Templo romano

O templo romano, era o lugar de culto da Roma Antiga. Na súa orixe resultou da combinación entre o tipo de cella etrusco-itálico e o pórtico de columnas do templo grego, con planta rectangular e lixeiras diferenzas no que Vitrubio chamou orde toscana, case cadrado sobre zócolo accesible por unha escaleira anterior (podium). Porén, os esquemas varían moito e adoptan singularidades, sobre todo en Oriente. Os de planta rectangular son os normais; así, o de Templo de César no foro de Roma, edificado onde se incinerou o seu corpo, tiña un podium recuberto de placas de pedra, cuxa parte dianteira avanzaba cara ao foro e formaba unha tribuna (rostra Iulia), en cuxo centro un semicírculo deixaba lugar para o altar, e aos lados estaban os esporóns das naves capturadas en Accio; por dúas escaleiras subíase ao templo hexástilo e próstilo; outro exemplo, moi ben conservado, é a Maison carrée en Nîmes, hexástilo e pseudoperíptero corintio, construído por Augusto en honra dos seus fillos adoptivos Agripa, Caio e Lucio.

Templi-greci-it
Plantas dos templos gregos, base dos romanos

A planta circular aplicouse aos templos de Vesta, en memoria da cabana romana; segundo Vitrubio, podía ter ou non cella interior, sendo o primeiro un tholos con pórtico, como o de Tívoli, de tempos de Sila, ou o do foro romano. Notable tamén o templete de Baalbek, precedido dun pronaos tetrástilo, e sobre todo o Panteón de Agripa, fundado por Augusto e refeito por Hadrián, cuberto por unha enorme bóveda e precedido por un pronaos octóstilo. Unha planta especial é a dos capitolios, adicados á Tríade Capitolina, con tres cellas contiguas e paralelas en sentido lonxitudinal, situándose a Xúpiter no centro, á dereita Xuno e á esquerda Minerva; os sacrificios ofrecíanse na porta da capela de quen se quería honrar; outros capitolios acháronse en Timgad (Alxeria), Pompeia, Sbeitla (Tunisia), e outros lugares ata onde se espallou o Imperio.

Hai outras plantas resultantes da introdución de cultos orientais cuns ritos determinados; así os de Cibeles, Isis e Serapis. No Mediterráneo foron numerosos os templos dedicados a Mitra, primeiramente en criptas e logo en cámaras rectangulares con fiestras e instalacións para o sacrificio do touro e as lustracións, cun altar no que se representaba invariablemente a morte do touro polo deus. No norte de África hai moitos exemplos de templos de forma particular, como o de Iuno Celestis (Tanit) en Dugga (Tunisia), disposto nun patio semicircular.

Croatia Pula Temple of Roma and Augustus 2014-10-11 11-30-05
Templo de Augusto en Pula, Croacia
Arquitrabe

A arquitrabe é a parte inferior do entaboamento na arquitectura clásica. A súa función estrutural é servir de lintel, para transmitir o peso da cuberta ás columnas.

É un elemento fundamental na arquitectura de cuberta plana, chamada arquitrabada. A arquitectura grega clásica e o seu precedente, a arquitectura exea, son un exemplo típico de estruturas arquitrabadas, aínda que, anteriormente, os edificios monumentais exipcios tamén se construíron con cubertas planas ou alinteladas.

Braga

Braga (do latín bracara, topónimo procedente dos brácaros, que habitaban no convento de bracarense, e que fai alusión as brācae , bragas ou calzas que vestían. Despois foi chamada 'Bracara Augusta'.) é a cidade máis antiga de Portugal e unha das cidades cristiás máis antigas do mundo occidental, fundada no tempo dos romanos como Bracara Augusta, ten máis de 2000 anos de historia como cidade. Está situada no Val do Cávado, no Norte de Portugal, e en 2011 tiña 181.474 habitantes. É a capital da provincia de Minho.

É unha cidade chea de cultura e tradicións, onde a Historia e a relixión conviven coa industria tecnolóxica e co ensino universitario. O Fórum Europeo da Xuventude elixiuna Capital Europea da Xuventude en 2012.

Cartago

Cartago (do fenicio Kart-Hadasht, ou Qrthdst, isto é «Nova Cidade», en árabe قرطاج (Qartax) ) é unha antiga cidade, orixinariamente unha colonia fenicia no norte en Tunisia, situada a leste do Lago de Tunes, preto do centro de Tunes. Foi unha potencia do mundo antigo, disputando con Roma o control do mar Mediterráneo. Desa disputa orixináronse as tres guerras púnicas, despois das cales Cartago foi destruída.

