Santiago de Compostela

Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, radicando nesta cidade e concello o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o IGE en 2017 tiña 96.456 habitantes[4] (94.824 en 2010). O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».

Por outra banda, tamén é a Sé Arcebispal galega, amais do destino das diferentes rutas que conforman o Camiño de Santiago, declarado pola UNESCO Patrimonio da Humanidade, distinción que tamén posúe o seu casco vello dende o ano 1985.

A cidade aséntase entre o monte Pedroso e o monte Viso, circundada polos ríos Sar e Sarela. Limita ao norte cos concellos de Val do Dubra, Trazo e Oroso; ao sur con Teo, Vedra e Boqueixón; ao leste co Pino; e ao oeste con Ames. Ademais da cidade de Santiago, o termo municipal comprende vinte e nove parroquias rurais[5]. Por poboación é o quinto concello galego despois de Vigo, A Coruña, Ourense e Lugo. Posúe unha densidade de poboación de 432,74 hab./km² (2011), e unha superficie de 220,6 km².

Coordenadas: 42°52′49.8″N 08°32′44.1″O / 42.880500, -8.545583

Santiago de Compostela
Bandeira de Santiago de Compostela
---
Escudo de Santiago de Compostela
Catedral.
Hostal dos Reis Católicos e Praza do Obradoiro. A Alameda.
Vista panorámica.
Situacion Santiago de Compostela
Situación
Xeografía
ProvinciaProvincia da Coruña
ComarcaComarca de Santiago
Poboación96.405 hab. (2018)
Área220,6 km²
Densidade437,01 hab./km²
Entidades de poboación29 parroquias
Capital do concelloSantiago de Compostela
Política (2019[2])
AlcaldeMartiño Noriega (Compostela Aberta)
ConcelleirosBNG: 2
PPdeG: 8
PSdeG-PSOE: 10
Outros: CA - 5
Eleccións municipais en Santiago de Compostela
Uso do galego[3] (2011)
Galegofalantes35,92%
Na rede
www.santiagodecompostela.org

Orixe e historia

Artigo principal: Historia de Santiago de Compostela.
Catedral de Santiago de Compostela
Catedral de Santiago.
Santiago 1
Fachada da Catedral desde a praza do Obradoiro.
Afonso II O Casto Santiago
Estatua en Compostela de Afonso II, quen peregrinou a Santiago.

No territorio que actualmente ocupa a catedral de Santiago existía un poboado romano que se tende a identificar coa mansión romana de Aseconia (esta mansión existiu entre a segunda metade do século I e o século V). O poboado desapareceu pero permaneceu unha necrópole que tivo uso quizais ata o século VII.

O nacemento de Santiago, como se sabe agora, está ligado á presumible descuberta dos restos do Apóstolo Santiago entre o 820 e o 835. O seu desenvolvemento débese á elevación ao rango relixioso dos restos, á Universidade e, na actualidade, á capitalidade de Galicia.

Na Concordia de Antealtares aparece por primeira vez (1077) a tradición medieval segundo a cal o eremita Paio, alertado por luces nocturnas que se producían no bosque de Libredón, avisou o bispo de Iria Flavia, Teodomiro, quen descubriu os restos de Santiago o Maior e de dous dos seus discípulos, no lugar no que posteriormente se levantaría Compostela, topónimo que podería vir de Campus Stellae, isto é "campo de estrelas"; ou máis probabelmente de Composita Tella, "terras ben axeitadas", eufemismo por cemiterio; ou mesmo de "[Ja]Com[e A]postol[u]". O nome tamén se ten relacionado co hipocorístico Compostela, correspondente ao antropónimo Composta. A descuberta propiciou que Afonso II, necesitado de cohesión interna e apoio externo para o seu reino, fixera unha peregrinación ao lugar. A nova que dela fixo, tanto no seu reino como fóra del, axudou a que Compostela aparecese como un novo lugar de peregrinación da cristiandade, nun momento no que a importancia de Roma decaera e Xerusalén non era accesible por estar en poder dos musulmáns.

Pouco a pouco foise desenvolvendo a cidade. Primeiro estableceuse unha comunidade eclesiástica permanente a carón dos restos atopados, formada polo bispo de Iria e os monxes de Antealtares. Espontaneamente asentouse unha poboación heteroxénea, a maioría procedente das aldeas próximas, que foi aumentando ao tempo que crecía por todo o occidente peninsular a peregrinación a Compostela, reforzada polo privilexio concedido por Ordoño II no ano 915 polo que se establecía que calquera que permanecera corenta días sen ser reclamado como servo, pasaba a ser considerado como un home libre con dereito a residir en Compostela.

Lugar de coroación de monarcas do Reino de Galicia e do Reino de León, a cidade foi destruída por Almanzor o 10 de agosto do ano 997 quen, segundo a lenda popular[6], tan só respectou o sartego do apóstolo. Tras a volta dos habitantes comezou a reconstrución. A mediados do século XI o bispo Cresconio dotou á cidade dun cinto de foxos e dunha muralla como medida defensiva. No ano 1075 o bispo Diego Páez deu comezo á construción da catedral románica.

O incremento da peregrinación fai de Compostela un importante lugar de referencia relixiosa en Europa, aumentando tamén a súa importancia política. Durante o pontificado do Arcebispo Diego Xelmírez, en 1120, a igrexa compostelá viuse recompensada coa concesión da categoría de metropolitana. Tamén en tempos de Xelmírez tiveron gran repercusión na cidade unha serie de revoltas urbanas, en 1116 e 1136. Entre os séculos XII e XIII foise artellando a rede de rúas dentro do recinto amurallado.

Picaportes eue
Fotocomposición con picaportes fotografados en Compostela.

A chegada da Peste Negra a mediados do século XIV supuxo unha forte recesión demográfica. A poboación recupérase a partir de 1380, e no século XV a cidade xa tiña entre catro e cinco mil habitantes. A fundación da Universidade a finais do século XV e o arcebispo Alonso III de Fonseca danlle a Santiago un novo pulo que atrae a novos poboadores, principalmente de Galicia.

O estatuto de autonomía de Galicia estableceu a capitalidade galega en Compostela. Como consecuencia, a cidade sufriu a finais do século XX un considerable aumento de poboación e unha profunda transformación.

É Patrimonio da Humanidade e foi Capital Europea da Cultura no 2000.

