en 1400 e finado na mesma cidade no ano 1482, foi un escultor e ceramista italiano, famoso polas súas obras en terracota.

Desenvolveu un esmalte cerámico que facía que as súas obras tivesen unha maior durabilidade no ar libre, facendo así posíbel o uso de cerámica na decoración exterior de edificios. A súa obra caracterízase polo seu feitizo, fronte ao dramatismo tan frecuente nos seus contemporáneos. Dúas das súas obras máis famosas son A Natividade (c. 1460) e a Virxe co Neno (c. 1475). Foi o primeiro dunha dinastía de importantes ceramistas: Andrea della Robbia (sobriño seu) e Giovanni della Robbia (resobriño seu, fillo de Andrea).

Della Robbia foi gabado polo seu compatriota Leon Battista Alberti como un xenio comparábel aos escultores Donatello e Lorenzo Ghiberti, ao arquitecto Filippo Brunelleschi e ao pintor Masaccio. Para xustificar este emparellamento de della Robbia con artistas contemporáneos desta categoría, Alberti reivindicaba o interese e a forza das súas obras en mármore e bronce, así como as súas obras en terracota, sempre asociadas ao seu nome.

Matres e Matronas

As Matres (latín "nais") e Matronas (latín "matronas") eran deidades femininas veneradas no Noroeste de Europa dende o século I ó V. Son representadas en obxectos votivos e altares que amosan imaxes de deusas, en grupos de tres, que contan con inscricións (a metade delas con nomes celtas, e a outra metade con nomes xermanos). Foron veneradas nas rexións que foron ocupadas polo exército romano entre os século I e V, é dicir, Xermania, Galia oriental, e norte de Italia.A información sobre as prácticas relixiosas que rodean ás Matres limítase ás pedras nas cales foron atopadas as inscricións, das cales tense constancia dunhas 1.100. As matres xermánicas teñen unha conexión cos mitos das dísir, valquirias e norns, das cales tense constancia en fontes literarias do século XIII.

As matres tamén aparecen en relevos e inscricións votivas noutras áreas ocupadas polos romanos, como o sueste da Galia (Bibracte); en Galicia e Portugal, onde se coñecen unhas vinte inscricións, algunhas das cales teñen epítetos locais como Matribus Gallaicis "ás nais galegas"; e tamén na antiga cultura romano-celta de Pannonia, na inscrición Nutrices Augustae atopada en Ptuj, Baixa Estiria.

Nixeria

Nixeria ( [n ), oficialmente República Federal de Nixeria, é unha república federal que comprende 36 estados e máis o Territorio da Capital Federal, Abuja. O país está localizado no oeste de África, e comparte fronteiras terrestres coa República de Benín polo oeste, Chad e Camerún polo leste, e Níxer polo norte. No sur está a costa, co golfo da Guinea no océano Atlántico.

Ó longo da historia, a zona veu nacer varios reinos e imperios, mais o moderno estado de Nixeria ten a súa orixe na colonización británica da rexión dende finais do século XIX e comezos do XX. O país xurdiu da combinación de dous protectorados británicos veciños: o Protectorado do Sur de Nixeria e o Protectorado do Norte de Nixeria. Durante a era colonial, os británicos estableceron estruturas legais e administrativas ó tempo que se mantiveron as xefaturas tradicionais. Nixeria conseguiu a independencia en 1960, mais pouco despois sumiuse nunha guerra civil durante varios anos. Dende entón, o seu goberno alternouse entre dirixentes democraticamente elixidos e ditaduras militares, sendo as eleccións presidenciais de 2011 as primeiras realizadas en termos razoables de liberdade e claridade.Nixeria é considerado como o "Xigante de África", por mor da súa gran poboación e economía. Con aproximadamente 174 millóns de habitantes, Nixeria é o país máis populoso de África e o décimo sétimo máis poboado do mundo. O país está habitado por máis de 500 grupos étnicos, sendo os tres máis grandes os hausas, os igbos e os yorubas.

Atendendo á relixión, Nixeria está dividida en dúas metades, entre os cristiáns que viven na parte sur e central do país, e os musulmáns, concentrados nas zonas norte e suroeste. Unha minoría da poboación practica as relixións indíxenas de Nixeria.

No 2014, a economía de Nixeria (PIB) converteuse na máis grande de África, valorada en máis de $500 billóns, e superou a Suráfrica para ser a 26ª economía máis grande do mundo. Ademais, a relación da débeda do seu PIB é de só o 11% (8% menos que a relación de 2012). No 2050, as previsións din que Nixeria será unha das 20 principais economías do mundo. As reservas de petróleo do país xogaron un papel moi importante no crecemento da súa riqueza e influencia. Nixeria é considerado como un mercado emerxente polo Banco Mundial e foi identificado como a potencia rexional de África. Tamén é membro do grupo de países "MINT", que son aqueles identificados como os novos "BRIC"s. Tamén está listada como unha economía dos "Vindeiros once", entre os máis grandes do mundo. Nixeria é membro da Commonwealth de Nacións, da Unión Africana, da OPEC e das Nacións Unidas, entre outras organizacións internacionais.

