Sociolingüística

A sociolingüística é unha rama da socioloxía e da lingüística que estuda a relación entre a lingua e a sociedade.

Conceptos

Hai tres termos importantes para a sociolingüística que poden ser facilmente confundidos entre si:

  • Variedade: - A variedade é o termo que corresponde, groso modo, ao termo dialecto. Así, por exemplo, as variedades do portugués setentrional son os dialectos do portugués falado no norte de Portugal. A variedade standard é o padrón lingüístico dunha comunidade. Sociolingüisticamente, é común atopar a variedade standard preto do centro de decisión e de poder dunha comunidade. Así, en Portugal, a variedade standard é a falada na rexión de Lisboa. Cada variedade lingüística ten unha gramática propia igualmente válida. Dentro de cada variedade hai tensións e grupos sociais con trazos propios. Dentro de cada variedade lingüística hai variación interna en función dos varios criterios: idade, sexo, escolaridade etc.
  • Variante - O termo variante utilízase nos estudos de sociolingüística para designar o iten lingüístico que é branco de mudanza. Así, no caso dunha variación fonética, a variante é o alófono. Representa, polo tanto, as formas posíbeis de realización.
  • Variábel - A variábel é o trazo, forma ou construción lingüística cuxa realización presenta variantes observadas polo investigador.

Ás veces establécese unha distinción entre a sociolingüística e a socioloxía da linguaxe, cuxo foco estaría no efecto da linguaxe na sociedade. A sociolingüística ten autonomía propia como para que non sexa moi preciso estabelecer esta diferenza xa que estamos a falar do estudo do mesmo feito social: a relación entre a lingua e a sociedade.

A sociolingüística sincrónica céntrase na estrutura sociolingüística e as variacións lingüísticas que dependen das situacións e actitudes dos falantes, mentres que a sociolingüística histórica ou diacrónica ocúpase do cambio lingüístico, a adquisición e difusión das linguas.

Historia

Aínda que o aspecto social da lingua teña chamado a atención desde cedo, pénsese no lingüista suízo Ferdinand de Saussure no inicio do século XX, foi talvez nos anos 1950 cando comezou a investigarse seriamente.

Pioneiros como Uriel Weinreich, Charles Ferguson e Joshua Fishman chamaron a atención sobre unha serie de fenómenos interesantes, tales como a diglosia e os efectos do contacto lingüístico.

Mais pódese dicir que a figura chave foi William Labov, quen nos anos 1960 realizou unha serie de investigacións sobre a variación lingüística, investigacións que revolucionaron a nosa comprensión de como os falantes utilizan a súa lingua e que acabaron por resolver o paradoxo de Saussure.

Sociolingüística galega

Canto á sociolingüística galega, podemos mencionar algúns investigadores e obras relevantes como:

Historia da lingua galega. Ramón Mariño Paz. Sotelo Blanco
Historia da lingua galega.
  • Xesús Alonso Montero: Informe -dramático- sobre la lengua gallega (1973)
  • Francisco Rodríguez Sánchez: Conflito lingüístico e ideoloxía en Galicia (1976)
  • Xesús Ferro Ruibal: A igrexa e a lingua galega (1987)
  • Pilar García Negro: O galego e as leis (1991)
  • Manuel Portas Fernández: Língua e sociedade na Galiza (1991)
  • Xosé Rubal Rodríguez:
    • A Lingua do Alumnado e Profesorado nas Franxas Occidentais de Asturias, León e Zamora (1992), conxuntamente con Daniel Veiga Martínez e Neves Arza Arza.
    • O galego no ensino público non universitario (1997), conxuntamente con Modesto Aníbal Rodríguez Neira
  • Xosé Ramón Freixeiro Mato: Lingua galega: normalidade e conflito (1997)
  • Ramón Mariño Paz: Historia da lingua galega (1998)
  • Henrique Monteagudo:
    • Estudios de Sociolingüística Galega sobre a Norma do Galego Culto (1995)
    • Historia social da lingua galega (1999)
  • Gabriel Rei-Doval:
    • Publicidade e lingua galega (1995), conxuntamente con Fernando F. Ramallo
    • A lingua galega na cidade no século XX (2007)

Véxase tamén

Bibliografía

  • The Language War, Robin Tolmach Lakoff, University of California Press, Berkeley, California, 2000, hardcover, 322 pages, ISBN 0-520-21666-0

Outros artigos

Ligazóns externas

Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega é un organismo oficial independente con personalidade xurídica propia destinado a dinamizar a lingua e a cultura de Galicia na sociedade e asesorar os poderes públicos de Galicia. É un organismo estatutario, previsto no artigo 32 do Estatuto, foi creado o 8 de xullo de 1983. Ten a súa sede no Pazo de Raxoi, en Santiago de Compostela.

