Taxonomía

A taxonomía ou taxinomía (do grego ταξις, taxis, "ordenamento", e νομος, nomos, "norma" ou "regra") é a ciencia da clasificación. Xeralmente se emprega o termo para designar a taxonomía biolóxica, ciencia que ordena os organismos vivos nun sistema de clasificación composto por taxons agrupados en categorías taxonómicas.

Tipo de taxonomías e escolas taxonómicas

Orixinalmente o termo taxonomía só facía referencia á ciencia que clasificaba os seres vivos, hoxe o termo aplícase de forma máis ampla e nun sentido máis xeral refiríndose á clasificación das cousas e ós principios que subxacen en cada clasificación.

Existen diferentes tipos de taxonomías referidas a diversos campos:

A taxonomía biolóxica nace da necesidade de poñer orde nos máis de 5 millóns de especies de seres vivos que temos no planeta, para iso, esta ciencia ordénaos, descríbeos e clasifícaos tomando como unidade fundamental a especie. Ademais desta categoría existen outros rangos que de maior nivel que son os seguintes: Dominio, Reino, Filo ou Phylum ou División (en plantas), Clase, Orde, Familia, Tribo, Xénero, Especie e Subespecie, niveis entre os que se poden inserir outros, tales como: subphylum, superorde, subfamilia etc.

Pódese dicir que a taxonomía biolóxica comenzou grazas aos traballos do naturalista sueco Carl von Linné (Linneo) (1707-1778), que foi quen creou o sistema de clasificación que aínda hoxe estase a empregar e que está baseado nos diferentes taxons dispostos en orde xerárquica.

Na taxonomía filoxenética (ou cladística), os organismos poden ser clasificados en clados, que son as diferentes pólas da árbore filoxenética proposta para agrupar os seres vivos, é dicir, un clado pódese interpretar como un conxunto de especies emparentadas por un antecesor común. Os clados pódense representar nun cladograma. Un taxón é un clado que foi situado nunha categoría taxonómica, ao que se lle outorgou un nome en latín, fíxose unha descrición do mesmo e asocioúselle un exemplar “tipo” e logo foi publicado nunha revista científica. Cando se fai todo isto, o taxón ten o nome axeitado. A Nomenclatura é a subdisciplina que trata de regulamentar estes pasos, e ocúpase de que se ateñan aos principios de nomenclatura científica internacional. Os sistemas de clasificación resultantes funcionan como contedores de información por unha banda, e como preditores pola outra. Unha vez está determinado o sistema de clasificación, extráense os caracteres diagnósticos de cada taxón, que se organizan en grandes libros chamados Claves de Identificación, que son empregados na disciplina da Determinación ou identificación de organismos, e que sitúa a un organismo descoñecido nun taxón coñecido do sistema de clasificación dado.

As normas que regulan a creación dos sistemas de clasificación son un pouco arbitrarias. Para comprender esas arbitrariedades (por exemplo, a nomenclatura binomial das especies e a uninomial das categorías superiores a especies, ou a cantidade de categorías superiores á especie, ou a cantidade de categorías taxonómicas e os nomes das mesmas) é necesario estudar a Historia da Taxonomía, que nos deixaron como herdanza os Códigos Internacionais de Nomenclatura aos que deben aterse os sistemas de clasificación. Hoxe estase a debater se cómpre facer reformas substanciais nos Códigos, habendo propostas como son a “taxonomía libre de rangos”, as “marcas de ADN” etc.

Unha escola taxonómica minoritaria é a que considera que os grupos parafiléticos tamén deberían ter a posibilidade de ser convertidos en taxóns, se os grupos que os conforman son o suficientemente semellantes entre si e o suficientemente diferentes do clado que queda fóra (escola evolucionista). Un exemplo clásico dun grupo parafilético que algúns taxónomos consideran un taxón, é o das algas verdes, parafiléticas respecto ás plantas terrestres (todas xuntas formarían o clado das plantas verdes). Un dos expoñentes actuais desta escola é o investigador Cavalier-Smith.

