San Vicente e as Granadinas

San Vicente e as Granadinas[3] (en inglés: Saint Vincent and the Grenadines) é un país do Caribe, constituído pola illa de San Vicente e pola metade norte da cadea das Granadinas. Ten fronteiras marítimas con Santa Lucía ao nordeste e con Granada ao suroeste, e é un dos países máis próximos de Barbados. A súa capital é Kingstown.

Coordenadas: 13°15′N 61°12′O / 13.250, -61.200

San Vicente e as Granadinas
Saint Vincent and the Grenadines
Bandeira de San Vicente e as Granadinas
Escudo de San Vicente e as Granadinas
BandeiraEscudo
VCT orthographic
Lema: Pax et justitia
(latín: «Paz e xustiza»)
Himno: [["Saint Vincent, Land So beautiful"
]]
Capital
 • Poboación
Kingstown
17 600 (2003)
Cidade máis poboadaKingstown
Linguas oficiaisInglés
Forma de gobernoMonarquía constitucional
Raíña
Gobernador xeral
Primeiro ministro
Isabel II
Frederick Ballantyne
Ralph Gonsalves
Independencia do Reino Unido27 de outubre de 1979
SuperficiePosto 184º
 • Total389 km²
Fronteiras0 km
Costas84 km
PoboaciónPosto 196º
 • Total (2016)109 643 hab.
 • Densidade307 hab./km²
PIB (nominal)
 • Total (2016)$784 millóns US$[1]
 • per cápita$7 123[1]
 • Total (2016)$1,243 millóns US$[1]
 • per cápita11 291 US$[1]
MoedaDólar Caribe-Leste (EC$, XCD)
IDH (2017)0,723[2] (99º) – alto
XentilicioSanvicentino, sanvicentina
Fuso horarioUTC -4
 • Horario de veránNon aplica
Dominio de Internet.vc
Prefixo telefónico+1-784
Prefixo radiofónicoJ8A-J8Z
Código ISO670 / VCT / VC
Membro de: Commonwealth, CARICOM, ONU, OECS, OEA, AEC

Historia

A illa coñecida hoxe como San Vicente era chamada orixinalmente Youloumain[4] polos habitantes caribes, que se chamaban a si mesmos kalina/carina ("l" e "r" eran pronunciados do mesmo xeito na lingua). Os caribes evitaron, mesmo pola forza, a colonización europea en San Vicente ata o 1719. Os africanos escravizados, (tanto náufragos coma fuxitivos de Barbados, Santa Lucía e Granada) buscaron refuxio en San Vicente, ou Hairouna nome que lle deran os caribes, e mesturáronse cos caribes, converténdose en caribes negros ou garifuna.

A partir de 1719 establecéronse colonos franceses, que cultivaron café, tabaco, índigo, algodón e azucre en plantacións traballadas por africanos escravizados. En 1763, San Vicente foi cedido a Gran Bretaña. Restaurado o goberno dos franceses en 1779, San Vicente foi recuperado polos británicos baixo o Tratado de París (1783) no cal Gran Bretaña recoñeceu oficialmente o final da Revolución estadounidense. Tratados complementarios foron tamén asinados con Francia e España, coñecidos como os Tratados de Versalles de 1783, parte dos cales volveron pór a San Vicente baixo control británico.

O conflito entre os británicos e os caribes negros, liderados polo desafiante Xefe Supremo Joseph Chatoyer, continuaron ata 1796, cando o xeneral Sir Ralph Abercromby esmagou un revolta fomentada polo radical francés Victor Hugues. Máis de 5.000 Caribes Negros foron finalmente deportados a Roatán, unha illa fronte á costa de Honduras.

A escravitude foi abolida en 1834. Despois do período de aprendizaxe, que acabou prematuramente en 1838, a escaseza de traballo nas plantacións resultou na inmigración de criados contratados. Os portugueses viñeron de Madeira a partir dos anos 1840 e gran cantidade de traballadores indios do leste chegaron entre 1861-1880. As condicións continuaron sendo duras tanto para os antigos escravos como para os traballadores inmigrantes na agricultura, xa que os baixos prezos mundiais do azucre mantiveron a economía estancada ata o cambio de século.

Desde 1763 ata a independencia, San Vicente pasou a través de varias fases de situación colonial baixo os británicos. Unha asemblea representativa foi autorizada en 1776, o goberno de Colonia da Coroa instalado en 1877, un consello lexislativo creado en 1925 e un sufraxio adulto universal en 1951.

