Suráfrica

Coordenadas: 30°S 25°L / -30, 25

República de Suráfrica
Republic of South Africa1
Bandeira de Suráfrica
Bandeira
South Africa (orthographic projection)
Lema: !ke e: ǀxarra ǁke
(ǀXam: Unidos na diversidade)
Capital
 • Poboación
Pretoria (executiva)
Cidade do Cabo (lexislativa)
Bloemfontein (xudicial)
Cidade máis poboadaXohanesburgo
Linguas oficiaisAfrikaans, inglés, ndebele, sesotho, sesotho sa leboa, setsuana, swazi, tsonga, venda, xosa e zulú
Forma de gobernoDemocracia constitucional
Cyril Ramaphosa
Independencia do Reino Unido31 de maio de 1910
SuperficiePosto 25º
 • Total1 221 037 km²
 • % augaDesprezable
Fronteiras4 862 km
Costas2 798 km
PoboaciónPosto 25º
 • Total (2011[1])51 770 560 hab.
 • Densidade42,4 hab./km²
PIB (nominal)Posto 22º
 • Total (2009)287 219 millóns US$
 • per cápita5 823 US$
PIB (PPA)Posto 25º
 • Total (2009)505 214 millóns US$
 • per cápita10 243 US$
MoedaRand (ZAR)
IDH (2009)0,683 (129º) – Medio
XentilicioSurafricano, surafricana
Fuso horarioCET (UTC+2)
 • Horario de veránCEST (UTC+3)
Dominio de Internet.za
Prefixo telefónico+27
Prefixo radiofónicoS8A-S8Z
Código ISO710 / ZAF / ZA
Membro de: UA, ONU, Commonwealth
1 Nas outras linguas oficiais do país o nome do estado é:
Afrikaans: Republiek van Suid-Afrika
Ndebele: iRiphabliki yeSewula Afrika
Xosa: iRiphabliki yomZantsi Afrika
Zulú: iRiphabhuliki yaseNingizimu Afrika
Swazi: iRiphabhulikhi yeNingizimu Afrika
N. Sesotho: Repabliki ya Afrika-Borwa
S. Sesotho: Rephaboliki ya Afrika Borwa
Setsuana: Rephaboliki ya Aforika Borwa
Tsonga: Riphabliki ra Afrika Dzonga
Venda: Riphabuḽiki ya Afurika Tshipembe
Tamén en galego: República de África do Sur.

A República de Suráfrica[2] é unha república situada no extremo sur do continente africano, cunha liña de costa de 2.798 quilómetros entre os océanos Atlántico e Índico. Limita ao norte con Namibia, Botswana e Cimbabue; ao leste con Mozambique e Suacilandia; mentres que Lesoto é un país independente completamente rodeado polo territorio surafricano.

Suráfrica é coñecida pola súa variedade de culturas e linguas, sendo recoñecidos pola súa constitución once idiomas oficiais, dos que dous son de orixe europea: o afrikaans, unha lingua que xurdiu principalmente do neerlandés, e o inglés surafricano. Aínda que o inglés é a lingua máis utilizada na vida pública e de negocios, é tan só a quinta lingua máis falada nos fogares.

Ademais das linguas, o país é tamén etnicamente diverso. Ao redor do 79,2% da poboación surafricana é de orixe negra africana, dividida nunha gran variedade de grupos étnicos que falan diferentes linguas bantús, nove das cales teñen carácter oficial. En Suráfrica tamén viven grandes comunidades de europeos, hindús e etnicamante mixtas. Ao redor dunha cuarta parte da poboación carece de emprego e vive con menos dun euro ao día. Suráfrica é tamén un dos membros fundadores da Unión Africana, da cal posúe a economía máis grande de tódolos membros. Tamén foi membro fundador das Nacións Unidas e é membro entre outras organizacións da Commonwealth de Nacións, da Organización Mundial do Comercio ou do Fondo Monetario Internacional.

Etimoloxía

O nome "Suráfrica" provén da situación xeográfica do país no extremo sur do continente africano. Trala constitución do país chamouse Unión Surafricana, reflectindo así a súa orixe pola unión de catro antigas colonias británicas. Dende 1961 a forma longa do nome é "República de Suráfrica". En inglés coñécese como Republic of South Africa, mentres que en neerlandés chamouse Republiek van Zuid-Afrika até 1983, cando foi substituído pola forma en afrikaans Republiek van Suid-Afrika. Dende 1994 a "República de Suráfrica" ten nome oficial en cada unha das súas 11 linguas oficiais, que son os seguintes:

Lingua Forma longa Forma curta
Afrikaans Republiek van Suid-Afrika Suid-Afrika
Inglés Republic of South Africa South Africa
Sotho do norte Repabliki ya Afrika-Borwa Afrika Borwa
Ndebele IRiphabliki yeSewula Afrika iSewula Afrika
Sotho Rephaboliki ya Afrika Borwa Afrika Borwa
Swazi iRiphabhulikhi yeNingizimu Afrika iNingizimu Afrika
Tsonga Riphabliki ra Afrika Dzonga Afrika-Dzonga
Tswana Rephaboliki ya Aforika Borwa Aforika Borwa
Venda Riphabuḽiki ya Afurika Tshipembe Afurika Tshipembe
Xosa iRiphabliki yomZantsi Afrika uMzantsi Afrika
Zulú iRiphabhuliki yaseNingizimu Afrika iNingizimu Afrika

Mzansi, que deriva do termo xosa uMzantsi e significa "sur", é un nome coloquial para Suráfrica.[3][4]

Historia

Artigo principal: Historia de Suráfrica.