Outra escola minoritaria, chamada fenética, está encabezada por investigadores como Sokal, que pregoaba que era imposible coñecer a filoxenia dos organismos coa información que se recollía, debido a que os razoamentos facíanse circulares (a morfoloxía determinaba as relacións de parentesco, e coas relacións de parentesco interprétase a morfoloxía)e a información incompleta. Estes investigadores escollían facer clasificacións baseadas exclusivamente na cantidade de caracteres semellantes entre os organismos, sen inferir ningunha historia evolutiva detrás deles (tal e como fora formulada orixinalmente a taxonomía, antes da teoría da evolución de Darwin). Esta escola perdeu recentemente forza coa chegada das análises de ADN e coa mellor interpretación do rexistro fósil que temos hoxe en día.

Unha escola distinta, da cal o expoñente máis extemo quizais sexa o PhyloCode (https://web.archive.org/web/20030802181518/http://www.phylocode.org/), propón unha clasificación libre de categorías, pero non ten moita resonancia no eido científico.

A taxonomía numérica ou fenecticismo é unha escola sistemática que defende a agrupación empregando exclusivamente a similitude, xeralmente mediante estimacións cuantitativas da devandita similitude. Consiste, por exemplo, en obter clasificacións dentro dun grupo de individuos empregando para iso as propiedades que os caracterizan. Para conseguir este obxectivo utilízanse diferentes ferramentas matemáticas e estatísticas, que permiten determinar as semellanzas entre os individuos a clasificar.

No terreo educativo temos a taxonomía de Bloom, unha clasificación dos obxectivos do proceso educativo elaborada polo pedagogo norteamericano Benjamin Bloom que distingue tres dominios ou "categorías" de actividades educativas e seis niveis xerárquicos de comportamento intelectual.

Outras taxonomías, como as analizadas por Durkheim e por Lévi-Strauss, son chamadas ás veces taxonomías populares (folk taxonomy) para distinguilas das taxonomías científicas, que afirman que están separadas das relacións sociais e polo tanto son obxectivas e universais.

A Baraminoloxía, a alternativa creacionista á cladística, é un sistema que enfatiza a reprodución illada. Por exemplo, estes grupos a miúdo toman os mamíferos como unha clase separada dos outros vertebrados.

A Folcsonomía (Folksonomy) é un neoloxísmo derivado da palabra taxonomía (non debe confundirse co termo “folk taxonomy” antes comentado) que é usado en informática e que dá nome á categorización colaborativa por medio de etiquetas simples nun espazo de nomes chans, sen xerarquías nin relacións de parantesco predeterminadas. Jon Udell (2004) suxire que o abandono das taxonomías a favor das listaxes de palabras claves non é novidade, e que a súa diferenza fundamental é o intercambio de opinións (feedback) que se atopa na folcsonomía e non na taxonomía.

A expresión “taxonomía de empresa” (enterprise taxonomy) úsase no mundo dos negocios para describir unha forma moi limitada da taxonomía usada só dentro dunha organización. Un exemplo podería ser un certo método de clasificar as árbores como “Tipo A”, “Tipo B” e “ Tipo C” usado só por unha compañía madeireira específica para categorizar os envíos en barco dos troncos.

Historia da taxonomía

As orixes da taxonomía remóntanse ás orixes da linguaxe, cando as persoas chamaban cos mesmos nomes a organismos máis ou menos similares. Este sistema aínda persiste hoxe en día no que chamamos os “nomes vulgares” dos organismos. Estes nomes son útiles na fala cotidiá pero os naturalistas decatáronse de que precisaban un sistema máis universal e rigoroso de nomear aos organismos.

Xa no século XVIII a taxonomía recibiu un empurrón definitivo grazas ó naturalista sueco Carl von Linné (Linneo) que tiña a ambición de nomear a tódolos animais, plantas e minerais coñecidos da época. No ano 1753 escribiu o libro Species Plantarum (“Os tipos de plantas”), no que cada tipo de planta era descrito cunha frase cun máximo de 12 palabras (polinomios). Ademais engadiu outra innovación que xa fora empregada antes por Castpar Bauhin (1560-1624): a nomenclatura binomial ou binomios, como o “nome curto” das especies. Nas marxes do seu Species Plantarum, seguido do nome axeitado polinomial de cada especie, escribiu unha soa palabra. Esta palabra, combinada coa primeira palabra do polinomio (hoxe chamada xénero), formaba un nome máis doado de lembrar e curto para cada especie.

