Santa Irmandade

A Santa Irmandade (en castelán, Santa Hermandad) é o nome xenérico co que se coñecían os grupos de xente armada instituídos en 1476 en Castela e pagados polos concellos para perseguiren os malfeitores e criminais. Foi disolta en 1834, creándose dez anos máis tarde a Garda Civil.

Abraham Senior

Abraham Senior, Abraham Senneor ou Abraham Seneor, nado en Segovia, c. 1412 e finado c. 1493, foi un rabino, banqueiro e político xudeu-español, alto cargo da facenda castelá, que en 1492 converteuse ao cristianismo, co nome de Ferrán, Fernán ou Fernando Pérez Coronel ou Fernando Núñez Coronel e fundando unha liñaxe nobre, a dos Coronel.

Alonso II de Fonseca

Afonso de Fonseca y Acevedo, Afonso II de Fonseca, nado en Salamanca en 1440 e finado en Santiago de Compostela o 12 de marzo de 1512, foi arcebispo de Santiago de Compostela desde o ano 1464 ata o ano 1506.

Antigo Réxime

O Antigo Réxime (Ancien Régime (Vella Orde) en francés) é o termo utilizado polos revolucionarios franceses para referirse aos tempos anteriores ao inicio da Revolución francesa de 1789 (a monarquía absoluta de Luís XVI) e que pasou a denominar a organización social e política da Europa moderna, onde se fraguou a ruptura definitiva do feudalismo.

As súas principais características eran a monarquía absoluta baseada no dereito divino do rei, no cumio da pirámide social, e unha división social ríxida en tres estamentos: a aristocracia, o clero e o Terceiro Estado.

Todo isto pode aplicarse como equivalente a unha época que, practicamente, coincidiría co que se coñece como Idade Moderna.

Belisardo Pumpido Flores

Belisardo Pumpido Flores, nado en Cádiz o 30 de decembro de 1818 e finado en Santiago de Compostela o 8 de agosto de 1875, foi un militar español. Participou nas guerras carlistas e recibiu a Cruz Laureada de San Fernando de primeira clase, a cruz da Orde de Carlos III, a cruz da Orde de San Hermenexildo e a cruz militar dos Defensores de Reus. Foi un dos primeiros oficiais do exército que se incorporou á Garda Civil, pouco despois da súa fundación polo Duque de Ahumada.

Coroa de Castela

A Coroa de Castela foi unha entidade histórica da Península Ibérica que desde o 1230 comprendía un conxunto de reinos asociados dinasticamente baixo a figura dun común monarca, que tiñan o seu centro de decisión no reino de Castela. A súa orixe remóntase ao ano 1230, cando Fernando III o Santo, rei de Castela e de Toledo desde 1217, usurpou o goberno dos reinos de Galicia e León ás súas medias-irmás e previsibles futuras raíñas Sancha e Aldonza..

Gonzalo das Penas

Gonzalo das Penas, finado en Aciveiro en 1475, foi un relixioso galego e abade do Mosteiro de Santa María de Aciveiro.

Gran Guerra Irmandiña

A Gran Guerra Irmandiña foi unha revolta social que tivo lugar en Galicia entre 1467 e 1469, e foi posiblemente a maior revolta europea de todo o século XV. Comezou na primavera de 1467 en Galicia, nunha situación de conflito social (fame, epidemias e abusos por parte da nobreza galega) e político (guerra civil en Castela). A Santa Irmandade, xurdida e xustificada por tal situación, tornouse nunha revolta como reacción a un sentimento acumulado de agravio polos males e danos que o pobo recibía dos nobres das fortalezas.

Historia de Galicia

A historia de Galiza comeza co nacemento da propia Galiza, que é fixado tradicionalmente arredor do 19 a. C., cando o Imperio Romano logra anexionar definitivamente os pobos galaicos —kallaikoi segundo o autor grego Estrabón— unificándoos por vez primeira na historia e denominando ó seu territorio como Gallaecia —terra dos callaeci—, e que acabaría derivando nos actuais nomes Galicia ou Galiza, motivo polo que é considerada como unha das entidades político-administrativas máis antigas de toda Europa.

O feito de que no ano 298 d. C. o emperador Diocleciano decidise elevala ao rango de provincia consular —ampliando así tamén o seu territorio— supuxo un acrecentamento da súa cohesión política, pois desta maneira pasaba a estar baixo o goberno dun cónsul romano. A súa definitiva consolidación estatal chegaría no ano 409 d. C., cando o rei suevo Hermerico funda nela o primeiro reino de Galiza, afianzando a existencia de Galiza ata os nosos días.

