Saxóns

Os saxóns[1] (en latín: Saxones, en inglés antigo: Seaxe, en saxón antigo: Sahson, en baixo alemán: Sassen, en alemán: Sachsen, en danés: Saksen) foron o pobo xermánico que invadiu e emigrou á illa de Gran Bretaña no século V xunto cos anglos e os xutos. Fortemente emparentados cos anglos, debían ó seu nome ás armas que usaban, unhas espadas curvas chamadas sax[2]. Estaban fortemente relacionados cos anglos e os frisios.

Os saxóns vivían daquela nunha área que comprendía dende o leste dos actuais Países Baixos ata o itsmo da península de Xutlandia, abranguendo o que hoxe en día é o estado alemán de Baixa Saxonia. Do saxón antigo derivan o actual baixo saxón e o inglés.

Os saxóns que emigraron a Gran Bretaña estableceron tres reinos: Essex, Sussex e Wessex, este último o máis poderoso dos tres. Foron o pobo máis numeroso dos invasores, e tamén o máis cruel segundo as crónicas; crese que chegando a facer limpezas étnicas da poboación indíxena britón-romana.

Os saxóns que ficaron en Alemaña foron sometidos por Carlomagno séculos despois, para logo ser un dos estados importantes do Sacro Imperio Romano-Xermánico, xa ocupando o ducado de Saxonia, que abranguía o actual estado de Saxonia.

Saxon England according to the Saxon Chronicle
A Inglaterra saxoa de acordo coa crónica saxoa

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para saxón.
  2. Hervás y Panduro, Lorenzo (1802). Catálogo de las lenguas. p. 105.
Aethelwulf de Wessex

Aethelwulf de Wessex (en inglés antigo: Æþelwulf, que significa 'Lobo Nobre'), nado en 806 e finado o 13 de xaneiro de 858, foi un rei de Wessex, primoxénito de Ecgberht, rei de Wessex e de Mercia, e de Redburga, posibelmente unha princesa carolinxia.

Anglos

Os anglos foron un pobo xermánico que no século V invadiu e emigrou a Gran Bretaña, xunto cos xutos e os saxóns, moi relacionados étnica e lingüisticamente con estes últimos. Os anglos vivían no que hoxe é o norte de Alemaña, entre o río Rhin e o Elba e en parte do istmo de Xutlandia, en Schlewing.

A súa lingua é unha das bases do inglés xunto coa antiga lingua saxoa, sendo moi semellante a esta. En Gran Bretaña fundaron os reinos de Mercia, Northumbria e Anglia Oriental, e chegaron a unha mestura cultural cos saxóns, dando forma ó concepto anglosaxón e sendo a palabra da que deriva o nome do país, Inglaterra, England ou Terra Anglorum en latín.

Bases históricas do rei Artur

As Bases históricas do rei Artur son unha fonte de considerábel debate entre os historiadores. A primeira mención datábel do Rei Artur nun contexto histórico provén dun texto latino do século IX (máis de trescentos anos despois da súa vida que se supón entre os séculos V e VI durante a Britania posromana). Nese texto dise que comezou loitando como un soldado xunto ós reis britanos en contra dos invasores saxóns. Máis tarde, os textos comezan a consideralo como un rei lendario dos britanos.

Porén, o Rei Artur das lendas da Materia de Bretaña, personaxe que se desenvolveu a partir do século XII, xa se separa moito da posibilidade de ser un personaxe histórico e non hai consenso no tocante á súa identidade.

Carlomagno

Carlomagno, ou Carlos, o Grande, ou mesmo Carlos I nas listaxes reais de Francia e Alemaña, nado o 2 de abril do 747 e finado o 28 de xaneiro do ano 814, foi sucesivamente rei dos francos (de 771 a 814), rei dos longobardos (a partir de 774), e tamén o primeiro emperador do Sacro Imperio Romano (coroado o 25 de decembro do ano 800), restaurando así o antigo Imperio Romano de Occidente.

Condado de Brașov

Braşov (en romanés Judeţul Braşov) é unha provincia de Romanía con capital en Braşov.

A poboación desta provincia é de 596.140 habitantes (en 2002) nunha superficie de 5.363 km², o que dá unha densidade de poboación de 111,2 hab/km².

No ano 2008 os valacos ou romaneses étnicos eran o 87,3 % da poboación, os húngaros (incluíndo os szekely) eran o 8,7 %, os alemáns étnicos (a maioría deles saxóns transilvanos pero tamén incluíndo os suabos do Danubio) eran un 0,8 %, e outras nacionalidades representaban o 3,3 %.