Demografía

Censo total en 2014 95.800 habitantes
Menores de 30 anos 12.801 (13.36 %)
Entre 30 e 64 anos 63.967 (66.77 %)
Maiores de 65 anos 19.032 (19.86 %)

A cidade contaba en 2013 con 96.041 habitantes[7]. Destes, 50.974 naceran na cidade, 20.141 noutro municipio da Coruña, 11.139 noutra provincia galega, 5.217 noutra comunidade autónoma e 8.200 no estranxeiro. A taxa de natalidade é do 8,91‰ e a de mortalidade do 8,95‰, o que provoca un crecemento vexetativo negativo.

En canto á distribución por sexos, Santiago conta con 44.497 homes e 51.174 mulleres. Por idades, a xuventude (0-29 anos) representa o 28% da poboación (26.628), a maior parte da poboación é adulta (30-64 anos), o 53% (50.918), e os anciáns (máis de 65 anos) supoñen o 19% (18.125). Por sexos e idades, hai practicamente o mesmo número de mozos que de mozas, 13.320 fronte a 13.308, entre os adultos hai máis mulleres ca homes, 26.054 (53%) fronte a 23.964 (47%), e entre os maiores de 65 anos tamén hai maioría feminina, con 10.912 (60%) mulleres fronte a 7.213 (40%) homes. A densidade de poboación é de 432,74 habitantes/km². A poboación da comarca (sen contar o municipio de Santiago) é de 68.848 persoas, distribuídas en seis concellos: Ames, Boqueixón, Brión, Teo, Val do Dubra e Vedra.[8]

Movementos migratorios

En Santiago hai 4.256 estranxeiros (4,5% do total da poboación), dos cales a maioría veñen de América (2.334, 54,8% do total de inmigrantes), seguidos por inmigrantes europeos (1.325, 31,1% do total de inmigrantes), asiáticos (306, 7,2% do total de inmigrantes) e africanos (274, 6,4% do total de inmigrantes). Por países destaca especialmente a presenza de portugueses (405) brasileiros (361), colombianos (256), paraguaios (238) e italianos (217). Ademais de recibir inmigrantes, da cidade tamén saen persoas, concretamente entre o 2010 e o 2012 marcharon de Santiago case 9.000 persoas, a maioría, 4.500, trasladáronse a outro concello da Coruña, seguidos polos que se mudaron a outra provincia galega, 1120, os que se trasladaron a outro país, 1110, e os que cambiaron de comunidade autónoma, 1060.[8]

Evolución histórica da poboación

Aquí amósase unha gráfica coa evolución da poboación no concello.[7][9]

Evolución da poboación desde 1900 ata 2011
1900 1910 1920 1930 1940 1950 1960 1970 1981 1991 2001 2011

24.120

24.637 25.870 38.270 49.191 55.553 57.165 70.893 82.404 87.807 93.381 95.207

Política e goberno

Administración local

Vexa o artigo principal en: Eleccións municipais en Santiago de Compostela
Artigo principal: Pazo de Raxoi.
Santiago Concello 604
O Pazo de Raxoi, sede do concello compostelán.

O primeiro alcalde da democracia en Santiago de Compostela foi José Antonio Souto Paz, da UCD, que gobernou dende 1979 ata 1981, cando foi substituído polo tamén membro da UCD, Marcial Castro Guerra. Logo das eleccións municipais de 1983, o socialista Xerardo Estévez accedeu á alcaldía, onde permaneceu ata 1998, agás un período entre 1986 e 1987 no que gobernou Ernesto Viéitez Cortizo de AP. En 1998, Xerardo Estévez abandonou a alcaldía, que pasou ás mans do tamén socialista Xosé Antonio Sánchez Bugallo, quen gobernou en coalición co Bloque Nacionalista Galego ata 2011. Durante a última lexislatura de mandato socialista a xunta de goberno, presidida polo alcalde, estaba composta polos 10 concelleiros do PSdeG e os 4 do BNG.

O anterior alcalde Gerardo Conde Roa presentou a súa dimisión o 16 de abril de 2012, no marco da operación Pokémon,[10][11]. Conde Roa conseguira a maioría absoluta nas eleccións municipais do 2011, rematando con 28 anos de alcaldes socialistas na capital galega e acadando a primeira maioría absoluta do PPdeG na historia da cidade. En abril de 2012, trala dimisión de Conde Roa, pasou a ocupar a alcaldía Ángel Currás Fernández, tamén imputado na operación Pokémon[12]. En xuño de 2014 foi nomeado novo alcalde Agustín Hernández. A corporación municipal está formada por 25 membros, e logo dos comicios do 2011 quedou do seguinte xeito: PPdG con 13 concelleiros, PSdeG con 9 concelleiros e BNG con 3 concelleiros.

Tralas eleccións municipais do 2015, a plataforma Compostela Aberta obtén 10 escanos, que darían a alcaldía a Martiño Noriega, fronte aos 9 escanos do PPdG, os 4 do PSdeG-PSOE e os dous do BNG.

O Concello de Santiago de Compostela estrutúrase en diferentes áreas: de facenda, patrimonio e seguridade cidadá; de urbanismo; de función pública, réxime interior e cultura; de desenvolvemento económico, formación e emprego; social, participación cidadá e drogodependencias; de acción cidadá; e de xestión das empresas municipais. O concello celebra plenos ordinarios cada mes, aínda que con frecuencia se celebran plenos extraordinarios, co fin de debater temas e problemas que afectan ao municipio.

Eleccións municipais, 25 de maio de 2003[13]
Partido Votos % Concelleiros
PSOE 20.410 47,67 % 11
PP 18.482 30,70% 10
BNG 8.497 16,75 % 4
Eleccións municipais, 27 de maio de 2007[14]
Partido Votos % Concelleiros
PP 25.174 39,01 % 11
PSOE 18.664 38,19 % 10
BNG 7.871 16,45 % 4
Eleccións municipais, 22 de maio de 2011[15]
Partido Votos % Concelleiros
PPde G 20.787 43,27 % 13
PSdeG 14.876 30,97 % 9
BNG 6.389 13,30 % 3
Santiagodec4
Imaxe dun cartel de políticas de conservación da zona vella promovida polo concello.

Sede do goberno galego

Santiago de Compostela, como capital de Galicia, é a sede do goberno galego. No Pazo do Hórreo, situado na rúa do Hórreo da capital compostelá, atópase o Parlamento de Galicia, mentres que en San Caetano están a meirande parte dos edificios administrativos da Xunta de Galicia. O Pazo de Raxoi, amais da sede do concello compostelán, é a sede da presidencia da Xunta de Galicia. Tamén en Santiago está situada a Residencia oficial de Monte Pío utilizada polo Presidente da Xunta.

Administración xudicial

Santiago de Compostela é a capital do partido xudicial número 2 da provincia da Coruña, partido que comprende, amais do propio concello de Santiago de Compostela, aos concellos de Ames, Boqueixón, Teo e Vedra.

