Sol

Introdución e datos xerais

O Sol é unha estrela de tamaño medio, en relación ao conxunto da nosa galaxia, a Vía Láctea, arredor da cal gravitan a Terra e mailos outros membros do noso sistema planetario[1]. É unha estrela de tipo espectral G2, constituíndo a fonte primaria de enerxía electromagnética do sistema planetario.[1]. A súa masa é de 333 000 veces a da Terra e o seu volume 1 400 000 veces. A distancia do noso planeta ao Sol é de preto de 150 millóns de quilómetros (1 Unidade astronómica, definida como a distancia media Terra-Sol, 149 600 000 km), tardando a súa luz en chegar ata nós case oito minutos e vinte segundos. Por si só representa o 98,6% da masa do Sistema Solar. A súa enerxía, en forma de luz solar, alimenta case todos os xeitos de vida na Terra a través da fotosíntese, así como determina o clima terrestre e a meteoroloxía no noso planeta.

Visto dende a Terra, o Sol presenta unha estrutura granulosa e o seu brillo non é uniforme, sendo o bordo menos brillante que a parte central do disco solar. As capas exteriores do Sol divídense en: fotosfera, a máis profunda, con preto de 300 km de espesura e unha temperatura mínima de 6 000 Kelvin; a cromosfera, con preto de 8 000 km de espesura, de onde emerxen enormes chorros luminosos, as protuberancias, que chegan a acadar 800 000 km de altura, e maila coroa, cunha altura de 1 millón de quilómetros e unha temperatura de 1 millón de K.

A rotación do sol, enorme masa gasosa, fai que se note un achatamento nos polos.

A temperatura interna acada 20 millóns de K. Presúmese que o Sol ten 4 600 millóns de anos de idade, e pola secuencia principal do Diagrama de Hertzsprung-Russell, pódese considerar unha estrela anana. O seu "imperio" - o Sistema Solar - comprende 8 planetas, 1 600 asteroides, 32 satélites e un gran número de cometas, cun volume que corresponde a unha esfera duns dous anos luz de raio, pois as estrelas máis próximas están a unha distancia duns 4 anos luz. As súas magnitudes características (aproximadas) son un diámetro de 1 390 000 km; superficie: 1 940 000 km²; volume: 2 700 000 millóns de km3; masa: 2 · 1030 kg; velocidade absoluta (en relación ao centro da Vía Láctea): 216 km/s; velocidade relativa (en relación ás estrelas máis próximas): 19 km/s.

É a estrela do sistema planetario no que se atopa a Terra e, con moito, o astro con maior brillo aparente. A súa visibilidade no ceo local determina, respectivamente, o día e a noite en diferentes rexións de diferentes planetas. Na Terra, a enerxía radiada polo Sol é aproveitada polos seres fotosintéticos, que constitúen a base da cadea trófica, constituíndo así a principal fonte de enerxía da vida. Tamén achega a enerxía que mantén en funcionamento os procesos climáticos.

Malia de ser unha estrela mediana (aínda así, máis brillante que o 85% das estrelas existentes na nosa galaxia), é a única da que se pode apreciar a forma a ollo nu, cun diámetro angular de 32' 35" de arco no perihelio e 31' 31" no afelio (diámetro medio = 32' 03"). A relación de tamaños e distancias de Sol e Lúa é tal que se ven case co mesmo tamaño aparente no ceo, permitindo unha gama de eclipses solares distintos (totais, anulares ou parciais).

Pasado, Presente e Futuro do Sol

O Sol formouse hai uns 4 650 millóns de anos e ten combustible para uns 5 000 millóns máis. Despois, comezará a aumentar o seu volume máis e máis, ata converterse nunha estrela xigante vermella. Rematará afundíndose polo seu propio peso e converténdose nunha anana branca, que pode tardar un billón de anos en arrefriarse. Formouse a partir de nubes de gas e po que contiñan residuos de xeracións anteriores de estrelas. Grazas á metalicidade do devandito gas, do seu disco circunestelar xurdiron máis tarde os planetas, asteroides e cometas do Sistema Solar.

No interior do Sol prodúcense reaccións de fusión nas que os átomos de hidróxeno se transforman en helio, producíndose a enerxía que irradia. O Sol emite cada día 360 000 millóns de toneladas (3,6·1014 kg) de materia transformadas en enerxía. A súa atracción vai, por iso, enfraquecendo e de aí que a Terra se afasta do Sol 1 m por ano. Xa que a súa masa non chega ó límite de Chandrasekhar (1,44 masas solares), cando se lle esgote o combustible está previsto que acabe como unha anana branca. Actualmente, o Sol atópase en plena secuencia principal, fase en que seguirá uns 5 000 millóns de anos máis queimando hidróxeno de maneira estable.