A antiga capital púnica é hoxe un barrio de Tunes e un sitio arqueolóxico e turístico importante, sendo clasificado Patrimonio Mundial pola UNESCO en 1979.

Coco (folclore)

O coco é un ser mítico, unha especie de pantasma, meiga ou monstro co que se asusta nenos. Aínda que non ten unha aparencia definida, este ser tiña unha representación figurada: a súa cabeza era unha especie de cabaza da que saía luz ou lume. A representación do coco adoitábase facer mediante unha cabaza con tres ou catro buratos cos que se imitaban os ollos, o nariz e a boca. Unha vez baleirada a cabaza, procedíase a colocar unha luz dentro e deixábase durante a noite nun lugar escuro para arredar ós nenos e outras persoas que por alí pasaran.

O coco é un ser masculino e o seu equivalente feminino é a coca, aínda que ámbolos dous sexan, ó cabo, aspectos do mesmo ser. É doado que se produzan confusións, xa que ningún dos dous ten unha forma definida e ás veces tómase a un polo outro.

Colonia, Alemaña

Colonia (en alemán: Köln, en kölsch: Kölle) é a cuarta cidade máis grande de Alemaña despois de Berlín, Hamburgo e Múnic, e é a maior cidade no Estado Federal de Renania do Norte-Westfalia. Posúe 995.420 habitantes (2008). É unha das máis antigas cidades de Alemaña, sendo fundada polos romanos no ano 30 AC. Colonia recibiu o status de "cidade" romana no ano 50 DC.

Colonia está bañada polo Rhin. Na súa coñecida catedral, de estilo neogótico, (Kölner Dom) ten a súa sede o Arcebispado de Colonia. A Universidade de Colonia (Universität zu Köln) é unha das máis antigas de Europa e é internacionalmente recoñecida polo seu departamento de económicas. Tamén é importante para a cidade a cervexa Kölsch.

Córdoba, España

Córdoba é unha cidade andaluza, capital da provincia homónima, situada a beiras do río Guadalquivir e ao pé de Serra Morena. Provén do latín Corduba, e posiblemente dunha anterior fenicia, Qorteba, que viría a significar 'muíño de aceite' para algúns autores , ou ben 'cidade boa', a partir de Qart-tuba para outros.Foi capital do Califato Omeia de Occidente, época do seu maior esplendor e da que conserva numerosos monumentos, entre eles o máis importante é a Mesquita de Córdoba.

Córdoba na actualidade é un gran referente cultural do sur de Europa, unha das cidades máis atractivas, conservadas e de maior calidade de vida de España. Cun dos cascos históricos máis extensos do mundo, declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO o 17 de decembro de 1984. Hoxe en día a cidade presenta diversas zonas moi modernas e ben comunicadas referentes da moderna Córdoba do século XXI, destacando a enorme transformación urbana do Plano RENFE e no río Guadalquivir, alén da expansión da cidade cunha gran dimensión urbana e alta calidade de vivenda, aínda que os prezos acadados nos andares dos novos barrios son moi elevados. Foi candidata á capitalidade cultural europea para o ano 2016.

A Xunta de Andalucía está estudando dende fai un tempo, a creación da Área Metropolitana de Córdoba que estaría composta, ademais de pola capital, polas poboacións de Villafranca, Obejo, La Carlota, Villaharta, Villaviciosa de Córdoba, Almodóvar del Río e Guadalcázar, contando así cunha poboación aproximada de 351.000 habitantes.

Distrito de Évora

Évora é un distrito portugués pertencente á província tradicional do Alto Alentexo. Limita ao norte co Distrito de Santarém e o Distrito de Portalegre, ao leste con España, ao sur co Distrito de Beja e ao oeste co Distrito de Setúbal. Abrangue unha área de 7393 km², o cal o converte no segundo maior distrito portugués, só superado polo de Beja. Conta cunha poboación residente de 170.535 habitantes (2006), e a súa capital é a cidade de Évora.

Francia

Francia ( pronunciación ) (en francés: France, [ˈfræns] (AFI), escoitar), oficialmente República Francesa ( pronunciación ) (en francés: République française, [ʁepyblik fʁɑ̃sɛz] (AFI)) é un estado membro da Unión Europea, con capital en París, que se estende sobre unha superficie total de 675 417 km², incluíndo Francia metropolitana e os territorios de ultramar espallados nos cinco continentes. Conta cunha poboación de 64,9 millóns de habitantes.Constituído en estado democrático de dereito, a súa forma de goberno esta organizada como república semipresidencialista, co nome oficial de República Francesa (République française) e o lema Liberté, Égalité, Fraternité (Liberdade, Igualdade, Fraternidade).