Clima

Santiago de Compostela posúe un clima oceánico húmido con temperaturas suaves ao longo do ano. A cidade ten unha temperatura media duns 15 °C, uns 8º de media no inverno e entre 25 e 27 °C durante o verán.

As precipitacións (entre 1700 e 1900 milímetros anuais)[16][17] concéntranse principalmente no inverno, e en menor mediada, no outono e na primavera.

Os elementos, neste sentido, que máis inflúen sobre a conformación do clima son a gran distancia que a separa da costa, a altitude do terreo e a presenza de importantes serras que "encaixonan" a cidade e as súas zonas próximas. Isto é o que concentra a humidade e o que provoca tamén que, no inverno, sexan habituais os días nubrados.

Nevarada en Compostela.
Nevarada en Compostela.

Medio ambiente

Santiago GDFL Alameda 050318 44
Estatua de Méndez Núñez na Alameda.

Santiago foi o primeiro concello galego en adherirse á Carta de Aalborg, un acordo a nivel europeo que busca compatibilizar o desenvolvemento coa preservación do medio ambiente, isto é, un desenvolvemento sostíbel, implantando a axenda 21 local, un modelo para diagnosticar e formular políticas municipais sostíbeis.[18][19]

Zonas verdes

A cidade conta con 220 hectáreas de espazos verdes distribuídos en 57 parques con xogos infantís, 43 polideportivos descubertos e 130 zonas de lecer. Unhas 23 hectáreas do total pertencen a xardíns históricos como o da Alameda que ocupa 8,5 hectáreas ou outros máis pequenos como o de Brandía ou a Finca Simeón. As meirandes superficies destas zonas verdes localízanse preto de lugares urbanizados como Fontiñas.[8]

Cespa é a empresa concesionaria encargada do mantemento, así como do deseño e execución de novas zonas verdes.[20]

Monumentos, museos e lugares de visita

Na cidade hai 41 edificios cualificados como de excepcional valor arquitectónico, histórico e cultural que foron propostos para a súa declaración individualizada como bens de interese cultural na categoría de monumentos. Son tutelados pola administración, aínda que só sete deles dispoñen desta distinción. Hai 293 edificios que presentan características tipolóxicas e compositivas de especial significación arquitectónica e ambiental, debido ás súas tipoloxías arquitectónicas. O total de edificios inventariados como de interese no conxunto urbano é de 1.411.

Cidade vella

Artigo principal: Cidade vella de Santiago de Compostela.
Location map Santiago de Compostela (cathedral area)
A cidade vella máis próxima á catedral.
Vista aéra da zona vella de Santiago de Compostela
Vista aérea da zona vella.

A cidade vella de Santiago de Compostela é unha zona urbana da cidade caracterizada pola súa arquitectura antiga e monumental. Foi elixida como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1985. As edificacións que foron construídas na cidade antiga durante as épocas románica, gótica e barroca, fixeron dela unha das zonas urbanas mais fermosas do mundo, converténdose nun lugar de culto cun grande esplendor artístico.

Museos

DuasMarias 050708
As dúas Marías, escultura moderna en metal no Parque da Ferradura.

Arquitectura relixiosa

Arquitectura civil

Santiago nocturno panorámica
Panorámica desde Belvís.

Escultura

En Santiago hai multitude de esculturas no interior e no exterior de edificacións ou en parques, de diversas épocas ata a actualidade.

Economía

Televés laranxa Televes en Conxo
Sede de Televés en Conxo.

Aínda que a economía santiaguesa depende en gran parte da administración pública (feito derivado de ser a capital galega), o turismo, sobre todo co Camiño de Santiago, a industria e a educación universitaria están axudando a diversificala. Entre as principais empresas da cidade encóntranse a madeireira FINSA, a automobilística UROVESA, a corporación das telecomunicacións Televés, Castrosua, que constrúe a metade dos autobuses fabricados en España, ou Blu:Sens, que se dedica á fabricación produtos tecnolóxicos. Así como dous polígonos industriais: o do Tambre e o da Sionlla.

Transportes e comunicacións

Ferrocarril

Santiago train station
Vías e plataformas da estación de FF.CC. de Santiago.
Artigo principal: Estación de Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela conta cunha estación de tren de pequeno tamaño situada na zona sur da cidade, xusto na intersección entre a Rúa do Hórreo e a Avenida de Lugo. Conta cunha parada de taxis e varias empresas de alugueiro de vehículos. Dende a estación de ferrocarril de Santiago saen trens diarios que a comunican coas principais cidades galegas agás Lugo e Ferrol, para as cales é preciso ir á Coruña e coller outro tren a estas cidades. Os trens que parten da estación compostelá tamén comunican á cidade con outras estacións de España (Madrid-Chamartín e Alacant-Terminal) e de Francia (Hendaia). Porén para se dirixir a outras estacións é preciso dirixirse a outras cidades, principalmente Madrid, e coller outro tren. Actualmente está en obras unha liña de AVE que unirá Compostela con Madrid, aínda que a liña de Alta Velocidade xa une Compostela con Ourense e A Coruña. Tamén se encontra en proxecto unha futura estación intermodal, situada na mesma localización que a actual e que aunará o AVE con trens e autobuses de proximidades.

Artigo principal: Accidente ferroviario de Angrois de 2013.

O 24 de xullo de 2013 no lugar de Angrois, Sar, a dous quilómetros da entrada da cidade, tivo lugar o accidente de tren máis grave da historia de Galicia, con 78 vítimas mortais, e o segundo máis grave da historia de España despois do de Torre del Bierzo, que tamén facía ruta dende a meseta ata Galicia.

Un tren Alvia, que circulaba a 190 km/h nunha zona limitada a 80, descarrilou nunha curva coñecida coma A Grandeira. O pavillón Fontes do Sar utilizouse como tanatorio provisional pola gran cantidade de finados. Os medios de comunicación nacionais e internacionais loaron a resposta dos veciños de Angrois, dos servizos de Compostela e dos cidadáns de Galicia en xeral por contribuír nos labores de rescate e axuda.[21]

Aeroporto

Artigo principal: Aeroporto da Lavacolla.

Santiago de Compostela conta cun aeroporto cunha pista de 3,2 quilómetros, coñecido como aeroporto da Lavacolla. Está situado no lugar da Lavacolla, na parroquia de Sabugueira a uns 10 km do centro da cidade. Trátase do aeroporto galego con máis tránsito de viaxeiros e o único que realiza viaxes transcontinentais, non obstante o aeroporto está a sufrir nos últimos anos un certo retroceso no número de mercadorías transportadas.

