Santander

Santander é un concello e cidade situada no norte de España, na costa cantábrica, capital da comunidade autónoma de Cantabria. Limita cos concellos de Santa Cruz de Bezana e Camargo, ademais de pechar polo norte a baía de Santander.

Ten un porto cun considerable tráfico de carga, un aeroporto internacional e a universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP). Un grande incendio a mediados do século XX destruíu prácticamente todo a zona vella, polo que hoxe en día destacan arquitectónicamente o Palacio da Magdalena, a catedral, os edificios do paseo marítimo de Pereda, e a sede social do Banco Santander.

Coordenadas: 43°27′46″N 3°48′18″O / 43.46278, -3.80500

Santander
City of Santander, Spain Flag (Oficial version)
City of Santander, Spain Coat of arms (Oficial version)
Palacio da Magdalena
Catedral de Nosa Señora da Asunción Edificio do Banco Santander
Concello Galeóns de Vital Alsar, na península da Magdalena
Baía de Santander, vista desde a península da Magdalena Carrusel dos Xardíns de Pereda
Praia de El Sardinero
Localización
Santander, Spain location
PaísEspaña España
Comunidade AutónomaCantabria Cantabria
ProvinciaCantabria
ComarcaSantander
Xeografía
Altitude15 msnm
Superficie35 km²
Demografía
Poboación182.700 hab. (2009)
Densidade5.220 hab/km²
XentilicioSantanderino/a
Outros datos
Código postal39001 - 39012
AlcaldeÍñigo de la Serna (PP)
portal.ayto-santander.es

Historia

Durante o Imperio Romano foi coñecida como Portus Vitoriae Iuliobrigensium. O seu nome actual deriva de San Emeterio, de acordo á lenda, un mártir cuxa cabeza se levou a este lugar no século III. En 1187 o rei Afonso VIII nomeou o abade de San Emeterio señor do pobo e dotou a vila dun foro. En 1248 Santander participou, xunto con outras vilas do cantábrico, na batalla pola conquista de Sevilla, recibindo un escudo de armas como recompensa.

Santander era un porto importante para Castela a finais da Idade Media, así como para o comercio co Novo Mundo. En 1755 Fernando VI outorga a Santander o título de Cidade. Até 1900 o desenvolvemento de Santander irá unido ao comercio crecente coas colonias españolas, sendo o porto saída de gran parte dos produtos de Castela. Este auxe económico fixo florecer unha burguesía mercantil que toma protagonismo no desenvolvemento urbano da cidade co Ensanche de Santander e a creación da cidade-balneario de El Sardinero como destino de veraneo da alta sociedade española a principios do século XX. Durante o reinado de Afonso XIII, Santander converteuse no lugar de veraneo favorito da corte, residindo no Palacio da Magdalena. Actualmente continúa sendo un atractivo lugar turístico do norte de España con praias como as de El Sardinero (2 km de lonxitude) ou Península da Magdalena.

En 1893, declarouse un incendio no vapor de carga biscaíño Cabo Matxitxako. Ía cargado ilegalmente con dinamita. Estoupou no porto acabando coa vida dunhas 500 persoas que, alleas ao perigo, observaban como se levaba a cabo a tarefa de extinción. A tremenda explosión destruíu gran parte da zona portuaria.

Posteriormente, en 1941, produciuse un incendio que, avivado por un forte vento sur, arrasou durante dúas días toda a parte histórica da cidade. Nesta ocasión houbo unha soa vítima, un bombeiro nos labores de extinción, aínda que milleiros de familias perderon os seus fogares deixando a cidade sumida no caos. O incendio destruíu a maior parte da zona medieval e a súa reconstrución estivo precedida por un proceso de renovación urbana que mudou parte importante da configuración da cidade. A necesidade de aloxar un importante número de familias que quedaron sen casa tras o incendio deu lugar a unha expansión urbana e a unha configuración organicista de Santander. Desde os anos 50 aos 70 o crecemento urbano toma un carácter desordenado e especulativo coa construción de numerosas promocións de bloques de vivendas de escasa calidade e nula urbanización para o aloxamento da poboación traballadora.

