Séculos Escuros

Denomínanse Séculos escuros a un período histórico que abrangue os séculos XVI, XVII e XVIII. Caracterízase pola ausencia case total de literatura galega e polo estado de prostración e marxinación social da lingua galega a raíz da imposición do castelán. Esta entra nun período de decadencia e perde o seu uso nos rexistros oficiais, e dunha maneira paralela prodúcese unha enorme perda do poder político do reino de Galicia.

Historia de Galicia
Descripcion Reyno de Galizia de Ojea

Este artigo é parte da
Categoría:Historia de Galicia

Prehistoria
O megalitismo
Idade de Bronce
Idade de Ferro
Cultura castrexa
Idade Antiga
Galaicos
Romanización
Cultura galaico-romana
Cristianización
Antigüidade tardía
Monarquía sueva
Chegada dos bretóns
Monarquía visigoda
Idade Media
Período altomedieval
Era Compostelá
Período feudal
Idade Moderna
Antigo Réxime
Ilustración en Galicia
Idade Contempóranea
A Restauración borbónica
Segunda República
Guerra civil española
Ditadura franquista
Período autonómico
Véxase tamén
Historia da lingua galega
Reino de Galicia
Galicia
Cronoloxía do Reino de Galicia

Decaemento político e lingüístico

A perda de prestixio e usos cultos da lingua galega, durante os denominados Séculos Escuros, tivo que ver principalmente co motivo de perda de poder político e administrativo do Reino de Galicia. As guerras sucesorias polo trono nos séculos XIV (Pedro I contra Henrique de Trastámara) e sobre todo no XV (Xoana a Beltranexa fronte á futura Isabel a Católica) fixeron que os reis de Castela e León (principalmente os Reis Católicos) restrinxisen o poder de institucións e clases sociais máis poderosas de Galicia (monolingües en galego durante practicamente toda a Idade Media):

  • A nobreza galega é desprazada a Castela e substitúese por outra castelá, que non vai mudar a súa lingua pola do reino de Galicia.
  • A Igrexa galega, a pesar de apoiar nos dous casos os reis gañadores, incomprensiblemente[Cómpre referencia] tamén foi substituída nos máis altos cargos por xente castelá-falante e pasa a depender das congregacións de Castela e Valladolid; neste caso tampouco van ter en conta a lingua maioritaria dos fregueses, á que van dar un trato de dialecto ou lingua menor.
  • Ademais, debemos ter en conta que Galicia nunca contou cunha burguesía poderosa que puidese defender os intereses económicos e lingüísticos do país, como si ocorría noutras comunidades como a catalá.
  • As pragas de peste e fame minguaron a poboación durante os séculos XVI e XVII, facendo que a substitución lingüística fose aínda máis rápida.
  • A emigración cara ao sur. Despois da expulsión dos mouriscos, só nas Alpujarras había preto de 30.000 galegos. Castela, Andalucía, Portugal e América foron destinos dos emigrantes galegos.
  • O fisco era tremendamente duro cos labregos galegos.
  • As levas de soldados para poder formar o imperio español.
  • Os continuos ataques piratas que arrasaban as poboacións costeiras.
  • A explotación das riquezas galegas, como o corte de árbores para a construción de naves para a colonización americana.

Debemos aínda apuntar dous feitos moi relacionados cos tres anteriores:

  • En 1480, durante o reinado dos Reis Católicos, dítase unha norma pola cal para exercer de escribán hai que examinarse en Toledo no Real y Supremo Consejo de Castilla, co cal para recibir a licenza hai que usar formularios en castelán. Así, a documentación privada vai mudar de lingua: nos séculos XIV e XV empregárase case exclusivamente o galego en compras-vendas, foros, testamentos, doazóns... mais agora a nova norma traerá como consecuencia que no século XVI a lingua notarial será exclusivamente a castelá. Da mesma maneira, os documentos públicos dos concellos, gremios e confrarías abandonarán a lingua galega na primeira metade do século XVI [1]
  • A imprenta deu un importante pulo á difusión das linguas nacionais, pois a partir de agora a difusión da cultura incrementouse notabelmente. Aparecen a finais do século XV obradoiros de imprenta en Mondoñedo e Monterrei[2] (o primeiro libro impreso en Galicia é o Missale auriense, en Monterrei, 1491[3]), mais a lingua empregada será o latín ou o castelán, de maneira que non aparecerá un libro impreso en galego até mediados do século XIX.
Ferdinand of Aragon, Isabella of Castile
Fernando II e Sabela de Castela fomentan a uniformación da coroa de Castela.