O 4 de maio do 2007 presentouse o proxecto dunha nova terminal. Pretendíase inaugurala no ano 2010, coincidindo co Ano Santo Compostelán, mais non foi posible. Rematada e inaugurada o 13 de outubro de 2011, a nova terminal ten capacidade para máis de catro millóns de pasaxeiros. O edificio ten un total de 74.230 m² e conta con 32 mostradores de facturación, 9 hipódromos de recollida de equipaxes, 12 portas de embarque e 3.665 prazas de aparcadoiro.

Entre outras melloras aeroportuarias previstas nas actuais instalacións, están a mellora da capa de rodadura da pista de aterraxe, a ampliación da plataforma de aeronaves, intervencións no sistema eléctrico, melloras no aparcadoiro e outras pequenas intervencións no interior da actual terminal.

Autobuses

Autobús-Santiago-Compostela
Autobús urbano en Compostela.

A cidade de Santiago de Compostela conta cunha rede de autobuses urbanos e metropolitanos que comunican os distintos puntos da cidade, así como esta con outras localidades da súa área metropolitana. Está subvencionada pola Xunta de Galicia e xestiónaa en réxime de concesión a empresa Transportes Urbanos de Santiago S.A. (Tussa), que explota 24 liñas, das cales 10 son urbanas, 6 circulares e 8 son interurbanas. A pesar do servizo de transporte urbano, os problemas de tráfico seguen a ser constantes na cidade.

A capital de Galicia conta tamén cunha estación de autobuses que recibe a milleiros de pasaxeiros cada día e que a comunica con outros puntos de Galicia, España e Portugal.

Deportes

En Santiago de Compostela destacan os seus equipos profesionais de fútbol sala e baloncesto, representados polo Santiago Futsal e o Obradoiro CAB respectivamente. Ámbolos dous equipos compiten nas máximas categorías das súas respectivas disciplinas (División de Honra e Liga ACB respectivamente). O equipo máis laureado da cidade é o Santiago Futsal (anteriormente coñecido como Autos Lobelle), que conta con varios títulos galegos (3 Copas Xunta de Galicia), españois (1 Copa de España e 1 Supercopa de España), amais dun título continental, a Recopa de Europa, conquistada na tempada 2006-07 ante o SL Benfica en Santiago de Compostela. Estes dous equipos xogan os seus partidos como locais no Pavillón Multiusos Fontes do Sar, un recinto con capacidade para ata máis de 6.000 espectadores. En baloncesto tamén hai que salientar ao Club Baloncesto Rosalía de Castro, que chegou a competir na liga LEB Ouro en dúas etapas: a primeira comezou na tempada 1999-00 e que durou catro tempadas, e a segunda durante as tempadas 2007-08 e 2008-09, actualmente compite na Liga EBA.

Outro deporte importante na cidade é o fútbol, deporte no cal salienta a Sociedade Deportiva Compostela, equipo que competiu na Primeira División Española, onde ocupa o 39º posto da clasificación histórica, durante catro tempadas consecutivas (entre a 1994-95 e 1997-98), mais tralo descenso de categoría, os malos resultados deportivos e a mala situación económica que atravesou o club dende o descenso levárono á súa desaparición como empresa en Agosto do 2010, fundándose no seu lugar a Sociedade Deportiva Campus Stellae, quen continuou a historia do Compostela. O 22 de xullo do 2011 anunciouse que o club recuperaba a súa denominación orixinal, logo de que o actual presidente, o empresario Antonio Quinteiro asumira a débeda do club. O Compostela, que na tempada 2012-13 ascendeu da terceira á segunda división B, disputa os seus partidos no Estadio Multiusos de San Lázaro, cunha capacidade para 14.000 espectadores. Outros clubs de fútbol importantes da cidade son o Santiago de Compostela Club de Fútbol, que competiu na Preferente Autonómica ata a tempada 2011-12; e o desaparecido Sociedad Deportiva Ciudad de Santiago, que chegou a xogar na Segunda División B na tempada 2008-09, xogando tamén como local en San Lázaro.

Outro deporte representativo da cidade é o waterpolo, representado polo Club Waterpolo Santiago, que compite na Liga Galega de Wáter-polo e que se proclamou catro veces campión da Copa Galega (3 en categoría masculina e 1 en categoría feminina). O hóckey a patíns é un deporte que vai gañando popularidade na capital de Galicia, estando representado por dous clubs que centran a súa actividade principalmente nas categorías de base, o Club de Hockey Compostela e o H.C. Raxoi.

Cultura

Cidade da Cultura

Cidade da Cultura, Santiago de Compostela - 2009
Vista xeral da Cidade da Cultura de Galicia. Ao fondo, as Torres Hedjuk.
Artigo principal: Cidade da Cultura de Galicia.

A Cidade da Cultura é un complexo arquitectónico, cultural e de entretemento situado no monte Gaiás, moi preto do centro urbano de Santiago. O complexo do Gaiás ocupa unha superficie de 141.800 m2 e, nos catro edificios rematados, alberga[22]:

  • A biblioteca, cuxa misión é a de reunir, conservar e difundir o patrimonio bibliográfico de Galicia.
  • O Museo Centro Gaiás, que acolle exposicións temporais como a de Gallaecia Petrea durante varios meses dos anos 2012 e 2013.
  • O Arquivo de Galicia.
  • Un edificio de servizos centrais.

No exterior destacan na paisaxe as Torres Hedjuk.

O proxecto inicial prevía tamén un Centro da Música e das Artes Escénicas e un Centro de Arte Internacional. Porén, en marzo de 2013, o Parlamento de Galicia acordou paralizar definitivamente as obras pendentes[23].

Educación

Santiago de Compostela. IES Rosalía de Castro
IES Rosalía de Castro, no antigo Colexio de San Clemente.

O Concello de Santiago de Compostela forma parte, dende o ano 1996, da Asociación Internacional de Cidades Educadoras (AICE), que busca impulsar colaboracións e accións concretas entre as cidades, participar e cooperar activamente en proxectos, e intercambios de experiencias con grupos e institucións con intereses comúns.[24][25]

A cidade contaba en 2010 con 21 centros de atención de primeira infancia (15 privados e 6 públicos), 35 centros de educación infantil (17 públicos, 3 privados e 15 concertados), 29 centros de educación primaria (14 públicos, 3 privados e 12 concertados), 19 centros de educación secundaria (8 públicos, 3 privados e 8 concertados), 15 centros de bacharelato (9 públicos e 6 privados) e 15 centros de formación profesional (9 públicos e 6 privados). Os alumnos que estaban a estudar na ensinanza non universitaria nese ano chegaban a 20.500.[8]

Universidade

Artigo principal: Universidade de Santiago de Compostela.