Nos últimos decenios o crecemento de Santander desborda a periferia da cidade con construcións inmobiliarias de menor tamaño e destinadas á residencia de primeira e segunda vivenda (esta última de especial importancia). Destaca a zona de El Sardinero que cambia a súa morfoloxía de cidade xardín a área residencial e de ocio de Santander, a zona de Nueva Montaña con terreos industriais recuperados para a actividade residencial e comercial, El Cierro del Alisal, a avenida de Los Castros e a expansión urbana ao longo da aba norte de La Vaguada de las Llamas.

Nos anos 80 o porto de Santander foi desprazado do centro da cidade e durante os últimos anos Santander está nun proceso de recuperación da súa marxe sur fronte á Baía de Santander. O traslado de toda a actividade portuaria ao Porto de Raos foi paulatino, a excepción do tráfico marítimo de pasaxeiros que se centraliza na súa estación marítima fronte ao Paseo de Pereda.

Actualmente o crecemento da actividade portuaria, o incremento do tráfico de maior valor engadido (vehículos e colectores principalmente fronte aos graneis líquidos e sólidos) que requiren para a súa almacenaxe unha gran cantidade dun chan xa escaso e o insuficiente calado para algúns tipos de buques, está obrigando a Autoridade Portuaria a considerar a construción a longo prazo dun porto exterior fora da baía.

O 29 de xuño de 2005 Santander celebrou o 250 aniversario da concesión do título de Cidade.

Demografía

City.of.Santander.2
Vista da cidade desde o mar.

A poboación empadroada no municipio en 2013 era de 178.465 habitantes, polo que un terzo dos cántabros (592.250 hab.) viven en Santander. A súa tendencia demográfica está practicamente estancada desde 1981, xa que a caída da natalidade e o leve incremento da mortalidade polo elevado número de poboación adulta (en 1996 a idade media era de 40 anos) é compensado por saldos migratorios positivos, fundamentalmente desde comezos dos anos 90. Así mesmo, a escaseza de vivendas na capital e os seus altos prezos trouxo tamén un desprazamento da poboación en idade fértil cara aos municipios da periferia, en especial ao denominado "Arco da Baía de Santander" e ao eixo conurbano Santander - Torrelavega.

Máis do 70% da poboación activa traballa no sector terciario, polo que a dependencia económica do comercio e os servizos é moi alta en Santander.

É unha das cidades máis seguras de España cunha taxa de delitos nos seis primeiros meses do ano 2007 das máis baixas do país (36,2 infraccións penais por cada 1.000 habitantes fronte ás 50 da media nacional e as 70 da Unión Europea).[1]

Evolución demográfica
1900 1920 1940 1960 1981 2000 2011
54.694 72.469 101.793 118.435 180.328 184.264 179.921

Localidades

  • Cueto
  • Monte
  • Nueva Montaña
  • Peñacastillo
  • San Román de la Llanilla
  • Santander (Capital)

Economía

Como centro de servizos a escala rexional, en Santander localízanse importantes institucións públicas cun gran número de empregados: Hospital Universitario Marqués de Valdecilla, a Universidade de Cantabria etc. As actividades relacionadas coa cultura, o ocio e o turismo son un importante punto na economía da cidade e tanto desde o goberno rexional como municipal inténtase evitar a estacionalidade no verán dos visitantes con novas ofertas como son a atracción de convencións, congresos, festivais culturais e escalas de cruceiros marítimos.

City.of.Santander
Vista da cidade desde a baía.

Transporte

Estaciones de FF.CC. - Calle Marques de la Hermida
Vista aérea das estacións de ferrocarril de Santander.
Brittany ferries
O Pont-Aven, buque da navieira Brittany Ferries, abandonando a baía de Santander.

A rede de transportes de Santander baséase en varias liñas de autobuses urbanos, xestionados pola empresa municipal TUS. Esta empresa foi nomeada "Empresa do ano 2006" pola revista "Autobuses&Autocares" (premio nacional que anualmente outorga dita revista). En 2010 contabilizáronse 19.352.428 viaxeiros.[2]

Doutra banda, prevese a construción do Metro de Santander, composto por liñas de metro lixeiro (actualmente en estudo) e conta cun funicular inaugurado en xullo do 2008. Ademais, Santander ten comunicación cos núcleos do área metropolitana mediante dúas liñas de proximidades Feve, unha de proximidades Renfe e varias liñas de autobuses. En canto ás comunicacións interurbanas, destacan as autovías A-8, A-67 e os ferrocarrís de Adif e Feve, especialmente os de Renfe Operadora, compañía na que destacan os trens Alvia con destino Alacant vía Madrid.

