Semente

A semente é a estrutura mediante a que realizan a propagación as plantas que por iso se chaman espermatófitas (plantas con semente). A semente prodúcese pola maduración dun óvulo dunha ximnosperma ou dunha anxiosperma. Unha semente contén un xermolo do que pode desenvolverse unha nova planta baixo condicións apropiadas. Pero tamén contén unha fonte de alimento almacenado e está envolvido nunha cuberta protectora.

Phaseolus vulgaris seed
Sementes de faba.

Estrutura

Avocado seed diagram-gl
Partes dunha semente de aguacate.

O alimento almacenado comeza como un tecido fino e delgado chamado endospermo que é provisto por plántaa proxenitora e pode ser rico en aceite ou amidón e en proteínas. En certas especies, o embrión alóxase no endospermo, que a semente utilizará para a xerminación. Noutros, o endospermo é absorbido polo embrión mentres que o último crece dentro da semente en desenvolvemento, e os cotiledóns do embrión énchense do alimento almacenado. Na madurez, as sementes destas especies carecen de endospermo. Algunhas sementes de plantas comúns que carecen de endospermo son as fabas, chícharos, cabazas, xirasoles, e ravos. As sementes de plantas con endospermo inclúen todas as coníferas, a maioría dos monocotiledóns, as herbas, talles como o millo e o coco.

A envoltura da semente desenvólvese a partir de cubertas, chamadas tegumentos, que orixinalmente rodean ao óvulo. Na semente esta envoltura madura pódese converter nunha fina cuberta, como no cacahuete, ou en algo máis substancial.

As sementes das anxiospermas quedan contidas en estruturas secas ou carnosas (ou en capas de ambas), chamadas froitos. En galego chámase froita ao alimento que representan os froitos carnosos e doces. En cambio as sementes das ximnospermas comezan o seu desenvolvemento "espidas" sobre as brácteas dos conos, aínda que no seu desenvolvemento son acompañadas por escamas, que axudan á súa protección ou á súa dispersión.

Existe tamén un concepto legal de sementes, no que se considera como semente a calquera parte da planta cando o seu fin é a multiplicación, incluíndose entón plantóns, vitroplantas etc.

Función das sementes

A diferenza dos animais, as plantas están limitadas na súa habilidade de buscar as condicións favorables para a vida e o crecemento. Por conseguinte, evolucionaron de moi diversas formas para propagarse e aumentar a poboación a través das sementes. Unha semente debe chegar á localización adecuada no momento óptimo de xerminación. Estas propiedades que fomentan a produción da seguinte xeración é posible que estean máis relacionadas cos froitos que coas mesmas sementes, xa que a función típica da semente é a de servir de mecanismo retardante, permitindo suspender o crecemento se as condicións non son favorables ou dar o tempo necesario para a súa dispersión. Cada especie logra o seu obxectivo dunha forma diferente: producindo gran cantidade de sementes, envolvendo as sementes en duras capas que se van abrandando coas choivas e o frío invernal para xerminar na primavera.

Produción de sementes

A produción de sementes é un proceso industrial que permite crear sementes de alta calidade, nas mellores condicións, libres de contaminación, pragas ou enfermidades. A produción de sementes é parte da industria alimentaria (millo, soia, trigo, froitas entre outros), pero tamén de produtos como o algodón e as flores.

Etapas de produción

A produción de sementes inclúe as seguintes etapas: sementa, colleita, acondicionamento e secado, análise e control de calidade, clasificación e selección, lavado e tratamento, almacenaxe, certificación, etiquetaxe e embalaxe, e embarque.

Galería de imaxes

Véxase tamén: Galería de imaxes de sementes de Galicia.
Sterappel dwarsdrsn

Corte transversal de mazá, mostrando as sementes (carabuñas)

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

1961

Este ano é declarado o Ano Mundial da Semente pola ONU.

