Sinfonía

Unha sinfonía é unha forma musical instrumental escrita para orquestra, composta de varios movementos. Moitas sinfonías son obras tonais en catro movementos, que adoitan presentar a seguinte estrutura:

  1. Allegro inicial. Forma sonata.
  2. Movemento lento. Forma lied ternario (ABA) ou tema con variacións.
  3. Minueto con trío. Beethoven pasou a denominalo scherzo.
  4. Rondó final (ABACAD).
Ninth Symphony original
Páxina do manuscrito orixinal da Novena Sinfonía de Beethoven.

Etimoloxía

O termo sinfonía vén do grego antigo συμφωνία (symphōnia), termo derivado de σύμφωνος (symphōnos, “soar xuntos, harmonioso”), resultado da unión de σύν (syn, “con”) e φωνή (phōnē, “son”). Unha sinfonía é unha composición musical que consta de varios movementos, composta para ser executada por unha orquestra.[1]

Características

A sinfonía parte da abertura barroca, unha vez que esta se vai desligando da obra que introducía [2]. Será no século XVIII cando defina a súa forma clásica grazas a autores italianos coma Sammartini, aos músicos de Mannhein e, finalmente, a autores coma Haydn ou Mozart.

Pese a ser unha obra instrumental, fóronselle incorporando solistas vogais, caso da Novena de Beethoven, a Sinfonía Lobgesang de Felix Mendelssohn ou varias sinfonías de Mahler.

Segue a ser un xénero que traballan os compositores actuais, coma Penderecki pero a estrutura que adopta non é necesariamente a clásica e o termo "sinfonía" refire unha obra orquestral sen máis.

Historia

Renacemento tardío e inicio do barroco

A finais do Renacemento e no inicio do Barroco, a palabra sinfonía era un nome alternativo para a canzona, fantasía ou o ricercar. Estas eran, case sempre formas instrumentais fortemente arraigadas a unha tradición de polifonía. Mais tarde, no período barroco, empregábase para identificar un tipo de sonata, especialmente a sonata trío ou unha sonata para un conxunto grande de instrumentos. Despois, a palabra foi utilizada para indicar un preludio instrumental.

Antiga sinfonía

Nas grandes formas vocal-instrumental dos séculos XVII e XVIII, por exemplo nas óperas e oratorios, unha sinfonía xeralmente era un preludio, un interludio ou un posludio contrastando coas seccións vocais ou doutro modo diferentes.

No século XVII, unha forma específica desta peza introdutoria foi a sinfonía de tres movementos que se converteu nun tipo padrón de abertura da ópera italiana. Na maioría das veces esas obras eran en Re maior, para maximizar a resonancia aberta das cordas dos instrumentos de cordas, iniciándose e encerrándose cun movemento rápido, intercalado por un movemento lento. Exemplos dese tipo de sinfonía italiana son as numerosas aberturas en tres movementos das óperas de Alessandro Scarlatti, todas arquetipos das aberturas italianas.

En Francia, entre tanto, as ouvertures eran sempre pezas introdutorias dun único movemento, usualmente na forma A-B-A, onde as seccións A teñen un andamento lento, cun ritmo dobremente puntuado, mentres que a sección intermediaria B, era comparativamente fluente e rápida. Esta forma musical ficou coñecida como abertura francesa. Co tempo, este tipo de ouverture foi adaptado polos compositores alemáns como Johann Sebastian Bach e George Frideric Handel, do século XVIII en diante, tamén podía ser o movemento introdutorio dunha suite de danzas, no caso en que a palabra ouverture era usada como sinónimo da enteira suite, como, por exemplo as Aberturas Francesas, BWV 831, de Bach.

A maioría das óperas e oratorios de Handel inícianse cun movemento ouverture de estilo francés, mesmo que ocasionalmente chame sinfonía a ese movemento, como fixo para o Mesías, identificando a abertura como sinfonía. Con todo, Handel tamén usou o preludio/interludio orquestral ao modo italiano, por exemplo a Introduzione da cantata Delirio amoroso, HWV 99. Tamén, a Pifa instrumental do Mesías non se encadra tanto nos modelos franceses.

