Santalla de Vilausende, Ribadeo

Santalla de Vilausende é unha parroquia do concello lugués de Ribadeo. Pertence ó arciprestado de Ribadeo. Segundo o censo do ano 2004, ten 226 habitantes, agrupados en 8 entidades de poboación e 3 lugares, cunha densidade media de 21,6 hab/km². Segundo o IGE, no 2014 a súa poboación descendera ata os 182 habitantes, sendo 88 homes e 94 mulleres.

As entidades de poboación son Lourido (12 hab, segundo censo 2014), Porto de Abaixo (26), Porto de Arriba (27), O Río da Veiga (14), San Tomé (5), Santalla (45), A Torre (16) e Vilausende (37). Os lugares (forman parte dalgunhas das entidades) son O Carbón, Os Castros e A Curuxeira.

Coordenadas: 43°29′N 07°04′O / 43.483, -7.067

Santalla de Vilausende
Túnel da liña Ribadeo-Vilaodriz
ConcelloRibadeo
Área10,46 km²
Poboación182 hab. (2014)
Densidade17,4 hab./km²
Entidades de poboación9

Xeografía

Limita ó norte coas parroquias de Ove, A Devesa e Covelas, ó oeste coa de Cedofeita, ó sur coas de Couxela e A Valboa (Trabada) e ó leste coa ría de Ribadeo. Ten unha altitude media de 100 metros. Está regada por dous regatos: cara o norte o regato da Fraga e cara o sur o regato da Veiga.

Historia

O seu topónimo posiblemente provén do nome do posesor xermánico xa latinizado Adosindus, que na documentación medieval aparece na súa forma xenitiva Adosindi. Na súa evolución perdeu o d intervocálico, co que o cambio fonético do i en e dá a forma Aosende, que unida ó seu precompoñente Vila forma Vilaosende. O ditongo ao convértese ás veces en au, formando Vilausende, como está recollido oficialmente, aínda que moitos veciños seguen a pronunciar Vilaosende. Aparece documentada como Villadosindi.[1]

Patrimonio

A igrexa parroquial ten no seu interior imaxes de estilo barroco do século XVIII.

Os restos do pazo de Quinta Longa, no lugar dos Castros, é un conxunto en mal estado de conservación. A casa conserva a súa estrutura primitiva, con parte do patio de ingreso e corredor sobre piares de granito e cuberta de lousa. No muro oriental campea unha pedra de armas ovalada coa inscrición e cartelado cos emblemas dos Montenegro e Luaces. Completan o conxunto un pombal de forma hexagonal e unha capela que estivo adicada a Virxe da Inmaculada, que conforman un recinto todo amurallado.

No lugar dos Castros quedan restos dun poboado castrexo con cerámica abundante e varios muíños de man, e no lugar da Torre, o Castro da Torre.[2]

Festas e lecer

Celébranse as festas patronais o 10 de decembro, na honra a Santa Eulalia. A Festa das Flores, que ven sendo máis relevante, celébrase a derradeira semana de maio ou ben a primeira de xuño. O 10 de xuño tamén se celebran as Festas do Corazón de Xesús. Trátase dunha celebración relixiosa (sen verbena), xa que noutrora considerábase que bailar ese día era pecado e na actualidade se está a conservar tal tradición.

Galería de imaxes

Desembocadura do río Grande na ría de Ribadeo, entre Santalla e Ove. Pódese observar a vía do Ferrocarril Ferrol-Xixón, e á dereita, a ponte da antiga liña Ribadeo - Vilaoudriz, hoxe soporte para o tubo de auga que subministra Ribadeo. Á esquerda, a ría, e á dereita, o río Grande.
Desembocadura do río Grande na ría de Ribadeo, entre Santalla e Ove. Pódese observar a vía do Ferrocarril Ferrol-Xixón, e á dereita, a ponte da antiga liña Ribadeo - Vilaoudriz, hoxe soporte para o tubo de auga que subministra Ribadeo. Á esquerda, a ría, e á dereita, o río Grande. 

Notas

  1. Rodríguez Díaz, José María (2007). Estudio sobre la toponimia de Ribadeo.
  2. Rodríguez Díaz, José María ([2009]). Sobre os castros de Ribadeo. [Lugo]: O Tesón. ISBN 9788461296446. OCLC 733842086.

Véxase tamén

Outros artigos

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.