Sarcófago

Un sarcófago ou sartego é un recipiente, xeralmente tallado en pedra, destinado a conter un cadáver. No Antigo Exipto, os sarcófagos da realeza albergaban polo menos un cadaleito, xeralmente de madeira, onde se custodiaba a momia do defunto que previamente era sometido a un proceso de embalsamamento.

Sarcophagus of Ibi TT36
Sarcófago exipcio de Ibi, no Museo Exipcio de Turín.
Banditaccia Sarcofago Degli Sposi
Sarcófago dos esposos, no Museo Nacional Etrusco de Vila Giulia.
Museum für Antike Schifffahrt, Mainz 01. Spritsail
Sarcófago romano, no Museo da antiga construción naval, de Maguncia.
SarcófagoNuestra Señora de la Asunción, Osorno la Mayor 001
Sarcófago medieval de madeira na Igrexa da nosa Señora da Asunción en Osorno la Mayor (Palencia, Castela e León).

Etimoloxía

Do latín sarcophagus, sendo este a transcrición de σαρκοφάγος, palabra grega composta σαρκος - φαγος, que en galego se traduciría como «o que devora a carne». A palabra provén da expresión lithos sarkophagos (λιθος σαρκοφάγος). A explicación do nome xorde con Eratóstenes e recóllea Plinio o Vello. Comentan que o nome debíase a que os gregos construíanos cun tipo de pedra calcárea moi porosa procedente das canteiras de Assos, na Tróade, que en pouco tempo consumía os cadáveres.[1][2]

Historia

Moitos sarcófagos foron construídos para permanecer en mausoleos, templos ou criptas visitables, e xa que logo adoitaban estar elaborados, tallados, ou adornados esmeradamente.

No Antigo Exipto o sarcófago estaba relacionado cos rituais de embalsamamento e momificación, tendentes a conseguir a vida eterna. Os sarcófagos eran depositados en mastabas, pirámides, hipoxeos, e outros tipos de sepulturas ou edificacións funerarias. Son destacables os sarcófagos antropomorfos elaborados en pedra, ouro, prata ou madeira policromada. É soado o de Tutankhamon, faraón da dinastía XVIII, descuberto por Howard Carter no Val dos Reis, fronte a Tebas. Estaba elaborado en cuarcita e albergaba tres cadaleitos e a momia, que portaba unha máscara funeraria de ouro e pedras preciosas.[3]

En Etruria, durante os séculos III e II a.C., elaboráronse sarcófagos de terracota (como o Sarcófago dos esposos, do século VI a.C.).

Os sarcófagos, tanto de metal ou xeso así como de pedra calcaria, tamén foron utilizados polos romanos ata que apareceu o costume cristián do enterramento en sepulcros, co que caeu en desuso o sarcófago.[2]

Exemplos de sarcófagos paleocristianos:

  • Sarcófago de Xuño Basso, de ca. 340 ou 359 d.C.[4]
  • Sarcófago paleocristiano de Martos

Coa chegada da Idade Media, o costume de elaborar sarcófagos para os dignatarios e monarcas vestidos coas súas regalias máis suntuosas, tallándoos xacendo plácidamente coma se durmisen, cada vez aumentou máis. A finais da Idade Media, e coa chegada do Renacemento, unha serie de símbolos apareceron paulatinamente, onde leóns, cans e outros animais aparecián baixo os pés do defunto tallado, reflectindo a súa supremacía. Tamén xunto aos personaxes eclesiásticos e laicos, ánxeles sostiñan un manto por encima seu, ou sinxelamente portaban o escudo de armas da familia.

Estes ricos tallados nos sarcofágos fungen como unha valiosisima referencia para coñecer as armaduras e vestimenta da época, definir a heráldica e simbolismo ao redor desa persoa e a súa dignidade, e inclusive, atrevidamente para definir os trazos físicos, fisonómicos do personaxe histórico.

Outros significados

  • A palabra sarcófago tamén foi utilizada para describir a gran estrutura erixida ao redor dos restos da central nuclear de Chernóbil para illala da contorna, tras o accidente de Chernóbil.
  • O nome da mosca da familia Sarcophagidae ten a mesma raíz pero distinto significado. É coñecida vulgarmente como moscarda da carne porque as súas larvas desenvólvense na prea e o esterco, así como nos tecidos vivos das persoas e outros animais.