Améndoa

A améndoa (do latín vulgar amyndula, no latín clásico amygdalum, -i, de orixe grega, que denominaba tanto a árbore coma o froito) é o froito da amendoeira, é unha drupa oblonga, engurrada e de cor verde, dentro contén a semente, branca, oblonga e apatelada, recuberta por unha película de cor canela.

A améndoa verde designa o froito tenro, recollido en xuño e xullo, e de sabor delicado. A améndoa amarga designa á velenosa e a améndoa doce á comestible.

Pódese comer en cru, en turróns, en confeitaría. A esencia de améndoa temén se utiliza en perfumaría.

California é a principal área produtora de améndoa, séguelle España.

Anxiospermas

As anxiospermas, plantas con flor ou Magnoliophyta é o grupo máis grande de plantas terrestres. Magnoliophyta é o nome dun taxón de plantas emprazado na categoría taxonómica de División, que no sistema de clasificación de Cronquist (1981) coincide na súa definición coas que noutros sistemas de clasificación son as chamadas anxiospermas (en latín Angiospermae, coma no sistema de clasificación de Engler, H. Melchior. 1964. A. Engler's Syllabus der Pflanzenfamilien (12ª edición) en inglés Angiosperms, coma no moderno sistema de clasificación APG II do 2003). As flores das anxiospermas diferéncianse das flores do resto das espermatófitas en que posúen verticilos ou espirais ordenados de sépalos, pétalos, estames e carpelos, e os carpelos cobren os óvulos e reciben o pole sobre a súa superficie estigmática en troques de recibilo directamente sobre o óvulo coma ocorre nas ximnospermas

Nalgúns sistemas de clasificación chámanas "magnoliófitas" (nome científico Magnoliophyta), xa que se pensaba até hai pouco tempo que as magnolias eran as flores máis semellantes á "anxiosperma ancestral" (a primeira planta destas características, da que terían descendido todo o resto das anxiospermas).

O termo "anxiospermas" provén de dúas verbas gregas: anxíon vaso, ánfora, e sperma, semente; así, este termo composto quere dicir "semente envasada", en referencia a que os seus óvulos (e posteriormente a súa semente) fican pechados pola folla fértil portadora dos óvulos ou carpelo. Deste xeito, o gran de pole para fecundar o óvulo ten que contactar unha superficie do carpelo preparada para isto (o "estigma") en troques de caeren directamente sobre o óvulo coma nas ximnospermas.

A estrutura particular das súas flores non é a única diferenza que posúen co resto das espermatófitas, outros caracteres morfolóxicos distintivos son a redución do gametófito feminino a só unhas poucas células, a dobre fecundación (coa formación dun tecido nutritivo característico, triploide, chamado endosperma, ó tempo que se fecunda o óvulo), e un xilema e floema distintivos, máis recentes que os do resto das traqueófitas, e máis eficientes en moitos aspectos (aínda que o xilema semella ter evolucionado xa dentro da póla, sendo as magnoliófitas máis primitivas semellantes nos seus tubos xilemáticos ás ximnospermas).

As anxiospermas son un grupo de espermatófitas recoñecido como monofilético desde hai moito tempo polos seus caracteres morfolóxicos distintivos, a súa monofilia foi sostida logo polos análises moleculares de ADN.

A diversificación que sufriu este grupo é moi rechamante. No rexistro fósil aparecen a principios do Cretáceo (hai uns 130 millóns de anos), momento a partir do cal aparecen enormes cantidades de fósiles de especies moi diversas, coma se apareceran de golpe con toda a súa diversidade, o que Darwin chamou no seu momento un "abominable misterio". Aínda hoxe preto do 90 % das plantas terrestres pertencen a este grupo. Cunhas 257.000 especies viventes (Judd et al. 2002), as magnoliófitas son as responsables da maior parte da diversidade en espermatófitas, en embriófitas e en viridófitas.