Chegará un día en que o Sol esgote todo o hidróxeno na rexión central ao telo transformado en helio. A presión será incapaz de soster as capas superiores e a rexión central tenderá a contraerse gravitacionalmente, quentando progresivamente as capas adxacentes. O exceso de enerxía producida fará que as capas exteriores do Sol tendan a expandirse e arrefriarse e o Sol converterase nunha estrela xigante vermella. Así, o seu diámetro superará o da órbita da Terra, co cal calquera forma de vida sobre o noso planeta será extinguida. Cando a temperatura da rexión central acade aproximadamente 100 millóns de kelvin s, comezará a fusión do helio, producindo carbono, mentres arredor do núcleo se segue fusionando hidróxeno en helio. Iso fará que a estrela se contraia e diminúa o seu brillo a un tempo que aumenta a súa temperatura, converténdose o Sol nunha estrela da rama horizontal do diagrama H-R. Ao esgotarse o helio do núcleo, iniciarase unha nova expansión do Sol e o helio empezará tamén a fusionarse nunha nova capa arredor do núcleo inerte - composto de carbono e osíxeno e, ao non ter masa suficiente, o Sol non acadará as presións e temperaturas abondas para fusionar os devanditos elementos en elementos máis pesados - que o converterá de novo nun xigante vermello, pero esta vez da rama asintótica xigante e provocará que o astro expulse gran parte da súa masa na forma dunha nebulosa planetaria, quedando só o núcleo solar, que se transformará nunha anana branca e, moito máis tarde, ao arrefriarse totalmente, nunha anana negra. O Sol non chegará a estoupar como unha supernova ao non ter a masa suficiente para iso.

Aínda que se cría nun principio que o Sol acabaría por absorber, ademais de Mercurio e Venus, tamén a Terra ao converterse en xigante vermello, a gran perda de masa que sufrirá no proceso fixo pensar por un tempo que a órbita terrestre - do mesmo xeito que a dos demais planetas do Sistema Solar - se expandiría posiblemente, salvándose dese destino.[2] Non obstante, un artigo recente postula que non ocorrerá, e que as interaccións mareais, así como o roce coa materia da cromosfera solar, farán que o noso planeta sexa absorbido.[3][4] Outro artigo posterior tamén apunta na mesma dirección.[5]

Evolución solar
Ciclo de vida do Sol.

Efectos sobre a Terra

Solar eclipse 1999 4 NR
Eclipse solar

Alén da alternancia das estacións do ano, responsables da variación periódica da duración de días e noites e dos efectos sobre o clima, o Sol segue un ciclo dobre de 11 anos, no que cambia a súa polaridade magnética de norte a sur, completando así o cambio de sur de novo a norte en 22 anos. O Ciclo Solar ten moitos outros efectos importantes que influencian ao noso Planeta. O Ciclo solar manifesta unha correlación co número de manchas solares, e, cos coñecementos actuais vese como irregular, de xeito que eventos como o Mínimo de Maunder ou o Mínimo de Dalton supuxeron a eliminación de manchas solares por longos períodos, causando o primeiro, pola súa lonxevidade, unha pequena idade de xeo entre os séculos XVII e XVIII. En febreiro de 2019 rexistrouse un mínimo cun mes sen observación de manchas solares.[6]

Estudos de Heliosismoloxía executados a partir de sondas espaciais, permitiron observar certas "vibracións solares", cuxa frecuencia aumenta co aumento da actividade solar, acompañando o ciclo de once anos de erupcións, e cada vinte e dous anos existe a manifestación do chamado hemisferio dominador, alén da movimentación das estruturas magnéticas en dirección aos polos, que resultan en dous ciclos de once anos con incremento da actividade xeomagnética da Terra e da oscilación da temperatura do plasma ionosférico na estratosfera do noso planeta. No ano 2018 acadouse un mínimo solar.[7]

Foron observadas emisións electromagnéticas en forma de aneis de diversos tamaños con temperaturas na orde de dous millóns de kelvin, alén de emisión de masa coronal a cada 24 horas aproximadamente. Polo tanto, o noso Astro Rei, domina a nosa sobrevivencia na Terra.

As erupcións solares clasifícanse de xeito que a clase de erupcións menos potentes chámase A, seguindo en orden ascendente de potencia B, C, M e X. Cada unha implica unha emisión de enerxía dez veces maior que a anterior; así, unha fulguración de clase X é 100 veces máis potente que unha de clase C. As M e X, de atravesar a Terra polo radio marcado por elas, poden crear tormentas xeomagnéticas con capacidade de interromper os sistemas de comunicacións e redes eléctricas, e provocar danos en satélites. Isto fai que se vixíe o comportamento solar (a súa'meteoroloxía'), para o que se usan misións espaciais como Proba-2, o cuarteto de satélites Cluster da ESA, o Observatorio Heliosférico e Solar (SOHO) conxunto ESA-NASA, o Observatorio de Dinámica Solar da NASA, a sonda Parker da NASA ou a sonda Solar Orbiter (ESA, en funcionamento en 2020).[7]

Estrutura do Sol

Artigo principal: Estrutura estelar.

Como toda estrela, debido ó carácter radial da forza gravitatoria, o Sol posúe unha forma esférica, e a causa do seu lento movemento de rotación, ten tamén un leve achatamento polar. Como en calquera corpo masivo, toda a materia que o constitúe é atraída cara ao centro do obxecto pola súa propia forza gravitatoria. Porén, o plasma que forma o Sol atópase en equilibrio, xa que a crecente presión no interior solar compensa a atracción cara ó centro, producíndose un equilibrio aerostático. Estas enormes presións xéranse debido á densidade do material no seu núcleo e ás enormes temperaturas que se dan nel grazas ás reaccións termonucleares que alí acontecen. Existe, ademais da contribución puramente térmica, unha de orixe fotónico. Trátase da presión de radiación, nada desprezable, que é causada polo inxente fluxo de fotóns emitidos no centro do Sol e que son o xeito de transmisión enerxética do centro solar cara á periferia.

