Sequoia

A sequoia común[3] é unha árbore do xénero Sequoia, que consta dunha única especie, Sequoia sempervirens, comunmente chamada sequoia común ou sequoia vermella de California, da familia dos alciprestes (Cupressaceae). É unha árbore perennifolia moi lonxeva (entre 2 000 e 3 000 anos) e a máis alta do mundo, chegando a atinxir máis de 112 m de altura e 7 m de diámetro na súa base.

Atopámolas nalgúns parques urbanos e arboredos de Galicia. Salientan os exemplares do Castelo de Soutomaior, en Pontevedra. A plantación máis importante atópase en Poio nas proximidades do Monte Castrove, onde en 1992 se plantaron 500 sequoias vermellas para conmemorar o quinto centenario do descubrimento de América[4][5]. Ademais hai varias plantacións experimentais.

Sequoia común (xénero Sequoia)
Sequoias na California

Sequoias na California
Estado de conservación
Vulnerable

Vulnerable[1]
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Pinophyta
Clase: Pinopsida
Orde: Pinales
Familia: Cupressaceae
Subfamilia: Sequoioideae
Xénero: Sequoia
Especie: S. sempervirens
Especie
Sequoia sempervirens Endl.
Sinonimia

de Sequoia sempervirens:

  • Sequoia gigantea (Lindl.) Endl.
  • Taxodium sempervirens D.Don[2]
As cernadas
Sequoias novas a medrar nas Cernadas, Lira, Salvaterra de Miño
Toro de sequoia sempervirens de 22 anos
Toro de sequoia sempervirens 22 anos. Plantación de Fontao, Foz.
Plantación experimental de Fontao, Foz
Plantación experimental de sequoia sempervirens de Fontao, Foz
Sequoia nova en Fontao, Foz
Secuoia nova entre secuoias máis grandes na plantación experimental de Fontao, Foz. Bosque de ribeira do río Ouro ao fondo. Vaca e cuxo do país á esquerda serven de referencia.
Plantación experimental de sequoia sempervirens en Fontao, Foz
Plantación experimental de sequoia sempervirens en Fontao, Foz. Vese a tona avermellada característica.
Plantación de sequoia sempervirens en Fontao, Foz
Plantación experimental de sequoia sempervirens en Fontao, Foz. Ser humano de 1,65 metros de altura.
Sequoia sempervirens MHNT.BOT.2007.52.2
Sequoia sempervirens

Etimoloxía

O nome galego sequoia, que coincide co normalmente empregado internacionalmente para apelar a estas coníferas típicas da Alta California e do Oregón, vén da homenaxe ao xefe cherokee chamado Sequoyah, se ben cabe consignar que os cherokees e a súa confederación moraban no centro-leste de América do Norte e nunca nos lugares onde medran estas árbores.

Descrición

Coast redwood bark
Detalle da casca.

O tronco é recto, cilíndrico, con pólas horizontais lixeiramente curvas para abaixo e posúe unha casca moi grosa, suave e dunha brillante cor parda-avermellada que vai escurecendo exposta á intemperie. As follas son de tamaños variábeis: entre 15–25 mm, longas e aplanadas en árbores novas e gromos á sombra na zona inferior da copa dos exemplares vellos, até 5–10 mm de longo en gromos expostos a pleno sol na parte superior da copa de árbores máis vellas; entre ambos os extremos hai unha ampla transición de tamaños. Son de cor verde escura nas partes superiores e inferiormente posúen dúas bandas con estomas branco azuladas. A disposición da folla é espiral, aínda que as máis grandes e sombreadas están xiradas para a base para conservar unha posición plana e obter a máxima luz posíbel. Os conos son ovoides, de 15–32 mm de longo e con 15-25 escamas dispostas en espiral; maduran entre 8-9 meses despois da polinización a finais do inverno. Cada escama destes conos contén entre 3 a 7 sementes, cada unha de 3–4 mm de longo e 0,5 de ancho, con dúas alas de 1 mm. Estas sementes son liberadas cando as escamas maduran e se abren ao secar.