Así como posúe moitas especies, este grupo tamén se caracteriza por posuír unha enorme diversidade de hábitos, e ocupar practicamente todos os nichos ecolóxicos posibles. Hai plantas arbustivas e herbáceas, hainas terrestres e acuáticas, atópanse tanto nos desertos coma nos pantanos, no nivel do mar coma no alto dos montes. A súa diversidade de especies é moito máis alta en zonas tropicais e húmidas (ó redor do 60 % das especies son de zonas tropicais e un 75 % ten un crecemento óptimo en climas tropicais), onde dominan completamente a paisaxe, e vai diminuíndo o seu número cara ás latitudes altas, chegando a posuír unha representación baixa nas floras máis frías coma a da tundra (que aínda hoxe está dominada polas coníferas).

Os membros desta división son a fonte da maior parte dos alimentos consumidos polo ser humano, así como de moitas materias primas e produtos naturais. O groso da alimentación mundial procede de só quince especies.

Baga

Unha baga, en botánica, é o tipo mais común de froito carnoso simple, no cal a parede do ovario enteiro madura nun pericarpo comestible. As flores desas plantas teñen un ovario superior que ten un ou varios xineceos dentro dunha cobertura fina e interiores moi carnosos. As sementes están embutidas na carne común do ovario. Algúns autores consideran como bagas tamén algúns froitos cunha semente apenas, se a superficie desta semente non está adherida ao endocarpo.

O pericarpo da baga, normalmente comestible, está composto do exterior cara o interior por un epicarpo moi fino, un mesocarpo carnoso (chamado sarcocarpo) e dun endocarpo carnoso, o que a diferencia da drupa, na cal o endocarpo é leñoso.

Na lingua común e culinaria, o termo baga refírese normalmente a calquera froito pequeno e doce. Así, neste sentido, ao contrario do sentido botánico, un amorodo ou unha amora serán bagas, e unha banana ou unha laranxa, non.

O froito da laranxa e limón, son unha baga modificada chamada hesperidio. O froito dos cogombros e seus parentes son bagas modificadas chamadas de “pseudobagas". Á planta que contén bagas chámaselle bacífora.

Na lingua coloquial, a baga refírese a calquera pequeno froito con múltiples sementes. Os froitos agregados como a amora silvestre ou framboesa son bagas neste sentido, mais non no sentido botánico.

Moitas bagas son pequenas, doces, suculentas, e brillantemente coloridas. Contrastando co seu contexto, estes atraen máis aos animais que os comen, axudando na dispersión das sementes da planta. A maior parte das bagas son comestibles, mais algunhas son velenosas.

As cores da baga son causadas por pigmentos naturais sintetizados pola planta. Unha investigación médica descubriu propiedades medicinais de polifenois pigmentados, como flavonoides, antocianinas, tanino e outras fitoquímicas localizadas principalmente en pelas de baga e sementes. Os pigmentos da baga son normalmente antioxidantes e así teñen unha capacidade radical de absorción de osíxeno (Oxygen Radical Absorbance Capacity "ORAC") que é alta entre plantas comestíbeis. Xunto co bo contido nutritivo, ORAC distingue varias bagas dentro dunha nova categoría de comida funcional chamada "superfroitos", unha industria de mil millóns de dólares que medra rapidamente comezou en 2005 e é identificada por DataMonitor como unha das 10 mellores categorías alimentarias por crecemento no 2008.

Un informe de 2007 combinou catro criterios — contido nutritivo, calidades antioxidantes, intensidade de investigación médica e éxito comercial — dando unha cualificación de actividade comercial para seis superfroitos exóticos.

Castelldefels

Castelldefels é un municipio español da comarca do Baix Llobregat, na provincia de Barcelona, Cataluña.

As primeiras mencións da cidade fixéronse co nome de Castrum Felix. Unha forma romanizada, Castello de Feles, serviu como semente para o nome actual da poboación. Durante varios anos castelanizouse o nome a Casteldefels, e así figura nalgúns dicionarios de topónimos, se ben está caendo en desuso dende que se adoptou a forma Castelldefels como única oficial.

