Serra do Larouco

A serra do Larouco é unha das serras do sur de Galiza. Ten orientación NE-SO e fai de límite entre A Limia e Portugal. Prolóngase cara ao norte até tocar a serra de San Mamede, entre as depresións da Limia e Monterrei.

É unha serra de cumios suaves que van gañando altura cara ao sur. Está formada principalmente por granito e por algunhas rochas metamórficas. Boa parte está cuberta de mato e piñeiro de repoboación. Consérvanse zonas de bosque de cerquiño, e destaca o bosque da Rousía, en Baltar.

O punto máximo de altitude é o Coto Farelo, con 1398 metros sobre o nivel do mar.

Véxase tamén

Bibliografía

  • As montañas de Galiza. A Nosa Terra, 2006. ISBN 84-8341-126-1
A Xironda, A Xironda, Cualedro

Vilamaior da Xironda é un lugar da parroquia da Xironda no concello ourensán de Cualedro na comarca de Verín. Segundo o INE e o IGE en 2011 tiña 318 habitantes (155 homes e 163 mulleres).

Atópase ao pé da Serra do Larouco, na fronteira de Galiza con Portugal.

Comarca da Limia

A comarca da Limia é unha comarca galega situada na provincia de Ourense e a súa capital é Xinzo de Limia. A cal pertencen os concellos de Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Barrio, Vilar de Santos e Xinzo de Limia.

A Limia é unha das comarcas naturais máis nítidas de Galicia. Está situada no centro da provincia de Ourense ocupando en gran parte unha ampla depresión tectónica de fondo plano, na cal estivo a lagoa de Antela, desecada a partir do ano 1958. Ten unha altitude media duns 600 metros, cunha topografía de chaira rodeada polo sur pola serra do Larouco.

Os concellos que se inscriben nesta depresión son: Xinzo de Limia, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Vilar de Santos, Trasmiras e un pequeno sector de Os Blancos, xa fóra da depresión, o mesmo cós concellos de Calvos de Randín e Baltar, xa na serra do Larouco. No nordeste, o concello de Vilar de Barrio, xa comeza a situarse na depresión de Maceda, así como nas serras centrais ourensás.

A comarca ocupa unha extensión de 801,9 km² e tiña unha poboación de 21.964 habitantes no 2014 (IGE), cunha densidade de poboación de 27.39 habitantes por quilómetro cadrado. Arredor do 40% desta poboación concéntrase no concello de Xinzo de Limia. Esta comarca está a experimentar un forte proceso de despoboamento, sobre todo nos concellos situados nas zonas montañosas como o de Baltar e o de Calvos de Randín.

O cultivo de cereais e a pataca, produto con denominación de orixe, predominan na maior parte das terras de labradío. A maior superficie dedicada ó cultivo da pataca por produtores a título principal dáse, con moita diferenza, nos concellos de Xinzo de Limia e no de Sandiás.

A Limia é a comarca agrícola extensiva máis importante de Galicia, con 350 familias vivindo exclusivamente da agricultura e outras 500 dedicadas a ela como unha segunda actividade. No relativo ós cultivos, colléitanse unhas 16.000 Has de cereais, cun 55% de trigo; seméntanse unhas 4000 Has de pataca, a maior parte para consumo en fresco, sostendo a única indicación de pataca protexida de Europa. Estes cultivos manteñen un sector de servizos directos (fertilizantes, sementes, fitosanitarios, cereais, talleres) moi desenvolto.

Nos diferentes concellos atopámonos cun maior ou menor aproveitamento gandeiro, avícola e cunícola, destacando os complexos da cooperativa Coren nos concellos de Sarreaus e Porqueira. Esta comarca conta con 350 explotacións de bovino, 319 de ovino-caprino, 91 de aves, 71 de porcino e 9 de coellos. Esta capacidade produtiva dá lugar a un sector de transformación e comercialización agrogandeira que xera máis de 150 empregos directos.

A actividade industrial máis destacada está relacionada co sector da construción, (serradoiros de madeira, canteiras, areeiras etc.).

A vila de Xinzo de Limia actúa como centro comercial de toda a comarca, concentrando asemade a maioría das actividades industriais e de servizos.

Larouco (homónimos)

O topónimo Larouco recibe o nome dunha divindade celta, o deus Larouco. Pode referirse a:

Larouco, concello da provincia de Ourense;

Larouco, parroquia de dito concello;

Larouco, lugar de dita parroquia, capital do concello.

Serra do Larouco, no sur de Galiza.

Monte Xiabre

O monte Xiabre é unha montaña galega, situada entre os concellos de Caldas de Reis, Catoira e Vilagarcía de Arousa. Ten 641 metros de altitude.

Montes da Paradanta

Os montes da Paradanta son unha cadea montañosa que transcorre polos concellos pontevedreses da Cañiza, Arbo e As Neves, en dirección NL-SO. A maior altura chega á cota dos 954 metros no monte Paradanta, situado na Cañiza. Outros montes salientables da serra son o San Nomedio, nas Neves, e o San Fins, en Cabeiras, Arbo.

O último domingo de agosto acolle o curro da Paradanta. Tamén é salientábel a Romaría da Franqueira.

Pico Sacro

O Pico Sacro, coñecido na antigüidade como monte Ilicino, está situado no concello de Boqueixón, na parroquia da Granxa. Nel érguese unha ermida, unha cova con varias entradas e un vértice xeodésico.

Río Búbal, río Támega

O río Búbal ou Buble é un curso fluvial galego que transcorre polos concellos ourensáns de Cualedro, Monterrei e Verín. É afluente do río Támega.

