San Marino

San Marino[1], oficialmente Serenísima República de San Marino, (en italiano: Serenissima Repubblica di San Marino) é unha república situada nos Apeninos, encravada no interior de Italia, e sen saída ao mar. Cun tamaño de tan só 61,4 km² é un dos países máis pequenos do mundo, só superando en Europa á Cidade do Vaticano e a Mónaco. Ademais con preto de 30.000 habitantes é o estado menos poboado dos membros de Consello de Europa. Con todo, non pertence á Unión Europea.

A República de San Marino é a república soberana constitucional máis antiga do mundo aínda existente, sendo fundada, segundo a tradición, o 3 de setembro de 301 por un canteiro chamado Mariño, o cal deu nome ao país. A lenda di que Mariño fuxiu dende a costa dálmata, naquel entón colonia romana, no ano 257 cando o futuro emperador Diocleciano emitiu un decreto chamando á reconstrución das murallas de Rimini destruídas por piratas libúrnios, refuxiándose no Monte Titano. A súa capital é a cidade de San Marino.

A Constitución de San Marino, promulgada no ano 1600, é a máis vella do mundo aínda en exercicio.[2] Estabelece unha forma parlamentar de goberno, o cal está composto polo parlamento, chamado Consello Grande e Xeral, presidido por dous Capitáns Rexentes, que son Xefes de Estado por un prazo de seis meses e polo Congreso de Estado, formado de dez conselleiros escollidos entre os membros do Consello Grande e Xeral.

Coordenadas: 43°56′30″N 12°27′30″L / 43.94167, -12.45833

Serenísima República de San Marino
Serenissima Repubblica di San Marino
Bandeira de San Marino
Escudo de San Marino
BandeiraEscudo
Location San Marino Europe
Lema: Libertas
(Latín: Liberdade)
Himno: Inno Nazionale della Repubblica
Capital
 Poboación
San Marino
4 214 (2012)
Cidade máis poboadaSerravalle
Linguas oficiaisItaliano1
Forma de gobernoRepública parlamentaria
Nicola Selva
Michele Muratori
Independencia do Imperio Romano3 de setembro de 301
SuperficiePosto 220º
 • Total61,2 km²
 • % auga0
Fronteiras39 km
Costas0 km
PoboaciónPosto 209º
 • Total (2012 est.)32 471 hab.
 • Densidade533 hab./km²
PIB (nominal)Posto 167º
 • Total (2008)1 048 millóns US$
 • per cápita41 570 US$
PIB (PPA)Posto 172º
 • Total (2008)1 662 millóns US$
 • per cápita41 900 US$
MoedaEuro2 (€, EUR)
IDHn/d
XentilicioSanmarinés/sanmarinesa
Fuso horarioCET (UTC+1)
 • Horario de veránCEST (UTC+2)
Dominio de Internet.sm
Prefixo telefónico+3783
Prefixo radiofónicoT7A-T7Z
Código ISO674 / SMR / SM
1 Está tamén amplamente difundida a lingua emiliano-romañola ou sanmarinés.
2 Antes de 2002 a lira sanmarinesa.
3 0549 dende Italia.

Historia

San Marino La Cesta o Fratta
Castelo da Cesta, unha das "Tres Torres" de San Marino.

San Marino considerase a república máis antiga que aínda sobrevive ao fundarse, segundo a tradición, o 3 de setembro do ano 301 polo construtor Mariño o Dalmata, un canteiro cristián que fuxiu das costas croatas debido á persecución dos cristiáns levada a cabo polo emperador romano Diocleciano, agochándose finalmente no cumio do Monte Titano, o máis alto do sete que posúe San Marino, e fundando unha pequena comunidade cristiá. A propietaria do terreo era dunha muller de Rimini, que ao final lles deixou en herdanza o territorio, logrando manter a súa independencia ao longo dos anos, pese as disputas polas familias dos Rimini e Montefeltro.

Aínda que está demostrado que o lugar estibo habitado dende tempos prehistóricos, non foi até finais do século IX cando aparece a primeira constancia da existencia dun estado soberana na zona que, en memoria do canteiro, foi chamada "Terra de San Marino", non sendo até tempo despois que se lle deu o nome de "república". O Goberno estaba composto por unha asemblea chamada Arengo, composta por todos os cabezas de familia, estabelecéndose finalmente en 1243 a figura dos Capitáns Rexentes (Capitani Reggenti) para actuar como xefes de estado. As primeiras leis datan de 1263, e o Vaticano, nese tempo ao mando do papa Nicolao IV, recoñeceu a súa independencia no ano 1291.