Constantino III de Bretaña

Costantino III aparece na lista dos reis lendarios da Bretaña (actual Inglaterra) relatada na Historia Regum Britanniae de Godofredo de Monmouth. El era fillo de Cador, duque de Cornualles, un parente do rei Artur. Costantino combateu na batalla de Camlann e parece que foi un dos poucos sobreviventes. Cando estaba sendo levado a Avalon, o rei Artur nomeouno o seu sucesor.

Godofredo afirma que Costantino continuou tendo problemas cos saxóns e cos dous fillos de Mordred, Melehan e Melou. Finalmente sobreviviu aos seu inimigos, e parece que incluso matou os dous fillos de Mordred nunha igrexa. Por ter feito tal sacrilexio, foi liquidado por Deus e sepultado en Stonehenge, ao lado de Uther Pendragon.

Costantino tamén aparece na Aliteración da morte de Artur e n` A morte de Artur de Thomas Malory como o primo e sucesor do rei Artur. A tradición identificao con Constantino, rei de Dumnonia, quen acabou por escoller a vida relixiosa e tornouse santo.

Cædwalla de Wessex

Caedwalla (Cædwalla), nado en 659 e finado o 20 de abril de 689, foi Rei de Wessex desde o ano 685 aproximadamente ata que abdicou no ano 688.

O seu nome deriva do nome britano Cadwallon. Foi exiliado de Wessex; durante o seu exilio, reuniu un exército e atacou Sussex e matou o seu rei Ethelwealh de Sussex. Con todo, Caedwalla foi incapaz de manter o territorio, e foi expulsado polos partidarios de Aethelwealh. En 685 ou 686 retornou a Wessex e finalmente converteuse en rei. É posible que eliminase a varios dos seus rivais dinásticos, xa que algúns rexistros informan de que Wessex estaba gobernado por varios reis ata a chegada de Caedwalla.

Tras o seu ascenso en Wessex, Caedwalla regresou a Sussex e conquistouno novamente, ocupando así mesmo a Illa de Wight, eliminando as dinastías que alí reinaban e convertendo aos seus habitantes ao cristianismo a punta de espada. Obtivo o control de Surrey e do Reino de Kent, e no 686 instaurou ao seu irmán Mul como rei de Kent. Un ano despois, Mul foi queimado durante unha revolta, polo que Caedwalla regresou a Kent e gobernouno directamente durante un tempo.

Caedwalla foi ferido durante a conquista da Illa de Wight, e quizais esta foi a razón pola que abdicou no ano 688 para viaxar a Roma para o seu bautismo e posterior morte. Chegou a Roma en abril de 689 e foi bautizado o sábado anterior a Semana Santa, morrendo dez días despois, o 20 de abril 689. Foi sucedido polo Rei Ine de Wessex.

Essex

Essex é un condado situado ao leste de Londres, formando parte da rexión oriental de Inglaterra. Ocupa unha área de 3.670 km², cunha poboación estimada en 2010 de 1 737 900 habitantes.

A capital do condado é a cidade de Chelmsford, sendo a súa cidade máis importante. Outras cidades salientables de Essex son Colchester (a cidade máis vella da Inglaterra), e Southend, un dos maiores balnearios do Reino Unido.

Limita co Gran Londres e con Hertfordshire, Cambridgeshire e Suffolk. A súa fronteira con Kent é o río Támese.

A orixe do nome "Essex" está no antigo reino de Essex, fundado polos anglosaxóns cara o ano 600. Os saxóns chegaron a Gran Bretaña, primeiro como foederati do Imperio Romano e despois como colonos, cara finais do século IV. Os que se asentaron no leste, ó longo da vía que comunicaba Londinium e Camulodunum foron chamados estseaxni (saxóns orientais), nome que, co paso dos séculos, derivou no actual Essex.

Francos

Os francos aparecen nos inicios do primeiro milenio nas fontes latinas. O termo designa probabelmente unha liga ou confederación de pobos xermánicos instalados na ribeira dereita do Rin inferior, alén das fronteiras do Imperio Romano, e que non se sometían ao Imperio ou a outro pobo máis importante. O latín francus, franci tende a probar que se chamaban así posto que frank significa "libre" en lingua xermánica. Dado que a raíz frank non pertence á lingua xermánica primitiva, pénsase tamén que podería derivar de frei-rancken (libere vacantes) que significa viaxeiros libres.

