Serra da Groba

A serra da Groba é un sistema montañoso que atravesa os concellos pontevedreses de Baiona, Oia e O Rosal, en dirección norte - sur. A altura máxima acádaa no Alto da Groba, de 662 metros de altitude[1], en Belesar. Outros picos importantes son Corroubelo, en Pedornes, de 599 m e Campo do Couto, no Rosal, que alcanza os 553 metros. Acolle a máis importante concentración de cabalos de raza galega en liberdade[2].

Rias Baixas 3
Panorámica dende o Alto da Groba. A continuación da masa boscosa esténdese o concello de Nigrán, coa primeira península, máis pequena, Monte Lourido primeiro e despois, de maior extensión, a península de Monteferro, separadas pola Praia América. Detrás sitúase a boca da Ría de Vigo, coas Illas Cíes ao fondo á esquerda. Á dereita da foto sitúase o concello de Gondomar, en terras do Val Miñor. Tamén á dereita, ao fondo, albíscase o monte Galiñeiro.

Xeoloxía

Trátase dun macizo granítico duns 50 km², en contacto no leste coas rochas sedimentarias metamorfizadas que compoñen o Complexo Monteferro - O Rosal. O granito é alcalino, intruído na oroxenia herciniana, e presenta unha intensa foliación manifestada na disposición paralela das súas micas.

Flora e fauna

Cabalo na Serra da Groba
Cabalo na serra da Groba.

A masa arbórea autóctona da serra é a composta por carballos, castiñeiros, salgueiros, loureiros, acivros e sobreiras, maioritariamente. Porén, como noutras zonas de Galiza, predominan as especies de repoboación, basicamente piñeiro bravo e eucalipto azul. O mato componse de toxos e uces, aparecendo nas zonas húmidas a escasa e singular herba das malladas, Nardus stricta. Cómpre salientar a presenza do fento do cabeliño (fento arborescente de nome científico Culcita macrocarpa, con ata tres metros de longo nas follas), e de plantas carnívoras do xénero Drosera, estas últimas en zonas de brañas e lugares húmidos de augas acedas sobre musgos do xénero Sphagnum. En Prado (Viladesuso) medran as Sobreiras do Faro, un bosque de sobreiras único pola súa localización no extremo occidental de Europa e declaradas Espazo Privado de Interese Natural.

A fauna está dominada polo cabalo, o cal dá nome a ruta de sendeirismo sendeiro das Greas que, en parte, transcorre por esta serra. Tamén abundan os raposos, os xabaríns e os coellos. O 90 % das especies de anfibios existentes en Galiza, o 60 % dos réptiles e o 35 % das aves están presentes na serra da Groba. Seguindo o documento do Consello da Cultura Galega, as diferenzas de diversidade observables entre uns e outros grupos de fauna débese á articulación espacial complexa dun reducido número de sistemas simples[3].

Patrimonio

Oia, Mosteiro, 2012
A serra da Groba tras o mosteiro de Santa María de Oia.

A contorna da serra é rica en petróglifos. Presentan formas reticuladas e zoomórficas, círculos concéntricos, espirais, liñas e labirintos. Salientan os petróglifos da Valga, en Loureza e os da Laxe Cruzada, en Torroña, parroquia de Burgueira, que contén un dos cinco labirintos gravados que existen en Galiza. Merecen particular atención os gravados de Auga dos Cebros na parroquia de Oia, na que figuran representadas tres embarcacións de orixe mediterránea, probablemente fenicias, unha das mellores probas arqueolóxicas dos contactos establecidos entre os pobos galaicos e os mediterráneos en tempos protohistóricos.[4] Tamén abundan os muíños naviculares, fochancas barquiformes practicadas nas rochas para moer o gran, así como as mámoas.

Nas parroquias oienses de Mougás e Burgueira hai restos de foxos de lobos, trampas para estes carnívoros deseñadas como unhas paredes converxentes rematadas a xeito de funil, coma o Foxo Pedriño, o maior dos coñecidos en Galiza.[5] Vellos camiños lousados, hórreos (chamados canizos na zona), pontes e muíños de auga completan o patrimonio arquitectónico tradicional da serra.

A cantidade de cabalos ceibes que corren polos montes que compoñen a serra da Groba fan que nos seus escasos cincuenta quilómetros cadrados teñan lugar ata tres curros: na Valga, e nas parroquias oienses de Burgueira (en Torroña) e de Mougás.

