Templo

Un templo é un edificio destinado ao culto relixioso ou a actividades espirituais, tales como a oración, a realización de sacrificios, ou a celebración doutro tipo de rituais relixiosos. Algunhas tradicións relixiosas manteñen nomes específicos para os seus templos primarios, igrexa no caso do cristianismo, mesquita no islam, pagode no caso de certas tradicións do budismo, sinagoga no caso do xudaísmo, salón do Reino nas Testemuñas de Xehová.

Os primeiros templos dos que se teñen noticia foron os de Mesopotamia[1]. Tratábase de edificios rectangulares que co tempo evolucionaron a edificios sobre unha plataforma, dentro dela quedaban os restos do templo anterior, así ata que no século XXI a.C. surdiu o Cigurat, un templo situado sobre varias plataformas de tamaño decrente. Os templos exipcios eran edificios longos, o seu interior dividíase en varias estancias, algunhas con columnas, ata o extremo final onde se atopaba a cela coa estatua do deus onde os exipcios idolatraban aos seus deuses a través de sacerdotes especializados[2]. O helenismo expandiu por todo Occidente e Oriente Medio o templo grego, un edificio rectangular dunha soa habitación cun portal columnado con diferentes capiteis dos tres estilos decorativos gregos(dórico, xonio e corintio). De Grecia pasou a Roma, onde estes colocaron o templo grego sobre unha plataforma. Na idade media o cristianismo adoptou un edificio romano civil,a basílica[3], ata que adoptou a planta en forma de cruz. Este modelo mantívose ata o século XX, pasando polos estilos prerrománico, románico, gótico, renacentista, barroco e neogótico ata o Movemento Moderno. Mentres no outro lado do mundo o budismo reutilizaba a arquitectura de relixións anteriores par as súas stupas, pagodas e wans[4] e así o túmulo no que rezaban aos antergos converteuse nas stupas e os templos das relixiósn animistas pasaron a sincretizarse co Buda erguendo templos cun altar coa súa estatuaria en diferentes posturas e tamaños. No Islam adoptous eo modelo xudeu da Sinagoga pero con engadidos das igrexas cristiás orientais[5], sumándolle así o minarete á mesquita, que encheron con decoración abstracta de motivos xeométricos e versículos do Corán.

Temple of Bel in Palmyra
Templo de Bel, en Palmira

Galicia

En Galicia a maioría dos templos son igrexas e capelas católicas pero tamén existen igrexas de confesións protestantes, salóns do reino das Testemuñas de Xehová, capelas mormonas, mesquitas islámicas[6] e igrexas ortodoxas[7].

Notas

  1. Brian M. Fagan, People of the Earth: An Introduction to World Prehistory, Harpercollins College, 7ª ed., 1992, páx. 52 e 322
  2. Jackson J. Spielvogel, Western Civilization: Volume I: To 1715, Wadsworth, 6ª ed, 2005, páx. 4
  3. Donald Egoff, Crímenes cristianos: Volume IV: 1ª ed, 1989, páx. 69
  4. B Dereck und Johnny Spanish," origins of asian civilizations", 1956, ed Northworks
  5. Ich Aloysus, La caguda del imperi sasanida, 2007, ed Avuí
  6. La comunidad islámica de Galicia planea la apertura de una mezquita en la ciudad, La Voz de Galicia, 13/1/2010
  7. Los ortodoxos buscan su sitio en Galicia La Opinión de Coruña
Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre relixión é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.
Asiria

Asiria foi un país da antigüidade situado no suroeste asiático na antiga Mesopotamia, no val do río Tigris cuxos límites foron: ó norte das montañas de Armenia, ó sur Caldea (Babilonia), ó leste a Media e ó oeste Mesopotamia.

A cidade máis importante achábase ás beiras do Tigris, ó lado do templo da súa principal divindade Assur; a cidade tamén se chamaba Assur ou El-Assur e o país tomou o mesmo nome denominándose Asiria. Outras cidades importantes foron Nínive, Harran, Nimrud, Dur-Sarrukîn (actualmente chamada Khorsabad). A civilización asiria é moi antiga. Así o confirman os achados arqueolóxicos que apareceron entre as dunas de Nimrud e Khorsabad.

Atenas

Atenas (en grego: Αθήνα, tr. "Athína", [aˈθina] (AFI)) é a capital da Grecia e tamén a capital da rexión de Ática. Ademais de ser unha cidade moderna, Atenas tamén é famosa por ter sido unha poderosa cidade-Estado e un centro de cultura moi importante nos tempos antigos.