Case todos os elementos químicos terrestres (aluminio, xofre, bario, cadmio, calcio, carbono, cerio, cobalto, cobre, cromo, estaño, estroncio, galio, xermanio, helio, hidróxeno, ferro, indio, magnesio, manganeso, níquel, nitróxeno, ouro, osíxeno, paladio, prata, platino, chumbo, potasio, rodio, silicio, sodio, talio, titanio, tungsteno, vanadio, circonio e zinc) e diversos compostos (tales como cianóxeno, óxido de carbono e amoníaco) foron identificados na constitución do chamado Astro Rei, polo que, se o noso planeta quencera ata a temperatura solar, tería un espectro luminoso case idéntico ao do Sol. Aínda o helio foi descuberto primeiro no Sol e logo constatouse a súa presenza no noso planeta[8]

O Sol presenta unha estrutura en capas esféricas (como se fosen "capas de cebola"). A fronteira física e as diferenzas químicas entre as distintas capas son difíciles de establecer. Porén, pódese establecer unha función física que é diferente para cada unha das capas. Na actualidade, a astrofísica dispón dun modelo de estrutura solar que explica de xeito satisfactorio a maioría dos fenómenos observados. Segundo este modelo, o Sol está formado por: 1) Núcleo, 2) Zona radiante, 3) Zona convectiva, 4) Fotosfera, 5) Cromosfera, 6) Coroa e 7) Vento solar.

Ciclo diario

Debido á rotación terrestre, o Sol describe no ceo visto dende a Terra unha revolución diaria, dando lugar e xeito alternativo a períodos de día e de noite.

Notas

  1. 1,0 1,1 http://www.solarviews.com/eng/solarsys.htm ; The Solar System, acceso 8 de maio de 2009 en Solarviews.com: "The planets, most of the satellites of the planets and the asteroids revolve around the Sun in the same direction, in nearly circular orbits"
  2. http://adsabs.harvard.edu/abs/1993ApJ...418..457S ; Our Sun. III. Present and Future
  3. http://arxiv.org/PS%20cache/arxiv/pdf/0801/0801.4031v1.pdf[Ligazón morta]
  4. Schroder, Klaus-Peter; Smith, Robert C. (2008-05-01). "Distant future of the Sun and Earth revisited". Monthly Notices of the Royal Astronomical Society 386 (1): 155–163. doi:10.1111/j.1365-2966.2008.13022.x.
  5. Iorio, Lorenzo (2010). "Classical and relativistic orbital motions around a mass-varying body". SRX Physics 2010: 1–10. ISSN 2090-116X. doi:10.3814/2010/261249.
  6. "¿Está el Sol entrando en un letargo?". La Voz de Galicia (en castelán). 2019-03-10. Consultado o 2019-03-10.
  7. 7,0 7,1 esa. "El Sol en 2018". European Space Agency (en castelán). Consultado o 2019-01-28.
  8. Gallo, Joaquín; Anfossi, Agustín: Cosmografía, 7ª Edición, Editorial Progreso, México, 1980, páxina 90.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Bonanno, A.; Schlattl, H.; Paterno`, L. (2002-8). "The age of the Sun and the relativistic corrections in the EOS". Astronomy & Astrophysics 390 (3): 1115–1118. ISSN 0004-6361. doi:10.1051/0004-6361:20020749.
  • Carslaw KS, Harrison RG, Kirkby J: "Cosmic Rays, Clouds, and Climate". Science. 2002;298:1732-37.
  • Kasting, JF, Ackerman TP: "Climatic Consequences of Very High Carbon Dioxide Levels in the Earth’s Early Atmosphere". Science. 1986;234:1383-85.
  • Priest, Eric Ronald: Solar Magnetohydrodynamics. Dordrecht: D. Reidel Pub., 1982, p. 206-245. ISBN 90-277-1374-X
  • Schlattl H: "Three-flavor oscillation solutions for the solar neutrino problem", Physical Review D. 2001;64(1).
  • Thompson MJ: "Solar interior: Helioseismology and the Sun's interior", Astronomy & Geophysics. 2004;45(4):21-25.

Outros artigos

Ligazóns externas

Aeroporto de Málaga-Costa del Sol

O Aeroporto de Málaga–Costa del Sol é un aeroporto xestionado por Aena, que está localizado no sur de Andalucía, a 8 km de Málaga. Dos tres que participaron na primeira ruta aérea (Tolosa-Barcelona-Alacant-Málaga-Casablanca), establecida en España en 1919 pola empresa francesa fundada por Pierre Latécoère, Lignes Aeriennes Latécoère, é o único que seguiu operando de forma continuada.

Ano (astronomía)

Un ano é o espazo de tempo que a Terra tarda en dar unha volta completa arredor do Sol. Tómase como referencia a orientación Sol-Terra en relación con outros corpos celestes distantes.

Apse

Un apse (do grego ἁψίς) é o punto de maior ou menor distancia dun corpo a un dos focos da súa órbita elíptica. En mecánica celeste este foco é tamén o centro de atracción, que é normalmente o centro de masas do sistema.