A USC data de finais do século XV, sendo a primeira creada en Galiza. En 2012 o número de alumnos matriculados era de 26.401, dos cales 16.800 eran homes e 9.601 mulleres.[8] A universidade conta con dous campus, vinte e tres facultades e dúas Escolas Técnicas Superiores, ademais de tres Escolas Universitarias adscritas e 5 centros vinculados.[26]

Festas e celebracións

Fogos do 25 de Xullo
Fogos de artificio nas Festas do Apóstolo.
  • Festa de San Xulián o 7 de xaneiro na parroquia de Carballal.
  • Festa de San Vicente o 22 de xaneiro no barrio de Marantes.
  • Festa de San Brais o 2 de febreiro na parroquia da Barciela.
  • Festa de San Lázaro o 28 de febreiro na parroquia de San Lázaro.
  • Festa de San Marcos o 25 de abril na parroquia de Bando.
  • Festa de Santa Lucía o 27 de abril no barrio de Figueiras e o 4 de maio no barrio de Sabugueira e na parroquia de Eixo.
  • Festa de San Pedro Mártir o 29 de abril en Belvís.
  • Festa de San Miguel de Roxos o 1 de maio no barrio de Villestro.
  • Festa de San Antonio e San Xosé do 9 ao 11 de maio na parroquia de Marrozos.
  • Festa da Virxe de Fátima o 13 de maio na parroquia de Castiñeiriño.
  • Festa de San Mauro o 29 e 30 de maio no barrio de Vidán.
  • Festa de San Fernando o 30 de maio no barrio de San Fernando no Ensanche,
  • Festa da Foliada o 30 de maio no barrio de San Pedro.
  • Festa do Corpus Christi na parroquia de César.
  • As festas da Ascensión son as máis importantes de Santiago despois das do Apóstolo. Celébranse durante varios días do mes de maio, coincidindo coa festividade da Ascensión.
  • Festa de Santo Antonio o 13 de xuño no barrio da Graza e nas parroquias de Fontiñas, Bando e Castiñeiriño.
  • Festa de San Xoán o 23 e 24 de xuño nos barrio de Almáciga, As Cancelas, Cruceiro da Coruña, San Pedro, San Lourenzo, San Xoán de Fecha, Villestro e Vista Alegre.
  • Festa de San Paio o 26 e 27 de xuño en Sabugueira.
  • Festa de San Pedro o 28 e 29 nas parroquia de Busto e San Xoán de Fecha.
  • Festa do Santísimo Sacramento o 29 e 30 de xuño no lugar de Busto.
  • Festa de San Caralampio o 6 de xullo no barrio de Vista Alegre.
  • Festa de San Cristovo o 10 e 11 de xullo na parroquia de Enfesta e do 10 ao 12 na parroquia de Eixo.
  • Festa de Santa mariña o 18 de xullo en Verdía.
  • Festas do Apóstolo na segunda quincena do mes de xullo nos días próximos ao 25 de xullo, festividade de Santiago.
  • Ano Santo Xacobeo: Ten lugar cando o 25 de xullo cae en domingo. Só durante os anos santos permanece aberta a Porta Santa da Catedral para acceso dos peregrinos. Os anos santos xacobeos presentan unha grande afluencia de peregrinos, habitualmente maior ca nun ano ordinario.
  • Festa de San Fiz o 2 e 3 de agosto en Amio, na parroquia de San Lázaro.
  • Festa do Divino Salvador do 6 ao 8 de agosto en Vidán.
  • Festa da Nosa Señora da Mercé o domingo máis próximo ao 8 de setembro na parroquia de Conxo.
  • Festa da Nosa Señora o 14 e 15 de agosto nas parroquia de Grixoa, Marrozos e Villestro.
  • Festa de San Lázaro o 15 e 16 de agosto no barrio de San Lázaro.
  • Festa de San Roque e o Carme do 15 ao 17 de agosto nas parroquias de Figueiras e Marrozos.
  • Festa de Santa María o 15 de agosto na parroquia de César.
  • Festa de Santa María a Maior e Real do 15 ao 17 no barrio do Sar.
  • Festa de San Roque, copatrón da cidade, é a segunda festa local. Celébrase o 16 de agosto.
  • Festa de San Roque e San Antonio o 16 de agosto na parroquia de César.
  • Festa do Santísimo o 17 de agosto no barrio de Marrozos.
  • Festa do Carme 17 de agosto na parroquia de César.
  • Festa do Rosario o 29 de agosto na parroquia de Aríns.
  • Festa do Carme na parroquia de César e de Aríns.
  • Festa da Divina Pastora o 31 de agosto no barrio de Almáciga.
  • Festa do Sacramento na parroquia de Varciela.
  • Festa de San Roque o 31 de agosto en Laraño.
  • Festa de San Sebastián na Rocha, parroquia de Conxo.
  • Festa de San Isidro na parroquia de Aríns.
  • O martes de Entroido é festivo local algúns anos no canto da celebración do San Roque ou da Ascensión. Así ocorreu en 2006, substituíndo ao San Roque, e en 2007 ao coincidir a Ascensión co Día das Letras Galegas.
  • Cada novembro dende 1986, celébrase o festival cinematográfico Cineuropa.

Santiago na literatura popular galega

Locucións
  • Vaiche na misa en Conxo: dise cando alguén non está, e vai tardar en chegar. Segundo Eladio Rodríguez, a expresión provén de cando foi asasinado o arcebispo Sueiro Gómez de Toledo, en 1366, no contexto duns graves enfrontamentos polos que se ordenou o peche de tódalas igrexas de Santiago. En consecuencia, os composteláns tiñan que ir a misa a Conxo, daquela lonxe da cidade, polo que tardaban moito en ir e volver.[27].
Refraneiro
  • Cando algús van a Santiago, xa volven outros con cunchas [28].
  • En Padron hai boas nenas,/ en Santiago a flor delas,/ as da Cruña son fregonas [29].
Cantigueiro
  • Ben cho dixen, Catuxiña,/ que non foses a Santiago,/ que te habías de asustar/ de ver o Santo a cabalo [30].
  • Cando vaias a Santiago/ mércame un Santiaguiño;/ se mo non mercares grande/ mércamo pequerrechiño [31].
  • Eu ben cho dixen, meniña,/ que non foras a Santiago,/ que te habías de asustar/ de ver o Santo a cabalo [32].
  • Indo para Santiago,/ doume a morte no camiño;/ deixo dito que me enterren/ na cama do meu veciño.
  • Indo para Santiago,/ doume a morte nunha eira;/ deixo dito que me enterren/ na cama da costureira.
  • Maruxa, se é que che calla/ de ires a Santiago,/ pasa pola Catedral,/ vai onda o Santo abrazalo [33].
  • San Vicente de Marantes / é un santo moi galanteiro / quere que lle fagan a festa / o vintedous de xaneiro [34].