En grego antigo, Atenas era chamada Athenai (Αθήναι) e, no século XIX, este nome foi retomado formalmente como nome da cidade. Desde o abandono oficial do grego Katharevousa na década de 1970, a forma popular Athina converteuse no nome oficial da cidade.

Calendario hebreo

O calendario hebreo (הלוח העברי) ou calendario xudaico é o calendario anual usado no xudaísmo. Determina as datas das festas xudías, os textos da Torá apropiados para a lectura pública, os Iahrdseits (a data para conmemorar a morte dun familiar), e os salmos diarios específicos que algúns len normalmente. Téñense usado dúas formas do calendario: unha forma baseada na observación usada antes da destrución do segundo templo no ano 70 e baseado nas testemuñas que observaban as fases da lúa, e un a partir dunha norma que describiu Maimónides no 1178 d.C., que foi adoptado durante unha transición dende o ano 70 ata o 1178.

A forma "moderna" é o chamado calendario lunisolar, semellante ao calendario chinés, que mide os meses segundo os ciclos lunares e os anos tendo en conta os ciclos solares, distinto do calendario islámico puramente lunar e do calendario gregoriano case enteiramente solar. Pola diferenza de 11 días entre doce meses lunares e un ano solar, o calendario repítese nun ciclo de 19 anos de 235 meses lunares, cun mes lunar extra cada dous ou tres anos, cun total de sete veces cada dezanove anos. Como o calendario hebreo foi desenvolvido na zona sur-leste do Mar Mediterráneo, as referencias ás estacións reflicten os tempos e o clima do hemisferio norte.

Catedral

Unha catedral é un importante templo de culto onde un bispo católico, anglicano ou luterano ten a súa sé ou cátedra: outras crenzas cristiás sen a figura do bispo, como a Igrexa de Escocia, tamén manteñen a denominación de catedral. Normalmente é meirande cós templos (igrexa) que non sexan sé dun bispado ou cabeza de diocese.

As catedrais deben o seu nome a que no interior delas se impartían cátedras (inicialmente do latín cathedra, 'onde sentar', que tamén orixinaría a palabra cadeira) ós seminaristas versadas en Latín, Gramática ou Teoloxía.

O nome sé provén do latín sedis. Sé tamén se aplíca á principal igrexa cristiá, a Santa Sé.

Delfos

Aos pés do monte Parnaso en Focea, Delfos é o lugar dun santuario panhelénico onde falaba o oráculo de Apolo a través da súa profetisa, a Pitia ; tamén albergaba o ónfalos ou «embigo do mundo». Investido cun significado sagrado, Delfos foi do século -VI ao -IV o verdadeiro centro e o símbolo da unidade do mundo grego.

Os santuarios panhelénicos eran complexos arquitectónicos externos ás cidades: constituían os únicos lugares onde todos os antigos gregos, e algúns bárbaros (lidios e etruscos) tomaban parte en celebracións relixiosas comúns.

Eos

Na mitoloxía grega, Eos (do grego Ἠώς, ou Ἕως), "amencer", é unha dos titáns e a deusa da alborada, que sae cada mañá do seu fogar na beira do Océano para anunciar ó seu irmán Helios, o Sol.

Eos era filla de Hiperión e Tea (ou Palas e Estixia) e irmá de Helios e Selene (a Lúa), «que brilla sobre todos os que están na Terra e sobre os immortais deuses que viven no amplo ceo», en verbas de Hesíodo (Teogonía 371-374).

A adoración da alborada como deusa foi herdada dos tempos indoeuropeos. O seu equivalente na mitoloxía romana era Aurora («Eos» é un conato do latín «Aurora» e do sánscrito (védico) Ushás ‘Aurora’, sánscrito Uṣánas ‘estela da alba, Venus’), e na mitoloxía etrusca Thesan. A alborada asociouse na relixión romana con Matuta, máis tarde coñecida como Mater Matuta e tamén asociada cos portos marítimos.

Tiña un templo no Foro Boario. O 11 de xuño celébrase a Matralia neste templo na honra de Mater Matuta.

Icovellauna

Icovellauna é unha deusa celta adorada na Galia. O seu culto realizouse nun templo octogonal en Le Sablon, Metz, construído orixinalmente sobre unha fonte, no cal foron atopadas cinco inscricións dedicadas a ela; e en Tréveris, onde Icovellauna foi honrada nunha inscrición no complexo do templo de Altbachtal. Ámbolos dous lugares están preto do río Mosela, na Galia oriental, na actual Lorena (Francia) e Renania-Palatinado (Alemaña).

