Subespecie

En bioloxía denomínase subespecie a cada un dos grupos nos que se dividen as especies, e que se compoñen de individuos que, ademais dos caracteres propios da mesma, teñen en común outros caracteres morfolóxicos polos cales aseméllanse entre si e distínguense dos das demais subespecies. Dende o punto de vista estritamente sistemático ou da taxonomía, é a categoría taxonómica comprendida entre a especie e a raza.

A subespecie é unha parte da especie formada por unha ou máis poboacións, pouco diferenciadas e cunha distribución xeográfica concreta. Esta definición inclúe as razas xeográficas de moitos autores ('Rassenkreis'). Con todo, non está moi clara a liña de separación entre os conceptos de raza e subespecie, pois ambos taxons manteñen as características propias da especie, é dicir, que parellas de individuos de distintas subespecies ou razas (pero da mesma especie) poden emparentar e producir descendencia viábel e fértil; e só acostuman diferenciarse en caracteres externos menores aínda que recoñecibles e regularmente presentes. O termo raza utilízase con máis frecuencia fóra do ámbito científico, polo que, en taxonomía, só se emprega (por costume) para a distinción morfolóxica nun número moi limitado de especies, esencialmente os seres humanos e os animais domésticos.

Véxase tamén

Outros artigos

Cabalo

O cabalo, ou egua se é femia, (Equus ferus caballus) é un animal mamífero perisodáctilo da familia dos équidos (Equidae), herbívoro, cuadrúpede e de pescozo longo e arqueado. É unha das dúas subespecies existentes de Equus ferus ou cabalo salvaxe. O cabalo evolucionou ó longo dos pasados 45-55 millóns de anos dende o pequeno Hyracotherium ata o animal de hoxe en día. Os humanos comezaron a domesticar cabalos no -4000, e a súa doma crese que se estendeu no -3000. Os cabalos da subespecie caballus son domésticos, pero algunhas poboacións viven en liberdade ou semiliberdade. Estas poboacións de cabalos asilvestrados non son verdadeiros cabalos salvaxes, xa que este termo emprégase para describir cabalos que nunca foron domesticados, como o ameazado cabalo de Przewalski, unha subespecie separada e o único cabalo salvaxe que aínda existe.

A anatomía do cabalo permítelle facer uso da velocidade para escapar de depredadores e teñen un ben desenvolvido sentido do equilibrio e unha forte resposta de loita ou fuxida. Relacionado coa necesidade de fuxir de depredadores na vida salvaxe, os cabalos son quen de durmir tanto de pé como deitados. As femias, chamadas eguas, coidan das súas crías durante aproximadamente 11 meses, e un cabalo novo, chamado poldro, pode correr coa nai pouco tempo despois do nacemento. A maioría dos cabalos domesticados comezan a adestrarse coa cadeira de montar ou co arnés entre os dous e os catro anos. Acadan a madurez completa ós cinco anos, e chegan a vivir entre 25 e 30 anos.

As razas de cabalo divídense en tres categorías baseadas no seu temperamento: de "sangue quente e enérxicos" con velocidade e resistencia; "sangue frío", como o cabalo albardeiro e algúns ponis, axeitados para traballos lentos e pesados; e de "sangue morno", produto de cruces entre os de sangue quente e de sangue frío, centrándose a miúdo en crear razas para fins específicos de monta, especialmente en Europa. Existen máis de 300 razas de cabalo no mundo, desenvolvidas para diferentes usos.

Cabalos e humanos interveñen en gran cantidade de actividades competitivas e non competitivas, así como actividades de traballo como policía, agricultura, entretemento e terapia. Tamén foron historicamente usados na guerra, do cal desenvolvéronse unha ampla variedade de técnicas de equitación e condución, con moitos estilos diferentes de equipos e métodos de control. Por outra banda obtéñense moitos produtos destes animais, como a carne, o leite, pel, pelo, óso e os produtos farmacéuticos extraídos dos ouriños de eguas embarazadas.

Cabra

Capra é un xénero de mamíferos artiodáctilos ruminantes da familia dos bóvidos e subfamilia dos caprinos coñecidos comunmente como cabras, cabras montesas ou cabras salvaxes, ou íbices.