África do Sur é un dos estados-nacións máis antigos de África. Cando os primeiros colonos neerlandeses chegaron a ela no 1652, África do Sur estaba habitada por tribos africanas como os khoi, os san, os xosa e os zulús. Inglaterra foi conquistando progresivamente o poder aos neerlandeses, contra os cales trabaron tres guerras: a guerra Anglo-Holandesa e mailas dúas guerras dos Boers. No 1910 as catro repúblicas da rexión uníronse para formar a Unión da África do Sur. No 1931 África do Sur tornouse un Dominio británico totalmente soberano. No 1961 tornouse nunha república.

Véxase tamén a historia do Apartheid

Política

O goberno surafricano funciona segundo un sistema parlamentario, aínda que o Presidente de Suráfrica é ó mesmo tempo xefe de estado e xefe de goberno. O presidente é electo nunha sesión conxunta do parlamento bicameral, que consta dunha Asemblea Nacional (National Assembly), ou cámara baixa, e un Consello Nacional de Provincias (National Council of Provinces), ou cámara alta.

A Asemblea Nacional ten 400 membros, electos en representación proporcional. O Consello Nacional de Provincias, que substituíu ao Senado no 1997, está composto por 90 membros representando cada unha das nove provincias de África do Sur, alén das grandes cidades.

Cada provincia de África do Sur ten unha Lexislatura Provincial unicameral e un Consello Executivo liderado por un primeiro-ministro (premier).

Xeografía

Sf-map
Mapa da Suráfrica.

África do Sur ten unha paisaxe variada. Na parte occidental, esténdese unha gran meseta composta en parte por deserto e en parte por pastos e sabanas, cortada polo curso do río Orange e do seu principal afluente, o Vaal. Ao sur, érguense as cordilleiras do Karroo e, ao leste o Drakensberg, a maior cadea montañosa da África meridional. Ao norte, o curso do río Limpopo serve de fronteira con Botswana e Zimbabwe.

O clima varía entre unha pequena zona de clima mediterráneo, no extremo sur, na rexión do Cabo, a desértico ao noroeste. No Drakensberg hai áreas con clima de montaña.

A maior cidade é Xohanesburgo. A Cidade do Cabo, Durban e Pretoria son outras cidades importantes.

Divisións administrativas

Artigo principal: Organización territorial de Suráfrica.
South Africa Districts April 2006
Mapa das provincias e distritos da Suráfrica.
     Cabo Setentrional      Noroeste      Gauteng      Limpopo      Mpumalanga      KwaZulu-Natal      Cabo Oriental      Estado Libre      Cabo Occidental

Cando o apartheid rematou no 1994, o goberno surafricano tivo que integrar aos antigos ¨Bantustans¨ semi ou independentes na estrutura política de Suráfrica. Para acabaren con isto, aboliron ás catro antigas provincias de Suráfrica (Provincia do Cabo, Provincia de Natal, Estado Libre de Orange e Transvaal) e substituíronas por outras nove. As novas provincias son moito máis pequenas cás antigas, teoricamente para darlle unha mellor facilidade ao goberno de cada unha sobre os distintos municipios.

As nove provincias están dividas en 52 distritos, seis dos cales son áreas metropolitanas ou concellos de clase A e os 46 restantes distritos municipais ou concellos de clase C, á súa vez estes 46 distritos municipais divídense en 231 concellos locais ou concellos de clase B. As novas provincias son:

Provincia Antigas provincias Capital Área (km²) Área (mi²) Poboación (2001)
O Cabo Oriental Provincia do Cabo, Transkei, Ciskei Bisho 169 580 65 475 6 436 761
Estado Libre Estado Libre de Orange, QwaQwa Bloemfontein 129 480 49 992 2 706 776
Gauteng Transvaal Xohanesburgo 17 010 6 568 8 837 172
KwaZulu-Natal Natal, KwaZulu Pietermaritzburg 92 100 35 560 9 426 018
Limpopo Transvaal, Venda, Lebowa, Gazankulu Polokwane 123 900 47 838 5 273 637
Mpumalanga Transvaal, KwaNdebele, KaNgwane, Bophuthatswana, Lebowa Mbombela 79 490 30 691 3 122 994
O Cabo Setentrional Provincia do Cabo Kimberley 361 830 139 703 822 726
Noroeste Transvaal, Provincia do Cabo, Bophuthatswana Mafikeng 116 320 44 911 3 669 349
O Cabo Occidental Provincia do Cabo Cidade do Cabo 129 370 49 950 4 524 335
Total 1 219 080 470 688 44 819 768

Economía

Artigo principal: Economía de Suráfrica.
Johannesburg Stock Exchange
A Bolsa de Xohanesburgo é a meirande bolsa de valores de todo o continente africano.

Suráfrica posúe unha economía mixta que é a segunda máis grande de África despois de Nixeria. Tamén ten un Produto Interior Bruto elevado se se compara con outros países da África subsahariana. Malia isto, Suráfrica aínda padece unha alta taxa de pobreza e desemprego, situándose como un dos dez países do mundo con maior desigualdade económica,[5] segundo o Coeficiente de Gini.

