Sevilla

Sevilla é unha cidade española situada ao suroeste da Península Ibérica, capital de Andalucía e da provincia homónima.

Sevilla é a cuarta cidade de España e cuarta área metropolitana por número de habitantes. Ten 696.676 habitantes en 2014,[2] 1.317.098 na área metropolitana, 1.813.908 en total na provincia (datos de 2005). É o principal centro artístico, cultural, financeiro, económico e social do sur de España e un dos máis importantes do sur de Europa. É ademais un importante centro industrial de novas tecnoloxías e aeronáutica (factoría de EADS-CASA establecida no aeroporto). Sevilla e os seus núcleos de poboación satélites non constitúen unha verdadeira área metropolitana senón unha aglomeración urbana, pois carece dun órgano de coordinación no que estean representados tódolos organismos con competencias metropolitanas, tales como os concellos. Aínda que hai órganos mancomunados que se encargan da xestión metropolitana de certas actividades sectoriais (augas, residuos etcétera), non pode por tanto falarse de área metropolitana no seu sentido máis estrito.

De indubidable interese turístico, grazas a numerosos monumentos, prazas, xardíns, igrexas etcétera. Conserva o meirande casco histórico-artístico de Europa. De entre os seus monumentos máis famosos, a Giralda (antigo alminar da mesquita maior, hoxe campanario da Catedral) e a Torre del Oro son os dous máis coñecidos.

Dos seus barrios, Triana, La Macarena, Santa Cruz, Los Remedios, Heliópolis e Nervión son os máis famosos. A Giralda, a Catedral, o Alcázar, o Arquivo de Indias e a súa contorna foron declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1987.

A tan só 20 m sobre o nivel do mar, entre Vega e a Campiña do río Guadalquivir, e á beira deste, conforma unha aglomeración urbana que se estende cara ó Aljarafe, As Marismas, o Parque Nacional de Doñana, a Serra Norte e a Serra Sur.

Coordenadas: 37°22′59″N 5°59′47″O / 37.38306, -5.99639

Sevilla
Flag of Sevilla, Spain
Escudo de Sevilla
Collagesevilla
Localización
Sevilla en España

Sevilla
Sevilla
Sevilla en Provincia de Sevilla

Sevilla
Sevilla
PaísEspaña España
Comunidade AutónomaAndalucía Andalucía
ProvinciaSevilla
ComarcaSevilla
Xeografía
Altitude7 msnm
Superficie140,8 km²
Demografía
Poboación703.206 hab. (INE 2009)
Densidade4.994,36 hab./km²
XentilicioSevillano/na ou hispalense
Outros datos
Código postal410XX
AlcaldeJuan Ignacio Zoido (PP)[1]
www.sevilla.org

Historia

Artigo principal: Historia de Sevilla.

Sevilla é unha das cidades máis importantes na historia de España desde a Idade Antiga en que xurdiu un primeiro núcleo identificado coa cultura tartésica e que, tras a súa destrución atribuída aos cartaxineses, deu paso á cidade romana de Hispalis, xunto á que se construíu a colonia de Itálica. Durante o reino visigodo aloxou nalgunhas ocasións a corte. En Al-Andalus, tras a invasión musulmá, foi primeiro sede dunha cora e despois capital dun reino de taifas. No ano 844 foi saqueada polos viquingos remontando o río Guadalquivir decidindo o emir de Córdoba fortalecer o seu sistema defensivo.

En 1248 incorporouse á cristiá Coroa de Castela, ao ser conquistada baixo o reinado de Fernando III, quen foi o primeiro en ser enterrado na Catedral de Sevilla. A partir de entón Sevilla, repoboada pola aristocracia castelá, como capital do Reino de Sevilla foi unha das cidades con voto en cortes e aloxou a corte itinerante en numerosas ocasións. Durante a Baixa Idade Media a cidade, o seu porto e a súa activa colonia de mercadores xenoveses situáronse nunha posición periférica pero importante no comercio internacional europeo. Nese tempo sufriu dramáticas convulsións económicas demográficas e sociais como a Peste Negra de 1348 ou a revolta contra os xudeus de 1391.