Neste medio tempo, tamén no inicio do sécuo XVIII, a sinfonía no estilo italiano, con tres movementos, comezou a gañar vida por si mesma. Podía ser composta como unha obra de concerto independente, sen solistas. Por exemplo, Vivaldi compuxo tanto sinfonías de tres movementos, non moi diferentes dos seus concertos, como sinfonías similares como preludio para as súas óperas.

Bach usou algunhas veces o vocábulo sinfonía no modo antigo como unha peza instrumental dun único movemento, por exemplo, para as invencións BWV 787-801, empregando o estilo polifónico de tres voces. Cómpre observar que no século XX, os editores comezaron a publicar esas sinfonías como Invencións a Tres Partes (ou Invencións a Tres Voces), en que Parte é unha melodía independente (voz, mais con significado instrumental) nunha obra dun único movemento.

Se Bach iniciaba unha obra vocal cun ou máis movementos instrumentais independentes (o que era raro), adoitaba chamar tal peza como sinfonía ou sonata. Para as sinfonías, mesmo as dun único movemento, o estilo era preferencialmente italiano máis que francés:

  • Sinfonía dun movemento abrindo as cantatas seculares Non sa che sia dolore, BWV 209 e Mer Hahn en neue Oberkeet, BWV 212
  • Sinfonía seguida por un "adagio" na abertura do Oratorio da Pascua, BWV 249. A pesar de que o coro entre no final do terceiro movemento deste oratorio, os tres movementos sucesivos de abertura poden ser vistos como unha sinfonía italiana do oratorio.
  • Algúns movementos de abertura das súas cantatas relixiosas eran como movementos de concertos para órgano (BWV 29, 35, 49, 169). Máis tarde, Bach rearranxou algunhas desas sinfonías como movementos dos seus concertos para cravo.

Tanto Bach como Handel usaron a abertura no estilo francés para comezar as súas suites orquestrais. As suites que escribiron para instrumento só non tiñan un movemento introdutorio, e se o houber, ese movemento adoitaba ser unha abertura/ouverture (sempre no estilo francés) ou un preludio/praeludium. O estilo deste preludio era menos definido, mais frecuentemente emularía o estilo dun movemento rápido da sinfonía italiana.

Segundo avanzaba o século XVIII, o nome habitual para o preludio instrumental dunha obra vocal/teatral pasou a ser definido como abertura. A idea da sinfonía italiana con tres movementos como unha composición orquestral independente tamén sobreviviu: as primeiras sinfonías de Haydn e Mozart foron compostas nese formato. Mozart tamén compuxo divertimentos no formato da sinfonía italiana con algunha ambigüidade como se pretendese que tales divertimentos fosem composicións instrumentais independentes ou máis apropiadamente, interludios instrumentais (para producións teatrais etc.).

Notas

  1. Real Academia Galega (ed.). "Diccionario da Real Academia Galega". Consultado o 5 de xuño de 2013.
  2. Beltrando-Patier, Marie-Claire (1996). Historia de la música. La música occidental desde la Edad Media hasta nuestros días (en castelán). Madrid: Espasa Calpe, S.A. pp. 511–514. ISBN 84-239-9610-7. O xénero sinfonía nacerá cando unha das aberturas [italiana] se libere da súa función (que era introducir unha ópera ou oratorio) e se execute en concerto como obra independente

Véxase tamén

Outros artigos

  • Sinfonía coral
  • Sinfonía concertante
  • Sinfonía para órgano
  • Sinfonía para piano

Bibliografía

13ª edición dos Óscar

A 13.ª entrega dos premios Óscar tivo lugar o día 27 de febreiro de 1941 no Biltmore Hotel dos Ánxeles. O mestre de cerimonias foi Bob Hope.

Andrés Gaos Berea

Andrés Gaos Berea, nado na Coruña o 31 de marzo de 1874 e finado en Mar del Plata o 13 de marzo de 1959, foi un compositor e violinista galego.

Antonín Dvořák

Antonín Leopold Dvořák (checo: /antoɲiːn ˈlɛopolt ˈdvor̝aːk/), nado en Nelahozeves o 8 de setembro de 1841 e finado en Praga o 1 de maio de 1904, foi un compositor de música clásica natural de Bohemia -territorio entón pertencente ao Imperio austrohúngaro-, posromántico e considerado o principal representante do nacionalismo checo na música. Está considerado como un dos grandes compositores da segunda metade do século XIX. Sen perder unha ampla proxección internacional, soubo extraer as esencias da música da súa terra natal.