Ao contrario que a maioría dos países pobres do mundo, Suráfrica non ten unha economía informal importante, xa que segundo as estimacións da OCDE, só un 15% dos empregos de Suráfrica pertencen ao sector informal, unha porcentaxe moi baixa cando se compara co 50% de Brasil e a India ou o 75% de Indonesia. A OCDE atribúe esta diferenza a que Suráfrica ten un sistema de benestar máis xeralizado.[6] As investigacións do Banco Mundial amosan que Suráfrica ten unha das maiores diferenzas entre o Produto Nacional Bruto per capita e o Índice de Desenvolvemento Humano, fenda só superada por Botswana.[7]

Despois de 1994, as políticas do goberno reduciron a inflación, estabilizaron as finanzas públicas e atraeuse capital estranxeiro, aínda que o crecemento económico estivo por debaixo da media.[8] Dende o 2004 a economía repuntou significativamente, cun consecuente incremento do emprego.[8] Porén, os inmigrantes ilegais están implicados principalmente no comercio informal e a economía somerxida, polo que moitos seguen a vivir en malas condicións. Ademais, as políticas migratorias tornaron máis restritivas a partir de 1994.[9]

Suráfrica tamén é un destino turístico popular e unha boa parte dos ingresos do país proveñen do turismo.[10] Os principais países cos que comercia Suráfrica sen contar outros países africanos son Alemaña, os Estados Unidos, China, Xapón, o Reino Unido e España.[11]

A agricultura contribúe ao 10% do emprego formal do país, sendo esta unha porcentaxe relativamente baixa en comparanza a outras partes de África. Non obstante, tamén dá traballo a moitos temporeiros e supón o 2,6% do PIB do país.[12] Por mor do clima árido, só o 13,5% do solo pode ser empregado para cultivos e tan só o 3% da terra ten alto potencial de cultivo.[13]

En agosto de 2013 Suráfrica foi posicionado como o mellor país africano para o futuro segundo a revista FDi, tendo en conta o seu potencial económico, o contorno laboral, a rendibilidade, as infraestruturas e as estratexias de investimento estranxeiro directo.[14] O Índice de Opacidade Financeira sitúa a Suráfrica como 36º paraíso fiscal máis seguro do mundo, por diante das Filipinas e por detrás das Bahamas.

Demografía

Artigo principal: Demografía de Suráfrica.
South Africa - population migrations
Migracións que formaron a actual Suráfrica.
South Africa 2011 population density map
Mapa de densidade de poboación de Suráfrica segundo o censo de 2011.
     <1 /km2      1–3 /km2      3–10 /km2      10–30 /km2      30–100 /km2      100–300 /km2      300–1000 /km2      1000–3000 /km2      >3000 /km2

Segundo o último censo de poboación de 2011, Suráfrica contaba con preto de 52 millóns de habitantes con diferentes orixes, culturas, linguas e relixións. Nunha estimación realizada en 2014 o número ascendía a 54 millóns.[15]

Suráfrica tamén é fogar duns 5 millóns de inmigrantes ilegais, dos que arredor de 3 millóns son do veciño Cimbabue.[16] O 11 de maio de 2008 producíronse unha serie de disturbios violentos contra os inmigrantes, sendo o foco a cidade de Alexandra, preto de Xohanesburgo. Nas seguintes semanas a violencia espallouse pola provincia de Gauteng e nas cidades costeiras de Durban e Cidade do Cabo.[17][18]

Na elaboración do censo, o Servizo Nacional de Estatística de Suráfrica pregunta á poboación que se describa a si mesma segundo cinco grupos raciais.[19] No censo de 2011, os datos amosaron unha composición da poboación na que o 79,2% da poboación era de orixe negra africana, o 8,9% de orixe europea, outro 8,9% de orixe mixta, o 2,5% da India ou do sueste asiático e un 0,5% que se definiu como Outro/Sen especificar.[1] O primeiro censo que se realizou en Suráfrica foi en 1911, e nel amosábase que a poboación de ascendencia europea ascendía ao 22%, baixando até un 16% en 1980.[20]

Suráfrica tamén acolle un número importante de refuxiados e persoas que precisan asilo político. Segundo o World Refugee Survey 2008, publicado polo Comité dos Estados Unidos de América para refuxiados e inmigrantes, está poboación ascendía a 144.700 persoas en 2007.[21] Os diferentes grupos de refuxiados e solicitantes de asilo ascenden a máis de 10.000 persoas, nos que se inclúen 48.400 de Cimbabue, 24.800 da República Democrático do Congo e 12.900 de Somalia.[21] A meirande parte viven en Xohanesburgo, Pretoria, Durban, Cidade do Cabo e Porto Elizabeth.[21] Algúns refuxiados tamén comezaron a establecerse e vivir en zonas rurais como Mpumalanga, KwaZulu-Natal e Cabo Oriental.

Cultura

Linguas

Suráfrica ten 11 linguas oficiais : inglés, afrikaans, zulú, swati, ndebele, linguas sesotho do norte e do sur, Tsonga, tswana , venda e xosa.

O país recoñece ademais oito non oficiais: fanagalo, lobedu, ndebele, phuthi, lingua de signos surafricana, khoe, nama e san. Estas pódense usar en certos usos oficiais en áreas limitadas onde se determinou que estas linguas prevalecen.