La sevilla del sigloXVI
O porto de Indias, que no século XVI albergaba un gran número de embarcacións ao longo do río Guadalquivir. Obsérvase ao fondo Giralda, á esquerda a ponte de de barcas e á dereita a Torre do Ouro.

Tras o descubrimento de América en 1492, Sevilla converteuse no centro económico do Imperio español. Os Reis Católicos fundaron a Casa de Contratación, desde onde se dirixían e contrataban as viaxes, controlaban as riquezas que entraban de América e, xunto coa Universidade de Mercadores, regulaban as relacións co Novo Mundo.[3]

Durante o século XVI a cidade experimentou un gran desenvolvemento e transformación e construíronse algúns dos edificios máis importantes do centro histórico.[4] A cidade chegou a ser un centro multicultural o que axudaría ao nacemento das artes, xogando un papel importante no Século de Ouro español. Destacaron entón as fábricas de xabón do barrio de Triana, a artesanía da seda e a cerámica sevillana.

Coincidindo co seu momento artístico máis brillante, o Barroco, viuse afectada pola crise do século XVII, o que significou unha decadencia económica e demográfica, á vez que a navegación polo Guadalquivir dificultábase cada vez máis, ata que o monopolio comercial e as súas institucións trasladáronse a Cádiz. Nesta época a cidade padeceu ademais outra grande epidemia de peste que reduciu aproximadamente á metade a súa poboación.

A revitalización da cidade no século XIX, coa industrialización e o desenvolvemento da rede ferroviaria española, coincidiu coa época romántica.

Durante o século XX, ademais de sufrir a represión da Guerra Civil e a posterior ditadura militar, presenciou fitos decisivos como a Exposición Iberoamericana de 1929, a Exposición Universal de 1992 ou a súa elección como capital da autonomía andaluza.[5]

Xeografía

Sevilla Luft 120308
Vista aérea parcial da cidade co Porto de Sevilla ao sur.

O concello de Sevilla localízase principalmente na ribeira esquerda do río Guadalquivir, algúns barrios como Triana e Los Remedios ocupan a marxe dereita deste río navegable que converte a cidade en porto fluvial. No contorno de Sevilla hai unha rica veiga, así como áreas de campiña e de marismas[6] mais dúas zonas altas que configuran a comarca do Aljarafe, moi vinculada coa cidade ao ser a zona de expansión residencial de Sevilla, ao oeste, e os Alcores, ao leste.

A superficie do termo municipal é de 140,8 km2e limita ao norte con La Rinconada, La Algaba e Santiponce; ao leste con Alcalá de Guadaíra; ao sur con Dos Hermanas e Gelves e ao oeste con San Juan de Aznalfarache, Tomares e Camas.[7]

Demografía

Demografía Sevilla (España)
Evolución demográfica de Sevilla desde 1900.

O municipio de Sevilla ten 702.345 habitantes segundo o censo de poboación de 2010 publicado polo INE,[8] das cales 333.490 son homes o cal representan un 47,65% e 366.269 son mulleres que á súa vez representan un 52,35%.

Sevilla é a cuarta cidade de España por poboación, logo de Madrid, Barcelona e Valencia. O área metropolitana de Sevilla ten 1.499.653 habitantes (INE 2008) e 4.535,78 km² de superficie, sendo tamén a cuarta área metropolitana de España e un gran centro turístico, económico, industrial e poboacional.

Desde 1990, a poboación residente en Sevilla hase estancado ao redor dos 700.000 habitantes, sendo o pico superior o censo de 1995 con 719.588 habitantes.

Arquitectura

Catedral

Artigo principal: Catedral de Sevilla.

A Catedral de Sevilla é a catedral gótica máis extensa do mundo e un dos maiores templos cristiáns en canto a tamaño, do mundo.[9] Foi declarada pola UNESCO Patrimonio da Humanidade en 1987.

A súa construción iniciouse en 1401, sobre o soar que quedou tras a demolición da antiga Mesquita Aljama de Sevilla. A construción fundamentalmente de estilo gótico tardío, fíxose en relativo pouco tempo, aínda que as adicións e decoracións fóronse realizando ao longo de varios séculos e por iso ten varios tipos de arquitectura: gótica (1433-1528), renacentista (1528-1593), barroca (1618-1758), académica (1758-1823) e neogótica (1825-1928).