O territorio da república consistía unicamente no Monte Titano até 1463, cando entrou na alianza contra Sexismundo Pandolfo Malatesta, Señor de Rimini, que sería derrotado. Debido a iso o Papa Pío II cedeu a San Marino as cidades de Fiorentino, Montegiardino, e Serravalle, e ese mesmo ano a cidade de Faetano uniuse á república pola súa propia vontade. Desde entón, a superficie da república permaneceu invariable.

No 1503 producise a primeira das tres ocupacións militares do territorio sanmarinés, neste caso levada a cabo por César Borgia, que invadiu a república até pouco antes da súa morte uns meses despois. Case un século despois foi redactada unha Constitución, concretamente o 8 de outubro de 1600, documento que aínda segue vixente, sendo o máis antigo do mundo en facelo actualmente. En 1739, o Cardeal Alberoni volveu invadir o pequeno Estado pero a desobediencia civil e as protestas ante o Papa Clemente XII para obter xustiza deron resultado. O estado foi recoñecido por Napoleón en 1797 e no Congreso de Viena en 1815. Debido á unificación da Península Itálica, a independencia de San Marino tivo que selarse cun tratado en 1862 co emerxente Reino de Italia, que foi revisado e corroborado en 1939 e 1971.

Xa no século XX, unha revolución pacífica restaurou en 1906 o sistema electivo do Consello Grande e Xeral (órgano supremo do Estado), que se convertera durante os século nun clan pechado. Durante a Primeira e Segunda Guerras Mundiais seguiu os destinos do seu veciño transalpino, sendo ocupada (por terceira e última vez) en 1943 por orde de Hitler, recuperada logo polos aliados volveu ser tomada de novo polos alemáns, sendo finalmente liberada en 1945. Restaurada a democracia, unha coalición de socialistas e comunistas gobernou até 1957, en que foron desprazados polos democristiáns, quen desde 1973 constituíron cos socialistas un goberno de coalición. De aí viría un tempo de gobernos de curta duración até 1978, cando os comunistas recuperaron o poder, aínda que debido a un escándalo financeiro perderon o poder, acadándoo de novo, cunha alianza cos democristiáns, en 1993 e 1998.

San Marino ingresou no Consello de Europa como membro de pleno dereito en 1988, presidindo a organización na primeira metade do ano 1990. Ademais converteuse en membro de Nacións Unidas en 1992, e adoptou o euro en 2002 como moeda nacional, a pesar de non pertencer á Unión Europea. É así a única cidade-estado itálica que aínda sobrevive, sendo xunto co Vaticano o único país europeo completamente rodeado por outro. A pesar de ser un país soberano, depende en gran medida de Italia, pola que está completamente rodeada dende a unificación do país no século XIX. Con todo, co fin de diminuír a súa dependencia da República Italiana, veu conformando unha serie de acordos con Suíza nos campos político, económico e social. Esta alianza abriu o camiño a un novo tipo de relacións diplomáticas, pioneiras no século XXI, pero que lembran, vagamente, ás relacións internacionais de época medieval.

Xeografía

San Marino é un enclave de Italia, na fronteira entre as rexións de Emilia-Romaña e Marche. A súa topografía está dominada polos Apeninos, tendo un terreo accidentado, sendo o 17% do mesmo arable. O punto máis alto do país é o Monte Titano[3], situado a 749 metros de altitude sobre o nivel do mar. Non hai ningún corpo de auga cun tamaño significativo, aínda que algúns ríos atravesan o país, sendo os máis importantes o Ausa, o Marano e o San Marino. Segundo WWF, o territorio de San Marino pertence á ecorrexión denominada bosque esclerófilo e semicaducifolio de Italia.

O clima é mediterráneo con influencias continentais, con veráns cálidos e invernos fríos. O Centro Nacional de Meteoroloxía e Climatoloxía de San Marino proporciona prognósticos locais.[4] Cun tamaño de 61,2 km² e 39 km de fronteiras, todas con Italia, San Marino é o terceiro Estado máis pequeno de Europa, só superando á Cidade do Vaticano e Mónaco, sendo até a independencia de Nauru en 1968, o estado republicano máis pequeno do mundo.

Política e goberno

Véxase tamén: Consello Grande e Xeral e Capitán Rexente de San Marino.
Captains Regent Tomassoni, Rossi, Mancini and Selva
Antigos Capitáns Rexentes Mirko Tomassoni, Alessandro Rossi, Alessandro Mancini e Alberto Selva.
San Marino statua della libertà
Palazzo Pubblico da Cidade de San Marino coa estatua da liberdade.