A política dos Reis Católicos no reino de Galicia concentráronse en medidas agresivas para a economía galega tales como a ordenanza de arrincar todas as oliveiras existentes no reino -poñendo fin a un próspero mercado cos países do norte- en detrimento da produción andaluza-castelá que se viu favorecida, así como o mantemento da prohibición de que Galicia tivese voz e voto propio dentro das Cortes Castelás, demanda que nas décadas posteriores focalizou a Xunta do Reino de Galicia onde se representaban as sete principais cidades do reino, Santiago, A Coruña, Mondoñedo, Betanzos, Ourense, Tui e Lugo.

Todos estes factores conflúen e son comprendidos, á vez, por outra clave decisiva: a pesar de que durante toda a Idade Media Galicia viviu nun estado de práctica semi-independencia, o certo é que cando se achega o solpor medieval, o país galego carecía dun monarca privativo -logo da definitiva unión de Galicia-León e Castela en 1230- e de institucións de seu. É dicir, Galicia aparece nesa altura como un reino máis dos que conforman a coroa de Castela. Nese momento a monarquía avanzaba cara ao absolutismo ao tempo que se centralizaba no territorio castelán, e a ausencia dun poder central galego organizado que puidese servir de contrapeso determinou o afastamento dos lugares de decisión e, xa que logo, unha decisiva perda na capacidade de influencia. Galicia quedaba así como un reino cada vez máis afastado e decididamente marxinal nos proxectos dunha monarquía que, centrada en Castela, vive momentos de expansión imperial.

Usos da lingua galega

Véxase o artigo Historia da lingua galega

Juan de Zúñiga dibujo con orla
En 1492 publícase a Gramática castellana de Nebrija e en 1536 a Gramática da lingoagem portuguesa.

Os séculos escuros -XVI, XVII e XVIII- teñen este nome derivado do feito de que a lingua galega practicamente non se escribiu, mentres castelán e portugués entran nun proceso de codificación e elaboración de gramáticas propias, ademais da continuación do seu prestixio adquirido anteriormente. A lingua galega, falada por toda a poboación na época medieval -desde os reis e bispos até as clases máis desfavorecidas- deixa de empregarse como lingua escrita durante o século XVI, mudada polo castelán. A pesar disto, o vehículo de comunicación oral do 95% da poboación segue sendo o galego. Nin a ideoloxía dominante, nin os medios dos que dispoñía o poder central, determinaron a unificación lingüística dos diversos reinos da monarquía hispánica.

En realidade, a uniformización só se dirixiu cara ás capas sociais dominantes; mais no século XIX e no XX, dentro do estado liberal e nos seus procesos de universalización -xustiza, administración, escola, medios de comunicación...- asistiremos a un proceso decidido de acadar a unidade lingüística do nacente Estado Español.

De todos os xeitos, a conciencia na propia Galicia de "castelán como lingua dos poderosos" /vs/ "galego lingua das camadas populares" e esoutra de "castelán como lingua escrita" /vs/ "galego como lingua de exclusivo uso oral" nace xustamente durante esta longa etapa e vai ser determinante para comprendermos os procesos diglósicos que chegan deica os nosos días.

O estudoso Xosé Ramón Freixeiro Mato[4], a pesar dos poucos datos existentes, fala de tres grupos sociais en Galicia canto ao seu comportamento lingüístico:

  • Un reducido grupo monolingüe en castelán no cumio do poder político-relixioso
  • Un grupo bilingüe autóctono integrado no aparato do poder
  • Unha maioría monolingüe en galego.

Henrique Monteagudo sinala que o primeiro grupo atraerá ao castelán as capas sociais que procuran o ascenso, e esta extensión horizontal continuará até o século XVIII, converténdose en descendente só a partir do XIX e aínda máis no XX.

Conde de gondomar
O aristócrata Diego Sarmiento de Acuña estimaba a lingua galega.

A literatura en galego practicamente quedou á marxe do Renacemento e do Barroco, coincidindo esta etapa pouco produtiva co Século de Ouro da literatura castelá. A produción en galego é minoritaria, e dela podemos salientar algunhas cartas, documentos e algunhas escasas mostras literarias que nos permiten comprobar como era a lingua da época. De fins do século XVI e primeiros do XVII coñécense varias cartas dirixidas a Diego Sarmiento de Acuña, conde de Gondomar, como por exemplo a que lle enviou don Diego Sarmiento de Sotomayor, dicíndolle en 1605: e mais que fixese ysto nesta lingoaxe pois é de v. m. tan estimada. E tamén a través da observación das cartas, sabemos que unha parte da aristocracia galega coñecía mal o castelán e vivía instalada no galego como lingua familiar e habitual.