O conxunto monumental da Catedral compleméntano a Giralda, o Patio dos Naranjos e a Capela Real. O Patio dos Naranjos é un espazo rectangular, a modo de patio interior, que actúa como claustro da Catedral. Hoxe día, o Patio dos Naranjos é un dos anexos máis visitados da Catedral.

Reais Alcázares

Artigo principal: Reais Alcázares de Sevilla.
Patio de las doncellas 001
Patio das Doncelas nos Reais Alcázares.

O Alcázar de Sevilla é o palacio real en activo máis antigo de Europa.[10] Empezou a tomar o seu aspecto actual tras a conquista en 713 de Sevilla polos árabes, quen utilizaron os alcázares como residencia dos seus líderes desde o ano 720. Tras a Reconquista en 1248, foi aloxamento do rei Fernando III de Castela, tomándose por costume ser hospedaxe dos sucesivos monarcas.

Unha zona reservada do mesmo utilízase como lugar de aloxamento os Reis de España e demais membros da Casa Real cando visitan a cidade e pasan a noite na mesma. O conxunto monumental e os xardíns son visitables e constitúen un dos principais atractivos monumentais da cidade, xa que foron declarados Patrimonio da Humanidade pola Unesco en 1987. A entrada ao recinto para os cidadáns sevillanos é gratuíta durante todo o ano.

As estancias máis destacadas do recinto son o Patio das Doncelas, patio principal de arte mudéxar andaluz; a Sala dos Reis; a Sala de Carlos V, con grandes tapices, Salón do Emperador, con azulexos do século XV e tapices flamengos; o Salón de Embaixadores, unha sala cuberta por unha cúpula semiesférica adornada de complicados arabescos dourados que constitúe a habitación máis importante do Alcázar; e os Xardíns do Alcázar, que teñen caracteres árabes, renacentistas e modernos e dispón de varias terrazas de vexetación frondosa, con fontes, pavillóns e multitude de laranxeiras e palmeiras.

Arquivo de Indias

Alcaz archiv sev
Alcázar de Sevilla (esquerda) e Arquivo de Indias (dereita).
Artigo principal: Arquivo Xeral de Indias.

O Arquivo Xeral de Indias creouse en 1785 baixo o reinado de Carlos III co obxectivo de centralizar nun único lugar a documentación referente ás colonias españolas, ata entón dispersa en diversos arquivos: Simancas, Cádiz e Sevilla. A Casa Lonxa de Mercadores de Sevilla, construída en época de Felipe II entre 1584 e 1598 por Juan de Mijares sobre planos de Juan de Herrera, é a sede do arquivo.

Os documentos que conserva o arquivo ocupan máis de nove quilómetros lineais de andel. Trátase duns 80 millóns de páxinas e 8.000 mapas e debuxos que proceden fundamentalmente dos organismos metropolitanos encargados da administración das colonias. É o maior arquivo existente sobre a actividade de España en América e Filipinas, contendo información sobre a historia política e a historia social, a historia económica e a das mentalidades, a historia da Igrexa e a historia da arte ou a xeografía daqueles territorios. Garda unha gran cantidade de pezas de gran valor histórico: textos autógrafos de Cristovo Colón, Fernando de Magalláns, Vasco Núñez de Balboa, Hernán Cortés e Francisco Pizarro. Toda esta documentación está ao servizo dos investigadores que pasan cada ano polo arquivo.[11]

O Arquivo é un dos arquivos xerais (xunto co Arquivo Xeral da Coroa de Aragón e o Arquivo Xeral de Simancas) pertencentes ao Estado español. En 1987 foi declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco.

Praza de España

PlazaEspanaDesdeAire
Praza de España desde o norte.
Plaza España 2009 001
Detalle da arcada central.

A praza de España de Sevilla configura un dos espazos abertos máis grande da arquitectura rexionalista. Foi encargada a súa construción ao arquitecto Aníbal González para a Exposición Iberoamericana do ano 1929. Aquí tivo lugar a cerimonia de inauguración da Exposición coa presenza do rei Afonso XIII.