A nomenclatura binomial para identificar de xeito unívoco as especies resolvía así os problemas producidos pola variedade de nomes locais. Ó mesmo tempo Linneo propuxo un esquema xerárquico de clasificación, onde as especies moi semellantes se puidesen agrupar nun mesmo xénero, os xéneros en familias, e así sucesivamente en ordes, clases, filos e reinos, proporcionando unha imaxe estruturada (como a árbore de Porfirio da metafísica clásica) da relación entre especies. O conxunto dos organismos agrupados segundo as xerarquías anteditas, constitúen os sistemas de clasificación dos organismos que poden ser arbitrarios, se só tentan agrupar os organismos para facilitar a súa determinación de maneira artificiosa, ou naturais, cando as xerarquías se establecen en función das súas semellanzas reais. A palabra “natural” daquela non foi definida cientificamente e no tempo de Linneo só quería dicir que as especies foron creadas “naturalmente” semellantes a algunhas e diferentes doutras. Aínda non xurdira a teoría da Evolución no mundo científico.

O termo taxonomía foi creado en 1813 empregando a devandita grafía polo botánico suízo Agustin Pyrame de Candolle (1778-1841) na súa Teoría elemental da botánica ou exposición dos principios de clasificación natural da arte de describir e estudar os vexetais para designar na súa «teoría das clasificacións» o o método e o que el calificou como «bases da botánica filosófica».

Aínda que, como o método de Jussieu, utiliza os binomios lineanos e preconiza o «método natural» oposto ó «sistema artificial» de Linneo, a taxonomía proposta por De Candolle afástase pola importancia dada ós saltos. Mentres que para Linneo e Jussieu, a natureza «non dá saltos», Candolle insiste nas descontinuidades que están na base da noción de taxon, ó mesmo tempo entidade e división. O termo taxonomía é de uso corrente hoxe en día, pero en francés a súa grafía foi corrixida por Emile Littre a Taxinomía, pero a outra grafía segue sendo moi utilizada en Francia, sobre todo grazas á súa conservación da tradución inglésa Taxonomy.

Cando xurdiu a teoria da evolución a medidados do século XIX, comenzou a admitirse, tal e como propuxera Darwin, que o grao de parentesco entre os taxons (filoxenia) debía servir como criterio para a formación dos grupos. A publicación do seu libro Sobre a orixe das especies en 1859 estimulou a incorporación das teorías evolutivas na clasificación, proceso que aínda hoxe non rematou (de Queiroz e Gauthier 1992). Un paso crítico neste proceso foi a adquisición da perspectiva filoxenética, na que algúns científicos, como Willi Hennig (1913-1976), Walter Zimmermann (1892-1980) e Warren H. Wagner (1920-2000) e moitos máis, fixeron valiosas achegas. A bioloxía sistemática é a ciencia que trata de relacionar os sistemas de clasificación coas teorías sobre evolución dos taxons.

Hoxe en día o desenvolvemento de novas técnicas (como a análise do ADN) e as novas formas de análise filoxenética (que permite analizar matrices cunha cantidade enorme de datos) están introducindo cambios substanciais nas clasificacións ó uso, obrigando a desfacer grupos de longa tradición e definir outros novos. As achegas máis significativas proceden da comparación directa dos xenes e os xenomas. Hoxe os organismos agrúpanse segundo as semellanzas no seu ADN (e logo co apoio do rexistro fósil e a morfoloxía), e a evolución dos caracteres morfolóxicos é “interpretada” unha vez a árbore filoxenética está consensuada. Esta situación enriqueceu o campo da Bioloxía Sistemática, e logrou unha relación estreita desta última coa ciencia da evolución, cousa que antes non ocorrera debido as numerosas imprecisions que existían antes da chegada das analise de ADN nos sistemas de clasificación. A taxonomía pasou a ser só unha subdisciplina da Bioloxía Sistemática que se ocupa de crear o sistema de clasificación segundo as regras, e a “estrela” pasou a ser a árbore filoxenética en si.

As diferenzas entre taxonomía e sistemática

Na maioría das disciplinas das ciencias da vida, o termo taxonomía é inseparable de sistemática, ciencia que ten por obxecto enumerar e clasificar os taxons cunha certa orde, baseada en principios diversos.