Usos

É unha das tres especies de árbores de madeira vermella. Esta, utilizada antigamente na construción, emprégase hoxe en día na ebanistería pola súa alta calidade e a súa rechamante cor. Empréganse tamén coma especie ornamental.

Hábitat e distribución

O seu hábitat natural, que se encontra en sistemas montañosos bastante húmidos onde medran en grupos, resgardándose de fortes ventos e xeadas, encóntrase nunha estreita faixa do oeste de Estados Unidos que abrangue desde a zona meridional de Oregon até a California central, e dáse tanto en zonas chás coma nas húmidas dos outeiros costeiros. Foi introducida en Europa en 1843 e hoxe en día é popular en parques europeos dado o seu alto valor ornamental.

En Galicia plantouse en xardíns urbanos e palaciegos. Hai bos exemplares no Parque de Castrelos en Vigo, na Carballeira de Santa Susana en Santiago de Compostela, nos xardíns de Padrón, en Beluso (Bueu), ou no arboredo do Pazo de Lourizán, en Marín. Por riba destas plantacións sobrancea o bosque de 500 sequoias vermellas de Poio, en Aris preto do monte Castrove.[5]. Ademais existen varias plantacións experimentais, como a de Fontao en Foz, a carón do río Ouro.

En Cantabria existe un arboredo de sequoias, declarado monumento natural en 2003, "Monumento Natural de las Secuoyas del Monte Cabezón", con 848 pés de Sequoia sempervirens e 25 de piñeiro de Monterrei (Pinus radiata), plantados a finais dos anos 40.

Ecoloxía

As sequoias da costa americana ocupan unha estreita faixa duns 750 km de lonxitude e 8–75 km de largura ao longo da beiramar pacífica de América do Norte. A elevación do terreo varía dos 30 até os 750 metros, de cando en vez , baixando até o nivel do mar e culminando os 920 metros (Farjon, 2005). Adoitan medrar nas montañas onde hai máis precipitacións debido á humidade do océano. As árbores máis altas e vellas atópanse en vales e cavorcos fondos onde flúen regueiros todo o ano e as brétemas son habituais. Non medran ben na beiramar, pois non aturan nin o sal nin os ventos excesivos. Os neboeiros si son de importancia na ecoloxía da sequoia costeira do parque nacional Redwood National Park.

A fronteira norte da súa extensión, delimítase por dous arboredos no Chetco River na periferia do oeste das Klamath Mountains, 25 quilómetros ao norte da liña entre California e Oregón. As poboacións máis grandes e máis altas están en Redwood National and State Parks (condados Del Norte e Humboldt) e Humboldt Redwoods State Park (Humboldt County, California). Esta zona nativa fornece un ambiente único con choivas estacionais fortes (até 2.500 mm ou 100 polgadas anualmente). O ar fresco mariñán e mais a brétema manteñen unha humidade constante durante todo o ano nestas fragas. Varios factores, incluíndo as precipitacións fortes, crean un solo con menos nutrientes dos necesarios, causando que as sequoias dependan moito de toda a comunidade biótica do bosque, cunha reciclaxe completa das árbores mortas. Esta comunidade biótica inclúe as especies a seguir: Abeto de Douglas, Tsuga heterophylla (tsuga de Alberta), Lithocarpus densiflorus, Arbutus menziesii (érbedo do Pacífico), e outras árbores ademais dunha gran variedade de fentos, musgos e cogomelos. As sequoias fornecen un hábitat para una gran variedade de mamíferos, paxaros, réptiles e anfibios. Os troncos vellos e podres de subministran un hábitat axeitado para especies ameazadas coma a curuxa pintada (Strix occidentalis) ou o paxaro mariño californiano Brachyramphus marmoratus.