Lecer

O sendeirismo é a actividade de lecer máis destacable que se pode practicar na serra. O sendeiro de grande percorrido GR 58, máis coñecido como Sendeiro das Greas e que consta de 247 quilómetros, transcorre en parte pola Groba no tramo que vai dende a Fraga de Oliveira, en Belesar, ata a propia vila de Baiona. No seu traxecto crúzase o río da Groba e pódese gozar das vistas panorámicas das áreas recreativas do Cortelliño e da Chan da Lagoa, as dúas situadas no ascenso ao Alto da Groba. Por outra banda, a Asociación Cultural dos Amigos do Mosteiro de Oia (ACAMO) e a Asociación Naturalista do Baixo Miño (Anabam), en colaboración coa Universidade de Vigo, son os impulsores da coñecida como "Ruta Máxica de Oia", que permite contemplar nun treito de 20 quilómetros dez miradoiros naturais, nove conxuntos de petróglifos, dous castros e sete sitios de interese ambiental.[6]

A equitación e os baños nas pozas situadas nas parroquias de Loureza e Mougás son outros complementos turísticos da zona.

Notas

  1. Segundo o mapa do Instituto Geográfico Nacional (2000). Outras fontes dan unha altura de 652 m (mapa de Galiza de Edicións do Cumio, 2006) ou de 663 m (Turgalicia).
  2. Serra da Groba Turgalicia.
  3. Documento do Consello da Cultura Galega. Entre estes sistemas cita os matos, os prados, as brañas, as fragas, os regatos e as pozas.
  4. Rodríguez Corral, Javier (2009), A Galicia castrexa, Lóstrego Edicións
  5. Segundo o citado documento, consta duns 1.400 metros de paredes.
  6. Las maravillas de Oia, en 20 kilómetros, Faro de Vigo, 5/7/2013.

Véxase tamén

Bibliografía

  • As montañas de Galiza. A Nosa Terra, 2006. ISBN 84-8341-126-1
  • VV. AA. Serra da Groba (Pontevedra) (2008). En Rutas para caminar por Galicia. Montaña y senderismo. Ediciones Nobel (en castelán).

Outros artigos

Ligazóns externas

Alto da Groba

O Alto da Groba é un monte situado na parroquia de Belesar, no concello pontevedrés de Baiona. Cos seus 662 metros de altura é o pico de máis alto da Serra da Groba. Forma parte do sendeiro de grande percorrido GR58, máis coñecido como o Sendeiro das Greas pola gran cantidade de cabalos ceibes que viven na zona.

No ascenso ao cumio existen dúas áreas recreativas, O Cortelliño e A Chan da Lagoa, dende as que se pode enxergar unha boa panorámica do Val Miñor e da entrada á Ría de Vigo, entre outros puntos.

Cordal de Neda

O cordal de Neda é unha serra miúda que forma parte das serras setentrionais de Galiza, situada entre os concellos da Pastoriza e Abadín, no límite norte da comarca da Terra Chá. É de relevo achaiado e ten unha altitude máxima de 798 metros sobre o nivel do mar, concretamente no monte Neda.

Curro da Valga

O curro da Valga é unha rapa das bestas que se celebra na Valga (Loureza, Oia) durante o segundo domingo de maio. É o primeiro curro do Val Miñor- Serra da Groba do ano.

De madrugada os veciños soben ó monte dirixidos polo bestilleiro e acurralan as burras do monte. O rito comeza coa baixa: acoso, acurralamento e condución dos grupos de cabalos. Os animais van descendendo ata chegar ó curro.

No recinto do curro, realízase a rapa das bestas: márcanse (cada dono posúe o seu marco) a lume e córtanselle as crins.

Groba

O topónimo galego Groba pode referirse a:

Groba, lugar da parroquia de Ponte Veiga, no concello do Carballiño;

Groba, lugar da parroquia de Golmar, no concello da Laracha;

A Groba, lugar da parroquia de Moldes, no concello de Boborás;

A Groba, lugar da parroquia de Lebosende, no concello de Leiro;

A Groba, lugar da parroquia de Ribadetea, no concello de Ponteareas;

A Groba, lugar da parroquia de Sanín, no concello de Ribadavia;

O río Groba, no Val Miñor;

A serra da Groba, na comarca do Baixo Miño;

O alto da Groba, monte máis alto de dita serra.

A Groba de Abaixo, lugar da parroquia de Larín, no concello de Arteixo;

A Groba de Arriba, lugar da parroquia de Larín, no concello de Arteixo;

A Costa da Groba, lugar da parroquia de Guláns, no concello de Ponteareas.Amais, como apelido pode referirse a:

Rogelio Groba Groba, músico e compositor galego(n. 1930).

Lugares de importancia comunitaria en Galicia

En Galicia existen 21 novas propostas de lugares de importancia comunitaria (LIC) e 28 de ampliación de zonas especiais de conservación (ZEC) desde 2011. Esta proposta da Xunta de Galicia, e por solicitude da Comisión Europea, suporía aumentar a Rede Natura 2000 galega en 154.174 ha. e acadar, se se aprobase, un total de 528.609 ha. protexidas polos ZEC e ZEPAs.

Montes de Correchouso

Os montes de Correchouso son unha prologación da serra de San Mamede cara ao sueste. O principal monte aquí situado é o chamada Alto de Baroncello, con 1.406 metros sobre o nivel do mar.

Na vertente sur nacen varios afluentes do río Támega.