A súa presidenta é Rosario Álvarez, ademais o Consello componse de representantes de entidades e personalidades sobranceiras dos diversos campos da cultura galega. Xestiona os seguintes arquivos: Arquivo sonoro de Galicia, Centro de documentación sociolingüística de Galicia, Arquivo da emigración galega e Arquivo de comunicación.

Continuo dialectal

Un continuo dialectal (ou continuum xeolectal ou complexo dialectal) é un conxunto de variedades lingüísticas faladas en terras fronteirizas, con diferenzas lixeiras nas zonas contiguas e con intelixibilidade mutua que mingua ao afastárense, chegando a desaparecer. Deste xeito dúas linguas aceptadas como diferentes poden ter entre si un conxunto de dialectos intermedios sen perderse en ningún caso a intelixibilidade sucesiva. Un continuo dialectal pode desaparecer ao fragmentarse pola extinción dialectal consecuencia do reforzamento dunha ou varias lingua estándar.

Dialecto

Un dialecto é a modalidade que presenta unha lingua determinada nun territorio ou grupo social concreto.

Débese distinguir dialecto de sociolecto (o sociolecto é unha variante da lingua falada por un determinado estrato social), do de lingua padrón, da xiria ou xerga e do argot.

O dialecto de prestixio ou dialecto estándar é o que se emprega nas situacións formais, e polo tanto, úsase como idioma oficial e é o que se ensina en ámbitos educativos. Adoita basearse nun texto de prestixio aceptado por toda a comunidade, como é o caso da tradución da Biblia de Lutero para o alemán.

En contraposición a este podemos amentar o dialecto vernáculo. Segundo a pegada da vida pública na vida privada nunha sociedade este dialecto vernáculo será máis próximo ou afastado ao dialecto padrón. Nos países árabes, polo xeral, o dialecto padrón non é falado por case ninguén no ambiente doméstico, así a todo, en moitos países nórdicos, cunha cultura urbana importante, o vernáculo e o padrón son case idénticos.

Variantes como os idiolectos e sociolectos, poden distinguirse non só polo seu vocabulario, senón tamén por diferenzas gramaticais, fonolóxicas e prosódicas.

Non existen criterios universalmente aceptados para distinguir os idiomas dos dialectos, aínda que existen varios paradigmas que presentan en ocasións resultados contraditorios. A diferenza exacta é xa que logo subxectiva, dependendo do marco contextual do usuario.

As variedades da linguaxe son frecuentemente denominadas dialectos, en lugar de linguaxes

porque non son (ou porque non están recoñecidos como) linguaxes literarias.

porque os falantes non teñen un estado ou nación propios.

porque a súa linguaxe carece de prestixio ou recoñecemento.

porque non hai suficientes diferenzas gramaticais con respecto doutro idioma dominante.

porque as diferenzas son exclusivamente fonéticas ou de vocabulario.Lingüistas antropolóxicos definen o dialecto como a forma específica dunha lingua usada por unha comunidade. Noutras palabras, a diferenza entre lingua e dialecto é a diferenza entre o abstracto ou xeral e o concreto ou particular. Dende esta perspectiva, ninguén fala unha "lingua", senón un dialecto da mesma. Quen identifica un dialecto en particular como a versión "padrón" ou "correcta" dunha lingua está, de feito, usando estes termos para expresar unha distinción social. A miúdo, a lingua padrón é máis próxima ao sociolecto das clases altas.

En grupos onde os estándares xogan papeis menos importantes, o "dialecto" pode ser referido simplemente a sutís variacións rexionais que son consideradas mutuamente intelixibles (dende as variantes de barrios ou distritos nunha cidade, a vilas, cidades ou provincias nun país).