A pesar do escaso cultivo literario en galego, existiu unha rica lírica popular: cantigas de berce, de cego, entroidos, adiviñas, lendas, romances, contos, farsas etc. Moita desta produción popular chegou até finais do século XX (e nalgunha medida até a actualidade, aínda que con tremendas dificultades de transmisión).

Martín Sarmiento.jpeg
Martín Sarmiento defendeu o ensino en galego.

No século XVIII xurdiu o fenómeno dos "ilustrados", personalidades de alto prestixio que demostran a súa inquedanza polo subdesenvolvemento económico de Galicia e propoñen medidas renovadoras para mudar a situación. Neste grupo de intelectuais debemos salientar o padre Frei Martín Sarmiento, quen trata cuestións sobre agricultura, emigración, historia e propón medidas culturais e educativas, entre as que están a dignificación do galego:

O aspecto máis innovador de Martín Sarmiento é o feito de defender o emprego da lingua galega na escola, nos xulgados, nas igrexas e na administración. Outro ilustrado que realiza unha fonda crítica social foi o Padre Feijoo, que equiparou a lingua galega á portuguesa e á castelá. Outras figuras como Cornide Saavedra, Lucas Labrada ou Pedro Antonio Sánchez incorporan o espírito das luces na busca de solucións á problemática social e económica de Galicia. Os ilustrados teñen o mérito de impulsaren a constitución de Academias e Sociedades como a Sociedad Económica de Amigos del País (en 1784 a de Santiago, e en 1785 a de Lugo, as cales se preocuparon do perfeccionamento da industria do liño) ou o Real Consulado Marítimo da Coruña para regular o comercio con América.

José Cornide Saavedra é un dos primeiros en denunciar a situación de colonización económica e cultural que Galicia sufría, así como o desdén que Galicia recibía polo poder central da monarquía española:

Charles III of Spain
Os Borbóns seguiron lexislando en contra das linguas non castelás.

A pesar das propostas dos ilustrados, o certo foi que no terreo cultural e lingüístico os Borbóns seguen con uniformadoras políticas centralistas, que se manifestaron en severas leis para acabar coa diversidade lingüística nos reinos que como Galicia tiñan un idioma propio diferente do castelán:

A literatura durante os Séculos Escuros

Décimas ao Apóstolo Santiago (S)
Décimas ao Apóstolo Santiago (S).
Artigo principal: Literatura galega dos Séculos Escuros.
  • A única mostra de prosa é Relazón da carta executoria na que se narra a morte de Pardo de Cela.
  • Cómpre mencionar a poesía popular, de carácter oral que continúa a tradición lírica medieval e que foi posta por escrito tardiamente. Hai un romanceiro de temática moi variada: canción de traballo, de berce, cantares de cego, canción de romaría... Cabe destacar:
    • O Pranto da Frouseira sobre a decapitación de Pardo de Cela.
    • Poemas como o Saqueo de Cangas polos turcos, acontecido en 1617.
    • Poesía anónima tradicional, culta, seguindo a liña da lírica trobadoresca.
  • A poesía culta é escasa, as que existen son de estilo barroco-renacentista con un léxico rico e ortografía caótica. Destácanse:
    • Tres sonetos do século XVI e XVII, de estilo renacentista, Soneto de Monterrei, Soneto con falda e Respice finem, os últimos tratan sobre a morte de dona Margarida de Austria.
    • Do século XVII consérvanse as Décimas ao Apóstolo Santiago de Martín Torrado, coa finalidade de combater a idea de declarar a Tareixa de Ávila copatroa de España, xunto con Santiago o Maior.
    • De finais dese mesmo século consérvanse nove romances barrocos presentados ás Festas Minervais de 1697.
    • Do século XVIII consérvase o Coloquio de los 24 rústicos do Padre Sarmiento, nestas coplas falan uns rapaces sobre a morte de Filipe V.
  • As panxoliñas son unha das manifestacións literarias con máis vitalidade e incluso traspasou as fronteiras galegas. Como autores destacan Carlos Patiño, Fre Francisco de Santiago e Manuel Bravo de Velasco.
Benito Jerónimo Feijoo
O padre Feixoo equipara o galego co castelán e o portugués.
  • No teatro consérvase o Entremés famoso sobre a pesca do río Miño de Gabriel Feijoo de Araújo, unha pequena peza teatral escrita en galego e en portugués sobre os problemas fronteirizos derivados das artes pesqueiras
  • No século XVIII aparece xente culta e de espírito ilustrado que tenta borrar a imaxe pexorativa da Galicia ignorante, mísera e atrasada. Neste movemento, denominado como a Ilustración, podemos salientar as seguintes figuras:
    • Diego Antonio Cernadas Castro, máis coñecido como o Cura de Fruíme, apaixonado defensor de Galicia e autor de quince composicións poéticas en galego.
    • Benito Xerónimo Feijoo, que aínda que escribiu en castelán, levou a cabo traballos sobre a lingua galega, comparándoa en pé de igualdade co portugués e co castelán.
    • Martín Sarmiento, tamén de expresión castelá. Estudou a arqueoloxía, a botánica, a xeografía e a pedagoxía galegas, converténdose nun grande estudoso e nun gran defensor do idioma galego, propoñendo o ensino deste.
    • José Cornide Saavedra, estudoso da realidade galega e autor de tres poemas de escaso valor literario[Cómpre referencia].