Ocupa unha superficie de 50.000 m², dos cales 19.000 están edificados e os 31.000 restantes son espazo libre, e a canle que ocupa 515 metros de lonxitude con 200 m de diámetro e unha superficie de 14.000 m², convértena nunha das obras máis espectaculares do panorama español, con mestura de estilos mudéxar, gótico e renacentista. A obra comezou en 1914, terminándoa en 1928 o arquitecto Vicente Traver tras a dimisión de Aníbal González como arquitecto director en 1926. Está situada dentro do parque de María Luisa. A entrada é libre e péchase o seu acceso a partir das dez da noite.

Ten forma semicircular que simboliza o abrazo de España e as súas antigas colonias e mira cara ao río como camiño a seguir cara a América. Está decorada con ladrillo visto, mármore e cerámica dándolle un toque renacentista e barroco nas súas torres.

Torre del Oro

Artigo principal: Torre del Oro.

A Torre del Oro de Sevilla é unha torre albarrá situada na marxe esquerda do río Guadalquivir, xunto á praza de touros da Real Maestranza. Posiblemente o seu nome en árabe era Bury al-dahab,[12] en referencia ao seu brillo dourado que se reflectía sobre o río. Durante as obras de restauración de 2005, demostrouse que este brillo, que ata entón se atribuía a un revestimento de azulexos, era debido a unha mestura de morteiro de cal e palla prensada.[13]

É unha torre formada por tres corpos. O primeiro corpo, dodecagonal, foi construído entre 1220 e 1221 por orde do gobernador almohade de Sevilla, Abù l-Ulà. O segundo corpo, tamén dodecagonal, foi mandado construír por Pedro I o Cruel no século XIV. O corpo superior, cilíndrico e rematado en cúpula, foi construído polo enxeñeiro militar Sebastián Van der Borcht en 1760, ano no que tamén se macizó a primeira planta da torre con cascallos e morteiro para reparar os danos sufridos tras o terremoto de Lisboa de 1755, deixando a porta do paso de rolda da muralla como porta de acceso principal.

Foi declarada monumento histórico-artístico en 1931 e foi restaurada varias veces. Na Idade Contemporánea foi restaurada en 1900, entre 1991 e 1992, en 1995 e en 2005. Alberga o Museo Naval de Sevilla.

Barrio de Santa Cruz

Calle juderia
Rúa Judería no barrio de Santa Cruz.

O barrio de Santa Cruz, antiga barrio xudeu medieval situado no casco histórico de Sevilla, é un dos máis emblemáticos e pintorescos da cidade. Con rúas estreitas e sinuosas, as súas casas de estilo sevillano teñen patios señoriais e balcóns con varandas de ferro forxado adornados con flores.

O barrio fundouse cando o rei Fernando III de Castela conquistou a cidade e concentrouse en Sevilla a segunda comunidade xudía máis importante de España, tras a de Toledo. Tras a expulsión dos xudeus en 1483, o barrio foi abandonado e entrou en decadencia, ata que a principios do século XIX procedeuse á súa reurbanización, dirixida polo arquitecto municipal Juan Talavera y Heredia.

No barrio atópase o Convento das Teresas, fundado por Santa Tareixa de Xesús en 1575. Na parte alta do barrio atópase o Hospicio de Venerables Sacerdotes, que foi construído para servir de asilo dos sacerdotes xubilados e contén unha gran cantidade de obras de arte.