Castelldefels foi en principio unha poboación formada por unha serie de masías dispersas. Até o século XX non tivo unha auténtica estrutura urbana. Co desenvolvemento económico da cidade de Barcelona e a popularización do automóbil, Castelldefels trocouse nun lugar de veraneo de moitos barceloneses a mediados dos anos 1950. En 1957 había máis de 40 urbanizacións en construción.

Celtismo

O celtismo é un movemento social e cultural que trata de pór en valor a identidade céltiga coma trazo salientábel dentro dun determinado territorio baseándose en estudos científicos e etnografía comparada.

Embriófitas

As embriófitas ou embriófitos (Embryophyta) é un subreino pertencente ao reino Plantae, usado xeralmente para designar as plantas terrestres (non acuáticas). É o grupo de plantas que nos é máis familiar, pois inclúe árbores, musgos, fieitos e moitas outras plantas terrestres, englobando así plantas non vasculares, vasculares con semente e vasculares con flor. Considéranse plantas terrestres porque están adaptadas para a vida en terra, a pesar dalgunhas seren secundariamente acuáticas.

Unha novidade evolutiva é o embrión, o cigoto queda no interior do arquegonio, onde se produce o desenvolvemento do esporófito a partir do gametófito, e outra novidade é a presenza de arquegonio, onde se produce o gameto feminino, a oosfera.

Son organismos eucariontes multicelulares con órganos reprodutivos especializados. Na súa maioría as embriófitas obteñen a súa enerxía a través da fotosíntese, sintetizando compostos orgánicos a partir do dióxido de carbono.

Espermatófita

As espermatófitas ou, como din outros, respectando as normas de adaptación de cultismos de orixe grecolatina, os espermatófitos (Spermatophyta) é un taxon, con categoría de superdivisión, que inclúe as plantas que producen flores e, por tanto, sementes.

O nome científico provén do grego σπέρμα spérma, "semente") e φυτόν phytón, "planta", é dicir, "as plantas con semente". A circunscrición do grupo (é dicir, os taxons dos que se compoñe) coincide exactamente coa do antigo taxon ao que Linné deu o nome de fanerógamas que, por tanto é un sinónimo deste grupo.

A causa que nas espermatófitas o gran de pole produce un tubo polínico para chegar ao óvulo e facer posíbel a fecundación, o grupo tamén se chamou embriofitinas sifonógamas (do grego έμβρυον émbryon, "embrión"; φυτόν phytón, "planta"; σίφων sífon, "tubo" e γάμος gámos, "unión sexual"; literalmente, "plantas con embrión nas que a unión sexual ocorre nun tubo"). Tamén recibiron o nome de antófitos, que significa plantas con flores.

As veces, na literatura científica refírese xenericamente a este grupo como embriofitinas, deixando fóra as embriofitinas asifonógamas, que se reproducen por esporas, como os musgos e os fieitos e afíns.

Hoxe en día as espermatófitas son, con moita diferenza, a liñaxe máis extensa de plantas vasculares, cunhas 270.000 especies viventes. Un só subclado é o responsábel desta diversidade: as anxiospermas (as plantas con sementes encerradas en froitos). Outros subclados, normalmente agrupados como ximnospermas, son os das Pinophyta, Cycadophyta, Ginkgophyta e Gnetophyta, todas elas con plantas que producen sementes espidas.

Feixón

Non confundir con feixoaO feixón, fabeira, faba ou chicho (Phaseolus vulgaris) é unha planta rubideira da familia Fabaceae cultivada pola súa semente comestíbel, chamada feixón, feixó, chicho ou faba.

As vaíñas ou casulas verdes da mesma planta coñécense co nome de feixóns verdes, e tamén son comestíbeis cociñadas ou, no caso dalgunhas variedades tenras, incluso crúas.