Educación

Mitchells-plain-schoolkids
Escolares en Mitchells Plain.

Suráfrica posúe un sistema educativo que se estrutura en tres etapas diferentes. A primeira delas e a educación primaria, seguida da educación secundaria e a educación universitaria. Hai doce cursos na educación obrigatoria, que van dende o grao 1 até o 12. O Grao R é previo á educación primaria.[22] A educación primaria posúe sete cursos[23] e a secundaria cinco.

As universidades públicas de Suráfrica están divididas en tres tipos: as universidades tradicionais, que ofrecen graos universitarios orientados á teoría; as universidades tecnolóxicas, que ofrecen diplomas e graos vocacionais; e universidades integrais, que ofrecen ámbolos dous tipos de cualificación. Hai 23 universidades públicas en Suráfrica: 11 tradicionais, 6 tecnolóxicas e 6 integrais.

Durante o apartheid, as escolas para os negros eran suxeito de discriminación por medio de financiamentos insuficientes e un programa de estudos chamado Acta de Educación Bantú, que estaba deseñado para ofrecerlles aos estudantes unha formación como traballadores.[24]

No ano 2004 o país comezou a reformar a súa educación superior, incorporando pequenas universidades en institucións meirandes e renomeando todas as institucións de ensino superior como "universidade" para corrixir estes desequilibrios.

Entre os anos 2002 e 2005 Suráfrica destinou o 5,4% do seu PIB á educación[25] e a taxa de alfabetización en adultos era do 88,7% en 2007.[26]

Saúde

Life expectancy in select Southern African countries 1960-2012
Caída da esperanza de vida por causa da SIDA.

Segundo o Instituto Surafricano de Relacións Raciais, a esperanza de vida no 2009 era de 71 anos para os surafricanos brancos e de 48 para os surafricanos negros. O investimento en sanidade no país supón o 9% do PIB e, aínda así, só o 16% da poboación está cuberta nos plans de saúde.[27] Un 20% da poboación recorre á sanidade privada e o resto paga do seu peto ou utiliza plans de caixa hospitalaria.[28] Os tres grupos hospitalarios dominantes, Mediclinic, Life Healthcare e Netcare, controlan en conxunto o 75% do mercado e un 84% da poboación depende do sistema público de saúde, que está condicionado por unha escaseza crónica de recursos humanos e materiais.[29]

VIH/SIDA

De acordo co informe de 2013 da ONUSIDA, Suráfrica tiña uns 6,3 millóns de habitantes afectados polo VIH, moitos máis que calquera outro país no mundo.[30] Do total de afectados, uns 360.000 eran menores de 14 anos.

Por outra banda, un estudio realizado no 2008 amosou que a infección de VIH/SIDA na poboación surafricana estaba moi diferenciada en liñas raciais: o 13,6% do surafricanos negros tiña VIH positivo, mentres que tan só o 0,3% dos surafricanos brancos o tiñan.[31] A maioría das mortes danse en persoas en idade laboral, o que supón que moitos orfos da SIDA dependan do estado para subsistir.[32]

A relación entre o VIH, un virus espallado principalmente por contacto sexual, e a SIDA foi negada durante moito tempo polo agora ex-presidente Thabo Mbeki e pola súa ministra de saúde Manto Tshabalala-Msimang, quen insistía en que moitas das mortes do país se producían por mor da malnutrición e a pobreza, e non polo VIH.[33]

Foi no 2007 cando o goberno comezou a facer esforzos para combater a SIDA, principalmente grazas á presión internacional.[34] Tralas Eleccións Xerais en Suráfrica de 2009, o presidente Jacob Zuma nomeou ao doutor Aaron Motsoaledi como o novo ministro de saúde e comprometeuse a aumentar o financiamento e ampliar o tratamento da SIDA.[35]