Olaría

A olaría é o traballo con arxila cocida co obxecto de elaborar utensilios tal que potas, pratos, vasos, porróns e moitas outra pezas.

Ostracismo

O ostracismo (do grego ὀστρακισμός ostrakismós) foi unha institución xurídica da democracia ateniense utilizada para castigar cun exilio temporal de dez anos a todo o que puidese representar un perigo para a cidade. No uso corrente o ostracismo significa excluír a alguén da sociedade ou da comunidade impedíndolle a comunicación.

Segundo Aristóteles o ostracismo foi ideado por Clístenes o -510, pero segundo algúns se ten que datar a súa institución vinte anos despois, cando se aplicou a Hiparco de Colarxes, da familia dos Pisistrátidas.

O ostracismo consistía nunha votación, durante a oitava pritanía, cando o nome do individuo penado tiña que ser escrito nun anaco de terracota ou óstrakon.

O carácter político do xuízo de ostracismo emerxe claramente do feito de que a condena non require e non comporta unha acusación penal: Plutarco, por exemplo explica que Arístides sufriu ostracismo porque a súa boa fama e reputación facíano, independentemente das súas intencións, un tirano potencial.

Usábase o óstrakon porque o papiro era moi caro e importado de Exipto.

Para que a votación fose válida tiñan que participar polo menos 6.000 cidadáns. Moitos notábeis políticos democráticos sufriron ostracismo. Nalgúns casos aprobáronse leis especiais para recuperar a cidadáns exiliados, por exemplo, nas guerras contra os persas recuperouse a Arístides.

Segundo Aristóteles tamén en Argos se practicaba o ostracismo. Na obra de Aristófanes dise que en Mégara e en Mileto tamén había ostracismo.

Sarcófago

Un sarcófago ou sartego é un recipiente, xeralmente tallado en pedra, destinado a conter un cadáver. No Antigo Exipto, os sarcófagos da realeza albergaban polo menos un cadaleito, xeralmente de madeira, onde se custodiaba a momia do defunto que previamente era sometido a un proceso de embalsamamento.

Tesela

A tesela é unha pequena peza de pedra, terracota ou vidro coloreado que se emprega para confeccionar un mosaico. A palabra provén do latín tessella que, á súa vez, procede do termo grego τεσσερες.

Os romanos elaboraban os mosaicos con estas pequenas pezas chamadas teselas, por iso é polo que se referisen a eles tamén como opus ou ars tessellatum. As teselas son pezas de forma cúbica, feitas de rochas calcáreas ou materiais de vidro ou cerámicas, moi coidadas e elaboradas e de distintos tamaños. O artista dispúñaas sobre a superficie, como un crebacabezas, distribuíndo a cor e a forma e amoreándoas cunha masa de conglomerante.

No mundo grego foi moi frecuente e desde moi cedo (dende fins do século V a. C.) o pavimento composto por coios de río (pedriñas que se atopan nas beiras) de tamaños e de cores distintas. Con estes coios facíanse debuxos sinxelos de temas xeométricos. A finais do século -III, as teselas substtuíron estes coios polícromos.

Venus paleolíticas

As venus paleolíticas son figuras femininas de óso, corno, marfil, pedra, terracota, madeira ou lama, datadas no Paleolítico superior, dentro do cal constitúen a principal categoría de arte móbel ou mobiliar, superando o centenar de exemplares, no caso das figuras de vulto redondo, e os dous centenares se se inclúen representacións parietais. Estas esculturas teñen tamaños modestos, até diminutos, oscilando entre os 4 e os 25 centímetros.

O primeiro descubrimento foi a Venus de Brassempouy, en 1893, por Édouard Piette. Catro anos máis tarde, Salomon Reinach daba a coñecer as figuras de esteatita das covas de Grimaldi. En 1908 foi exhumada a famosísima Venus de Willendorf, nun campo de loess do val do Danubio, en Austria. Esta escultura, que se converteu nunha icona, anunciaba o descubrimento de numerosas esculturas femininas que se estendían dende os Pireneos franceses até as chairas siberianas do lago Baikal. Foron bautizadas co nome de Venus ó estenderse a noción de que constituían un ideal de beleza prehistórica, e, aínda que a idea foi rexeitada, a denominación de venus persiste.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.