Gauvain

Gauvain ou Galván, sobriño do Rei Artur e cabaleiro da Mesa Redonda, é un personaxe das obras literarias da Materia de Bretaña ou Ciclo Artúrico. O personaxe é moitas veces designado como Gawain, variante máis común nos países anglo-saxóns, aí normalmente precedida polo título Sir. Nas versións medievais galego-portuguesas das historias artúricas, era común traducir o nome da personaxe como Galvão ou Gualvam e precedelo polo título Don.

Horsa

Horsa foi un guerreiro viquingo de Dinamarca na Era de Vendel (século V), que conxuntamente co seu irmán Hengest protagonizaron a primeira colonización xermánica na illa de Gran Bretaña. Algúns historiadores citan a ambos os irmáns como saxóns, oriúndos de Xutlandia, que lideraron a anglos, saxóns e xutos na invasión e protagonizaron un asentamento no reino de Kent..

Manchester

Manchester é unha cidade do Reino Unido situada na rexión do Noroeste de Inglaterra, nunha chaira aos pés da ladeira occidental dos Peninos. Segundo estimacións feitas no 2011 ten 498.800 habitantes, mentres que a área metropolitana, o Gran Manchester, ten 2 600 000, sendo a terceira aglomeración urbana máis grande do Reino Unido.

É un importante centro artístico, financeiro, de medios de comunicación e de educación superior. É a terceira cidade máis visitada no Reino Unido por turistas doutros estados. Manchester foi a anfitrioa dos Xogos da Mancomunidade de 2002, e é sede de dous equipos de fútbol da Premier League, Manchester United e Manchester City.

Oxford

Oxford é unha vella cidade universitaria inglesa no condado de Oxfordshire, en Inglaterra. Segundo o censo de 2001 a súa poboación é de 134.248 habitantes. A súa posición xeográfica é 51º44'29N 1º16'38W (corresponde á Torre Carfax, considerada como o centro da cidade).

Pobo inglés

Os ingleses (inglés: english people), son unha nación e grupo étnico nativo de Inglaterra, que fala a lingua inglesa. A identidade inglesa ten orixe medieval, cando eran coñecidos en inglés antigo como Angelcynn ("familia dos anglos"). O seu etnónimo provén dos anglos, un dos pobos xermánicos que migraron cara a Gran Bretaña durante o século V. Inglaterra é un dos países do Reino Unido.

Historicamente, a poboación inglesa descende de diferentes pobos — os antigos britanos e as tribos xermánicas que se asentaron en Britania despois da marcha dos romanos, incluíndo os anglos, os saxóns, os xutos e os frisóns. Coñecidos colectivamente como anglosaxóns, fundaron o que se convertería en Inglaterra (do inglés antigo Englaland) xunto cos dinamarqueses, normandos e outros grupos. Na Lei de Unión (1707), o Reino de Inglaterra foi sucedido polo Reino de Gran Bretaña. Co paso dos anos, a identidade e costumes ingleses foron identificados coa identidades e os costumes británicos en xeral.

O pobo inglés son os responsables da lingua inglesa, do sistema Westminster, do dereito anglosaxón e de numerosos deportes, como o crícket, o fútbol, o rugby e o tenis. Estas e outras características da cultura inglesa espalláronse por todo o mundo, en parte por mor do Imperio Británico.

Rei Artur

O rei Artur é unha importante figura da mitoloxía de Gran Bretaña orixinada na mitoloxía celta, representa o ideal do cabaleiro na guerra e na paz. É a personaxe principal no ciclo de lendas coñecido como Materia de Bretaña. Os investigadores non concordan sobre se realmente existiu, nas máis antigas referencias dos textos galeses non se lle dá o título de rei, senón dux bellorum. O seu nome procede de arz (oso) símbolo da forza, da estabilidade e da protección

A máis antiga referencia dun historiador é do monxe e historiador galés Nennio, por volta do ano 826, en Historia Brittonum, narrou unha ducia de batallas épicas de Artur contra dos bárbaros (xutos, anglos, saxóns...). Segundo Nennio, Artur viviu entre fins do século V e comezos do século VI, e datou a súa morte no ano 542 da man do seu sobriño Mordred.

No século X aparece nos Annales Cambriae que no ano 516 rexistra a vitoria de Artur contra dos saxóns e no 537 a súa morte nunha batalla.

Reino de Essex

O Reino de Essex (Ēst Seaxna, "saxóns orientais"), un do sete reinos tradicionais da chamada Heptarquía Anglosaxoa, foi fundado ao redor de 600 e cubría o territorio actualmente ocupado polos condados de Essex, Hertfordshire e Middlesex. O primeiro documento histórico sobre o reino remóntase á Historia Eclesiástica de Beda, que reflicte a chegada do bispo Melito a Londres en 604.