Notas

  1. 1,0 1,1 Census 2011: Census in brief (PDF). Statistics South Africa. 2012localización=Pretoria. ISBN 9780621413885.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para surafricano.
  3. "Mzansi DiToloki". Arquivado dende o orixinal o 16 de xaneiro de 2014. Consultado o 13 de xaneiro de 2015.
  4. "Distribution of family income – Gini index". Cia.gov. Consultado o 26 de xuño de 2013.
  5. "South Africa's economy: How it could do even better". The Economist. Consultado o 14 de xaneiro de 2015.
  6. "DEPWeb: Beyond Economic Growth". Consultado o 14 de xaneiro de 2015.
  7. 8,0 8,1 "Economic Assessment of South Africa 2008: Achieving Accelerated and Shared Growth for South Africa". Consultado o 14 de xaneiro de 2015.
  8. Mattes, Robert; Crush, Jonathan e Richmond, Wayne. "The Brain Gain: Skilled Migrants and Immigration Policy in Post-Apartheid South Africa". Southern African Migration Project, Queens College, Canada. Arquivado dende o orixinal o 25 de novembro de 2005. Consultado o 14 de xaneiro de 2015.
  9. "SA Economic Research – Tourism Update" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 24 de xuño de 2008. Consultado o 14 de xaneiro de 2015.
  10. "South Africa". The World Factbook. Consultado o 14 de xaneiro de 2015.
  11. Unequal protection the state response to violent crime on South African farms. Human Rights Watch. 2001. ISBN 1-56432-263-7.
  12. Mohamed, Najma (2000). Ben Cousins, ed. At the Crossroads: Land and Agrarian Reform in South Africa Into the 21st Century. ISBN 978-1-86808-467-8.
  13. "African Countries of the Future 2013/14". fDiIntelligence.com. Consultado o 14 de xaneiro de 2015.
  14. ""Mid-year population estimates 2014"" (PDF). Statistics South Africa. Consultado o 13 de xaneiro de 2015.
  15. Hurd, Emma. "Escape From Mugabe: Zimbabwe's Exodus". SkyNews. Consultado o 13 de xaneiro de 2015.
  16. "South African mob kills migrants". BBC. 12 de maio de 2008. Consultado o 13 de xaneiro de 2015.
  17. Bearak, Barry (23 de maio de 2008). "Immigrants Fleeing Fury of South African Mobs". The New York Times. Consultado o 13 de xaneiro de 2015.
  18. Lehohla, Pali (5 de maio de 2005). "Debate over race and censuses not peculiar to SA". Arquivado dende o orixinal o 14 de agosto de 2007. Consultado o 13 de xaneiro de 2015.
  19. =Study Commission on U.S. Policy toward Southern Africa (U.S.) (1981). South Africa: time running out: the report of the Study Commission on U.S. Policy Toward Southern Africa. p. 42. ISBN 0-520-04547-5.
  20. 21,0 21,1 21,2 "World Refugee Survey 2008". 19 de xuño de 2008. Arquivado dende o orixinal o 19 de outubro de 2014. Consultado o 13 de xaneiro de 2015.
  21. "A parent's guide to schooling". Consultado o 13 de xaneiro de 2015.
  22. "Education in South Africa". Arquivado dende o orixinal o 17 de xuño de 2010. Consultado o 13 de xaneiro de 2015.
  23. "Bantu Education Act". Consultado o 13 de xaneiro de 2015.
  24. "Human Development Report 2009– South Africa". Hdrstats.undp.org. Arquivado dende o orixinal o 15 de abril de 2010. Consultado o 13 de xaneiro de 2015.
  25. "National adult literacy rates (15+), youth literacy rates (15–24) and elderly literacy rates (65+)". UNESCO Institute for Statistics. Consultado o 13 de xaneiro de 2015.
  26. "What does the demand for healthcare look like in SA?" (PDF). Mediclinic Southern Africa. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 02 de outubro de 2013. Consultado o 14 de xaneiro de 2015.
  27. "Motsoaledi to reform private health care". Consultado o 14 de xaneiro de 2015.
  28. "South Africa". ICAP at Columbia University. Consultado o 14 de xaneiro de 2015.
  29. "HIV and AIDS estimates (2013)". ONUSIDA. Consultado o 14 de xaneiro de 2015.
  30. "South Africa HIV & AIDS Statistics". AVERT.org. Consultado o 14 de xaneiro de 2015.
  31. "AIDS orphans". Consultado o 14 de xaneiro de 2015.
  32. "Sack SA Health Minister – world's AIDS experts". Consultado o 14 de xaneiro de 2015.
  33. "Situation Analysis. HIV & AIDS and STI Strategic Plan 2007–2011" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 30 de maio de 2013. Consultado o 14 de xaneiro de 2015.
  34. "Zuma announces AIDS reforms". Consultado o 14 de xaneiro de 2015.

Véxase tamén

Outros artigos

.za

.za é o Dominio de Nivel Superior xeográfico (ccTLD) de Suráfrica.

Apartheid

Apartheid é unha palabra da lingua afrikaans que significa vida separada e que foi adoptada legalmente en 1948 en Suráfrica para designar un réxime segundo o cal os brancos tiñan o poder e os pobos restantes eran obrigados a vivir separadamente, de acordo con regras que lles impedían ser verdadeiros cidadáns.

A tradución máis común ao galego sería segregación racial, ou aínda política de segregación racial. A ideoloxía do apartheid tamén se aplicou en África do Suroeste, administrada por Suráfrica como mandato da Liga de Nacións (revogado en 1966 pola Resolución das Nacións Unidas 2145), e que estivo en vigor ata que logrou a súa independencia en 1990. Por extensión, o termo tamén se emprega para a segregación sistemática establecida por unha autoridade estatal contra os dereitos sociais e civís dun determinado grupo de cidadáns, debido a prexuízos étnicos.

O primeiro rexistro do uso desta palabra atópase nun discurso de Jan Smuts en 1917, político que en 1919 chegou a primeiro ministro de Suráfrica.

Este réxime foi abolido por Frederik de Klerk en 1990 e, finalmente en 1994 celebráronse eleccións libres.

Botswana

Botswana ou Botsuana, cuxo nome oficial é República de Botswana (en inglés Republic of Botswana, en setsuana Lefatshe la Botswana), é un país soberano sen saída ao mar do sur de África, sendo a súa forma de goberno a república parlamentaria.

O seu territorio está dividido en nove distritos. A súa capital é a cidade de Gaborone.O outrora protectorado británico de Bechuanalandia, Botswana adoptou o seu novo nome ó acadar a súa independencia en 1966.

Xeograficamente o país esténdese sobre un terreo chairego, co 70% da súa superficie cuberta polo deserto de Kalahari. Limita con Suráfrica polo sur e sueste, con Namibia polo oeste e polo norte, con Zimbabue polo nordeste e con Zambia polo norte nun só punto. Ocupa o posto 48 na lista de países por superficie.O país tratou de diversificar a súa economía nos últimos anos, aínda que no 2008 dependía en gran medida dos servizos (45,2%), a industria (52,9%), e a agricultura (1,9%), estreitamente ligado co comercio de Suráfrica.