Notas

  1. Etimoloxía WordInfo. Como substantivo do termo grego foi máis tarde utilizado co sentido de "cadaleito" e foi levado a América, onde se utiliza na expresión lapis sarcophagus, en referencia ás propiedades da pedra calcaria.
  2. 2,0 2,1 Roman and Early Christian Burial Practices Columbia University Dept. de Arqueoloxía. Arquivado 18 de decembro de 2012 en Wayback Machine. (en inglés)
  3. Sarcófagos exipcios.
  4. Beckwith, John (1970, 1979): Arte paleocristiano y bizantino. – Cátedra, Madrid, 1997, p. 50. ISBN 84-376-1589-5

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Altar

Para consultar información sobre a constelación, véxase Ara

Para o artigo sobre o lugar, véxase Altar, San Cosme de Barreiros, Barreiros

Un altar (do latín altar, derivado de altum) é un montículo, pedra ou construción consagrado ao culto ou á devoción. O altar era, na Antigüidade, ben un lugar elevado (na súa orixe simples montículos de terra ou pedras), ou unha táboa colocada sobre unhas gradas, no que se depositaban algunhas ofrendas e/ou se celebraban os sacrificios (cruentos ou non), á divindade.

Amoeiro

Amoeiro é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca de Ourense. Segundo o IGE en 2016 tiña 2.264 habitantes (2.274 en 2014, 2.371 no 2006, 2.356 no 2005, 2.322 no 2004, 2.276 no 2003).O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «amoeirés».

Arcosolio

Arcosolio (do latín arcus, arco, e solium, sepulcro, sarcófago) é un termo arquitectónico aplicado a un nicho cuberto cunha bóveda en arco que se empezou a usar como lugar de soterramento nas catacumbas.

Arte fenicia

Arte fenicia é a denominación historiográfica da arte da civilización fenicia, tanto o das metrópoles fenicias do Mediterráneo oriental como o das colonias fenicias. Para a produción artística da principal colonia fenicia, Cartago, adoita empregarse o termo arte cartaxinés ou arte púnica (aínda que o termo púnico emprégase tamén para referirse á totalidade do fenicio).

As producións artísticas fenicias teñen un forte compoñente artesanal. Nas súas esculturas, cerámicas, xoias e obxectos de metal, predominaban a [influencias exipcias, con elementos asirios, nun primeiro período (dende o século X a. C. -data máis antiga que se adoita asignar á arte fenicia- até o século VII a. C.). Nun segundo período pasou a predominar a influencia grega, chegando ás veces a confundirse as súas producións coas gregas, aínda que, polo xeral, detéctase unha maior tosquedade e e eclecticismo do artista fenicio nas obras dos seus obradoiros.

A arte fenicia influíu en gran medida na dos pobos indíxenas da Península Ibérica (Tartessos e arte ibérica).

As formas de arquitectura fenicia inférense máis polos debuxos dos selos e outros relevos que polas ruínas dos seus edificios; aínda que non faltan algúns restos de pezas arquitectónicas achados en Chipre e -Fenicia. Entre estes, figura o capitel con volutas, inspirado na arte oriental e que ben puido ser o antecesor do orde xónica. Os templos fenicios (como o de Biblos) distinguíanse por ter o santuario sen cuberta. Nel dábase culto a unha pedra ou betilo que xeralmente consistía nun aerólito de forma cónica (como pedra caída do ceo) situado no medio da estancia á cal precedía un adro rodeado interiormente de columnas. Era tamén característica a forma que os sidonios daban aos seus suntuosos sartegos de pedra, e que reproducía o contorno da figura humana, como os sartegos antropoides de madeira exipcios.

Baixo o nome de esculturas fenicias comprendéronse numerosas e variadísimas estatuas dos pobos fenicios, libios, sardos, tirrenos, pelasgos, hititas e chipriotas que se presentan con certa rixidez arcaica e falta de naturalidade e que ofrecen visibles reminiscencias asirias, exipcias e mesmo gregas segundo as épocas e os países. Considéranse como lexitimamente fenicias en pedra e bronce as esculturas chipriotas (da illa de Chipre) tendo en conta que os fenicios apoderáronse da illa cara ao ano 1000 a. C. e fundaron alí cidades importantes subxugando aos hititas que eran os seus antigos poboadores. Así mesmo, pode estudarse a arte fenicia nas illas de Sardeña e Eivissa das cales se apoderaron as colonias tirias no século VIII a. C.

Despois de repetidas investigacións realizadas sobre a arte fenicia, pódese afirmar que non existe con anterioridade ao século X a. C. pois aínda que moito antes fabricaban e vendían produtos os industriais e mercadores fenicios a súa arte non pasaba de ser unha mera imitación do exipcio ou asirio e parece que mesmo entón se consideraban os seus artigos como orixinarios dos artistas que lles servían de modelo. Desde o devandito século descóbrese nas obras fenicias de estatuaria, glíptica, ourivaría etc. a tendencia a combinar os estilos orientais nunha mesma peza, sobresaíndo o exipcio.

