Técnica Levallois

A técnica Levallois é un procedemento complexo de lascado que, por medio dunha preparación especial da cara superior do núcleo (e, opcionalmente, da súa periferia e a súa plataforma de percusión) consegue preconcibir ou predeterminar, total ou parcialmente, a forma e o tamaño da lasca, antes de ser extraída. Deste xeito, a talla lítica segue uns pasos concretos que levan a uns resultados formais moi específicos. Empregouse na Prehistoria, en especial no Paleolítico Medio.

Lasca Levallois en mano
Gran lasca Levallois achelense

Historia

Este procedemento lítico debe o seu nome a que os primeiros achados tiveron lugar no século XIX nos arredores de Levallois-Perret, preto de París. Hai que subliñar que o concepto Levallois variou moito desde entón ata a actualidade: ao primeiro non se distinguía a extracción predeterminada da discoide, polo que ambas as dúas denominábanse xenericamente «núcleos musterienses». Foi Henri Breuil o primeiro en usar o termo Levalloisien aínda que pondo énfase na morfoloxía tanto das lascas coma dos núcleos, que se describían desde un punto de vista totalmente formal.

Variantes

Dentro do concepto Levallois, os especialistas distinguen diversos modelos en función, tanto do produto a obter, coma da estratexia seguida para iso. Así, por unha banda distínguense os núcleos Levallois para lascas dos que están destinados a obter follas ou dos que producen puntas. Doutra banda, diferénciase entre os núcleos de extraccións reiterativas, é dicir, que permiten obter varios produtos de lascado cunha soa preparación, dos de extraccións preferenciais, ou sexa, aqueles nos que se obtén unha única peza, sendo necesaria unha nova preparación cada vez que se desexe obter outra peza. Para rematar, tamén se distinguen os núcleos nos que a explotación é centrípeta dos que a teñen paralela ou polarizada. Con todo, persisten, entre os especialistas, diferenzas na forma de ver o concepto ou idea Levallois, tanto sobre as variantes que poden incluírse dentro do método base, coma nos atributos que deben ter os produtos obtidos deste xeito. De feito, as experiencias de talla e as análises de pezas arqueolóxicas están demostrando que existen estratexias de talla moi diferentes coas que se poden obter produtos practicamente equivalentes.

A obtención de lascas Levallois

A lasca Levallois, en sentido estrito, pódese obter por métodos diferentes que se poden agrupar en dúas categorías: aquela que consiste en preparar o núcleo para obter unha gran lasca predeterminada, aproveitando ao máximo a súa superficie de explotación e conseguindo un control máis estrito de produto, mais cun gasto de enerxía maior, e por outra banda a obtención dunha serie máis ou menos numerosa de lascas predeterminadas cunha soa preparación, conseguindo un maior aforro enerxético, pero perdendo certo control sobre o produto e obtendo pezas máis pequenas en relación ao núcleo-soporte

O método clásico: a extracción preferencial

Levallois Preferencial-Animation
Reconstrución hipotética da extracción dunha lasca Levallois preferencial

O núcleo Levallois para unha lasca preferencial é o prototipo clásico. O procedemento que se segue comeza, neste caso, pola elección dun canto-soporte: un seixo arredondado lixeiramente, alongado e patelo, que se prepara, cun percusor duro, tallando perifericamente un plano de percusión que servirá para mondar a cara principal do núcleo por medio de levantamentos centrípetos. Si é preciso, prepárase, ademais, unha plataforma de percusión situada, xeralmente nun dos extremos estreitos do soporte, para poder dar o golpe no mesmo sentido que o seu eixe de alargamento. Desde este plano de percusión, extráese cun único golpe, que, forzosamente, ha ser certeiro e dirixido cara ao centro do núcleo, unha gran lasca Levallois cunha forma que xa fora preconcibida antes grazas á forma máis ou menos convexa e regular da cara principal do núcleo. Esta lasca será, normalmente, máis longa que larga e con varios negativos centrípetos na súa cara superior (polo menos catro) que son as cicatrices propias da preparación do núcleo. Algúns núcleos Levallois teñen a particularidade de que, ás veces, reciben o golpe no lateral, e non no extremo, polo que as lascas son tan largas coma longas, ou mesmo máis. Unha vez explotados e abandonados, estes núcleos teñen unha forma moi característica na que destaca a preparación bifacial periférica de sección planoconvexa e un gran negativo de lascado que ocupa practicamente toda a cara principal do núcleo. En Europa e, máis concretamente, en España, os núcleos Levallois aparecen no Achelense, pero a maioría das veces, teñen o golpe no lateral, e non lonxitudinal; do mesmo xeito, as lascas Levallois do Paleolítico Inferior son máis largas que longas. En cambio, o Levallois do Paleolítico Medio é o típico coa extracción alargada e mellor controlada. Identifícanse varias fases iniciais «pre-Levallois» en Stellenbosch (Suráfrica), outra fase «proto-Levallois» denominada máis especificamente dependendo das súas características e rexións, como Vitoria-Oeste en Uganda e tipo Kerzaz en Alxeria, ata chegar ao Levallois propiamente dito que liga xa coas evidencias coñecidas en Europa, durante o Achelense pleno.

