Sauna castrexa

A sauna castrexa (ou monumento con forno) é unha construción megalítica propia da cultura castrexa (territorio da antiga Gallaecia: Galicia, occidente de Asturias e Norte de Portugal) que consistía nunha sauna de uso ritual (rituais do baño de vapor).

Nun principio pensouse que a orixe destas saunas galaicas era romana, porén hoxe sábese que xa existían nos castros varios séculos antes. Comezan a construírse a fins do século V a.C. ou comezos do século IV a.C.. Algunhas saunas continuaron a ser empregadas en tempos romanos, polo que sufriron reformas e engadidos na súa estrutura para se adaptaren a novos usos termais. Son edificios rectangulares diferentes ás outras construcións dos castros, cunha gran pedra decorada no medio do edificio (pedra formosa) que facía de separación e cun buraco na parte baixa coma porta de acceso á cámara da terma e evitaba a perda do vapor e da calor.[1]

Téñense identificado oito saunas castrexas en Asturias e Galicia, existen ademais outros casos de discutible identificación.

Xa Estrabón falaba deste costume dos galaicos:

“Disque algúns dos pobos das marxes do río Douro viven á maneira dos Laconio (Esparta). Úntanse con óleo dúas veces (por día) en lugares especiais e toman baños de vapor, feito con pedras aquecidas no lume e (despois) báñanse en auga fría.” [2]
Citania de Sanfins Portugal 02
Sauna da citania de Sanfins (Paços de Ferreira, Portugal).

Descrición

Sauna do castro de Castañoso
Vista da sauna do castro de Castañoso (A Fonsagrada).

Todas as saunas castrexas de Galicia, Asturias e Norte de Portugal teñen características comúns. A maior parte delas áchanse fóra do poboado, preto de regos con calidades terapéuticas. Porén, mentres as saunas lucense e astures soen estar no mesmo poboado, as bracarenses áchanse vinculadas coas vías de acceso aos grandes oppida. Constan dun forno e dunha sala de vapores á que hai que entrar arrastrándose a través dun pequeno burato.

Dentro das sinxelas edificacións dos castros, as saunas son edificios senlleiros con relativa monumentalidade e complexidade. Son construcións subterráneas. A planta é rectangular cunha cabeceira polo xeral en ábsida e unha cuberta a dúas augas sostiña nunha falsa bóveda. Internamente aparecen distintos cuartos sucesivos. Poden ademais identificarse depósitos de auga, canos e zonas de combustión. O acceso á estancia central e cabeceira realizábase a través de paneis de madeira ou, no caso das saunas bracarenses, a través da pedra formosa, gran monólito a través do cal accedíase á cámara de vapor e evitaba a perda de calor e vapor na cámara. A primeira pedra formosa áchase cando non se coñecía a existencia das saunas no século XVIII na citania de Briteiros, no Norte de Portugal. Ten un talle monumental polo que espertou o interese de eruditos como Silva, Sarmento ou Hübner. En 1930 achouse outra pedra en Briteiros que conservaba a súa posición orixinal no edificio polo que o misterio quedou resolto. As pedras formosas máis decoradas con motivos xeométricos celtas son as bracarenses: como a de Briteiros, Alto das Eiras ou Alto das Quintas.

Función

Non se coñece exactamente o significado da construción das saunas. Sábese que servían coma baños de vapor non lúdicos, mais o que non se sabe é o ritual en si. Algúns investigadores cren que eran ritos de paso practicados por sociedades guerreiras protocélticas mentres que outros cren que era un xeito de loar as divindades indíxenas como Nabia e outras divindades de natureza acuática[3].

Outros expertos, coma Felipe Arias, opinan que podería ter un valor iniciático para a xente nova, como un tránsito cara a vida adulta. García Quintela interpreta que as saunas son unha ferramenta que consiste en acumular as catro potencias da física antiga: lume, auga, terra e ar.

Pedra formosa

Artigo principal: Pedra formosa.

Unha pedra formosa é un monólito de grandes dimensións da arquitectura do período da cultura castrexa localizado no interior das saunas castrexas dos castros, e permitía o acceso ao compartimento dos baños e vapores quentes a través dunha pequena abertura.