Capital

Unha capital é unha cidade que desempeña un papel relevante na condución da política dun país. Na maioría dos casos a capital é a cidade onde está a sede do goberno, habendo no entanto excepcións. Algúns dos factores que determinan que unha cidade sexa considerada capital inclúen:

A cidade é sede do goberno ou da residencia do xefe de Estado.

A cidade é a sede do poder xudicial.

A cidade é sede do parlamento.

Nunha monarquía é frecuente que a capital sexa o lugar onde o monarca ten a corte, sendo normal que acuda con relativa frecuencia.

A cidade é un importante centro de actividade para o país.

Existencia de leis que determinen a localización da capital.Un país (ou entidade política equivalente) pode ter máis que unha capital oficial ao mesmo tempo. Pode ser ou non a sede do goberno e pode mesmo mudarse periodicamente.

En Suráfrica, por exemplo, a capital administrativa é Pretoria, a capital lexislativa é a Cidade do Cabo e a capital xudicial é Bloemfontein. Esta é unha herdanza deixada polo compromiso acordado entre a maioría das diferentes provincias cando foi creada a Unión de Suráfrica en 1910. Fronte a isto, unha forte cidade economicamente é Xohanesburgo, e turisticamente Durban xunto a Cidade do Cabo.

En Chile, o congreso nacional mudouse para a cidade de Valparaíso, manténdose no entanto Santiago do Chile como capital. Nos Países Baixos, o goberno, xefe de Estado e supremo tribunal están situados na A Haia, mais a constitución determina que a capital oficial sexa Ámsterdan. Outro país con capitalidade múltiple é o Canadá, con Otava e Montreal.

Outras cidades poden ser consideradas capitais económicas ou culturais, pola súa enorme forza fronte á capital política, pero non ter recoñecemento oficial: é o caso do Río de Xaneiro ou São Paulo fronte a Brasilia ou Barcelona fronte a Madrid.

Cidade do Cabo

Cidade do Cabo (en inglés: Cape Town; en afrikaans: Kaapstad; e en xosa: iKapa), tamén coñecida popularmente en galego como Capetón, adaptación fonética do topónimo inglés realizada polos mariñeiros que pescaban nesas augas, é a segunda cidade máis poboada de Suráfrica despois de Xohanesburgo, con 3,481.156 habitantes (2008). A cidade é a capital da provincia do Cabo Occidental, así como a capital lexislativa de Suráfrica (dende 1910), e polo tanto acolle o Parlamento Nacional e outras sedes gobernamentais.

Trátase dun importante centro turístico e comercial.

Cimbabue

Cimbabue ou Zimbabwe (en inglés: Zimbabwe), oficialmente República de Cimbabue (en inglés: Republic of Zimbabwe), é un país ó sur de África que anteriormente se chamaba Rodesia. Limita ó norte con Zambia e Mozambique; ó leste con Mozambique; ó sur con Suráfrica e ó oeste con Botswana. Ten tres linguas oficiais: o inglés, o shona e o ndebele.

En 1965 a minoría branca declarou o país independente do Reino Unido co nome de Rodesia, non recoñecido polo Reino Unido, e instalou un réxime de segregación racial semellante ó do apartheid de Suráfrica.

O país entrou en guerra civil coa implantación deste réxime, que só terminou cando os brancos concordaron coa mediación dos ingleses pór fin ó réxime de segregación da poboación negra. O 17 de abril de 1980 o Reino Unido concedeu formalmente a independencia do país co nome actual, Cimbabue.

Aínda que inicialmente durante a década dos 1980 a súa administración intentou mellor o nivel de vida e a economía do país, o certo é que o seu goberno foi caracterizado polo despilfarro orzamentario, pola hiperinflación e por denuncias de incumprimentos de dereitos humanos. Tamén se dá a fraude electoral entre intimidacións varias, que non logran estabilizar o goberno do estado a pesar dun intento de goberno compartido.

Gran Premio de Suráfrica de 1974

O Gran Premio de Suráfrica de Fórmula 1 de 1974, celebrouse no Circuíto de Kyalami Kyalami, Gauteng, o 30 de marzo de 1974. Foi a terceira rolda da tempada de Fórmula Un de 1974.

Gran Premio de Suráfrica de 1977

O Gran Premio de Suráfrica de Fórmula 1 de 1977, celebrouse no Circuíto de Kyalami Kyalami, Gauteng, o 5 de marzo de 1977. Foi a terceira rolda da tempada de Fórmula Un de 1977. Foi o 23º Gran Premio de Suráfrica desde o primeiro Gran Premio disputado en 1934 e o décimo que se celebrou en Kyalami, nos arredores de Xohanesburgo. Levouse a cabo sobre 78 voltas ao circuíto de catro quilómetros para unha distancia de carreira de 320 quilómetros.

A carreira é lembrada principalmente polo accidente mortal que cobrou a vida do comisario de pista Frederick Jansen Van Vuuren e do piloto Tom Pryce. Tamén foi a derradeira carreira de Carlos Pace, que morreu nun accidente de aeronave menos de dúas semanas despois.