Un método alternativo: a extracción reiterativa centrípeta

A finais dos anos 80, o investigador francés Éric Boëda estudou detidamente unha serie de pezas musterienses procedentes do asentamento de Biache-Saint-Vaast (Paso de Calais) descubrindo que, durante o Paleolítico Inferior e Medio existía unha variante Levallois que pasara desapercibida ou que fora identificada cunha técnica de lascado habitual neses períodos prehistóricos, a extracción centrípeta discoide (que non leva consigo lascas predeterminadas). Pouco despois realizou unha profunda revisión do método Levallois a través do estudo destes e outros obxectos arqueolóxicos e de experiencias de talla. Boëda dedica gran parte dos seus traballos a establecer as diferenzas entre núcleos Levallois reiterativos centrípetos e os núcleos discoides de extracción centrípeta. Así mesmo propúxose establecer a relación entre o método Levallois clásico, para unha lasca preferencial, e este procedemento repetitivo. Tanto o núcleo Levallois reiterativo, coma o Discoide comparten unha estratexia de explotación centrípeta moi rendible; pero, mentres que o Levallois ten unha superficie principal de explotación escasamente cambada, case plana, o núcleo discoide tenas moi cambadas, practicamente (bi)piramidais ou, cando menos, claramente (bi)convexas. Isto débese a que a concepción volumétrica da técnica Levallois é peculiar: os núcleos Levallois centrípetos reiterativos teñen un plano de percusión circundante, preparado para obter unha boa morea de lascas predeterminadas, golpeando perifericamente; ademais, a cara de explotación é bastante plana, cunha preparación moi similar á dun núcleo Levallois clásico, o cal permite aproveitar ao máximo a súa superficie e obter lascas relativamente grandes e invasoras, reiteradamente. É dicir, mentres que nun núcleo non Levallois centrípeto bifacial ambas as caras son equivalentes, pois ambas as dúas se traballan para extraer lascas (de aí, a súa morfoloxía biconvexa, visto de perfil); un núcleo Levallois reiterativo, en troques, é planoconvexo porque cada cara ten unha función diferente: unha actúa de plataforma de percusión periférica e a outra de zona de explotación centrípeta.

Nucléus Levallois La-Parrilla
Núcleo Levallois con percusión lateral para unha lasca corta

Por outra banda, tanto os núcleos Levallois para obter unha soa lasca preferencial, coma os núcleos Levallois reiterativos centrípetos teñen unha fase de preparación moi similar, por non dicir idéntica. Pero nos primeiros a preparación só conduce a unha lasca de morfoloxía equilibrada, perfectamente predeterminada na cal se aproveita toda a superficie de explotación (gástase moita enerxía para unha soa extracción, pero o control é moi alto, se non hai erros ou accidentes). En cambio, nos segundos, a rendibilidade enerxética é maior, ao obterse unha serie considerable de lascas predeterminadas, de tamaño e forma estandarizados (aínda que con menos control sobre cada peza). As lascas tamén son invasoras, aínda que non tanto e teñen a particularidade engadida de que o seu negativo serve para preparar a extracción da lasca seguinte, por iso o método reiterativo proporciona pezas cunha cara superior con varios negativos de lascado, un dos cales pode ser máis grande que os demais, ao ser o resultado dalgunha outra lasca obtida con anterioridade. Por oposición, as lascas obtidas polo método clásico (preferencial), teñen unha serie de negativos centrípetos, todos de tamaño moi similar, na súa cara superior.

