Sandiás

Sandiás é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca da Limia. Segundo o IGE en 2015 tiña 1.307 habitantes (1.584 en 2004, 1.618 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «sandiao».

Coordenadas: 42°6′40″N 7°45′24″O / 42.11111, -7.75667

Sandiás
Escudo de Sandiás
Iglesia de Santa Maria de Couso da Limia 2
Igrexa de Santa María de Couso da Limia.
Situacion Sandiás
Situación
Xeografía
ProvinciaProvincia de Ourense
ComarcaComarca da Limia
Poboación1.213 hab. (2018)
Área52,8 km²
Densidade22,97 hab./km²
Entidades de poboación3 parroquias
Capital do concelloSandiás
Política (2019[2])
AlcaldeFelipe Traveso García (AGRELSAN[3])
Concelleiros
PPdeG: 2

Outros: AGRELSAN 7
Eleccións municipais en Sandiás
Uso do galego[4] (2011)
Galegofalantes89,97%
Na rede
http://www.sandias.es

Situación

O concello de Sandiás está situado no sueste da provincia de Ourense formando parte da comarca natural da Limia. Ten unha superficie de 53 km² e ocupa, en gran parte, as terras da desecada lagoa de Antela. Limita polo norte cos concellos de Allariz e Xunqueira de Ambía, polo sur co de Xinzo de Limia, polo leste con Xinzo de Limia e Sarreaus, e polo oeste con Vilar de Santos.

As principais vías de comunicación constitúenas a estrada nacional N-525 e a autovía A-52, que atravesan o concello en sentido noroeste-sueste.

A súa capital municipal dista da cidade de Ourense 33 km, 6 km da vila de Xinzo de Limia e 13 km da vila de Allariz.

Socioeconomía

Este concello conta na actualidade cunha poboación de 1.297 habitantes (2014) distribuídos en 18 núcleos de poboación que se agrupan en tres parroquias: Couso de Limia, Piñeira de Arcos e Sandiás.

É un municipio que se caracteriza por ser esencialmente agrícola, o seu principal cultivo é a pataca. Neste concello dáse unha clara contraposición entre a parte noroccidental, montañosa, dedicada á produción forestal, e as restantes, chans, dedicadas a cultivos agrícolas. Proba da súa orientación cara a cultivos agrícolas é o aproveitamento do 50% das terras labradas. O concello de Sandiás xunto co de Xinzo de Limia, abranguen o 88% do total da superficie comarcal dedicada ó cultivo da pataca por agricultores a título principal. As súas explotacións teñen maior tamaño cás que son habituais en Galicia debido ás grandes parcelas produto do desecamento da lagoa de Antela e á concentración parcelaria posterior. O nivel de mecanización é un dos máis altos de Galicia.

Nos derradeiros anos destaca a súa orientación cara á gandería intensiva coa construción de numerosas granxas pertencentes ó grupo empresarial COREN. É tamén coñecido pola industria extractiva de áridos, xa que a práctica totalidade das areeiras da Limia se sitúan neste concello. Esta area é moi apreciada para a construción e fornecen toda Galicia e o norte de Portugal.

Neste concello atópase o Centro Ecuestre de Antela, pertencente á Deputación de Ourense, onde se celebran competicións hípicas.

Historia

Os primeiros sinais de poboación destas terras sitúannos nos poboados lacustres (palafitas) da lagoa de Antela, que foron estudados polo investigador Conde-Valvís nos anos 50. Conde-Valvís fálanos dos achados de tres poboados palafíticos de 58, 56, e 36 habitacións respectivamente cada un, coñecidas popularmente como ¨cortellos¨, que nos demostran a gran concentración de habitantes nesta zona. Estes poboados estarían situados no espazo que abrangue dende Sandiás ata Cortegada (dous deles fronte a Zadagós e a Cardeita).

Máis tarde, na Idade dos Metais, os poboados castrexos asentaríanse nos montes do Castro, preto de Sandiás, e no monte Pendón preto de Piñeira de Arcos.

Na romanización atravesaba o concello a Vía XVIII ou Vía Nova, unha das vías romanas de máis importancia do noroeste da península que unía as cidades de Bracara (Braga) e Asturica (Astorga), as cidades máis populosas do noroeste da Hispania.