A ocupación humana do territorio correspondente á actual Galiza, non obstante, é moito máis antiga cá chegada de Roma, existindo testemuños arqueolóxicos que certifican o seu poboamento desde o Paleolítico inferior. Estas poboacións recibiron diversas achegas culturais durante milenios, formando parte xa na Idade de Bronce da área cultural atlántica que se deu entre as terras máis occidentais de Europa. A finais da Idade de Ferro estas poboacións autóctonas formaban unha unidade cultural, que os romanos denominaron como galaicos e que supoñen o principal substrato da poboación actual en Galicia.

Do mesmo xeito, durante os séculos seguintes Galiza recibiu sucesivos asentamentos de xente, entre os que destacan romanos, suevos e bretóns, que non só se integraron na poboación autóctona senón que tamén influíron decisivamente na súa vida, como foi o caso da cultura romana que propiciou a formación dunha nova lingua autóctona, o galego. Ata o ano 1833 mantívose coma un reino, no ano 1933 recibe o recoñecemento internacional da súa realidade nacional e desde 1981 organízase xurídica e administrativamente como unha comunidade autónoma dentro do Estado español.

Institucións españolas do Antigo Réxime

As institucións españolas do Antigo Réxime foron a superestrutura que, con algunhas innovacións, pero sobre todo mediante a adaptación e transformación das institucións e prácticas políticas, sociais e económicas preexistentes nos distintos reinos cristiáns da Península Ibérica na Baixa Idade Media, presidiu o período histórico que coincide a grandes liñas coa Idade Moderna: desde os Reis Católicos ata a Revolución liberal (do último terzo do século XV ao primeiro do século XIX) e que se caracterizou polos trazos propios do Antigo Réxime na Europa occidental: unha monarquía forte (autoritaria ou absoluta), unha sociedade estamental e unha economía en transición do feudalismo ao capitalismo.

Son características do Antigo Réxime a dispersión, a multiplicidade e ata a colisión institucional, o que fai moi complexo o estudo da historia das institucións. A mesma existencia da unidade institucional de España é un asunto problemático. Neste período histórico da monarquía hispánica houbo institucións unitarias: destacadas e transcendentais na percepción exterior: a persoa do rei e o seu poder militar, e cara ao interior: a inquisición. Outras foron comúns, como as propias da sociedade estamental: nobreza, clero e corporacións de moi distinto tipo que se organizaban dun xeito non moi diferente en cada reino. Un mosteiro cisterciense catalán (Poblet) era intercambiable por outro castelán (Santa María de Huerta); un gandeiro mesteño, por outro da Casa de Zaragoza; a aristocracia fusionouse nunha rede de alianzas familiares. Pero outras foron marcadamente diferenciadas: as Cortes ou a Facenda nos reinos da Coroa de Aragón non tiveron nada que ver coas de Castela e León. Ata coa imposición do absolutismo borbónico, que reduciu esas diferenzas, as provincias vascas e Navarra mantiveron os seus foros. O Estado e a nación vanse forxando, en gran medida como consecuencia de como as institucións responderon á dinámica económica e social, pero non acabarán de presentarse no seu aspecto contemporáneo ata que non terminou o Antigo Réxime.

Isabel I de Castela

Isabel I de Castela, nada en Madrigal de las Altas Torres o 22 de abril de 1451 e finada en Medina del Campo o 26 de novembro de 1504. Foi raíña de Castela desde 1474 ata 1504, raíña consorte de Sicilia desde 1469 e de Aragón desde 1479, polo seu matrimonio con Fernando de Aragón. É chamada «a Católica», título que lles foi outorgado a ela e ao seu marido polo papa Alexandre VI mediante a bula Si convenit, o 19 de decembro de 1496. É polo que se coñece á parella real co nome de Reis Católicos, título que usarían en diante practicamente todos os reis de España.