Río Cávado

O río Cávado é un río do Norte de Portugal que nace na serra do Larouco, a unha altitude de cerca de 1.520 metros, pasa por Braga, Barcelos e desauga no océano Atlántico xunto a Esposende, logo dun percurso de 135 quilómetros.

A conca do rio Cávado limitada ao norte con a bacía hidrográfica do río Limia e, ao leste e sur, coas concas do río Douro e do Ave; ten unha área de 1.600 km². O escoamento anual na foz do río é, de media, de 2.123 hm3.

Estímase que a conca hidrográfica do rio Cávado posúe unha capacidade total de almacenamento de recursos hídricos da orde dos 1.180 hm³, en réxime regularizado, valor que corresponde a case un 30 % do total existente en Portugal.

Serra Segundeira

A serra Segundeira é unha serra galega localizada en gran parte na provincia de Zamora mais tamén na zona do Alto do Torno, situado 1.944 metros de altitude, no límite coa Serra do Eixo. Así mesmo, ao sur, está o Pico de Aguallal, con 1.644 m.s.n.m., no concello da Mezquita. Está conformada por granitos e gneis "ollo de sapo".

Serra da Capelada

A serra da Capelada é unha serra galega localizada na provincia da Coruña, concretamente nos concellos de Cedeira e Ortigueira e sobre todo na parte occidental do concello de Cariño, a rentes do océano Atlántico con elevados cantís, un dos cales é considerado o acantilado máis alto da Europa continental, con máis de 600 metros de caída. A serra remata no cabo Ortegal. Tres son os montes principais desta serra: o monte Herbeira (613 m), o monte Limo (558 m) e mais o monte Miranda.

Está considerada unha serra de enorme importancia para o estudo xeolóxico.

Serra da Esculqueira

A serra da Esculqueira é unha serra galega localizada no concello da Mezquita, na fronteira con Portugal. Está conformado por granitos hercinianos de dúas micas. Nas partes altas domina o monte baixo, con xestas, uces, carqueixas, carrascos ou tomelo, así como tamén zona de braña.

Abonda nesta serra os soutos de castiñeiros e hai tamén grandes áreas repoboadas con piñeiros.

O cumio de maior altitude é o Serro (tamén coñecido como Medo), con 1.143 metros sobre o nivel do mar.

Serra da Faladoira

A serra da Faladoira é unha serra galega pertencente á chamada dorsal galega. Esténdese entre os concellos de Mañón e Ortigueira e pecha ao norte na depresión das Pontes. Está conformada por lousas negras xuntos con gneis "ollos de sapo", xistos cristalinos e areíscas das cales sobresaen cristas de granito e cuarcitas.

Conserva algunhas carballeiras mais sobre todo está ocupada por plantacións de eucalipto.

O punto de maior altitude é o monte Caxado, con 756 metros sobre o nivel do mar.

Serra da Queixa

A serra da Queixa é unha serra localizada na parte central do macizo central ourensán. Nela atópanse os puntos máis altos deste: monte de Cabeza de Manzaneda con 1782 m, Cabeza Pequena de Manzaneda con 1777 m e mais Os Toleiros con 1734 m. Está conformada na parte occidental por pelitas e areíscas, e na oriental por granito de dúas micas.

Serra de Meira

A serra de Meira é unha aliñación montañosa da provincia de Lugo, pertencente ao macizo Galaico e forma parte das serras orientais de Galiza.

Esténdese ao oeste do río Eo. Na súa vertente oeste nace o río Miño. Está formada por lousas paleozoicas. O seu monte máis alto é o monte Meira, de 896 m de altitude.

Serra do Barbanza

.

A serra do Barbanza é unha pequena cordilleira montañosa situada na península do Barbanza, na provincia da Coruña. Atópase entre a ría de Muros e Noia e a de Arousa, no extremo occidental de Galicia. Acada cotas superiores aos 600 metros sobre o nivel do mar, a apenas 5 quilómetros do litoral. O punto de máxima altura é o monte Iroite, con 685 metros. Tamén pertence a esta serra o monte da Curota.

Serra do Faro

A serra do Faro é un accidente xeográfico montañoso galego. Separa a comarca do Deza da comarca de Chantada e máis tamén as concas fluviais do Miño e do Ulla, e está unida polo sur á serra do Farelo.

Serra do Galiñeiro

A serra do Galiñeiro é unha cadea montañosa que atravesa os concellos pontevedreses de Vigo, Gondomar, O Porriño, Mos e Tui, en dirección NO - SL. Acada a súa maior altura no monte Galiñeiro, con 711 metros, con cumio no concello de Gondomar. Outros montes importantes son os vigueses Alba e O Cepudo e o tudense Aloia, constituído como parque natural.

Serra do Hospital

A serra do Hospital é a formación montañosa máis salientable dos denominados montes da Fonsagrada. As súas máximas alturas son o Pico do Hospital e o alto de Lagoaseca, ámbolos dous de 1.108 metros.

Serras do sur de Galicia

As serras do sur de Galiza son aquelas que se estenden polo país ao longo da raia con Portugal até o río Miño. Trátase dunha agrupación de serras que non teñen unha continuidade dado que están interrompidas pola depresión de Monterrei. Teñen a fractura de varias fallas con orientación N-S ou NE-S.

Serras e montañas de Galiza
Dorsal galega
Serras setentrionais
Serras orientais
Macizo central ourensán
Serras do sur
Serras litorais
Varias

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.