O territorio de Francia esténdese por diversas rexións do mundo situándose a súa parte metropolitana (refírese ao territorio continental de Francia máis a illa de Córsega, a parte continental chámase popularmente l'Hexagone (o Hexágono) pola súa similitude con esta forma xeométrica), en Europa Occidental, onde limita ao sur co mar Mediterráneo, Mónaco (4,4 km), España (623 km) e Andorra (56,6 km); ao oeste co golfo de Biscaia e o océano Atlántico; ao norte coa canle da Mancha (que separa o continente das Illas Británicas), o mar do Norte e Bélxica (620 km) e ao leste, con Luxemburgo (73 km), Alemaña (451 km), Suíza (573 km) e Italia (488 km). O seu territorio insular europeo, comprende a Illa de Córsega, no Mediterráneo occidental, e diversos arquipélagos costeiros no Atlántico. En América, son territorio de Francia a Güiana francesa, que limita con Brasil (673 km), a maior fronteira do país cos seus países veciños, Suriname (510 km), e as illas e arquipélagos de Martinica, Guadalupe, Saint-Barthélemy, San Martiño (que limita coas Antillas Neerlandesas) e de Saint-Pierre-et-Miquelon. No océano Índico, son francesas as illas de Mayotte e de Reunión, así como os arquipélagos de Polinesia francesa e de Nova Caledonia, estes no océano Pacífico. Son territorios de Francia deshabitados o atol de Illa Clipperton, no Pacífico Oriental, e as denominadas Terras Austrais e Antárticas Francesas.

Francia é un país altamente desenvolvido económica e socialmente, influente no plano xeopolítico. A súa economía é de tipo capitalista cunha intervención estatal non desprezable dende o fin da Segunda Guerra Mundial. Non obstante, dende mediados dos anos 1980, reformas sucesivas arrastraron unha liberación progresiva do Estado de varias empresas públicas. É a sexta economía mundial en termos de PIB, membro do G8, da Zona Euro e do Espazo Schengen, e sede de numerosas multinacionais de primeira orde, líderes en diversos segmentos da industria e do sector primario, e é o primeiro destino turístico mundial, con máis de 75 millóns de visitantes estranxeiros anuais.Francia, fogar da primeira Declaración dos dereitos do home e do cidadán, é membro fundador das Nacións Unidas, do Consello de Europa, un dos cinco membros permanentes do Consello de Seguridade das Nacións Unidas e sede da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico e da UNESCO. É tamén unha das oito potencias nucleares recoñecidas e membro da OTAN.

Francia é un país cunha elevada difusión internacional da súa cultura. Dende o século XV, participando nas exploracións marítimas, e a continuación como potencia colonial, a súa cultura e civilización atópase difundida por países de todo o mundo agrupados na organización da Francofonía. O idioma francés é unha das linguas con maior influencia, tradicionalmente empregada como lingua da diplomacia e relacións internacionais, que xunto con outras 77 linguas rexionais, conforma o patrimonio lingüístico de Francia. Francia é membro da Unión Latina.

Francia foi formada polas artes e a filosofía. Berce da Ilustración, influíu nas revolucións americanas, despois a Revolución francesa deu o arranque e o exemplo democrático no mundo enteiro, desenvolvendo valores de liberdade, de igualdade, de fraternidade e, dende 1905, de laicismo.

Imperio Romano

O Imperio romano (en latín: imperium romanum) foi un imperio da antigüidade sucesor da República Romana e caracterizado por un sistema autocrático. Gobernou extensas terras ao longo de Europa e o Mediterráneo. Durante o mandato de Traxano abarcaba, de oeste a leste, dende o océano Atlántico até as beiras do mar Caspio, o mar Vermello e o golfo Pérsico e, de norte a sur, dende as fragas dos ríos Rin e Danubio e a fronteira con Caledonia até o deserto do Sahara. A súa superficie máxima estimada foi duns 6,5 millóns de km².

O imperio xurdiu trala da vitoria de Octavio Augusto sobre Marco Antonio no ano 27 a.C. Aínda que Octavio nunca se proclamou emperador, de feito, asumiu tódolos poderes do Estado e inaugurou a primeira dinastía de emperadores, a dinastía Xulia-Claudia. O Imperio foi destruído definitivamente no ano 476 tras a caída de Roma nas mans dos bárbaros. Aínda que Octavio non aboliu legalmente a República e compartía o poder co Senado, na realidade era el quen tomaba as decisións. O Imperio estableceu novas estruturas económicas, políticas e relixiosas para administrar un territorio cada vez máis grande. Octavio adoptou ao seu fillastro Tiberio ao que seguiron varias dinastías de emperadores.

