Sáhara Occidental

O Sáhara Occidental é un territorio do norte de África situado no extremo occidental do deserto do Sáhara, as beiras do océano Atlántico. É un dos 17 territorios non autónomos baixo supervisión do Comité Especial de Descolonización da Organización das Nacións Unidas, coa fin de eliminar o colonialismo.[1] Foi introducido na lista dos territorios non autónomos en 1960 a través da resolución 1542 (XV) da Asemblea Xeral das Nacións Unidas, de 15 de decembro dese ano, cando era unha provincia española.[2]

O seu proceso de descolonización foi interrompido en 1976, cando a súa potencia administradora, España, abandonou o Sáhara Occidental en mans de Marrocos e Mauritania —trala marcha verde e conforme ao disposto nos Acordos de Madrid (1975), non válidos segundo o Dereito internacional—.[3] O territorio está ocupado[3][4] actualmente na súa maior parte por Marrocos, que o chama as súas Provincias Meridionais, aínda que a soberanía marroquí non está recoñecida nin polas Nacións Unidas nin por ningún país do mundo[5] e é rexeitada pola Fronte Polisario, que proclamou a súa independencia en 1976 creando a República Árabe Saharaui Democrática (RASD), recoñecida ata o momento por máis de oitenta países. A RASD administra a rexión ao leste non controlada por Marrocos, a cal denomina Zona Libre. Por outra banda, Mauritania ocupa a cidade sureña de La Güera e outras zonas adxacentes a esta dentro da península de Cabo Blanco.

LocationWesternSahara
Situación do Sáhara Occidental en África.

Historia

Saharaoccidentales
Mapa da colonia española do Sáhara.
Artigos principais: Historia do Sáhara Occidental e Sáhara Español.

A poboación saharauí, antes da chegada dos europeos, organizábase en grupos de familias (fahed) que se agrupaban en cabilas, que constituían a unidade social básica dos saharauís, e que ligaba a un grupo unido por un lazo de parentesco patrilineal, que con frecuencia entraban en conflito entre si e que deu orixe a numerosas guerras tribais ata o século XX. A tribo máis importante era a dos Erguibat. Fóra da división tribal quedaban os maalemin (artesáns), iggaugen (trobadores), abid (escravos ) e haratin (libertos).

Reclamada como colonia por España en 1885, a ocupación efectiva do territorio non se realizou até 1934. Trala Marcha Verde, a metrópole cedeu o territorio en 1976 a Marrocos e Mauritania, mais a Fronte Polisario proclamou a República Árabe Saharauí Democrática (RASD), iniciando unha guerra que remataría en 1991 á espera dun referendo que Marrocos se negou en repetidas ocasións a convocar.

O Sáhara Occidental foi unha colonia española dende 1975, cando Marrocos invadiuno mediante a Marcha Verde. Porén, a Marcha Verde sorprendeu a España nun momento delicado e optou por abandonar o territorio. O referendo seque pendente de celebrarse. Coa saída de España do territorio comezou a librarse unha guerra que enfrontou ao Fronte Polisario cos seu veciños do norte e o sur: Marrocos (que invadía o territorio polo norte) e Mauritania (que o facía dende o sur). En 1979 Mauritania asina a paz co Fronte Polisario e renuncia ás súas pretensións sobre o territorio. En 1991, a ONU asumiu a responsabilidade de buscar unha saída pacífica ao conflito e estableceu a Misión para o Referendo no Sáhara Occidental (MINURSO). O secretario xeral e o Consello de Seguridade fixaron a data da celebración do referendo para febreiro de 1992. A consulta nunca se celebrou.

A invasión marroquí obrigou a decenas de miles de saharauís a fuxir ó deserto ata territorio alxerino, onde levantaron, cerca da cidade de Tinduf, campos de refuxiados. Exiliados nese recuncho de deserto máis duro do planeta, arredor de 160.000 saharauís sobreviviron dende fai 35 anos esperando regresar á súa terra. Os que non puideron fuxir no 1975 permanecen no territorio ocupado por Marrocos.