Reino de Sussex

O Reino de Sussex ou Reino dos saxóns do Sur (en inglés antigo: Sūþseaxna rīce) foi unha colonia saxoa e posteriormente un reino independente dos saxóns na costa sur de Inglaterra fundado no século V, tras a retirada dos romanos da illa de Britania. Foi un dos estados da denominada Heptarquía Anglosaxoa, período da historia inglesa entre os séculos V e IX. Aínda que é considerado un dos sete reinos principais da Heptarquía, a súa importancia política foi menor mesmo que a dalgúns reinos considerados secundarios como Hwicce ou Lindsey. A historia do reino está chea de lagoas e os reinos veciños de Wessex e Mercia exerceron o seu dominio sobre Sussex desde mediados do século VI até a súa incorporación definitiva ao reino anglosaxón no 825.

Sibiu

Sibiu (en alemán Hermannstadt, en húngaro Nagyszeben) é a capital da Provincia de Sibiu, Romanía. É o centro cultural dos saxóns da Transilvania e comparte un vínculo moi estreito e forte coa cidade de Braşov.

Na actualidade, máis do 95% dos habitantes son romaneses, os húngaros e os alemáns son dúas importantes minorías. O actual alcalde da cidade, Klaus Johannis, que foi elixido no 2004 cun 88,7% dos votos, é de orixe xermana.

Sibiu posúe un importante centro histórico medieval moi interesante e ben conservado, declarado no 2004 Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. A cidade posúe un aeroporto internacional (co código IATA SBZ), con conexións diarias a Bucarest, Italia e Alemaña.

No ano 2007 Sibiu foi xunto con Luxemburgo a Capital Europea da cultura, feito polo cal a cidade foi escenario de importantes mostras culturais de diversos tipos.

Thor (deus)

Thor (nórdico arcaico: Þórr, inglés arcaico: Þunor, alto alemán arcaico: Donar) é un deus de cabelos vermellos e barba, que representa a forza da natureza (trono) na Mitoloxía nórdica e tamén na Mitoloxía xermánica. Capaz de convocar treboadas, é o fillo de Odín -o deus supremo de Asgard- e Jord (Fjorgyn) -a deusa de Midgard (a Terra)-. Durante o Ragnarök, Thor matará e será morto por Jörmungandr, a gran serpe de Midgard.

El era grande aínda para ser un deus e extremadamente forte. Thor gustaba das disputas de poder e era o principal campión dos deuses contra os seus inimigos, os xigantes de xeo. A arma de Thor era un martelo de guerra máxico, chamado Mjolnir (que lanzaba raios de luz) cunha enorme cabeza e un mango curto e que nunca erraba o golpe e sempre retornaba ás súas mans. Tamén se servía dunhas luvas de ferro máxicas para suxeitar o mango do martelo branco e o cinto Megingjard que dobraba a súa forza, fóra da guerra axudaba os labregos co seu martelo e viaxaba nunha carroza tirada por carneiros. Tamén protexía os recentemente casados e daba fertilidade.

A súa esposa era Sif, a deusa da colleita, con quen tivo a filla Thrud; e da súa unión coa xiganta Jarnsaxa tivo os fillos Magni e Modi. Os antigos escritores (Saxo, Adam de Bremen, Aelfric, Snorri) identificaron a Thor coma o deus Greco-Romano Xúpiter porque ambos son fillos da Nai-Terra, comandante das choivas, dos raios e tronos, son protectores do mundo e da comunidade, cuxo símbolo era o carballo, representando ao tronco da familia. Os animais de ambos os deuses eran o carneiro, o bode e a aguia. Thor era sempre presentado co seu martelo e Xúpiter co seu cetro. Thor matou a serpente Jormungand e Xúpiter o dragón Tifon.

A Thor gustáballe a compañía de Loki, a pesar do seu talento de embusteiro para colocar a ambos en situacións difíciles. As historias das súas aventuras están entre as máis ricas da mitoloxía nórdica. No panteón nórdico, Thor era o destrutor do mal e o segundo maior expoñente dos deuses Aesir.

No Ragnarok, a tarefa de Thor era matar a cruel Jörmungandr ou Serpe Midgard (unha serpe que envolve a Terra), filla de Loki, mais el morrerá tamén no combate, debido ao veleno do seu inimigo.

Thor era un deus extremadamente popular, aparece citado frecuentemente en inscricións rúnicas e aparece nos himnos de louvanza dos poetas islandeses.

Os anglo-saxóns deron o nome de Thor ao quinto día da semana, Thursday ou sexa "Thor's day" (o día de Thor), xoves en inglés).

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.