Cidades irmandadas

Notas

  1. Juan Ignacio Zoido gaña as eleccións municipais en Sevilla por maioría absoluta, o 22 de maio de 2011.
  2. INE (ed.). "Cifras de poboación referidas ao 01/01/2014.". Consultado o 26 de xaneiro de 2014.
  3. destinosevilla.com (ed.). "Historia de Sevilla". Arquivado dende o orixinal o 28-10-2008. Consultado o 12-12-2008.
  4. Albardonedo Freire, Antonio (2002)
  5. Universidade de Sevilla (ed.). "Historia de Sevilla. Nuestra ciudad". Arquivado dende o orixinal o 23-12-2008. Consultado o 13-12-2008.
  6. rutadelaplata.com (ed.). "Situación de Sevilla". Arquivado dende o orixinal o 21 de novembro de 2008. Consultado o 8 de decembro de 2008.
  7. Diputación de Sevilla (ed.). "Comarcas y Municipios de Sevilla". Arquivado dende o orixinal o 11 de decembro de 2008. Consultado o 11 de decembro de 2008.
  8. Instituto Nacional de Estadística, España (ed.). "Series de poboación desde 1996. Cifras oficiais da Revisión anual do Padrón municipal a 1 de xaneiro de cada ano". Arquivado dende o orixinal o 02-04-2009. Consultado o 13-07-2009.
  9. Andalunet.com (ed.). "Catedral de Sevilla". Consultado o 8-12-2008.
  10. El Mundo.es, ed. (4-12-1994). "Sevilla preparará una boda sin derroche y de «arrope popular»". Consultado o 8-12-2008.
  11. Centro virtual Cervantes (ed.). "Arquivo Xeral de Indias". Consultado o 8-12-2008.
  12. II Congreso internacional. A Cidade en al-Andalus e o Magreb, Fundación El legado andalusí (2002), ISBN 84-932051-7-6
  13. Carlota Muñoz. Archivo de la Delegación del CSIC en Andalucía. El Correo de Andalucía., ed. (23-6-2005). "Reflejos nuevos para la Torre del Oro" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 07-04-2010. Consultado o 8-12-2008.

Véxase tamén

Ligazóns externas

Aeroporto de Sevilla

O Aeroporto de Sevilla, (IATA: SVQ, OACI: LEZL) tamén coñecido como Aeroporto de Sevilla-San Pablo, é un aeroporto español xestionado por AENA e situado a dez quilómetros ao nordeste de Sevilla. A súa última reforma afrontouna en 1992 con motivo da Exposición Universal, construíndose un novo edificio terminal deseñado polo arquitecto Rafael Moneo, ampliándose a plataforma de estacionamento de aeronaves e executándose un novo acceso desde a estrada nacional N-IV; ao sur da pista edifícase unha nova torre de control.

Afonso X o Sabio

Afonso X, nado en Toledo o 23 de novembro de 1221 e finado en Sevilla o 4 de abril de 1284, foi rei de Castela e León.Á morte de seu pai, Fernando III o Santo, retomou a ofensiva contra os musulmáns, e ocupou Xerez (1253), arrasou Salé, o porto de Rabat (1260) e conquistou Cádiz (contra 1262). En 1264 tivo que facer fronte a unha importante revolta dos mudéxares de Murcia e do val do Guadalquivir.

Como fillo de Beatriz de Suabia, da casa de Hohenstaufen, aspirou á coroa do Sacro Imperio Romano Xermánico, proxecto ao que dedicou máis da metade do seu reinado sen obter éxito.

Os últimos anos do seu reinado foron especialmente sombríos, debido ao conflito sucesorio provocado pola morte prematura do seu primoxénito, Fernando de la Cerda, e a minoría de idade dos outros fillos, o que desembocou na rebelión aberta do infante Sancho e de gran parte da nobreza e das cidades do reino. Afonso morreu en Sevilla durante o transcurso desta revolta, non sen antes desherdar ao seu fillo Sancho.

Levou a cabo unha activa e beneficiosa política económica, reformando a moeda e a facenda, concedendo numerosas feiras e recoñecendo en 1273 ao Honrado Consejo de la Mesta.

Tamén é recoñecido pola súa obra literaria, científica, histórica e xurídica realizada polo seu escritorio real. Afonso X patrocinou, supervisou e, moitas veces, participou coa súa propia escritura e en colaboración cun conxunto de intelectuais latinos, hebreos e islámicos coñecido como Escola de Tradutores de Toledo, na composición dunha inxente obra literaria que iniciou en boa medida a prosa en castelán. Destacan as Sete Partidas (Las Siete Partidas), unha recompilación xurídica e de principios do dereito, e algúns tratados de xadrez e de astronomía. Ademais escribiu poesía en galego-portugués, como as Cantigas de Santa María, realizando unha grande achega á lingua culta do momento na corte do reino, a lingua galego-portuguesa. Tamén escribiu poemas trobadorescos. Por todo isto foi alcumado o Sabio.