Do paso desta vía quédannos os miliarios de Vilariño das Poldras e de Zadagós. O Itinerario de Antonino do século III fai mención da mansión Geminas, parada de postas e hospedaxe, que se situaría no actual Sandiás.

A proba da gran romanización da Limia sería a canalización da lagoa de Antela, a través dun emisario principal e dunha tupida rede de pequenas canalizacións das que aínda se poden observar os restos en forma de U na área recreativa da canle da lagoa.

Da invasión dos suevos e dos pobos xermánicos só quedan lembranzas na toponimia como no caso de Sandiás, un topónimo derivado dos invasores –vén do xermánico Sánd-ila– que significa ¨verdadeiro¨.

Na Idade Media son continuas as loitas entre Afonso VII de Castela e León e Afonso I de Portugal pola posesión do condado da Limia. Será seguramente no contexto das loitas fronteirizas do século XII cando se constrúa o castelo de Sandiás sobre o predio do antigo castro. Este castelo participou nas loitas pola separación de Portugal, nas continuas liortas nobiliarias, e o levantamento dos Irmandiños. Boa parte da súa función referíase ó control dos viaxeiros e mercadorías da encrucillada de camiños que era a Limia Alta.

Atravesaba o concello a Vía da Prata empregada polos peregrinos do sur de España e os procedentes do camiño portugués de Chaves e Vila Real.

Na Idade Moderna sufriu, coma toda a zona fronteiriza, as consecuencias das loitas con Portugal, e tivo que soportar as levas forzosas de homes para a guerra e contribuír ó sostemento das tropas na raia.

A finais do século XVII e no XVIII os fidalgos comezan a construír e a remodelar, a maioría dos pazos e casas grandes (O Penedo, O Telleiro, O Espido...). Os fidalgos, xunto co clero, desempeñaron un papel fundamental na sociedade campesiña galega dende comezos no século XVI ata o século XIX.

No século XVIII, a economía baseábase na agricultura. Tendo grande importancia o cultivo do liño que constitúe a base dunha importante industria téxtil artesá, formada por 54 tecedeiras e 7 xastres segundo o Catastro de Ensenada, que lles reportaba importantes ingresos ás familias labregas, non obstante, a introdución dos novos tecidos de algodón reduciu esta produción ó autoconsumo.

O señorío de Sandiás tivo numerosas transmisións destacando como posesión do conde de Benavente, avanzada da nobreza castelá sobre Galicia. Piñeira de Arcos foi sometida a xurisdición do conde de Maceda e Zadagós era xurisdición do bispo de Valladolid.

Casa concello Sandiás 01
Casa do concello.

No primeiro terzo do século XX, tiveron unha forte implantación no concello o agrarismo e as ideas republicanas. En 1910 o político conservador Eduardo Cea Naharro agochou na súa casa desta localidade ao conspirador monárquico Henrique Mitchell de Paiva Couceiro, que nos seguintes anos recrutou e mantivo a voluntarios portugueses armados pola raia seca pra lanzar varios ataques contra a acabada de nacer primeira república portuguesa.

Xa na ditadura de Francisco Franco o feito máis salientable foi o desecamento da lagoa de Antela a partir da Lei de 27 de decembro de 1956, que supuxo unha das poucas actuacións de ordenamento agrícola do franquismo en Galicia, ademais dunha transformación radical na fisionomía do territorio e nas súas condicións ambientais.

Co gallo dos cincuenta anos do comezo das obras de desaugamento da lagoa de Antela (1958-2008), o Concello de Sandiás puxo en funcionamento a Casa da Lagoa (Centro de Interpretación da Lagoa de Antela). Neste centro preténdese dar a coñecer dunha forma didáctica a historia da lagoa de Antela, a través dun percorrido que abrangue dende a formación da antiga lagoa de Antela, o seu desecamento, ata a actualidade coa recuperación medioambiental das antigas areeiras.

En 2007 o concello publicou a revista A Torre do Castro, que cesou en 2014.