A obtención de puntas e follas Levallois

Separadamente das lascas en sentido estrito, o método Levallois tamén se utiliza para obter produtos de lascado máis especializados, especialmente puntas e follas líticas, que, en ambos os dous casos, requiren unha preparación diferente á que se describiu anteriormente.

Obtención de puntas Levallois

Pointe levallois Beuzeville MHNT PRE.2009.0.203.2.fond
Punta Levallois - Beuzeville

Os núcleos Levallois para puntas prepáranse de diversos modos, todos moi específicos, que buscan crear un nervio lonxitudinal na cara de explotación do núcleo (o chamado nervio Levallois). Existen diversos medios para obter ese nervio, tal como se puido demostrar nos experimentos de talla e na recolocación de pezas procedentes de sitios arqueolóxicos. Este nervio é o suficientemente prominente como para dirixir a fractura da lasca, ao golpear nunha plataforma especificamente preparada para iso. As pezas así obtidas teñen unha morfoloxía triangular simétrica, cunha zona proximal ancha (na que se conserva un talón diedro ou facetado) e unha zona terminal moi afiada dividida en dúas polo mencionado nervio a modo de bisectriz, ademais de ser, vistas de perfil, moi finas e equilibradas. Cando a punta extraída non alcanza os límites da cara de explotación do núcleo, é posible aproveitar esa preparación para obter unha segunda punta Levallois que levará na súa cara superior o negativo da peza extraída previamente. Aínda que isto ocorre raras veces, o procedemento puido ser reproducido experimentalmente por François Bordes, quen fala, por iso, de puntas Levallois de primeira e segunda orde.

Levallois Point-Animation
Extracción dunha punta Levallois

Obtención de follas Levallois

Xa desde o Paleolítico Medio o ser humano é capaz de obter lascas suficientemente alargadas como para seren cualificadas de follas obtidas conscientemente, é dicir, non dun modo fortuíto, senón predeterminadas no núcleo por medio dunha das variantes da técnica Levallois. Os núcleos Levallois para follas combinan a elección dun canto-soporte morfoloxicamente moi adecuado, isto é, máis alargado, cunha preparación Levallois particular que conforma unha cara cambada case cilíndrica. Golpeando desde un ou ambos os extremos do soporte (polos), con percusións paralelas (polarizadas), as lascas obtidas son alargadas (follas). Dado que os negativos das follas xa extraídas, ao seren lonxitudinais e case paralelos, serven para preparar a extracción das follas seguintes (dirixindo as ondas de fractura), non é necesario volver acomodar a superficie do núcleo para continuar explotándoo; por iso dise que este é un método de extracción reiterativo (ou recorrente)

Cova Eirós

A cova Eirós é unha gruta natural sita en Cancelo, concello de Triacastela (Lugo), aos pés da serra do Oribio. A caverna, resultado de fenómenos cársticos sobre rocha calcaria, é un sitio arqueolóxico que forneceu materiais líticos pertencentes ao Paleolítico Medio e Superior, xunto con restos de fauna e flora da época. O 20 de agosto de 2012 fíxose público o achado de pinturas e gravados rupestres que se poderían remontar a 30.000 anos de antigüidade, sendo a primeira mostra de arte rupestre atopada en Galicia e que motivaron a súa declaración como Ben de Interese Cultural.

Lasca Levallois

Unha lasca Levallois é unha lasca obtida pola técnica Levallois, caracterízase por unha morfoloxía moi coidada, a lasca é simétrica, case sempre máis longa que larga, oval, rectangular ou, como nas puntas, triangular. O seu perfil non é moi groso pero o seu concoide adoita ser moi marcado. Na súa cara superior ou dorsal posúe restos, de cando menos, tres negativos de lascado centrípetos, resultado da preparación previa do núcleo lítico. Existen algunhas variantes, non recoñecidas por todos os investigadores, como as lascas Levallois de segunda e terceira orde que se obteñen dos chamados núcleos Levallois reiterativos centrípetos, que na súa cara superior non só amosan cicatrices propias da preparación do núcleo, senón que teñen un ou varios negativos de lascado máis grandes como resultado de extraer outras lascas Levallois anteriores.