Exemplos

As saunas castrexas aparecen en toda a zona de cultura castrexa, especialmente no que hoxe é Portugal e no norte (Norte da Coruña, Lugo e Asturias).

Galicia

Castro de Borneiro - Pedra Formosa, monumento con forno
Pedra formosa, no Castro de Borneiro (Cabana de Bergantiños)
  • Sauna de Castelón de Castañoso, un castro fortificado nun outeiro. Existe unha sauna castrexa nun souto de difícil acceso coñecido por Campo do Castro no Castelón de Castañoso en Maderne, A Fonsagrada (Lugo), sendo un dos poucos exemplos desta construción no actual territorio galego. A pedra formosa atopouse fracturada e a construción, cunha gran falsa bóveda, corría perigo de derrubamento. No verán de 2015 comezaron os traballos de restauración da sauna polo Museo da Fonsagrada por mor do seu perigo de derrubamento. A construción consta dunha cámara de combustión (forno), unha sala de valores e unha vivenda compartimentada, máis alta e complexa do habitual. Unha canle traballada na pedra e por unha ponte de madeira achegaba a auga a unha pía[4]. Ademais da pedra formosa atopáronse unha fíbula de bronce e cerámica. Crese que estas construcións, de orixe prerromana, eran de uso ritual e non lúdico ou hixiénico[5].
  • Sauna do Castro da Atalaia. Outra sauna castrexa descuberta en 1974 é a de Cervo, un achado arqueolóxico importante preto do castro da Atalaia. Foi escavada e volta a soterrar.[3]
  • Sauna do Castro de Borneiro, en Borneiro, Cabana de Bergantiños, na Coruña.
  • Sauna do Castro de Armeá en Augas Santas, Allariz, en Ourense.
  • En 2017 na península do Sarridal, no coñecido por Campo do Castro, no Concello de Cedeira foi atopada nunha construción dun monumento con forno.[6]

Norte de Portugal

Pedra Formosa Briteiros
Pedra formosa na Citania de Briteiros (Guimarães, Portugal).

As saunas castrexas da provincia Bracarense destacan pola beleza das súas pedras formosas. Algúns exemplos son:

  • Citania de Briteiros, localizada na freguesía de Salvador de Briteiros (Guimarães), a pedra formosa está exposta na Sociedade Martins Sarmento. É un monólito de granito, traballado hai uns tres mil anos. Mide case tres metros de ancho e máis de dous de altura, con aproximadamente cinco toneladas de peso. É a peza principal do conxunto arquitectónico prerromano. Foi referenciado a comezos do século XX polo historiador Martins Sarmento.
  • Castro das Eiras, na freguesía de Pousada de Saramagos (Vila Nova de Famalicão) foi identificada en 1880 por Martins Sarmento. En 1990 o Gabinete de arqueoloxía do concello de Vila Nova de Famalicão retomou as escavacións baixo a dirección do arqueólogo Francisco Queiroga. Pertencía a un complexo de baños[7].
  • Citania de Sanfins, unha das principais estacións arqueolóxicas da península Ibérica, localizada na freguesía de Sanfins de Ferreira (Paços de Ferreira). Nela destaca o edificio destinado aos baños públicos pola súa técnica e aparato. Os primeiros estudos desta Citania débense a Martins Sarmento e Leite de Vasconcelos.
  • Sauna castrexa de Tongóbriga achada nos restos dunha cidade romana situada na freguesía do Freixo (Marco de Canaveses), a carón das antigas termas romanas[8].

Ávila

  • No Castro de Ulaca en Villaviciosa, Ávila atopouse unha sauna semellante ás galaicas. Está formada por unha especie de semihipoxeo, tallado parcialmente sobre unha grande pedreira granítica e por muros de pedra na parte norte e tamén nos costados leste e oeste. Hai tempo identificouse como forno ou fragua, mais recentemente atribúeselle un uso termal, comparándoa coas saunas e pedras formosas da cultura castrexa do noroeste. O seu sentido sería ritual, ligado con cerimonias iniciáticas guerreiras suxeridas nalgunhas referencias clásicas[9].

