Santa Trindade

A Santa Trindade é un concepto relixioso cristián que se refire á crenza de que Deus é un e tres ó mesmo tempo. Así, o Deus dos cristiáns é Pai (Deus mesmo), Fillo (Xesucristo) e Espírito Santo (representado como unha pomba, ou como linguas de lume e incorpóreo e que lles dá poderes ós apóstolos en Feitos dos Apóstolos como curación, poliglotismo...).

Trinidad
Santa Trindade

Descrición

As misións da Santa Trindade no tempo ou as súas atribucións son:

  • O Pai é o principio da Vida, de quen todo procede,polo que se atribúe a creación.
  • O Fillo procede eternamente do Pai, enxendrado por El, e asumiu noutro tempo a natureza humana por conseguir a nosa salvación.Atribúeselle a redención.
  • O Espírito é enviado polo Pai e o Fillo pola vía da benquerenza, a modo de amor. Manifestouse por primeira vez no Bautismo, e tivo diversas aparicións posteriores como a transfiguración de Xesús e o día de Pentecoste sobre os discípulos. Reside nos corazóns dos fieis co don da caridade. Atribúeselle o don da santificación.

Como o entendemento do ser humano non entende a esencia divina, non pode penetrar no misterio da vida íntima de Deus, senón que só pode coñecer o que Este lle revela e asumilo coa fe esperada. Como Agustín dicía: se o entendes, non é Deus. Deste xeito, en tódalas relixións cristiás a Santa Trindade é dogma de fe e, polo tanto, indiscutible.

Véxase tamén

Outros artigos

A Igrexa, Ons, Brión

A Igrexa é un lugar da parroquia de Ons no concello coruñés de Brión na comarca de Santiago. Tiña 18 habitantes no ano 2010 segundo datos do IGE, dos cales 8 eran homes e 10 eran mulleres.

O nome deste lugar venlle dado por estar aquí a igrexa parroquial de Santa María de Ons, nunha gran explanada no val do río Tambre. É de finais do século XVIII, sendo o primeiro templo neoclásico que se construíu no concello de Brión. Ten unha soa nave rectángular e dúas ábsidas laterais. O pórtico ocupa gran parte da fachada e está coroado por unha imaxe da Virxe cuberta por un arco de medio punto. Por riba dunha arquitrabe xadrezada está o friso decorado con motivos xeométricos (un triángulo equilátero que representa á Santa Trindade do que parten raios en todas as direccións). Remata a fachada un sinxelo campanario.

No interior destaca o retablo en pedra, realizado polo escultor Antonio Fabeiro en 1789. Representa á Virxe María rodeada por anxos que a levan cara o Ceo baixo un arco sostido por dous pares de columnas. Recuperado en 2007 por iniciativa dos veciños, a restauración sacou á luz as pinturas orixinais de 1827

Antin Seliava

Antin Seliava (en ucraíno: Антін Селява; en polaco: Antoni Sielawa; en belaruso: Антоній Сялява), nado arredor de 1583 no voivodato de Połock (Gran Ducado de Lituania, hoxe Belarús) e finado o 5 de outubro de 1655, foi un eclesiástico grecocatólico ruteno, metropolita de Kiev e Galicia e toda a Rus dende 1641 até a súa morte.

Colexiata de Santa María de Vigo

A colexiata de Santa María de Vigo é un templo católico situado na cidade de Vigo. Desde 1959 ten a consideración de concatedral, compartindo a sede catedralicia da diocese de Tui-Vigo coa catedral de Tui. Foi construída entre 1816 e 1834, substituíndo a antiga colexiata, danada trala explosión dunha polvoreira en 1809.

O actual edificio foi deseñado por Melchor de Prado y Mariño, membro da Real Academia de San Fernando. O seu estilo principal é o neoclásico, se ben as torres son barrocas.

Cristianismo

O cristianismo (da verba en grego antigo Χριστός, Khristós (Cristo)) é unha relixión monoteísta baseada na vida e ensinanzas de Xesús Cristo como aparecen nos evanxeos canónicos e noutros escritos do Novo Testamento. Actualmente é a relixión, se contamos tódalas súas ramas, que conta con maior número de practicantes, coñecidos como cristiáns.