Na práctica, o termo "sistemática" designa tanto o método empregado (por exemplo dirase «a sistemática filoxenética») como o resultado obtido con este método (a «sistemática dos basidiomicetos»). No sentido concreto do resultado, as dúas ciencias diferéncianse pouco e a miúdo confúndense, porque son practicadas simultaneamente polas mesmas persoas. Os taxonomistas foron chamados dende sempre sistemáticos, porque despois de ter estudiado e descrito os organismos, eles intentaron clasificalos a partir do nivel baixo das especies (alpha taxonomía ou "taxonomía primaria").

Os que empregan sobre todo o sentido do método, sobre todo os filoxenéticos, nomean a miúdo o resultado como clasificación ou incluso "taxonomía".

As categorías taxonómicas

As categorías taxonómicas son os diferentes chanzos nos que podería divididirse a clasificación dun ser vivo. As máis importante de todas quizais sexan as que nomean o xénero e a especie, por exemplo: no caso do lobo, Canis lupus (xénero Canis, especie lupus).

As categorías taxonómicas son as seguintes: Dominio, Reino, Subreino, Filo (ou División, no caso das plantas), Subfilo ou Subdivisión, Superclase, Clase, Subclase, Superorde, Orde, Suborde, Infraorde, Superfamilia, Familia, Subfamilia, Tribo, Subtribo, Xénero, Subxénero e a Especie. Dentro da especie temos aínda Subespecie, Variedade, Subvariedade e Raza.

O nome científico

As especies son nomeadas segúndo o sistema de nomenclatura binomial creado por Linneo. O nome dunha especie é a combinación dun binomio (expresión de dúas palabras) en latín, onde a primeira, o nome xenérico (en maiúsculas), é compartida polas especies do mesmo xénero, e a segunda, o adxectivo específico, fai alusión a algunha carácterística, propiedade distintiva, unha homenaxe a un científico o outro criterio (e escríbese con minúsculas). Exemplos: Senecio jacobea (Herba de Santiago), Pagellus cantabricus (Ollomol).

Unha vez fixado, un nome non é substituído por outro sen un motivo taxonómico (exemplo: a triquina foi bautizada como Trichina spiralis, pero hoxe mudou a Trichinella spiralis) aínda que poida conter algún erro.

Perspectivas actuais da taxonomía

Grazas á análise de ADN e ós progresos na informática e internet a taxonomía volveu a poñerse de moda no mundo científico. Estas novas ferramentas xeran un debate acerca da utilidade das regras da taxonomía tal como están hoxe en día. Xorden opinións respecto da necesidade de reformar os Códigos de Nomenclatura Zoolóxica e Botánica (Mallet e Willmott, 2003).

Só cuns poucos centos de bases de ADN pódese facer unha análise que serve para facer a indentificación e parentesco dun ser vivo. Algúns autores como Hebert et al. (2003) ou Tautz et al. (2003), propoñen un rol central do ADN na definición das especies, de xeito que unha mostra de ADN e a súa lectura da secuencia de bases debería ser un dos caracteres do espécime tipo, e unha especie de marca como un carácter clave, de emprego similar a como se usa o código de barras nos supermercados.

Esta taxonomía ten algúns dos problemas que xa tiñan os outros enfoques: por exemplo, o problema do límite da circuscrición dos taxóns. Outro problema e decidir qué secuencia do ADN usar, xa que algunhas secuencias non dan unha información que diferencie o taxon dos demais, polo que non é conveniente confiar nunha soa secuencia de ADN.

Existen moitas iniciativas taxonómicas en Internet, das que quizais son máis populares son:

Unha web universal de información taxonómica só xurdirá cando exista unha web na que se obteña a mellor información, a máis completa e actualizada, de contido libre, e "amigable" (user-friendly). Entón as demais caerán en desuso. Só nas bacterias esa información está unificada, na seguinte páxina:

Existe unha proposta para a creación dun rexistro central de nomes (Charles Godfray, 2002)(Minelli,2003) no que se poida facer unha primeira revisión a través de internet.

