Suso Vaamonde

Xesús Vaamonde Polo, nado en Rego do Vargo (A Insua, Ponte Caldelas) o 20 de decembro de 1950 e finado en Vigo o 16 de febreiro de 2000, foi un cantautor galego, coñecido como Suso Vaamonde, .

Suso Vaamonde
Nome completoXesús Vaamonde Polo
Nacemento20 de decembro de 1950
OrixePonte Caldelas, Galicia
Falecemento16 de febreiro de 2000 (49 anos)
 Vigo
Ocupacióncantautor e compositor
Relacionado conVoces Ceibes
Tempo en activo1966–2000
Na rede
http://susovaamonde.com

Traxectoria

Compositor dende os dezaseis anos, Suso Vaamonde comezou a darse a coñecer na antiga Asociación Cultural de Vigo. Seguindo por este camiño, entrou dende mozo en contacto coa movida roqueira en Vigo, que o levou a formar parte dos grupos musicais Os Copens e Marco Balorento, este último polo 1966, e co que gaña o seu primeiro premio nun festival organizado por unha emisora de radio da cidade. De aí pasa ó movemento Voces Ceibes a principios dos anos 70, deixando un pouco de lado o seu labor de letrista para, acompañado da súa inseparable guitarra, poñer voz e música ós poemas galegos.

Preso

Tanto aquí como na súa posterior carreira en solitario, o seu traballo de cantautor xirou sobre un triplo pensamento que o acompañou ata o leito de morte: defensa dun pobo, dunha terra e dunha fala. En xuño de 1979, na pontevedresa praza da Ferrería nun recital antinuclear, deixándose levar polo fervor do directo, decidiu engadir unha estrofa máis ó popular "Uah!". Este engadido, mostra da súa forte personalidade e fuxida de dobres tinxes, rezaba así:

Cando me falan de España
sempre teño unha disputa
que se España é miña nai
eu son un fillo de puta.

Estas manifestacións foron consideradas "inxurias á Patria con publicidade" e foi condenado en novembro de 1980 a seis anos e un día de prisión. Suso Vaamonde optou por exiliarse, viaxando por Londres e Alemaña e afincándose finalmente na capital venezolana, Caracas. Nestes catro anos fóra de Galicia recibiu apoios de moitos países, pero especialmente de Portugal, a través de artistas que lle prestaron a súa solidariedade: José Afonso, José Mário Branco, Fausto, Adriano Correia de Oliveira,...; personalidades da canción coas que Suso Vaamonde compartiu moitas veces escenario.

No 1984 decidiu volver e entregarse. Logo de 46 días no cárcere de Ourense, un indulto liberouno definitivamente: pode que nisto influíse a propia petición de revisión de condena que Suso Vaamonde fixera ó naquel entón presidente Felipe González; porén, foi o seu antigo compañeiro de Voces Ceibes, Xaime Barreiro Gil (Chuspe), quen máis forte presión fixo dende o seu posto de senador socialista. Unha vez indultado, ofreceu un recital no cárcere ourensán onde estivera recluído, na honra dos que ata o momento foran os seus compañeiros. Así conta o seu irmán Senén a volta e o indulto[1]:

Volta ás xiras

Desta etapa é mester reiterar o feito de que, pese as súas fortes conviccións nacionalistas de esquerdas, o Suso Vaamonde cantautor non estaba ligado a sigla política algunha, por iso tampouco ningunha sigla denunciou determinantemente a inxustiza que el sufriu. Posteriormente a estes duros anos, que de seguro os empuxaron a seguir loitando en contra das inxustizas, volveu comezar unha xira por tódolos escenarios de fóra e dentro de España onde houbese algo que reivindicar. O seu obxectivo non era outro que o de seguir loitando por un mundo no que aínda había moito por facer; loitaba como el mellor sabía: a través de discos, colaboracións, e demais actividades que tivesen que ver coa música e coa proclama a través da palabra.

Nos últimos anos o seu traballo centrouse na produción de diferentes artistas e grupos musicais, a través do seu propio selo discográfico, Trebón. Con esta creación conseguiu un importante obxectivo: relanzar novos valores e axudar á creación musical galega en diferentes estilos (corais, bandas de música, rock,...), se ben isto xa o fixera sempre, empuxando á formación de grupos tan afamados como A Roda (no que coincidiu co seu irmán Luís).

