Saefes

Os saefes (ou sefes,ou ofis, do grego όφις, de onde tamén Ophiussa, terra das serpes) foron un pobo da Idade de Ferro que habitou o sur de Galiza e Portugal e que, mesturándose cos oestrimnios, deu orixe ao pobo galaico. Esta teoría, defendida por Adolf Schulten e secundada por varios compoñentes da Xeración Nós, está actualmente case desbotada por completo por afirmar que a cultura galaica xurdiu como unha lenta evolución da poboación indíxena e non por mor de invasións de pobos centroeuropeos.

Povos Ibéricos proto-históricos
Mapa dos principais pobos ibéricos proto-históricos.

Orixe

As tribos que na Idade de Bronce aparecen na rexión do río Rhin e Suíza pertencentes á Cultura dos Campos de Urnas, comezan a invadir o val do Ródano e ocupan o centro e sur da Galia, chegando á Península Ibérica arredor do 900 a.C. a través dos Pireneos.

A primeira referencia á súa presenza en Galiza achámola no poema de Rufo Festo Avieno, Ora maritima, (146 a 155) cando falando dos oestrimnios (loca et arva Oestrymnios habitantibus), narra como estes foron expulsados das súas terras por unha invasión de serpes:

Texto latino Texto en galego
Ophiussam ad usque. rursum ab huius litore
internum ad aequor, qua mare insinuare se
dixi ante terris, quodque Sardum nuncupant,
septem dierum tenditur pediti via.
Ophiussa porro tanta panditur latus
quantam iacere Pelopis audis insulam
Graiorum in agro. haec dicta primo Oestrymnis est
locos et arva Oestrymnicis habitantibus,
post multa serpens effugavit incolas
vacuamque glaebam nominis fecit sui.
Retrocedendo polo litoral de Ophiussa
cara dentro e plano, o mar insinuase[1]
e -coma contei antes- internase nas terras, ó que chaman Sardo[2],
empregándose sete días de marcha a pé.[3]
Ophiussa ten o morro tan para diante saído
canto escoitas que se deita a illa de Pélope[4]
en terras gregas. Esta terra primeiro chamada Oestrímnia
e Oestrímnicos os habitantes destes lugares e campos,
despois do castigo dos serpes puxéronse en fuga
baleirando esta terra ata do seu propio nome.

Chegada a Gallaecia

Contra o 600 a.C., os saefes chegan ao convento bracarense ocupando as beiras do río Miño, zona que contaba cunha poboación aproximada de 275.000 habitantes. Nese momento, no que Oestrimnia pasa a ser chamada Ophiussa, comeza o desenvolvemento da metalurxia do ferro e os saefes comezan a mesturarse coa poboación indíxena dando lugar a diversas tribos e clans diferenciados que, segundo Plinio, mantiñan frecuentes loitas entre eles, producíndose un gran número de baixas por mor da elevada densidade de poboación.

Cultura

Os saefes deben o seu nome aos romanos por teren a serpe como animal totémico, a cal representaba o seu poder guerreiro e o deus nacional. En Portugal vivían os Lubenos (Monção), Turodi e Nemetatos (Chaves e Braga), Luancos (Tras os Montes) e os Coelernos (Beira Alta). Entre as tribos saefes galegas destacan os Grovios, que habitaban unha zona que comprendía desde Tui ata a costa sur da ría de Arousa, os Narbasios (Ourense), os Bibali (Viana do Bolo), os Límicos (A Limia) e os Quarquernos (Baños de Bande).

O culto ofiolátrico dos saefes vén testemuñado polas representacións de serpes en varios castros de seu, como o de Baldoeiro en Trâs-os-Montes (Portugal), as do castro de Penalba, en Campo Lameiro, ou a serpe en posición heráldica do castro de Troña, en Ponteareas, habitado dende o século IV ao II a.C. (existen datacións con carbono-14).

Conta Estrabón que os celtas galaico-portugueses adoraban un deus anónimo ao que veneraban nas noites de plenilunio cantando diante das súas casas. Di, así mesmo, que eran grandes adiviños e que lera nos autores antigos que os celtas que poboaban Galiza eran ateos e adoraban as forzas da natureza.

Non obstante, autores romanos falan dun panteón galaico de máis de sesenta deuses, destacando dúas deidades supremas: Candiedo e Decertios, as dúas de carácter solar. Outros deuses eran Cariociecus ou Bodus (deus da guerra), Cosus, Aernus, Edovius (deus das augas termais de Caldas de Reis), Tameobrigus, Banduaetobrigus, Poemana (deusa adorada en Lugo) e Bandua, nome case idéntico a Bandia, a Dama Branca das mitoloxías indoeuropeas.

Este carácter indoeuropeo da cultura castrexa galega apréciase tamén nos motivos solares como trísceles, tetrásceles e esvásticas, destacando entre as representacións de esvásticas e tetrásceles os dos castros de Briteiros, Santa Trega e Troña, e o grupo de petróglifos de Portela da Laxe (no concello de Cerdedo-Cotobade).

Notas

  1. Faise enseada ou ría
  2. Mar Sardum, sardo ou mar do Cardume, da xarda, da sardiña, co mesmo nome tamén o mar sardo de Sardeña.
  3. Percorrendo a costa pola terra, a Vía XIX per loca maritima.
  4. En grego antigo e moderno Πελοπόννησος / Pelopónnēsos, A illa de Pélope ou Pélops

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas

Fermín Bouza-Brey

Fermín Bouza-Brey Trillo, nado en Ponteareas o 31 de marzo de 1901 e finado en Santiago de Compostela o 11 de xuño de 1973, foi un escritor galego. En 1992 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.

