Seis poemas galegos

Seis poemas galegos é un poemario do poeta e dramaturgo español Federico García Lorca (1898–1936),[2] unha escolma de seis poemas en galego, unha homenaxe á paisaxe e a lingua de Galicia. Escritos entre 1932 e 1934, foron publicados en 1935 en Santiago de Compostela pola Editorial Nós (fundada en 1927 por Ánxel Casal), edición príncipe prologada en castelán por Eduardo Blanco Amor. Admirador de Rosalía de Castro, de Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez, así como dos poetas medievais galegos Martín Codax e Mendinho, e dos portugueses Luís de Camões ou Gil Vicente, os poemas xorden por mor das viaxes realizadas por Lorca a Galicia dende 1931.[3]

Coa miña chegada a Galicia, elas [as «forzas formidables» de Compostela e a paisaxe] apoderáronse de min de tal xeito que tamén me sentín poeta da alta herba, da choiva alta e pausada. Sentinme poeta galego, e unha imperiosa necesidade de facer versos, o seu cantar obrigoume a estudar a Galicia e o seu dialecto ou idioma, para o marabilloso é igual.  Federico García Lorca, declaracións en Buenos Aires, outubro de 1933.[3]
Seis poemas galegos de Federico García Lorca, prólogo de E. B. A., Editorial Nós, Compostela
Seis poemas galegos, con prólogo de E. B. A., Nós, 1935.[1]

Xestación

San Paio de Antealtares
O mártir na fachada da capela do Convento de S. Paio de Antealtares, que puido servir de inspiración para o branco galán do poema "Danza da lúa".[4]

Galicia, a súa cultura e as súas paisaxes, entraron a formar parte da vida e das lembranzas de Lorca dende a súa primeira visita en 1916. En 1917 escribiu nun artigo: «Compréndese, vendo a paisaxe de Galicia, o carácter triste dos seus habitantes e a súa música, que di de penas, de amores, de imposibles». Ó repertorio de cancións que tocaba e cantaba nos concertos íntimos que ofrecía ós seus amigos incorporáronse cantigas, romances e cancións do folclore galaico-portugués. Era admirador da obra de Rosalía de Castro, e coñecía ben a de Valle-Inclán. Na súa conferencia sobre Góngora («La imagen poética de don Luis de Góngora», 1926) demostraba ter coñecemento dos tres cancioneiros que recollen case a totalidade da produción lírica galaicoportuguesa entre os séculos XII e XIV: o Cancioneiro da Biblioteca Vaticana, o Cancioneiro Colocci-Brancuti e o Cancioneiro da Ajuda. En 1928, na súa conferencia «Las nanas infantiles», aparece de novo o seu interese polas cancións populares de Galicia e refírese a unha cuestión que lle chama a atención: a presenza de numerosas cancións de procedencia galega e asturiana en Granada, froito da colonización da Alpujarra ó final da Reconquista, tema sobre o que volveu incidir en distintas ocasións.[5]

Federico García Lorca y Ernesto Pérez Güerra, Madrid, 1934
Ernesto Guerra da Cal e Lorca en Madrid en 1934.[4]

Lorca tiña en Madrid varios amigos galegos: o musicólogo Jesús Bal y Gay, os poetas Eugenio Montes e Serafín Ferro e o mozo Ernesto Guerra da Cal (Ernesto Pérez Guerra), quen exerceu unha maior influencia sobre Lorca. Nacionalista galego, Pérez Guerra fascinaba a Lorca «pola súa prestancia física, pola súa vitalidade, pola súa intelixencia e pola paixón coa que falaba de Galicia e cantaba cancións galegas».[5]

En 1932, de volta en Galicia, Lorca estaba preparado para o reencontro cun país que, segundo o seu biógrafo Ian Gibson, non «deixara de subxugalo dende lonxe». O seu entusiasmo durante a súa visita a Santiago de Compostela non coñecía límites. Tres meses despois, montouse o taboado da compañía La Barraca na pequena praza da Quintana, que el chamaba a «praza-butaca», o lugar onde fai danzar á lúa na súa «Danza da lúa en Santiago»:[5]

¡Fita aquel branco galán,
olla seu transido corpo!