A política de San Marino lévase a cabo no marco dunha república parlamentaria demócrata representativa, na que os dous Capitáns Rexentes son os Xefes de Estado e dun sistema pluripartidista. O poder Executivo é exercido polo goberno, o lexislativo polo no goberno e o Consello Grande e Xeral, sendo o xudicial independente dos dous anteriores. San Marino orixinalmente foi dirixida polo Arengo, formado inicialmente cos xefes de cada familia, non sendo até o século XIII cando se creou un organismo de goberno chamado Consello Grande e Xeral, sendo nomeados en 1243 os dous primeiros Capitáns Rexentes nomeados polo propio Consello. Este método de designación segue aínda vixente en hoxe en día.

O órgano lexislador da República é o Consello Grande e Xeral (en italiano: Consiglio Grande e Generale). O Consello é un órgano unicameral composto por sesenta membros, sendo elixidos os conselleiros cada cinco anos baixo un sistema de representación proporcional nos nove distritos administrativos. Estes distritos corresponden ás antigas parroquias da República, onde poden exercer o seu dereito ao voto tódolos cidadáns maiores de dezaoito anos. Ademais da lexislación xeral, o Consello Grande e Xeral aproba os orzamentos e elixe os Capitáns Rexentes, o Congreso de Estado (composto por dez secretarios con poder executivo), o Consello dos Doce (que exercen o poder xudicial durante o período de lexislatura do Consello), as Comisións de Asesoramento (que examinan, propoñen e debaten sobre a aplicación de novas leis) e as Unións de Goberno. O Consello tamén ten a facultade de ratificar os tratados con outros países.

Cada seis meses o Consello elixe dous Capitáns Rexentes para ser os xefes de Estado. Os Rexentes son elixidos polos partidos opositores de modo que hai un equilibrio de poder. A investidura dos Capitáns Rexentes lévase a cabo o 1 de abril e o 1 de outubro de cada ano. Unha vez que remata o prazo de rexencia os cidadáns teñen tres días para presentar queixas sobre as actividades dos Capitáns, e se así se xustificase, comezarían os procedementos xudiciais contra antigo Xefe ou Xefes de Estado. Esta práctica de ter múltiples cabezas de Estado, así como a repetición frecuente da elección dos mesmos, derívanse directamente dos costumes da República Romana, sendo o Consello é equivalente ao Senado romano e os Capitáns Rexentes ao cónsul.

Os dous principais partidos políticos son o Partido Demócrata Cristiá Sanmarinés (en italiano: Partito Democratico Cristiano Sammarinese, PDCS) e o Partido dos Socialistas e Demócratas (en italiano: Partito dei Socialisti e dei Democratici, PSD), resultante da fusión do Partido Socialista Sanmarinés (en italiano: Partito Socialista Sammarinese, PSS) e dos antigos comunistas Partido dos Demócratas (en italiano: Partito dei Democratici, PD). Ademais dos dous principais existen unha serie de partidos máis pequenos, como a Refundación Comunista Sanmariñenese (en italiano: Rifondazione Comunista Sammarinese, RCS). Debido ao pequeno tamaño de San Marino e a súa baixa poboación, é difícil para calquera partido acadar unha maioría absoluta, así que o goberno adoita estar formado por coalicións. O 1 de outubro de 2007 Mirko Tomassoni foi elixido como Capitán Rexente, sendo primeira persoa con discapacidade elixida para o posto.[5]

Subdivisións administrativas

San Marino está dividido en nove concellos, coñecidas localmente como Castelli (do italiano: castelos), que tamén teñen a consideración de cidades.

San Marino
Mapa dos concellos da República de San Marino.
Bandeira Escudo Nome Poboación Área (km²) Densidade
Bandeira de Acquaviva
Escudo de Acquaviva
Acquaviva 2.096 4,86 431,28
Bandeira de Borgo Maggiore
Escudo de Borgo Maggiore
Borgo Maggiore 6.609 9,01 733,52
Bandeira de Chiesanuova
Escudo de Chiesanuova
Chiesanuova 1.087 5,46 199,08
Bandeira de Domagnano
Escudo de Domagnano
Domagnano 3.256 6,62 491,84
Bandeira de Faetano
Escudo de Faetano
Faetano 1.180 7,75 152,26
Bandeira de Fiorentino
Escudo de Fiorentino
Fiorentino 2.548 6,57 387,82
Bandeira de Montegiardino
Escudo de Montegiardino
Montegiardino 910 3,31 274,92
Bandeira de San Marino
Escudo de San Mariño
San Marino 4.214 7,09 594,36
Bandeira de Serravalle
Escudo de Serravalle
Serravalle 10.571 10,53 1003,89

Economía

Artigo principal: Economía de San Marino.
Véxase tamén: Lira sanmarinesa.