Notas

  1. PORTAS, M., Língua e sociedade na Galiza, Baía, 2ª ed., 1993, páx. 59
  2. https://web.archive.org/web/19991012153000/http://www.arrakis.es/~alfius/monterey_c.htm A imprenta de Monterrei comezou polo menos en 1491
  3. http://www.galiciae.com/nova/4625.html Arquivado 09 de xaneiro de 2009 en Wayback Machine. En 1491 estampan o Missale auriense
  4. FREIXEIRO MATO, X. R., Lingua galega: normalidade e conflito, Ed. Laiovento, 1998, 2ª edición
  5. MARTÍN SARMIENTO, Catálogo de Voces y Frases de la Lengua Gallega, ed. de José Luis Pensado, Salamanca, 1975, pp. 17-18
  6. Centro de Investigación y Documentación Educativa. Luces y Sombras de la Ilustracion espanola. Ministerio de Educación.(en castelán)
  7. REIXAC, Baldiri. (1983). Instruccions per la ensenyança de minyons. Edicions Universitat Barcelona. 8475280811.(en catalán)
  8. Freire, López. (2009). El teatro español entre la ilustración y el romanticismo: Madrid durante la Guerra de la Independencia. Iberoamericana.(en castelán)

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Anselmo Feijoo Montenegro

Anselmo Feijoo Montenegro, nado no século XVII en Casdemiro (O Pereiro de Aguiar), foi un militar e escritor galego dos Séculos Escuros. As composicións máis coñecidas a el atribuídas son "​Prantos da ninfa Zigalia" e "​E vós non vedes a teima?".

Benito Xerónimo Feijoo

Frei Benito Xerónimo Feijoo e Montenegro, nado en Casdemiro (O Pereiro de Aguiar), o 8 de outubro de 1676 e finado en Oviedo o 26 de setembro de 1764, foi un relixioso bieito, escritor e pensador galego. Xunto co valenciano Gregorio Mayans constitúe a figura máis destacada da primeira Ilustración española. Está soterrado na igrexa de Santa María de la Corte (Oviedo). Escribiu unha serie de ensaios baixo o título de Teatro crítico universal (1726-1764), considerados como a obra cume da Ilustración en lingua castelá.

Descrición do Reino de Galicia

Descrición do Reino de Galicia é unha obra en lingua castelá de Bartolomé Sagrario de Molina redactada en 1549 e publicada en Mondoñedo en 1550 co título orixinal de Descripcion del Reyno de Galizia y de las cosas notables del. Trátase dunha descrición do Reino de Galiza redactada polo devandito licenciado Molina, un dos primeiros licenciados en dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e malagueño de orixe. A obra foi traducida ao galego e publicada en 2003 por Editorial Toxosoutos.

Diego Antonio Cernadas Castro

Diego Antonio Cernadas y Castro, máis coñecido como O Cura de Fruíme, bautizado en Santiago de Compostela o 18 de marzo de 1702 e finado en Fruíme (Lousame) o 30 de marzo de 1777, foi un sacerdote e escritor galego en lingua galega e lingua castelá.

Décimas ao Apóstolo Santiago

As Décimas ao apóstolo Santiago, de Martín Torrado Mariño (1627), foron moi populares no seu tempo. Nelas recóllese a polémica consistente en considerar se Santiago o Maior debía de ser o único santo patrón de España ou se, pola contra, debía compartir esa honra con Tareixa de Ávila. Esta obra pertence aos, denominados en Galicia, Séculos Escuros. Esta é unha das conservadas durante ese período de escaseza literaria.

Entremés de Bora

O Entremés de Bora ou Sainete de Bora é unha das poucas obras teatrais íntegras en lingua galega dos Séculos Escuros. O seu autor foi Gregorio Couto. Foi publicada por Fermín Bouza-Brey no ano 1949, a través do seu estudo "Teatro de Carnaval en Galicia", incluído na madrileña Revista de Dialectología y Tradiciones Populares.

