Termas romanas de Lugo

As termas romanas de Lugo son os restos do antigo balneario romano situado á beira do río Miño, preto da antiga ponte romana. Estas termas romanas foron declaradas Monumento Histórico-Artístico en 1931, e agora forman parte das instalacións do Hotel Balneario de Lugo. A construción destes baños é contemporánea á fundación da cidade, ao redor do ano 15 a.C.. O recinto mellor conservado das instalacións é o apodycterium, o vestiario.

Coordenadas: 43°00′42″N 07°33′26″O / 43.01167, -7.55722

Termas romanas de Lugo
Parte do conxunto das Termas.

Descrición

A instalación de termas e balneario era esencial dentro da Roma antiga, polo que se abriron ao tempo que se fundaba Lucus Augusti. Recibían auga dun manancial termal con propiedades minero-medicinais,[1] con augas sulfurado-sódicas e carbonatadas que abrollan a 43,8 ºC. Estas augas son explotadas aínda hoxe dentro do Hotel Balneario de Lugo.[2]

O apodycterium é a área mellor conservada. Este lugar para espirse consiste nunha gran sala con pavimento de opus signinum, material de uso común composto de rebo de tella e ladrillo con cal. Ao fondo da sala hai dúas portas en arcos que dan paso a diversas estancias, incluída unha parede composta de dezaoito furnas que se usaban a modo de armario para gardar a vestimenta e os obxectos persoais.

Outra das zonas visitables é a antiga sala de baños, con forma abovedada. Había tres áreas diferenciadas: o frigidarium, para baños fríos; o tepidarium, para baños mornos, e o caldarium, para baños quentes. En épocas posteriores esta sala foi convertida en capela cristiá.

Notas

  1. Meijide Failde, Rosa. "Historia del Balneario "Termas Romanas" de Lugo" (PDF). Universidade da Coruña. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 31 de outubro de 2014. Consultado o 04 de xaneiro de 2017.
  2. Termas romanas de Lugo. Asturnatura

Véxase tamén

Bibliografía

  • Arias Vilas, F. e de Vega Rodríguez, A. (1997): "Las termas romanas de Lugo", en Peréx Agorreta, M. J.: Termalismo antiguo. Actas I Congreso Peninsular. ISBN 9788436236033
  • Meijide Cameselle, G. e Herves Raigoso, F. (2000): "Un nuevo espacio en las termas de Lugo", en Fernández Ochoa, C. e García Entero, V.: II Coloquio Internacional de Arqueología en Gijón. Termas romanas en el Occidente del Imperio. Concello de Xixón. ISBN 9788489880379

Outros artigos

Ligazóns externas

Balneoterapia

A balneoterapia, ou balneación, (do latín balneum, "baño", e terapia) é un conxunto de terapias ou tratamentos destinados a curar enfermidades ou a conservar a saúde que habitualmente se realizan en balnearios. Aínda que se considera distinta da hidroterapia (practicada normalmente en spas), hai varias coincidencias na súa práctica e nos seus fundamentos.

Lugo

Lugo é unha cidade e concello de Galicia, capital da provincia de Lugo e da comarca homónima. Fundada no ano 25 a.C. por Paulo Fabio Máximo, é unha cidade de orixe romana e a máis antiga de Galicia. Construída nas proximidades dun castro, na época romana recibiu o nome de Lucus Augusti. Son testemuña dos seus primeiros anos de historia os numerosos restos romanos, moitos deles conservados no Museo Provincial, e sobre todo a Muralla Romana, única no mundo que conserva todo o seu perímetro e declarada Patrimonio da Humanidade no ano 2000.

Ao longo da súa historia ocorreron tanto épocas de abandono como importantes momentos na historia do país, dende a xuntanza no ano 842 dun grande exército galego para conquistar Oviedo e entronizar a Ramiro I como primeiro rei da dinastía galega, ata o pronunciamento do Coronel Miguel Solís, que daría comezo á Revolución Galega de 1846.

Xeograficamente, a cidade atópase situada nun outeiro, nas terras do Alto Miño, e circundada polo propio río Miño, ademais doutros máis pequenos como o Mera. O concello, incluído na Reserva da Biosfera "Terras do Miño", é o segundo máis extenso de Galicia, e no que no ano 2014 habitaban 98.560 persoas, o que supón que sexa o cuarto de Galicia en poboación despois de Vigo, A Coruña e Ourense.

O xentilicio dos habitantes é lucense ou tamén lugués. Lugo é unha cidade comercial e de servizos, cun campus universitario especializado en Ciencias Agrarias (Veterinaria, Montes...). Destacan tamén as populosas festas realizadas na cidade como o Arde Lucus, que relembra o pasado romano e castrexo da cidade, e o San Froilán, que cada ano atrae á cidade do 4 ao 12 de outubro a máis dun millón de visitantes.

Termas romanas

As termas romanas son recintos públicos destinados a baños típicos da civilización da Roma antiga. Os baños das vilas romanas chamábanse Balmes ou balneum, e se eran públicos thermae ou therma.

Estes baños públicos tiñan estancias reservadas para actividades ximnásticas e lúdicas. Tamén eran consideradas lugares de reunión, e a elas acudía a xente que non podía ter un na súa casa, como os plebeos ou escravos. A veces os emperadores ou os patricios concedían baños gratis para o resto da poboación.

Os baños, tanto públicos como privados, estiveron presentes en moitas das civilizacións ao longo da historia. Son numerosas as prácticas relixiosas e sociais, que desde a antigüidade tiveron como acto principal o baño, asociado este á limpeza, tanto hixiénica do corpo como a da alma ou espírito, a purificación.

Na civilización romana a institución dos baños, as termas, era fundamental nos servizos para a cidadanía. As termas públicas romanas respondían a unha función social e política. Foron lugares ideais para a conversa relaxada, o recreo e a relación social. Coidábase o ambiente cunha delicada decoración con frescos, mosaicos e estatuas.

Monumentos
Museos
Espazos públicos
Festas

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.