Froito

En botánica, o froito é o órgano procedente da flor, ou de partes dela, que contén ás sementes ata que estas maduran e logo contribúe a ciscalas. Desde un punto de vista ontoxenético, o froito é o ovario desenvolvido e maduro das plantas con flor. A parede do ovario se engrosa ao transformarse na parede do froito e denomínase pericarpo, cuxa función é protexer ás sementes. Con frecuencia participan tamén na formación do froito outras partes da flor ademais do ovario, por exemplo o cáliz ou o receptáculo.O froito é outra das adaptacións, conxuntamente coas flores, que contribuíu ao éxito evolutivo das anxiospermas. Así como as flores atraen insectos para que transporten pole, tamén moitos froitos tratan de atraer animais para que dispersen as súas sementes. Se un animal come un froito, moitas das sementes que este contén percorren o tracto dixestivo do animal sen sufrir dano, para despois caer nun lugar idóneo para a súa xerminación. Con todo, non todos os froitos dependen de ser comestibles para dispersarse. Outros, como os figo chumbo, dispérsanse aferrándose ao pelame dos animais. Algúns forman estruturas aladas para poder dispersarse co vento, como os pradairos. A variedade de tipos de froitos que desenvolveron as anxiospermas a través da súa evolución permitiulles invadir e conquistar todos os hábitats terrestres posibles.Nas plantas ximnospermas e nas plantas sen flores non hai verdadeiros froitos, aínda que a certas estruturas reprodutivas como os piñóns dos piñeiros, comunmente tomáselles por froitos.Moitas plantas cultívanse porque dan certos froitos comestíbeis e a miúdo fragrantes, saborosos e apetecíbeis chamados froitas.

Malla

A malla é a operación de bater nun cereal coa finalidade de separar a semente ou grans da palla. Aínda que no pasado era unha operación manual na que se facía uso dun sinxelo aparello denominado mallo e mais dun solo preparado para a malla, chamado aira ou eira, esta tarefa é realizada na actualidade por máquinas que reciben o nome xenérico de malladoras.

A malla é un dos labores do conxunto de traballos que conforma a seitura ou colleita dos cereais, xunto coa sega da planta e o limpado dos grans. Malia que a malla serve para separar a puxa ou gluma do gran, non serve para desprendela doutra envoltura, o farelo, que se efectúa despois da muiñaxe, peneirando a muiñada.

Pementa

A pementa ou prebe é o froito da pementeira (Piper nigrum), duns catro milímetros de grosor, de cor encarnada que se torna negra ao secar, e que contén no seu interior a semente abrancazada e aromática. A partir deste froito mudo elabórase a especia picante do mesmo nome empregada en gastronomía. A pementa branca non é máis que a semente madura sen a codia, mentres que a pementa negra é coa codia pero sen chegar a madurar totalmente, e a pementa verde é sen madurar.

Permiano

O Permiano é un período da escala de tempo xeolóxico, correspondente á era Paleozoica do eón Fanerozoico que comezou hai 299,0 ± 0,8 millóns de anos e acabou hai 251,0 ± 0,4 millóns de anos.Como coa maioría dos períodos xeolóxicos, os estratos que definen o principio e o final do período están ben identificados, pero a data exacta do inicio é incerta por uns poucos millóns de anos. O final do período está marcado por unha grande extinción que está datada con maior exactitude.

O permiano segue ao carbonífero e precede ao triásico, e debe o seu nome aos extensos xacementos na rexión ao redor da cidade de Perm, en Rusia. Os xacementos permianos consisten principalmente en estratos vermellos continentais e exposicións mariñas pouco profundas.

No Permiano houbo importantes cambios climáticos cunha tendencia xeral de climas tropicais a condicións máis secas e áridas. Produciuse unha contracción dos pantanos. Extinguíronse gran cantidade de fieitos arborescentes (Lycopodiophyta) e anfibios, que requirían condicións húmidas. Os fieitos con semente, os réptiles e os réptiles mamiferoides herdaron a Terra. Os glaciares do carbonífero sobre a rexión polar do sur de Gondwana retrocedeeron durante o Permiano.

Neste período desenvolveuse a oroxenia herciniana, que levou á formación do gran supercontinente chamado Panxea.

Piñón (semente)

Un piñón é a semente dos piñeiros (árbores do xénero Pinus (familia Pinaceae)), de casca dura e améndoa branca.