O xénero comprende, segundo os autores, de 8 a 10 especies, entre elas a cabra montesa (Capra pyrenaica), o markhor (Capra falconeri) e o íbice ou cabra montesa dos Alpes (Capra ibex).

Porén, existen animais doutros xéneros (que non son Capra), pero da subfamilia dos caprinos, que ás veces se denominan "cabras", como as do xénero Oreammos, ao que pertence a chamada cabra das Montañas Rochosas (Oreamnos americanus).

As verdadeiras cabras salvaxes son orixinarias do centro-oeste de Asia, onde aínda viven a maioría das especies actuais, e desde onde colonizaron partes de Europa e o norte de África.

A cabra doméstica (Capra hircus aegagrus ou Capra aegagrus hircus, segundo os distintos autores) é unha subespecie domesticada da cabra salvaxe (Capra hircus ou C. aegagrus, segundo os autores). A súa domesticación data de hai uns 9.000 anos, durante o neolítico, cando apareceron as primeiras en Mesopotamia, e cuxa distribución actual, tanto na forma doméstica como asilvestrada, é practicamente cosmopolita.

As cabras domésticas son hoxe en día un dos principais animais domésticos en Oriente Medio, no norte e o leste de África e na Europa mediterránea. Non hai que esquecer que en Galicia non pode faltar o cabrito asado (a cría da cabra) en ningunha festa que mereza ese nome.

Can

O can (Canis lupus familiaris) é un mamífero carnívoro que pertence á familia Canidae, ao igual que os lobos, raposos e coiotes. En xeral, o termo 'can' emprégase para referirse á raza doméstica (Canis familiaris), a cal crese que descende dun antergo similar ó lobo, segundo distintos indicios, a secuencia do ADN e outros estudos xenéticos.. Con todo, algúns científicos sosteñen que o can é unha subespecie de lobo.

As probas arqueolóxicas demostran que o can estivo en convivencia próxima cos humanos desde hai polo menos 9.000 anos, pero posiblemente desde hai 14.000 anos. As probas fósiles demostran que os antepasados dos cans modernos xa estaban asociados cos humanos hai 100.000 anos.

Neste tempo o can desenvolveu diferentes razas que poden variar moito en tamaño e cor. Por exemplo, están os cans chihuahuas, que miden apenas unhas polgadas, en oposición aos grandes cans San Bernardo ou ao mastín. As cores dos cans varían de branco a negro, con vermello, café ou gris. De igual xeito que os humanos, son unha especie moi sociable e cazan en grupo.

A media de vida é de 12 anos, cada ano do can semella uns sete anos humanos, aínda que non é unha fórmula exacta.

Cenoria

A cenoria (Daucus carota', L., subespecie sativus) , é unha planta pertencente á familia das umbelíferas, tamén denominadas apiáceas. É a hortaliza máis importante e de maior consumo das pertencentes a devandita familia. É a forma domesticada da cenoria silvestre Daucus carota, oriúnda de Europa e Asia sudoccidental. Cultívase pola súa raíz moito máis grande, saborosa e de textura menos fibrosa, mais continúa sendo a mesma especie. Entre as hortalizas, pertence ao grupo das verduras.

Coello

O coello, (ou coello europeo, para distiguilo doutras especies da familia), cientificamente Oryctolagus cuniculus, é unha especie de mamífero lagomorfo da familia dos lepóridos, a única do xénero Oryctolagus.Orixinario do suroeste de Europa (España, Portugal e o suroeste de Francia) e do noroeste de África (norte de Marrocos e de Alxeria), onde aínda existe (cada vez menos) en estado salvaxe, existen tamén moitas subespecies domesticadas en case todo o planeta. Útil ás persoas pola súa carne, usada como alimento, e pola súa pel, usada para confeccionar vestiario.

Crese popularmente que a pata de coello é un amuleto de boa sorte. Hoxe en día é tamén frecuente criar coellos como animais de compañía.