A pesar de non ser moi industrializado, San Marino ten unha das maiores rendas per cápita de Europa. O turismo representa máis do 50 % do PIB, máis de tres millóns de visitantes en 1997, debido en gran medida á súa proximidade con Rimini e ao mar Adriático. Tamén son importantes a banca, a electrónica e a cerámica. Os produtos agrícolas son o viño e os cereais, ademais do queixo e o cría de ovinos nos campos. Un número considerable de habitantes do país traballa na cidade italiana de Rimini polo que, para facilitar o desprazamento dos seus habitantes, existe unha liña de ómnibus internacional que liga a cidade de San Marino á italiana. Con todo, como o país está constituído principalmente sobre o Monte Titano, non é posible para o autobús chegar ao cumio, por iso existe un sistema de teleférico que transporta seus habitantes até as partes máis altas con intervalos de 15 minutos entre unha viaxe e outra.

Aínda que a república non é un membro oficial da Eurozona, permíteselle usa-lo Euro coma moeda nacional en virtude de acordos có Consello da Unión Europea, podendo estampar o seu propio deseño nacional na cara correspondente. Antes do euro a moeda era a lira sanmarinesa, que era intercambiable coa italiana. Tanto a lira como o euro do país, ao ser producidas en pequeno número, están moi cotizadas no mercado dos coleccionistas. Os selos postais, só válidos para a república, son maioritariamente vendidos para a filatelia, representando un importante capítulo dos ingresos. Dende 1997 o nivel de vida do país veu incrementándose por riba do italiano debido a un incipiente crecemento económico no sector financeiro do país.

Fiscalidade

San Marino panorama
San Marino.

A taxa de imposto sobre as ganancias corporativas en San Marino é do 19 %. As ganancias de capital están suxeitas a un imposto do cinco por cento e os xuros están suxeitos a un 13 por cento de imposto de retención. En 1972, foi introducido en Italia o Imposto ao Valor Engadido (IVE), sendo aplicado tamén en San Marino en conformidade co tratado de amizade de 1939. Ademais tamén se estabeleceu un imposto sobre os bens importados, con todo, non foron e non son aplicados aos produtos nacionais. Até 1996 os produtos fabricados e vendidos en San Marino non estaban suxeitos aos impostos indirectos. No marco de acordo da Unión Aduaneira Europea, San Mariño segue a recadar impostos, o equivalente a un dereito de importación, das mercadorías importadas. Ademais, introduciuse un IVE xeral, en substitución do IVE italiano.

Demografía

Artigo principal: Demografía de San Marino.

A República de San Marino é un estado de só tan 61,5 km² de superficie, o que o converte no segundo estado máis pequeno de Europa. Posúe preto de 30.000 habitantes (29.973 estimados en 2008), tendo así unha densidade de poboación de 489 habitantes/km². O cultivo, a cría de ovellas, e o traballo da pedra nas canteiras forman a columna vertebral da economía de San Marino. Non ten os recursos minerais, e hoxe en día a maioría das terras están aradas ou cubertas por bosques.

A poboación, composta basicamente por sanmarineses nativos e italianos, segue unha tendencia de crecemento: no primeiro censo de 1864 a poboación era de 7.080, no segundo (1874) de 7.464, no terceiro (1899) de 9.359, no cuarto (1947) de 12.100 e no quinto (1976), de 12.284. Os sanmarineses que residen no estranxeiro son preto de 17.000 mentres que os estranxeiros que residen en San Marino son 1.000, aproximadamente. A lingua oficial é o italiano, ademais está amplamente estendido o emiliano-romañolo, tamén coñecido coma sanmarinés. A relixión predominante é o catolicismo.

Cultura

Gastronomía

A cociña de San Marino é moi semellante á italiana, en especial á das rexións veciñas de Emilia-Romaña e Marche, mais conta tamén cunha serie de pratos propios e produtos únicos. A principal especialidade sanmarinesa é, polo tanto, a pasta, entre as que destacan a lasagna, o spaghetti alla bolognese e os calzone. Con todo, o seu prato máis coñecido é probablemente a Torta Tre Monti (do italiano: Torta das Tres Montañas), que é unha torta de waffle bañada en chocolate que representa as Tres Torres de San Marino. Igualmente os xeados tamén son unha especialidade. O país conta ademais cunha pequena industria vinícola.

Deporte

Véxase tamén: Gran Premio de San Marino.
Ratzenberger
Roland Ratzenberger no día no que faleceu durante o Gran Premio de San Marino de 1994.