O nome piñón tamén pode designar a semente doutras árbores coníferas que teñen piñas, como as araucarias

O piñón (pinhão en portugués) procede da piña. Arredor de vinte especies de piñeiros producen piñóns grandes dabondo para que a súa colleita sexa produtiva; noutras especies, aínda que tamén comestíbeis, son demasiado pequenos e sen valor para a alimentación humana, é o que ocorre co piñeiro bravo (Pinus pinaster), típico de Galiza.

Non forma parte da cociña galega tradicional, mais, hoxe en día aparecen pola influencia da gastronomía mediterránea.

Planta vascular

As plantas vasculares son un grupo de plantas que abarca ao taxon das traqueófitas ou tracheobionta. Son organismos formados por células vexetais, que posúen un ciclo de vida no que se alternan as xeracións gametofítica e esporofítica, sendo esta última a fase dominante (sobre quen actúa máis presión de selección natural); cuxa fase esporofítica é fotosintética e independente, e ten tecidos e sistemas de órganos; está organizada nun "cormo" (sistema que posúe vástago aéreo, raíz subterránea e un sistema de condución vascular que os vencella) que é ao que comunmente se refire a xente cando di "planta"; cuxa fase gametofítica é reducida e pode ser desde un "talo" (corpo non organizado en tecidos nin órganos) en fieitos e afíns, até unhas poucas células protexidas e nutridas polo esporófito, en ximnospermas e anxiospermas. A selección natural dirixiu fortemente a evolución das traqueófitas cara a unha menor dependencia das condicións ambientais sobre a terra para a reprodución e a dispersión, característica que entra en evidencia ao comparar as traqueófitas máis antigas (Lycophyta) coas máis modernas (plantas con flores).

Ao longo da historia designouse a este grupo con distintos nomes, como cormófitas (nome científico Cormophyta ou Cormobionta), embriófitas sifonógamas (nome científico Embryophyta sifonogama) etc. O seu nome máis común, Tracheophyta, provén de tracheo (en referencia ás traqueidas, especializadas para o transporte de líquidos dentro da planta) e phyta, raíz de orixe grega que significa "planta".

A evidencia dos análises moleculares de ADN hoxe en día demostrou que as traqueófitas son un grupo monofilético (que comprende a todos os descendentes dun devanceiro común) dentro das embriófitas, mentres que as briófitas son parafiléticas con respecto ás traqueófitas. Isto quere dicir que probablemente as traqueófitas sexan descendentes de plantas moi semellantes aos briófitos, co gametófito sendo a fase dominante, e o esporófito sen ramificar e dependente nutricionalmente do gametófito.

Dentro das traqueófitas hai dúas liñaxes principais, Lycophyta e Euphyllophyta, diferenciadas principalmente pola forma de construción das súas follas (nas licófitas son lycofilos e nas eufilófitas son eufilos, os eufilos correspóndense aproximadamente cos megafilos, aínda que nalgúns grupos poden estar reducidos en forma secundaria á súa adquisición). As eufilofitas á súa vez comprenden dúas grandes liñaxes, Monilophyta (fieitos, equisetáceas e psilotáceas) e Spermatophyta, que se diferencian entre si porque o primeiro ten gametofitos de vida libre e o segundo tenos encerrados na semente e o gran de pole. á súa vez as espermatofitas están formadas por dous grandes grupos monofiléticos viventes, Gymnospermae e Angiospermae ou Magnoliophyta, que se diferencian entre si porque a primeira liñaxe ten as sementes á vista sobre a folla fértil, mentres que o segundo ten as sementes encerradas dentro das paredes da folla fértil ou carpelo.

Aínda se seguen estudando ás Lycophyta e Monilophyta como agrupadas no grupo parafilético dos "fieitos e afíns" ou Pteridophyta.

As traqueófitas son un grupo importante tanto por dominar a maior parte dos ecosistemas terrestres como por ser moi empregadas polo ser humano.