A lingüística moderna considera que o estado da lingua non está soamente determinado por criterios lingüísticos, senón que tamén é o resultado dun desenvolvemento histórico e político. O romanche foi recoñecido como lingua ao desenvolver a súa propia escrita, malia ser moi próximo aos dialectos alpinos do lombardo. Un caso contrario é o do chinés, cuxas variantes son xeralmente consideradas dialectos e non linguaxes, malia que os falantes non poidan entenderse entre eles, porque comparten unha escrita común.

Diglosia

Diglosia (que provén do grego δίγλωσσος, "de dúas linguas") é a distribución dunha ou máis variedades lingüísticas que, dentro dunha comunidade (linguas en contacto), por mor dunha desigual repartición de usos, cumpren unhas funcións distintas e empréganse en situacións e contextos diferentes.

Insulto

Un insulto é unha palabra que se utiliza polo emisor coa intención de magoar ou ofender a outro individuo como tal. Que constitúe ou non un insulto é difícil de determinar con precisión, xa que se acha suxeito a convencionalismos sociais e culturais. Antropoloxicamente, que constitúe ou non un insulto soamente pode ser definido no nivel émico das ciencias sociais. Tamén, dentro da pragmática, e concretamente da teoría dos actos de fala, pode exporse que constitúe ou non un insulto.

Xeralmente o insulto é unha práctica social desaprobada e rexeitada. Con frecuencia o insulto refírese á sexualidade, aos proxenitores, aparencia, discapacidades físicas ou ás capacidades mentais da persoa a quen se dirixe o insulto; en resumo, calquera cousa que poida ofender ou molestar a aquel ao que vai dirixido.

Lingua caxubia

O caxubio é unha lingua da familia eslava falada polo pobo caxubio ó norte da República de Polonia, na costa do Mar Báltico. A súa proximidade lingüística co polaco fai que haxa moita xente que a considere coma un dialecto do polaco (lingua lequítica), aínda que en realidade forma parte dun subgrupo eslavónico diferente, dentro do cal se emparenta co polabio e o eslovinciano. Estruturalmente, ten unha gran cantidade de arcaísmos e empréstimos xermánicos cando se compara coas linguas eslavas veciñas.

Lingua estándar

Unha lingua estándar (tamén estándar lingüístico) é unha elaboración artificial e planificada a partir do diasistema dunha lingua, co obxecto de obter un modelo de lingua unitario para o ensino, os usos oficiais e os usos escritos e formais, que á súa vez permita cohesionar política e socialmente o territorio onde é oficial. Outro termo sinónimo de lingua estándar é variedade estándar.

O proceso de estandarización está incluído na parte da política lingüística relativa á modelación formal dunha lingua, á adscrición dun status xurídico e administrativo, e ao fomento da súa adquisición, coñecido en sociolingüística como planificación lingüística.

Lingua materna

Unha lingua materna, tamén chamada lingua nativa ou primeira lingua, é a primeira lingua que aprende unha persoa dende o seu nacemento e que xeralmente corresponde ó grupo étnico-lingüístico co que o individuo se identifica culturalmente. En certos casos, cando a persoa é educada por pais (ou outras pessoas) que falan linguas diferentes, é posíbel adquirir o dominio de dúas linguas ó mesmo tempo, cada unha delas podendo ser considerada lingua materna, creándose entón unha situación de bilingüismo.A expresión lingua materna provén do costume pola que as nais eran as únicas que educaban os nenos na primeira infancia, facendo que a lingua da nai sexa a primeira en ser asimilada polo neno, condicionando o seu aparello fonador ó sistema lingüístico. A adquisición da lingua materna ocorre en varias fases. Inicialmente, o neno rexista literalmente os fonemas e as entoacións da lingua, sen aínda ser quen de os reproducir. Despois, comeza a producir sons e entoacións até que o seu aparello fonador lle permita articular palabras e organiza frases, asimilando o léxico. A sintaxe e a gramática son integradas pouco a pouco dentro deste proceso de aprendizaxe.O Día Internacional da Lingua Materna conmemórase internacionalmene o 21 de febreiro.

Lingua minoritaria

O concepto de lingua minoritaria é un termo da sociolingüística tradicional para referirse a linguas que presentaban distintos graos de precariedade.