A grosa casca, rica en taninos, combinada coa follaxe que comeza a se desenvolver a grande altura, subministran unha boa protección fronte as frecuentes vagas de lumes ou os danos que causan as pragas de insectos, o que contribúe á lonxevidade das sequoias. A sequoia costeira máis vella coñecida ten arredor dos 2.200 anos;[6] mais é normal que moitos exemplares pasen dos 600 anos en fragas primarias. As numerosas declaracións da existencia de árbores aínda máis vellas, son incorrectas. Curiosamente, e por mor do aparente período de vida eterna das mesmas, as sequoias costeiras denomináronse “Sequoias eternas” a principios do século XIX; en latín “sempervirens” significa sempre verde ou eterno, unha coincidencia descoñecida a todo aquel que nomeou a eses xigantes. A localización prehistórica dos fósiles do “genus” é considerabelmente maior cunha distribución cosmopolita que inclúe Europa e Asia até hai uns 5 millóns de anos.

Reprodución

A súa reprodución é asexual e sexual. Así os gomos son clons idénticos coa mesma materia xenómica. A produción de sementes comeza contra os 10 ou 15 anos de idade e frecuentemente ocorren colleitas grandes de sementes, porén a viabilidade da semente é baixa, tipicamente por baixo do 15%.[7] Pode ser que a baixa viabilidade sexa unha adaptación para desanimar aos depredadores de sementes, os cales non queren gastar o tempo a buscar entre as sementes comestíbeis. As sementes que presentan unha especie de ás na súa periferia, son miúdas e lixeiras, chegando a pesar entre 3,3 e 5 mg (200-300 semente/gramo). As "ás" non son efectivas para un espallamento amplo, e o vento espállaas entre 60 e 120 metros de media da distancia da árbore orixinaria. O crecemento das plantas de pebideiro é moi rápido, e coñécense casos de árbores novas que acadaron os 20 metros de altura en 20 anos.

Lonxevidade e tamaño

A sequoia vermella máis vella ten uns 2.200 anos; moitas outras exceden os 600 anos. Aínda que das sequoias é moi coñecida a súa lonxevidade, hoxe en día é o ser vivo máis grande do planeta. No pasado foi superado por eucaliptos e abetos agora xa extintos. A forma da súa estrutura é rechamangueira: a partir da mesma raíz medran troncos independentes mais moi próximos uns dos outros, de xeito que se un fora danado, os demais desenvolveranse independentemente, aínda que achegando zume ao tronco que a necesita.

As sequoias máis grandes

Hyperion é o nome que o equipo de Chris Antkins deu á árbore que polo de agora é o ser vivo máis alto do mundo, unha sequoia vermella que mide 115,55 m de alto.

Esta árbore, xunta outras tres que bateron a marca da Stratosphere giant (112,9 m), atópanse no Parque Nacional de Redwood, no norte de San Francisco, California.[8]

A seguir subminístrase unha listaxe dos exemplares máis grandes desta especie:

Nome dado á árbore Localidade Altura Diámetro (b.h) Volume Fonte
    (m) (m) (m³)  
Lost Monarch JSRSP 98,0 7,9 1.203,5 [8]
Xeneral Sherman SNP 84,3 11 1486,6
Fusion Giant, aka Melkor RNP 106,3 6,8 1.107,2 [8][9]
Iluvatar PCRSP 91,5 6,25 1.061,9 [8]
Titán do Norte JSRSP 93,6 7,3 1.053,4 [8]
O Vello do Norte JSRSP 98,7 7,1 1.002,4 [8]
Howland Hill Giant JSRSP 100,6 5,85 950,9 [10]
Sir Isaac Newton PCRSP 7,01 940,0 [10]

A orde e mais a altura poden cambiar por mor a novos descubrimentos, perdas de talo e de follaxe, maior crecemento e novas medicións. Unha das máis coñecidas bases de datos para grandes coníferas é "The gymnosperm database",[6] mais os seus datos poden diferir doutras fontes.