Até o ano 2006 existiu o Gran Premio de San Marino de Fórmula 1. Foi neste Gran Premio no que morreron o austríaco Roland Ratzenberger e o brasileiro Ayrton Senna, tras bater o seu Williams no muro da curva Tamburello), ambos en 1994, polo que ese gran premio acabou chamado como o "Fin de semana Negro". A pesar do nome, o Gran Premio celebrábese no Autódromo Enzo e Dino Ferrari de Imola, na rexión italiana da Emilia-Romaña, a uns 100 quilómetros ao noroeste do país. O mesmo ocorre co actual Gran Premio de MotoGP, aínda que este é realizado no Circuíto de Misano, nas marxes do Adriático.

San Marino tamén ten o seu propio Comité Olímpico afiliado ao COI e, a diferencia do que ocorre con outros microestados como o Principado de Mónaco e a Cidade do Vaticano, ten súa federación nacional de fútbol como membro da FIFA. Con todo, esta selección de fútbol, está considerada unha das peores do mundo, tendo inclusive recibido dez goles da selección de Bélxica durante as Eliminatorias do Mundial de Fútbol de 2002 e 13 de Alemaña durante a clasificación para a Eurocopa de 2008. O seu principal club é a Società Sportiva Murata, que fixo historia por ser o primeiro equipo samariñense en participar na Liga de Campións da UEFA.

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para sanmarinés.
  2. Guide to Law Online: San Marino
  3. "Live view". Arquivado dende o orixinal o 23 de agosto de 2011. Consultado o 13 de decembro de 2014.
  4. "Meteo San Marino - Centro Nacional de Meteoroloxía e Climatoloxía de San Mariño". Arquivado dende o orixinal o 29 de setembro de 2008. Consultado o 13 de decembro de 2014.
  5. San Marino, primo capo di Stato disabile "Via tutte le barriere architettoniche"

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns Externas

.sm

.sm é o Dominio de Nivel Superior xeográfico (ccTLD) para San Marino.

Autódromo Enzo e Dino Ferrari

O Autodromo Enzo e Dino Ferrari (44°20′N 11°42′L) é un autódromo de 4´9 km situado en Imola, Italia, a 40 quilómetros ao leste de Boloña e 80 quilómetros ao leste da fábrica Ferrari en Maranello. Para que ese país puidese ser anfitrión de dous Grandes Premios de Fórmula 1, determinouse que, como Imola queda preto de San Marino, esta carreira chamásese Gran Premio de San Marino.

O circuíto leva o nome de Ferrari, en lembranza do seu fundador Enzo e do seu fillo Dino, que morrera na década de 1950. Antes da morte de Enzo Ferrari en 1988 chamábase "Autodromo Dino Ferrari '. Cando a Fórmula 1 visita Imola, é visto como o "circuíto de casa" de Ferrari e das masas "tifosi" (seguidores de Ferrari) apoiando ó seu equipo. Imola, como e coloquialmente coñecido, é un dos circuítos que van en contra da dirección das agullas do reloxo (circuíto de Istambul e o Autódromo José Carlos Pace en Interlagos, Brasil son outros dos circuítos con esta característica). Construído na década de 1950, Imola foi popular entre os condutores debido a súa rapidez.

Neste circuíto atópase a Curva de Tamburello que é unha das máis coñecidas no mundo da Fórmula 1 pola súa estreiteza e pola rapidez en que debía ser tomada. É a primeira curva do circuíto. Na súa orixe, esta curva era unha das máis rápidas do circuíto, onde non se levantaba apenas o pedal do acelerador.

Ayrton Senna, o mítico piloto e tricampión do mundo e Roland Ratzenberger perderon a vida en sendos accidentes no Gran Premio de San Marino de 1994. Ratzenberger nos adestramentos do sábado na (curva Gilles Villeneuve) e Senna no curvón Tamburello na sétima volta de carreira o 1* de maio cando ocupaba a primeira posición e chocou debido a causas que ata hoxe en día non se aclararon.

Por causa destes accidentes, o circuíto foi modificado, engadindo unha chicane antes de Tamburello que retarda o paso pola curva, facéndoa máis segura pero quitándolle a dificultade que posuía. Por outra banda a curva Gilles Villeneuve pasou a ser unha chicane co fin de reducir a velocidade coa que se afrontaba.

Tamén o brasileiro Rubens Barrichello tivo un accidente que estivo a piques de custarlle a vida neste Gran Premio e que lle privou de disputar ese GP e o mantivo un tempo afastado das pistas.