O punto de máxima aproximación (o punto no que os dous corpos están máis cerca) chámase periapse ou pericentro, namentres que o punto de maior afastamento chámase apoapse ou apocentro. Á liña recta trazada cruzando o apoapse e o periapse chámaselle liña de ápsides, e coincide co eixo maior da elipse, que é a liña que atravesa a parte máis longa dunha elipse.

Os termos derivados úsanse para identificar o corpo orbitado. Os máis comúns son perixeo (do grego περί peri = arredor de, e Γαῖα Gaia = Terra) -punto da órbita máis preto da Terra- e apoxeo (do grego ἀπό apó = lonxe, e Γαῖα Gaia = Terra) para referirse a órbitas arredor da Terra e perihelio (do grego περί perí = arredor de, e ἥλιος Helios = Sol) e afelio (do grego ἀπό apó = lonxe, e ἥλιος Helios = Sol) para referirse a órbitas arredor do Sol. Para órbitas arredor da Lúa úsanse os termos perilúa e apolúa.

Calendario chinés

O calendario chinés (chinés tradicional:農曆; chinés simplificado: 农历; pinyin: nónglì) é un calendario lunisolar, a diferenza do calendario gregoriano occidental que emprega calendario solar.

O calendario chinés divídese en seis meses de 29 días e seis meses de 30 días, o que resulta en anos de 354 días. De aí que o calendario chinés non coincida co calendario occidental que, en xeral, ten 365 días. Cada mes lunar iníciase na lúa nova e o Aninovo Chinés está determinado pola segunda lúa nova despois do solsticio do 21 de decembro (ou solsticio de inverno), que ocorre entre finais de xaneiro e mediados de febreiro segundo o calendario gregoriano.

Para axustar o ciclo lunar de 354 días ó ciclo solar de 365 débese intercalar un mes cada dous ou tres anos, á diferenza do calendario gregoriano solar que engade un día cada catro anos.

Calendario hindú

O termo calendario hindú é confuso xa que se refire ao conxunto de calendarios rexionais da India, que se comportan de distintos xeitos, así como ao Calendario nacional indio.

Poden ser "calculados" (como o calendario gregoriano por exemplo), de tal maneira que o número de mes, días no mes etc. son sempre os mesmos, determinados por regras, mediante os cales inténtase que dean resultados conforme ao movemento real das estacións, o sol e os astros.

Poden ser "astronómicos", de tal maneira que a observación efectiva dos eventos astronómicos determinan o comezo dos anos e os meses. Así, o número de días por mes e ano pode variar, non é un calendario previamente fixado ou planeado: o ceo, as observacións astronómicas son o calendario, pero iso redunda nunha perfecta exactitude.

Poden ser solares, fundamentados no movemento do sol.

Poden ser lunares, fundamentados no movemento da lúa; pero como iso conduce a incongruencia co movemento solar (como acontece no calendario musulmán), os calendarios lunares son máis exactamente lunar-solares, porque tamén se considera o movemento solar e inténtase seguilo da maneira máis fiel posíbel.Tamén existen varias eras.

a Era Vikram.

a Era Saka: o ano 0 é o 78, o 79 é o ano 1, o 21 de marzo de 2000 comezou o ano 1922; véxase orixe da era Saka.Por decreto publicado na Gazette of India estableceuse en 1957 o Indian National Calender (calendario nacional indio), que é de tipo calculado e solar, e cuxa era é a Saka.

Estacións e meses nos calendarios hindús

Cometa

Os cometas son corpos de forma irregular, fráxiles e pequenos (en relación con outros corpos espaciais), compostos por unha mestura de grans non volátiles e gases conxelados. Teñen órbitas moi elípticas que os leva moi preto do Sol e os devolve ó espazo profundo, moitas veces alén da órbita de Plutón.

As estruturas dos cometas son diversas e moi dinámicas, pero todos eles desenvolven unha nube de material difuso que os rodea, denominada cabeleira (a 'cola', que vai detrás ó achegarse ó sol e diante ó afastarse, pasando a chamarse ás veces 'barba'), que xeralmente crece en tamaño e brillo á medida que o cometa se aproxima ó Sol. Xeralmente é visible un pequeno núcleo brillante (de menos de 10 quilómetros de diámetro) cara a un extremo da cabeleira. A cabeleira e mailo núcleo xuntos constitúen a cabeza do cometa ou cometa visible.

Á medida que os cometas se aproximan ó Sol desenvolven colas enormes de material luminoso que se estenden por millóns de quilómetros dende a cabeza, afastándose do Sol. Cando están lonxe do Sol, o núcleo está moi frío e o seu material está conxelado. Neste estado os cometas reciben ás veces o nome de "iceberg sucio" ou "bola de neve sucia". Cando un cometa se aproxima ó Sol, a poucas UA (unidades astronómicas) do Sol, a superficie do núcleo comeza a quecer e os volátiles evapóranse. As moléculas evaporadas despréndense e arrastran con elas pequenas partículas sólidas formando a cabeleira do cometa, de gas e po.

Cando o núcleo está conxelado, pode ser visto soamente debido á luz solar reflectida. Así e todo, cando se crea a cabeleira, o po reflicte máis luz solar e o gas da cabeleira absorbe a radiación ultravioleta e comeza a fluorescer. A unhas 5 UA do sol, a fluorescencia xeralmente faise máis intensa cá luz reflectida.