É a lúa que baila
na Quintana dos mortos.

Lorca expresou o seu desexo de escribir un poema adicado á cidade, mais segundo Gibson, aínda non pensara en facelo en galego. É ó seu retorno a Madrid, comentando o tema con Ernesto Pérez Guerra, cando nace a idea de compoñer, entre os dous, un poema sobre o tema na lingua galega. En maio ou xuño de 1932 naceu o «Madrigal á cibdá de Santiago», onde Lorca expresa «a súa impresión de Compostela baixo a choiva, mesturándoa cunha vaga nostalxia amorosa.»:[5]

Chove en Santiago
meu doce amor.
Camelia branca do ar
brila entebrecido o sol.

A finais de outono de 1932 a revista Yunque publicou o «Madrigal á cibdá de Santiago» no seu número de decembro, que saíu á venda o día 6 do mes. De alí tomárono ese mesmo mes El Pueblo Gallego de Vigo, a revista Resol de Santiago e o xornal El Sol de Madrid.[6]

García Lorca en Betanzos con Ramón Fernández Cid, José Álvarez Sánchez-Heredero, Francisco Esteve Barbá e José Barbeito. Maio 1932
Lorca cuns amigos en Betanzos, en 1932.[7]

En 1933 Pérez Guerra presentou a Lorca a Eduardo Blanco Amor, quen dous anos despois se encargou da publicación dos Seis poemas galegos. Malia a grande admiración de Blanco Amor cara ó poeta granadino a súa relación non foi estreita aínda que, en palabras de Gibson, tivo os seus «momentos de expansión».[8] Á súa volta da Arxentina, Lorca reemprendeu a composición dos seus poemas galegos coa colaboración de Pérez Guerra,[9] tarefa que se veu interrompida pola confección do seu Llanto por Ignacio Sánchez Mejías, completado a finais de outubro de 1934.[10]

Foi durante a primavera de 1935 cando, finalmente, un tenaz Eduardo Blanco Amor conseguiu de Lorca os manuscritos, con letra de Ernesto Pérez Guerra, de cinco dos Seis poemas galegos, xunto a un recorte de prensa do «Madrigal á cibdá de Santiago», publicado por El Pueblo Gallego en 1932.[11] Conta Gibson que Lorca, entregado á creación de Doña Rosita la soltera, deu os poemas a Blanco Amor e desentendeuse do seu destino: «Non me fales máis disto até que me traias o libro».[12] García Posada explica que a intervención de Blanco Amor na redacción dos poemas consistiu na revisión ortográfica, a corrección dalgúns castelanismos e a suxestión de cambios nalgúns títulos, que Lorca aceptou.[3]

A publicación dos poemas foi anunciada pola revista Nós, no seu número correspondente a maio-xuño de 1935, entre as «novas obras publicadas» da editorial. Porén, o colofón do libro leva data do 27 de decembro de 1935.[12] Blanco Amor prologou a edición, na que non se nomea a colaboración de Pérez Guerra, e suprimiu a dedicatoria a este da «Cantiga de neno da tenda».[13]

Notas

  1. Iglesias López, Francisco Xabier (14/11/2014). "Seis poemas galegos". OslibrosdeAnxelCasal.blogspot.com.
  2. Pena, Xosé Ramón (2016). Historia da Literatura Galega III. De 1916 a 1936. Xerais. ISBN 978-84-9121-107-5.
  3. 3,0 3,1 3,2 García Lorca 1989 pp. 101-110
  4. 4,0 4,1 Pérez Rodríguez 2011.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Gibson 1987
  6. Gibson 1987, p. 219
  7. Pérez Rodríguez 2011
  8. Gibson 1987, pp. 236-237
  9. Gibson 1987, p. 315
  10. Gibson 1987, p. 329
  11. Nota: conservados na Biblioteca e o Arquivo da Deputación de Ourense, segundo Gibson 1987, p. 359
  12. 12,0 12,1 Gibson 1987, pp. 359-360
  13. Gibson 1987, p. 413

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas

13 de xuño

O 13 de xuño é o 164º día do ano do calendario gregoriano e o 165º nos anos bisestos. Quedan 201 días para finalizar o ano.