Arturo Vázquez Núñez

Arturo Vázquez Núñez, nado en Ourense o 15 de novembro de 1852 e finado na mesma cidade o 2 de marzo de 1907, foi un polígrafo ourensán especialista en Historia e Arqueoloxía.

Asadur, Maceda

Asadur é unha parroquia do concello de Maceda. Segundo o IGE en 2011 tiña 123 habitantes (60 homes e 63 mulleres). Está situada nas abas do monte do Rodicio,

Cadáver

Un cadáver é o corpo dun ser vivo morto.A palabra cadáver provén do latín cadāver, -eris, en relación con el verbo cadere, 'caer', e significa 'caído', e tamén 'morto'.

Capela ardente

Chámase capela ardente a aquela en que se mantén iluminación permanente por razón do sacramento, ou por mor de conservarse ou acharse exposto nelas á veneración ou relixiosa atención dos fieis, o corpo ou reliquias dalgún santo ou o sarcófago dun príncipe ou outro personaxe.

Na actualidade, as capelas ardentes móntanse tras a morte dun personaxe popular do mundo da cultura, a política ou outros para a veneración dos seus admiradores ou fieis. Organízase antes do funeral descansando na mesma o defunto de corpo presente. Organízanse tanto en edificios relixiosos como noutros recintos amplos como polideportivos, centros culturais e mesmo en cines ou teatros, de forma que o público dispoña de espazo suficiente para a visita.

A capela ardente é un conxunto de ornamentos na súa maior parte luminosos —hoxe en día poden ser eléctricos— utilizados durante un velorio ou funeral e así honrar ao recentemente falecido antes de sepultalo ou incineralo. A capela ardente confórmase xeralmente por dúas filas de tres cirios cos seus respectivos candeeiros, colocados paralelamente a ámbolos dous lados do cadaleito co cadáver do defunto (tamén poden ser catro colocados un en cada esquina do catafalco, isto depende da dignidade); un reclinatorio aos pés do defunto para quen desexen orar; e un crucifixo na parte anterior ao mesmo cadaleito; estes dous últimos elementos adoitan darse en velorios católicos ou protestantes, neste último caso é unha cruz espida.

Centauro

Na mitoloxía grega, os centauros (en grego Κένταυρος Kéntauros, «matador de touros», «cen fortes», plural Κένταυροι Kéntauroi; en latín Centaurus/Centauri) son unha raza de seres co torso e cabeza de humano e o corpo de cabalo.

Vivían nas montañas de Tesalia e eran fillos de Ixión e Néfele, a nube de chuvia. Alternativamente, considerábanse fillos de Kentauros (o fillo de Ixión e Nefele) e algunhas eguas magnesias, ou de Apolo e Hebe. Ás veces cóntase que Ixión planeaba manter relacions sexuais con Hera, pero Zeus, o seu marido, evitouno moldeando unha nube coa forma de Hera. Posto que Ixión é normalmente considerado o devanceiro dos centauros, pode facerse referencia a eles poeticamente como Ixiónidas.

Cospindo, Ponteceso

San Tirso de Cospindo é unha parroquia que se localiza no sur do concello coruñés de Ponteceso na comarca de Bergantiños. Segundo o INE en 2018 tiña 679 habitantes (342 homes e 337 mulleres) distribuídos en 7 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 738 habitantes.

Goiáns, Porto do Son

San Sadurniño de Goiáns é unha parroquia que se localiza no norte do concello de Porto do Son. Segundo o padrón municipal (INE 2018) ten 1.598 habitantes (800 homes e 798 mulleres) distribuídos en 12 entidades de poboación.

Igrexa de Lye

A igrexa de Lye (sueco: Lye kyrka) é unha igrexa medieval luterana en Lye, na illa sueca de Gotland, pertencente á diocese de Visby.

KV62

A tumba KV62, situada no Val dos Reis (Exipto), é a única tumba real exipcia atopada intacta, e a mellor conservada. Nela depositouse o corpo de Tutankhamón, faraón da décimo oitava dinastía. Foi descuberta en 1922 por Howard Carter baixo os restos das vivendas dos traballadores da época ramésida, o que a salvou dos saqueos dese período. Como dato curioso, Carter conseguiu fotografar algunhas ofrendas florais que se desintegraron ao tocalas.

A tumba consta de catro salas e estaba chea de obxectos, pero en desorde. Debido ao seu estado e ao método meticuloso de estudo de Carter, tardouse oito anos en baleirala e trasladar ao Museo Exipcio do Cairo todo o atopado, máis de 5.000 pezas, a máis coñecida a máscara mortuoria de ouro.