Cidades irmandadas

Galería de imaxes

Artigo principal: Galería de imaxes de Santiago de Compostela.
A Catedral durante a noite.
A Catedral durante a noite. 
Pórtico da catedral.
Pórtico da catedral. 
Porta das Praterías.
Porta das Praterías. 
Pórtico da Gloria.
Pórtico da Gloria. 
Convento de San Domingos de Bonaval.
Convento de San Domingos de Bonaval. 
Área Central.
Área Central. 
Mirador da Alameda.
Mirador da Alameda. 
Praza da Quintana.
Praza da Quintana. 
Cidade da Cultura.
Cidade da Cultura. 
Hostal dos Reis Católicos.
Hostal dos Reis Católicos. 
Parlamento galego.
Parlamento galego. 
Pazo de Raxoi.
Pazo de Raxoi. 
Museo do Pobo Galego.
Museo do Pobo Galego. 
Escudo da USC.
Escudo da USC. 
Campus universitario.
Campus universitario. 
Carballeira de Santa Susana.
Carballeira de Santa Susana. 
Carballeira de San Lourenzo.
Carballeira de San Lourenzo. 
Aeroporto de Lavacolla en 2007.
Aeroporto de Lavacolla en 2007. 
Praza de Abastos.
Praza de Abastos. 
Río Sar.
Río Sar. 

Lugares de Santiago de Compostela

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Santiago de Compostela vexa: Lugares de Santiago de Compostela.

Notas

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Resultados eleccións 2019
  3. Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Consultado o 14 de outubro de 2014.
  4. Cifras oficiais da poboación a 01/01/2017
  5. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 26 de febreiro de 2008. Consultado o 20 de febreiro de 2008.
  6. CHAMOSO LAMAS, Manuel: La Catedral de Santiago de Compostela. Editorial Everest, León, 1976.
  7. 7,0 7,1 "Series históricas de poboación de Galicia". IGE. Consultado o 15 de abril de 2013.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 "Observatorio urbano:Indicadores socioeconómicos". Concello de Santiago. 20 de marzo de 2013. Arquivado dende o orixinal o 17 de agosto de 2013. Consultado o 22 de marzo de 2013.
  9. "Series históricas de poboación de España" (en castelán). INE. Arquivado dende o orixinal o 03 de abril de 2013. Consultado o 15 de abril de 2013.
  10. Mosteiro, Marga. La Voz de Galicia, ed. "Conde Roa dimite hoxe oficialmente". Consultado o 15 de abril de 2013.
  11. La Voz de Galicia, ed. (2 de marzo de 2013). "A xuíza da Pokémon amplía o caso á corrupción urbanística". Consultado o 22 de marzo de 2013.
  12. Carreira, Xosé (17 de xaneiro de 2013). La Voz de Galicia, ed. "Santiago O alcalde de Santiago, Ángel Currás, tras declarar pola súa imputación na operación Pokémon: «Non teño pensado dimitir»". Consultado o 23 de marzo de 2013.
  13. Eleccións municipais de 2003
  14. Eleccións municipais de 2007
  15. Resultados das eleccións municipais do 2011 en Santiago de Compostela
  16. Resumo meteorolóxico da cidade de Santiago de Compostela
  17. Clima de Santiago de Compostela
  18. Concello de Santiago (ed.). "Medio ambiente". Consultado o 22 de marzo de 2013.
  19. Ediciones L’Obrador (ed.). "Carta de las Ciudades Europeas hacia Sostenibilidad (La Carta de Aalborg)" (PDF). Arquivado dende o orixinal (pdf) o 09 de novembro de 2011. Consultado o 22 de marzo de 2013.
  20. Concello de Santiago (ed.). "Zonas verdes e parques". Consultado o 22 de marzo de 2013.
  21. María Cedrón; Alberto Mahía (26 de xullo de 2013). "Accidente en Santiago: ... e o amencer máis duro". La Voz de Galicia. Consultado o 27 de xullo de 2013.
  22. "Fundación Cidade da Cultura". Consultado o 15 de abril de 2013.
  23. Praza Pública, ed. (26/03/2013). "O Parlamento aproba paralizar de vez as obras da Cidade da Cultura". Consultado o 15 de abril de 2013.
  24. "Carta de Cidades Educadoras" (pdf). Consultado o 22 de marzo de 2013.
  25. "Lista de cidades participantes na Asociación Internacional de Cidades Educadoras". Consultado o 22 de marzo de 2013.
  26. Universidade de Santiago de Compostela (ed.). "Centros (facultades e escolas)". Consultado o 29 de marzo de 2013.
  27. Eladio Rodríguez González, s. v. ir.
  28. Eladio Rodríguez González, s. v. Santiago.
  29. Juan Sobreira Salgado: Papeletas, s. v. nena. No orixinal: hay.
  30. Xaquín Lorenzo Fernández, 53.
  31. Xaquín Lorenzo Fernández, 56.
  32. Xaquín Lorenzo Fernández, 79.
  33. Xaquín Lorenzo Fernández, 94.
  34. San Vicente de Marantes é unha parroquia do concello de Santiago de Compostela.
  35. "Prefeitura.Sp - Descentralized Cooperation". Arquivado dende o orixinal o 24 de decembro de 2008. Consultado o 30 de setembro de 2011.
  36. "International Relations - São Paulo City Hall - Official Sister Cities". Arquivado dende o orixinal o 21 de maio de 2010. Consultado o 30 de setembro de 2011.
  37. A Española foi empregado baixo a regra da Orde dos Dominicos e a Orde de Alcántara, o nome de Santiago como cidade da República Dominicana foi empregado posteriormente

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas

Predecesor:
Alemaña Weimar
EU Insignia
Capital Europea da cultura
xunto con Francia Aviñón
Flag of Norway.svg Bergen
Italia Boloña
Bélxica Bruxelas
Polonia Cracovia
Finlandia Helsinqui
Islandia Reiquiavik
República Checa Praga

2000
Sucesor:
Flag of the Netherlands.svg Rotterdam
Flag of Portugal.svg Porto
Aeroporto de Santiago de Compostela

O aeroporto de Santiago de Compostela (IATA: SCQ, OACI: LEST), no pasado tamén coñecido como aeroporto da Lavacolla, é un aeródromo situado preto da capital de Galicia, concretamente na Lavacolla, Sabugueira, Santiago de Compostela.