Os coellos distínguense das lebres por seren altriciais.O tamaño dos coellos é variábel. Como todos os lagomorfos, posúen catro dentes incisivos no maxilar superior e dous na mandíbula, que medran continuamente durante toda a súa vida. Nisto diferéncianse dos roedores, que posúen dous incisivos tanto no maxilar superior como no inferior. Os coellos teñen orellas longas, as patas posteriores grandes e colas pequenas e suaves. Desprázanse saltando, para o que utilizan as súas poderosas patas posteriores. Para facilitar o movemento rápido estas están revestidas dunha cuberta grosa de pel que amortece o impacto dos pulos rápidos. Dependendo da subespecie poden atinxir unha velocidade de 15 a 20 m/s. Os coellos novos (cazapos, cazapellos ou láparos) parecen "camiñar" en vez de saltar. Os coellos viven entre 4 e 10 anos.

Os coellos escavan redes de túneles, ou tobos ou coelleiras, nas que permanecen a maior parte do tempo.

Especie

En bioloxía denomínase especie (do latín Species) a cada un dos grupos en que se dividen os xéneros.

Gato bravo

O gato bravo, ou gato montés (Felis silvestris) é un mamífero placentario da orde dos carnívoros e familia dos félidos moi parecido ao gato doméstico. Recibe tamén os nomes de gato do monte e gato fero.

A subespecie Felis silvestris silvestris é a que habita en case toda Europa; Felis silvestris cretica está restrixida á illa de Creta, e Felis silvestris libyca é a propia de África.

Homo sapiens idaltu

Homo sapiens idaltu é unha extinta subespecie de Homo sapiens que viviu no Plistoceno, hai 160,000 anos atrás, en África. O termo idaltu significa a primeira nacida na lingua afar.

León

O león (Panthera leo) é un mamífero carnívoro da familia dos félidos e unha das 5 especies do xénero Panthera. Algúns machos, excepcionalmente grandes, chegan a pesar ata 250 kg, o que os converte no segundo félido vivente máis grande despois do tigre. Os leóns salvaxes viven na África subsahariana e Asia, cunha poboación en perigo crítico ao noroeste da India, tendo desaparecido do norte de África, de Oriente Próximo e do oeste de Asia en tempos históricos. Ata finais do Plistoceno, hai aproximadamente 10 000 anos, o león era o máis estendido dos grandes mamíferos terrestres, tralos seres humanos. A súa distribución cubría a maior parte de África, gran parte de Eurasia, desde o oeste de Europa ata a India, e en América, desde o río Yukón ata o sur de México.Se sobreviven ás dificultades da infancia, as leoas que viven nun hábitat seguro, por exemplo no Parque Nacional Kruger, a miúdo poden chegar á idade de 12-14 anos, mentres que os leóns raramente viven máis de oito anos. Con todo, coñécense casos de leoas que viviron ata vinte anos en estado salvaxe. En cativerio, tanto os machos como as femias poden vivir máis de vinte anos. Adoitan vivir en sabanas e pradarías, aínda cando poden entrar en zonas arbustivas e boscosas. Os leóns son animais especialmente sociais en comparación con outros félidos. Unha manda de leóns componse de femias que teñen unha relación familiar, as súas crías e un número reducido de machos adultos. Os grupos de leoas adoitan cazar xuntas, atacando principalmente a grandes ungulados. O león é un superdepredador e unha especie chave, pese a que pode ter un comportamento preeiro se ten a oportunidade. Aínda cando os leóns, normalmente, non cazan humanos de xeito selectivo, algúns deles poden converterse en antropófagos e buscar presas humanas.

O león é unha especie vulnerable e, no seu ámbito de distribución africano, ao longo das dúas últimas décadas sufriu un declive das poboacións, posiblemente irreversible, de entre un 30% e un 50%; as poboacións non son viables fóra das reservas delimitadas e os parques nacionais. Aínda que a causa deste declive non é do todo comprendida, a perda do hábitat e os conflitos con humanos son hoxe en día os motivos de preocupación máis importantes. Tivéronse leóns en catividade desde os tempos da Antiga Roma e desde finais do século XVIII foron unha especie moi buscada e exhibida en zoolóxicos por todo o mundo. Os propios zoolóxicos están colaborando en programas de reprodución para protexer a ameazada subespecie asiática.

Os machos son moi fáciles de distinguir grazas á súa melena, que fai da súa cabeza un dos símbolos animais máis amplamente coñecidos da cultura humana. Aparece moi a miúdo na literatura, a escultura, a pintura, en bandeiras nacionais e en películas e literatura contemporáneas.