Galería de imaxes

Castro de Borneiro - Pedra Formosa, monumento con forno

Sauna no Castro de Borneiro (Cabana de Bergantiños).

Pedra Formosa sauna do castro de Castañoso

Pedra Formosa da sauna de Castañoso (A Fonsagrada).

Pedra Formosa Citania de Sanfins

Citania de Sanfins (Paços de Ferreira, Portugal).

Pedra Formosa Briteiros (8806608036)

Pedra formosa na citania de Briteiros (Guimarães, Portugal).

Pedra Formosa Castro das Eiras

Pedra formosa do Castro das Eiras (Vila Nova de Famalicão, Portugal).

Sauna

Sauna do Castro de Ulaca, Villaviciosa, (Ávila), semellante á dos castros galaicos.

Notas

  1. Información de saunas castrexas na web do Colexio Rural Agrupado de Rianxo
  2. Estrabón, Xeografía 3.3.6
  3. 3,0 3,1 Información das saunas en Culturagalega.gal
  4. Os segredos da maior sauna castrexa do noroeste da península. historiadegalicia.gal
  5. Noticia en Sermosgaliza.gal de setembro de 2015
  6. Aparece unha nova sauna castrexa en Cedeira, ao carón do mar, historiadegalicia.gal
  7. "Um balneário milenar em Lisboa", Diário de Notícias, 29 de marzo de 2007
  8. Estação Arqueológica do Freixo, ficha en www.tonobriga.net (en portugués).
  9. Eduardo Sánchez Moreno (2000): Vetones: historia y arqueología de un pueblo prerromano, Madrid, UAM Ediciones

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Balneario

Un balneario (latín balneae -arum "baños" ou balineae -arum "establecemento de baños") é un lugar dedicado ao repouso e a curación a través da utilización das augas, sobre todo as termais e minerais, cun edificio para a hospedaxe.

Campo do Castro

Campo do Castro é un castro situado no concello de Cedeira.Está situado nunha península ao bordo dos cantís. Non se sabe a forma e tamaño do castro. En 2017 comezaron as escavacións aparecendo unha sauna castrexa con pedra formosa. A sauna ten un atrio, unha antecámara, unha cámara e unha entrada.

Castelón de Castañoso

Castelón de Castañoso é un castro fortificado no cumio dun esporón de difícil acceso formado polo regueiro do Val de Barreiro e o río Covas na Fonsagrada. Dispoñía de profundos foxos que o facían case inexpugnable e só accesible a pé. Está situado a uns 500 metros de altitude sobre o nivel do mar.

Castro de Armeá

O castro de Armeá (ás veces castro de Augas Santas) é un castro situado no lugar de Armeá, na parroquia de Augas Santas, pertencente ó concello ourensán de Allariz. A cronoloxía de ocupación do Castro é entre o século IV-III a.C e o século IV da nosa era.

Castro de Borneiro

O castro de Borneiro ou da Cibdá é un castro galaico datado a finais da Idade de Bronce, pertencente á coñecida como Cultura castrexa, tamén coñecido como. Sitúase na parroquia de Borneiro (Cabana de Bergantiños), a 500 metros da estrada LC-430 de Ponteceso a Baio. A poucos quilómetros está o famoso dolmen de Dombate. O poboado castrexo ten sido obxecto de escavacións arqueolóxicas e traballos de consolidación que permiten a súa visita. Foi catalogado como Ben de Interese Cultural en 2011

Citania de Sanfins

A Citania de Sanfins (en portugués: Citânia de Sanfins) é un sitio arqueolóxico da Idade de Ferro do norte de Portugal. É unha das citanias máis características da Cultura castrexa do noroeste da Península Ibérica. Localízase case na súa totalidade na freguesía portuguesa de Sanfins de Ferreira e a parte suroeste na freguesía de Eiriz, ambas as dúas no concello de Paços de Ferreira, distrito do Porto.

Está clasificada polo IPPAR (Instituto Português do Património Arquitetónico) como monumento nacional (Dec. Nº 35817, DG, 187, 1ª SÉRIE, 20 de agosto de 1946).