En 1935 recoñeceuse como astrónomo nomeándose no seu honor o cráter lunar "Alphonsus".

Alta Velocidade Española

A Alta Velocidade Española, coñecida co acrónimo AVE, é unha marca comercial da empresa Renfe Operadora pola que define o servizo comercial con trens de alta velocidade en España. Está operativo dende abril de 1992, cando se inaugurou Novo acceso ferroviario a Andalucía.

Esta división de RENFE creouse en 1992, ao escindírense da empresa matriz outras pequenas empresas, chamadas unidades de negocio. O seu obxectivo era operar os servizos con trens de alta velocidade sobre a mencionada liña Madrid-Sevilla vía Cidade Real, Puertollano e Córdoba.

Actualmente existe unha rede de aproximadamente 2.380 km de vías de largo internacional en España.

Andalucía

Andalucía é unha Comunidade autónoma española situada no sur da Península Ibérica. Limita ao sur co Mar Mediterráneo e o Océano Atlántico, ao norte con Estremadura e Castela-A Mancha, ao leste coa Rexión de Murcia e ao oeste con Portugal.

Está formada por oito provincias: Almería, Cádiz, Córdoba, Granada, Huelva, Málaga, Sevilla e Xaén. A capital da comunidade autónoma é Sevilla, cidade recoñecida no Estatuto de Autonomía como sede da organización institucional da Comunidade Autónoma, denominada Junta de Andalucía.

O novo Estatuto de Autonomía (2007) define Andalucía como unha "realidade nacional".

CB Sevilla

O Club Deportivo Baloncesto Sevilla S.A.D, coñecido tamén coma Coosur Real Betis por motivos de patrocinio, é un equipo profesional de baloncesto da cidade de Sevilla, Andalucía (España). Actualmente o equipo participa na Liga ACB, a máxima categoría do baloncesto español, xogando os seus partidos como local no Palacio Municipal de Deportes San Pablo, un pavillón con capacidade para 7.626 espectadores. Durante anos o equipo foi coñecido popularmente como "Caja San Fernando", por mor do patrocinio desa entidade financeira.

Club de Rugby Ciencias

O Club de Rugby Ciencias, Ciencias Rugby Sevilla ou, como se lle coñece actualmente, Cajasol Rugby Ciencias debido ao seu patrocinador principal (a caixa de aforros andaluza Cajasol), é un club de rugby da cidade andaluza de Sevilla, que xoga na máxima categoría do rugby en España, a División de Honra.

Nos últimos anos, grazas ao proceso de semiprofesionalización do equipo, acadou grandes éxitos no terreo deportivo, gañando o ascenso á División de Honra dende a División de Honra B e, conseguindo no seu primeiro ano na categoría o segundo posto nunha liga regular de dez equipos.

Na tempada 2008-09, o club mudouse por razóns alleas ao club dende o Estadio Olímpico de La Cartuja ao Campo de San Pablo.

Felipe González

Felipe González Márquez, nado en Sevilla, Andalucía o 5 de marzo de 1942, é un avogado, profesor universitario e político andaluz, secretario xeral do Partido Socialista Obreiro Español (PSOE) dende 1974 até 1997 e terceiro presidente do Goberno de España dende a reinstauración da democracia, entre 1982 e 1996.

En 1964, afiliouse ó Partido Socialista Obreiro Español, durante a época de clandestinidade deste. O ano seguinte finalizou os seus estudos de Dereito na Universidade de Sevilla. No Congreso de Suresnes de 1974 do PSOE renovado (escisión do PSOE dirixido por Rodolfo Llopis), Felipe González foi elixido secretario xeral do PSOE. Xa en democracia, obtivo a súa primeira acta de deputado en 1977, sendo o candidato do PSOE á Presidencia do Goberno en 1977 e 1979.