Demografía

Censo total 1.307 (2015)
Menores de 15 anos 86 (6.58 %)
Entre 15 e 64 anos 692 (52.95 %)
Maiores de 65 anos 529 (40.47 %)
Evolución da poboación de Sandiás   Fontes: INE e IGE.
1900 1930 1950 1981 2004 2009 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018
2.388 2.749 3.407 2.481 1.585 {{{13}}} {{{14}}}
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Galería de imaxes

Artigo principal: Galería de imaxes de Sandiás.
Torredocastro

Torre do Castro

Igrexa de Sandiás

Igrexa de Sandiás

MiliariosvilarB1o1

Miliarios da Vía Nova ou Vía XVIII á altura de Vilariño das Poldras (Sandiás - Ourense). Un dos moitos que apareceron ó longo do antigo trazado da Vía Nova ou Vía XVIII.

Escudo Casa concello Sandiás 02

Escudo na casa do concello.

Homenaxe muller labrega concello Sandiás 13

Homenaxe á muller labrega.

Lugares de Sandiás

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Sandiás vexa: Lugares de Sandiás.

Notas

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Ministerio do Interior, Goberno de España (ed.). "Resultado eleccións 2019". Consultado o 11 de xuño de 2019.
  3. Federación Galega de Municipios e Provincias (ed.). "Sandiás". www.fegamp.gal. Consultado o 15 de setembro de 2019.
  4. Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Consultado o 14 de outubro de 2014.

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

A Chousela, Piñeira de Arcos, Sandiás

A Chousela é un lugar da parroquia de Piñeira de Arcos, no concello ourensán de Sandiás, na comarca da Limia. Segundo o Instituto Galego de Estatística en 2010 tiña 19 habitantes (7 homes e 12 mulleres), os mesmos ca en 2009.

Allariz (Santo Estevo), Allariz

Santo Estevo de Allariz é unha parroquia situada no leste do concello de Allariz. Limita coas parroquias alaricanas de Requeixo de Valverde, Meire, Allariz (Santiago) e Torneiros, e cos concellos de Xunqueira de Ambía e Sandiás.

Arcos

O topónimo Arcos pode referirse a:

Na provincia da Coruña

Arcos, parroquia do concello de Mazaricos;

Arcos, lugar de dita parroquia.Na provincia de Lugo

Arcos, parroquia do concello de Antas de Ulla;

Arcos, lugar de dita parroquia;

Cabo de Arcos, lugar de dita parroquia;

Arcos, parroquia do concello de Castroverde;

Arcos, parroquia do concello de Chantada;

Arcos, lugar de dita parroquia;

Arcos, parroquia do concello de Outeiro de Rei;

Arcos de Frades, parroquia do concello de Pol;

Arcos de Frades, lugar de dita parroquia.Na provincia de Ourense

Arcos, parroquia do concello do Carballiño;

Arcos, lugar de dita parroquia;

Arcos, lugar da parroquia de Rocas do concello de Esgos;

Arcos, lugar da parroquia de Piñeira de Arcos do concello de Sandiás;

Arcos, parroquia do concello de Vilamartín de Valdeorras;

Os Arcos, lugar da parroquia de Abruciños no concello de Amoeiro;

Piñeira de Arcos, parroquia do concello de Sandiás;

Piñeira de Arcos, lugar de dita parroquia;

Seoane de Arcos, parroquia do concello do Carballiño.Na provincia de Pontevedra

Arcos da Condesa, parroquia do concello de Caldas de Reis;

Arcos, parroquia do concello de Cuntis;

Arcos, lugar de dita parroquia;

Arcos, lugar da parroquia da Lama do concello da Lama;

Arcos, lugar da parroquia de San Tomé de Nogueira, do concello de Meis;

Arcos, parroquia do concello de Ponteareas;

Arcos, lugar da parroquia de Graba do concello de Silleda;

Arcos, lugar da parroquia de Randufe do concello de Tui;

Os Arcos, lugar da parroquia de Vincios no concello de Gondomar.En PortugalArcos de Valdevez, concello do distrito de Viana do Castelo.

Camilo de Dios Fernández

Camilo de Dios Fernández, nado en Sandiás en 1933, é un antigo guerrilleiro antifranquista, sindicalista e político galego.

Cardeita, Sandiás, Sandiás

Cardeita é un núcleo de poboación da parroquia de Sandiás, pertencente ó concello de Sandiás. Segundo o IGE en 2010 tiña 83 habitantes (38 homes e 45 mulleres), o que supón unha diminución respecto do ano 1999 cando tiña 112 habitantes.