Á medida que o cometa absorbe a luz ultravioleta, os procesos químicos desprenden hidróxeno, que escapa á gravidade do cometa e forma unha envolta de hidróxeno. Esta envolta non pode ser vista dende a Terra xa que a súa luz é absorbida pola nosa atmosfera, pero foi detectada polas naves espaciais.

A presión da radiación solar e os ventos solares aceleran os materiais afastándoos da cabeza do cometa a diferentes velocidades de acordo co tamaño e masa dos materiais. Por isto, as colas de po relativamente masivas son aceleradas máis amodo e acostuman ser combadas. A cola iónica é moito menos masiva, e é acelerada tanto que aparece como unha liña case recta que se estende dende o cometa no lado oposto ó sol.

A súa orixe aceptada en xeral é a chamada Nube de Oort, zona alén Plutón na que se cre que se moven moitos corpúsculos que de cando en vez (polo paso dunha estrela máis achegada, por exemplo) desequilibran a súa traxectoria iniciando unha viaxe ata o Sistema Solar máis interno.

Domingo

O domingo é o sétimo día da semana. O nome "domingo" vén do latín Dominicus (dies) ou día do Señor, por causa da celebración cristiá da Resurrección de Xesús.

Cando o Instituto da Lingua Galega elaborou o Atlas Lingüístico Galego, tamén foi rexistrada localmente a forma arcaica primeira feira, soamente observada polo estudo nos lugares de Sistallo (en Cospeito) e Vilachán (en Tomiño) . O termo "primeira feira" procede do latín prima feria (ou feria prima).

Día

Para o artigo da illa, vexa Día, Grecia.

Un día (do latín: dies) é o lapso de tempo que transcorre na Terra desde que o Sol está no punto máis alto sobre o horizonte ata que volve estalo. A duración aproximada do día son 24 horas, divididas, tradicionalmente, en tempo de luz (tamén chamado "día") e período escuridade (chamado "noite"). Non é unha unidade do SI, pero acéptase o seu uso con el. É unha unidade de tempo fundamental do sistema de unidades UAI.

O día, ademais de tratarse da primeira forma de medir o tempo que tivo o home, divídese en 24 horas de 60 minutos cada unha, que, á súa vez, subdivídense en curtos períodos de 60 segundos. Deste xeito, xa que logo, un día tamén dura 86.400 segundos.

Latitude

Latitude é un termo usado na xeografía e cartografía. No globo terrestre, é o ángulo que establece, co plano do ecuador terrestre, un raio que vaia dun determinado observador ou lugar ao centro da Terra. Na Liña do Ecuador a latitude é de 0º, no polo Norte é 90º (indicado 90º N) e no polo Sur é -90º (indicado 90ºS). Así, as latitudes positivas, 'por riba' do ecuador, corresponden ó hemisferio norte (chamado tamén hemisferio boreal), e as negativas, 'por baixo' do ecuador, ó hemisferio sur (ou austral).

Lúa

A Lúa é o único satélite natural da Terra, visible desde esta só en parte e baixo formas distintas, chamadas fases, segundo a posición que teña respecto da Terra e o lado por onde reciba a luz do Sol. Cun diámetro de 3476 km é o quinto satélite máis grande do Sistema Solar, mentres que en canto ao tamaño proporcional respecto do seu planeta é o satélite máis grande: un cuarto do diámetro da Terra e 1/81 da súa masa. Logo de Ío, é ademais o segundo satélite máis denso.

A rotación da Lúa foise sincronizando ó longo do tempo coa da Terra, de xeito que sempre se observa aproximadamente a mesma parte de superficie dende a Terra. O hemisferio visible está marcado con escuros mares lunares de orixe volcánico entre as brillantes montañas antigas e os destacados astroblemas. Malia ser en aparencia o obxecto máis brillante no ceo despois do Sol, a súa superficie é en realidade moi escura, cunha reflexión similar á do carbón. A súa prominencia no ceo e o seu ciclo regular de fases fixeron da Lúa un obxecto con importante influencia cultural desde a antigüidade tanto na linguaxe, como no calendario, a arte ou a mitoloxía. A influencia gravitatoria da Lúa produce as mareas e o aumento da duración do día. A distancia orbital da Lúa, preto de trinta veces o diámetro da Terra, fai que se vexa no ceo co mesmo tamaño que o Sol e permite que a Lúa cubra exactamente ao Sol nas eclipses solares totais. Esta coincidencia de tamaño visual aparente é unha coincidencia. A distancia lineal da Lúa á Terra está aumentando a un ritmo de 3,82 ± 0,07 cm por ano, aínda que esta taxa non é constante.A Lúa é o único corpo celeste no que o ser humano realizou un descenso tripulado. Aínda que o programa Lúa da Unión Soviética foi o primeiro en alcanzar a Lúa cunha nave espacial non tripulada, o programa Apolo de Estados Unidos conseguiu as únicas misións tripuladas ata a data, comezando coa primeira órbita lunar tripulada polo Apollo 8 en 1968, e seis aluaxes tripulados entre 1969 e 1972, sendo o primeiro o Apollo 11 en 1969. Estas misións regresaron con máis de 380 kg de rocha lunar, que permitiron alcanzar unha detallada comprensión xeolóxica das orixes da Lúa (crese que se formou fai 4500 millóns de anos logo dun grande impacto), a formación da súa estrutura interna e a súa posterior historia.