Hipoxeo

O hipoxeo (do grego ὑπόγαιον, hypogaios, a partir de hypo (baixo) e gaia (terra), cámara subterránea) é a escavación ou construción subterránea, especialmente a destinada a sepulcro principalmente no período precristián. Teñen sido empregadas ao longo do tempo por innumerábeis sociedades: durante o Calcolítico da península ibérica; no Antigo Exipto; ou polos fenicios.

Baixo a estrutura do antigo coliseo, por exemplo, un hipoxeo axudaba nos espectáculos sanguentos. Gaiolas e animais ficaban gardados na estrutura até que os xogos comezaban, entón abríase unha trapela e do hipoxeo saían gaiolas e animais para completar o espectáculo violento. No Antigo Exipto usábanse como tumbas e facíanse de pedra, pitábase e decorábase con estatuas.

Maderne, A Fonsagrada

San Pedro de Maderne é unha parroquia do concello da Fonsagrada, na provincia de Lugo. Segundo o IGE, en 2015 tiña 84 habitantes (45 homes e 39 mulleres), 29 menos ca en 2007.

No val do río de Santo Estevo está o Castelón de Castañoso, un poboado castrexo que conserva unha sauna castrexa.

Pedra formosa

Unha pedra formosa (ás veces galeguizado como pedra fermosa) é un monólito de grandes dimensións da arquitectura do período da cultura castrexa. Estaba localizado no interior dos balnearios (saunas castrexas) dos castros, e permitía o acceso dos baños e vapores quentes ao compartimento a través dunha pequena abertura.

Sauna

Unha sauna é un baño de vapor que se realiza nun recinto a moi alta temperatura. Dependendo da humidade relativa dentro do recinto a sauna pode ser húmida ou seca. A sauna húmida, onde a temperatura non supera os 70 °C e a humidade relativa é moi alta, é coñecida como baño turco. A sauna seca, con temperaturas entre os 80º e 90 °C e unha humidade mínima, nunca superior ao 20%, coñécella como sauna finlandesa ou simplemente sauna. Esta última modalidade é a máis coñecida e amplamente practicada nos países escandinavos, onde o ritual da sauna vai acompañado de duchas frías e masaxes.

Spa

Un spa (do latín Sanus Per Aquam, i.e., "en boa saúde a través da auga") é unha designación técnica para un complexo turístico que fornece actividades de lecer saudábeis, xeralmente en contacto coa natureza. Aínda que afirmación de que a palabra "spa" sexa un acrónimo da expresión latina sanus per aquam ou "sanitas per aquam" ("saúde pola auga") parece carecer de fundamento. O termo spa posiblemente proveña da vila de Spa que xa na Idade Media, no século XIV os seus mananciais gañaron fama polas súas propiedades medicinais, e o manancial era coñecido como Espa ("fonte", en lingua valoa). A denominación posiblemente estea relacionada con spargere (en latín, 'lanzar aquí e acolá, espallar' (pingas).Algunhas desas actividades son natación, sauna etc.

Termas romanas

As termas romanas son recintos públicos destinados a baños típicos da civilización da Roma antiga. Os baños das vilas romanas chamábanse Balmes ou balneum, e se eran públicos thermae ou therma.

Estes baños públicos tiñan estancias reservadas para actividades ximnásticas e lúdicas. Tamén eran consideradas lugares de reunión, e a elas acudía a xente que non podía ter un na súa casa, como os plebeos ou escravos. A veces os emperadores ou os patricios concedían baños gratis para o resto da poboación.

Os baños, tanto públicos como privados, estiveron presentes en moitas das civilizacións ao longo da historia. Son numerosas as prácticas relixiosas e sociais, que desde a antigüidade tiveron como acto principal o baño, asociado este á limpeza, tanto hixiénica do corpo como a da alma ou espírito, a purificación.

Na civilización romana a institución dos baños, as termas, era fundamental nos servizos para a cidadanía. As termas públicas romanas respondían a unha función social e política. Foron lugares ideais para a conversa relaxada, o recreo e a relación social. Coidábase o ambiente cunha delicada decoración con frescos, mosaicos e estatuas.

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.