Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra

A Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra [1] foi unha asociación de distintas personalidades da arte e cultura pontevedresa fundada o 15 de agosto de 1894 cos obxectivos de estudar as ciencias arqueolóxicas e adquirir e conservar tódolos obxectos de mérito no relativo á arte e historia da cidade de Pontevedra.

Entre estes obxectos de mérito incluían debuxos, gravados, esculturas, escudos, epigrafía, moedas, elementos arquitectónicos etc., así como música e poesía popular. Por medio de compras ou donativos acumulou unha completísima colección de libros e obxectos de arte de todo tipo. Loitou pola recuperación e restauración de diversos monumentos, destacando as ruínas de San Domingos, que salvou do derrubamento definitivo que aprobara a corporación municipal en 1874 e 1880. Polo contrario, os intentos para conservar a Capela da Virxe do Camiño foron infrutuosos.

Precedente inmediato da constitución da Sociedade Arqueolóxica foi a xuntanza que se celebrou nas propias ruínas de San Domingos o 16 de setembro de 1889 [2], baixo a convocatoria do poeta Roxelio Lois Estévez, daquela director de O Galiciano, Manuel de la Fuente e o médico Xosé Casal Lois, estes dous delegados da Comisión Provincial de Monumentos. Esta xuntanza converteuse nunha especie de ocupación das ruínas como sede da Sociedade.

San Domingos, F. Zagala
Momento da visita da Infanta Isabel de Borbón, La Chata, ás ruínas de San Domingos, Pontevedra, en 1906.

Compoñentes destacados

Pontevedra, Ruinas Santo Domingo 03-53
Placa na honra de Casto Sampedro, nas Ruínas de San Domingos

A constitución da Arqueolóxica foi obra de Casto Sampedro, folclorista e investigador pontevedrés, que soubo agrupar e orientar a artistas e investigadores de sona, preocupados pola conservación da historia de Pontevedra. Presidida polo propio Sampedro, contou con colaboradores importantes como Carmelo Castiñeira Antelo (membro do movemento rexionalista La Patria Gallega) e Xosé Casal Lois (morto en 1912) (médico, etnógrafo e bibliófilo, que colectou un amplo cancioneiro).

Outro dos membros fundadores foi o médico Luís Sobrino Rivas (morto en 1907), pai de Carlos Sobrino. Foi el quen propiciou a colaboración coa Arqueolóxica do propio Carlos Sobrino e mais dos irmáns Enrique e Fernando Campo.

Tamén debe citarse a Enrique López de la Ballina e Heliodoro Fernández Gastañaduy, poeta e autor teatral, así como a José Millán, Juan Novás Guillán e Víctor Said Armesto (morto en 1914) (que destacou na recollida de textos literarios e musicais).

Debuxo de Henrique Campo da Pedra do Labirinto de Marin
O Labirinto de Mogor, un dos debuxos de Enrique Campo

Unha importante sección da Sociedade foi a constituída polos debuxantes que plasmaron graficamente boa parte dos edificios notables de Pontevedra e os seus elementos característicos. Entre eles deben citarse a Federico Alcoverro, Celso García de la Riega (que tamén fixo unha recollida de relatos tradicionais), Alfredo Souto Cuero e, quizais o máis destacado, Enrique Campo Sobrino, socio desde 1906, cando só contaba con 16 anos; Campos realizou máis de 500 debuxos para a Sociedade. Igualmente, dentro deste grupo cómpre citar os fotógrafos Francisco Zagala, Sáez-Mon e Lorenzo Novás.

A Sociedade Arqueolóxica mantivo unha nutrida rede de correspondentes e informadores noutras localidades galegas, especialmente na provincia de Pontevedra pero tamén en Santiago, entre os que se encontraba o mesmo Antonio López Ferreiro, e mesmo fóra de Galicia.

A partir de 1921, cando xa a Sociedade entrara en franco declive, Filgueira e Castelao, representando ó Centro de Estudios Históricos e o Club Karepas (de Sánchez Cantón, Losada Diéguez, Iglesias Vilarelle, Pintos Villar etc.) ofrécense a Sampedro para revitalizar a Sociedade. Aínda con reticencias, Sampedro aceptou esta colaboración, que tivo como froito a participación de Castelao como debuxante da Sociedade, a compilación do Corpus Petroglyphorum Gallaeciae de Ramón Sobrino (publicado en 1935) e, sobre todo, a constitución do Museo de Pontevedra en 1927.