Os exemplares máis altos

Nome da árbore Altura Localización
  (m) (ft)  
Hyperion 115.61 379.3 PNR
Helios 114.58 375.9 PNR
Icarus 113.14 371.2 PNR
Stratosphere giant 113.11 371.1 HRSP
National Geographic 112.71 369.9 RNSP
Orion 112.63 369.5 RNSP
Lauralyn 112.62 369.5 HRSP
Paradox 112.56 369.3 HRSP
Mendocino 112.20 368.1 MWSR
Apex 112.00 367.4 HRSP

Galiza

Poio, bosque de sequoias 01-05b
Bosque de sequoias de Poio

En Galiza plántanse coma ornamental en arboredos e pazos dende hai anos. Algúns exemplares de sequoias figuran no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia:

Ademais hai algunhas plantacións experimentais e bosques:

Máis sobre secuoias en Galicia: Presentación sobre as secuoias

Véxase tamén

Notas

  1. Farjon, A. & members of the Conifer Specialist Group. "Sequoia sempervirens". Lista Vermella de especies ameazadas. (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza.
  2. "Sequoia". Tropicos.org. Missouri Botanical Garden. Consultado o 8 de junio de 2010.
  3. Nome común da especie en galego en Guía das árbores de Galicia, A Coruña, Baía Edicións, 1997; e Termos esenciais de botánica, Universidade de Santiago de Compostela, 2004; a través de Buscatermos da USC
  4. https://www.congress.gov/bill/102nd-congress/house-joint-resolution/529
  5. 5,0 5,1 http://galego.lavozdegalicia.es/noticia/pontevedra/poio/2015/05/17/bosque-secuoyas-poio/0003_201505P17C7991.htm
  6. 6,0 6,1 "Sequoia sempervirens". The Gymnosperm Database. Consultado o 23 de agosto de 2008.
  7. "Botanical Garden Logistics" (PDF). UC Berkeley – Biology 1B – Plants & Their Environments (p. 13). Department of Integrative Biology, University of California-Berkeley. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 10 de setembro de 2008. Consultado o 23 de agosto de 2008.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 8,5 "Prof Stephen Sillett's webpage". Arquivado dende o orixinal o 09 de maio de 2008. Consultado o 11 de decembro de 2012.
  9. Vaden, M. D. (2008). Grove of Titans & Atlas Grove. Website Documentary Page.
  10. 10,0 10,1 Van Pelt, R. (2001). Forest Giants of the Pacific Coast. Global Forest. ISBN 0-295-98140-7.
Bosque

Un bosque (da palabra xermánica busch: arbusto e por extensión monte de árbores), ou foresta (do latín foresta) se é de grande extensión, é unha superficie con gran densidade de árbores pero con presenza de estratos arbustivos, herbáceos e musgos máis ou menos importantes. Estas comunidades de plantas cobren grandes áreas do globo terráqueo e funcionan como hábitats dos animais, moduladores de fluxos hidrolóxicos e conservadores do solo, constituíndo un dos aspectos máis importantes da biosfera da Terra. Aínda que a miúdo consideráronse como consumidores de dióxido de carbono, os bosques maduros son practicamente neutros en canto ao carbono, e son soamente os alterados e os novos os que actúan como devanditos consumidores. De calquera xeito, os bosques maduros xogan un importante papel no ciclo global do carbono, como reservas estables de carbono e a súa eliminación comporta un incremento dos niveis de dióxido de carbono atmosférico.