Encádrase dentro do chamado Romanticismo. Usou nas súas obras moitas melodías populares de Moravia e da súa Bohemia natal. Os seus traballos inclúen óperas, sinfonías, coros e música de cámara. Entre as súas obras máis coñecidas inclúense a Sinfonía nº 9, máis coñecida por "Sinfonía do novo mundo", as Danzas Eslavas, o Cuarteto de Cordas Americano e o Concerto para Violoncello en si menor.

Arturo Toscanini

Arturo Toscanini, nado en Parma o 25 de marzo de 1867 e finado o 16 de xaneiro de 1957, foi un músico italiano, considerado por moitos dos seus contemporáneos como un dos meirandes directores de orquestra da época.

Dmitrii Shostakovich

Dmitrii Dmitrievich Shostakovich (en ruso: Дмитрий Дмитриевич Шостакович), nado en San Petersburgo o 25 de setembro de 1906 e falecido o 9 de agosto de 1975, foi un compositor soviético.

Tivo relacións difíciles co partido comunista da URSS, que denunciou publicamente a súa música en 1936 e 1948. Porén, en público mostrouse leal co réxime, aceptou o carné do PCUS en 1960 e chegou a ser membro do Soviet Supremo. A súa actitude fronte ó réxime comunista e o Estado soviético foi tema de duras polémicas políticas e musicais, así como a súa posible disidencia clandestina á fronte do réxime.

Tras un período inicial de vangardismo musical, o seu estilo derivou cara un romanticismo musical tardío, no que a influencia de Mahler combinábase coa da tradición musical rusa, con Musorgskii e Stravinskii como referentes importantes. Shostakovich integrou todas esas influencias, creando un estilo moi persoal que evolucionou incluso nalgunhas obras cara a atonalidade. A súa música adoita incluír contrastes agudos e elementos grotescos, cun compoñente rítmico moi destacado. Na súa obra destacan os seus ciclos de quince sinfonías e quince cuartetos de cordas. Ademais, compuxo moita música de cámara, varias óperas, seis concertos e música de cine.

Está considerado como un dos compositores máis destacados do século XX.[Cómpre referencia]

Estrea da Sinfonía n.º 7 de Shostakovich en Leningrado

A estrea da Sinfonía n.º 7 de Shostakovich en Leningrado tivo lugar o 9 de agosto de 1942 durante a segunda guerra mundial, mentres a cidade de Leningrado (actual San Petersburgo) era sitiada polas forzas da Alemaña nazi.

Dmitrii Shostakovich tiña a intención de que a obra fora estreada pola Orquestra Filharmónica de Leningrado, mais a causa do sitio esta foi evacuada da cidade, así como o propio compositor. A estrea mundial da sinfonía tivo lugar en Kuibyshev coa Orquestra do Teatro Bolshoi. A estrea en Leningrado foi realizada polas persoas sobreviventes da Orquestra da Radio de Leningrado, con reforzos de músicos militares. A maioría das persoas que integraban a orquestra estaban famentas, o que dificultou os ensaios: desmaiábanse frecuentemente durante os ensaios, e tres morreron. A orquestra só foi capaz de tocar a sinfonía ata o final unha vez antes do concerto.

A pesar das pobres condicións das persoas que interpretaron a sinfonía e de moitas das que asistiron á estrea, o concerto foi un grande éxito, provocando unha ovación dunha hora de duración. O concerto foi apoiado por unha ofensiva militar soviética, cuxo nome en clave era ‘‘Borrasca’’, destinada a silenciar as forzas alemás durante a actuación. A sinfonía foi retransmitida ás liñas alemás por medio de altofalantes como xeito de guerra psicolóxica. A estrea en Leningrado foi considerada pola crítica musical como unha das interpretacións artísticas máis importantes da guerra polos seus efectos psicolóxicos e políticos. O director concluíu que "nese momento, triunfamos sobre a desalmada maquinaria de guerra nazi". En 1964 e 1992 leváronse a cabo concertos conmemorativos coa participación dos músicos sobreviventes.