Cabe destacar a existencia dunha liña de transbordador que conecta a capital cántabra coa cidade inglesa de Plymouth. Esta viaxe é levada a cabo pola navieira bretoa Brittany Ferries, a cal posúe outra liña ro-ro entre ambos os portos cun barco de carga rodada pero neste caso unicamente para o transporte de vehículos pesados. Doutra banda, existe un servizo regular de lanchas Santander-Pedreña-Somo levado a cabo por Los Reginas S.A.

Aeroporto

Artigo principal: Aeroporto de Santander.
Santander.Airport
Aeroporto de Santander, coñecido popularmente como Aeroporto de Parayas.

O Aeroporto de Santander, coñecido tamén como Aeroporto de Parayas, atópase no veciño municipio de Camargo, construído sobre terreos de marisma da baía e que foi aberto ao tráfico en 1977.

Ata o ano 2003 as instalacións considerábanse infrautilizadas debido aos escasos voos, o que facía que os potenciais pasaxeiros se desprazasen ata o Aeroporto de Bilbao. A partir desta data, e a raíz dun acordo asinado entre o Goberno de Cantabria e a aeroliña de baixo custo irlandesa Ryanair que comezou a operar en Santander a cambio dunha cuantiosa subvención, o incremento no número voos que operan hoxe en día e o abaratamento dos billetes aumentou considerablemente o tránsito de pasaxeiros tanto nacionais (en menor medida) como internacionais.

No ano 2007 o aeroporto alcanzou os 770.000 pasaxeiros, crecendo un 27% con respecto ao ano anterior e tendo un equilibrio de usuarios entre voos nacionais e internacionais. Isto supuxo unha gran mellora en canto a afluencia de pasaxeiros no aeroporto. En 2011 superouse por primeira vez o millón de pasaxeiros e en 2012 tivo un total de 1.117.617.

Patrimonio

Palacetedesantander
Palacio do embarcadoiro.
Gruadelpuertodesantander
A antiga Grúa de Pedra, construída en 1900 no peirao de Maura, serviu durante décadas para a carga e descarga de todo tipo de barcos. Hoxe en día é un dos símbolos da cidade.

No concello hai varios bens de interese cultural:

  • Igrexa Catedral da Asunción.
  • Museo Rexional de Prehistoria e Arqueoloxía de Cantabria.
  • Museo Municipal de Belas Artes.
  • Torre, murallas e conxunto monumental do Palacio de Riva-Herrera, en Pronillo.
  • Palacio da Magdalena e os seus xardíns.
  • Biblioteca e casa-museo de Menéndez Pelayo.
  • Convento das Nais Clarisas de Santa Cruz (Tabacalera).
  • Antigo Hospital de San Rafael, sede da Asemblea Rexional de Cantabria.
  • Mercado do Leste.
  • Igrexa de Santa Lucía.
  • Parroquia da Anunciación (A Compañía).
  • Dique de Gamazo.
  • Seminario de Monte Corbán.
  • Paseo de Pereda.
  • Unha zona de El Sardinero.
  • Igrexa de San Francisco.
  • Cartulario de San Salvador de Oña (Burgos), conservado no Arquivo Histórico Provincial de Santander.
  • Cartulario do Mosteiro de Santa María de Piasca, conservado na Biblioteca Municipal de Santander.

Fauna urbana

Santander, ao igual que moitas outras cidades costeiras, alberga unha gran cantidade de gaivotas. A especie máis común é a gaivota patiamarela. A ave máis abundante quizais sexa a pomba brava. Ambos os tipos de ave provocan problemas na cidade e desde o concello tómanse medidas para reducir o seu número ou polo menos evitar o seu crecemento.

Deporte

Santander.Palacio.de.Deportes
Palacio de Deportes en El Sardinero xunto aos Campos de Sport.

Nesta cidade xoga o equipo de fútbol Racing de Santander, un dos clubs históricos fundadores da liga española de fútbol. O Racing disputa os seus partidos como local nos Campos de Sport de El Sardinero. O club estivo 40 tempadas en Primeira División e 32 en Segunda. Na tempada 1930/1931, quedou segundo empatado a puntos co Athletic Club (campión) e a Real Sociedad (terceiro), esa ocasión foi na que estivo máis preto de gañar o campionato de Liga.

Puertodeportivosantander
Porto deportivo de Santander.