O futuro dos códigos ten que cambiar para poder reflictir as novas realidades e necesidades, e só un amplo consenso poderá evitar a fragmentación do coñecemento existente en moitos sistemas incompatibles (Mallet e Willmott, 2003)

Véxase tamén

Notas

  • Raven, P. H., Evert, R. F., Eichhorn, S. E. 1999. Biology of Plants. 6ª edición.
  • Judd, W. S. Campbell, C. S. Kellogg, E. A. Stevens, P.F. Donoghue, M. J. 2002. Plant systematics: a phylogenetic approach, Second Edition. Sinauer Axxoc, USA.

Códigos Internacionais de Nomenclatura

  • Greuter, W. et al. 2000. International Code of Botanical Nomenclature (St. Louis Code). Gantner/Koeltz (contido online aquí)
  • International Commission on Zoological Nomenclature. 1999. International Code of Zoological Nomenclature. International Trust for Zoological Nomenclature. (contido online aquí)
  • P. H. A. Sneath. 1990. International Code of Nomenclature of Bacteria: Bacteriological Code, 1990 Revision. International Union of Microbiological Societies. ISBN 978-1-55581-039-9 (contido online aquí).

Ligazóns externas

Clase (bioloxía)

En bioloxía (botánica e zooloxía), a clase é un grupo taxonómico que comprende varias ordes de plantas ou animais con moitos caracteres comúns.

Ao igual que ocorre con outros niveis na taxonomía dos Seres Vivos, e debido á enorme dificultade á hora de clasificar certas especies, varias Clases poden agruparse en Superclases, e os individuos dunha Clase poden organizarse en Subclases (e estes á súa vez en Infraclases).

Niveis de Clasificación (de xeral a concreto)

(os niveis obrigatorios marcáronse con fondo rosa)

Clasificación científica

Clasificación científica ou clasificación biolóxica é a maneira en que os biólogos agrupan e categorizan especies extinguidas ou actuais de organismos. A clasificación moderna ten as súas raíces no sistema de Carl von Linné, que agrupou as especies de acordo con características físicas compartidas. Estas agrupacións foron revisadas dende a época de Linneo para mellorar a consistencia co principio de descendencia común de Charles Darwin. A sistemática molecular, que utiliza a análise do ADN xenómico, levou a moitas revisións recentes e é probable que o continúe facendo. A clasificación científica pertence á ciencia da taxonomía ou bioloxía sistemática.

División (botánica)

En bioloxía, chámase división nos reinos das plantas ou dos fungos ao equivalente dun filo no dos animais.

As divisións principais das plantas establécense seguindo a orde de evolución e probablemente sexa: os musgos (división Bryophyta), as herbas (división Filicophyta), os Equiseta (división Sphenophyta), o Cycad (división Cycadophyta), o Xinkgo (división Ginkgophyta), as coníferas (división Pinophyta), o Gnetophytes (división Gnetophyta), e as anxioespermas (división Anthophyta).

As anxioespermas son as plantas con flor, que dominan o mundo das plantas (o 80% de tódalas plantas vasculares son anxioespermas).

Encyclopedia of Life

Encyclopedia of Life (Enciclopedia da Vida), abreviadamente EOL é un proxecto de enciclopedia cooperativa en liña, que ten como propósito construír unha enciclopedia que conteña un artigo para cada unha das especies de seres vivos existentes no planeta Terra.

Cada artigo podeá contener sons, vídeos, imaxes, gráficos e textos.Dispoñía inicialmente dun fondo de 50 millóns de dólares provenientes de cinco grandes institucións científicas, encabezadas pola Fundación McArthur.

A páxina web de internet da enciclopedia contén información do proxecto, FAQs e páxinas de demostración.O comité directivo do proxecto está composto por membros veteráns de:

o Consorcio da Biblioteca da Herdanza da Biodiversidade,

o Museo Field de historia natural,

a Universidade de Harvard,

a Fundación McArthur,

o Laboratorio de Bioloxía Mariña,

o Xardín Botánico de Missouri,

a Fundación Alfed P. Sloan e

o Instituto Smithsoniano.O proxecto non permite achegas directas dos usuarios, como ocorre na Wikipedia.

Familia (bioloxía)

A familia é, en bioloxía, a unidade sistemática ou taxonómica situada entre a orde e o xénero, ou entre a superfamilia e a subfamilia se estivesen descritas.