Gustav Mahler

Gustav Mahler, nado en Kaliště, Bohemia (actualmente República Checa) o 7 de xullo de 1860 e finado en Viena o 18 de maio de 1911, foi un compositor e director de orquestra bohemio-austríaco. As súas composicións atópanse entre as obras máis importantes do Posromanticismo.

Nas primeiras décadas do século XX, Gustav Mahler era considerado un dos máis importantes directores de orquestra e de ópera do seu momento. Logo de graduarse no Conservatorio de Viena en 1878, foi sucesivamente director de varias orquestras cada vez máis importantes en diversos teatros de ópera europeos, chegando en 1897 á que daquela era considerada a máis notable, a dirección da Ópera da Corte de Viena (Hofoper). Durante os seus 10 anos na capital austríaca, Mahler —xudeu converso ao catolicismo para asegurarse o seu posto— sufriu a oposición e hostilidade da prensa antisemita. Porén, grazas ás súas innovadoras producións e á insistencia nos máis altos niveis de representación gañou o recoñecemento como un dos máis grandes directores de ópera, particularmente como intérprete das óperas de Richard Wagner e Wolfgang Amadeus Mozart. Posteriormente, foi director da Metropolitan Opera e da New York Philharmonic Orchestra.

Como compositor centrou os seus esforzos na forma sinfónica e no lied. A Segunda, Terceira, Cuarta e Oitava sinfonías e Das Lied von der Erde (A canción da Terra) conxugaron nas súas partituras ambos xéneros. El mesmo advertía que compoñer unha sinfonía era “construír un mundo con todos os medios posibles”, polo que os seus traballos neste campo se caracterizaban por unha heteroxeneidade moi ampla. Introduciu elementos de diferente procedencia como melodías folclóricas, marchas, fanfarras militares, mediante un uso persoal do acorde, entrecortando ou alongando inusitadamente as liñas melódicas, acoplados ou xustapostos no interior do marco formal que absorbeu da tradición clásica vienesa. As súas obras sinfónicas adquiriron excesivas proporcións e incluíu harmonías disonantes que superan o cromatismo empregado por Wagner na súa ópera Tristan und Isolde. O aspecto de desorde que resultaba, co esforzo extra que demandaba recoñecer algunha formalidade “clásica” na súa estrutura, xerou a incomprensión da súa música, atraendo unha hostilidade case xeral, pese ao apoio dunha minoría entusiasta entre a que se contaban os membros da Segunda Escola de Viena, que o tiñan polo seu máis directo precursor.

Entre as súas obras, cabe sinalar as súas nove sinfonías rematadas (dez, se se inclúen os bosquexos da Décima) e varios ciclos de cancións ou lieder. As súas principais coleccións de cancións son: Lieder eines fahrenden Gesellen (Cancións dun compañeiro de viaxe); o ciclo Des Knaben Wunderhorn (O corno máxico da xuventude), baseado nunha recompilación de cantos folclóricos alemáns; Kindertotenlieder (Cancións aos nenos mortos) e as cancións Rückert-Lieder, baseándose en ambos casos nos textos do poeta alemán Friedrich Rückert; tamén, a renovadora síntese de sinfonía-ciclo de cancións Das Lied von der Erde, con letra de poemas traducidos do chinés ao alemán.

A revitalización de Mahler, ao igual que a de Anton Bruckner, foi lenta e viuse atrasada a causa da súa grande orixinalidade e do auxe do nazismo en Alemaña e Austria , pois a súa condición de xudeu catalogou á súa obra como “dexenerada” e “moderna”. O mesmo sucedeu con outros compositores, caídos en desgraza no Terceiro Reich. Só ao final da Segunda Guerra Mundial e pola decidida labor de directores como Bruno Walter, Otto Klemperer e, máis tarde, Bernard Haitink ou Leonard Bernstein, a súa música comezou a interpretarse con máis frecuencia no repertorio das grandes orquestras, encontrándose entre os compositores máis destacados na historia da música.

Hector Berlioz

Louis Hector Berlioz, nado o 11 de decembro de 1803 en La Côte-Saint-André e finado o 8 de marzo de 1869 en París, foi un compositor francés. Foi unha figura destacada no desenvolvemento do romanticismo, é moi coñecido pola súa Sinfonía fantástica, estreada en 1830, e o Réquiem, estreado en 1837, así como pola súa extraordinaria utilización da orquestra sinfónica que incluía catro grupos de metais "antifonais". É considerado o primeiro músico romántico de Francia e o creador da instrumentación moderna. Co Grand traité de l'instrumentation et d'orchestration modernes (1842-43) influíu sobre as xeracións posteriores, e especialmente sobre os músicos rusos do Grupo dos Cinco.