Os cristiáns cren que Xesús é o Fillo de Deus, Deus feito home, e o salvador da humanidade. Por mor disto, refírense a Xesús como Cristo, o Mesías profetizado nos textos xudeus que compoñen o Antigo Testamento. A doutrina teolóxica básica aparece nos primeiros textos cristiáns, cuxo contido é aceptado pola maioría das confesións cristiás. Estas profesións de fe din que Xesús sufriu, morreu e resucitou de entre os mortos para garantir a vida eterna a aqueles que cren nel e que confían nel para o perdón dos seus pecados. A maioría sosteñen tamén que Xesús subiu ao Ceo e que alí goberna xunto con Deus Pai. Aínda que o cristianismo é unha relixión monoteísta a maioría dos cristiáns cren que Deus existe en tres persoas, Deus Pai, Deus Fillo e Deus Espírito Santo que constitúen unha mesma substancia de Deus, o que constitúe o misterio da Santa Trindade.

Espírito Santo

O Espírito Santo é, para a maioría de confesións cristiás, a terceira persoa da Santa Trindade. Verdade fundamental do cristianismo, contido dun dogma apuntado xa no Concilio de Nicea e definido definitivamente polo primeiro concilio de Constantinopla. Recóllese, xa que logo, no chamado símbolo niceno-constantinopolitano ou Credo. Os cristiáns que non aceptan esta doutrina chámanse non trinitarios.

Segundo esta doutrina Deus, na súa Unidade, é Amor e, xa que logo, Comuñón interpersoal. A expresión difusiva e gratuíta dese Amor é o Espírito, que fai experimentar ao crente a entraña da divindade. O Home, en canto criatura feita a imaxe e semellanza de Deus, arela unha comuñón plena cos seus irmáns e con Deus no Espírito. O cumprimento desa arela é a Salvación.

Excomuñón

A excomuñón (do latín eclesiástico ex-communicare, "botar da comunidade") é unha censura relixiosa usada para privar, suspender ou limitar a filiación nunha comunidade relixiosa ou para restrinxir certos dereitos dentro dela. O termo aplícase polo xeral a algunha igrexa ou comunidade cristiá, mais hai castigos semellantes noutras relixións. Nalgunhas relixións, a excomuñón inclúe unha condenación espiritual do membro do grupo. Tamén pode implicar o exilio e a vergoña comunitaria da persoa excomungada.

Gregorio Nacianceno

Gregorio Nacianceno nado en Nazancio o ano 330 e finado en Arianzo o ano 390 é un dos denominados Pais da Igrexa, os seus escritos e pensamento son base da doutrina cristiá sobre a Santa Trindade.

Johannes Brahms

Johannes Brahms, nado en Hamburgo o 7 de maio de 1833 e finado en Viena o 3 de abril de 1897, foi un pianista e compositor alemán do romanticismo. Brahms é unha figura prominente da música do século XIX, quizais o último gran compositor clásico, é considerado a antítese de Wagner e Liszt. Trátase dun dos máis importantes músicos do romanticismo e é considerado por moitos como o "sucesor" de Beethoven, ata o punto de que a súa Primeira Sinfonía foi descrita por Hans von Bülow como a décima sinfonía de Beethoven. Home ás veces difícil e intransixente, compuxo obras mestras en tódolos xéneros agás a ópera.

As expresións Os tres bes ou A santa trindade (frase acuñada por Hans von Bülow) refírense a Bach, Beethoven e Brahms como tres dos maiores compositores da historia da música. Algúns opinan, non obstante, que von Bülow incluíu a Brahms en dita "trindade" por despeito e para prexudicar a Wagner, con quen estaba enemistado dende que a súa dona o abandonou para casar co outro compositor.Brahms é frecuentemente considerado á vez tradicional e innovador. A súa música está firmemente enraizada nas estruturas e técnicas de composición dos mestres do barroco e do clasicismo. Era un mestre do contrapunto, a complexa e altamente disciplinada arte que fixo famoso a Johann Sebastian Bach, e do desenvolvemento, un ethos compositivo creado por Joseph Haydn, Wolfgang Amadeus Mozart, Ludwig van Beethoven, entre outros compositores. Brahms tivo como obxectivo honrar a "pureza" destas venerables estruturas "alemás" e avanzar nelas cara a un idioma romántico, no proceso de creación de novos enfoques para a harmonía e a melodía. Mentres que moitos contemporáneos atoparon a súa música demasiado académica, a súa contribución e artesanía teñen sido admiradas por figuras posteriores tan diversas como Arnold Schoenberg ou Edward Elgar.