De gran tradición na cidade foi o balonmán, co Club Balonmano Cantabria como estandarte que levou o nome de Santander por Europa e polo mundo coa consecución de varios títulos internacionais, a Copa de Europa en 1994, a Recopa en 1990 e 1998 e a Copa EHF en 1993. Tamén destacou o Club Balonmano Santander (máis coñecido polo acrónimo CLUBASA) quen logrou importantes triunfos nas categorías de canteira a nivel nacional, chegando tamén a División de Honra (actual Liga Asobal) na tempada 1986-1987. Na actualidade ambos os clubs atópanse disoltos. O equipo máis destacado nestes momentos é o Balonmano Sinfín.

Santander foi sede da Copa Davis en 2000 e 2006. Tamén se realizan regatas de vela organizadas polo Real Club Marítimo de Santander. Torneos de volei praia, hípica ou surf, entre outros, teñen lugar tamén na cidade.

Notas

  1. El Diario Montañés (2007). "La capital cántabra es una de las ciudades más seguras de Europa" (en español). Consultado o 10-07-2007.
  2. "Los autobuses municipales registraron más de 19 millones de viajeros durante 2010" (en castelán). Concello de Santander. 2011.

Véxase tamén

Ligazóns externas

Aeroporto de Santander

O Aeroporto de Santander (IATA: SDR, OACI: LEXJ), tamén coñecido como Aeroporto de Parayas, é un aeroporto xestionado por Aena situado a 5 quilómetros da cidade de Santander, no concello de Camargo. É o único aeroporto de Cantabria.

Alvia

O Alvia é un servizo ferroviario de longa distancia de Renfe Operadora. Caracterízase por ser de rodadura desprazable, o que permite percorrer vías de ancho ibérico ou internacional pasando polos cambiadores de ancho entre unhas e outras de forma rápida. Supoñen un adianto respecto ao servizo Altaria con Talgo de rodadura desprazable ao ser todo o conxunto de rodadura desprazable incluída a locomotora.

Ten asentos en turista e preferente, acceso adaptado a minusválidos e cafetería.

Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes

A Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes é unha biblioteca española que reúne obras hispánicas en internet. Ten como obxectivo principal a difusión da cultura hispánica.

Foi creada en 1999 por iniciativa da Universidade de Alacant e co patrocinio do Banco Santander e a Fundación Marcelino Botín. Está xestionada por unha fundación que preside Mario Vargas Llosa. A idea orixinal do proxecto concibiuna Andrés Pedreño Muñoz, reitor da Universidade de Alacant nese momento, inspirada no concepto de biblioteca dixital dalgunhas universidades estadounidenses. El foi quen presentou a Emilio Botín, Presidente do Banco Santander un proxecto pioneiro en dixitalización de obras de referencia hispanas, algo que dende primeiro momento entusiasmou ó máximo responsable do Santander e deulle o seu respaldo.

Un consello científico, dirixido por Darío Villanueva, avala o rigor da biblioteca.

Cantabria

Cantabria (en cántabro e castelán: Cantabria) é unha comunidade autónoma uniprovincial situada no norte de España, considerada como «comunidade histórica» segundo o seu Estatuto de autonomía. Limita con Asturias ao oeste, con Euskadi (provincia de Biscaia) ao leste, con Castela e León (provincias de León, Palencia e Burgos) ao sur, e co mar Cantábrico ao norte. A súa capital e cidade máis poboada é Santander.

Cantabria está situada na cornixa Cantábrica, nome dado á franxa de terra existente entre o mar Cantábrico e a cordilleira Cantábrica, no norte da Península Ibérica. Posúe un clima oceánico húmido e de temperaturas moderadas, fortemente influenciado polos ventos do océano Atlántico que chocan contra as montañas. A precipitación media é de 1.200 mm, o que permite o crecemento de frondosa vexetación. A súa maior elevación localízase no pico de Torre Blanca (2.619 m). A comunidade está formada por 102 concellos, sendo un deles, Valle de Villaverde, un exclave en Biscaia.

Cantabria é a rexión máis rica do mundo en sitios arqueolóxicos do Paleolítico Superior. Os primeiros signos de ocupación humana datan do Paleolítico Inferior, aínda que este período non estea tan ben representado na rexión. Destacan neste aspecto as pinturas da cova de Altamira, datada entre o 16.000 e 9.000 a.C e declarada, xunto a outras nove covas cántabras máis, Patrimonio da Humanidade pola Unesco.