Os bosques encóntranse en tódalas rexións en que é posible o seu crecemento, ata a altitude chamada "a liña das árbores" (liña tope imaxinara a partir da cal non se dá o crecemento, debido ó frío ou a escaseza de osíxeno) e excepto en zonas de baixa pluviosidade ou risco frecuente de incendios forestais. En xeral, os bosques conteñen un gran número de árbores de diferentes especies e alturas combinadas con capas de vexetación baixa, o que proporciona unha eficiente distribución da luz solar. Os bosques ás veces conteñen moitas especies de árbores dentro dunha pequena área (como a selva chuviosa tropical e o bosque temperado caducifolio), ou relativamente poucas especies en áreas grandes (por exemplo, a taiga e bosques áridos montañosos de coníferas). Un bosque, na súa forma natural, é o fogar de moitas especies animais e vexetais, e o peso da súa biomasa nun quilómetro cadrado dado é alto, comparado con outros ecosistemas. A maior parte desta biomasa áchase no subsolo nos sistemas de raíces e como detritos de plantas parcialmente descompostos. O compoñente leñoso dun bosque contén lignina, cuxa descomposición é relativamente lenta comparado con outros materiais orgánicos como a celulosa e outros carbohidratos.

A ciencia que estuda os bosques como explotación comercial denomínase silvicultura.

Coníferas

As coníferas (do latín cōnum < grego κῶνος "cono, piña" e fer- "levar") son as plantas ximnospermas da división Coniferophyta (ou Pinophyta), na súa maior parte árbores, mais tamén arbustos escandentes, presentes nas rexións tropicais e temperadas do planeta, onde son a principal compoñente da flora alpina. Son os vexetais capaces de vivir máis tempo: entre os piñeiro de California, hai exemplares con máis de 4.600 anos. No Hemisferio Norte, as coníferas forman extensos bosques en zonas de clima rigoroso que non poden poboarse por outras especies de árbores.

Exemplos de coníferas son as árbores do xénero Pinus, como os piñeiros de Europa (P. pinaster, P. pinea, P. sylvestris etc.), os abetos, as sequoias, os lárices, as piceas, os cedros, os alciprestes, as araucarias etc. As sequoias de California considéranse xigantes pola súa altura e robustez, unha vez que chegan a medir máis de 100 m de altura e poden vivir máis de 3.000 anos.

Criptomeria

A criptomeria ou cedro xaponés, Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don, é a única especie de árbore do xénero Cryptomeria.

É unha conífera pertencente á familia das cupresáceas, endémica do Xapón, onde é coñecida co nome xaponés de sugi (杉). En Occidente incrementouse o uso do termo "sugi" para se referir a esta árbore, xa que semella máis axeitado ca o usado antigamente: "cedro xaponés", xa que o "sugi" non é un auténtico cedro (xénero Cedrus).

É unha árbore perennifolia moi grande, acadando 70 m de altura e 4 m de diámetro de toro, con casca vermella acastañada con frecos en tiras verticais. Follas espiraladas, tipo agulla, de 0,5–1 cm de longo; conos de semente globular, de 1–2 cm de diámetro con preto de 20–40 escamas. É superficialmente semellante á relacionada sequoia xigante (Sequoiadendron giganteum (Lindl.) J.Buchholz ), diferenciándose polas follas máis longas (debaixo de 0,5 cm na sequoia xigante) e de conos máis pequenos (4–6 cm na sequoia xigante), e de máis dura cortiza (magra, macía, mol).

A criptomeria xaponesa cultivouse por moito tempo na China, que quizais sexa o seu sitio nativo. As formas seleccionadas son para planta ornamental e produción madeireira.

Hai moito que na China se describiu unha variedade: Cryptomeria japonica var. sinensis (ás veces considerada unha especie distinta, Cryptomeria fortunei Otto & F.Dietr. ), porén non difiren en toda a área do Xapón, ademais de non existir unha evidencia definitiva como para saber o que ocorreu na China.

Cupresáceas

Véxase Pinidae para unha introdución a estes gruposA das cupresáceas (Cupressaceae) é unha familia de coníferas da orde das pinales que inclúe árbores e arbustos sempre verdes, de 1 a 116 m de altura, coma os cipreses, os falsos cipreses, as tuias, os xenebreiros, as sequoias e similares.

A familia está subdividida en sete subfamilias que comprenden uns 27 ou 30 xéneros, segundo os autores, con ao redor de 130 a 140 especies (moitas delas monotípicas, é dicir, que son as únicas do seu respectivo xénero).