Oliveira

A oliveira (Olea europaea) é unha das 35 especies do xénero Olea. A oliveira silvestre está considerada dentro da subespecie sylvestris e as oliveiras cultivadas dentro da subespecie sativa. É unha árbore perennifolia, de tamaño mediano e con tronco nodoso. Encóntrase presente en toda a rexión mediterránea e Oriente Próximo, mais foi estendida a outros países ou zonas con clima semellante como Perú, Chile, Arxentina, California, Suráfrica ou Australia. É un dos cultivos tradicionais máis antigos. É unha planta orixinaria do Oriente Próximo, que desde ha máis de 5.000 anos foi introducida no oeste da conca mediterránea.

En Galicia, a oliveira está pouco espallada, aínda que se poden atopar exemplares illados practicamente por todo o país. Na zona galega con influencia do clima mediterráneo poden atoparse masas arbóreas pequenas, que se crearan basicamente para autoconsumo. Esas masas localízanse, fundamentalmente, no conca do río Sil (comarcas de Quiroga, Valdeorras, Bolo) e no val de Verín.

Plumaxe

A plumaxe nas aves refírese ó conxunto de plumas que recobre o corpo destes animais. As plumas, ademais de formar a superficie sustentadora das ás e protexer o animal da auga e do frío, presentan outras funcións. Cando falamos de plumaxe en ornitoloxía, falamos dunha determinada característica nas distintas especies; de feito, cada especie e subespecie de ave presenta unha plumaxe diferente, atendendo a patróns tan concretos como o modelo de plumas, a disposición das mesmas sobre o animal e a cor destas. A plumaxe emprégase polo tanto para identificar, distinguir e estudar os paxaros, achegando moita información específica sobre cada individuo, xa que dentro de cada especie e subespecie a plumaxe tamén adoita variar entre as diferentes idades, sexos e estacións do ano, e mesmo pode ser indicador de doenzas.

Salmonela

Salmonella é un xénero bacteriano formado por bacilos gramnegativos, anaerobios facultativos, con flaxelos perítricos que rodean ó microorganismo e non desenvolve esporas. Son bacterias móbiles que producen sulfuro de hidróxeno. Non fermentan glicosa nin lactosa.

É un axente zoonótico de distribución universal. Transmítese por contacto directo ou contaminación cruzada durante a manipulación, no procesado de alimentos ou no fogar, tamén por vía sexual.

Salmonella enterica subsp. enterica

Salmonella enterica subsp. enterica é unha subespecie bacteriana da especie Salmonella enterica, unha bacteria con forma de bacilo, flaxelada, aerobia, gramnegativa. A subespecie está dividida en moitos serovares. Forman parte desta subespecie moitos dos serovares patóxenos de S. enterica; por exemplo os serovares Salmonella Typhi, Salmonella Paratyphi ou Salmonella Typhimurium, entre outros. (Para a súa correcta escritura ver máis abaixo).

Taxon

En bioloxía, un taxon (do grego τάξις, transliterado como táxis, "ordenamento") é un grupo de organismos emparentados, que nunha clasificación dada foron agrupados, asignándolle ao grupo un nome en latín, unha descrición, e un "tipo" que, se o taxon é unha especie, é un espécime ou exemplar concreto. Cada descrición formal dun taxon está asociada ao nome do autor ou autores que a realizan, os cales fanse figurar detrás do nome. En latín o plural de taxon é taxa, sendo así como adoita usarse en inglés, pero en galego o plural adecuado é taxons. A ciencia que define aos taxons chámase taxonomía ou taxinomía.

A finalidade de clasificar os organismos en taxons formalmente definidos en lugar de grupos informais, é a de prover grupos cuxa circunscrición sexa estrita ou cunha denominación con valor universal, independentemente da lingua empregada para a comunicación. Os taxons existen dentro dunha clasificación dada, suxeita a cambios onde poden presentarse discrepancias, o que obriga respecto a algunhas denominacións problemáticas a especificar o autor da clasificación en cuestión.

Taxonomía

A taxonomía ou taxinomía (do grego ταξις, taxis, "ordenamento", e νομος, nomos, "norma" ou "regra") é a ciencia da clasificación. Xeralmente se emprega o termo para designar a taxonomía biolóxica, ciencia que ordena os organismos vivos nun sistema de clasificación composto por taxons agrupados en categorías taxonómicas.