Cabe destacar que o curvón Tamburello foi testemuña tamén doutros accidentes como o de Gerhard Berger no Gran Premio de San Marino de 1989 no cal, logo de estrelarse contra o muro, o seu Ferrari comezou a arder. Por fortuna Berger sobreviviu a tan brutal accidente, a pesar das graves queimaduras que sufriu.

Despois das reiteradas críticas polo obsoleto das súas infraestruturas, o circuíto e obxecto de vastos traballos de mellora que levan á desaparición do Gran premio de San Marino do calendario dos campionatos de 2007 e 2008.

Bandeira de San Marino

A Bandeira de San Marino (en italiano: Bandiera di San Marino) está composta por dúas franxas horizontais do mesmo tamaño, de cor branco a superior e azul claro a inferior. A bandeira do Estado incorpora o Escudo Nacional no centro.

Carl David Anderson

Carl David Anderson, nado en Nova York o 3 de setembro de 1905 e finado en San Marino (California) o 11 de xaneiro de 1991, foi un físico estadounidense.

Escudo de San Marino

No escudo de armas de San Marino figuran, nun campo de azur, tres picos de sínople que representan as tres rochas do Monte Titano da capital de San Marino: Cesta, Guaita e Montale. Sobre as tres rochas, tres torres de prata e sobre as torres, colocadas en pau, tres plumas de prata.

O escudo ten forma de corazón e está bordeado de ouro. Aparece rodeado por dúas ramas, unha de loureiro e outra de aciñeira e está timbrado cunha coroa forrada de goles, pechada por catro diademas, vistos tres, decorados con perlas e rematados cun orbe e unha cruz. A coroa representa a soberanía da República de San Marino.

Na parte inferior figura unha cinta de prata coa lema nacional: LIBERTAS (do latín: liberdade).

Gran Premio de San Marino

O Gran Premio de San Marino (en italiano, GP di San Marino) foi unha carreira do campionato mundial de Fórmula Un que se disputou no Autódromo Enzo e Dino Ferrari na cidade de Imola, preto dos montes Apeninos en Italia, entre 1981 e 2006. Chámase Gran Premio de San Marino porque xa hai un Gran Premio de Italia, e a República de San Marino en si non ten a infraestrutura necesaria para albergar un Gran Premio. En 1980, o circuíto de Imola foi utilizado para o 51º Gran Premio de Italia.

Gran Premio de San Marino de 1981

O Gran Premio de San Marino de 1981 foi unha carreira de Fórmula Un celebrada o 3 de maio de 1981 no Autódromo Enzo e Dino Ferrari en Imola, Italia. Foi a cuarta carreira do Campionato do Mundo de pilotos de 1981.

A carreira foi a primeira en levar o título "Gran Premio de San Marino", aínda que varias carreiras de Fórmula Un fora do campionato e o Gran Premio de Italia de 1980 disputaranse previamente no circuíto. A chicane Acque Minerali fora ampliada a o ano antes e era máis rápida, a chicane orixinal coa súa estreita configuración, en 1980 era impopular entre os pilotos, xa que era moi lento.

O equipo Lotus retiraron os seus coches porque a FIA confirmou a prohibición do Lotus 88 e o dono do equipo Colin Chapman viu que os 81s xa non eran competitivos.Didier Pironi mantivo o liderado ata o final da carreira, antes de perder posicións de novo debido a un problema mecánico, foi adiantado por Nelson Piquet, que finalmente gañou a carreira. Ademais de ser o debut de Michele Alboreto nun Gran Premio, a carreira tamén é notable pola recuperación de Gilles Villeneuve ao sétimo lugar, logo de errar na selección de pneumáticos para as condicións climáticas. Mentres que o equipo non se clasificou para a carreira, que era a primeira carreira entrou por Toleman, que agora é Lotus F1.

Gran Premio de San Marino de 1982

O Gran Premio de San Marino de 1982 foi unha carreira de Fórmula Un celebrada o 25 de abril de 1982 no Autódromo Enzo e Dino Ferrari en Imola, Italia. Foi a cuarta carreira do Campionato do Mundo de pilotos de 1982.

A carreira estivo marcada polo boicot de moitos equipos como parte dunha guerra política, non relacionado co evento en se, que involucraba as dúas forzas dominantes dentro do deporte, a FISA e a FOCA, o que provocou que a grella para esta carreira fora só de 14 coches. Foi a derradeira carreira de Gilles Villeneuve, xa que morreu na seguinte carreira en Bélxica.