A música e a vida de Berlioz encarnan os ideais románticos máis que os de calquera outro compositor, excepto Liszt. A súa orixinal imaxinación, as súas concepcións grandiosas e a súa extraordinaria calidade para orquestra achegaron unha nova cor á música. Berlioz, o primeiro gran compositor que non era intérprete, converteuse nun dos primeiros directores modernos, e nun crítico perspicaz.

Separadamente da Sinfonía fantástica, as obras de Berlioz escoitáronse moi pouco ata a década de 1880, cando en Francia recuperáronse como antídoto contra Wagner. A partir de 1960 escoitouse moito a súa música, aínda que as dificultades loxísticas aínda impiden a interpretación normal dalgunhas das súas obras.

Jean Sibelius

Johan Julius Christian Sibelius ( pronunciación ), máis coñecido como Jean Sibelius, nado en Hämeenlinna o 8 de decembro de 1865 e finado en Järvenpää o 20 de setembro de 1957, foi un compositor finlandés do Romanticismo tardío, sendo o compositor máis famoso do país.

Trátase dun dos máis populares compositores de finais do século XIX e principios do século XX. A súa música, como o poema sinfónico Finlandia e o seu xenio xogaron un importante papel na formación da identidade nacional finlandesa, sendo xunto con Johan Ludvig Runeberg, un dos finlandeses que simbolizan este nacemento a pesar de seren suecofalantes. Sibelius converteuse non só no símbolo da música finlandesa, senón tamén de todo o país, e a súa música acadou un nivel de universalidade equiparable ao dos máis grandes espíritos da música occidental.

Johannes Brahms

Johannes Brahms, nado en Hamburgo o 7 de maio de 1833 e finado en Viena o 3 de abril de 1897, foi un pianista e compositor alemán do romanticismo. Brahms é unha figura prominente da música do século XIX, quizais o último gran compositor clásico, é considerado a antítese de Wagner e Liszt. Trátase dun dos máis importantes músicos do romanticismo e é considerado por moitos como o "sucesor" de Beethoven, ata o punto de que a súa Primeira Sinfonía foi descrita por Hans von Bülow como a décima sinfonía de Beethoven. Home ás veces difícil e intransixente, compuxo obras mestras en tódolos xéneros agás a ópera.

As expresións Os tres bes ou A santa trindade (frase acuñada por Hans von Bülow) refírense a Bach, Beethoven e Brahms como tres dos maiores compositores da historia da música. Algúns opinan, non obstante, que von Bülow incluíu a Brahms en dita "trindade" por despeito e para prexudicar a Wagner, con quen estaba enemistado dende que a súa dona o abandonou para casar co outro compositor.Brahms é frecuentemente considerado á vez tradicional e innovador. A súa música está firmemente enraizada nas estruturas e técnicas de composición dos mestres do barroco e do clasicismo. Era un mestre do contrapunto, a complexa e altamente disciplinada arte que fixo famoso a Johann Sebastian Bach, e do desenvolvemento, un ethos compositivo creado por Joseph Haydn, Wolfgang Amadeus Mozart, Ludwig van Beethoven, entre outros compositores. Brahms tivo como obxectivo honrar a "pureza" destas venerables estruturas "alemás" e avanzar nelas cara a un idioma romántico, no proceso de creación de novos enfoques para a harmonía e a melodía. Mentres que moitos contemporáneos atoparon a súa música demasiado académica, a súa contribución e artesanía teñen sido admiradas por figuras posteriores tan diversas como Arnold Schoenberg ou Edward Elgar.

Ludwig van Beethoven

Ludwig van Beethoven, nado en Bonn o 16 de decembro de 1770 e finado en Viena o 26 de marzo de 1827, foi un célebre compositor, director de orquestra e pianista alemán. O seu legado musical abarca, cronoloxicamente, desde o período clásico ata inicios do romanticismo musical. É un dos compositores máis importantes da historia da música e o seu legado influíu de forma decisiva na música posterior.

