Sultán

Sultán (do árabe ﺳﻠﻂﺎﻥ sulṭān, e este de سلطة sulṭa: «poder») é un título utilizado nalgúns países islámicos equivalente ao de rei ou monarca (aínda que non se traduce, xa que un rei propiamente dito é en árabe un malik). Literalmente viría significar «o que exerce o poder», e na súa orixe foi un modo de referirse aos xefes militares, xeralmente turcos, que detentaban o poder de facto en territorios nominalmente gobernados polo califa. Máis adiante converteuse en título.

O primeiro en levar oficialmente o título foi Mahmud de Gazna, da dinastía dos gaznauís ou gaznavidas (998 - 1030), que gobernou desde a actual cidade afgá de Gazni uns dominios que ían desde o Ganxes a Mesopotamia. Despois converteuse no título dos turcos selxúcidas e otománs, así como da dinastía dos aiúbidas (a de Saladino) e a dos mamelucos que gobernaron Exipto. Tamén foron sultáns os monarcas magrebís: almorábides, almohades e outras dinastías, así como os reis de taifas de Al-Ándalus. Marrocos foi un sultanato ata 1955, momento en que o sultán Mohammed Ben Yusef (Mohammed V) cambiou o seu título polo máis moderno de rei (malik).

Na actualidade o título lévano os monarcas de Omán e Brunei, e de modo honorífico algúns gobernantes locais de Filipinas, Xava ou Malaisia.

O goberno dun sultán recibe o nome de sultanato.

Sultán utilízase tamén ocasionalmente como nome propio de home.

Brunei

Brunei (en malaio: Negara Brunei Darussalam, en jawi: نڬارا بروني دارالسلام‎) é un país ó noroeste da illa de Borneo no sueste de Asia. Comprende dous territorios, separados en gran parte pola cunca do río Limbang e arrodeados polo territorio de Sarawak. Á parte da súa costa no Mar da China Meridional, está completamente arrodeado por Malasia.

Emir

Emir, palabra que provén do árabe amir (أمير). o que ordena, palabra á súa vez derivada do verbo amar (mandar).

O título de emir variou de significado ao longo da historia. Se ben ao principio da héxira designaba ao xefe do mundo musulmán, tras crearse os títulos de sultán e rei (malik) o título de emir quedou desprazado para designar a dignidades menores ou oficiais.

Con este sentido militar foi utilizado en Siria o Exipto na época dos aiúbidas e dos mamelucos. Os emires mandaban grupos de 100 homes e os emires da garda de 1000.

En Al-Andalus os xefes de Estado da Dinastía Omeia ostentaron o título de emir desde mediados do século VIII, porque malia seren na práctica independentes do imperio abbásida de Bagdad, non ousaban adoptar o título de califa. Só no ano 929 o emir Abderrahmán III ou Abd ar-Rahman III adopta o título de califa.

Este título é tamén utilizado para designar a todos os descendentes de Mahoma e actualmente designa aos príncipes das Casas Reais.

Guerra da Crimea

A Guerra de Crimea foi un conflito bélico entre o Imperio Ruso dirixido polos Romanov e a alianza do Reino Unido, Francia, o Imperio Otomán (ao que apoiaban para evitar o seu afundimento e o excesivo crecemento de Rusia) e o Reino de Piemonte e Sardeña, que se desenvolveu entre 1854 a 1856. A maior parte do conflito tivo lugar na península de Crimea no mar Negro.

Imperio Otomán

O Sublime Estado Otomán (en turco otomán: دَوْلَتِ عَلِيّهٔ عُثمَانِیّه, Devlet-i ʿAliyye-yi ʿOsmâniyye, tamén عثمانلى دولتى Osmanlı Devleti, en turco: Yüce Osmanlı Devleti ou Osmanlı İmparatorluğu) foi un imperio que durou dende o 27 de xullo de 1299 até o 29 de outubro de 1923. Foi habitualmente coñecido polos seus contemporáneos como Imperio Otomán, Imperio Turco, a Sublime Porta ou, máis comunmente, Turquía. Dende 1923, úsase preferentemente o nome de Imperio Otomán para non crear confusión coa actual República de Turquía.

No cumio do seu poder, nos séculos XVI e XVII, controlaba territorios no sueste de Europa, suroeste de Asia e norte de África. O Imperio Otomán estaba formado por vinte e nove provincias e numerosos estados vasalos, algúns dos cales chegaron a ser absorbidos completamente polo imperio, mentres que a outros foilles concedido certo grao de autonomía no transcurso dos séculos. O imperio gañou tamén eventualmente autoridade sobre terras estranxeiras afastadas a través de declaracións de lealdade ao Sultán, como por exemplo a declaración do Sultán de Aceh en 1565, ou a través de adquisicións temporais de illas, como por exemplo Lanzarote no océano Atlántico en 1585.

