Sindicalismo

O sindicalismo ou movemento sindical é un termo amplo para designar o desenvolvemento da historia e a organización colectiva dos traballadores, en dirección á defensa dos seus intereses e de mellores condicións de traballo, fronte ós empregadores e os gobernos. Sindicato e gremio son palabras habituais para designar as organizacións dos traballadores coa fin de representar colectivamente os intereses da clase obreira.

Movemento sindical
Poing levé syndicalisme

Historia

Marcha-icm-2005-3
Marcha sindical, 2005

Primeiros pasos

A historia do movemento obreiro, ou historia sindical, comezou coa revolución industrial e a democracia moderna, cando a escravitude comezou a ser abolida legalmente e o traballo asalariado a xeneralizarse. De cotío adoita poñerse como precedente a Revolución Francesa, que provocou a quebra do sistema feudal e o recoñecemento por primeira vez de certos dereitos da clase operaria.

Durante máis dun século a acción colectiva dos traballadores (sindicatos, folgas, convenios colectivos) foi comunmente considerada como un crime. Foi en Europa, e máis concretamente en Inglaterra, onde apareceron os primeiros movementos obreiros, como o ludismo conducido por Ned Ludd (rompedores de máquinas) (1810-1811).

En 1824, pola forte presión popular, o parlamento británico derogou Combination Acts, leis que prohibían as organizacións obreiras. En 1829 Robert Owen, un dos fundadores do socialismo moderno, creou as primeiras cooperativas, que eran sociedades industriais de traballadores.

O nacemento dos sindicatos

Na década de 1830 aparecen as primeiras organizacións obreiras agrupando, ós traballadores segundo o seu oficio. En Inglaterra tomaron o nome de trade-unions (literalmente unións de comercio) ou simplemente unións. En 1829 John Doherty fundou a "Grande Unión dos Tecedores de Algodón de Gran Bretaña" e a primeira central sindical de tódolos oficios da historia: a "Asociación Nacional para a Protección do Traballo". Agrupaba 150 sindicatos con 100.000 membros. Publicou o histórico periódico obreiro: "A Voz do Pobo".

En Francia o sindicalismo aparece tamén na década de 1830, coas primeiras crises económicas. Adopta o nome de syndicat (sindicato), que quere dicir tamén unión. Foron obreiras francesas as primeiras en organizarse contra as condicións de explotación nos serradoiros de Bordeos e nas fábricas téxtiles de Lión.

Namentres París, Lión e Irlanda eran testemuñas de levantamentos obreiros agudizados pola grave crise económica do momento, en Inglaterra abolíase a escravitude, proceso que levou de 1833 a 1838.

En xuño de 1836 a Asociación de Traballadores de Inglaterra elaborou a Carta do Pobo, esixindo o voto universal e segredo. Foron coñecidos como os cartistas. Durante algúns anos o movemento dos traballadores recibiu a influencia de diversos ideólogos que se ocuparon de estudar e investigar a situación dos traballadores. Entre eles estaban Friedrich Engels, que escribiu The Condition of the Working Class in England in 1844 (en galego, "A situación da clase obreira en Inglaterra en 1844"), baseándose nos datos e a convivencia co movemento "Cartista".

A partir da década de 1840 os alemáns Karl Marx e Friedrich Engels instaláronse en Inglaterra e deron orixe a un particular pensamento obreiro, o marxismo ou socialismo científico, que foi seguido en todo o mundo. Contemporaneamente o ruso Mikhail Bakunin e o francés Pierre Joseph Proudhon sentaron as bases do anarquismo e do anarcosindicalismo.

En 1848 estendéronse por toda Europa unha serie de movementos revolucionarios que tiveron especial importancia en Inglaterra e Francia. Neles facíanse esixencias tanto de carácter político como social, propondo a protección dos intereses dos traballadores e o dereito ó traballo. A eses movementos refírense Marx e Engels no Manifesto Comunista, publicado ese mesmo ano: Unha pantasma percorre Europa, a pantasma do comunismo. Tódalas forzas da vella Europa fóronse unindo en santa cruzada para acosar a esta pantasma...