Cóntase que os veciños de Cardeita foron quen de atopar nas terras asolagadas da lagoa de Antela unha trabe, un pote vello, un pozo con escaleiras e non sei si outras cousas procedentes da cidade de Antioquía á que Deus castigou por non socorrerlle cando veu a Galicia.

Coedo, Allariz

Santiago de Coedo é unha parroquia situada no sur do concello de Allariz. Limita coa parroquia allaricense de Torneiros e cos concellos de Sandiás e Vilar de Santos.

Comarca da Limia

A comarca da Limia é unha comarca galega situada na provincia de Ourense e a súa capital é Xinzo de Limia. A cal pertencen os concellos de Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Barrio, Vilar de Santos e Xinzo de Limia.

A Limia é unha das comarcas naturais máis nítidas de Galicia. Está situada no centro da provincia de Ourense ocupando en gran parte unha ampla depresión tectónica de fondo plano, na cal estivo a lagoa de Antela, desecada a partir do ano 1958. Ten unha altitude media duns 600 metros, cunha topografía de chaira rodeada polo sur pola serra do Larouco.

Os concellos que se inscriben nesta depresión son: Xinzo de Limia, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Vilar de Santos, Trasmiras e un pequeno sector de Os Blancos, xa fóra da depresión, o mesmo cós concellos de Calvos de Randín e Baltar, xa na serra do Larouco. No nordeste, o concello de Vilar de Barrio, xa comeza a situarse na depresión de Maceda, así como nas serras centrais ourensás.

A comarca ocupa unha extensión de 801,9 km² e tiña unha poboación de 21.964 habitantes no 2014 (IGE), cunha densidade de poboación de 27.39 habitantes por quilómetro cadrado. Arredor do 40% desta poboación concéntrase no concello de Xinzo de Limia. Esta comarca está a experimentar un forte proceso de despoboamento, sobre todo nos concellos situados nas zonas montañosas como o de Baltar e o de Calvos de Randín.

O cultivo de cereais e a pataca, produto con denominación de orixe, predominan na maior parte das terras de labradío. A maior superficie dedicada ó cultivo da pataca por produtores a título principal dáse, con moita diferenza, nos concellos de Xinzo de Limia e no de Sandiás.

A Limia é a comarca agrícola extensiva máis importante de Galicia, con 350 familias vivindo exclusivamente da agricultura e outras 500 dedicadas a ela como unha segunda actividade. No relativo ós cultivos, colléitanse unhas 16.000 Has de cereais, cun 55% de trigo; seméntanse unhas 4000 Has de pataca, a maior parte para consumo en fresco, sostendo a única indicación de pataca protexida de Europa. Estes cultivos manteñen un sector de servizos directos (fertilizantes, sementes, fitosanitarios, cereais, talleres) moi desenvolto.

Nos diferentes concellos atopámonos cun maior ou menor aproveitamento gandeiro, avícola e cunícola, destacando os complexos da cooperativa Coren nos concellos de Sarreaus e Porqueira. Esta comarca conta con 350 explotacións de bovino, 319 de ovino-caprino, 91 de aves, 71 de porcino e 9 de coellos. Esta capacidade produtiva dá lugar a un sector de transformación e comercialización agrogandeira que xera máis de 150 empregos directos.

A actividade industrial máis destacada está relacionada co sector da construción, (serradoiros de madeira, canteiras, areeiras etc.).

A vila de Xinzo de Limia actúa como centro comercial de toda a comarca, concentrando asemade a maioría das actividades industriais e de servizos.

Couso de Limia, Sandiás

Santa María de Couso de Limia é unha das tres parroquias que forman o concello de Sandiás, situado na comarca da Limia, provincia de Ourense. En 2011, segundo o IGE, tiña 468 habitantes (216 homes e 252 mulleres).

Eleccións municipais en Sandiás

Corporacións democráticas en Sandiás desde a aprobación da Constitución de 1978.