Foi autor de multitude de obras entre as que destacan as nove sinfonías. Considerado o último gran representante do clasicismo vienés (logo de Christoph Willibald Gluck, Joseph Haydn e Wolfgang Amadeus Mozart), Beethoven conseguiu facer transcender a música do romanticismo, influíndo en diversidad de obras musicais do século XIX. A súa arte expresouse en numerosos xéneros e aínda que as sinfonías foron a fonte principal da súa popularidade internacional, o seu impacto resultou ser principalmente significativo nas súas obras para piano e música de cámara.

A súa produción inclúe os xéneros pianísticos (trinta e dúas sonatas para piano), de cámara (dezaseis cuartetos de corda, sete tríos, dez sonatas para violín e piano), vocal (lieder e unha ópera), concertante (cinco concertos para piano e orquestra, un concerto para violín e orquestra), dúas misas e orquestal (nove sinfonías, aberturas etc.), entre as que se atopa o ciclo das Nove Sinfonías.

Petr Ilich Chaikovskii

Petr Ilich Chaikovskii (en ruso: Пётр Ильич Чайковский, pronunciado [ˈpʲotr ɪlʲˈjit͡ɕ t͡ɕɪjˈkofskʲɪj]; ( escoitar), nado en Votkinsk o 25 de abrilxul./ 7 de maio de 1840greg. e finado en San Petersburgo o 25 de outubroxul./ 6 de novembro de 1893greg., foi un dos compositores rusos máis importantes do século xix. É autor dalgunhas das obras de música clásica máis famosas do repertorio actual, por exemplo os ballets O lago dos cisnes e O Quebranoces, a Abertura 1812, a abertura-fantasía Romeo e Xulieta, o Primeiro concerto para piano, o Concerto para violín, as súas sinfonías Cuarta, Quinta e Sexta (Tamén chamada Patética) e a ópera Evgenii Onegin.

Nacido nunha familia de clase media, a educación que recibiu Chaikovskii estaba dirixida a preparalo como funcionario, malia a precocidade musical que mostrou. En contra dos desexos da súa familia, decidiu seguir unha carreira musical e en 1862 accedeu ao Conservatorio de San Petersburgo, graduándose en 1865. A formación que recibiu, formal e orientada ao estilo musical occidental, apartouno do movemento contemporáneo nacionalista coñecido como o «Grupo dos Cinco» conformado por un grupo de mozos compositores rusos, cos cales Chaikovskii mantivo unha relación profesional e de amizade ao longo da súa carreira.

Aínda que non pertencía ao chamado Grupo dos Cinco (Musorgskii, César Cui, Rimskii-Korsakov, Balakirev e Borodin), formado por compositores nacionalistas rusos, a súa música deveu coñecida e admirada por mor do seu carácter tradicionalmente ruso e mais polas súas características harmónicas e de vivas melodías. A diferenza do grupo referido, as súas obras foron notabelmente occidentalizadas, empregando decote elementos propios das técnicas compositivas imperantes no estranxeiro. Chaikovskii, ao igual ca Mozart, é un dos poucos compositores aclamados que se sentía igualmente confortábel escribindo óperas, sinfonías, concertos e obras para piano.

Mentres desenvolvía o seu estilo, Chaikovskii escribiu música en varios xéneros e formas, incluíndo a sinfonía, ópera, ballet, música instrumental, de cámara e a canción. A pesar de contar con varios éxitos, nunca tivo moita confianza ou seguridade en si mesmo e a súa vida estivo salpicada polas crises persoais e períodos de depresión. Como factores que quizais contribuíron a isto, poden mencionarse a súa homosexualidade reprimida e o medo a que se revelase a súa condición, o seu desastroso matrimonio e o repentino colapso da única relación duradeira que mantivo na súa vida adulta: a súa asociación de 13 anos coa rica viúva Nadezhda von Meck. No medio desta axitada vida persoal, a reputación de Chaikovskii aumentou; recibiu honras por parte do tsar, obtivo unha pensión vitalicia e foi encomiado nas salas de concertos de todo o mundo. A súa repentina morte aos 53 anos adoita atribuírse xeralmente ao cólera pero as súas circunstancias son obxecto de debate xa que tamén se suscitou a hipótese do suicidio, por contaxio voluntario coa enfermidade ou por outra forma de envelenamento.Malia contar cunha gran popularidade nas audiencias de todo o mundo, Chaikovskii recibiu ás veces duras críticas por parte de músicos, críticos e compositores. Porén, a súa reputación como compositor de importancia é hoxe en día segura, tendo desaparecido por completo a soberbia coa que os críticos occidentais de comezos e mediados do século xx catalogaron a súa música como vulgar e falta de pensamento.