Durante este período, os británicos fixeron varios intentos sen éxito para afiliar San Vicente con outras illas de Barlovento a fin de gobernar a rexión a través dunha administración unificada. As propias colonias, desexosas de liberarse do goberno británico, fixeron un notable intento de unificación chamada Federación das Indias Occidentais, que desapareceu en 1962. O 27 de outubro de 1969 outorgóuselle a San Vicente a condición de estado asociado, dándolle o control completo sobre os seus asuntos internos. Despois dun referendo en 1979, baixo o goberno de Milton Cato, San Vicente e as Granadinas convertéronse na última das illas de Barlovento en conseguir a independencia no décimo aniversario da súa condición de estado asociado, o 27 de outubro de 1979.

Varios desastres naturais figuran na historia do país. En 1902, o volcán de A Soufrière entrou en erupción, matando a 2.000 persoas. Moitas terras de labranza foron danadas, e a economía deteriorada. En abril de 1979, A Soufrière volveu entrar en erupción. Aínda que ninguén morreu, miles de persoas tiveron que ser evacuadas, e houbo un amplo dano na agricultura. En 1980 e 1987, furacáns comprometeron as plantacións de banana e coco; en 1998 e 1999 tamén viron tempadas de furacáns moi activas, co Furacán Lenny en 1999 causando grandes danos na costa oeste da illa.

Política e goberno

San Vicente e as Granadinas é unha democracia parlamentaria dentro da Mancomunidade Británica de Nacións. A Raíña Isabel II é xefe de Estado e está representada na illa por un Gobernador Xeral, un cargo na súa maior parte con funcións cerimoniais. O control do goberno descansa no Primeiro Ministro e o Gabinete. Hai unha oposición parlamentaria feita pola minoría máis grande nas eleccións xerais, encabezada polo líder da oposición.

O país non ten forzas armadas formais, aínda que a Forza Policial Real de San Vicente e as Granadinas inclúe unha Unidade de Servizos Especiais.

San Vicente e as Granadinas son un membro pleno e participante da Comunidade do Caribe (CARICOM) e a Organización de Estados do Caribe Oriental (OECS).

Subdivisións

Artigo principal: Subdivisións de San Vicente e as Granadinas.
Saint Vincent parishes numbered
Mapa político da illa de San Vicente

Administrativamente, San Vicente e as Granadinas divídese en seis parroquias, con cinco en San Vicente, e as Granadinas xuntas constituíndo a sexta.

  1. Carlota (Parish of Charlotte)
  2. San Andrés (Parish of Saint Andrew)
  3. San David (Parish of Saint David)
  4. San Jorge (Parish of Saint George)
  5. San Patricio (Parish of Saint Patrick)
  6. Granadinas (Parish of the Grenadines)

Xeografía

Saint Vincent and the Grenadines-CIA WFB Map
Mapa de San Vicente e as Granadinas.

San Vicente e as Granadinas atópase entre Santa Lucía e Granada nas Illas de Barlovento das Antillas Menores, un arco insular do Mar Caribe. As illas de San Vicente e as Granadinas inclúen a illa principal de San Vicente (344 km²) e as dúas terceiras partes das Granadinas do norte (45 km²), unha cadea de pequenas illas estirándose cara ao sur desde San Vicente ata Granada.

Economía

Artigo principal: Economía de San Vicente e as Granadinas.

A economía sanvicentina é moi modesta, e a súa principal fonte de ingresos é a exportación de plátanos e algúns produtos agrícolas. Aínda que o turismo veu crecendo nos últimos anos o goberno non puido diversificar a súa fonte de divisas. Segundo cifras do ano 2003 a poboación das illas ascende a 116 812 persoas das cales o 66% son de raza negra e o 75% practican o cristianismo protestante. Unha gran parte dos produtos que consomen ten que ser importada dos seus socios comerciais. A súa moeda é o dólar do Caribe Oriental

Turismo

O sector do turismo ten un potencial considerable para o desenvolvemento. A rodaxe dos filmes da franquía Pirates of the Caribbean nas illas axudou a potenciar a imaxe internacional de visitantes e investidores. O crecemento recente foi estimulado pola forte actividade do sector da construción e a mellora do turismo.[5]