Montes do Testeiro

Os Montes do Testeiro constitúen unha serra galega localizada entre a Comarca do Deza e a Comarca de Tabeirós - Terra de Montes, de dirección NL-SO e superficie achairada debido á acción dos ríos Deza, Avia e Lérez, os seus cumes máis importantes son o Monte Uceiro (1003 metros) e a Pena Pixín (988 metros).

Outeiro dos Lameiros

O Outeiro dos Lameiros é un petróglifo que se atopa na Serra da Groba, na parroquia de Santa Cristina da Ramallosa, no concello pontevedrés de Baiona. Constitúe un dos conxuntos de maior interese do Suroeste de Galicia.

Pedornes, Oia

San Mamede de Pedornes é unha parroquia do concello pontevedrés de Oia, na Comarca do Baixo Miño. Segundo o IGE, no 2013, tiña 406 habitantes (209 homes e 197 mulleres).Elévase dende o nivel do mar, na Punta Orelluda, ata o Monte do Corrubedo, de 596 metros de altitude, na Serra da Groba.

Hai varios petróglifos, como o de Pedra do Cazador.A festa parroquial celébrase o 7 de agosto.

Rally Serra da Groba

O Rally Serra da Groba é unha proba de rally que se disputou na provincia de Pontevedra, por primeira vez no ano 2011 sendo puntuable para o Campionato de Galicia de Rally.

Rally Serra da Groba de 2013

O Rally Serra da Groba de 2013 foi a 2º edición e a primeira ronda da tempada 2013 do Campionato de Galicia de Rally. Celebrouse do 16 ao 17 de febreiro.

Río da Groba

O río da Groba é un curso fluvial galego que discorre polo concello pontevedrés de Baiona. Nace e discorre pola serra da Groba, e desemboca no Lugar de importancia comunitaria da Ramallosa, xunto cos ríos Miñor e Guillade.

San Cibrán, Donas, Gondomar

San Cibrán é un lugar da parroquia de Donas, no concello pontevedrés de Gondomar, na comarca de Vigo. Segundo o IGE, en 2015 tiña 221 habitantes (118 homes e 103 mulleres).

Na división eclesial, constitúe un anexo pertencente á parroquia de Santa Baia de Donas. No verán ten lugar o curro de San Cibrán, un dos varios que se celebran na Serra da Groba.

Debe o seu nome a San Cibrán, santo que é venerado nunha capela do lugar.

Serra da Pena Forcada

A serra da Pena Forcada é unha pequena cordilleira localizada ao norte da ría de Camariñas, entre Traba e o cabo Vilán. O punto de maior altura é a Torre da Moa con 241 metros sobre o nivel do mar.

Serra de Meira

A serra de Meira é unha aliñación montañosa da provincia de Lugo, pertencente ao macizo Galaico e forma parte das serras orientais de Galiza.

Esténdese ao oeste do río Eo. Na súa vertente oeste nace o río Miño. Está formada por lousas paleozoicas. O seu monte máis alto é o monte Meira, de 896 m de altitude.

Serra de Vilamane

A serra de Vilamane é unhas das serras orientais de Galiza e ten orientación NO-SE. Na vertente oeste nacen varios afluentes do río Navia.

O monte máis alto é o monte Lago, con 1.046 metros sobre o nivel do mar.

Serra do Portelo

A serra do Portelo é unha das serras orientais de Galiza, ten orientación NO-SE e está localizada no concello de Becerreá.

O punto de maior altitude é o Portelo, con 938 metros sobre o nivel do mar.

Tempada 2011 do Campionato de Galicia de Rally

A tempada 2011 foi a edición 33º do Campionato de Galicia de Rally. Comezou o 12 de marzo co Rally do Cocido e rematará o 17 de decembro co Rally Botafumeiro. O calendario estaba composto de nove probas, onde destaca a estrea do Rally Serra da Groba, que se celebrou por primeira vez. Celebránronse as clásicas copas de grupo A, N, X e as copas de promoción: Copa Kumho, Pirelli Top Ten Driver, Volante RACC e Racing Sport Yokohama.

O gañador do campionato de pilotos foi Iván Ares que logrou o seu primeiro título a falta dunha proba para finalizar a tempada, e a bordo dun Mitsubishi Lancer Evo VIII nas sete primeiras probas e nun Porsche 997 GT3 nas dúas últimas.

Tempada 2013 do Campionato de Galicia de Rally

A tempada 2013 foi a edición 35º do Campionato de Galicia de Rally. Comezou o 16 de febreiro no Rally Serra da Groba e rematou o 6 de outubro no Rally Ribeira Sacra. Inicialmente o calendario contaba con nove probas pero a última, o Rally Botafumeiro foi finalmente anulada. O gañador foi Luis Vilariño que venceu en dúas probas e proclamouse campión de Galicia por primeira vez na súa carreira deportiva.

Serras e montañas de Galiza
Dorsal galega
Serras setentrionais
Serras orientais
Macizo central ourensán
Serras do sur
Serras litorais
Varias

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.