Florentino López Cuevillas

Florentino López Alonso-Cuevillas, nado en Ourense o 14 de novembro de 1886 e finado na mesma cidade o 30 de xullo de 1958, foi un historiador e escritor galego. En 1968 dedicóuselle o Día das Letras Galegas. Está considerado o pai da arqueoloxía científica galega. Pertenceu ás Irmandades da Fala, a Xeración Nós e ao Seminario de Estudos Galegos, compaxinando a actividade desempeñada nestas institucións cunha discreta participación política en pro do galeguismo, na época en que se volveu nacionalista trala fase rexionalista.

Porén, o seu labor socio-político viuse profundamente trastornado trala guerra civil española e a chegada do franquismo, se ben continuou a divulgación da cultura galega a través da Real Academia Galega, da que foi membro numerario, e do Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento. Como fixeron o resto de compañeiros da súa xeración, contribuíu á maduración da prosa galega, pero realmente polo que destacou foi polo seu intenso labor dentro do ámbito científico. Catapultado pola obra do alemán Hugo Obermaier (Impresiones de un viaje prehistórico por Galicia), Cuevillas acometeu a complexa tarefa de desenvolver o campo da arqueoloxía en Galicia co obxectivo de reconstruír e estudar unha parte do tempo que até aquel momento fora esquecida.

Galicia

Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal.

Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.

Santiago de Compostela é a capital, cun estatuto especial dentro da provincia da Coruña. Galicia posúe 2 718 525 habitantes (2016), cunha distribución poboacional que aglomera a meirande parte na franxa entre Ferrol e Vigo. En Galicia, os núcleos urbanos con rango de cidade son sete, que segundo criterios poboacionais son os seguintes: Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo, Santiago de Compostela, Pontevedra e Ferrol. Ten unha superficie de 29 574,4 km².

O concello máis poboado é o de Vigo con 292 817 habitantes e o menos poboado o de Negueira de Muñiz con 215 habitantes no 2016. O concello máis extenso é o da Fonsagrada cunha superficie de 438,4 km² e o máis pequeno o de Mondariz-Balneario con 2,3 km². A Coruña é o concello con maior densidade de poboación con 6449,32 hab./km² e Vilariño de Conso é o que ten menor densidade de poboación con 2,92 hab./km² no 2016.

Mitos e lendas galegas sobre os anfibios e os réptiles

Poucos animais están tan ligados ao folclore e máis á mitoloxía popular coma os anfibios e os réptiles. Galicia é unha terra onde aínda a compoñente máxica ten un peso importante na tradición oral e na cultura rural. Neste sentido, os herpetos conforman un papel moi importante no patrimonio folclórico. En contraste con moitas mitoloxías asiáticas, onde certos réptiles, como tartarugas e crocodilos, son considerados benignos, na tradición xudía-cristiá adoitan teren un papel maligno e negativo, moi especialmente as cobras. En Galicia, por tanto, todos os herpetos son considerados malignos e, ademais, velenosos.

Monte de San Trocado

O monte do San Trocado, Santrocado ou San Torcuato, situado na provincia de Ourense lindando coa comarca do Ribeiro, é un monte de pequena altitude que se atopa na beira dereita do Miño central, á altura de Laias (concello de Cenlle), onde, ós pés do monte, xorden uns mananciais de augas medicinais, xusto no lugar no que hoxe se atopa o moderno balneario de Laias.

Desde a súa altitude (550 metros) pódese observar unha gran porción da comarca, destacando as vistas da Serra da Martiñá cara ó norte, e do Coto de Novelle cara ó sur.

Administrativamente, pertence ós concellos de San Amaro, Cenlle e Punxín e, na división eclesiástica, teñen parte no monte catro parroquias: Santa Uxía de Eiras, San Cibrao de Las, San Xoan de Ourantes e Santa Baia de Laias.

Oestrimnios

Os oestrimnios ou oestremnios eran un pobo que, segundo Avieno, constituía a poboación indíxena do occidente peninsular á chegada dos saefes. Oestremni significaría " extremo occidente". O seu territorio estendíase dende Galicia ata o Algarve actual.

A primeira invasión, segundo a tradicional teoría das invasións, documentada ocorreu moito antes do nacemento de Cristo, cando os ofis e outras tribos irromperon na Península Ibérica e colonizaron as terras fértiles dos oestrimnios, en torno ós ríos Douro e Texo.

Florentino López Cuevillas preséntaos, na súa obra Os Oestrimnios e os Saefes e a Ofilatría na Galiza, como o substrato autóctono fronte aos invasores célticos, os saefes. Estas teorías están baseadas na historiografía romana e hoxe en día foron case totalmente abandonadas.

Rufo Festo Avieno

Rufo Festo Avieno foi un escritor latino do século IV.

Século -XI

século XII adC < século XI adC > século X adC

O século XI antes de nosa era comezou o 1 de xaneiro do ano 1100 a. C. e terminou o 31 de decembro de 1001 a. C.

O século XI a.C. en Europa forma parte do período da Idade de Ferro onde continúan os cambios postos en marcha no século anterior, de modo que as antigas civilizacións da Idade de Bronce ceden o control a novos pobos.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.