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "St. Vincent and the Grenadines". International Monetary Fund. 2016. Consultado o 1 de abril de 2016.
  2. "- Human Development Reports". hdr.undp.org.
  3. "Listaxe de países participantes en Rio2016, ordenados por continente" (PDF). Portal das Palabras. Consultado o 16 de agosto de 2016.
  4. Frere. Adrien Le Breton SJ. (1662–1736). Historic Account of Saint Vincent, the Indian Youroumayn, the island of the Karaÿbes. París: Museum of Natural History, Fonds Jussieu.
  5. Culzac-Wilson, Lystra (outubro de 2003). "Report to the Regional Consultation on SIDS Specific Issues" (PDF). United Nations Environment Program. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 11 de xaneiro de 2012. Consultado o 16 de decembro de 2011.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Bobrow, Jill & Jinkins, Dana. 1985. St. Vincent and the Grenadines. 4th Edition Revised and Updated, Concepts Publishing Co., Waitsfield, Vermont, 1993.
  • Cosover, Mary Jo. 1989. "St. Vincent and the Grenadines." In Islands of the Commonwealth Caribbean: A Regional Study, edited by Sandra W. Meditz and Dennis M. Hanratty. US Government Printing Office, Washington, D.C.
  • CIA Factbook entry
  • Gonsalves, Ralph E. 1994. History and the Future: A Caribbean Perspective. Quik-Print, Kingstown, St Vincent.
  • US Dept of State Profile
  • Williams, Eric. 1964. British Historians and the West Indies, Port-of-Spain.

Ligazóns externas

.vc

.vc é o Dominio de Nivel Superior xeográfico (ccTLD) para San Vicente e as Granadinas.

Adonal Foyle

Adonal David Foyle, nado o 9 de marzo de 1975 en Canouan, San Vicente, é un ex-xogador profesional de baloncesto de San Vicente e as Granadinas que xogou para os Golden State Warriors, Orlando Magic e Memphis Grizzlies da National Basketball Association (NBA). Cunha altura de 2,08 metros xogaba na posición de pivote.

Antillas Menores

As Antillas Menores ou Pequenas Antillas é o grupo de illas no Mar Caribe formado polas Antillas de menor tamaño, que forman un arco insular ao sueste das Antillas Maiores ou Grandes Antillas, que vai desde o leste de Porto Rico ata a costa occidental de Venezuela.

Está constituído polas illas de Trinidad, Tobago (ambas as dúas situadas sobre a plataforma continental de Sudamérica), Barbados e dous grupos de illas, coñecidos como:

Illas de BarloventoIntegrado por Granada, San Vicente e as Granadinas, Santa Lucía, Martinica, Dominica, Marie-Galante, La Désirade, Les Saintes, Guadalupe, Montserrat, Barbuda, Antiga, Saint Kitts e Nevis, San Eustaquio, Saba, San Martiño, Anguila, Redonda, e as illas Virxes.

Illas de SotaventoIntegrado polas illas de Aruba, Curaçao, Bonaire, Arquipélago de Las Aves, Arquipélago Os Roques, A Orchila, La Tortuga, Illa de San Pedro de Coche, Cubagua e Illa de Margarita, situadas fronte ás costas de Venezuela e sobre a plataforma continental suramericana.

Baliceaux

Baliceaux é unha das illas Granadinas que se atopan entre as illas caribeñas de San Vicente e Granada. Politicamente, é parte da nación de San Vicente e as Granadinas.

Bandeira de San Vicente e as Granadinas

A bandeira de San Vicente e as Granadinas foi adoptada o 21 de outubro de 1985. É unha bandeira composta por tres franxas verticais de cor azul (a máis próxima ó mastro), amarela (a central) e verde (a exterior). A franxa amarela é de dobre anchura respecto ás outras dúas e contén, na súa parte central a letra V, formada con tres rombos ou diamantes verdes, dous situados nos extremos e o terceiro no centro.

Os rombos ou diamantes verdes forman a letra V, inicial de San Vicente que da nome ó país. A cor verde representa a vexetación exuberante de San Vicente e a permanente vitalidade da súa poboación. Esta cor tamén alude ó termo que define a San Vincente e as Granadinas como "as xemas das Antillas". A cor azul simboliza o ceo e o mar que rodea as illas. O amarelo representa a cordialidade, o espírito alegre dos seus habitantes e as douradas praias das Granadinas.

A bandeira de San Vicente e as Granadinas tamén é coñecida polo nome de “as xemas”.

Bequia

A Illa Bequia, é a segunda máis grande do Arquipélago caribeño das Granadinas, cunha superficie estimada en 18 km². Pertence politicamente a San Vicente e as Granadinas, está aproximadamente a 15 km da capital da nación, Kingstown, na illa principal, San Vicente.

Canouan

Canouan é unha das illas Granadinas pertencente a San Vicente e as Granadinas. É un pequena e árida illa que mide 3,5 por 1,25 millas.