Desde a misión do Apollo 17 en 1972, foi visitada unicamente por sondas espaciais non tripuladas, en particular polos astromóbiles soviéticos Lunokhod. Desde 2004, Xapón, China, India, Estados Unidos, e a Axencia Espacial Europea enviaron orbitadores. Estas naves espaciais confirmaron o descubrimento de auga xeada fixada ao regolito lunar en cráteres que se atopan na zona de sombra permanente e están situados nos polos. Planeáronse futuras misións tripuladas á Lúa, tanto por gobernos como por empresas privadas, pero non se puxeron en marcha aínda. A Lúa mantense, baixo o tratado do espazo exterior, libre para a exploración de calquera nación con fins pacíficos.

Marte

Marte é o cuarto planeta do Sistema Solar pola súa proximidade ao Sol. Chamado así polo deus da guerra da mitoloxía romana Marte, recibe ás veces o alcume de planeta vermello debido á aparencia avermellada que lle confire o óxido de ferro que domina a súa superficie. Ten unha atmosfera delgada formada por dióxido de carbono, e dúas lúas, pequenas e deformadas,: Fobos e Deimos, posibelmente asteroides capturados polo planeta, así mesmo ten apenas un cuarto da superficie da Terra e apenas un décimo da súa masa. Forma parte dos chamados planetas telúricos (de natureza rochosa, como a Terra) e é o planeta interior máis afastado do Sol. É, en moitos aspectos, o máis parecido á Terra.

Aínda que en aparencia podería parecer un planeta morto, non o é. Os seus campos de dunas seguen sendo mecidos polo vento marciano, os seus casquetes polares cambian coas estacións e ata parece que hai algúns pequenos fluxos estacionais de auga.Tycho Brahe mediu con gran precisión o movemento de Marte no ceo. Os datos sobre o movemento retrógrado aparente (os chamados "lazos") permitiron a Kepler achar a natureza elíptica da súa órbita e determinar as leis do movemento planetario coñecidas como leis de Kepler.

Forma parte dos planetas superiores á Terra, que son aqueles que nunca pasan entre o Sol e a Terra. As súas fases (porción iluminada vista desde a Terra) están pouco marcadas, feito que é fácil de demostrar xeométricamente. Considerando o triángulo Sol-Terra-Marte, o ángulo de fase é o que forman o Sol e a Terra vistos desde Marte. Alcanza o seu valor máximo nas cuadraturas cando o triángulo STM é rectángulo na Terra. Para Marte, este ángulo de fase non é nunca maior de 42°, e o seu aspecto de disco giboso é análogo ao que presenta a Lúa 3,5 días antes ou logo da Lúa chea. Esta fase, visible cun telescopio de afeccionado, non logrou ser vista por Galileo, quen só supuxo a súa existencia.

Oeste

O oeste, é un dos catro puntos cardinais da rosa dos ventos, polo cal se pon o o Sol no equinoccio. O seu símbolo é W ou O, e recibe tamén os nomes de poñente, occidente ou ocaso.

Período orbital

O período orbital (tamén chamado período de revolución orbital) e o tempo que tarda un planeta, un satélite, ou outro obxecto orbitante en completar a súa órbita.

Cando se fala de obxectos orbitantes arredor do Sol existen dous tipos de períodos orbitais:

O período sideral é a medida do tempo que tarda o obxecto en completar unha volta arredor do Sol, tomando como punto de referencia unha estrela fixa. Considerase como o auténtico período orbital do obxecto, sendo o que ollaría un observador inmóbil que non orbitara arredor do sol.

O período sinódico é a medida do tempo que tarda o obxecto en volver aparecer no mesmo punto do ceo respecto do Sol, cando se observa dende a Terra. Este período ten en conta que a Terra, lugar dende onde se observa o obxecto, tamén orbita arredor do Sol. E, polo tanto, o tempo que transcorre entre dúas conxuncións sucesivas co Sol, sendo así mesmo o período orbital aparente.O período sideral e o sinódico difiren dado que a Tierra, á súa vez, da voltas arredor do Sol.

Sistema Solar

O Sistema Solar é o conxunto de corpos celestes na galaxia chamada Vía Láctea, que desenvolven os seus movementos en torno ao Sol. Inclúe os planetas como corpos principais, o Sol e outros corpos celestes como asteroides, cometas e satélites. Outro xeito de consideralo é como a zona na que o Sol é a estrela de influencia predominante, se ben este segundo concepto abrangue unha zona de extensión moito maior, na que se supón que existen moitos corpos descoñecidos ata o momento, incluíndo a Nube de Oort, considerada como o berce dos cometas.

O Sistema Solar formouse hai uns 4 600 millóns de anos. a partir do colapso dunha nube molecular. O material residual orixinou un disco circunestelar protoplanetario no que tiveron lugar os procesos físicos que levaron á formación dos planetas. O Sistema Solar está situado no Brazo de Orión, a uns 28 000 anos luz do centro da galaxia.

Dos moitos obxectos que orbitan o Sol, a meirande parte da masa está contida dentro dos oito planetas. Os catro planetas interiores, Mercurio, Venus, Terra e Marte, están principalmente compostos de rochas e metal. Os catro exteriores son bastante máis grandes que os anteriores. Os maiores, Xúpiter e Saturno, están compostos principalmente de hidróxeno e helio; os dous restantes Urano e Neptuno, están formados en gran parte por xeo de auga, amoníaco e metano, e adoitan a ser chamados "xigantes de xeo".

