Sentido (bioloxía)

Os sentidos son o mecanismo fisiolóxico da percepción. O estudo e clasificación dos sentidos é obxecto de varias ciencias, sobre todo a fisioloxía, as neurociencias, a psicoloxía cognitiva e a filosofía da percepción.

Os sentidos nos seres humanos

  • O sentido da vista ou da visión é a capacidade de detectar as ondas electromagnéticas dentro do espectro visíbel polo ollo, e interpretar polo cerebro a imaxe formada na retina como vista. Hai desacordo entre os expertos de se constitúe un, dous ou tres sentidos distintos, dado que diversos receptores son responsábeis da percepción da cor (frecuencia da luz) e o brillo (enerxía da luz).[1] Algúns discuten que a percepción da profundidade tamén constitúe un sentido, pero parece claro que isto é realmente unha función postsensorial cognitiva derivada de ter visión.
The way you hear it
Cadro de Jan Steen no que concorren os sentidos.
  • O sentido do gusto ou do sabor (gustación) é un dos dous sentidos químicos do organismo. É ben sabido que existen polo menos catro tipos de sabores distintos [2] e, consecuentemente, de receptores na lingua e polo tanto, como é de esperar, son os anatomistas os que discuten se estes constitúen un, catro ou máis sentidos, dado que cada receptor transporta a información a unha rexión lixeiramente diferente do cerebro. Os catro receptores ben coñecidos son os que detectan o doce, o salgado, o amargo e o ácido, aínda que os receptores para doce e amargo non se identificaron de maneira definitiva. Un quinto receptor para unha sensación chamada umami foi descrito por primeira vez en 1908 e a súa existencia confirmada no ano 2000. O receptor do umami detecta o aminoácido ácido glutámico, un sabor encontrado comunmente na carne e en condimentos artificiais, tales como o glutamato monosódico.[3]
  • O sentido do oído ou da audición é o sentido da percepción de vibracións do aire que oscilen entre os 20 e os 20.000 Hz. O son pódese detectar tamén como vibracións conducidas a través do corpo polo tacto. As frecuencias que están fóra do campo citado, máis baixas (infrasons) e máis altas (ultrasóns), só se detectan desta maneira.
  • O sentido do olfacto ou do olor (olfación) é o outro sentido químico. É diferente do gusto, porque hai centenares de receptores olfactivos, cada un adaptado para unirse a unha molécula de características particulares, segundo a teoría actual. No cerebro, o olfacto procésase polo sistema olfactivo. As neuronas olfactivas do receptor no nariz diferéncianse da maioría das outras neuronas en que morren e se rexeneran regularmente.
Cómpre sinalar que nos organismos acuáticos non hai diferenzas importantes entre o olor e o gusto.
Richard Axel e Linda B. Buck obtiveron o premio Nobel de 2004 en fisioloxía e medicina polo seu traballo sobre o olfacto, publicado primeiro nun artigo en 1991 no que se describía a gran familia de cerca de mil xenes que codifican os receptores do olor e como os receptores se relacionan co cerebro.

Os sentidos restantes pódense considerar tipos de tacto ou sensación física do corpo (somatosensación).

  • O sentido do tacto é a percepción da presión, xeralmente na pel.
  • A termocepción é tanto a percepción da calor como da súa ausencia (frío). Foi o primeiro dos grupos de sentidos non identificados explicitamente por Aristóteles. Existe tamén un certo desacordo sobre cantos sentidos representa este debido a que os termorreceptores da pel son absolutamente diferentes dos termorreceptores homeostáticos que proporcionan a regulación da temperatura interna do corpo.
  • A nocicepción (ou nocicepción, ou nocipercepción) é a percepción da dor. Os tres tipos de receptores da dor son cutáneos (pel), somáticos (articulacións e ósos) e viscerais (órganos do corpo).
  • A propiocepción é a percepción do coñecemento do corpo ou da situación das diferentes partes do noso corpo (se estamos deitados, de pé, sentados, boca a abaixo etc.).
  • A equilibriocepción ou sentido do equilibrio[4] é a sensación de equilibrio, cuxo órgano está nas tres canles semicirculares do oído interno, permitindo a detección dos tres eixes do espazo: arriba-abaixo, esquerda-dereita e cara a adiante-cara a atrás.

O termo sentido foi utilizado polo lóxico Gottlob Frege para denominar o modo de presentación dun obxecto asociado a un nome propio da linguaxe natural, así como tamén o pensamento expresado por unha oración afirmativa.

Sentidos non humanos

Notas

  1. Os conos e os bastóns.
  2. Salgado, doce, ácido e amargo.
  3. O glutamato monosódico, sal monosódico do ácido glutámico, de fórmula HOOC─CH(NH2)─CH2─CH2─COONa, é un po cristalino de cor branca, solúbel en auga e con sabor a carne, que se obtén por hidrólise de proteínas vexetais e se emprega para dar sabor aos alimentos e na fabricación industrial se sopas, pratos cociñados e salsas de sabor a carne de polo; é un aditivo presente en alimentos preparados, como sopas, cremas, caldo en pastillas etc. O seu uso na industria conserveira de peixe está prohibido.
  4. Que non se considera cando falamos dos cinco sentidos.