Logo de obter o PSOE a maioría absoluta nas eleccións de 1982, foi investido presidente do Goberno. O seu mandato de trece anos e medio foi o período máis longo dun xefe de Goberno da democracia en España. Baixo a súa dirección, o PSOE logrou dúas maiorías absolutas consecutivas: a de 1982, con 202 deputados no Congreso, e en 1986, eleccións nas que obtivo 184 deputados; asemade, en 1989 obtivo 175 deputados, exactamente a metade dos que compoñen o hemiciclo. En 1993 perdeu a maioría absoluta, obtendo 159 deputados. Logo deste resultado, o PSOE pactou con Convergència i Unió para poder formar goberno. En 1996, perdeu as eleccións ó lograr 141 deputados fronte a 156 que conseguiu o Partido Popular. Foi elixido deputado por última vez en 2000, ano no que concorreu ás eleccións na lista do PSOE pola circunscrición electoral de Sevilla.

Juan Arza

Juan Arza Iñigo, nado en Estella (Navarra) o 12 de xuño de 1923 e finado en Sevilla o 7 de xullo de 2011, foi un futbolista e adestrador de fútbol español. Xogaba de dianteiro e foi internacional coa selección española.

Pedro Amigo

Pedro Amigo de Sevilha ou Pedr'Amigo foi un xograr galego, activo durante a segunda metade do século XIII na Corte do rei castelán Afonso X O Sabio, en Sevilla.

Primeira división española 2010/11

A tempada 2010/11 da Primeira División Española de fútbol foi a 80ª edición desta competición. Comezou o 28 de agosto de 2010 e finalizou o 22 de maio de 2011. O FC Barcelona proclamouse campión por terceira tempada consecutiva e logrou a 21ª liga da súa historia, con dúas xornadas aínda por disputarse. O único representante galego foi o Deportivo da Coruña, que acabou perdendo a categoría, e houbo un único árbitro galego, o ascendido ese mesmo ano Ignacio Iglesias Villanueva.

Os azulgrana sentenciaron o seu terceiro título consecutivo na xornada 36ª, conseguindo 96 puntos, a segunda mellor marca da súa historia. Barcelona, Real Madrid e Valencia clasifícanse de xeito directo para a Liga de Campións, e o Villarreal, que xogará a rolda previa. O Sevilla e o Athletic Club clasifícanse para a UEFA Europa League, que tamén xogou o Atlético de Madrid aínda que xogando unha rolda previa. Por outro lado, Deportivo da Coruña, Hércules e Almería perderon a categoría.

Primeira división española de fútbol

A Primeira División, coñecida como LaLiga e debido a motivos de patrocinio como LaLiga Santander, é a máxima categoría da Liga española de fútbol, na que participan os mellores equipos españois. Comezou a desputarse na tempada 1928-29 e desde entón celebrouse sen interrupcións, a excepción do parón durarte a guerra civil, entre 1936 e 1939.

Un total de 63 equipos pasaron pola categoría, sendo campións só 9 equipos. Real Madrid e Barcelona son os claros dominadores do torneo con 33 e 25 ligas respectivamente. Os outros sete campións son Atlético de Madrid, Athletic, Valencia, Real Sociedad, Deportivo, Sevilla e Betis.

A Primeira División española é a primeira liga do mundo segundo o ránking anual oficial da IFFHS, posto que ocupa de manera consecutiva dende 2010. Ademais, os equipos españois son os máis laureados nas competicións europeas e internacionais.

Provincia de Sevilla

A provincia de Sevilla é unha das oito provincias de Andalucía. Limita coas provincias de Málaga, de Cádiz, de Huelva, de Córdoba, e con Extremadura. A súa capital é a cidade homónima de Sevilla.

Ten unha poboación de 1.811.177 habitantes (2005), repartidos en 105 concellos. Ocupa unha área de 14.001 km².

Real Betis Balompié

O Real Betis Balompié é un equipo de fútbol profesional da cidade andaluza de Sevilla, en España. Actualmente milita na Primeira División. Os seus máximos galardóns son un título de Liga na tempada 1934-35 e dúas Copas do Rei. Foi o primeiro equipo andaluz que xogou en Primeira División, que gañou a Copa do Rei no seu actual formato e que gañou a Liga española, ademais de ser o primeiro en xogar na Liga de Campións da UEFA no actual formato.