Sinfonía coral

Unha sinfonía coral é unha composición musical para orquestra, coro e, en ocasións, solistas, que se adhire polo xeral no seu funcionamento interno e arquitectura musical global á forma musical sinfónica. O termo sinfonía coral neste contexto foi acuñado por Hector Berlioz cando describiu a obra Roméo et Juliette na súa introdución de cinco parágrafos para a obra. O antecedente directo da sinfonía coral é a Novena sinfonía de Ludwig van Beethoven. A Novena de Beethoven incorpora a parte da Ode an die Freunde (Himno á alegría), un poema de Friedrich Schiller, co texto cantado por solistas e coro no último movemento. É o primeiro exemplo do uso da voz humana por parte dun compositor maior no mesmo nivel que os instrumentos nunha sinfonía.Uns poucos compositores do século XIX, en particular Felix Mendelssohn e Franz Liszt, seguiron a Beethoven na produción de obras sinfónicas corais. No século XX o xénero desenvolveuse notablemente, con obras destacadas de compositores como Gustav Mahler, Sergei Rachmaninov, Igor Stravinskii, Ralph Vaughan Williams, Benjamin Britten e Dmitrii Shostakovich, entre outros. Os últimos anos do século XX e o inicio do século XXI viron a aparición de máis obras neste xénero, entre elas composicións de Peter Maxwell Davies, Tan Dun, Philip Glass, Hans Werner Henze, Krzysztof Penderecki e William Bolcom.

O termo "sinfonía coral" indica a intención do compositor de que a obra sexa sinfónica, mesmo coa fusión de elementos narrativos ou dramáticos que derivan da inclusión da palabra. Con este obxectivo, as palabras son frecuentemente tratadas sinfonicamente para perseguir fins non narrativos, polo uso de repeticións frecuentes de palabras e frases importantes, e transposición, reordenación ou omisión de pasaxes do conxunto do texto. O texto frecuentemente determina o esquema básico sinfónico, mentres que a orquestra transmite as ideas musicais nunha importancia similar á do coro e os solistas. Mesmo cun énfase sinfónico, unha sinfonía coral é frecuentemente influenciada na forma musical e no contido por unha narración externa, mesmo en partes onde non hai canto.

Sinfonía n.º 9 (Beethoven)

A Sinfonía n.º 9 en re menor, op. 125, coñecida tamén como "Coral", é a derradeira sinfonía completa do compositor alemán Ludwig van Beethoven. É unha das obras máis trascendentais, salientables e populares da música e a arte. O seu último movemento é un final coral sorprendentemente infrecuente na súa época que se converteu en símbolo da liberdade. Precisamente, unha adaptación da sinfonía, realizada por Herbert von Karajan é, dende 1972, o himno da Unión Europea (UE). En 2001, a partitura orixinal da sinfonía inscribiuse no Rexistro da Memoria do Mundo da UNESCO, onde forma parte, xunto con outros sobresalientes monumentos, da herdanza espiritual da humanidade.

Sinfonía nº 8 (Mahler)

A Sinfonía n.º 8 en mi bemol maior de Gustav Mahler, coñecida co sobrenome de der Tausend (dos mil), é unha das obras corais de maior escala do repertorio orquestral clásico. Debido a que require unha enorme cantidade de instrumentistas e coristas, é denominada frecuentemente "Sinfonía dos mil", aínda que a obra adoita interpretarse con menos de mil intérpretes e o propio Mahler non aprobou dito sobrenome. A obra foi composta nun único período de inspiración, en Maiernigg no sur de Austria no verán de 1906. Foi a última obra que Mahler estreou en vida e acadou un grande éxito de crítica e público cando o compositor a dirixiu na súa estrea absoluta na cidade bavaresa de Múnic (Alemaña), o 12 de setembro de 1910.