Casou en 1469 co príncipe Fernando de Aragón. Polo feito de ser primos segundos necesitaban unha bula papal de dispensa que só conseguiron de Sisto IV a través do seu enviado o cardeal Rodrigo Borgia en 1472. Ela e o seu esposo Fernando conquistaron o reino de Granada e participaron nunha rede de alianzas matrimoniais que fixeron que o seu neto, Carlos, herdase as coroas de Castela e de Aragón, outros territorios europeos e convertésese en emperador do Sacro Imperio Romano.Isabel e Fernando fixéronse co trono tras unha longa loita, primeiro contra o rei Henrique IV e de 1475 a 1479 na Guerra de Sucesión castelá contra os partidarios da outra pretendente ao trono, Xoana. Isabel reorganizou o sistema de goberno e a administración, centralizando competencias que antes ostentaban os nobres; reformou o sistema de seguridade cidadá e levou a cabo unha reforma económica para reducir a débeda que o reino herdara do seu medio irmán, e predecesor no trono, Henrique IV. Tras gañar a guerra de Granada os Reis Católicos expulsaron aos xudeus dos seus reinos e, anos máis tarde, tamén aos musulmáns.

Isabel concedeu apoio a Cristovo Colón na procura dunha nova ruta cara ás Indias, o que levou ao descubrimento de América. Devandito acontecemento provocaría no futuro a conquista das terras descubertas e a creación do Imperio Español.

Isabel viviu 53 anos, dos cales gobernou 30 anos como raíña de Castela e 26 como raíña consorte de Aragón á beira de Fernando II.

Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil

O mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil é un vello mosteiro beneditino de tres claustros situado en Nogueira de Ramuín, provincia de Ourense, rehabilitado como establecemento hoteleiro pola Xunta de Galicia e cedido a Paradores de Turismo de España. Está considerado un ben de interese cultural.

Pardo de Cela

Pedro Pardo de Cela Aguiar e Ribadeneira, coñecido como don Pedro Pardo de Cela, nado en Betanzos cara ao 1425 e executado en Mondoñedo o 3 de outubro de 1483, foi un mariscal galego medieval, decapitado diante da catedral mindoniense por mandato do gobernador do reino nomeado polos Reis Católicos.

Reino de Galicia

O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.

Consolidada Compostela como capital do reino desde o século XI, a separación de Portugal (1128) e a individualización dos reinos de Castela e León tras o ano 1065, delimitaron o seu territorio practicamente ó actual. Mantivo unha soberanía política plena —compartindo rei co reino de León— ata o ano 1230 cando o rei castelán Fernando III usurpou o trono poñendo temporalmente o reino baixo control da coroa de Castela.

Os conflitos sucesorios e as tentativas de independencia mediante entronizacións de reis non casteláns como Xoán de Borgoña (1296), Fernando I de Portugal (1369) ou Xoán de Gante (1386) permitíronlle gozar de soberanía fáctica ata que en 1486 os Reis Católicos someteron o reino polas armas. Desde entón o reino estivo subxugado á coroa de Castela (1486-1715) e posteriormente á coroa de España (1715-1833), adquirindo a súa Xunta Suprema (1808-1812) amplas liberdades ó ser o único reino peninsular libre de ocupación napoleónica, pouco antes de ser disolto por María Cristina de Borbón-Dúas Sicilias en 1833.

Reis Católicos

Os Reis Católicos foi a denominación que recibiron os reis Fernando II de Aragón e Isabel I de Castela, soberanos da Coroa de Castela (1474-1504) e da Coroa de Aragón (1479-1516).

Os Reis accederon ao trono de Castela trala Guerra de Sucesión Castelá (1475-1479) contra os partidarios da princesa Xoana a Beltranexa, filla do rei Henrique IV de Castela. En 1479 Fernando herdou o trono de Aragón ao morrer o seu pai, o rei Xoán II de Aragón. Isabel e Fernando reinaron xuntos ata a morte dela en 1504. Entón Fernando quedou unicamente como rei de Aragón, pasando Castela á súa filla Xoana, alcumada "a Tola", e ao seu marido Filipe de Austria, alcumado "o Fermoso", Arquiduque de Austria, duque de Borgoña e conde de Flandres. Con todo Fernando non renunciou a controlar Castela e, tras morrer Felipe en 1506 e ser declarada Xoana incapaz, conseguiu ser nomeado rexente do reino ata a súa morte en 1516.

A historiografía española considera o reinado dos Reis Católicos como a transición da Idade Media á Idade Moderna. Co seu enlace matrimonial uníronse provisionalmente, na dinastía dos Trastámara, dúas coroas: a Coroa de Castela e a Coroa de Aragón dando nacemento ao Imperio Español e, apoiados polas cidades e a pequena nobreza, estableceron unha monarquía forte fronte ás apetencias de poder de eclesiásticos e nobres. Coa conquista do Reino de Granada, do Reino de Navarra, de Canarias, de Melilla e doutras prazas africanas conseguiron a unión territorial baixo unha soa coroa da totalidade dos territorios que hoxe forman España –exceptuando Ceuta e Olivenza que entón pertencían a Portugal–, que se caracterizou por ser persoal, xa que se mantiveron as soberanías, normas e institucións propias de cada reino e coroa.