Con Constantinopla (en turco otomán: استنبول, Istanbul e قسطنطينيه, Kostantiniyye) como capital, e control de extensión de terra por todo o mar Mediterráneo durante o reinado de Suleimán o Magnífico (dirixente de 1520 a 1566), o imperio foi o centro de interaccións entre o mundo Occidental e Oriental durante seis séculos. O imperio chegou á súa fin, como réxime baixo a monarquía imperial, o 1 de novembro de 1922, rematando a súa existencia de iure o 24 de xullo de 1923 baixo o Tratado de Lausana. Foi sucedido pola República de Turquía, que foi oficialmente proclamada o 29 de outubro dese mesmo ano.

Istambul

Istambul ou Istanbul, (en turco: İstanbul, [is'tanbul] (AFI)) é a maior cidade de Turquía, e tamén unha das cidades máis grandes de Europa, con 11 008 790 (censo de 2007).

É tamén a capital administrativa da Provincia de Istambul na chamada Rumelia ou Tracia Oriental. Foi chamada Bizancio (en grego: Βυζάντιον, tr. "Byzantion") ata 330, e Constantinopla ata 1453, nome co que se lle denominou xeralmente en Occidente ata 1930. Durante o período otomán os turcos chamaban á cidade 'İstanbul' alteración da frase en lingua grega: εἰς τὴν πόλιν (á cidade), que no grego bizantino se prunciaba algo así como istimbólin, pero oficialmente empregábase o nome Qustantaniyyeh (قسطنطنيه) ("Cidade de Constantino" en árabe). O nome oficial de İstanbul foi imposto o 28 de marzo de 1930.

Foi sucesivamente a capital do Imperio Romano de Oriente, o Imperio Bizantino, do Imperio Otomán e máis tarde da República de Turquía até 1923.

Aínda que dende 1923 a capital de Turquía é Ankara, Istambul segue sendo unha cidade que ten un papel fundamental na industria, no comercio e na cultura de Turquía. Alberga máis dunha ducia de universidades. É sé do Patriarcado Ecuménico de Constantinopla, cabeza da Igrexa Ortodoxa.

Marrocos

Marrocos (en bérber: Amrruk, en árabe: المغرب Al-Magrib) é un país do noroeste de África. A súa longa costa atlántica chega desde o Sáhara Occidental ata o estreito de Xibraltar para dar ao mar Mediterráneo (ao norte), e continúa cara ao leste ata chegar a Alxeria, coa que limita ao leste e sueste.

Mehmed II

Mehmed II Fatih, o Conquistador, nado o 30 de marzo de 1432 e finado o 3 de maio de 1481, foi fillo de Murad II, Sultán otomán entre 1451 e 1481. Foi o sétimo sultán da casa de Osman (Dinastía dos Osmanlíes). En 1453 tomou Constantinopla, provocando a caída final do máis ca milenario Imperio romano de Oriente.

Monarca

Un monarca é aquela persoa que ostenta unha autoridade única e suprema sobre un pobo, e que normalmente asume de xeito hereditario. A autoridade que posúe pode variar desde a estritamente nominal ata a absoluta. Tipicamente esta autoridade exércea sobre un país e de forma vitalicia.

O sistema de autoridade encabezado polo monarca chámase monarquía.

Saladino

Ṣalāḥ ad-Dīn Yūsuf ibn Ayyūb (árabe: صلاح الدين يوسف بن أيوب; kurdo: سه‌لاحه‌دین ئه‌یوبی , Selahedînê Eyûbî), máis coñecido en occidente como Saladino, nado en Tikrit en 1138 e finado en 1193 en Damasco, foi un dos grandes gobernantes do mundo islámico, sendo sultán de Exipto, Siria, Palestina, así como de zonas de Arabia, Iemen, Libia e Mesopotamia.

Defensor do Islam e particularmente da ortodoxia relixiosa representada polo sunnismo, unificou política e relixiosamente o Oriente Próximo, combatendo os cristiáns e rematando con doutrinas afastadas do culto oficial representado polo Califato Abbasí. É particularmente coñecido por arrebatar a Terra Santa ós cruzados, devolvendo Xerusalén ós musulmáns e rematando co Reino de Xerusalén. O impacto deste acontecemento en Occidente provocou unha nova cruzada (a terceira) liderada polo famoso Ricardo I de Inglaterra, que se converteu en mítica.

Zanzíbar

Zanzíbar é un conxunto de dúas illas, Zanzíbar propia (1.554 km² e 800.000 habitantes) e Pemba, a principal cidade e centro económico é Mji Mkongwe na illa de Zanzíbar. Zanzíbar é un territorio autónomo de Tanzania.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.