En Galiza son moi cultivadas en xardinaría, sendo a única especie autóctona o xenebreiro Juniperus communis L., subespecie nana Syme (=Juniperus nana Willd.), que medra espontaneamente en alturas superiores aos 1700 msnm nos Ancares e en Pena Trevinca.

Fu Manchu (grupo musical)

Fu Manchu é unha banda estadounidense de stoner rock procedente do condado de Orange (California), e que editou o seu traballo de debut, o sinxelo "Kept Between Trees", en 1990.

Kauri

O kauri (Agathis australis) é unha conífera endémica que crece no norte da Illa Norte de Nova Zelandia e é a maior especie de árbore de Nova Zelandia, rivalizando no diámetro do seu tronco coa sequoia.

As árbores de kauri crecen rectas e até unha grande altura (aproximadamente uns 50 m), cunha cortiza suave e pequenas follas ovaladas. Cando a árbore é nova, ten a forma dun cono estreito con pólas saíndo ao longo de toda a lonxitude do tronco. Os troncos crecen rectos e, a medida que van gañando altura, as pólas máis baixas van caendo até que finalmente as pólas superiores convértense nunha coroa impoñente que sobresae por riba das demais árbores e domina o bosque. Ao caeren as pólas inferiores, o tronco transfórmase nunha gran columna sen pólas. A cortiza despréndese do tronco en escamas de pequeno tamaño, o que impide que outras plantas epífitas ruban ao seu tronco.

A reprodución ten lugar entre piñas masculinas e femininas dunha mesma árbore. A fertilización das sementes pode levarse a cabo mediante pole do mesmo ou de diferente árbore. As piñas femininas tardan dous anos en madurar. As sementes dispoñen de alas e son dispersadas polo vento cando as piñas se desintegran.

O tamaño, dureza e resistencia da madeira de kauri fixeron dela un material popular na construción de edificios e barcos, especialmente para mastros, debido á súa veta paralela e á ausencia de ramas até unha grande altura. A cor clara da súa madeira facíaa tamén particularmente axeitada para a fabricación de mobiliario. Así mesmo, utilizábase para a construción de pontes, valos, encoros, moldes para a forxa de metais, tinas, cisternas, barrís, rodetes para a industria téxtil, travesas de ferrocarril, madeiros para minas e túneles etc. A coroa e o toco da árbore posúen unha veta moi apreciada pola súa beleza, polo que se usou para panelar paredes e para fabricar ornamentos e móbeis.

Porén, intensivamente talado para explotar a súa madeira no pasado, o kauri é na actualidade moitísimo menos común que nos tempos anteriores á chegada dos europeos a Nova Zelandia, até o punto de que estivo a punto de desaparecer.

Os antepasados do kauri apareceron durante o período Xurásico (hai entre 190 e 135 millóns de anos). Os escasos bosques de kauris aínda existentes encóntranse na metade setentrional da Illa Norte. Quizá a árbore de kauri máis famosa é a denominada Tane Mahuta, situada no bosque de Waiopoua (rexión de Northland), e cuxo nome significa O señor do bosque en maorí. Trátase do maior árbore de kauri que existe na actualidade (4,4 m de diámetro e 17,7 m de altura até o nacemento da primeira rama). A árbore máis anciá é a denominada Te Matua Ngahere (O pai do bosque), tamén no bosque de Waiopoua e cunha idade estimada duns 2.000 anos. Algúns dos maiores exemplares talados nos dous últimos séculos eran moito máis vellos.

Os bosques de kauris non son realmente áreas nas que só medre o kauri, senón que existen tamén podocarpos (como o rimu, o miro, o toteira, o toatoa e o tanekaha) e outras árbores de madeira dura, como o tawa e o taraire. O sotobosque é denso e exuberante, con pequenas árbores, matogueiras, felgos, musgos, liques, plantas epífitas e bexucos. Os escasos bosques superviventes de kauris de Nova Zelandia convertéronse nunha atracción turística debido ao tamaño dos kauris.