Dólar do Caribe Oriental

O dólar do Caribe Oriental (en inglés, East Caribbean Dollar) é a moeda oficial en 6 estados independentes pertencentes á Organización dos Estados do Caribe Oriental (Antiga e Barbuda, Dominica, Granada, Saint Kitts e Nevis, Santa Lucía e San Vicente e as Granadinas) e dous territorios do Reino Unido (Anguila e illa Montserrat) que se encontran localizados no mar Caribe.

O código ISO 4217 para o dólar do Caribe Oriental é XCD e comunmente é representado como EC$. Subdivídese en 100 cents ou céntimos. Hai en circulación moedas de 1, 2, 5, 10 e 25 cents e 1 dólar, e billetes de 5, 10, 20, 50 e 100 dólares.

Granada, Caribe

Granada (en inglés Grenada) é un país insular no mar Caribe que inclúe ás Granadinas do sur. É o segundo país independente máis pequeno do hemisferio occidental (logo de Saint Kitts e Nevis). Atópase na zona sueste do mar Caribe, ao norte de Trinidad e Tobago, ao Nordeste de Venezuela e ao sur de San Vicente e as Granadinas.

Illa Unión

A illa Unión é a máis meridional da illas Granadinas, pertencentes a San Vicente e as Granadinas. Está situada a 90 quilómetros ao suroeste de Barbados e as illas de Carriacou, a parte continental de Granada pódese ver cara ao sur.

Clifton e Ashton son as dúas cidades principais. A illa é o fogar de aproximadamente 3.000 habitantes.. O idioma oficial é o inglés, pero tamén se fala por parte dalgúns comerciantes de Clifton francés e alemán.

A illa ten un aeroporto internacional que realiza voos nacionais a San Vicente e as Granadinas e os voos internacionais a Barbados, Carriacou, Granada e Martinica. As compañías aéreas que voan á illa da Unión non son membros da IATA e os seus itinerarios non serán visibles en todas as axencias de viaxes rexionais, só pódense realizar voos durante o día, xa que non existen luces na pista.

Illas de Barlovento, Pequenas Antillas

As Illas de Barlovento son un grupo de illas das Pequenas Antillas, integrado por Granada, Martinica, Santa Lucía, Barbados, San Vicente e as Granadinas, Trinidad e Tobago.

Isabel II do Reino Unido

Isabel II ou Elizabeth Alexandra Mary of Windsor, nada en Londres o 21 de abril de 1926, é unha monarca inglesa. É raíña do Reino Unido, de Antiga e Barbuda, Australia, Bahamas, Barbados, Belize, Canadá, Granada, Xamaica, Nova Zelandia, Papúa Nova Guinea, Saint Kitts e Nevis, Santa Lucía, San Vicente e as Granadinas, Illas Salomón e Tuvalu.

Tamén é a Cabeza da Commonwealth, Gobernadora Suprema da Igrexa de Inglaterra, Comandante en xefe das forzas armadas do Reino Unido e Señora da illa de Man.

Asumiu os seus títulos despois da morte do seu pai, o rei Xurxo VI o 6 de febreiro de 1952. É filla de Elizabeth Bowes-Lyon, irmá de Patrick, 15º conde de Strathmore.

Kingstown

Kingstown é a capital de San Vicente e as Granadinas, un pequeno Estado insular no Mar das Antillas. A súa poboación en 2005 era de 24.518 habitantes. Está situada na illa de San Vicente.

Parroquia civil

A parroquia é unha división administrativa ou censual que existe en numerosos países e que teñen a súa orixe nas parroquias eclesiásticas. As parroquias de Galicia están recoñecidas como entidades colectivas de poboación inferiores ao concello.

Dependendo do país (especialmente do seu tamaño) varía a relevancia administrativa:

Andorra: son as subdivisións principais do Estado, ver Andorra#Organización político-administrativa.

Antiga e Barbuda: son as subdivisións principais do Estado, ver Antiga e Barbuda#Organización político-administrativa.

Australia (parish): son divisións catastrais en Queensland, Nova Gales do Sur, Vitoria e Tasmania, ver divisións catastrais de Australia.

Barbados: son as subdivisións principais do Estado, ver Barbados#Organización político-administrativa.

Canadá (parish):

Novo Brunswick (parish): son divisións censuais, ver Parroquias de Novo Brunswick.

Quebec (municipalité de paroisse): son concellos rurais, ver Municipios Quebec#Rexións administrativas.

Dominica: son as subdivisións principais do Estado, ver Dominica#Organización político-administrativa.

España:

Asturias: unha forma tradicional de organización administrativa, relixiosa e agraria dos concellos, ver Asturias#Organización territorial.

Galicia: entidade local inferior ao concello, ver Parroquias de Galicia.