Levallois-Perret

Levallois-Perret (pronuncia francesa [lə.va.lwa.pɛ.ʁɛ] (AFI)) é un concello situado no departamento de Altos do Sena, ao noroeste de París, en Francia. Nos seus 2,42 km² habitan 62.500 persoas (2005), o que fai que, con 25.826 hab./km², ocupe o primeiro posto en densidade de poboación entre concellos de Francia. Para valorar dato debe terse en conta que o concello forma parte da aglomeración de París onde estas densidades elevadas non son raras.

Lámina lítica

Unha lámina lítica é un produto de lascado alongado caracterizado por tres atributos básicos. En primeiro lugar debe ter os bordos paralelos ou subparalelos e con ambos os dous eixes tipolóxicos (o técnico e o morfolóxico) en perfecta correspondencia. En segundo lugar, a lámina debe ser moi alongada, o módulo de alongamento dunha lámina lítica establécese segundo a relación lonxitude/largura da peza de acordo ao eixe técnico, xeralmente acéptase un mínimo de dous a un. Xa que o módulo de alongamento é un convencionalismo, existen variantes entre os tipólogos para a definición das láminas líticas. Este atributo tamén depende da época prehistórica ou nivel técnico dunha cultura. Así, para o Paleolítico Inferior e Medio, François Bordes propuxo que a lonxitude debe ser como mínimo o dobre da largura. Para o Paleolítico Superior e épocas posteriores, nas que a tecnoloxía lítica mellora considerablemente, póñense uns límites máis esixentes, por exemplo, para André Leroi-Gourhan unha «lasca laminar» (longa pero que non chega á consideración de lámina), ten o dobre de lonxitude que de largura; mentres que unha lámina tería, como mínimo a lonxitude o triplo que a largura e unha lámina alongada tería un lonxitude catro veces superior. Por outra banda, o tamaño, en sentido xeral, separa as láminas das laminiñas, aínda que esta ten límites igualmente convencionais e variables (desde menos de tres a menos dun centímetro, segundo autores), xustifícase porque as laminiñas son un trazo característico das industrias microliticas de láminas, é dicir, «microlaminares». En terceiro lugar, resulta esencial, ademais, que estas sexan predeterminadas antes da extracción. É dicir, para obter unha folla dun núcleo é necesaria unha preparación concreta destinada a dirixir a fractura pétrea de modo que o produto obtido teña unhas dimensións e unha forma determinada. Isto fai que as láminas, malia ter os mesmos elementos básicos dunha lasca (talón, concoide, cara inferior...), posúa uns estigmas moi característicos na súa cara superior que delatan a preparación especial do núcleo e, do mesmo xeito, os núcleos para láminas sexan o produto duns procedementos moi concretos, os métodos de extracción laminar:

A extracción laminar comezou no Paleolítico Inferior, aínda que se desenvolve máis eficazmente no Paleolítico Medio, dentro dunha das variantes da técnica Levallois, chamada «para láminas». No Paleolítico Superior a extracción de láminas estandarízase ata o punto de estar en presenza de industrias caracterizadas pola presenza deste tipo particular de produtos de lascado, polo que o especialista francés Georges Laplace fala de «Complexos Leptolíticos» (de leptos, λεπτός ή όν, en grego, fino, delgado...). Pero é durante o Calcolítico cando a extracción de láminas adquire o seu cumio, cunha serie de innovacións tecnolóxicas tan especializadas que requirían un artesán cunha formación específica, ferramentas propias, así como fontes de fornecemento de materias primas e mercados de venda dos seus produtos.