As súas primeiras referencias datan do ano 195 a. C., momento en que o escritor romano Catón O Vello fala na súa obra Orixes do nacemento do río Ebro do "país dos cántabros". A moderna provincia de Cantabria constituíuse o 28 de xullo de 1778. A Lei Orgánica do Estatuto de Autonomía de Cantabria aprobouse o 30 de decembro de 1981, dotando deste xeito á comunidade autónoma de organismos e institucións de autogoberno, co Parlamento de Cantabria como asemblea lexislativa.

Club de Rugby Santander

O Club de Rugby Santander, denominado Bathco Rugby por razóns de patrocinio, é un equipo español de rugby da cidade de Santander, fundado no ano 2007. O primeiro equipo debutará na máxima categoría do rugby español na tempada 2019-2020.

As focas disputan os seus encontros no estadio de atletismo de La Albericia, de propiedade municipal.

Departamentos de Colombia

Colombia consta de 32 departamentos.

Elena Quiroga

Elena Quiroga de Abarca, nada en Santander o 26 de outubro de 1921, e finada na Coruña o 3 de outubro de 1995, foi unha escritora española de orixe galega, membro da Real Academia Española. Nas súas obras, aínda que sempre escritas en lingua castelá, refléctese a pegada o amor por Galicia.

Marcelino Menéndez Pelayo

Marcelino Menéndez Pelayo, nado en Santander o 3 de novembro de 1856 e finado na mesma cidade o 19 de maio de 1912, foi un escritor, político e erudito español, consagrado fundamentalmente á historia das ideas, a crítica e historia da literatura española e hispanoamericana e a filoloxía hispánica en xeral, aínda que tamén cultivou a poesía, a tradución e a filosofía, irmán do escritor Enrique Menéndez Pelayo.

Marina de Cudeyo

Marina de Cudeyo é un municipio da comarca de Trasmiera, na comunidade autónoma de Cantabria, España. Sitúase a 14 quilómetros de Santander, concretamente ao sur da baía de Santander e está maioritariamente arrodeado por auga. Ao norte atópase o concello de Ribamontán al Mar e dita baía, ao leste Ribamontán al Monte, Entrambasaguas e a desembocadura do Miera, coñecida como ría de Cubas, ao sur Medio Cudeyo e a Ría de Tijero e para rematar ao oeste o municipio de El Astillero do que está separado pola ría de San Salvador.

Primeira división española de fútbol

A Primeira División, coñecida como LaLiga e debido a motivos de patrocinio como LaLiga Santander, é a máxima categoría da Liga española de fútbol, na que participan os mellores equipos españois. Comezou a desputarse na tempada 1928-29 e desde entón celebrouse sen interrupcións, a excepción do parón durarte a guerra civil, entre 1936 e 1939.

Un total de 63 equipos pasaron pola categoría, sendo campións só 9 equipos. Real Madrid e Barcelona son os claros dominadores do torneo con 33 e 25 ligas respectivamente. Os outros sete campións son Atlético de Madrid, Athletic, Valencia, Real Sociedad, Deportivo, Sevilla e Betis.

A Primeira División española é a primeira liga do mundo segundo o ránking anual oficial da IFFHS, posto que ocupa de manera consecutiva dende 2010. Ademais, os equipos españois son os máis laureados nas competicións europeas e internacionais.

Real Racing Club de Santander

O Real Racing Club de Santander, S.A.D. é un club de fútbol español da cidade de Santander, en Cantabria. Foi fundado o 14 de xuño de 1913 e compite no Grupo 1 da Segunda División B. É o único equipo cántabro que xogou na Primeira División, na que ocupa o 14° posto na clasificación histórica despois de disputar 44 tempadas.

Foi subcampión de Liga na tempada 1930–31 e semifinalista da Copa do Rei en dúas ocasións (2007–08 e 2009–10). Logo de finalizar en sexta posición na tempada 2007–08, o Racing xogou por primeira vez na súa historia a Copa da UEFA. Sete dos seus xogadores foron internacionais coa selección española.