Ecuador: subdivisión dos concellos, ver Ecuador#Subdivisións.

Estonia (vallad): son os concellos rurais, ver Estonia#Divisións administrativas e Condados de Estonia

Estados Unidos (parish):

Luisiana: equivalente ao condado dos outros estados, ver Luisiana#Subdivisións

Irlanda (parish): son subdivisións dos condados que só se usan en contadas ocasións (como venda de terras), ver Irlanda#Divisións administrativas e Condados de Irlanda.

Granada: son as subdivisións principais do Estado, ver Granada, Caribe#Organización político-administrativa.

Portugal (freguesias): son subdivisións dos concellos, ver Freguesía.

Reino Unido

Escocia: son divisións censuais sen ningún tipo de entidade nin comunitaria nin política. Véxase tamén Escocia#Divisións administrativas e Subdivisións de Escocia.

Inglaterra (parish): son unidades de goberno local inferiores, ver Inglaterra#Subdivisións e Gobernos locais e Condados de Inglaterra.

Saint Kitts e Nevis: son as subdivisións principais do Estado, ver Saint Kitts e Nevis#Subdivisións.

San Vicente e as Granadinas: son as subdivisións principais do Estado, ver subdivisións de San Vicente e as Granadinas.

Suecia (socken): son as subdivisións dos concellos, ver Suecia#Subdivisións administrativas e Condados de Suecia.

Venezuela: subdivisións dos concellos, ver Venezuela#Entidades Federais de Venezuela.

Xamaica: son as subdivisións administrativas principais do Estado, ver Subdivisións de Xamaica.

Pequeno San Vicente

Pequeno San Vicente (Petit St. Vincent), coñecido localmente como PSV, é unha illa de San Vicente e as Granadinas situada a 60 km. ao sur de San Vicente na illas Granadinas. É a illa máis meridional de San Vicente e as Granadinas. Toda a illa funciona como un complexo de luxo, con 22 vilas de luxo dun e dous dormitorios, e forma parte da cadea mundial de Small Luxury Hotels desde xullo de 2013.

Primeiro ministro de San Vicente e as Granadinas

O primeiro ministro de San Vicente e as Granadinas é o xefe de goberno do país. Durante o dominio británico, a partir de 1956 xorde a figura do xefe de goberno (en inglés, chief minister) sendo o primeiro Ebenezer Joshua (1956 a maio de 1967) seguido por Milton Cato.

En 1969, o territorio gañou autonomía, e o título do xefe de goberno pasou a ser "primeiro ministro". De 1969 ata a independencia, foron:

Milton Cato - 27 de outubro de 1969 - abril de 1972

James Fitz-Allen Mitchell - abril de 1972 - 8 de decembro de 1974

Milton Cato - 8 de decembro de 1974 - 27 de outubro de 1979

San Vicente, San Vicente e as Granadinas

Saint Vincent ou San Vicente é unha illa volcánica no mar Caribe, o territorio máis extenso do país de San Vicente e as Granadinas. Está situada entre Santa Lucía e Granada. Está formada por montañas volcánicas parcialmente mergulladas. O seu volcán máis grande e o pico máis alto do país, A Soufrière, está activo, a última erupción foi en 1979.Durante o século XVIII a illa foi disputada entre Francia e Gran Bretaña, ata que foi cedida aos británicos en 1783. Acadou a súa independencia o 27 de outubro de 1979. A súa poboación é de aproximadamente 100.000 persoas. A capital é Kingstown, con 25.418 habitantes.

O resto da poboación se dispersa ao longo da franxa costeira e inclúe as outras cinco cidades principais Layou, Barrouallie, Chateaubelair, Georgetown e Calliaqua.

Santa Lucía, Caribe

Santa Lucía (Saint Lucia, en inglés) é un pequeno país situado ao norte de San Vicente e as Granadinas e ao sur da illa da Martinica, no Mar Caribe. É membro da Comunidade do Caribe, da Organización de Estados Americanos e da Mancomunidade Británica de Nacións.

Subdivisións de San Vicente e as Granadinas

San Vicente e as Granadinas divídese politicamente en seis parroquias (ou freguesías), entidades de división de primeiro nivel con respectivas capitais:

Charlotte (Georgetown)

Saint Andrew (Layou)

Saint David (Chateaubelair)

Saint George (Kingstown)

Saint Patrick (Barrouallie)

Grenadines (Port Elizabeth)Todas as parroquias, excepto Grenadines, localízanse na illa de San Vicente. Grenadines ocupa parte das Granadinas.

Países
Territorios dependentes
Países
Territorios dependentes

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.