Obras da Sociedade Arqueolóxica

A Sociedade publicou distintos traballos, entre os que destacaron os dedicados á música popular e ó léxico. A seguir, unha relación non exhaustiva de publicacións:

  • Colección de música popular gallega. Parte dunha base recollida por Casto Sampedro, que en actas de 1895 se describe como riquísima y pendiente de ordenación, completada posteriormente con achegas de Said Armesto, Arana, Osorio-Tafall e Luis María Fernández Espinosa. Gañou o premio da Real Academia de Belas Artes en 1909, e foi publicado polo Museo de Pontevedra en 1942 baixo o título de Cancionero musical de Galicia. Foi reeditado pola Fundación Pedro Barrié de la Maza [1].
  • Leyendas populares de Galicia, recollidas por Luis García de la Riega. Non se conserva o texto pero sábese da súa existencia por estar recollido nas Actas.
  • La leyenda de Don Juan, de Said Armesto.
Mosteiro 1 Feira Labrega canteiro 01
O verbo dos arxinas é a xerga gremial dos canteiros de Pontevedra
  • Diccionario de la jerga de los canteros, comezado por Xosé Casal Lois e López de la Ballina pero que quedou nas enquisas preparatorias. Anos despois foi rematado e publicado por Alfredo García Alén.
  • Corrección y aumento del Diccionario Gallego e Jurisconsultos y Derecho en Galicia, dous traballos apenas encetados por Carmelo Castiñeira.
  • Colección de letras de cantares gallegos, de Xosé Casal e publicado moitos anos despois polo Museo de Pontevedra.

A que sería a obra senlleira da Sociedade (Obra cume da erudición pontevedresa, segundo a cualificou Filgueira) foi a Colección de Documentos para a Historia de Pontevedra. Publicouse en tres volumes, o primeiro en forma de separata do xornal La Opinión a partir de marzo de 1896. Os outros dous tomos, escritos persoalmente por Casto Campedro, publicáronse baixo o título de Documentos, inscripciones, monumentos, extractos de manuscritos, tradiciones, noticias etc. para la historia de Pontevedra, o segundo en 1899 e o terceiro en 1904. Este terceiro volume, co subtítulo de Volume II relativo a la Cofradía del Corpo Santo y Gremio de Mareantes, é un denso estudo de Casto Sampedro sobre as Ordenanzas e 1577 e a historia do gremio de mareantes de Pontevedra. Houbo un cuarto tomo, constituído por un vocabulario das devanditas Ordenanzas, que estaba rematado para remitir ó prelo en 1930 pero que desapareceu.

A maiores, a Sociedade organizou excursións sistemáticas, chamadas Xeiras, para coñecer e investigar lugares e monumentos sobre os que os membros da Sociedade recolleron abundante información, datos, debuxos e fotografías. A modo de exemplo:

Mosteiro de Carboeiro, lado sur
Mosteiro de Carboeiro

Outras tarefas da Sociedade foron a organización de escavacións en Mourente, Tomeza, Salcedo (tres parroquias do concello de Pontevedra), Vistalegre (Vilagarcía) e Toiriz (Vila de Cruces), entre 1895 e 1898.

Igualmente, organizou unha exposición arqueolóxica en 1895, nos salóns da nova Casa do Concello; outra en 1896 na Deputación provincial, e unha terceira, en 1910, no Liceo Gimnasio. Como xa se mencionou, colaborou con abundante material á Exposición Rexional de 1909.

Desaparición

Museo de Pontevedra
O Museo de Pontevedra, herdeiro da Sociedade Arqueolóxica

A morte dos membros fundadores e doutros colaboradores da Sociedade foi reducindo a súa actividade ata o punto de quedar case só o presidente Sampedro. Filgueira exprésao así: "a entidade chegou a converterse nunha sorte de pseudónimo seu", e conta como Sampedro libraba de libros as cadeiras do seu despacho para celebrar xuntanzas da Sociedade ás que non asistía ninguén. Os fondos que reunira ó longo dos anos foron cedidos ó Museo de Pontevedra en 1927 e disolveuse formalmente en 1938.