27 de decembro

O 27 de decembro é o 361º día do ano do calendario gregoriano e o 362º nos anos bisestos. Quedan 4 días para finalizar o ano.

Claudina e Alberto Gambino

Claudina e Alberto Gambino foron un dúo arxentino de canción protesta, que triunfaron principalmente en España durante a década de 1970.O dúo coñeceuse cando Claudina, nome artístico de Ester Lidia Gastaldi, e nada en Santa Fe, buscou un guitarrista que lle acompañase nos seus recitais e recomendáronlle a Alberto Gambino, nado en Córdoba, cidade á que se trasladou Claudina para realizar estudos de Filosofía e Letras. Alberto estudaba Arquitectura á vez que asistía a clases no conservatorio da cidade.

Comezaron a súa carreira conxunta despois de trasladarse a Buenos Aires, onde deron os seus primeiros concertos no café La Fusa, no que interpretaban cancións do folclore popular xunto con composicións propias e doutros artistas do momento. Á vez que continuaban tocando por distintos locais, comezaron un labor de recollida de canción popular que deron lugar a dous discos gravados xunto a María Escudero. Tamén durante os seus anos na Arxentina comezaron o seu traballo de tradución e recompilación das cancións de Georges Brassens, coa colaboración de Julio Ardiles Gray, que deu como resultado a gravación de dous discos e foi a base do posteriormente editado en España.

Despois dunha xira por distintos países, a parella exiliouse en España no 1974, onde comezaron actuando na sala Candombe, local coñecido naquel momento como divulgador da canción suramericana popular e de protesta. Tamén actuaron na mítica sala La Mandrágora de Madrid. Nese mesmo ano gravaron o seu primeiro LP en España, Aquí donde nos ven, da man do produtor Alain Milhaud, con cancións de Violeta Parra, Víctor Jara e Silvio Rodríguez, entre outros.

En leste mesmo estilo, gravaron en 1975 o seu segundo LP Canciones de amor armado, no que ademais de versións de cantantes e poetas americanos incluían dous temas propios. Sempre con Milhaud como produtor e despois dunha breve viaxe a Arxentina, gravaron en España Ensayos sobre Georges Brassens, baseado nos dous discos que publicaran orixinalmente no seu país natal.

Tras este traballo viñeron Quiero decir tu nombre, Libertad no 76, Llamas no 78 e o sorprendente álbum en galego Danza na Lua. Seis poemas galegos, baseado nos poemas homónimos de Federico García Lorca, xa en 1986.

Todas estas gravacións estiveron compaxinadas coa realización de numerosos concertos polo país, montaxe de espectáculos teatrais e colaboracións con distintas asociacións de música. A partir da década de 1990 dividiron a súa faceta musical, Claudina cara ao xénero lírico e Alberto na súa función de produtor e arreglista, aínda que en 2008 reuniron o que nunca separaran para a gravación do seu último disco Corre, poeta, corre.

Eduardo Blanco Amor

Eduardo Modesto Blanco Amor, nado en Ourense o 13 de setembro de 1897 e finado en Vigo o 1 de decembro de 1979, foi un escritor e xornalista galego. En 1993 foille adicado o Día das Letras Galegas.

Ernesto Guerra da Cal

Ernesto Román Laureano Pérez Guerra, máis coñecido como Ernesto Guerra da Cal, nado en Ferrol o 19 de decembro de 1911 e finado en Lisboa o 28 de xullo de 1994, foi un filólogo e escritor galego.

Eugenio Fadrique González

Eugenio Fadrique González, nado en 1879 e finado en Vigo en 1971, foi un empresario e político galego.