Véxase tamén

Antiparalelismo (bioquímica)

En bioquímica, dous biopolímeros presentan antiparalelismo ou son antiparalelos se discorren paralelamente un con respecto ao outro pero en direccións opostas. Un exemplo son as dúas cadeas complementarias que forman a dobre hélice do ADN, que discorren en direccións opostas (por onde empeza unha acaba a outra).

Complementariedade (bioloxía molecular)

En bioloxía molecular a complementariedade é a propiedade compartida por dúas secuencias de ácidos nucleicos que consiste en que cando ambas están alineadas de forma antiparalela, as bases nitroxenadas dos nucleótidos dunha das secuencias en cada unha das posicións corresponden na outra secuencia con outra base determinada, sempre a mesma, que se considera a súa complementaria. Por tanto, a complementariedade é unha complementariedade de bases. Dúas bases son complementarias se forman pares de bases de Watson e Crick, que poden establecer pontes de hidróxeno estables entre elas. O grao de complementariedade entre dúas febras de ácidos nucleicos que se comparen é moi variable, desde total a nula, e mesmo ácidos nucleicos de distintas especies poden ter un grao de complementariedade, que lles permite hibridarse en certos tramos. As dúas febras do ADN son complementarias entre si, e un ARN acabado de transcribir é complementario coa parte da febra antisentido ou molde do ADN a partir da cal se transcribiu.

Direccionalidade (bioloxía molecular)

En bioloxía molecular e bioquímica, a direccionalidade é a orientación química con respecto aos extremos dunha cadea de ácido nucleico. Os dous extremos dunha cadea de ácido nucleico denomínanse extremo 5 prima (5') e extremo 3 prima (3'). A convención química para numerar os átomos de carbono nun anel de furanosa dun nucleótido é utilizar "primas" cos números (e nas bases nitroxenadas números sen "primas"), polo que se fala de carbono 1' (un prima), 2' (2 prima), 3', 4' e 5'. Como os nucleótidos se unen uns a outros polos substituíntes unidos aos seus átomos 5' (onde está o fosfato) e 3' (onde hai un OH), os ácidos nucleicos teñen extremos 5' (onde está o fosfato terminal libre) e 3' (onde está o OH terminal libre). As posicións relativas das estruturas situadas ao longo da cadea do ácido nucleico, como os xenes e diversos sitios de unión de proteínas, xeralmente se di que están en dirección ao extremo 5' (o que se chama augas arriba ou upstream) ou en dirección ao extremo 3' (o que se chama augas abaixo ou downstream).

Esta convención é importante porque os ácidos nucleicos só se poden sintetizar in vivo en dirección 5'-3', porque a polimerase utilizada para sintetizar as novas cadeas une os novos nucleótidos ao extremo 3'-OH. Por convención, as secuencias de cada cadea de ADN e ARN escríbense en dirección 5'-3'.

As dúas cadeas que forman un ADN dise que son antiparalelas, porque unha vai en dirección 5'-3' e a outra na contraria.

Receptor sensorial

Os receptores sensoriais son terminacións nerviosas especializadas ou non, situadas nos órganos sensoriais (como a lingua, a pel, o nariz, os ollos, o oído, etc.). Son os encargados de captar estímulos, internos ou externos, para levar a información e obter unha resposta xa sexa interna ou externa, e capaces de xerar un impulso nervioso e sensacións.O impulso é transportado ao sistema nervioso central e procesado en distintas áreas dentro do córtex cerebral, para proporcionar ao individuo información das condicións ambientais que o rodean e xerar unha resposta apropiada. É dicir, os receptores sensoriais son células nerviosas especializadas en transformar sinais físico-químicas en sinais eléctricas, convertendo a enerxía física nun potencial eléctrico mediante un proceso que se denomina transdución de sinais.

Secuencia de ADN

Para as técnicas para a determinación da secuencia do ADN ver secuenciación do ADN.

A secuencia de ADN é a sucesión de nucleótidos (unidades que forman o ADN) representados por letras (A, T, G, C) que indica a orde en que estes están situados nunha molécula de ADN. Máis en xeral, unha secuencia de ácido nucleico ou de nucleótidos é esa mesma sucesión nun ADN (letas A, T, G, C) ou nun ARN (letras A, U, G, C). Por convención, as secuencias son xeralmente presentadas empezando polo extremo 5' e acabando polo extremo 3'. Como os ácidos nucleicos son xeralmente polímeros lineares (é dicir, non ramificados), especificar a súa secuencia equivale a definir a estrutura covalente da molécula enteira. A secuencia do ácido nucleico constitúe a súa estrutura primaria. Nesa estrutura primaria está codificada a información xenética dos seres vivos, polo que ás veces tamén se usa para ela a expresión secuencia xenética. As secuencias poden lerse a partir do material biolóxico utilizando diversos métodos de secuenciación do ADN.

Ademais da estrutura primaria (non se debe dicir "secuencia primaria"), os ácidos nucleicos teñen estrutura secundaria, terciaria e superiores.

Sentido (bioloxía molecular)

En bioloxía molecular e xenética sentido ou senso é un concepto utilizado para comparar a polaridade de moléculas de ácidos nucleicos, como o ADN e ARN, con outras moléculas de ácidos nucleicos. Este concepto é distinto da direccionalidade do ADN con respecto aos extremos 5' e 3'. Dependendo do contexto na bioloxía molecular, o sentido pode ter significados lixeiramente distintos.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.