Miguel Servet

Miguel Servet, chamado tamén Miguel de Villanueva, Michel de Villeneuve ou, en latín, Michael Servetus (o seu nome auténtico era Miguel Serveto y Conesa, alias "Revés"), nado en Villanueva de Sigena, Huesca, o 29 de setembro de 1511 e finado en Xenebra o 27 de outubro de 1553, foi un teólogo e científico español.

Os seus intereses abarcaron moitas ciencias: astronomía, meteoroloxía, xeografía, xurisprudenza, teoloxía e o estudo da Biblia, matemáticas, anatomía, fisioloxía e medicina. Parte da súa fama posterior débese ao seu traballo sobre a circulación pulmonar descrita na súa obra Christianismi Restitutio.

Participou na Reforma protestante e desenvolveu unha cristoloxía contraria á Santa Trindade. Repudiado tanto polos católicos como polos protestantes, foi arrestado en Xenebra, sometido a xuízo, e condenado a morrer na fogueira por orde do Consello da cidade, cando nela predominaba a influencia de Calvino.

Movemento rastafari

O movemento rastafari é un movemento socio-cultural que considera ao emperador de Etiopía Haile Selassie I, antes chamado o Príncipe Nivel Tafari (en amhárico), a encarnación de Cristo no seu carácter de Deus como Rei, a Marcus Garvey como a encarnación de Cristo no seu carácter de Deus como Profeta, e ao príncipe Emmanuel Charles Edwards como a reencarnación de Cristo no seu carácter de Deus como Sumo Sacerdote, conformando desta forma unha Santa Trindade. Outro alicerce fundamental é a lectura do sacro libro da tradición etíope, titulado Kebra Nagast, e a reivindicación do panafricanismo (a reivindicación de unidade dos descendentes de africanos oprimidos durante a historia recente).

Xurdiu nos comezos dos anos 30 en Xamaica a partir de profecías bíblicas que atribuíron a divindade a Selassie, o desexo dos descendentes de escravos negros de volver a África, das aspiracións sociais e culturais da comunidade negra e dos ensinos do organizador nacido en Xamaica Marcus Mosiah Garvey que clamaba: "Africa para os africanos e Europa para os europeos". A visión social e cultural de Garvey inspirou aos fundadores do movemento, que o consideraron como un profeta.

O rastafarismo xurdiu entre a poboación negra de clase traballadora en Xamaica, e permanece en defensa da Supremacía Negra, que se interpreta como a supremacía do ben sobre o mal. A cor negra representa ao ben, e en ningunha forma ten que ver coa cor de pel dos homes. Hoxe en día o movemento estendeuse ao longo de gran parte do mundo e ten seguidores provenientes de distintas culturas, linguas e nacións. Son erroneamente coñecidos pola súa devoción á música de reggae cando en realidade non forma parte da Orde Cerimonial Rastafari.

Padres da Igrexa

Padres da Igrexa ou pais da Igrexa é a denominación que se lles dá aos autores da antigüidade cristiá que a Igrexa ortodoxa e a Igrexa católica consideran referencias fundamentais para a definición das verdades en materia de fe e de moral.

Pentecoste

Esta páxina trata da festa de Pentecoste. Para a illa pertencente a Vanuatu véxase Illa de Pentecoste

Pentecoste (do grego pentekosté (heméra) "o quincuaxésimo día") describe a festa do quincuaxésimo día logo da Pascua (Domingo de Resurrección) e que pon termo ao tempo pascual.

Durante Pentecoste celébrase o descenso do Espírito Santo e o inicio da actividade da Igrexa, por iso tamén se lle coñece como a celebración do Espírito Santo. Na liturxia católica é a festa máis importante logo da Pascua e a Nadal. A liturxia inclúe a secuencia medieval Veni, Sancte Spiritus.

O fondo histórico de tal celebración baséase na festa semanal xudía chamada Shavuot (festa das semanas), durante a cal celébrase o quincuaxésimo día da aparición de Deus no monte Sinaí, polo tanto no día de Pentecoste tamén se celebra a entrega da Lei (mandamentos) ao pobo de Israel.