Homenaxes e pasamento

O 12 de novembro de 1999 recibiu unha homenaxe en Salvaterra de Miño, nun acto celebrado pola Sociedade Cultural e Desportiva do Condado, en agradecemento e recoñecemento do labor e traxectoria do cantautor. Alí xa se sabía que no verán dese mesmo ano se lle detectara un cancro, pouco despois de realizar o seu último recital, en honra ó seu amigo e entón alcalde de Moraña, José Eiras, que se xubilaba coma mestre. Logo xa non puido cantar máis... ata o día da súa homenaxe (ou, ó menos, intentouno).

No pavillón, lugar onde se celebraba esta homenaxe, había arredor dos 3.000 asistentes e un sen fin de artistas galegos que tamén lle tiñan moito que agradecer: A Quenlla, Muxicas, Bieito Romero (Luar na Lubre), Emilio Cao, Uxía Senlle, Tino Baz, Saraibas, As Cantareiras do Berbés, María Manuela, A Roda, Treixadura,... Con dicir que o acto comezou ás 22 horas e ás 5 da madrugada aínda había artistas tocando. Aquel día Suso Vaamonde tamén quixo subir ó escenario e agradecer aquela celebración, mais quen subiu foi un cantautor rouco e con bágoas nos ollos que, coa teima e a loita que o caracterizara durante toda a súa vida, asegurou que a forza de todos lle axudarían a matar o "becho", como el lle chamaba á súa letal enfermidade.

A "Persoa máis representativa na historia da música do noso país", en palabras do poeta Manuel María, morreu o 16 de febreiro de 2000, cando contaba con 49 anos de idade, sobre as 7 da mañá, na Clínica Fátima de Vigo. Este feito supuxo un golpe para a identidade e a música galegas, en opinión de diferentes persoeiros da vida cultural. O seu pasamento tivo en medios de comunicación a repercusión da que, porén, prescindiran as súas cancións. O funeral pola súa morte levouse a cabo na Igrexa dos Xesuítas, onde estudara dende os once anos: funeral destacable porque incluso nesta cerimonia soaron as súas cancións en voces de compañeiros e do seu irmán Luís. Posteriormente, veu a súa homenaxe en morte. Foi o sábado 19 de febreiro de 2000 á beira do río Oitavén ó seu paso polo concello de Ponte Caldelas [2], onde se verteron definitivamente as súas cinsas, tal e como el pedira. Alí reuníronse representantes da vida cultural e política galegas, ademais de xente do pobo, co fin de unir música e poesía para despedir a alguén que xa o fixera en vida, converténdose nun referente da música de compromiso de Galicia.

Baixo lemas e bandeiras de diferentes cores, interpretaron cancións que Suso Vaamonde popularizara, grupos como A Quenlla, A Roda, Pilocha ou Tino Baz, e recitaron poemas diferentes escritores presentes, coma Méndez Ferrín ou Bernardino Graña. Tamén se leron escritos redactados especialmente para esta homenaxe, por poetas coma Xosé María Álvarez Cáccamo e Manuel María: todos eles expresaron o seu sentir por un home e cantautor que, segundo eles, terá páxina de honra na historia de Galicia.

O himno galego soou cando as cinsas foron vertidas no río, e, coma colofón final, os presentes entoaron o "Volvín á terra pro perdín o amor", de Bernardino Graña, que tan popular fixera en vida Suso Vaamonde. Cabe salientar unhas palabras de Méndez Ferrín neste acto de despedida: "Suso terá sempre coa súa palabra de esperanza o sentimento de home ceibe". No lugar onde as súas cinsas foron esparexidas érguese hoxe unha placa conmemorativa, ó igual que nalgunha que outra rúa de lugares como Chapela ou Vigo.

Obra musical

Notas

  1. http://www.farodevigo.es/sociedad/2016/02/14/manuel-maria-vaamonde-regresan/1404421.html
  2. Suso de Vaamonde no Faro de Vigo

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas

16 de febreiro

O 16 de febreiro é o 47º día do ano do calendario gregoriano . Quedan 318 días para finalizar o ano, 319 nos anos bisestos.

20 de decembro

O 20 de decembro é o 354º día do ano do calendario gregoriano e o 355º nos anos bisestos. Quedan 11 días para finalizar o ano.