Gran Premio de San Marino de 1989

O Gran Premio de San Marino de 1989 (oficialmente o IX Gran Premio Kronenbourg di San Marino) foi unha carreira de Fórmula Un celebrada o 23 de abril de 1989 no Autódromo Enzo e Dino Ferrari en Imola, Italia. Foi a segunda carreira do Campionato do Mundo de pilotos de 1989 e o noveno Gran Premio de San Marino disputouse sobre 58 voltas ao circuíto de cinco quilómetros para unha distancia da carreira de 292 quilómetros.

Inno Nazionale della Repubblica

O Inno Nazionale della Repubblica (do italiano: Himno Nacional da República ou simplemente Inno Nazionale, é o himno de San Marino. Foi composto por Federico Consolo, e adoptado polo Consello Grande e Xeral como himno nacional o 11 de setembro de 1894, cando foi inaugurado o Palazzo Pubblico.

Lingua emiliano-romañola

O emiliano-romañolo (en emiliano-romañolo: Emiliàn e rumagnòl) ou sanmarinés é unha lingua románica do grupo Galo-Italiano. A pesar que ás veces é referido como un dialecto do italiano, non provén deste e as variedades da lingua posúen a súa propia morfoloxía, sintaxe e léxico.

É falado na Italia noroccidental, Piacenza, Rávena, na Emilia-Romaña, Padana, sur de Lombardía (Mantua e Pavia), norte de Toscana (Lunigiana) e provincia de Pésaro, ademais de no Estado de San Marino, onde en 1993 era falado polo 83% da súa poboación (20.100 habitantés). Con todo, o número de falantes na Emilia-Romaña estímase en 3 500 000 aprox. (dato de 1987).

Lingua italiana

O italiano ou lingua italiana é unha lingua pertencente ao grupo das linguas romances, da familia das linguas indoeuropeas. Existe un gran número de dialectos neorromances. O italiano é a lingua oficial de Italia, de San Marino, de Suíza e da Cidade do Vaticano. Tamén se fala a distintos niveis en Somalia, Libia, Mónaco, Malta, a illa de Córsega e Albania.

Lista de Grandes Premios de Fórmula 1

A seguinte é unha lista de Grandes Premios que formaron parte do Campionato do Mundo desde a súa creación en 1950.

Ata o fin da tempada 2018, celebráronse 997 Grandes Premios do Campionato do Mundo , entre eles as 500 Millas de Indianápolis carreiras que formaban parte dos Campionatos do Mundo de 1950 ata 1960.

Os principais eventos de carreiras de automóbiles son polo xeral chamados Gran Premio (forma plural Grandes Premios), unha tradición que se remonta á primeira década do século XX e aos Gran Premio de automobilismo de 1920 a 1930.

Oficialmente, para que unha carreira chámese Gran Premio, debe ter unha distancia de carreira de polo menos 305 km. Esta regra aplícase a todos os Grandes Premios que estiveron no calendario de Fórmula 1, coa excepción do Gran Premio de Mónaco, que ten unha distancia de carreira de menos de 300 km desde 1968.

Península Itálica

A Península Itálica é unha península do surcentro de Europa e é unha das tres grandes penínsulas do sur de Europa, xunto coa Balcánica e a Ibérica. Está situada no centro do mar Mediterráneo, entre os mares Liguria, Tirreno, Adriático e Xónico. Politicamente abrangue a maior parte de Italia, San Marino e a Cidade do Vaticano.

Robert Andrews Millikan

Robert Andrews Millikan, nado en Morrison, Illinois o 22 de marzo de 1868 e finado en San Marino, California o 19 de decembro de 1953, foi un físico estadounidense que gañou o Premio Nobel de Física en 1923 primordialmente polo seu traballo para determinar o valor da carga do electrón e o efecto fotoeléctrico. Tamén investigou os raios cósmicos

San Marino no Festival de Eurovisión

San Marino, xunto con Liechtenstein, Kosovo (un estado parcialmente recoñecido) e a Cidade do Vaticano, era un dos catro únicos países situados completamente en Europa que non participaran nunca no Festival de Eurovisión. Finalmente, o 21 de novembro de 2007 anunciouse que o pequeno país europeo participaría por primeira vez en Belgrado.San Marino estivo representada na primeira semifinal o 20 de maio de 2008 polo grupo de rock Miodio e a canción Cómplice, obtendo a última posición con tan só 5 puntos (2 puntos de Andorra e 3 de Grecia); ao ano seguinte San Marino decidiu retirarse do Festival de Eurovisión.

En 2011 o país decide volver ao evento tras dous anos sen participar alegando problemas financeiros. Nesta ocasión foi elixida a cantante de orixe eritreo Senit, presentando unha balada coa canción "Stand by" ("Estarei presente"). Tamén participou na semifinal pero non pasou á final aínda que mellorou o resultado obtido na anterior edición con 29 puntos outorgados por oito países. Ademais, si só tivésese en conta a votación do xurado, a canción clasificouse para a final ao quedar en noveno posto con 74 puntos.