As láminas usáronse tal como saían do artesán como coitelos, ou transformábanse en diversos utensilios, ben por medio do retoque (raedeiras, burís, puntas, puñais, coitelos de dorso etc.), ou rompéndoas por medio da técnica do microburil para fabricar microlitos ou dentes de fouce. As láminas son máis difíciles de fabricar cás lascas, o que implica investir máis enerxía, con todo, a cambio ofrecen numerosas vantaxes, por exemplo a súa forma alongada adáptase mellor ao collela coa man e é máis fácil engadirlle un mango. Tamén, permite aproveitar mellor a masa do núcleo do que proceden.

Núcleo lítico

Un núcleo lítico é unha masa de rocha homoxénea que se tallou co obxecto de extraer lascas para o seu uso posterior. Así, pois, o propósito principal dun núcleo é proporcionar soportes a unha variedade indeterminada de utensilios líticos. A medida que se traballan os núcleos líticos, isto é extraéndoselle lascas, van facéndose máis pequenos ata que son abandonados por non ser necesarios ou por esgotarse. Os núcleos abandonados ou esgotados convértense en refugallos característicos que adoitan aparecer en maior ou menor abundancia nos sitios prehistóricos.

Os núcleos líticos teñen diferentes formas, e clasificacións dependendo en primeiro lugar, do sistema tipolóxico (é dicir, do punto de vista do investigador), en segudo lugar, da técnica (Levallois, laminar...) ou técnica de talla (percusión directa, percusión indirecta, presión...) que se empregue para a extracción, e, en terceiro lugar, do produto obtido (basicamente lascas, puntas ou follas líticas).

Desde o punto de vista da técnoloxía lítica, todos os núcleos posúen unha ou varias zonas de explotación que, basicamente se dividen nos seguintes elementos:

Un plano de percusión (ás veces denominado tamén «plataforma de percusión») ou varios: é dicir, a zona que recibe os golpes ou que sofre a presión precisa para que a rocha esgace e poidan extraerse os produtos desexados. Os planos de percusión poden ser de diversos tipos, aínda que basicamente se diferencian os planos de percusión corticais, debidos a unha talla monofacial, dos non corticais, propios dunha talla bifacial e, dentro destes, aqueles que se prepararon coidadosamente por medio de pequenos lascados, para que a extracción sexa máis precisa (planos de percusión preparados). Cando se extrae unha lasca, unha parte do plano de percusión vaise con ela, é o que denominamos talón da lasca, o cal pode ser cortical, se o plano de percusión tamén o é; tamén pode ser liso, ou diedro, cando é unha extracción por talla bifacial, ou, para rematar, facetado, cando se prepara o plano de percusión.

Unha cara principal de extracción, que é a parte do núcleo da que se extraen as lascas ou follas. As caras de extracción dun núcleo tamén poden ser varias, sobre todo nos núcleos de talla bifacial, aínda que a tendencia é a ter un maior control sobre a explotación do núcleo, é a reducilas o máximo posible. Caracterízanse por conservaren os negativos das lascas xa extraídas, cicatrices de anteriores extraccións ou da preparación do núcleo e que, cando unha lasca esgaza do núcleo, convértese na súa cara superior ou dorsal. A estrutura e ordenación dos negativos de lascados previos nunha lasca ou na cara de extracción dun núcleo achegan valiosa información sobre os sistemas de talla lítica.Desde o punto de vista dos métodos e técnicas empregados na explotación dun núcleo lítico, hai dous factores básicos que permiten discriminar unha ampla variedade dentro desta gran categoría de obxectos tallados:

A posición da extracción: é un aspecto básico na talla, non só dos núcleos, senón tamén de calquera obxecto lítico tallado. A posición pode ser monofacial, cando afecta a unha soa cara do núcleo; bifacial, cando afecta a dúas caras, sempre que as extraccións se apoien en negativos de lascados previos; e polifacial, cando estamos ante unha extracción máis complexa que configura tres ou máis caras no núcleo.