Acha Escrava

Acha Escrava Editora é unha empresa editorial con sede en Noia que publica literatura contemporánea en lingua galega. A primeira obra publicada en 2010 foi Antítese nativa, de Manuel L. Rodrigues, que acadar o XIV Premio de Poesía Suso Vaamonde.

As palabras dos galegos

As palabras dos galegos é o undécimo álbum de estudio (e décimo terceiro na discografía) do cantante de folk galego Suso Vaamonde. Foi publicado en 1998 baixo o selo Produccións Trebón.

Trátase dun disco de poemas populares e máis dos autores Manuel María, Millán Picouto, Noriega Varela e Xosé Fraga Iglesias.

Cousas da lúa

Cousas da lúa é o duodécimo álbum de estudio (e décimo cuarto na discografía) do cantante de folk galego Suso Vaamonde. Foi publicado en 1999 baixo o selo Produccións Trebón.

Acompañado do grupo Código de Barras, o disco é unha homenaxe ao xornalista e poeta Roberto Blanco Torres, ao que se lle dedicaba o Día das Letras Galegas ese mesmo ano.

Edicións do Cumio

Edicións do Cumio foi unha empresa editorial e selo discográfico galego, activa entre 1988 e 2017. Fundada no ano 1988 en Vigo, estivo dirixida primeiramente por Carlos Blanco Yáñez e logo por Antón Mascato García. Foi adquirida polo grupo distribucións Arnoia, e as súas instalacións foron levadas á Ramalleira (Vilaboa). En 2011 as oficinas foron levadas ao Polígono da Reigosa, en Ponte Caldelas.

Galicia canta (1970)

Galicia canta foi un recompilatorio musical realizado en Caracas, Venezuela e lanzado no ano 1970 polo selo Pobovox. É considerado o primeiro LP da música galega.

Galiza a José Afonso

Galiza a José Afonso foi o título dun concerto homenaxe celebrado en honra do cantautor portugués José Afonso, o 31 de agosto de 1985 no parque de Castrelos, en Vigo. No ano 2000 saíu unha escolma do mesmo, editada en duplo CD por Edicións do Cumio, tamén baixo o nome de Galiza a José Afonso.

Unha das intencións do acto era recadar cartos para o cantor, naquela altura gravemente enfermo. Os beneficios foron recollidos pola Associação José Afonso. O propio José Afonso daría o seu visto e prace, pedindo unha serie de condicións, entre as que se contou a incorporación dun grupo de Timor-Leste, naquela altura ocupada militarmente por Indonesia. A grave enfermidade do cantor, que xa lle impedía cantar e que o levaría o 23 de febreiro de 1987, impediríalle tamén asistir en persoa.

O concerto xuntou a unhas vinte mil persoas e prolongouse durante máis de doce horas. Entre os participantes, ademais dos timorenses, xuntáronse músicos, grupos e poetas tanto da Galiza como de Portugal. Entre os portugueses poden contarse a Amélia Muge e Vitorino, mentres que a parte galega dividiuse en canto a estilos. Como representantes do xa extinto colectivo Voces Ceibes, actuaron Benedicto, Suso Vaamonde e Miro Casabella, aínda que tamén actuaron grupos máis vinculados á música tradicional, como Fuxan os ventos, Ricardo Portela e DOA e representantes doutros estilos, como Clunia Jazz, Sui Generis e Jei Noguerol. Xosé María Álvarez Cáccamo, María do Carme Kruckenberg, Manuel Forcadela, Ana Romaní, Xavier Rodríguez Baixeras e Cesáreo Sánchez Iglesias foron algúns dos poetas que recitaron os seus versos.

Lembranza

Lembranza é un disco recompilatorio (e décimo quinto na discografía) con éxitos do cantante de folk galego Suso Vaamonde. Foi publicado no 2000, baixo o selo Produccións Trebón.

A edición componse dun dobre compacto recompilatorio que foi presentado o 29 de novembro de 2000 en Pontevedra, con presenza da súa viúva e da súa irmá, e a continuación proxectouse un vídeo cun concerto dado por Vaamonde no Teatro Principal de Ourense. A portada componse dun debuxo realizado por Xosé Guillermo e no interior conta cunha biografía feita por Miguel Boo.Foi bastante criticado por obviar boa parte das cancións de intervención política e centrarse nos temas líricos.

Os soños na gaiola (álbum)

Os soños na gaiola é o segundo álbum de estudio (e terceiro na discografía) do cantante galego Suso Vaamonde. Foi publicado en 1978, baixo o selo Dial Discos, posteriormente reeditado en 2006.