Tigre

Os tigres (Panthera tigris) son mamíferos da familia Felidae, pertencentes a unha das catro especies de felinos do xénero Panthera. Os tigres son cazadores carnívoros.

O peso récord dun macho adulto é de máis dun terzo de tonelada. Coma os leopardos, os tigres comen principalmente de noite. A pesar do seu gran tamaño, poden axexar as súas presas en completo silencio, denantes de se abalanzar sobre elas a curta distancia. Apreixan as súas vítimas coas poutas dianteiras e mátanas trabándolles a gorxa. Os tigres son perigosos para as persoas; levan causadas moitas vítimas, especialmente alí onde os humanos alteran o seu hábitat natural.

Nos últimos anos, a poboación mundial de tigres descendeu, principalmente a causa da caza ilegal; na actualidade quedan probablemente menos de 7.000 exemplares en estado salvaxe.

Os tigres presentan unhas raias negras que os axudan a camuflarse. Os casos de tigres devoradores de homes son raros, malia a lenda que acompaña a figura do animal.

Os primeiros tigres auténticos orixináronse no sur de Siberia durante o Plistoceno. Desde alí iniciaron unha longa expansión que se concretou ao longo de dúas rotas distintas: unha cara ao leste, a través das estepas de Asia Central, que os levou ata Persia, Mesopotamia e máis o Cáucaso; e outra ao longo do litoral da China, que rematou na India e o Sueste asiático, a onde chegaron hai menos de dez mil anos. Xa en época histórica, a presión humana forzou a redución e extinción de moitas poboacións, malia que ata o século XIX aínda gozaban dunha distribución que aínda sendo irregular espallábase desde Xeorxia ata a illa indonesia de Bali.

Na actualidade sobreviven cinco subespecies de tigres: o de Bengala (Panthera tigris tigris), posiblemente o máis coñecido polo ser humano hoxe en día, habita no subcontinente indio; o de Siberia (P. t. althaica), o tigre máis alto e corpulento; o de Sumatra, do que quedan menos de 500 exemplares, unha subespecie de tigre de -relativamente- pequenas dimensións; o de Indochina (P. t. corbetti), e o tigre do sur de China (P. t. amoyensis), o que corre máis perigo de extinción na actualidade, xa que só quedan uns trinta exemplares. O famoso "tigre branco" é, en realidade, unha variedade de tigre bengalí orixinaria do estado indio de Madhya Pradesh (antigo reino de Rewa), na que a cor leonada da pelaxe foi substituída por branco debido a unha mutación; os ollos destes tigres son azuis.

Durante o s.XX extinguíronse outras tres subespecies por mor da caza e da deterioración do seu hábitat. O tigre do Caspio (P. t. virgata), un voluminoso tigre semellante ao de Bengala pero que podía superar os 400 quilos de peso, sufriu unha dura campaña de exterminio na Rusia zarista. O último exemplar ruso foi abatido no actual Acerbaixán en 1923, e a subespecie desapareceu definitivamente cando se cazou o derradeiro tigre iraniano en 1959. Unhas décadas antes, en 1937, o pequeno tigre de Bali (P. t. balica), unha raza de cor escura e menos de 100 quilos de peso máximo, foi exterminado, namentres que na veciña illa de Xava perdeuse a pista á subespecie local (P. t. sondaica) a mediados dos 70.

Frecuentemente en América ao xaguar chámaselle tigre, debido á semellanza de ambos os animais.

Troita

A troita, Salmo trutta fario, é un peixe osteíctio de auga doce, unha forma de Salmo trutta, ou subespecie, segundo os autores.

Variedade (bioloxía)

A variedade é en taxonomía o taxon inmediatamente inferior a subespecie. Un grupo de individuos que pertence a unha mesma variedade difire dos restantes de igual subespecie por caracteres máis ou menos aparentes pero non significativos en relación a outro grupo de organismos cós que comparten moitas características e cós que conseguen reproducirse libremente.

Xénero (bioloxía)

O xénero, no campo da bioloxía, é unha unidade sistemática das clasificacións por categorías taxonómicas.

Conceptos base
Taxons
Conceptos asociados
Normas

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.