A fusión da canción e a sinfonía fora unha característica das primeiras obras de Mahler. No seu período compositivo "medio" a partir de 1901, un cambio de rumbo levouno a compoñer tres sinfonías puramente instrumentais. A Oitava, que marca o final do período "medio", volta a unha combinación de orquestra e voz nun contexto sinfónico. A estrutura da obra non é convencional; en lugar de seguir a estrutura normal en varios movementos, a obra divídese en dúas partes. A primera parte está baseada no texto latino dun himno cristián do século IX para Pentecostés, Veni Creator Spiritus (Ven, Espírito Creador) e a segunda parte é un arranxo das palabras da escena final do Fausto de Goethe. As dúas partes están unificadas por unha idea común, a da redención a través do poder do amor, unidade transmitida mediante temas musicais comúns.

Mahler estaba convencido dende o principio da importancia da obra, ao renunciar ao pesimismo que marcara gran parte da súa música, ofreceu a Oitava como unha expresión de confianza no eterno espírito humano. No período que seguiu á morte do compositor, as interpretacións foron relativamente pouco comúns. Porén, dende a metade do século XX en diante, a sinfonía ten sido programada con regularidade nas salas de concertos de todo o mundo, e gravouse en numerosas ocasións. Sen deixaren de recoñecer a súa ampla popularidade, os críticos modernos teñen opinións divididas sobre a obra; Theodor W. Adorno, Robert Simpson e Jonathan Carr encontran o seu optimismo pouco convincente e considérana artística e musicalmente inferior a outras sinfonías de Mahler. Porén, tamén foi comparada -por Deryck Cooke- coa Novena Sinfonía de Beethoven como unha declaración da definición humana do seu século.

Sinfonía nº 8 (Sibelius)

A Sinfonía nº 8 de Jean Sibelius foi o seu último gran proxecto compositivo, que o ocupou de xeito intermitente entre mediados da década de 1920 ata arredor de 1938, aínda que nunca a publicou. Durante este tempo Sibelius viviu o punto máis alto da súa fama, unha institución nacional na súa Finlandia natal, e un compositor de talle internacional. Cando chegou a compoñer da Oitava Sinfonía é unha incógnita: Sibelius negouse repetidas veces a liberala para que se interpretara, aínda que continuara a afirmar que estaba a traballar nela mesmo despois de que abandonara o traballo. Segundo informes posteriores da súa familia, queimou a partitura e o material relacionado en 1945.

Gran parte da reputación de Sibelius, durante a súa vida e posteriormente, derivara do seu traballo como sinfonista. A súa Sétima Sinfonía de 1924 ten sido amplamente recoñecida como un fito no desenvolvemento da forma sinfónica, e no seu tempo non había motivos para supoñer que o fluxo das obras orquestrais innovadoras non continuaría. Con todo, despois do poema sinfónico Tapiola, finalizado en 1926, a súa produción limitouse a pezas relativamente menores e a revisións de obras anteriores. A estrea da Oitava Sinfonía foille prometida a Sergei Koussevitzky e á Boston Symphony Orchestra en varias ocasións, mais cando a data estaba próxima Sibelius puxo reparos, alegando que a obra non estaba lista para ser interpretada. O compositor fíxolle promesas similares ao director de orquestra británico Basil Cameron e ao finlandés Georg Schnéevoigt, que tamén se mostraron ilusorias.

Despois da morte de Sibelius en 1957, fixéronse públicas as novas sobre a destrución da Oitava Sinfonía, e asumiuse que a obra se perdera para sempre. Non foi ata a década de 1990, cando se catalogaron moitos cadernos e bosquexos do compositor, que os estudosos propuxeron a posibilidade de que parte da música da sinfonía perdida podía ter sobrevivido. Recentes investigacións conduciron á identificación provisional de varios pequenos bosquexos manuscritos que están relacionados coa sinfonía, tres dos cales (que comprenden menos de tres minutos de música) foron gravados pola Helsingin kaupunginorkesteri en 2011. Mentres uns poucos musicólogos especularon que, se puidesen identificarse outros fragmentos, sería posible reconstruír a obra completa, outros suxiren que isto é pouco probable dada a ambigüidade do material existente. A propia interpretación pública da música que o propio Sibelius rexeitara foi tamén cuestionada.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.