Federico García Lorca

Para o aeroporto Federico García Lorca Granada-Xaén véxase: Aeroporto de Granada.Federico García Lorca, nado en Fuente Vaqueros (Provincia de Granada) o 5 de xuño de 1898 e falecido en Víznar (Provincia de Granada) o 18 de agosto de 1936, foi un poeta e dramaturgo andaluz, membro da Xeración do 27 e autor en lingua galega de Seis poemas galegos (1935), o poeta español máis lido de tódolos tempos. Morreu fusilado polas autoridades franquistas un mes despois do Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 que deu pé ao inicio da Guerra civil española.

Gabriel Aresti

Gabriel Aresti Segurola, nado en Bilbao o 14 de outubro de 1933 e finado na mesma cidade o 5 de xuño de 1975, foi un escritor vasco en lingua éuscara que renovou e modernizou a poesía vasca.

Gala do Libro Galego

A Gala do Libro Galego é un evento cultural de carácter anual que ten por finalidade premiar as mellores obra e iniciativas literarias de cada ano (sempre a ano vencido). Os convocantes son a Asociación Galega de Editoras, a Federación de Librarías de Galicia e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

Ilustración Gallega (Madrid)

Ilustración Gallega foi unha revista editada en Madrid en 1954.

Impresiones y paisajes

Impresiones y paisajes é un libro de viaxes de 1918 escrito polo poeta e dramaturgo español Federico García Lorca. É o seu único libro escrito en prosa e relata as viaxes de estudio que fixo o poeta granadino cando era estudante universitario por terras de Madrid, O Escorial, Ávila, Medina del Campo, Salamanca, Zamora, Astorga, Ourense, Redondela, Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, León, Sahagún, Venta de Baños, Burgos e Segovia durante os anos 1916 e 1917. A portada fíxoa o seu amigo o pintor Ismael González de la Serna.

María Victoria Moreno

María Victoria Moreno Márquez, nada en Valencia de Alcántara (provincia de Cáceres) o 1 de maio de 1939 e finada en Pontevedra o 22 de novembro de 2005, foi unha editora, tradutora, conferenciante, escritora de literatura infantil e xuvenil galega e profesora de ensino secundario en institutos de Lugo, Sanxenxo e Pontevedra. O seu texto máis coñecido é Anagnórise (Galaxia, 1988), vinte veces reeditado e traducido a varias linguas. Algúns trazos fundamentais da súa obra son o lirismo, a conversión dos animais en protagonistas e a crítica a un ensino reseso.En 2018 foi a figura protagonista do Día das Letras Galegas, sendo a cuarta muller, tras Rosalía de Castro, Francisca Herrera Garrido e María Mariño, que levou ese recoñecemento na historia da celebración.

Modesto Hermida

Modesto Hermida García, nado en Vales (San Cristovo de Cea) o 21 de abril de 1946, é un profesor e escritor galego.

Prosopopea

A prosopopea (do grego πρόσωπον, -ου "faciana" e ποιέω "facer") é unha figura retórica de pensamento que consiste en atribuír calidades humanas a seres ou obxectos que non poden telas.

Roberto González Pastoriza

Roberto González Pastoriza, nado en Moaña o 26 de febreiro de 1898 e finado en Vigo en 1985, foi un avogado e político galego.

Xosé Neira Vilas

Xosé Santiago Neira Vilas, nado en Gres (Vila de Cruces) o 3 de novembro de 1928 e finado no mesmo lugar o 27 de novembro de 2015, foi un xornalista, recoñecido e premiado escritor galego en lingua galega e lingua castelá e dinamizador cultural, emigrante na Arxentina e Cuba, membro da Real Academia Galega, Medalla Castelao e Medalla de Ouro de Galicia, autor dunha ampla obra narrativa, na que destaca Memorias dun neno labrego (1961), o libro máis editado da historia da literatura galega. Cultivou tamén o ensaio, a poesía e a literatura infantil. A súa obra, tanto por calidade como por cantidade, converteuno nun clásico das letras de Galicia.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.