Os Reis estableceron unha política exterior común marcada por enlácelos matrimoniais con varias familias reais de Europa que resultaron na hexemonía dos Habsburgo durante os séculos XVI e XVII.

Por outra banda, o descubrimento de América, en 1492, modificou profundamente a historia mundial.

Talavera de la Reina

Talavera de la Reina é unha cidade do interior de España, a segunda de Castela-A Mancha en poboación, por detrás de Albacete. Está situada no noroeste da provincia de Toledo, provincia da que é a cidade máis poboada. É a capital, económica e de servizos, dunha ampla comarca que abarca o occidente de Toledo, o sur de Ávila e o nordeste de Estremadura.

Un home de Vilameán

Un home de Vilameán é unha novela histórica de Xoán Bernárdez Vilar, publicada en 1976. Trata sobre a orixe e evolución da Revolta irmandiña.

Xunta de Galicia (homónimos)

Xunta de Galicia é o nome de varias estruturas nas que se organizou o poder político en Galicia ao longo da súa historia:

Xunta do Reino de Galicia, institución creada en 1528, que foi a representación do Reino de Galicia cando este formaba parte da Coroa de Castela, e que perdurou, con algunhas interrupcións, até a reforma liberal do Estado, en 1833. Era un organismo colectivo formado polos deputados das 7 cidades ou provincias (Santiago, Betanzos, A Coruña, Lugo, Mondoñedo, Ourense e Tui) que se reunían para trataren asuntos relacionados co conxunto do Reino. A súa orixe non está clara, e hoxe en día acéptase que hai unha relación directa entre a Xunta e as reunións da Santa Irmandade, das que partiría o costume de manter reunións periódicas entre os representantes das principais cidades para resolver as cuestións relativas ao repartimento de tributos e ás levas militares.

Xunta Suprema do Reino de Galicia ou Xunta Suprema de Galicia, goberno realmente soberano de Galicia durante o ano 1808, ao comezo da Guerra da Independencia, cando Galicia era o único territorio do Reino de España libre (aínda) da presenza do exército francés, e que foi creada para dirixir a loita contra os franceses e manter a orde pública. A Xunta Suprema asumiu funcións militares, lexislativas e de relacións internacionais até a creación da Xunta Central Española.

Xunta Superior de Galicia, creada en decembro de 1809 en canto saíron de Galicia os franceses e se lle encargou, pola Xunta Central ao Capitán Xeneral de Galicia que recuperara o poder que tradicionalmente exercera. Nalgunhas atribucións foi a sucesora da Xunta Suprema (que desapareceu en decembro de 1808), pero sen nigún poder político, sendo máis ben unha delegación da Xunta Central no país.

Xunta Superior de Galicia, xunta que, en 1836, constituíron os carlistas galegos na Coruña, ao comezo da primeira guerra carlista.

Xunta Central de Galicia, constituída en 1843 (pouco despois da supresión da Xunta do Reino de Galicia) e presidida por Xosé Maria Suances, oposta á rexencia de Baldomero Espartero.

Xunta Superior de Galicia, organizada no curso da Revolución de 1846 impulsada por Miguel Solís e fundada en Santiago baixo a presidencia de Pío Rodríguez Terrazo e da que era secretario Antolín Faraldo; remataría co fusilamento dos Mártires de Carral (Solís incluído).

Xunta de Galicia, órgano do poder executivo de Galicia desde 1978, ao abeiro da Constitución española de 1978 e do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981, actualmente vixentes.

Xunta do Reino de Galicia

A Xunta, Xunta Xeral, Xuntas ou Cortes do Reino de Galicia foi a representación do reino de Galicia desde o século XV –cando a asemblea xeral de poderes do Reino uniuse para constituír as irmandades— ata 1834, cando o Reino de Galicia e a súa Xunta Xeral foi oficialmente desmantelado por Real Decreto. A Xunta do Reino de Galicia declarouse a si mesma como a autoridade suprema do Reino desde o 18 de xuño de 1808, durante a Guerra de Independencia española e debido á abdicación do Rei, e ata que Galicia foi conquistada polas tropas de Napoleón en 1809.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.