Jody Scheckter

Jody David Scheckter, nado en en East London o 29 de xaneiro de 1950, é un ex piloto de carreiras surafricano, Campión do Mundo de Pilotos de Fórmula 1 de 1979.

John Maxwell Coetzee

John Maxwell Coetzee, nado en Cidade do Cabo en 1940, é un escritor surafricano, gañador do Premio Nobel de Literatura en 2003.

Lingua afrikaans

O afrikaans é unha lingua xermánica occidental que se fala principalmente en Suráfrica e Namibia.

Mundial de Fútbol de 2010

A Copa Mundial da FIFA Suráfrica 2010™ (en inglés: FIFA World Cup South Africa 2010™) foi a edición número dezanove do Campionato Mundial de fútbol de seleccións, a competición máis importante deste deporte. O torneo comezou o 11 de xuño no Estadio Soccer City de Xohanesburgo, rematando un mes despois, o 11 de xullo, no mesmo recinto. O Mundial de Fútbol 2010 foi a culminación dunha fase de clasificación que comezou en agosto de 2007 involucrando a 204 dos 208 equipos nacionais rexistrados pola FIFA. Como tal coincide cos Xogos Olímpicos de 2008 como a competición deportiva con máis estados participantes.

Esta edición foi a primeira vez que se celebrou nunha nación africana, despois de que Suráfrica vencese a Marrocos e a Exipto no proceso de elección. Esta decisión fai que a única confederación que aínda non acolleu esta competición sexa Oceanía. O sorteo para a fase final do torneo tivo lugar en Cidade do Cabo o 4 de decembro de 2009.

España proclamouse campioa do mundo por primeira vez na historia, nunha disputada final contra os Países Baixos na que gañou 0-1 cun gol de Andrés Iniesta a cinco minutos do final da segunda parte da prórroga. A selección anfitrioa, Suráfrica, ademais dos anteriores campión e subcampión, Italia e Francia, foron eliminados na fase de grupos, sendo a primeira vez que isto ocorre. As selección de Arxentina, Brasil e Alemaña abandonaron posteriormente o torneo nas roldas eliminatorias. Cómpre destacar que a selección de Nova Zelandia foi a única selección que non perdeu ningún partido en todo o torneo, xa que conseguiu empatar nos seus tres encontros da fase de grupos.

Nadine Gordimer

Nadine Gordimer, nada en Springs, Gauteng, Suráfrica en 1923 e finada o 13 de xullo de 2014 en Johannesburgo, é unha escritora surafricana, premio Nobel de literatura en 1991.

Namibia

Namibia é un país da África austral, o máis seco da África subsahariana, que está limitado ao norte por Angola e por Zambia, ao leste e ao sur por Botswana, ao sur por Suráfrica e ao oeste polo océano Atlántico. A súa capital, e a súa cidade máis poboada, é Windhoek.

Nelson Mandela

Nelson Rolihlahla Mandela, nado en Mvezo o 18 de xullo de 1918 e falecido en Xohanesburgo o 5 de decembro de 2013, foi un activista, líder político e filántropo surafricano, presidente do país dende 1994 ata 1999. Foi o primeiro xefe de estado de raza negra do país e o primeiro elixido nunha elección democrática completamente representativa. O seu goberno centrouse na disolución do apartheid procurando combater o racismo institucionalizado e fomentar a reconciliación racial. De ideoloxía nacionalista africana e socialista, presidiu o Congreso Nacional Africano (CNA) dende 1991 ata 1997.

Mandela naceu no seo da familia real tembu do pobo xosa. Estudou dereito na Universidade de Fort Hare e na Universidade de Witwatersrand antes de traballar como avogado en Xohanesburgo. Alí comezou a involucrarse na política nacionalista africana e anticolonialista, uníndose ó CNA en 1943 e cofundando a súa Liga Xuvenil en 1944. O CNA encomendouse á disolución do apartheid, o sistema de segregación racial establecido polo goberno de raza branca minoritaria dominante do Partido Nacional. Mandela foi nomeado presidente da rama de Transvaal do CNA, acadando notoriedade coa súa participación na Campaña de Desafío de 1952 e no Congreso do Pobo de 1955. Foi arrestado en varias ocasións por sedición e xulgado no chamado Xuízo por Traizón de 1956, quedando en liberdade. Influenciado polo marxismo, uniuse en segredo ó Partido Comunista Surafricano (PCS). Malia que inicialmente comprometeuse coa protesta pacífica, cofundou a organización armada Umkhonto we Sizwe en 1961 xunto con outros membros do PCS e liderou unha campaña de sabotaxe contra o goberno. En 1962 foi arrestado por conspirar para derrocar o estado e sentenciado a cadea perpetua no Xuízo de Rivonia.