En botánica a desinencia latina da familia é -aceae, e en galego -áceas, agás algunhas familias debido ao uso tradicional do nome.

En zooloxía a desinencia latina da familia é -idae, e en galego -idos (en palabra sempre esdrúxula).

Igual que ocorre con outros niveis na taxonomía dos seres vivos, e debido á enorme dificultade á hora de clasificar certas especies, varias familias poden agruparse en superfamilias, e os individuos dunha familia poden organizarse en subfamilias (e estes á súa vez en infrafamilias).

Filo

En bioloxía, filo (en latín científico Phylum, plural Phyla) ou, en botánica, división (do latín Divisio), é o rango de clasificación que está entre o reino e a clase.

Ao igual que ocorre con outros niveis na taxonomía dos seres vivos, e debido á enorme dificultade á hora de clasificar certas especies, varios filos poden agruparse en superfilos, e as entidades dun filo poden organizarse en subfilos (e estes á súa vez en infrafilos).

Niveis de clasificación (de xeral a concreto):

(Os niveis obrigatorios marcáronse con fondo rosa)

Global Biodiversity Information Facility

A Global Biodiversity Information Facility (GBIF) é unha organización internacional que trata de que os datos científicos sobre biodiversidade estean dispoñíbeis na Internet usando servizos web. Os datos son proporcionados por moitas institucións de todo o mundo, e a estrutura da información da GBIF fai que estes datos sexan accesíbeis e permite buscas nun único portal. Os datos dispoñíbeis a través do portal da GBIF son principalmente datos de distribución de plantas, animais, fungos e microorganismos, e datos de nomes científicos.

A misión da GBIF é facilitar o acceso libre e aberto aos datos de biodiversidade do mundo para propiciar un desenvolvemento sustentábel. As prioridades, cun énfase en promover a participación e traballar con socios, inclúen mobilizar datos sobre biodiversidade, desenvolver protocolos e estándares para asegurar a integridade científica e a interoperabilidade, construír unha arquitectura informática que permita a interconexión de distintos tipos de datos provenientes de fontes dispares, promover a construción de capacidades e catalizar o desenvolvemento de ferramentas analíticas para unha mellor toma de decisións.

A GBIF trata de formar ligazóns informáticas entre recursos de datos dixitais de todo o espectro da organización biolóxica (de xenes a ecosistemas), e conectar estes con problemas importantes para a ciencia, a sociedade e a sustentabilidade usando xeoreferenciación e ferramentas de información xeográfica. Traballa en asociación con outras organizacións internacionais como a asociación do Catálogo da Vida, Biodiversity Information Standards (TDWG), Consortium for the Barcode of Life (CBOL), a Encyclopedia of Life (EOL) e GEOSS.

Mammal Species of the World

Mammal Species of the World (MSW) (en galego, Especies de mamíferos do mundo) é unha publicación científica de referencia taxonómica no ámbito da zooloxía, hoxe considerada oficial por varias entidades científicas, como a estadounidense American Society of Mammalogists (Sociedade Americana de Mastozoólogos), e utilizada como base en diversas publicacións científicas.

National Center for Biotechnology Information

O National Center for Biotechnology Information (NCBI), en galego Centro Nacional para a Información Biotecnolóxica, forma parte da Biblioteca Nacional de Medicina de Estados Unidos (National Library of Medicine), unha rama dos Institutos Nacionais de Saúde (National Institutes of Health ou NIH). Está localizado en Bethesda, Maryland e foi fundado o 4 de novembro de 1988 coa misión de ser unha importante fonte de información de bioloxía molecular.

Nomenclatura binominal

En bioloxía, a nomenclatura binominal (tamén chamada nomenclatura binaria) é un convenio estándar empregado para denominar as diferentes especies de organismos (vivos ou xa extintos). Ás veces faise referencia á nomenclatura binominal como Sistema de Clasificación binominal.

Como suxire a palabra «binominal», o nome científico asignado a unha especie está formado pola combinación de dúas palabras (nomes en latín ou de raíz grecolatina): o nome do xénero e o epíteto ou nome específico. O conxunto de ambos os dous é o nome científico que permite identificar cada especie coma se tivese "nome e apelido".