Igrexa (arquitectura)

Unha igrexa (do latín ecclesia, e esta do grego ἐκκλησία [ekklēsía], 'asemblea', 'convocación') é un edificio usado para o rezo ou para outros servizos relixiosos públicos, referíndose xeralmente aos da adoración cristiá. O termo para definir o edificio dedicado a adoración é Templo.

Nave (arquitectura)

Nave, en arquitectura, denomínase ao espazo comprendido entre dous muros ou filas de columnas.

Este termo adoita utilizarse habitualmente ao referirse aos templos.

A nave principal é a que ocupa o centro do templo desde a porta de ingreso ata o cruceiro ou o presbiterio, xeralmente con maior elevación e máis anchura que as laterais a ela paralelas.

Olimpia

Olimpia (en grego Ολυμπία Olympía ou Ολύμπια Olýmpia) é unha pequena cidade da antiga Grecia na prefectura de Élide, na península do Peloponeso, famosa polo próximo xacemento arqueolóxico do mesmo nome, principal santuario relixioso Panhelénico da Antiga Grecia, onde se levaron a cabo os Xogos Olímpicos da Antigüidade. O sitio estaba dedicado principalmente a Zeus e atraía a visitantes de todo o mundo grego como un grupo de centros "Panhelenicos" que axudaron a construír a identidade dos antigos gregos como nación. Malia o nome, non se atopa preto do Olimpo no norte de Grecia, onde se cría que vivían os Deuses olímpicos, as principais divindades da Relixión da Grecia antiga. A cidade atópase ó pé do monte Cronio e na beira dereita do río Alfeo.

Os Xogos Olímpicos disputáronse cada catro anos durante toda a Antigüidade clásica, desde o século VIII a. C. ata o século IV d. C.O sitio arqueolóxico ten máis de 70 edificios significativos, e as ruínas de moitas destes sobreviven, aínda que o principal Templo de Zeus, sobrevive só como pedras no chan. O sitio é unha importante atracción turística e ten dous museos, un dedicado aos xogos antigos e outro aos modernos.

Ritona

Ritona, tamén coñecida como Pritona, é unha deusa celta venerada na terra dos tréveros no que hoxe é Alemaña. O seu culto aparece Pachten e en Tréveris, onde ten un "pequeno templo coidadosamente contruído" no complexo Altbachtal. En Pachten, o seu templo ten un templo, presumiblemente dedicado a actuacións de natureza relixiosa. Unha única inscrición hónraa en Uzès, no sur de Francia.

San Sadurniño

San Sadurniño é un concello da provincia da Coruña, pertence á comarca de Ferrol. Segundo o IGE no 2014 tiña 3.019 habitantes (3.098 no 2010, 3.182 no 2006, 3.179 no 2005, 3.229 no 2004, 3.272 en 2003).

Silleda

Silleda é un concello da provincia de Pontevedra pertencente á comarca do Deza. Ocupa 169 km², e segundo o IGE en 2018 tiña 8.698 habitantes, distribuídos en 33 parroquias e 250 lugares. O concello de Silleda é coñecido tamén como Trasdeza. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «silledense».

En Silleda ten a súa sede a Feira Internacional de Galicia, onde se celebra anualmente a Semana Verde de Galicia.

Templo expiatorio da Sagrada Familia

O Templo Expiatorio da Sagrada Familia (en catalán: Temple Expiatori de la Sagrada Família), coñecido simplemente como Sagrada Familia, é unha basílica católica da cidade de Barcelona, obra non rematada do arquitecto Antoni Gaudí. Iniciada en 1882, é a obra máis importante de Gaudí e o máximo expoñente da arquitectura modernista catalá. Segundo datos do ano 2011, é o monumento máis visitado de España, con 3,2 millóns de visitantes, por riba do Museo do Prado (2,9 millóns) e da Alhambra de Granada (2,3). e é a igrexa máis visitada de Europa tras a basílica de San Pedro do Vaticano.

Templo grego

O templo grego é unha das tipoloxías arquitectónicas de maior relevo na Grecia antiga. Ten a súa orixe no mégaron, espazo existente nos anteriores palacios micénicos, exercendo unha forte influencia na posterior arquitectura da Roma antiga e no seu respectivo templo romano.