Feudalismo

O termo feudalismo é o sistema político, económico e social creado durante a Idade Media na Europa onde o señor proporcionaba protección aos seus vasalos a cambio de tributos e traballos nas súas terras. Os señores feudais eran nobres ou membros da Igrexa e tiñan unha relación de dependencia máis ou menos forte co rei de cada rexión. O termo foi acuñado por primeira vez polos revolucionarios franceses do século XVIII, como sinónimo das desigualdades xurídico-sociais contra as que loitaban. Así, pasou á Historia relacionado con dereito de pernada, barbarie, séculos escuros... Pero o concepto histórico (non é un sistema político, máis ben un modo de organización social), abrangue moitos máis aspectos dos que nun primeiro momento se pensan.

Gabriel Feijoo de Araújo

Gabriel Feijoo de Araújo foi un escritor galego, viviu entre os séculos XVII e XVIII.

Isabel de Castro e Andrade

Isabel de Castro e Andrade, condesa de Altamira, nada en Pontedeume probablemente en 1528 e falecida na mesma vila en 1582, foi unha nobre e escritora galega, considerada como a primeira poeta renacentista en galego.

José Cornide Saavedra

José Andrés Cornide de Folgueira y Saavedra, señor de Cebreiro, de Madiz e de Saa, nado na Coruña o 25 de abril de 1734 e finado en Madrid o 22 de febreiro de 1803, foi un xeógrafo, naturalista e humanista galego, membro sobranceiro do movemento ilustrado.

José Noguerol y Camba

José Ignacio Noguerol y Camba, nado no século XVII, foi un poeta dos Séculos Escuros. É principalmente coñecido pola súa participacións nos xogos florais da Coruña no ano 1707 e a única obra súa da que se ten constancia é o romance Versos gallegos a Nuestras Señora de Reza.

Juan Gómez Tonel

Juan Gómez Tonel, coruñés ou aveciñado na Coruña no primeiro cuarto do século XVII, foi un escritor e poeta en lingua galega, lingua castelá e latín, coordinador das Exequias da Raíña Margarida.

Literatura galega

A literatura galega é aquela que se escribe en lingua galega. En xeral, a historia e evolución do idioma galego desde o seu nacemento no século IX até hoxe é irregular, de tal xeito que a momentos de esplendor lle suceden outros de decadencia.

Literatura galega dos Séculos Escuros

A creación literaria en lingua galega foi practicamente nula durante os séculos XVI, XVII e XVIII, razón pola que estes se denominan Séculos Escuros.

Martín Sarmiento

Pedro Xosé García Balboa, máis coñecido como frei Martín Sarmiento, nado en Vilafranca do Bierzo o 9 de marzo de 1695 e finado en Madrid o 7 de decembro de 1772, foi un relixioso beneditino e escritor galego. É un dos pais da filoloxía románica en xeral e da galega en particular. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas en 2002.

Martín Torrado Mariño

Martín Torrado Mariño y Figueira nado en Santa María de Leiro, Rianxo, e bautizado o 2 de decembro de 1621, foi un sacerdote galego, coñecido por ser o autor da composición poética "Décimas ao Apóstolo Santiago", en lingua galega.

Padre Sobreira

O padre Sobreira, nado como Xoán Sobreira Salgado en Beade en 1745 e finado en Guadalaxara en 1805, foi un monxe beneditino galego que, ademais de compoñer diversos textos sobre a xeografía de Galiza, traballou durante máis de oito anos na idea dun dicionario galego, que había levar o título de Glossario General de la Lengua Gallega. Consideraba vergoñento que o galego carecese del cando todas as outras linguas da Península Ibérica o tiñan. Este dicionario, ao seu ver, sería útil para conservar por escrito o idioma galego.

Pedro Otero

Pedro Otero Romero Torres foi un escritor galego do século XVIII.

Pedro Vázquez de Neira

Pedro Vazquez de Neira y Santiso, nado na segunda metade do século XVI en Lugo, foi un poeta galego. Era fillo de Pedro Santiso (Señor de casa de Covas) e Inés Díaz de Neira. Casou con Catalina de Aguiar y Baamonde. Licenciado en Medicina ao servizo da Real Audiencia da Coruña, pouco se sabe da súa vida. Habida conta de que a meirande parte dos autores da época eran relixiosos, o feito de que escribise en galego convérteo nun dos poucos homes de ciencia que escribiu na nosa lingua nos Séculos Escuros.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.