Notas

  1. Nos Estatutos da asociación, publicacións e no propio cuño, Sociedad Arqueológica de Pontevedra, en castelán.
  2. No libro editado polo Museo de Pontevedra, Os debuxantes da Sociedad Arqueológica de Pontevedra, Filgueira Valverde dá a data do 16 de setembro de 1886 (px. 10). Pero máis adiante, as autoras do capítulo dedicado á Sociedade, dan a data de 1889 (px. 31).

Véxase tamén

Bibliografía

  • Catálogo da exposición Os debuxantes da Sociedad Arqueológica de Pontevedra, Museo de Pontevedra 1995.
  • Filgueira Valverde: "Sociedad Arqueológica de Pontevedra", en Gran Enciclopedia Galega.
Arturo Vázquez Núñez

Arturo Vázquez Núñez, nado en Ourense o 15 de novembro de 1852 e finado na mesma cidade o 2 de marzo de 1907, foi un polígrafo ourensán especialista en Historia e Arqueoloxía.

Baldaquino

Chámase baldaquino ou ciborio a unha construción relixiosa de pequeno tamaño destinada a protexer un altar, formada basicamente por catro columnas que sosteñen un elemento de cubrición, habitualmente unha cúpula ou un dosel. Os catro arcos ou linteis que pechan os laterais do baldaquino adoitan estar decorados por relevos, inscricións, escudos ou outros elementos decorativos. Esta estrutura básica pode estar modificada por diversas variantes, segundo a época, o estilo ou o material de construción.

O nome procede de baldacchino, tea procedente de Baldac, nome da cidade de Bagdad durante a Idade Media, porque de alí proviñan os tapices cos que se confeccionaban as cortinaxes coas que se pechaban lateralmente. O nome de ciborio vénlle do latín ciborium, en alusión á forma de copa invertida.

Por similitude, denomínanse tamén baldaquinos os doseis de tea que cobren ou protexen tronos reais, camas etc. No escudo de Serbia ou o nos Países Baixos poden verse exemplos deste uso.

Camiño Portugués

Baixo a denominación de Camiño Portugués agrúpanse distintas vías do Camiño de Santiago que, con orixe en Portugal, van cara a Santiago de Compostela. Tradicionalmente, descríbense dúas rutas principais que ascenden desde o sur de Portugal, unha pola costa desde Lagos a Lisboa, Coímbra e Tui; e outra polo interior desde Faro a Évora, Chaves e Verín. Estas dúas rutas principais presentan numerosas variantes locais e comunicacións entre unha e outra formando unha rede de Camiños interconectados cara ao norte. En consecuencia, o acceso a Galicia faise por Valença do Minho a Tui ou por Braga a Ourense, sendo a primeira alternativa a máis utilizada, con diferenza, e a que, xa en Galicia, recibe oficialmente o nome de Camiño Portugués. Mesmo existe unha terceira variante que entra por Caminha á Guarda e ascende pola costa de Pontevedra, que recibe o nome de Camiño Monacal en referencia ó mosteiro de Oia, por onde pasa.

A Asociación de Amigos do Camiño Portugués comezou a sinalizar e cartografar o Camiño Portugués en 1993, desde Tui. Membros desta asociación cifraban en 500 peregrinos anuais os que seguían esta ruta nos seus inicios, experimentando desde hai anos un crecemento progresivo ata alcanzar os 52.000 do ano 2016, o que o converteu na segunda ruta Xacobea en importancia, aínda que a gran distancia do Camiño Francés. Segundo a Oficina do Peregrino, nos últimos anos accederon a Santiago polo Camiño Portugués un número crecente de peregrinos: 35.494 en 2014 (un 14,92% do total de peregrinos por tódolos camiños), 43.158 en 2015 e 52.190 en 2016., fronte ós 176.329 que chegaron polo Camiño Francés en 2016 (o 63,38% do total). Canto á nacionalidade dos peregrinos, os portugueses representan ó redor do 5% e manteñen ano tras ano un cuarto posto, por detrás de españois (ó redor do 50%), alemáns (8%) e italianos (6,5%).

Para mellorar e aumentar o atractivo desta ruta, a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e mais os doce concellos polos que transcorre o Camiño acordaron en 2014 crear unha mesa de seguimento para analizar os problemas detectados, afrontar labores de mantemento e deseñar medidas para potencialo. En setembro dese mesmo ano comezaron os traballos de limpeza e sinalización, cun orzamento dun millón de euros.