Na actualidade está xestionado por AENA, e abrangue a maior parte do tráfico aéreo en Galicia, tanto nacional como internacional. Ofrece voos regulares a 29 destinos, 24 deles durante todo o ano e o resto estacionais.

Arquidiocese católica latina de Santiago de Compostela

A arquidiocese de Santiago de Compostela é a diocese ou bispado (territorio eclesiástico da Igrexa católica rexido por un bispo) cuxa sé eclesiástica é a catedral de Santiago de Compostela en Santiago de Compostela.

Camiño de Santiago

O Camiño de Santiago (en latín: Peregrinatio Compostellana) é un conxunto de vías de acceso de peregrinos a Santiago, creado a partir da descuberta dos supostos restos do Apóstolo no lugar do Libredón, en Santiago de Compostela, durante o reinado de Afonso II. O Camiño Francés e as rutas francesas do Camiño foron declarados pola Unesco Patrimonio da Humanidade en 1993 e 1998 respectivamente.

Castriño de Conxo

O Castriño de Conxo é un sitio arqueolóxico composto por un castro prerromano (non estudado) e nel unha rocha cuxa superficie contén unhas serie de gravuras coñecidas como petróglifos. Atópase na parroquia de Conxo, no concello de Santiago de Compostela, provincia da Coruña, no lugar coñecido como A Volta do Castro.

Catedral de Santiago de Compostela

A catedral de Santiago de Compostela é un templo de culto católico situado na cidade de Santiago de Compostela. Acolle o que, segundo a tradición católica, é o sepulcro do Apóstolo Santiago, o cal converteu o templo nun dos principais destinos de peregrinación de Europa durante a Idade Media a través do chamado Camiño de Santiago, unha ruta iniciática na que se seguía o ronsel da Vía Láctea comunicando a Península Ibérica co resto do continente. Isto foi determinante para que os reinos medievais na península participasen nos movementos culturais da época, e segue a ser un importante destino de peregrinación. Un privilexio concedido en 1122 polo papa Calisto II declarou que serían «ano santo» ou «ano xubilar» en Compostela todos os anos nos que o día 25 de xullo, día de Santiago, coincidise en domingo; este privilexio foi confirmado polo papa Alexandre III na súa bula Regis aeterni en 1179.

Foi declarada Ben de Interese Cultural en 1896, e a cidade vella de Santiago de Compostela, que se concentra ao redor da catedral, foi declarada ben cultural Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1985.

Comarca de Santiago

A comarca de Santiago é unha comarca galega situada na provincia da Coruña cuxa capital é Santiago de Compostela. A esta comarca pertencen os concellos de Ames, Boqueixón, Brión, Santiago de Compostela, Teo, Val do Dubra e Vedra.

Conxo, Santiago de Compostela

Santa María de Conxo é unha parroquia que se localiza no concello de Santiago de Compostela na comarca de Santiago. Segundo o IGE en 2013 tiña 502 habitantes (252 mulleres e 250 homes) distribuídos en 3 entidades de poboación, o que supón un aumento en relación ao ano 1999 cando tiña 576 habitantes.

Dolores Vilavedra

Dolores Vilavedra Fernández, nada en Vigo o 4 de agosto de 1963, é profesora de Literatura galega na Universidade de Santiago de Compostela. Forma parte do consello de redacción da revista Grial, e dirixe a sección de crítica literaria. Coordinou o Diccionario da literatura galega, en catro tomos, que publicou Galaxia. Colaborou durante anos no Diario cultural da Radio Galega.

Edicións Laiovento

Edicións Laiovento é unha editorial galega rexistrada en Santiago de Compostela. Ten un repertorio máis de 200 libros e ensaios críticos, con cada vez un maior número de traducións.

El Correo Gallego

El Correo Gallego é un xornal galego que se edita en Santiago de Compostela. Fundouno José Mariano Abizanda na cidade de Ferrol en 1878.

Eleccións municipais en Santiago de Compostela

Corporacións democráticas en Santiago de Compostela desde a aprobación da Constitución de 1978.

1979 Alcalde: José Antonio Souto Paz — UCD. Renuncia, sendo substituído por Marcial Castro Guerra o 7 de setembro de 1981.Modelo:Santiago de Compostela 1979

1983 Alcalde: Xerardo Estévez — PSdeG-PSOE. Tras unha moción de censura o 5 de maio de 1986 toma posesión como alcalde Ernesto Viéitez Cortizo de Alianza Popular (AP).Modelo:Santiago de Compostela 1983

1987 Alcalde: Xerardo Estévez — PSdeG-PSOE

1991 Alcalde: Xerardo Estévez — PSdeG-PSOE

1995 Alcalde: Xerardo Estévez — PSdeG-PSOE. Renuncia, sendo substituído por Xosé Antonio Sánchez Bugallo o 19 de decembro de 1998.

1999 Alcalde: Xosé Antonio Sánchez Bugallo — PSdeG-PSOE

2003 Alcalde: Xosé Antonio Sánchez Bugallo — PSdeG-PSOE

2007 Alcalde: Xosé Antonio Sánchez Bugallo — PSdeG-PSOE

2011 Alcalde: Xerardo Conde Roa — PPdeG. Dimite en abril de 2012 trala súa imputación por fraude fiscal, sendo substituído polo seu compañeiro de partido Ángel Currás Fernández. O 9 de xuño de 2014, dimite Currás trala inhabilitación de sete dos seus concelleiros condeados por prevaricación, xunto coa súa imputación e a doutros dous concelleiros na Operación Pokemon. O seu substituto foi o ex-conselleiro Agustín Hernández, que fora na lista do PP ao concello no último posto.

2015 Alcalde: Martiño Noriega — Compostela AbertaCandidatos: Martiño Noriega Sánchez (Compostela Aberta), Agustín Hernández Fernández de Rojas (PP), Francisco Reyes Santiás (PSdeG-PSOE), Rubén Cela Díaz (BNG), Javier Sánchez-Agustino Mariño (C's), Xosé Antón López Fernández (CxG-CCTT), Cristina Bandín Potel (SAIn) e Antonio Asorey Cacheda (Converxencia 21).

2019 Alcalde: Xosé Antonio Sánchez Bugallo — PSdeG-PSOE

Estación de Santiago de Compostela

A estación de Santiago de Compostela é unha estación de tren de Adif situada na cidade de Santiago de Compostela. Ten servizos de longa e media distancia operados por Renfe.