Pasou os seguintes 27 anos en prisión, primeiro na illa Robben e posteriormente na prisión Pollsmoor e na prisión Victor Verster. Tras unha crecente presión doméstica e internacional e temendo unha guerra civil racial, o presidente F. W. de Klerk liberouno en 1990. Mandela e de Klerk negociaron a fin do apartheid e organizaron as eleccións xerais multirraciais de 1994 nas que Mandela liderou ó CNA para obter a maioría converténdose no presidente do país. Liderando un goberno de coalición que promulgou unha nova constitución, Mandela centrouse na reconciliación entre os grupos raciais do país e creou a Comisión para a Verdade e a Reconciliación para investigar abusos dos dereitos humanos no pasado. Economicamente, a súa administración mantivo o marco liberalista do seu predecesor malia as súas propias crenzas socialistas, introducindo tamén medidas para promover reformas territoriais, combater a pobreza e mellorar a sanidade. No marco internacional actuou como mediador no xuízo do bombardeo do voo 103 de Pan Am e actuou como secretario xeral do Movemento de Países Non Aliñados dende 1998 ata 1999. Rexeitou presentarse de novo ás eleccións do seu país e foi sucedido polo seu adxunto Thabo Mbeki. Mandela converteuse nun home de estado e centrouse en combater a pobreza e a SIDA por medio da súa fundación ata a súa morte no ano 2013 por mor dunha infección respiratoria.

Mandela foi unha figura controvertida durante gran parte da súa vida. Mentres que os críticos da dereita política denunciárono por terrorista comunista, a esquerda radical considerouno demasiado aberto a negociar unha reconciliación cos simpatizantes do apartheid. Porén, acadou a aclamación internacional polo seu activismo e está considerado unha icona da democracia e da xustiza social. Recibiu máis de 250 distincións, incluíndo o premio Nobel da Paz, e pasou a ser unha personalidade de culto. Obtivo un profundo respecto no seu país, onde adoita ser chamado polo seu nome de clan xosa Madiba, sendo descrito en ocasións como o "Pai da Nación".

Pretoria

Pretoria é unha cidade situada na párte norte da provincia de Gauteng, en Suráfrica, dentro da Municipalidade Metropolitana da Cidade de Tshwane. É a capital admnistrativa de Suráfrica, xunto ás cidades capitais lexislativa de Cidade do Cabo e a xudicial de Bloemfontein. Aquí sitúase a sede do Poder Executivo. Tén preto de 1,6 millóns de habitantes. Foi fundada no 1855 e tornouse capital do Transvaal no 1860.

Rugby

O rugby é un deporte de contacto orixinario de Inglaterra no cal se enfrontan dous equipos nun terreo de xogo rectangular co obxectivo de anotar puntos cun balón ovalado. Os puntos poden acadarse pousando o balón coas mans na zona de ensaio rival ou pasando o balón co pé entre dous paus. Existen varias modalidades de rugby que se diferencian principalmente pola cantidade de xogadores que compoñen cada equipo, chamándoselle rugby en Galicia ó rugby union por ser a única disciplina que conta con practicantes, equipos, competicións e federación na comunidade autónoma. Esta é a modalidade mais estendida no mundo, e a súa característica principal é que os equipos contan con quince xogadores cada un.

O deporte do rugby toma o seu nome da cidade inglesa na que naceu, sendo a súa orixe as primitivas regras do fútbol escritas no Rugby School no século XIX. Nos tempos actuais a súa práctica está moi estendida nas Illas Británicas, en países con pasado colonial británico como Australia, Suráfrica e Nova Zelandia, e noutros países como Francia, Italia e Arxentina. Outros países como Estados Unidos, Canadá, Xapón, Samoa, Fidxi, Tonga, Uruguai, Namibia, Xeorxia ou Romanía tamén participan frecuentemente en torneos internacionais de primeiro nivel como a Copa do Mundo de Rugby, que se disputa cada catro anos. Outros torneos de grande importancia a nivel de seleccións nacionais son o Seis Nacións e o Rugby Championship que se disputan cada ano. A nivel de clubs os torneos mais salientables son o Super Rugby e a Champions Cup.

A entidade reguladora do rugby a nivel mundial e a World Rugby, fundada en 1886, e cuxa sede está en Dublín (Irlanda).

UEFA

A Unión de Asociacións de Fútbol Europeas (en inglés: Union of European Football Associations), máis coñecida como UEFA, é a organización administrativa e de control do fútbol europeo. Representa as asociacións nacionais de Europa, organizando nove competicións entre nacións e entre clubs en Europa, controlando os premios, regulamentos e dereitos desas competicións. É unha das seis confederacións continentais da FIFA.

Das confederacións, de longo é a mais forte en termos financeiros e de influencia no escenario internacional. Virtualmente todos os mellores xogadores do mundo xogan en campionatos europeos, particularmente en Inglaterra, Francia, Italia, España e Alemaña. Moitas das seleccións de maior forza están na UEFA. Dos 32 equipos participantes no Mundial de Suráfrica de 2010, 13 pertencen á UEFA.

A UEFA foi fundada o 15 de xuño de 1954 en Basilea, Suíza, como consecuencia de discusións entre as confederacións de Francia, Italia e Bélxica. A sede ficou en París ata 1959, cando a organización se mudou a Berna. Henri Delaunay foi o primeiro Secretario Xeral e Ebbe Shwartz o presidente. O seu centro administrativo dende 1995 é Nyon (Suíza). Foi inicialmente composta por 25 confederacións; actualmente son 53.

Xohanesburgo

Xohanesburgo (en afrikaans e inglés Johannesburg) é a cidade máis importante da República Surafricana aínda que non sexa sede de representación política algunha, é o verdadeiro corazón financeiro, industrial e comercial do país, sendo a súa cidade máis grande e poboada, a cuarta maior do continente africano, tralo Cairo, Lagos e Kinshasa.

Provincias de Suráfrica
Países membros da Unión Africana
Países
Países con parte africana
Outros territorios

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.