Na década de 1850 o movemento sindical estendeuse por Europa, creándose sindicatos en Portugal, Bélxica e Alemaña.

Os anos da Internacional

En 1864 creouse en Londres a Asociación Internacional de Traballadores (AIT), A Internacional, primeira central sindical mundial da clase obreira. Ese mesmo ano recoñécese en Francia o dereito á folga como un dos dereitos fundamentais do individuo.

En 1866 a AIT celebrou o seu primeiro congreso, no que representantes dos traballadores de distintos países trataron de forma conxunta os problemas sociais que lles preocupaban.

Paralelamente á celebración dese primeiro congreso da AIT, fundouse en Inglaterra o Trades Union Congress (TUC), primeira asociación de obreiros que pode recibir propiamente o nome de sindicato, xa que as persoas afiliadas a el son defendidas e representadas desde a organización. Este sindicato continúa na actualidade con máis de seis millóns de afiliados.

En 1867 Bélxica púxose á cabeza de Europa en materia social, sendo recoñecidos numerosos dereitos, entre eles o da folga.

En 1871 xorde a Comuna de París, levantamento obreiro en pro dos dereitos sociais. Só dura un par de meses pola intervención do exército.

En 1872, durante o V Congreso de AIT, tivo lugar a escisión entre marxistas e bakuninistas, no que foi a primeira gran división entre os representantes dos traballadores.

Non foi ata 1875 que se substituíron da lexislación inglesa os termos "amo" e "servo" para pasar a denominarse "patrón" e "obreiro". Foi o primeiro país en adoptar este cambio.

En 1884 recoñecéronse os sindicatos obreiros en Francia. En Lión creouse en 1886 a Federación Nacional de Sindicatos e grupos cooperativos (FNS), antecedente da CGT francesa e do sindicalismo revolucionario.

En 1886 tiveron lugar en Chicago a Revolta de Haymarket, que deu lugar á celebración do Día internacional dos traballadores.

A Segunda Internacional. Finais do século XIX

En 1889 fundouse a Segunda Internacional, celebrándose o seu primeiro congreso en París o 14 de xullo. Este congreso declara ó 1º de Maio como Día internacional dos traballadores, en lembranza dos 5 folguistas mortos en maio de 1886 en Chicago. Desde entón é un día de mobilización global sincronizada dos traballadores do mundo. Ademais, adoptan a reivindicación da xornada de oito horas.

En 1895 a FNS francesa transfórmase na Conféderation Genérale du Travail.

En 1899 asínase en Suecia o primeiro pacto social entre empresarios e sindicatos.

Desde finais do século XIX, na medida en que se foi conquistando o voto universal e segredo, e a posibilidade de que representantes dos traballadores e partidos obreiros accedesen ós parlamentos e mesmo obter o triunfo electoral nun país, o movemento obreiro toma características nacionais. Neste sentido a clase obreira de cada país ten a súa propia historia sindical.

Inicios do século XX

En 1901 constituíuse en Copenhague a Secretaría Internacional de Sindicatos, con participación de asociacións de Alemaña, Bélxica, Finlandia, Gran Bretaña e Suecia.

En 1906, mentres a CGT francesa aproba en Amiens a súa Carta Magna, créase o primeiro sindicato italiano: a Confederaziones Generale del Lavoro (CGL), e nos Países Baixos a Federación Holandesa de Sindicatos.

En 1910 fundouse en España a Confederación Nacional do Traballo, herdeira da sección española da Primeira Internacional.

O taylorismo gaña forza nestes albores do século XX, publicando F. W. Taylor en 1911 The Principles of Scientific Management. A aplicación xeneralizada dos métodos propostos por Taylor supuxeron un profundo cambio no modelo produtivo e na organización do traballo: comezaba a Segunda revolución industrial.

En 1917 tivo lugar a Revolución Rusa, que estableceu o primeiro estado obreiro da historia, e un poderoso impacto no movemento obreiro mundial.

En 1919 creouse a Organización Internacional do Traballo, un dos organismos internacionais máis antigos do mundo, gobernado en forma tripartita por gobernos, sindicatos e empregadores.

No século XX os sindicatos de todo o mundo tenderon a abandonar a antiga organización sindical por oficio, para xeneralizar o sindicato por rama de actividade.