Para Eurovisión 2012, SMRTV presentou a canción "Facebook uh, oh, oh (A satirical song)", interpretada por Valentina Monetta. A composición, elixida internamente, foi rexeitada pola Unión Europea de Radiodifusión debido a que a súa letra rompía as regras contra o uso de marcas comerciais ao repetir múltiples veces o nome da empresa Facebook. Finalmente SMRTV presentou unha versión do título sen referencias a Facebook titulada "The social network song (oh oh-uh-oh oh)". Na semifinal quedou no posto 14º con 31 puntos. Malia non conseguir pasar á final, conseguiu votos de países que nunca votaran a San Marino, (Moldavia 7 puntos, Montenegro 4).

Confirmou a súa participación en Eurovisión 2013, sendo a cuarta no certame. O seu representante sería de novo Valentina Monetta, co tema Crisalide (Vola), interpretado en italiano. Participou na segunda semifinal sendo unha das favoritas nas casas de apostas pero con todo non logrou clasificarse. A noite logo da final de Eurovisión déronse a coñecer os resultados das semifinais, onde San Marino clasificar no posto 11 con 47 puntos, a tan só 16 puntos de clasificarse se non fose por Xeorxia que obtivo o posto 10 con 63 puntos. Aínda así o director da SMRTV, Carlo Romeo, quedou moi satisfeito co resultado obtido pola artista, declarando: Bravissima Valentina.

En xuño de 2013 representantes da televisión do país confirmaron a asistencia desta pequena república á edición 2014 en Copenhague, sendo dos primeiros países en facelo. Pronto anunciaron que pensaban insistir con Valentina Monetta como representante, o cal confirmouse o 19 de xuño convertendo a Monetta na cuarta persoa en participar tres veces consecutivas no evento. En marzo de 2014 presentouse a canción Maybe (Forse) ("Pode ser"), coa cal participou na primeira semifinal do 6 de maio. Nesta ocasión, San Marino conseguiu por primeira vez na súa historia a clasificación para a gran final do Festival de Eurovisión.

Ata 2014, a súa puntuación media é de 28,5 puntos.

España foi o país que máis puntos lle deu a San Marino nunha semifinal (10 puntos).

San Marino no Festival de Eurovisión Júnior

San Marino ía participar por primeira vez no IX Festival de Eurovisión Júnior que se celebrou o 3 de decembro de 2011 en Iereván, Armenia. Non obstante, o 7 de outubro de 2011, Alessandro Capicchioni, xefe da delegación de San Marino, confirmou que o país se retiraba da competición debido a que non contaba co tempo suficiente para levar a cabo unha candidatura ou preselección nacional.

O 25 de outubro de 2013, San Marino confirmou oficialmente a súa participación no Festival de Eurovisión Júnior 2013, sendo esta a súa primeira aparición no certame.

San Marino nos Xogos Europeos de 2015

San Marino participa nos Xogos Europeos de Bakú 2015 cunha delegación de 15 deportistas. O responsábel do equipo nacional é o Comitato Olimpico Nazionale Sammarinese, así como as federacións deportivas nacionais responsábeis de cada deporte con participación nos xogos.

Selección de fútbol de San Marino

A Selección de fútbol de San Marino (en italiano: Nazionale di calcio di San Marino) é o equipo de fútbol representativo do país nas competicións internacionais. A súa organización está a cargo da Federazione Sammarinese Giuoco Calcio, pertencente á UEFA.

O combinado nacional é un dos máis débiles do deporte a nivel europeo, e está acostumado a aparecer nos últimos postos da Clasificación mundial da FIFA, ao igual que seleccións como as de Bután ou Anguila, e na actualidade localízase no 192, sendo o último da clasificación a nivel europeo. San Marino é o país menos poboado dos que forman parte da UEFA (sen contar a membresía provisional de Cidade do Vaticano) contando só con 32,000 habitantes. Por iso, a federación conta con poucos futbolistas aos que poida recorrer e moitos dos xogadores teñen unha dobre profesión. Ademais, o seu campionato de fútbol está formado por clubs semiprofesionais, e os xogadores que fican noutras ligas proceden das divisións inferiores italianas.Dende o seu debut en 1990 até o de agora, San Marino non gañou nunca nunha competición oficial. A única vitoria que asinou na súa historia foi fronte a Liechtenstein, nun partido amigábel celebrado en 2004 gañando 1-0.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.