1979 Alcaldesa: Concepción Méndez Gándara — UCD

1983 Alcaldesa: Concepción Méndez Gándara — CG

1987 Alcaldesa: Concepción Méndez Gándara — AP

1991 Alcaldesa: Concepción Méndez Gándara — Centristas de Galicia

1995 Alcaldesa: Concepción Méndez Gándara — PPdeG

1999 Alcaldesa: Concepción Méndez Gándara — PPdeG

2003 Alcaldesa: Concepción Méndez Gándara — PPdeGModelo:Sandiás 2003

2007 Alcaldesa: Concepción Méndez Gándara — PPdeGModelo:Sandiás 2007

2011 Alcaldesa: Concepción Méndez Gándara — PPdeG

2015 Alcalde: Felipe Traveso García — AGRELSANCandidatos: Felipe Traveso García (Agrupación Electores Sandiás), María de la Concepción Méndez Gándara (PP) e Juan Manuel Quintás Lorenzo (PSdeG-PSOE).

Itinerario de Antonino

O denominado Itinerario Antonino ou Itinerario de Antonino é unha recompilación de rutas do Imperio Romano. Deste itinerario soamente se conserva a copia procedente da época do emperador Diocleciano (século IV), mais suponse que foi redactado en torno ó século III.

En cada ruta identificábanse mansións (paradas de postas) coas súas correspondentes millas (sinaladas por un ou varios miliarios). Nun principio pensouse que era unha especie de guía de viaxes, mais polas súas características, semella ser feito co fin de facilitar a localización das mansións con fins recadatorios.

Lagoa de Antela

A lagoa de Antela era unha lagoa, desecada nos anos 1950, que estaba situada na comarca da Limia, no centro da provincia de Ourense. Abranguía terreos situados nos concellos de Sandiás, Sarreaus, Vilar de Barrio, Xinzo de Limia e Xunqueira de Ambía.

OU-320

A OU-320 é unha estrada pertencente á rede primaria básica da Xunta de Galicia. Forma parte do antigo camiño de ferradura entre Ourense e Castela, posteriormente estrada Villacastín-Vigo e N-525. Comeza en Piñeira de Arcos (Sandiás) e remata na Ponte Noalla (Noalla, San Cibrao das Viñas). Ten unha distancia de 24,8 km.

Piñeira de Arcos, Sandiás

San Xoán de Piñeira de Arcos é unha das tres parroquias que forman parte do concello de Sandiás, situado na comarca da Limia, provincia de Ourense. Segundo o IGE en 2011 tiña 435 habitantes (205 homes e 230 mulleres).

Sandiás, Sandiás

Santo Estevo de Sandiás é unha parroquia do concello ourensán de Sandiás, situado na comarca da Limia. En 2011, segundo o IGE, tiña 488 habitantes (215 homes e 273 mulleres).

Nesta parroquia sitúase a capitalidade municipal onde se concentran os servizos administrativos (Concello, Xulgado de Paz), dotacionais (biblioteca municipal, colexio, Punto de Atención Infantil) e asistenciais (Centro de Saúde, farmacia). Conta tamén cun albergue de peregrinos dotado de 24 prazas.

Sandiás, Vilaúxe, Chantada

Sandiás é un lugar na parroquia de Vilaúxe, do concello de Chantada, na comarca de Chantada, pertencente a provincia de Lugo. Segundo o INE e o IGE en 2011 tiña dez habitantes (seis homes e catro mulleres).

En Sandiás naceu o escritor e avogado Anxo Boán.

Serxio Pazos

Luís Serxio Pazos Huete, coñecido simplemente por Serxio Pazos, nado en Sandiás o 4 de abril de 1965, é un actor, presentador e reporteiro galego.

Torneiros, Allariz

San Miguel de Torneiros é unha parroquia situada no sueste do concello de Allariz. Limita coas parroquias allaricenses de Allariz (Santiago), Allariz (Santo Estevo), Coedo e Seoane, e cos concellos de Sandiás, Vilar de Santos e Rairiz de Veiga.

Zadagós, Piñeira de Arcos, Sandiás

Zadagós é un lugar da parroquia de Piñeira de Arcos pertencente ó concello de Sandiás. Segundo o IGE en 2010 tiña 63 habitantes (33 homes e 30 mulleres), o que supón unha diminución respecto do ano 1999 cando tiña 74 habitantes.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.