A dirección de percusión na que, dun modo simplificado, podemos distinguir tres posibilidades: os núcleos de talla desordenada, nos que non é posible establecer unha dirección de percusión dominante (e que é propia de núcleos arcaicos, é dicir, de períodos antigos da Prehistoria, pero tamén de núcleos esgotados ou voltos a aproveitar, xa que logo non é, necesariamente, un indicador cronolóxico ou do nivel técnico dunha cultura). Os núcleos de talla centrípeta, nos que os impactos do percusor van desde os bordos cara ao seu centro, acabando por formar unha silueta discoide na peza; este tipo de núcleos adoita ser de tipo bifacial e son moi característicos do Achelense e do Musteriense, aínda que se poden dar en calquera período da historia do ser humano (son un indicador cronolóxico, ata certo punto, relativo e pouco fiable). Os núcleos de yalla paralela, isto é, un plano de percusión polariza as extraccións que se van facendo dun modo paralelo, os produtos así obtidos son lascas alargadas ou follas.

Paleolítico medio

O Paleolítico medio é un período da prehistoria caracterizado polo predominio da cultura musteriense e da técnica Levallois, que consisten en obter unha ou varias lascas de forma predeterminada, a partir dunha preparación particular do núcleo lítico. Abrangue aproximadamente entre os anos 130000 e 33000 a.C.

Punta Levallois

A Punta Levallois é unha punta lítica e un tipo específico de lasca Levallois, recoñécese, en primeiro lugar, pola súa morfoloxía triangular, coidada e bastante regular ou simétrica, co vértice puntiagudo sempre oposto ao talón, é dicir, situado na zona distal da lasca. Esta morfoloxía non é arbitraria, pois foi preconcibida e ideada mediante unha preparación especial do núcleo (incluída dentro do concepto máis amplo denominado técnica Levallois); este tipo de preparación coñécese como predeterminación da peza antes da súa extracción. O segundo atributo que as distingue é o nervio que parte do ápice distal desenvolvéndose cara á zona proximal, sen que necesariamente teña que chegar a ela. Só cando existe ese nervio a peza pode considerarse unha Punta Levallois. Os estudos da tecnoloxía prehistórica, demostran que hai varios modos de obter ese nervio, François Bordes experimentou un que cunha soa preparación previa, permite obter dúas puntas sucesivas que el chama «de primeira orde» e «de segunda orde»; Jacques Tixier ofrece outras alternativas nas que non necesariamente se obteñen varias puntas sucesivas. Debido á necesaria e complexa preparación que teñen este tipo de pezas, as puntas Levallois considéranse útiles de seu, sen ser preciso que se observe nelas retoque ou pegadas de uso, con todo existe a posibilidade de que aparezan retocadas, como ocorre coas denominadas puntas de El-Emireh e de Soyons.

Talla lítica

A talla lítica é a labra intencionada da pedra por medio da percusión, ben sexa directa ou indirecta, ou da presión. Escúlpese a materia prima e dáselle forma, aproveitando a fractura concoide, co obxecto de fabricar útiles nucleares, ou para extraer lascas que se poden usar en bruto, ou servir de soporte para ferramentas, retocándoas logo da súa extracción. A talla lítica é o proceso de fabricación de manufacturas máis coñecido da Idade da Pedra e que seguiu sendo moi importante durante a Idade dos Metais, e mesmo seguiu practicándose en tempos históricos. Os obxectos de pedra tallada adrede polos humanos diferéncianse das rompeduras naturais ou accidentais, grazas a que aparecen localizadas en contextos arqueolóxicos ben definidos, e a que os golpes da talla deixan negativos de lascado que seguen certa tendencia, certa orde imposible de atribuír á natureza. O repertorio de xestos de talla organizada vaise coñecendo cada vez mellor e permite establecer diagnósticos cada vez máis seguros, así como un repertorio de pautas morfolóxicas, técnicas e funcionais que son as que permiten establecer a tipoloxía lítica, é dicir, a clasificación, análise e comparación dos artefactos de pedra tallada. A talla lítica non é, en calquera caso, máis que unha das fases da vida dun artefacto lítico ou, por expresalo en términos científicos máis precisos, só é unha porción relativamente curta da cadea operativa. Esta nace coa necesidade ou a idea que estimula ao ser humano a iniciar a súa actividade produtiva, segue coa procura da materia prima pétrea, a súa transformación mediante a talla, ata conseguir os útiles necesarios. Despois está a súa utilización, incluíndo varias fases de mantemento da funcionalidade mediante aguzados sucesivos e, cando a ferramenta é xa inservible, o seu abandono ou a súa reciclaxe noutra peza.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.