Tímpano (arquitectura)

En arquitectura, denomínase tímpano a superficie entre o lintel e o arco dunha porta ou ventá. Tamén é o espazo comprendido no frontón do templo clásico. Pode ser liso ou estar decorado con relevos, como ocorre nas igrexas do románico e do gótico ou nos templos gregos.

Valdoviño

Valdoviño é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Ferrol. Segundo o IGE no 2014 contaba con 6.796 habitantes (6.978 no 2009, 6.896 no 2006, 6.888 no 2005, 6.854 no 2004, 6.877 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «valdoviñés».

O nome do concello fai pensar a algúns nunha agricultura baseada na vide, así Val do viño sería a orixe do topónimo. Tamén hai quen manexa outra hipótese: Val do Aviño, rego que atravesa o chan do municipio, se ben as últimas investigacións, indican que o nome provén do propietario dunha pequena explotación agraria, chamado Baldovino, Baldoviño ou Balduino, do que hai abondosa documentación nos textos medievais.Ocupa unha franxa costeira desde a praia de Campelo ata a entrada da ría de Cedeira.

Nesta poboación leváronse a cabo no século XVIII (1767) os primeiros cultivos de patacas traídas desde América.

As praias do término municipal de Valdoviño son moi populares polo seu paisaxe natural e entre os aficionados ao surf. Entre elas, destacan o areal da Frouxeira, duns 3,6 km de lonxitude, e a praia de Pantín, onde anualmente cada mes de setembro celebrase o Pantín Classic, campionato internacional de surf que comenzou súa andadura en 1988.

A lagoa da Frouxeira é un destacado ecosistema de gran valor ornitolóxico por ser lugar de descanso de aves migratorias e de cría dalgunhas especies de aves.

Xerusalén

Xerusalén (hebreo: ירושלים, Yerushaláyim; árabe: القدس, al-Quds; grego: Ιεροσόλυμα, Ierossólyma), é a capital de Israel e a súa cidade máis grande e poboada. Localizada nunha meseta nas montañas da Xudea entre o Mediterráneo e o mar Morto, é unha das cidades máis antigas do mundo. Considerada sagrada polas tres principais relixións abrahámicas — xudaísmo, cristianismo e islamismo.

Durante a súa longa historia, Xerusalén foi destruída polo menos en dúas ocasións, asediada 23 veces, 52 veces atacada, e capturada e recuperada en 44 ocasións. A parte de Xerusalén coñecida como Cidade de David foi establecida no cuarto milenio antes de Cristo. A cidade foi coñecida como "Urusalima" nas antigas táboas cuneiformes mesopotámicas, probablemente significando Cidade de Shalem, en honra a unha divindade caanita, durante os primeiros anos do dominio dese pobo. Durante o período israelita, comezouse unha significante actividade construtora que comezou cara o século IX a. C., e durante o século VIII a. C. a cidade desenvolveuse ata converterse no centro relixioso e administrativo do Reino de Xudá. En 1538, reconstruíronse as murallas da cidade, durante o reinado de Solimán o Magnífico. Hoxe en día estas murallas definen o perímetro da Cidade vella, que tradicionalmente está dividida en catro cuartos desde o século XIX. A Cidade vella foi nomeada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1981, e está incluída na lista de patrimonio mundial en perigo. Desde 1860 Xerusalén creceu máis aló das antigas murallas. En 2015, a cidade tiña unha poboación de 850 000 residentes, dos cales 200 000 eran xudeus israelís seculares, 350 000 xudeus ultraortodoxos e 300 000 palestinos.O status da parte oriental da cidade, conquistada en 1967 por Israel, está disputado, xa que neste sector —referido habitualmente como Xerusalén Leste ou Xerusalén Oriental, que inclúe a Cidade vella— é onde o Estado de Palestina pretende establecer a súa capital. Israel discute as reclamacións palestinas e, trala Guerra dos Seis Días, considera a cidade como un todo unificado e un mesmo municipio, declarándoa como a súa capital "eterna e indivisible" mediante a Lei de Xerusalén en 1980. Esta anexión provocou un amplo rexeitamento na comunidade internacional, materializado na resolución 478 do Consello de Seguridade da ONU, que a considerou contraria ao Dereito internacional, e en sinal de protesta por este acto unilateral os Estados membros das Nacións Unidas acabaron por trasladar as súas embaixadas a Tel Aviv, tal como pedía a resolución.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.