Carmelo Castiñeira Antelo

Carmelo Castiñeira Antelo, nado en Pontevedra en 1867 e finado na mesma vila o 26 de novembro de 1899, foi un avogado e xornalista galego.

Enrique Campo

Enrique Campo Sobrino, nado en Pontevedra o 21 de setembro de 1890 e finado prematuramente na mesma cidade, o 2 de xuño de 1911, foi un pintor e debuxante que destacou polos seus traballos para a Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra.

Federico Alcoverro López

Federico Alcoverro López, nado en Madrid e finado en Chinchón (Madrid) en 1916, foi un debuxante que vivíu e traballou en Pontevedra nos primeiros anos do século XX.

Federico Maciñeira

Federico Guillermo Maciñeira Pardo de Lama, nado no Barqueiro (Mañón) o 3 de setembro de 1870 e falecido en Ortigueira o 25 de xaneiro de 1943, foi un arqueólogo e político galego.

Francisco Zagala

Francisco Zagala Pérez, nado en Verín en 1842 e finado en 1908, foi un fotógrafo madrileño que pasou toda a súa carreira en Galicia.

Lorenzo Novás

Lorenzo Novás Rarís, nado en 1880 e finado en Pontevedra en agosto de 1946, foi un fotógrafo galego.

Luís Pintos Fonseca

Luís Pintos Fonseca, nado en Pontevedra o 26 de xaneiro de 1906 e finado na mesma cidade o 25 de xullo de 1959, foi un pintor e gravador galego.

Luís Sobrino Rivas

Luís Sobrino Rivas, nado en Pontevedra e finado na mesma cidade o 7 de xuño de 1907, foi un médico galego.

Manuel Amor Meilán

Manuel Pascual Amor Meilán, nado na Coruña o 31 de xaneiro de 1867 e finado en Lugo o 9 de decembro de 1933, foi un antropólogo, periodista, poeta, novelista, dramaturgo e historiador galego.

Ruínas de San Domingos

As ruínas de San Domingos constitúen un dos seis edificios que forman o complexo do Museo Provincial de Pontevedra. Corresponde cos restos que permanecen en pé da igrexa gótica do que no seu día foi o convento de San Domingos.

Hoxe consérvase só a cabeceira porticada, con cinco capelas correspondentes ó brazo transversal do cruceiro, mentres que a entrada ó recinto faise polo extremo oposto do cruceiro.

A Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra iniciou en 1889 as xestións para a súa recuperación e declaración como Monumento Nacional, e utilizou as ruínas como sede da institución. Co tempo, a Sociedade cedeu as instalacións ó Museo de Pontevedra, en 1938, e este converteu este espazo na súa Sección lapidar (arqueolóxica) e dedicouno á exposición permanente de sepulcros de persoeiros históricos pontevedreses, laudas gremiais e escudos heráldicos procedentes de enterramentos na propia igrexa e de casas nobres da cidade e da provincia.

Saxamonde, Redondela

San Román de Saxamonde é unha parroquia que se localiza no concello de Redondela. Segundo o padrón municipal de 2014 tiña 778 habitantes (365 homes e 413 mulleres), distribuídos en 4 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 808 habitantes.

Vilalonga, Sanxenxo

San Pedro de Vilalonga é unha parroquia que se localiza no concello de Sanxenxo. Segundo o IGE, en 2016 tiña 2.261 habitantes (1.140 mulleres e 1.121 homes), o que representa un leve descenso respecto ó ano 2011, cando tiña 2.312 habitantes, e ó ano 2000, cando tiña 2.287.

Na división territorial eclesiástica, a parroquia de San Pedro de Vilalonga comprende tamén a extinguida parroquia de San Tomé de Gondar.

Limita ó norte coa ría de Arousa, ó sueste coa parroquia de Gondar, e ó suroeste coa de Noalla. A superficie da parroquia é de 5,4 km 2 (incluíndo Gondar), distribuídos en 19 entidades de poboación.

Xosé Casal Lois

Xosé Casal Lois, nado en Pontevedra en 1845 e finado na mesma cidade o 15 de abril de 1912, foi un escritor e investigador galego.

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.