O Sistema Solar tamén ten outras rexións habitadas por obxectos máis pequenos. O cinto de asteroides, que se atopa entre Marte e Xúpiter, é semellante aos planetas interiores, xa que está composta principalmente por rochas e metal. Máis aló da órbita de Neptuno atópanse o cinto de Kuiper e o disco disperso; onde habitan obxectos transneptunianos compostos principalmente por xeos de auga, metano e amoníaco. Entre eles, cinco obxectos individuais, Ceres, Plutón, Haumea, Makemake e Eris, recoñécese que son os suficientemente grandes como para ter sido redondeados pola súa propia gravidade, e polo tanto son chamados planetas ananos. Ademais dos milleiros de pequenos corpos, nesas dúas zonas existen cometas, centauros e po cósmico, que viaxan libremente entre as rexións.

Terra

A Terra ( pronunciación ) (do latín Terra, deidade romana equivalente a Gaia, deusa grega da feminidade e da fecundidade), tamén acostuma a chamarse Mundo ou Planeta Azul, é un planeta do Sistema Solar que xira sobre si mesmo e ao redor da súa estrela —o Sol— na terceira órbita máis interna. Así mesmo é o fogar de millóns de especies de seres vivos, incluíndo os seres humanos e actualmente é o único corpo astronómico onde se coñece a existencia de vida. É o máis denso e o quinto maior dos oito planetas do Sistema Solar. Tamén é o maior dos catro terrestres.

A Terra formouse hai aproximadamente 4 550 millóns de anos e a vida xurdiu uns mil millóns de anos despois. A atmosfera e outras condicións abióticas foron alteradas de forma significativa pola biosfera do planeta, favorecendo a proliferación de organismos aerobios, así como a formación dunha capa de ozono que xunto co campo magnético terrestre bloquean a radiación solar daniña, permitindo así a vida na Terra. As propiedades físicas da Terra, a historia xeolóxica e a súa órbita permitiron que a vida siga existindo. Estímase que o planeta seguirá sendo capaz de sustentar vida durante outros 500 millóns de anos, xa que segundo as previsións actuais, pasado ese tempo a crecente luminosidade do Sol terminará causando a extinción da biosfera.A superficie terrestre ou codia está dividida en varias placas tectónicas que se deslizan sobre o magma durante períodos de varios millóns de anos. A superficie está cuberta por continentes e illas, estes posúen varios lagos, ríos e outras fontes de auga, que, xunto cos océanos de auga salgada, representan cerca do 71% da superficie e constitúen a hidrosfera. Non se coñece ningún outro planeta con este equilibrio de auga líquida, que é indispensable para calquera tipo de vida coñecida. Os polos da Terra están cubertos na súa maioría de xeo sólido (Inlandsis da Antártida) ou de banquisas (casquete polar ártico). O interior do planeta é xeoloxicamente activo, cunha grosa capa de manto relativamente sólido, un núcleo externo líquido que xera un campo magnético, e un núcleo interior sólido composto aproximadamente dun 88% de ferro.A Terra interactúa con outros obxectos no espazo, especialmente o Sol e a Lúa. Na actualidade, a Terra completa unha órbita ao redor do Sol cada vez que realiza 366,26 xiros sobre o seu eixe, o cal é equivalente a 365,26 días solares ou a un ano sideral. O eixe de rotación da Terra atópase inclinado 23,4° con respecto á perpendicular do seu plano orbital, o que produce as variacións estacionais na superficie do planeta cun período dun ano tropical (365,24 días solares). A Terra posúe un único satélite natural, a Lúa, que comezou a orbitar a Terra hai 4 530 millóns de anos; esta produce as mareas, estabiliza a inclinación do eixe terrestre e reduce gradualmente a velocidade de rotación do planeta. Hai aproximadamente entre 3 800 a 4 100 millóns de anos, durante o chamado bombardeo intenso tardío, numerosos asteroides impactaron na Terra, causando significativos cambios na maior parte da súa superficie.

Tanto os recursos minerais do planeta como os produtos da biosfera proporcionan materias primas que se utilizan para soster á poboación humana mundial. Os seus habitantes están agrupados nuns 200 estados soberanos independentes, que interactúan a través da diplomacia, as viaxes, o comercio, e a acción militar. As culturas humanas desenvolveron moitas ideas sobre o planeta, incluída a personificación dunha deidade, a crenza nunha Terra plana ou na Terra como centro do universo, e unha perspectiva moderna do mundo como unha contorna integrada que require administración.

A súa distancia media ó Sol é considerada a unidade astronómica (UA), igual a 149 597 870,69 km. Adoita redondearse a 1,5x1011 m.

Trópico

Os trópicos son paralelos xeográficos que limitan a zona por onde o Sol pasa polo zénit. Representan a traxectoria aparente diúrna da proxección do Sol sobre a superficie terrestre nos solsticios.

Venus

Venus é o segundo planeta contando desde o Sol e ten algunhas características peculiares. Ten unha rotación retrógrada (a máis de lenta); é dicir, o Sol sae polo oeste. A súa atmosfera chega a ser extremadamente densa nas capas interiores, o que lle produce, xunto coa súa composición, un efecto invernadoiro moi forte, que mantén a súa superficie a uns 500 ºC. A súa atmosfera está constituída case exclusivamente por gas carbónico (dióxido de carbono, CO2).