Reais Xardíns Botánicos de Kew

Os Royal Botanic Gardens, Kew, abreviadamente Kew (en galego "Reais Xardíns Botánicos de Kew"), fundado en 1759, é unha institución pública do Reino Unido patrocinada polo Departamento de Ambiente, Comida e Asuntos Rurais. Como entidade de investigación e educación botánica de importancia internacional en Botánica procura e institución de educación, emprega 750 persoas. O seu executivo de xefe é o director actual, Richard Deverell. O seu cadro directivo está presidido por Marcus Agius, anterior presidente de Barclays.A organización xestiona os xardíns botánicos en Kew en Richmond upon Thames ó suroeste de Londres e o Wakehurst Place, unha propiedade do Patrimonio Nacional en Sussex que alberga o importante banco de sementes internacional Millenium Seed Bank. O Banco de Semente é tamén o lugar onde se levan a cabo moitos proxectos de investigación e colaboracións internacionais con polo menos 80 países. As sementes almacenadas no banco cumpren dúas funcións: proporciona un recurso de conservación ex situ e tamén facilita a investigación ao redor do globo por actuar como repositorio para os científicos que investigan a semente. Conxuntamente coa Forestry Comission, Kew fundou o Bedgebury Pinetum en Kent, que está especializado no cultivo de coníferas.

Turles

Turles (ターレス) é un personaxe exclusivo do filme da serie Superbatalla na Terra de Dragon Ball Z. É un guerreiro do espazo que traballa pola súa conta conquistando planetas. Ten unha aparencia case igual á de Son Goku pero cunha pel máis escura, isto débese, segundo explica el mesmo, a que ambos son guerreiros de clase baixa, os cales contan con poucos fenotipos (variedade en aparencia física). En cada planeta que conquistaba plantaba unha semente, a cal xermolaba na coñecida como "Árbore da vida", e ó comer o seu froito, o seu poder de pelexa foi aumentando notablemente.

Turles chega á Terra para plantar unha semente da súa árbore sagrada. Logo de que a enerxía da Terra comezase a ser drenada, Goku e os Guerreiros Z acoden a combater a Turles e ós seus Guerreiros. Despois dunha terrible batalla na que Gohan se converte nun Ōzaru e Goku o despoxa do seu rabo, Turles é derrotado á fin por Goku empregando unha Genkidama coa enerxía da propio árbore.

Posteriormente na OVA Dragon Ball Z Gaiden: Saiyajin Zetsu Metsu (en galego "O plan para exterminar ós guerreiros do espazo") Gohan realiza un Kame Hame Ha onde é finalmente derrotado.

O seu nome é un anagrama da palabra en inglés para leituga, Lettuce (レタス, Letasu).

Ulex

Para ver a especie máis común en Galicia ver o artigo toxo arnal

Toxo é o nome común que reciben as especies do xénero Ulex; un xénero de arredor de 20 especies de arbustos perennes da familia Fabaceae, nativos da Europa occidental atlántica e do norte África, coa maioría das especies na península Ibérica, e concretamente en Galicia.

A especie máis espallada é o toxo arnal (Ulex europaeus), que medra en sitios asollados, e solos areentos, acadando unha altura de até 2-3 metros. As flores, chamadas chorimas ou choridas, teñen un forte recendo a coco. Considérase a flor nacional de Galicia. A semente recibe o nome de nabía de toxo.

En lugares coma América do Norte, América do Sur, Nova Zelandia e Australia introduciuse coma planta ornamental. Nalgunhas zonas naturalizouse polo que se considera especie invasora.

Ximnospermas

As ximnospermas son plantas vasculares e produtoras de sementes, nas que estas non están recubertas por un froito (semente espida). O nome provén do grego γυμνός, espido, e σπέρμα, semente. A razón deste termo é debido a que as sementes destas plantas non se forman nun ovario pechado (ou sexa, un pistilo con un ou máis carpelos que evolucionan a un froito, como nas anxiospermas), senón que están espidas nas escamas dos conos.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.