Está clasificado na 10ª posición na clasificación histórica da liga, con 47 tempadas na máxima categoría. Nos anos 1995, 1997 e 2005 logrou o 20º posto no Top 25 da clasificación de clubs do mundo da IFFHS. É, ademais, o sexto equipo en número de afeccionados en España (3,3%), segundo unha enquisa do CIS de maio de 2007, por detrás de Real Madrid (32,8%), Barcelona (25,7%), Valencia (5,3%), Athletic (5,1%) e Atlético de Madrid (4,3%).Disputa o derbi sevillano contra o Sevilla FC, club co cal mantén unha gran rivalidade histórica.

Roque Olsen

Roque Germán Olsen Fontana, nado en Sauce de Luna o 9 de setembro de 1925 e finado en Sevilla o 15 de xuño de 1992, foi un futbolista e adestrador de fútbol arxentino. Xogaba de dianteiro.

Segunda división española de fútbol

A Segunda División de España, oficialmente La Liga 2 e coñecida como La Liga SmartBank por razóns de patrocinio, é a segunda categoría da Liga española de fútbol, inmediatamente inferior á Primeira División e por riba da Segunda División B.

En xogo dende a tempada 1928-1929, está organizada pola Liga de Fútbol Profesional, sendo unha das dúas ligas profesionais de fútbol existentes no Estado xunto coa Primeira.

Sevilla Atlético Club

O Sevilla Atlético Club é o equipo filial do Sevilla Fútbol Club. Foi fundado en 1958 e actualmente xoga na Segunda División B Española. No ano 2006 retomou a denominación orixinal de Sevilla Atlético, tras varios anos coa denominación de Sevilla Fútbol Club "B".

O obxectivo do Sevilla Atlético non é a consecución de logros deportivos, senón a de formar xogadores xoves que logo poidan xogar no primeiro equipo.

Sevilla Fútbol Club

O Sevilla Fútbol Club, S.A.D. é o club de fútbol decano da cidade de Sevilla, en Andalucía, fundado o 14 de outubro de 1905. Actualmente, milita na Primeira división española. Está clasificado na 7ª posición na clasificación histórica da Primeira división.Foi premiado pola Federación Internacional de Historia e Estatística de Fútbol como mellor club do mundo en 2006 e 2007, sendo o único equipo en conseguir devandita distinción dous anos consecutivos.

É o equipo andaluz con máis títulos nacionais (1 Liga, 5 Copas do Rei e 1 Supercopa) e o único que ten nas súas vitrinas varios títulos internacionais oficiais (5 Europa Leagues e 1 Supercopa de Europa). Tamén é o club de devandita comunidade que máis veces militou en Primeira División e o único que chegou a ser considerado o mellor club do mundo pola IFFHS, entrando no Top 25 no ano 2006. Ademais ten tres títulos europeos, sendo, xunto ao Málaga CF, os únicos clubs de Andalucía que teñen un título internacional.

UEFA Europa League

A UEFA Europa League, tamén coñecida como Liga Europa da UEFA, é unha competición internacional de fútbol que disputan aqueles equipos que, ou ben gañan as copas das súas respectivas federacións nacionais, ou ben quedan en postos inmediatamente inferiores aos que dan acceso a xogar na Liga de Campións da UEFA nas competicións oficiais de liga das súas federacións.

Foi creada pola UEFA en 1971 baixo o nome de Copa da UEFA (co que se coñeceu ata a tempada 2008-09) en substitución da Copa de Cidades en Feira, torneo que non estivo afiliado á devandita confederación.

O equipo máis laureado da competición é o Sevilla Fútbol Club con cinco títulos, os últimos tres consecutivos. Ademais, España é o equipo que ostenta máis títulos, once, por diante de Italia, con nove, e Inglaterra, con oito..

Vicente Aleixandre

Vicente Pío Marcelino Cirilo Aleixandre y Merlo nado en Sevilla en 1898 e finado en Madrid en 1984, foi un poeta español, pertencente á xeración do 27 e Premio Nobel de Literatura 1977.

Distritos de Sevilla
Capitais de provincias de España

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.