Ribamontán al Mar

Ribamontán al Mar é un concello situado ó leste da Baía de Santander, na costa central de Cantabria (España), e a 32 quilómetros de Santander. Limita ó leste co concello de Bareyo e polo sur co de Ribamontán al Monte e coa foz do río Miera, que establece unha fronteira natural co concello de Marina de Cudeyo. Ten unha poboación de 4.496 habitantes e unha superficie de 36,94 km², o que fai unha densidade de 121,71 hab/km² (2012).

Santa Cruz de Bezana

Santa Cruz de Bezana é un municipio, e unha localidade de devandito municipio, da comunidade autónoma de Cantabria, España. Limita ao norte co mar Cantábrico, ao oeste con Piélagos, ao sur con Camargo e ao leste con Santander. Está situado na zona de influencia da capital cántabra, por iso encádrase a este municipio na comarca de Santander.

Santander, Colombia

Santander é un dos 32 departamentos de Colombia, situado no nororiente do país na rexión natural andina. A súa capital é Bucaramanga. Limita ao norte cos departamentos de Norte de Santander, Cesar e Bolívar, ao oeste con Antioquia, ao sur con Boyacá e ao leste con Boyacá e Norte de Santander.

Está conformado por 87 municipios, agrupados en seis provincias reorganizadas en oito núcleos de desenvolvemento provincial denominados:

Área Metropolitana, con capital en Bucaramanga.

Comunero, con capital en Socorro

García Rovira, con capital en Málaga

Guanentá, con capital en San Gil

Mares, con capital en Barrancabermeja

Soto Norte, con capital en Matanza

Véleza, con capital en Vélez.En 2004 institucionalizouse o 13 de maio como día da santandereanidade.

Segunda división B española de fútbol

A Segunda División B, coñecida habitualmente como Segunda B, é a terceira división xerárquica da Liga española de fútbol. Foi introducida en 1977 como categoría intermedia entre a Segunda División e a Terceira División. A súa organización depende da Real Federación Española de Fútbol. A pesar de non estar integrada na LFP a práctica totalidade dos clubs son profesionais.

Segunda división española de fútbol

A Segunda División de España, oficialmente La Liga 2 e coñecida como La Liga SmartBank por razóns de patrocinio, é a segunda categoría da Liga española de fútbol, inmediatamente inferior á Primeira División e por riba da Segunda División B.

En xogo dende a tempada 1928-1929, está organizada pola Liga de Fútbol Profesional, sendo unha das dúas ligas profesionais de fútbol existentes no Estado xunto coa Primeira.

Tiple

O tiple é un instrumento cordófono de pequeno tamaño pertencente á familia da guitarra. Ten 10 ou 12 cordas de aceiro, en catro cursos. Considérase o instrumento nacional de Colombia[Cómpre referencia]. Os seus inicios déronse nos límites dos departamentos de Santander e Boyacá. Utilízase no acompañamento de ritmos típicos do interior do país como o bambuco e o corredor. Tamén se emprega como acompañante da tradicional troba antioqueña, un canto improvisado.

Torbellino

O torbellino é unha danza e canto folclórico de Colombia.

É propio dos departamentos de Boyacá, Cundinamarca e Santander. É unha tonada de festas relixiosas e familiares. Ten carácter mestizo, con acentuadas características indíxenas.

O seu instrumental é complexo. Consta de requinto, tiple, frauta, cana, capador, chucho, pandereta, carraca, quiribillo, esterilla, zambumbia e, ás veces, cuncha de armadillo.

Báilase por parellas, e ás veces por tríos. Moitas mojigangas ou xoguetes coreográficos realízanse con danza de torbellino, como a Escoba, a Manta, as Perdices, a Caña, ou o Surumangué.

A letra provén das coplas típicas.

Distínguense varias clases: o triste e melancólico do altiplano, e o festivo das zonas cálidas; o versiao, cando os danzantes intercambian coplas; o torbellino a misa, que se bailaba antes da Misa do Galo; de la boterra, danzado antigamente en Villa de Leiva, e o palmotiao.

Anualmente celébrase en Puente Nacional Santander o festival do Torbellino e o Requinto, onde participan varios grupos folclóricos das provincias.

Villaescusa, Cantabria

Villaescusa é un concello da comunidade autónoma de Cantabria, situado no arco sur da Baía de Santander e integrado na comarca de Santander. Limita polo norte con El Astillero, polo oeste con Piélagos e Castañeda, polo sur con Santa María de Cayón e polo leste con Medio Cudeyo e Penagos.

Capitais de provincias de España

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.