Baixo o mando de Constantino I, no século IV, o cristianismo converteuse na relixión preponderante do Imperio. O emperador Xuliano o Apóstata tentou volver ao paganismo, pero con Teodosio I o cristianismo asentouse definitivamente nun Imperio que á súa morte, de feito, xa estaba invadido polos bárbaros e se desmembrou. Finalmente, no ano 476 Roma caeu nas mans dos visigodos ao mando de Alarico, só sobreviviu o Imperio Romano de Oriente, até que en 1453 os turcos tomaron Constantinopla.

Lusitania (provincia)

Lusitania (/ˌluːsɪˈteɪniə/; portugués: Lusitânia; galego: Lusitania) ou Hispania Lusitana foi unha antiga provincia romana na península ibérica onde se atopa o moderno Portugal (ao sur do río Douro) e parte do oeste de España (a actual comunidade autónoma de Estremadura) e unha parte da provincia de Salamanca. Foi nomeado así polos Lusitani ou lusitanos (un pobo protoindoeuropeo).

A súa capital foi Emerita Augusta (actualmente Mérida, España), e foi inicialmente parte da provincia romana de Hispania Ulterior, antes de converterse en provincia independente. Os romanos chegaron por primeira vez ao territorio a mediados do século II a.C. Seguiu unha guerra con tribos lusitanas do 155 ao 139 a.C. No 27 a.C., creouse a provincia.

Maison Carrée

A Maison Carrée é un templo romano, un dos templos antigos mellor conservados, que se encontra sito en Nîmes (a antiga Nemausus), na Occitania, país de Francia meridional.

Foi construído entre o 19 e o 16 a.C. por Marco Vipsanio Agripa, aínda que hai autores que o datan concretametne entre o 2 e o 5 da nosa era.Foi dedicado aos fillos do mesmo Agripa e de Xulia, filla de Augusto: Gaio e Lucio César, mortos ambos aínda novos. O texto da inscrición dedicada foi reconstruído polo erudito local Jean-François Séguier, en 1758, a partir dos furados deixados polas letras de bronce orixinais; dicía : "A Gaio César, fillo de Augusto, cónsul; a Lucio César, fillo de Augusto, cónsul designado; príncipes da mocidade".

O templo debe o seu óptimo estado de conservación ao feito de haber sido reutilizado como igrexa cristiá no século IV. Pasou por varios usos durante toda a súa historia o que comportou grandes transformacións: foi sede de diversas institucións públicas cidadás; de novo, en 1691, os monxes agostiños reciben a Maison como doazón, e instalan a súa igrexa; foi mesmo corte de gando durante a Revolución francesa; finalmente, de 1819 a 1825, foi restaurada para se converter, desde 1823, nun museo que, hoxe en día, alberga exposicións temporais.

O seu nome en francés, é adoptado no século XVI, e significa literalmente "Casa cadrada", debido a que, no francés arcaico, empregábase o termo carré co significado de "cuadrangular", é dicir con aspecto de "rectángulo", con clara alusión á planta do edificio.

Mérida, España

Mérida (en estremeño: Méria) é unha cidade e concello do suroeste de España, situada na provincia de Badaxoz. É a capital da comunidade autónoma de Estremadura e sede das súas institucións de goberno. Cunha poboación de 57.797 habitantes (2011) é a terceira cidade máis poboada da rexión por detrás das capitais provinciais, Badaxoz e Cáceres.

Foi unha importante colonia romana, fundada no ano 25 aC polo emperador Augusto baixo o nome de Augusta Emerita, que exerceu de capital da provincia de Lusitania. Foi tamén capital do Reino Visigodo de España no século VI. En recoñecemento ao seu esplendor pasado, é a capital de Estremadura dende 1983. O seu importante conxunto arqueolóxico e monumental foi declarado pola UNESCO, en 1993, Patrimonio da Humanidade.

Orde corintia

A orde corintia é a máis elegante e ornamentada das ordes arquitectónicas clásicas. Atribúese a súa creación ao escultor grego Calímaco no século IV a.C. No esencial é similar á orde xónica, da que difire basicamente na forma e tamaño do capitel. Unha das construcións máis destacables executadas segundo as pautas estilísticas da orde corintia é o monumento de Lisícrates en Atenas, levantado cara a 334 a.C.