A edición componse dun dobre LP onde Suso musicaliza o poemario do mesmo título do poeta Manuel María. O disco foi premiado polo Ministerio de Cultura de España como "Disco infantil do ano". Na reedición en CD de 2006 non se incluíu o último tema "A esmorga".

En 2016, co gallo da celebración do Día das Letras Galegas no poeta Manuel María, o álbum foi reeditado, acompañado dun libro con ilustracións da sobriña de Suso, Antía Vaamonde.

Policarpo Sanz

José Policarpo Sanz Souto, nado en Marín o 25 de xaneiro de 1841 e finado en Nova York en 1889, foi un industrial e mecenas galego.

Rapazas, rapaces e rapazadas

Rapazas, rapaces e rapazadas é o noveno álbum de estudio (e undécimo na discografía) do cantante de folk galego Suso Vaamonde. Foi publicado en 1997 baixo o selo Produccións Trebón.

Trátase dun dobre CD para nenas e nenos con letras populares e máis dos poetas Pura Vázquez, Bernardino Graña, Uxío Novoneyra, Antón Zapata, Dora Vázquez, Manuel Cuña Novás, Camilo José Cela, Luís Pimentel, Crecente Vega, Neira Vilas, Emilio Álvarez Blázquez, e Manuel María.

Santiago, mar de pedra

Santiago, mar de pedra é o décimo álbum de estudio (e décimo segundo na discografía) do cantante de folk galego Suso Vaamonde. Foi publicado en 1997 baixo o selo Produccións Trebón.

Trátase dun disco dedicado á capital de Galiza, con composicións dos poetas Avelino Abuín de Tembra, Aquilino Iglesia Alvariño, Álvarez Blázquez, Celso Emilio Ferreiro, Xosé Díaz Jácome, Xosé Antón Neira Cruz, Ramón Cabanillas, Manuel Fabeiro Gómez, Eusebio Lorenzo Baleirón e Bernardino Graña.

Suso

Suso é o hipocorístico do antropónimo masculino Xesús. Pode referise a:

Suso Peña, artista galego (1941 - 2005);

Suso Vaamonde, cantautor galego (1950 - 2000);

Suso de Marcos, escultor galego (n. 1950);

Suso Seixo, sindicalista galego (n. 1952);

Suso de Toro, escritor galego (n. 1956);

Suso Fernández, ex-xogador galego de baloncesto (n. 1957);

Suso Ínsua, ex-futbolista galego (1960 - 2010);

Suso Moure, ex-futbolista galego (1961);

Suso Lista, actor galego (n. 1962);

Suso Díaz Seoane, autor teatral galego (1971 - 2010);

Suso Pensado, escritor galego (n. 1971);

Suso Soliño, xogador galego de balonmán (n. 1975);Amais, é un topónimo galego, procedente do adverbio latino SURSUM ('enriba'). Pode referirse a:

Suso, lugar da parroquia de Arteixo, no concello de Arteixo;

Ferreira de Suso, lugar da parroquia de Codesido, no concello de Vilalba;

Lume de Suso, lugar da parroquia de Santa Baia de Castro, no concello de Coristanco.

A Angueira de Suso, lugar da parroquia de Cruces, no concello de Padrón.

Vaamonde

O apelido Vaamonde pode referirse a:

Pedro Antonio Sánchez Vaamonde, ilustrado galego (1749 - 1806);

Florencio Rodríguez Vaamonde, político galego (1807-1886);

Florencio Vaamonde Lores, escritor galego (1860 - 1925);

César Vaamonde Lores, historiador galego (1867 - 1942);

Joaquín Vaamonde Cornide, pintor galego (1872 - 1900);

Suso Vaamonde Polo, cantautor galego (1950 - 2000);

Pablo Vaamonde García, médico galego (n. 1956);

Pepe Vaamonde Grupo, grupo folk galego;

Voces Ceibes

Voces Ceibes foi un colectivo musical galego que tivo a súa existencia entre 1968 e 1974, nos anos finais da ditadura franquista.

Ángel Ilarri

Ángel Ilarri Gimeno, nado en 1913 en Corella, Navarra, e finado en 1998 en Vigo, foi durante corenta anos administrador e director do Museo Quiñones de León de Vigo.

Onomástica do rueiro de Vigo

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.