A nomenclatura binominal é a norma puntual que se aplica á denominación dos taxóns específicos, mais representa só un dos estándares da nomenclatura biolóxica, que se ocupa tamén da denominación formal (científica) de taxóns doutras categorías.

Orde (bioloxía)

En bioloxía, a orde é a unidade sistemática entre a clase e a familia, na clasificación por categorías taxonómicas. Porén, en sistemática antiga, era sinónimo de familia.

Ao igual que ocorre con outros niveis na taxonomía dos seres vivos, e debido á enorme dificultade á hora de clasificar certas especies, varias ordes poden agruparse en superordes, e os individuos dunha orde poden organizarse en subordes (e estes á súa vez en infraordes).

Niveis de clasificación (de xeral a concreto)

(os niveis obrigatorios marcáronse con fondo rosa)

Reino (bioloxía)

En bioloxía, reino é cada unha das grandes subdivisións en que se consideran distribuídos os seres naturais, por razón dos seus caracteres comúns.

Foi Aristóteles quen deu en facer a primeira clasificación en Reinos de tódalas entidades que se manifestan na Natureza. En base ás diferenzas entre estas entidades establécese a clásica distinción entre os reinos animal, vexetal e mineral. Na actualidade, case tódalas clasificacións deixan á parte ós minerais. Isto non simplificou a taxonomía dos entes naturais, senón que propiciou para os virus unha especie de non clasificación, xa que non se consideran seres vivos en sentido estrito, a pesar de que «paradoxalmente, todo o mundo quere matalos» . Así pois, a primera subdivisión dos entes da natureza debe distinguir entre seres vivos, virus e minerais. En bioloxía, a clasificación en reinos céntrase nos seres vivos.

A seguinte é unha comparativa dos sistemas de clasificación en reinos biolóxicos máis salientables:

Debido á enorme variedade da vida establecéronse numerosos niveis de clasificación denominados taxóns. O nivel de Reino era ata hai pouco o nivel superior da clasificación biolóxica. Nas clasificacións modernas o nivel superior é o Dominio. Cada un dos Dominios subdivídense en Reinos; os Reinos, á súa vez, poden organizarse en Subreinos etc. Os niveis superiores da clasificación biolóxica amósanse a continuación (de xeral a concreto, os niveis obrigatorios marcáronse con fondo rosa):

As diferenzas básicas dos seres vivos danse a nivel molecular (estrutura dos lípidos, proteínas e xenoma) e permiten distinguir os dominios Archaea, Bacteria e Eukarya (dende este punto de vista, unha planta e un animal son máis semellantes entre si ca unha archaea e unha bacteria). Os dominios Archaea e Bacteria inclúen só organismos unicelulares procariotas (organismos con células sen núcleo). O dominio Eukarya inclúe tódalas eucariotas (organismos con células con núcleo) e comprende numerosos reinos, entre os cales se atopan os protozoos (clasificados en varios reinos), plantas, fungos e animais.

A continuación amósase a clasificación en reinos dos seres vivos segundo os últimos datos moleculares. Os virus clasifícanse á parte.

Sinonimia (bioloxía)

Na nomenclatura científica, a sinonimia ocorre cando un mesmo taxon, recibiu dúas ou máis denominacións distintas, propostas por dous ou máis científico diferentes. Nesta situación, a segunda ou seguintes denominacións perde a súa validez por mor da "Lei da Prioridade", permanecendo válida a primeira; a segunda é citada coma un sinónimo do taxon válido, a non ser que se teña cambiado posteriormente, por acordo da comunidade científica correspondente botánica ou zoolóxica, o nome do taxon.

Sistema Integrado de Información Taxonómica

O Sistema Integrado de Información Taxonómica (SIIT), coñecido habitualmente pola súa sigla en inglés ITIS (Integrated Taxonomic Information System), é unha sociedade deseñada para que sexa a fonte que subministre unha información fiábel e consistente sobre a taxonomía das especies biolóxicas.

O SIIT creouse orixinalmente en 1996 como o «Sistema Interaxencias de Información Taxonómica», un grupo dentro do Goberno Federal dos Estados Unidos con implicacións de varias axencias, desde o propio Departamento de Comercio até a Smithsonian Institution. Actualmente é un organismo internacional, con axencias partícipes dos gobernos canadense e mexicano, e que colabora con outras axencias internacionais.