Panteón de Roma

O Panteón de Roma ou Panteón de Agripa (en italiano: Il Pantheon) é un edificio relixioso da Roma antiga que, en orixe, foi un templo consagrado a todas as divindades da relixión antiga, e que foi transformado nunha igrexa cristiá no século VII. É o único monumento do mundo antigo greco-romano que chegou até os nosos días practicamente intacto, de feito que non cesou aínda o seu uso desde que foi erguido.

O seu nome vén do grego πάνθειον (pántheion), adxectivo que significa « de todos os deuses », transformado en Pantheon polos autores latínos.

O Panteón está cuberto pola maior cúpula construída na Antigüidade que subsistise. Foi a meirande de Europa occidental até que, en 1436, Filippo Brunelleschi rematou a da catedral de Florencia.

Templo de Santalla de Bóveda

O templo romano de Santalla de Bóveda é un santuario tardorromano datado entre os séculos II e IV, situado na parroquia de Santalla de Bóveda de Mera, concello de Lugo, a uns 14 quilómetros da capital. Está semisoterrado a carón da actual igrexa de Santalla. Foi descuberto en 1926 e os arqueólogos non souberon dar ata agora unha explicación segura da súa orixe e finalidade.

Admítese que se trata dun templo pagán, con diferentes teorías sobre a súa finalidade, cristianizado séculos máis tarde. Está considerado un unicum, ó non existir ningún outro edificio das mesmas características en todo o territorio ocupado polo imperio romano.

En 1931 foi declarado Monumento Nacional, e en 1985 Ben de Interese Cultural.

Templo grego

O templo grego é unha das tipoloxías arquitectónicas de maior relevo na Grecia antiga. Ten a súa orixe no mégaron, espazo existente nos anteriores palacios micénicos, exercendo unha forte influencia na posterior arquitectura da Roma antiga e no seu respectivo templo romano.

Vic

Vic é un municipio e cidade da provincia de Barcelona, capital da comarca de Osona. En 2012 tiña 41.191 habitantes.

Zaragoza

Zaragoza é un concello e cidade española, capital da comunidade autónoma de Aragón, ademais da provincia de Zaragoza e da comarca homónima. Está situada a beiras dos ríos Ebro, Huerva e Gállego e da Canle Imperial de Aragón, no centro dun amplo val. A súa privilexiada situación xeográfica convértea nun importante nó loxístico e de comunicacións; atópase a uns 300 km de Madrid, Barcelona, Valencia, Bilbao e Tolosa.

Cunha poboación de 679.624 habitantes (INE 2012), é a quinta cidade española máis poboada, concentrando máis do 50% da poboación de Aragón.

O seu nome actual procede do seu antigo topónimo romano, Caesaraugusta, que recibiu na honra ao emperador César Augusto no 14 a.C. A súa denominación romana foi evolucionando a través do árabe Saraqusta.

Entre o 14 de xuño e o 14 de setembro de 2008, ano do bicentenario dos Sitios de Zaragoza e centenario da exposición Hispano-Francesa de 1908, Zaragoza acolleu a exposición internacional Expo Zaragoza 2008 dedicada á auga e o desenvolvemento sustentable. En 2010, Zaragoza foi a sexta cidade española con máis turismo.

Évora

Évora é unha cidade portuguesa, capital do Distrito de Évora. Está situada na rexión de Alentejo, subrexión do Alentejo Central, e conta cunha poboación de 56.596 habitantes (2011). Evora é a única cidade portuguesa membro da Rede de cidades máis antigas de Europa.O seu termo municipal é un dos máis grandes de Portugal, con 1.307,08 quilómetros cadrados, subdividido en 19 parroquias. A cidade limita ao norte co municipio de Arraiolos, ao nordés con Estremoz, ao leste con Redondo, ao sueste de Reguengos de Monsaraz, no sur por Portel, ao suroeste por Viana do Alentejo e ao oeste por Montemor-o-Novo. É sede de Distrito e antiga diocese e metrópole eclesiástica (Archidiocese de Évora).

O seu centro histórico, ben conservado, é un das máis ricos en monumentos de Portugal, o que lle vale o cualificativo de "Cidade-Museo". En 1986, o centro histórico da cidade foi declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco.Évora é o centro dunha rexión mineira e agrícola; nela prodúcese cortiza, mármore, amianto, ferro e cobre. Entre o seu patrimonio destaca o templo romano, a catedral e a capela dos Ossos.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.