Sindicalismo moderno

No século XX os sindicatos tenderon a dividirse internacionalmente en tres grandes correntes mundiais:

  • os comunistas organizados na Federación Sindical Mundial (FSM),
  • os socialistas democráticos organizados na Confederación Internacional de Organizacións Sindicais Libres (CIOSL),
  • os cristiáns organizados na Confederación Mundial do Traballo (CMT).

Existen sindicatos non organizados coas correntes maioritarias ó seren organizacións de carácter máis independente, e que como os sindicatos libertarios se coordinan con outros sindicatos e organizacións sociais como Solidariedade Internacional Libertaria ou a Asociación Internacional dos Traballadores (AIT).

Globalización

A finais do século XX, na globalización, o movemento obreiro comezou a restablecer o protagonismo do sindicalismo internacional e empezaron a verse fusións entre as diversas correntes para establecer organizacións sindicais únicas, como sucede no caso da Confederación Europea de Sindicatos (CES).

O 1 de novembro de 2006 a CIOSL e a CMT disolvéronse para fusionarse xunto con varias federacións independentes na nova Confederación Sindical Internacional (CSI), que recoñece 168 millóns de afiliados en todo o mundo [1].

Notas

  1. Nace la confederación sindical mayor del mundo, 168 millones de afiliados, Cinco Días, 2/11/2006.
Anarcosindicalismo

O anarcosindicalismo é unha das ramas do anarquismo vinculada ó movemento obreiro a través do sindicalismo. É un método de organización e de loita dos traballadores a través dos sindicatos. É o resultado da síntese do anarquismo e a acción sindical revolucionaria. Diferénciase doutros movementos anarquistas en que o seu ámbito de actuación característico (aínda que non exclusivo) é o mundo do traballo, complementándose con outras organizacións de similar ideoloxía para a consecución das fins perseguidas.

Apolinar Torres

Apolinar Torres López, nado en Pontevedra o 23 de xuño de 1894 e finado en Vigo o 27 de agosto de 1936, foi un mestre, pedagogo e activo sindicalista da Federación Española de Trabajadores de la Enseñanza (FETE), executado vítima da represión na zona franquista durante a guerra civil.

Catalanismo

O catalanismo ou nacionalismo catalán é o movemento que propugna o recoñecemento da personalidade política e cultural da Cataluña ou dos Países Cataláns.

Segundo o valenciano e catalanista Joan Fuster, hai catalanistas porque hai españolistas. De feito, o catalanismo xorde como reacción a políticas centralizadoras no Estado Español (como os Decretos de Nueva Planta), avatares históricos (Tratado dos Pireneos) ou imposicións político-culturais (prohibición do catalán na vida pública).

No entanto, o catalanismo non se circunscribe ao ámbito político peninsular, pois nos últimos anos aumentou a súa presenza nas antigas comarcas catalás da Cerdanya Nord, Conflent, Vallespir e Rosselló (actualmente integradas no departamento Francés dos Pireneos Orientais), reivindicando precisamente un maior achegamento coas terras do sur.

Xeralmente, os partidos políticos, entidades ou individuos que se declaran catalanistas ou nacionalistas cataláns, adoitan considerar ben a Cataluña, ben os Países Cataláns, como unha nación. Ese grao de recoñecemento e de defensa dos seus intereses pode abranguer desde un tímido autonomismo á petición da plena independencia (véxase: independentismo).

A nacenza do catalanismo político acostuma datarse nas Bases de Manresa de 1898, momento que é considerado a entrada de Cataluña na Historia Contemporánea.

Na actualidade os partidos ou individuos que se declaran catalanistas consideran que Cataluña, ou os Países Cataláns, son unha nación e que, en consecuencia, teñen dereito a un grao elevado de autogoberno. Porén, as diverxencias aparecen sobre a organización xurídica e territorial que lle convén a Cataluña. Así, mentres unha parte opta pola chegada á soberanía do pobo catalán a través do dereito de autodeterminación, outros optan por unha ampliación do autogoberno no marco autonómico actual ou ben decántanse pola creación dun novo marco federal.