En 2010 recibiu 1.771.974 pasaxeiros, sendo a estación con maior número de viaxeiros de toda Galicia.

Isidro Parga Pondal

Isidro Parga Pondal, nado en Laxe o 17 de decembro de 1900 e falecido na Coruña o 4 de maio de 1986, foi un químico galego especializado en xeoloxía. Destacou polos seus estudos en diversos eidos, que foron desde os da xeoquímica de rochas e minerais raros galegos, os areais galegos, o neovolcanismo da península Ibérica e o cartografado xeolóxico.

Juan Barcia Caballero

Juan Barcia Caballero, nado en Santiago de Compostela en 1852 e finado na mesma cidade o 10 de outubro de 1926, foi un médico e escritor galego.

Parlamento de Galicia

O Parlamento de Galicia é a institución na que reside o poder lexislativo da Comunidade Autónoma de Galicia e é o máximo órgano representativo do pobo galego. Instaurouse con anterioridade ás primeiras eleccións autonómicas de 1981 formado polos deputados elixidos para o Congreso dos Deputados de España polas circunscricións galegas. Segundo o Estatuto de Autonomía de Galicia debe estar formado por entre 60 e 80 deputados, así e todo desde a primeira lexislatura fixouse o seu número en 75, que se elixen por sufraxio universal, igual, libre, directo e secreto por un prazo de catro anos. Destes 75, son elixidos 25 pola provincia da Coruña, 22 pola de Pontevedra, 14 pola de Lugo e 14 pola de Ourense (Decreto 92/2016).

Provincia da Coruña

A Coruña é unha das catro provincias de Galicia creadas por Javier de Burgos en 1833, e ocupa a punta noroeste do país e da península Ibérica. Limita ao norte e ao oeste co océano Atlántico, ao leste coa provincia de Lugo e ao sur coa provincia de Pontevedra. A capital leva o mesmo nome, A Coruña.

Sotelo Blanco Edicións

Sotelo Blanco Edicións é unha empresa editorial galega, con sede en Santiago de Compostela. Foi creada por Olegario Sotelo Blanco no mes de marzo de 1980 e está especializada en publicacións narrativas, poéticas, infantís e ensaísticas. Ademais encárgase da publicación da revista trimestral A Trabe de Ouro, que acadou os cen números, dirixida por Xosé Luís Méndez Ferrín que inclúe artigos sociopolíticos e textos inéditos desde o ano 1990.

Universidade de Santiago de Compostela

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) é unha institución universitaria con sede en Santiago de Compostela. As súas orixes datan de finais do século XV, sendo a primeira universidade fundada en Galiza e a sexta en España. Porén, non hai unanimidade nas datas de fundación das universidades españolas. Uns consideran a fundación como o momento no que se instauran algún tipo de estudos, segundo este criterio a USC fúndase en 1495, o que a converte na sexta universidade española máis antiga despois das de Salamanca, Complutense, Valladolid, Barcelona e Zaragoza. Outros toman como data fundacional o ano en que é recoñecida pola Igrexa ou algunha autoridade civil, de acordo con este criterio a USC foi fundada en 1504 pero continúa sendo a sexta máis antiga de España gañando en antigüidade á de Zaragoza mais perdéndoa coa de Valencia.En 1990 a partir da Universidade de Santiago creáronse as Universidades da Coruña e de Vigo. No ano 2012 contaba con dous campus universitarios (Campus de Santiago -dividido en Histórico, Norte e Sur-, e Campus de Lugo) cun total de 23 facultades e 2 escolas técnicas superiores.Durante o curso 2011-12 o número de estudantes matriculados ascendía a 28.138, dos cales 24.758 correspondían a titulacións oficiais do 1º e 2º ciclos e grao, 1.677 a másteres oficiais e 1.703 a outros estudos (titulacións e másteres propios, cursos de especialización, cursos de formación continua e 4º ciclo).En abril de 2018 foi elixido reitor o xurista Antonio López.

Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia ou simplemente Xunta aparece definida no Estatuto de Autonomía de Galicia coma o órgano colexiado do Goberno de Galicia. Está composta polo Presidente, vicepresidentes e conselleiros. Os vicepresidentes e os conselleiros son nomeados polo presidente. Galicia exerce as súas funcións administrativas a través da Xunta e das consellarías. A Presidencia da Xunta de Galicia ten a sede no Pazo de Raxoi en Santiago de Compostela.

Nuvola apps kweather.png Aeroporto de Santiago de Compostela (58 msnm)
(1971-2000)
Mes Xan Feb Mar Abr Mai Xuñ Xul Ago Set Out Nov Dec Ano
Temperatura máxima absoluta (°C) 20,0 23,2 27,6 30,2 34,0 36,0 39,4 39,0 37,6 30,4 24,2 23,4
39,4
Temperatura máxima media (°C) 11,1 12,1 14,2 15,4 17,7 21,3 24,1 24,3 22,3 17,7 13.9 11,8
17,2
Temperatura media (°C) 7,4 8,2 9,5 10,6 12,9 16,0 18,5 18,6 17,0 13,4 10,2 8,4
12,6
Temperatura mínima media (°C) 3,7 4,2 4,8 5,8 8,1 10,7 12,8 12,9 11,7 9,1 6,4 5,0
7,9
Temperatura mínima absoluta (°C) -7,0 -9.0 -5,6 -3,0 -2,0 3,4 3,4 5,0 3,0 -1,6 -3,2 -6,5
-9,0
Precipitacións (mm) 259 223 145 141 147 82 39 57 127 194 200 281
1886
Horas de sol 102 108 154 170 190 235 261 246 180 138 106 88
1998
Presión media 981,3 985,5 978,3 964,6 973,3 977,3 974,1 976,2 973,7 975,7 969,7 965,9
974,6
Presión máxima absoluta 990,9 991,7 987,8 976,9 981,5 986,3 983,0 985,7 980,5 983,0 984,3 984,7
990,9
Presión mínima absoluta 962,9 977,0 966,6 939,7 965,1 968,5 965,1 966,9 960,5 955,4 955,1 941,0
941,0
Humidade relativa media (%) 84 82 77 77 77 75 74 74 76 82 85 86
79
Fonte: AEMET
Rueiro de Santiago de Compostela
Artigos sobre a cidade de Santiago de Compostela
Edificios institucionais
Edificios relixiosos
Teatros
Museos
Outros edificios
Parques
Centros comerciais
Rueiro
Transporte
Medios de comunicación
Clubs deportivos
Recintos deportivos
Outros recintos
Centros de saúde
Empresas locais
Restos arqueolóxicos
Accidentes xeográficos
Educación
Outros
Capitais europeas da cultura

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.