A finais do século XIX e principios do XX, a goma de kauri (resina de kauri semifosilizada) converteuse nun artigo valioso, particularmente para a produción de vernices, e foi o centro dunha industria considerábel naquel tempo.

Metasequoia

Metasequoia é un xénero de árbores pertencente á familia das Taxodiáceas. Consta dunha soa especie, a falsa sequoia, sequoia do alba ou metasequoia (Metasequoia glyptostroboides). A metasequoia é unha árbore que se desenvolve axiña, orixinaria de Sichuan-Hubei, rexión da China. É a única especie viva no xénero, mais se coñecen tres especies fósiles. Cómpre non confundila coas outras dúas especies de sequoias, coas que integra a subfamilia Sequoideae: a sequoia xigante (Sequoiadendron giganteum) que acada alturas de até 85 m e mais a sequoia común (Sequoia sempervirens), que é a conífera máis alta que existe, chegando a acadar máis de 115 m de altura.

Palo Alto

Palo Alto é unha cidade do condado de Santa Clara, no estado de California (Estados Unidos). Atópase na Área da Baía de San Francisco, no extremo norte de Silicon Valley, preto da Universidade de Stanford. Moitas empresas de tecnoloxía, como Hewlett-Packard ou Xerox teñen a súa sede en Palo Alto.

Palo Alto fundouse en 1887 e o seu nome vén dunha sequoia xigante chamada 'el Palo Alto'. O nome foi asignado polo tamaño e a grande visibilidade da árbore na área da baía de San Francisco.Tamén é o lugar onde naceu a primeira organización ciberactivista da historia, Computer Professionals for Social Responsibility, por posibles tentativas que induciran a guerras nucleares.

Parque Nacional de Yosemite

O Parque Nacional de Yosemite / joʊˈsɛmɨti sitúase a aproximadamente 320 km ao leste de San Francisco, en California, Estados Unidos. Cobre unha área de 3.081 km² e esténdese a través das ladeiras orientais da cadea montañosa de Serra Nevada. É visitado por máis de tres millóns de persoas cada ano, e a gran maioría só percorre a parte do val de Yosemite. Foi nomeado Patrimonio Mundial da Humanidade pola UNESCO en 1984 e é recoñecido internacionalmente polos seus cantís de granito, fervenzas, ríos cristalinos, fragas de sequoias xigantes e a gran diversidade biolóxica (cerca do 95% da área do parque está denominada zona salvaxe). Foi o primeiro parque disposto polo goberno federal dos Estados Unidos e a través do traballo de persoas como John Muir foi un punto relevante no desenvolvemento da idea de parques nacionais.

Yosemite é un dos hábitats máis grandes e menos fragmentado, posúe unha gran diversidade de plantas e animais. O parque ten unha elevación que vai de 600 a 4.000 metros e contén cinco zonas principais de vexetación: área boscosa de carballos, vexetación de baixa montaña, vexetación de alta montaña, vexetación subalpina e vexetación alpina. Das 7.000 especies de plantas de California, arredor do 50% atópanse en Serra Nevada, e máis do 20% dentro do Parque Yosemite.

Parque do Laberint d'Horta

O parque do Laberint d'Horta é un xardín histórico situado no distrito de Horta-Guinardó de Barcelona, o máis antigo que se conserva na cidade. Atópase na antiga propiedade da familia Desvalls, nunha ladeira da serra de Collserola. Iniciado en 1794 e acabado na súa primeira fase en 1808, foi obra do arquitecto italiano Domenico Bagutti. O parque inclúe un xardín neoclásico do século XVIII e un xardín romántico do século XIX.