Día Internacional da Muller

O Día Internacional da Muller, orixinalmente coñecido como Día Internacional da Muller Traballadora, conmemorado cada 8 de marzo e recoñecido pola ONU como unha xornada para reivindicar a igualdade e de facer balance sobre a situación das mulleres na sociedade, é festa recoñecida nalgúns países, e tradicionalmente grupos e asociacións de mulleres militantes no feminismo ou no movemento obreiro preparan manifestacións, por veces utilizando o nome orixinal, por todo o mundo, para facer ver as súas reinvindicacións para mellorar as condicións da muller, e festexar os avances e loitar pola superación dos atrancos. Comezou a ser celebrado pola ONU en 1975 para, finalmente, adoptar unha resolución, en 1977, na que establece un Día das Nacións Unidas para os Dereitos das Mulleres e a Paz Internacional.

Día Internacional dos Traballadores

O Día Internacional dos Traballadores ou Día Internacional do Traballo ou Primeiro de Maio, é a festa por antonomasia do movemento obreiro mundial.

Desde o seu establecemento na maioría de países (aínda que a consideración de día festivo foi en moitos casos tardía) por acordo do Congreso Obreiro Socialista da Segunda Internacional, celebrado en París en 1889, é unha xornada de loita reivindicativa e de homenaxe ós Mártires de Chicago, sindicalistas anarquistas, que foron axustizados nos Estados Unidos pola súa participación nas xornadas de loita pola consecución da xornada laboral de oito horas que tiveron a súa orixe na folga iniciada o 1 de maio de 1886 e o seu punto álxido tres días máis tarde, o 4 de maio, na Revolta de Haymarket en Chicago. As xornadas foron realizadas seguindo o éxito que tivera o movemento sindical no Canadá, cunha campaña semellante a partir do 1872 a favor do día laboral limitado e dos dereitos sindicais.

É curioso que nos Estados Unidos non se celebra esta conmemoración. Alí celebran o Labor Day o primeiro luns de setembro desde 1882, nunha parada realizada en Nova York e organizada pola Nobre Orde dos Cabaleiros do Traballo (Knights of Labor, en inglés). O presidente Grover Cleveland, propiciou a celebración en setembro por temor a que a data de maio reforzase o movemento socialista nos Estados Unidos.

Enrique Líster

Enrique Liste Forján, coñecido como Enrique Líster, nado en Ameneiro (Calo, Teo) o 21 de abril de 1907 e falecido en Madrid o 8 de decembro de 1994, foi un militante comunista e dirixente militar republicano galego, que combateu na guerra civil española e na Segunda guerra mundial.

Recibiu formación militar na Unión Soviética, en academias do Exército Vermello e durante a guerra civil española tivo un destacado papel organizando e dirixindo as milicias do Quinto Rexemento. Posteriormente pasou a mandar varias unidades do Exército Popular da República. En menos de dous anos pasou de mandar unha brigada mixta a dirixir todo un corpo do exército, o famoso V Corpo do Exército. Pero ao final da guerra, tivo que marchar do país, exiliándose de novo na Unión Soviética, onde ampliou os seus estudos militares e chegou a Xeneral, participando na Segunda guerra mundial.

Lister foi un dos membros do núcleo duro do Partido Comunista de España e acabaría por enfrontarse a Santiago Carrillo polo seu abandono das teses marxista-leninistas que o partido seguira anteriormente. Debido a isto abandonou o PCE e fundou en 1973 o Partido Comunista Obreiro Español (PCOE), o cal volveu integrar en 1986 no PCE, logo de que este expulsase a Carrillo.

Folga xeral

Unha folga xeral é unha acción de protesta levada a termo por toda a forza de traballo dunha cidade, comarca, rexión ou país, consistente en deixar de traballar e manifestarse nas rúas para conseguir un obxectivo económico ou político. A finais do século XIX e inicios do século XX foron frecuentes porque os movementos sindicais tiñan unha grande influencia a nivel internacional.

As folgas xerais foron frecuentes en España durante as primeiras décadas do século XX impulsadas polos movementos anarquistas, así como nos últimos anos da ditadura franquista.

A folga xeral máis importante dos últimos anos aconteceu en París durante o mes de maio de 1968.