O ITIS axuda a elaborar unha base de datos completa e accesíbel de información taxonómica para cada unha das especies e outros taxons recoñecidos, incluíndo tanto o seu lugar no sistema xerárquico da clasificación científica como as referencias ás autoridades na materia que o situaron na súa posición taxonómica. As súas prioridades iniciais son as especies de Norteamérica, pero utiliza os resultados das investigacións internacionais. A súa base de datos pódese consultar na páxina oficial da organización na Internet.

A taxonomía biolóxica non é inamovíbel, e as opinións sobre o correcto status dun taxon a todos os niveis, e sobre a súa correcta situación, son constantemente revisadas, como resultado de novas investigacións, e moitos aspectos da clasificación permanecen sempre en cuestión. A base de datos do ITIS está posta ao día tanto como é posíbel, contando coas novas investigacións, e a información que manexa é a máis aproximada para representar un claro consenso das opinións taxonómicas máis actualizadas. Esta información non é, obviamente, definitiva, e probabelmente é máis fiábel para algúns grupos que para outros. Debe, de todos os modos, contrastarse con outras fontes dispoñíbeis, e coa literatura científica primaria en todo o posíbel.

Subespecie

En bioloxía denomínase subespecie a cada un dos grupos nos que se dividen as especies, e que se compoñen de individuos que, ademais dos caracteres propios da mesma, teñen en común outros caracteres morfolóxicos polos cales aseméllanse entre si e distínguense dos das demais subespecies. Dende o punto de vista estritamente sistemático ou da taxonomía, é a categoría taxonómica comprendida entre a especie e a raza.

A subespecie é unha parte da especie formada por unha ou máis poboacións, pouco diferenciadas e cunha distribución xeográfica concreta. Esta definición inclúe as razas xeográficas de moitos autores ('Rassenkreis'). Con todo, non está moi clara a liña de separación entre os conceptos de raza e subespecie, pois ambos taxons manteñen as características propias da especie, é dicir, que parellas de individuos de distintas subespecies ou razas (pero da mesma especie) poden emparentar e producir descendencia viábel e fértil; e só acostuman diferenciarse en caracteres externos menores aínda que recoñecibles e regularmente presentes. O termo raza utilízase con máis frecuencia fóra do ámbito científico, polo que, en taxonomía, só se emprega (por costume) para a distinción morfolóxica nun número moi limitado de especies, esencialmente os seres humanos e os animais domésticos.

Subfamilia

Ó igual que ocorre con outros niveis (categorías) na taxonomía dos seres vivos, e debido á enorme dificultade á hora de clasificar certas especies, varias familias poden agruparse en superfamilias, e os individuos dunha familia poden organizarse en subfamilias (e estes a súa vez en infrafamilias).

A familia é a categoría taxonómica máis importante despois das de xénero e especie.

Os detalles exactos da nomenclatura formal dependen dos "Código de Nomenclatura" (manuais que gobernan a nomenclatura biolóxica).

The Plant List

The Plant List é unha lista de nomes botánicos de especies de plantas creada polos Royal Botanic Gardens, Kew e o Missouri Botanical Garden lanzada en 2010. Pretende ser completa, é dicir, conter todos os nomes das especies coñecidas.

Existe tamén un proxecto complementario chamado International Plant Names Index (IPNI, Índice de Nomes de Plantas Internacional), no cal os xardíns de Kew están tamén implicados. O IPNI ten como obxectivo proporcionar detalles da publicación do nome e non pretende determinar cales son os nomes aceptados para as especies. Os novos nomes que se publican son engadidos automaticamente desde o IPNI ao World Checklist of Selected Plant Families (Lista de Comprobación Mundial de Familias de Plantas Seleccionadas), unha base e datos que é a base de The Plant List.

Tribo (bioloxía)

A tribo é, en bioloxía, unha clasificación taxonómica optativa intermedia entre a familia e o xénero (ou os sub ou super correspondentes que existan) empregada para organizar as familias que conteñen moitos membros.

Xénero (bioloxía)

O xénero, no campo da bioloxía, é unha unidade sistemática das clasificacións por categorías taxonómicas.

Conceptos base
Taxons
Conceptos asociados
Normas
Campos de estudo da bioloxía

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.