Lingua árabe

O árabe (العربية al-'arabiyyah, ou menos formalmente 'arabi), tamén chamado arábigo ou arábico, é a lingua máis falada dentro da rama semítica das linguas afroasiáticas, e está intimamente relacionada co hebreo e o arameo. Fálase ó longo do mundo árabe e é moi coñecida e estudada dentro do mundo islámico. O árabe leva sendo unha lingua literaria dende, polo menos, o sexto século, e é a lingua litúrxica do islam.

O termo "árabe" pode referirse tanto ó árabe literario, que non é falado como lingua materna por ningún árabe, como ó árabe moderno estándar, ou ás diferentes variedades do árabe, xeralmente chamadas "árabe coloquial". Os árabes consideran o árabe literario a lingua estándar, e adoitan ver o resto como simples dialectos.

O árabe literario refírese tanto á lingua utilizada polos medios de comunicación do Magreb e os do Oriente Medio, como á lingua, máis arcarca, do Corán. O árabe coloquial, pola súa banda, refírese ós diferentes dialectos falados polos habitantes das zonas arriba referidas de forma habitual. En moitas ocasións, son diferentes entre os distintos lugares de tal forma que o falante dun concreto dialecto do árabe pode non comprender outro dialecto. Xeralmente, estes dialectos non son linguas literarias, pero nalgúns hai algunhas pequenas mostras de literatura.

A situación sociolingüística actual do árabe é un claro exemplo de diglosia (o uso normal de dúas diferentes variedades da mesma lingua, dependendo da situación na que a persoa se atope). Todo árabe culto adoita falar tanto o seu dialecto local como o árabe estándar, que aprendeu na escola. Este último adoita ser utilizado en situacións de comunicación con falantes doutros dialectos arábigos (por exemplo, un marroquí a falar cun sirio).

Xa que o árabe escrito de hoxe en día é substancialmente diferente do árabe dos tempos do Corán, é normal (nos países occidentais) referirse a esta última coma árabe clásico e á lingua actual dos medios de comunicación como árabe moderno estándar. Os árabes, pola contra, utilizan o termo Fuṣḥa para referirse a ámbalas dúas, poñendo énfase no seu grande parecido.

Ás veces, é difícil traducir conceptos islámicos, e outros relacionados coa cultura árabe, sen utilizar a terminoloxía árabe. o Corán está expresado en árabe e, tradicionalmente, os musulmáns sosteñen que é imposible traducilo a ninguna lingua dunha forma que todo o seu significado se manteña. De feito, ata hai pouco tempo, moitas escolas de pensamento afirmaron que non se debería traducir de ningunha forma.

O galego posúe gran cantidade de palabras derivadas do árabe: azucre, laranxa, limón, álxebra, alcol, cénit etc.

Linguas crioulas

Unha lingua crioula, chamada tamén creol ou patois, é unha lingua nada habitualmente nunha comunidade de xentes con orixes diversas que non comparten previamente ningunha lingua, que teñen necesidade de comunicarse, e que se ven forzados a valerse dun idioma que non é o de ningún deles. O resultado é unha lingua que toma o léxico (normalmente moi deformado) da lingua imposta e que así a todo ten unha sintaxe que se parece máis á doutras linguas crioulas que á da lingua "nai".

O exemplo típico é o dos obreiros (ou escravos) levados ás plantacións do Caribe dende diferentes partes do mundo que se viron obrigados a utilizar a lingua da potencia colonial (o inglés, o castelán) para comunicarse.

Linguaxe

A linguaxe é a capacidade do ser humano para se comunicar mediante un sistema de signos ou lingua. Non se debe confundir con lingua ou idioma, que é a representación concreta desta capacidade, manifestada na existencia das linguas naturais. Ás veces o termo esténdese ás linguaxes que os humanos usan para comunicarse, ademais da linguaxe falada, como a lingua de sinais. Utilízase tamén linguaxe na matemática e na informática para designar as linguaxes formais ou artificiais, incluíndo as linguaxes de programación).

Da linguaxe humana ocúpase a ciencia denominada lingüística. A linguaxe é tamén o obxecto de estudo de numerosas disciplinas, como a psicolingüística, a sociolingüística ou a filoloxía.

Lingüística

A lingüística é o estudo científico tanto da estrutura das linguas naturais como do coñecemento que os falantes posúen delas.