Folga xeral de 1917

A folga xeral de 1917 foi unha folga convocada en toda España en agosto de 1917, provocada pola crise política daquel ano que coincidiu coa grave situación económica provocada pola Primeira Guerra Mundial, que enriquecera os empresarios exportadores pero á vez provocara unha forte inflación que prexudicou ás clases medias e baixas.

José Luís Quintas Figueroa

José Luís Quintas Figueroa, coñecido como Quintas, Alfonso e Clemente Cabaleiro Covelo, nado en Teis (Vigo) o 17 de abril de 1911 e finado na mesma cidade o 17 de agosto de 1976, foi un sindicalista, guerrilleiro e político galego.

José Pasín Romero

José Pasín Romero, nado en Santiago de Compostela en 1878 e finado na mesma cidade o 30 de xullo de 1960, foi un sindicalista e político galego.

José Rego López

Juan Vicente Rego López, coñecido como José Rego, nado en Devesos (Ortigueira) o 8 de febreiro de 1887 e finado na Habana o 15 de agosto de 1976, foi un sindicalista e político galego.

José Sanjurjo Rodríguez

José Sanjurjo Rodríguez, nado na Coruña en 1866 e finado en Sada o 26 de febreiro de 1946, foi un sindicalista e político anarquista galego.

Moncho Reboiras

Xosé Ramón Reboiras Noia, máis coñecido como Moncho Reboiras, nado en Imo, concello de Dodro, o 19 de xaneiro de 1950 e falecido en Ferrol o 12 de agosto de 1975, foi un dirixente político da UPG.

Movemento obreiro

O movemento obreiro naceu en forma de asociación de traballadores que pretendían mellorar as condicións sociais e laborais.

Pablo Iglesias Posse

Pablo Iglesias Posse, nado en Ferrol o 18 de outubro de 1850 e finado en Madrid o 9 de decembro de 1925, foi un político galego, fundador do Partido Socialista Obrero Español (PSOE) e da Unión Xeral de Traballadores (UXT).

Ramón Beade Méndez

Ramón Beade Méndez, nado en Tiobre (Betanzos) o 7 de abril de 1900 e finado o 5 de xullo de 1956, foi un político socialista galego.

Sindicalismo revolucionario

O sindicalismo revolucionario é un movemento sindical histórico inspirado nas teorías de Georges Sorel e Arturo Labriola[Cómpre referencia]. En sentido amplo, adoitan denominarse como sindicalismo revolucionario aquelas correntes sindicais radicalizadas que se opoñen ó parlamentarismo democrático e á suxeición dos traballadores e a súa loita a un partido político. Caracterízase pola defensa da autonomía das loitas das clases traballadoras que fora manifestada no lema da Primeira Internacional: a liberación dos traballadores será feita polos traballadores mesmos ou non será.

Algúns dos sindicatos que usaron o termo para definirse rexeitaron a inxerencia partidista, agás que dito partido sexa comunista, trotskista, guevarista, maoísta ou socialista revolucionario.

Finalmente, nalgúns países, a expresión sindicalismo revolucionario tómase como sinónimo de anarcosindicalismo, e noutros como sinónimo dunha acción sindical que rexeita a negociación cos empregadores e co goberno.

Sindicato

Un sindicato é unha agrupación de traballadores organizados para loitar pola defensa e promoción dos seus intereses sociais, económicos e laborais, con respecto ao centro de produción (empresa, fábrica) ou ao empregador.

Xeralmente o termo é aplicado ao sindicato obreiro, formado polo proletariado industrial, pero tamén pode referirse a outros grupos, como o sindicato campesiño, que agrupa os traballadores do campo, o sindicato agrícola, que agrupa sobre todo os grandes propietarios rurais, o sindicato patronal, ou agrupación de empresarios para defender os seus intereses, e o sindicato de estudantes, que agrupa fundamentalmente estudantes universitarios.

Víctor Fraiz Villanueva

Víctor Manuel Fraiz Villanueva, nado na Bandeira (Silleda) o 26 de marzo de 1887 e finado en Vigo o 14 de setembro de 1937, foi un mestre e sindicalista galego.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.