Pseudotsuga

Pseudotsuga é un xénero de coníferas dentro da familia das pináceas. En galego adoitan chamarse abetos de Douglas, malia non sere realmente abetos. Hai cinco especies, dúas no oeste de América do Norte, unha en México e dúas no leste de Asia. As pseudotsugas plantearon problemas de clasificación aos botánicos do século XIX por mor á semellanza que presentan con outras coníferas coñecidas no seu tempo, o que orixinou que unhas veces foran clasificadas en Pinus, Picea, Abies, Tsuga, e incluso nas Sequoia. Por mor aos seus conos distintivos, os abetos de Douglas finalmente foron clasificados no novo xénero Pseudotsuga (que significa "falso Tsuga") polo botánico francés Carrière en 1867.

En Galicia atopamos algún exemplar de abeto de Douglas común (Pseudotsuga menziesii) nos arboredos e xardíns de pazos e castelos principalmente.

Sequoia xigante

Sequoiadendron é un xénero de árbores pertencente á familia das Cupresáceas, tamén chamada Taxodiáceas. Este xénero ten unha soa especie, Sequoiadendron giganteum Buchh, a sequoia xigante. Sequoaidendron giganteum é unha das tres especies de coníferas coñecidas como sequoias, clasificada na subfamilia das Sequoioideae, xunto con Sequoia sempervirens (a sequoia común) e Metasequoia glyptostroboides (a sequoia do alba ou metasequoia).

Sequoioideae

As sequoias (Sequoioideae) forman unha subfamilia pertencente á familia Cupressaceae. Esta subfamilia contén unha das árbores máis altas do mundo. Malia seren enormes no tamaño, as súas sementes resultan ser moi miúdas, non sendo máis grandes cás sementes da tomateira. Estas árbores tamén poden vivir até unha idade moi avanzada. Algúns viven durante centos e incluso milleiros de anos. Esta subfamilia está en perigo de extinción por mor á talla e a perda de hábitat.

Stephan Endlicher

Stephan Ladislaus Endlicher, nado en Presburgo (hoxe Bratislava) o 24 de xuño de 1804, e finado en Viena o 28 de marzo de 1849, foi un botánico, lingüista, sinólogo, historiador, arqueólogo e numismático austríaco.

Foi director do Xardín botánico de Viena e famoso por ser o descritor do xénero Sequoia, entre outros.

Xardín botánico de Padrón

O xardín botánico de Padrón é un xardín de pequeno tamaño situado na vila de Padrón, á beira da estrada nacional N-550. Conta cun elevado número de especies vexetais, algunhas delas moi senlleiras ou de gran rareza en Galicia. Varios exemplares arbóreos deste xardín aparecen, pois, no Catálogo de Árbores Senlleiras da Xunta de Galiza.

Xeneral Sherman (árbore)

O Xeneral Sherman é unha sequoia xigante situada dentro do Parque Nacional da Sequoia en California, nos Estados Unidos de América. É a meirande árbore do mundo e tamén o organismo vivo máis grande que existe. A súa idade está estimada en 2200 anos.

Árbores senlleiras de Galicia

Unha árbore senlleira é unha árbore que, polas súas características extraordinarias ou destacábeis (tamaño, idade, significación histórica ou cultural, rareza, beleza etc.) é considerada reliquia botánica, obxecto de respecto veciñal e con valor científico, cultural, didáctico, paisaxístico ou ornamental. En Galiza aparecen no Catálogo galego de árbores senlleiras elaborado e regulado pola Xunta de Galicia dende o ano 2007 a través do Decreto 67/2007, do 22 de marzo coa finalidade de protexelas de riscos e ameazas, garantindo a súa conservación.

En Galiza salientan os carballos, castiñeiros, teixos e sobreiras como árbores autóctonas. Tamén aparecen moitas especies ornamentais como camelias, sequoias ou alciprestes.

Á hora de seleccionar os exemplares ou formacións senlleiras estúdase a idade dos exemplares, relevancia cultural (criterios históricos e tradicionais), valor estético (criterios estéticos e dendrométricos), rareza (criterios biolóxicos e ecolóxicos) na súa situación ou na súa distribución (criterios de situación) etc.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.