Nas Igrexas ortodoxas existe ademais a celebración das Tres Divinas Persoas ou da Santa Trindade; as Igrexas occidentais celebran para esta ocasión desde o século XIV a súa propia festa chamada Trinitatis (a festa da Santísima Trindade) unha semana despois do Pentecoste.

No calendario cristián con Pentecoste termina o tempo pascual dos 50 días.

Nas narracións sobre Pentecoste de Feitos dos Apóstolos (2,1 - 41) adxudícaselle ao Espírito Santo, en congruencia co Antigo Testamento, características milagrosas (carismas): el ofrece valentía e liberdade, posibilita a comprensión (glosolalia) e fortifica unha comunidade universal.

O luns logo de Pentecoste é día de festa en moitos países como Alemaña, Austria, Bélxica, Dinamarca, Francia, Hungría, Islandia, Liechtenstein, Noruega, os Países Baixos ou Suíza. Tamén é festivo nalgunhas comunidades autónomas de España como en Cataluña.

Porto Príncipe

Porto Príncipe (no idioma oficial do país, o francés, Port-au-Prince) é a capital de Haití. Ten arredor de 2.000.000 de habitantes (2007) na área metropolitana. Situada no golfo de La Gonâve, Porto Príncipe exporta principalmente café e azucre, e produce nas súas fábricas alimentos, téxtiles e cemento.

Primeiro Concilio de Braga

O I Concilio de Braga foi un concilio que tivo lugar na cidade homónima do Norte de Portugal (entón capital do reino dos Suevos), entre o 1 de maio de 561 e 563, por ordenamento do rei Teodomiro. Presidiuno Martiño de Dumio, bispo titular de Braga e de Dume. Acudiron bispos da Gallaecia e do norte da Lusitania.

Tivo o apoio do Papa Xoán III, e declarou anatema todos aqueles que acreditasen en doutrinas de tipo maniqueísta, como os priscilianistas.

O concilio remarcou a doutrina da Santa Trindade, segundo a cal hai un só Deus que existe en tres persoas: Pai, Fillo e Espírito Santo, contrariamente á afirmación priscilianista de que só existía unha persoa.

Así mesmo lembrou a crenza católica da existencia de Deus Fillo antes de nacer da Virxe María.

Rafail Korsak

Rafail Mykola Korsak (en ucraíno: Рафаїл Микола Корсак; en polaco: Rafał Mikołaj Korsak; en belaruso: Рафаіл Мікалай Корсак), nado arredor de 1599 preto de Navahrudak (Gran Ducado de Lituania, hoxe Belarús) e finado o 28 de agosto de 1640, foi un eclesiástico grecocatólico ruteno, metropolita de Kiev e Galicia dende 1637 até a súa morte.

Teodosio I

Teodosio I (Flavius Theodosius), nado en 346 e finado o 17 de xaneiro de 395, foi emperador romano e emperador bizantino de 379 a 395. Era fillo de Teodosio o Vello.

Yosyf Bolharynovych

Yosyf Bolharynovych (en ucraíno: Йосиф Болгаринович; en polaco: Józef Bułharynowicz), finado en 1501 en Kiev, foi metropolita de Kiev, Galicia e toda a Rus entre 1499 e 1501, o último dos que aceptaron a Unión de Florencia.

Yosyf Rutskyi

Yosyf Veliamyn Rutskyi (en ucraíno: Йосиф Велямин Рутський; en polaco: Józef Welamin Rucki; en belaruso: Іосіф Вельямін Руцкі), nado en 1574 en Ruta (hoxe no distrito de Navahrudak, Belarús) e finado o 5 de febreiro de 1637, foi un eclesiástico grecocatólico ucraíno, metropolita de Kiev e Galicia dende 1613 até a súa morte en 1637.

Yosyf Slipyi

Yosyf Slipyi (en ucraíno: Йосиф Сліпий), de nome secular Yosyf Kobernytskyi-Dychkovskyi (en ucraíno: Йосиф Коберницький-Дичковський), nado en Zazdrist (Galicia [Imperio austrohúngaro]) o 17 de febreiro de 1892 e finado en Roma o 7 de setembro de 1984, foi un bispo católico ucraíno, arcebispo maior de Lviv e cardeal da Igrexa católica. Preso do réxime soviético dende 1945, foi finalmente liberado en 1963, grazas ás presións do Vaticano e dos Estados Unidos para participar no Concilio Vaticano II.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.