Dise a miúdo que a tumba de Tutankhamón nunca foi violada, pero isto non é exacto. De feito foino polo menos dúas veces non moito despois do enterro: hai evidencias de que nas portas seladas practicouse unha abertura nas esquinas superiores, que foi precintada de novo máis adiante. Estimouse que o 60% das xoias depositadas na chamada "Tesourería" foron roubadas, e que os funcionarios da necrópole embalaron as que se salvaron de forma precipitada. De feito, equivocáronse ao rotulalas, segundo as inscricións que deixaron nas caixas. As portas exteriores das capelas, que incluían os cadaleitos xerarquizados do rei, deixáronse abertas e sen selar.

Parece ser que, tras un dos roubos, algúns artigos da KV62 depositáronse na KV54.

Lucía de Siracusa

Lucía, nada en Siracusa, Italia, no ano 283 e finada se cadra no 304, é unha santa mártir da Igrexa católica e Ortodoxa. A súa festividade celébrase o 13 de decembro, a noite máis curta do ano segundo o primeiro calendario xuliano, e é a santa patroa dos cegos e dos males de vista.

Panteón Real da Catedral de Santiago

O Panteón Real é o lugar, dentro da catedral de Santiago, que contén os sepulcros de dous reis e outras destacadas personalidades do Reino de Galiza.

Iniciouse no ano 1107 co soterramento de Raimundo de Borgoña, conde de Galiza, e coa promesa do seu fillo o emperador Afonso VII de levar tamén os seus restos á Catedral. Este compromiso non foi cumprido por Afonso VII mais si pola súa esposa a emperatriz Berenguela, e continuado polo seu fillo Fernando II e polo seu neto Afonso VIII, reis de Galiza e León. No ano 1211, Afonso VIII oficializou definitivamente a capela rexia na cerimonia de consagración da Catedral que presidiu xunto ao seu herdeiro Fernando Afonso, sepultado tamén no panteón.

O espazo funerario foi instalado na "capella dos reis", hoxe capela de Santa Catarina, e permaneceu alí até o ano 1535, momento no que foi trasladado á Capela das Reliquias. Durante este traslado mudouse o acomodo de cinco sarcófagos que foron atribuídos naquel momento a Raimundo de Borgoña (†1107), Berenguela de Barcelona (†1149), Fernando II (†1188), Afonso VIII (†1230) e Xoana de Castro (†1374). A documentación histórica confirma a inhumación na catedral destes cinco persoeiros mais só no caso da raíña Xoana existen ademais testemuños epigráficos e heráldicos da mesma época que confirmen a súa identidade. No ano 1926 incorporouse ao panteón unha última sepultura contendo os restos do conde Pedro Froilaz de Traba (†1126).

Sartego de St Andrews

O sartego de Santo Andrews é un monumento picto que data da segunda metade do século VIII. O sartego foi descuberto a comezos de 1833 durante as escavacións da catedral de St Andrew, pero non foi até 1922 que os compoñenete superviventes foron reunidos. O sartego atópase exposto no museo da Catedral, en St Andrews, preto do lugar da descuberta.

Sebbi de Essex

Sebbi(tamén coñecido como Santo Sæbbi ou Sebba) era fillo de Sexred e Rei conxunto de Essex de 664 a aproximadamente 683 xunto co seu primo, Sighere. Tras a morte deste, asumiu o trono en solitario até 694.

Sepultura (enterramento)

Para outros significados ver Sepultura.

Unha sepultura é o lugar onde se enterra a unha persoa ou animal tras a súa morte. Xeralmente as sepulturas agrúpanse nun cemiterio, e a súa situación está sinalada por unha lápida.

As sepulturas son comúns a case todas as culturas humanas, con diferenzas en canto a ritos e decoracións, dependendo das crenzas con respecto á morte e a existencia despois dela.

Algunhas culturas, como a exipcia, sepultaban aos seus mortos con todas as súas posesións terreais, pensando que as necesitarían no máis alá.

Temes, Carballedo

Santa María de Temes é unha parroquia que se localiza no concello de Carballedo, na comarca de Chantada. Segundo o padrón municipal de 2004 tiña 61 habitantes (33 homes e 28 mulleres), distribuídos en 8 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 70 habitantes. Segundo o IGE, no 2014 a súa poboación descendera ata os 38 habitantes, sendo 19 homes e 19 mulleres. En 2016 tiña 32 habitantes, 18 mulleres e 14 homes, segundo o INE.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.