O eido da lingüística pode dividirse, na práctica, en termos de tres dicotomías: lingüística sincrónica versus lingüística diacrónica, lingüística teórica versus lingüística aplicada, microlingüística versus macrolingüística. Unha descrición sincrónica dunha lingua describe a lingua tal e como é nun determinado intre; unha descrición diacrónica ocúpase do desenvolvemento histórico desa lingua e dos cambios estruturais que tiveron lugar nela. Aínda que nos seus inicios científicos da lingüística do século XIX interesouse ante todo no cambio lingüístico e a evolución das linguas ao longo do tempo, o enfoque moderno céntrase en explicar como funcionan as linguas nun punto dado no tempo e como os falantes son capaces de entendelas e procesalas mentalmente.

O obxectivo da lingüística teórica é a construción dunha teoría xeral da estrutura da lingua ou dun sistema teórico xeneral para a descrición das linguas; o obxectivo da lingüística aplicada é a aplicación dos descubrimentos e técnicas do estudo científico da lingua a unha variedade de tarefas básicas como a elaboración de métodos mellorados de ensino de idiomas.

Os termos microlingüística e macrolingüística aínda non están ben establecidos. O primeiro refírese a un máis estreito e o segundo a un máis amplo punto de vista no eido da lingüística. Dende o punto de vista microlingüístico, as linguas deben analizarse por proveito propio e sen referencia á súa función social, nin ao xeito no que son adquiridas polos cativos, nin aos mecanismos psicolóxicos que subxacen á produción e á recepción do fala, nin á función estética ou comunicativa da linguaxe etc. En contraste, a macrolinguística abrangue todos estes aspectos da lingua. Varias áreas da macrolingüística tiveron un recoñecemento terminolóxico por exemplo a psicolingüística, a sociolingüística, a lingüística antropolóxica, a dialectoloxía, a lingüística matemática, a lingüística computacional e maila estilística.

Monolingüismo

O monolingüismo é un feito sociolingüístico, psicolóxico e cognitivo asociado ao feito de falar só un idioma. É o oposto do bilingüismo e do multilingüismo.

Os habitantes de Estados Unidos, de Alemaña ou Xapón son vistos a miúdo como monolingües. As persoas cuxa lingua materna está moi estendida no mundo, é culturalmente influente ou útil economicamente teñen unha gran probabilidade de ser monolingües.

Multilingüismo

O multilingüismo ou plurilingüismo fai referencia ao uso de dúas (bilingüismo) ou máis linguas por parte dun individuo ou dunha comunidade de falantes. A nivel mundial, os individuos multilingües ou políglotas reboran o número de monolingües.

Valenciano

O valenciano (valencià) é a denominación histórica, tradicional e estatutaria usada no País Valenciano e de xeito extraoficial na comarca murciana do Carche para referirse á mesma lingua que se denomina catalán en Cataluña, as Illas Baleares, a Franxa de Aragón, Andorra, a Cataluña Norte e a cidade sarda de L'Alguer. Constitúe, por outra banda, unha entidade lingüística propia, denominada moitas veces xa desde a Idade Media lingua valenciana, sen prexuízo de constituír unha das principais variantes dialectais do idioma catalán, canda o catalán central e o catalán balear.

O País Valenciano conta coa Academia Valenciana da Lingua (AVL) como entidade oficial encargada de elaborar a normativa lingüística da lingua dende a propia modalidade valenciana, canda o Institut d'Estudis Catalans (IEC). Este órgano foi creado pola Generalitat Valenciana en 1998 co consenso maioritario das Cortes Valencianas.

O valenciano, dialectoloxicamente falando, non se pode considerar un dialecto encadrado no marco político-administrativo do País Valenciano. O feito de que os dialectos da lingua catalá formen un continuum lingüístico fai que moitos dos trazos valencianos cheguen alén das Terras do Ebro catalás e aragonesas catalá-parlantes, así e todo, chegando ao Baix Camp e ao Baix Cinca, pódense incluír as falas desta zona dentro do valenciano.

Variedade lingüística

Unha variedade ou variante lingüística é unha forma neutral de referirse ás diferenzas lingüísticas entre os falantes dun mesmo idioma.

Co uso do termo variedade preténdese evitar a ambigüidade e falta de univocidade de termos como lingua ou dialecto, xa que non existen criterios unívocos para decidir cando dúas variedades deben ser consideradas como a mesma lingua ou dialecto, ou como linguas ou dialectos diferentes.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.