Ó estar máis cerca do Sol que a Terra, Venus presenta fases tal como o fai a Lúa, se ben non chega a producirse nada máis que unha parte das que corresponden ó noso satélite, pois non pode poñerse de xeito máis afastado do Sol que o que está a Terra. Estas fases foron primeiro observadas por Galileo e foron utilizadas por el como un indicio de que os planetas xiran arredor do Sol.

É, a maior parte do tempo (despois da Lúa), o corpo celeste máis brillante no ceo ó anoitecer (ou pouco antes de anoitecer). O feito de que Venus só apareza neses momentos ten que ver co feito de estar máis cerca do Sol que a Terra, chegando a tomar unha altura máxima en relación ó Sol de menos de 45º.

Verán

O verán (normalmente pronunciado v'ran ou v'rao) ou estío é unha das catro estacións do ano das zonas temperadas. Astronomicamente, comeza co solsticio de verán (arredor do 21 de decembro no hemisferio sur e o 21 de xuño no hemisferio norte), e remata co equinoccio de outono (arredor do 21 de marzo no hemisferio sur e o 21 de setembro no hemisferio norte). Aínda que ás veces é considerado como os meses enteiros de decembro, xaneiro e febreiro no hemisferio sur e xuño, xullo e agosto no hemisferio norte.

Climaticamente, caracterízase por temperaturas máis elevadas, ó incidir o Sol durante máis tempo e máis perpendicularmente á superficie terrestre.

Xapón

O Xapón (en xaponés: 日本 Nihon ou Nippon; oficialmente 日本国, Nihon-koku Nippon-koku, literalmente: "Estado do Xapón") é un país insular situado no Extremo Oriente asiático. Circundado polo leste polo océano Pacífico e polo oeste polo mar do Xapón, ao oeste está a China, Corea do Norte, Corea do Sur e Rusia, estendéndose dende o mar de Okhotsk ao norte, até o mar da China Oriental e Taiwán ao sur. Os caracteres que compoñen o nome do Xapón significan 'sol orixe', polo que o país é chamado ás veces a "Terra do Sol Nacente".

O país nipón é un arquipélago estratovolcánico composto por 6 852 illas. As catro máis grandes e principais illas son Honshu, Hokkaido, Kyūshū e Shikoku, que en conxunto constitúen aproximadamente o 97% da superficie terrestre nacional. O Xapón é ademais o décimo país máis poboado do mundo, con máis de 127 millóns de habitantes. Na súa capital Toquio residen máis de 9 millóns de persoas, sendo a sexta cidade con maior poboación do mundo, e a súa área metropolitana é a concentración urbana máis grande do mundo con máis de 36 millóns de habitantes.Investigacións arqueolóxicas indican que as illas estaban habitadas xa no Paleolítico superior, aínda que non hai ningunha referencia escrita que fale do Xapón até o século I. A historia do Xapón caracterízase pola influencia doutras rexións, principalmente a China e posteriormente a Europa occidental. Dende o século XII até o ano 1868 o Xapón foi gobernado por sucesivas ditaduras militares feudais (shogunatos) en nome do emperador. Este longo período de illamento no que estaba somerxido non terminou até o ano 1853 cando unha frota dos Estados Unidos exerceu a presión para forzar a apertura do país a Occidente. Logo de case dúas décadas de conflito interno e insurrección, o emperador Meiji foi restituído como xefe de Estado en 1868. Este proclamou o Imperio do Xapón e converteuse no símbolo divino da nación. A finais do século XIX e comezos do XX, unha serie de vitorias na primeira guerra sino-xaponesa, na guerra ruso-xaponesa e na primeira guerra mundial permitiron ampliar o territorio do Imperio durante un período de crecente militarismo. A segunda guerra sino-xaponesa de 1937 espallouse ata formar parte da segunda guerra mundial no 1941, rematando no 1945 tralo bombardeo atómico de Hiroshima e Nagasaki. Dende a adopción da Constitución revisada de 1947, o Xapón mantén unha monarquía constitucional unitaria, cun emperador (Tennō) e un parlamento democrático chamado Kokkai, no sistema coñecido como Dieta do Xapón.

Xapón é membro das Nacións Unidas, do G7, do G8 e do G20, e está considerado unha das principais potencias mundiais. No 2015 era o terceiro país do mundo por PIB nominal e o cuarto por PIB de paridade de poder adquisitivo, así como o cuarto maior exportador e importador mundial. Aínda que o Xapón renunciou oficialmente ao seu dereito a declarar a guerra, mantén unha forza militar moderna usada para funcións de autodefensa e mantemento da paz, cuns dos maiores orzamentos mundiais. É un país desenvolvido cun alto nivel de vida e un Índice de Desenvolvemento Humano alto, coa maior esperanza de vida e a terceira menor mortalidade infantil do mundo, na primeira posición en canto a número de premiados co Nobel de Asia. É o primeiro país no Global Competitiveness Report de 2015-2016 e o primeiro país asiático no Índice Global de Paz. Foi tamén o primeiro país de Asia anfitrión duns Xogos Olímpicos de verán e inverno.

Obxectos hipotéticos

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.