Goberno e política

De acordo cun informe xurídico (documento S/2002/161) dirixido ao Presidente do Consello de Seguridade das Nacións Unidas, e datado o 29 de xaneiro do 2002, segundo indica no seu sexto parágrafo:

Segundo o Dereito Internacional, xuridicamente a soberanía e a administración do Sáhara Occidental seguirían en mans de España, se ben dende a firma dos Acordos de Madrid, non levou a cabo ningunha acción en tal sentido. O administrador de facto da maior parte do territorio é Marrocos. O resto atópase controlado pola autoproclamada República Árabe Saharauí Democrática (RASD). A RASD está recoñecida pola Unión Africana e por 46 países no mundo, a maioría deles africanos ou latinoamericanos. O último en facelo foi a República de Nicaragua o 12 de xaneiro do 2007. A RASD non está recoñecida nin pola ONU nin pola Liga Árabe nin por ningún país europeo nin ningún membro permanente no Consello de Seguridade das Nacións Unidas.

As pretensións do Marrocos respecto a súa "integridade territorial" (o que podería ser interpretado como apoio a súa reivindicación sobre o Sáhara Occidental) son apoiadas por 25 estados e pola Liga Árabe [3] . Porén, ningún país recoñece formalmente a anexión, como recoñece o Informe do Secretario Xeral da ONU sobre a situación relativa o Sáhara Occidental (19 de abril do 2006):

A República Árabe Saharauí Democrática ten un goberno no exilio, localizado a Tindouf, Alxeria. A maior parte do territorio do Sáhara Occidental está ocupado militarmente por Marrocos, o resto é administrado pola RASD.

Organización político-administrativa

Laayoune-miltary checkpoint
Posto militar no Aaiún

Antigamente dividíase en Saguia el Hamra (capital: O Aaiún) e Río de Oro (capital Dakhla, antiga Villa Cisneros). Outras poboacións importantes son Smara ou La Güera (ou La Agüera).

Marrocos dividiu o Sáhara Occidental en catro provincias: Boujdour (Boxador), Laâyoune (O Aaiún), Es-Smara (Smara) e Qued Eddahab (Río de Oro). Tras a reorganización de 1997, o territorio do Sahara Occidental pertence a tres rexións marroquís (Oued Ed-Dahab - Lagouira, Laâyoune - Boujdour - Sakia El Hamra e Guelmin - Es-Semara). As dúas últimas inclúen tamén territorio de Marrocos (unha pequena parte de Cabo Juby aquela e unha gran parte do sur de Marrocos estoutra).

Xeografía

Wi-map
Mapa do Sáhara Occidental

O Sáhara Occidental atópase localizado en África do Norte, limitando ao norte co océano Atlántico, entre Mauritania (leste e mais sur) e Marrocos (norte). Limita tamén ao nordeste con Alxeria.

Atravesado polo trópico de Cáncer, o territorio está ocupado polo deserto do Sáhara, sendo unha parte erg (deserto de area) e outra de pedra.

A escasa vexetación só medra nos oasis. Existen algunhas especies de animais adaptadas ao árido hábitat desértico, como o rato brincante do deserto.

Economía

O Sáhara Occidental non posúe precipitacións abondo como para abastecer á maioría das actividades agrícolas, a agricultura só se practica ocasionalmente, tras as chuvias en zonas de terra vexetal. A súa economía céntrase no pastoreo nómade de camelos, cabras e ovellas, a pesca e a minería. Especial releve ten a minería de fosfato, principal produto de exportación. Nos últimos tempos compañías petrolíferas internacionais levan a cabo exploracións na costa en busca de reservas de gas ou petróleo. A maioría dos alimentos para a poboación urbana debe ser importada. Todo o comercio e outras actividades económicas son controladas polo goberno de Marrocos. Os ingresos e estándares de vida atópanse substancialmente por debaixo dos de Marrocos.

Demografía

Western Sahara demography
Evolución demográfica entre 1961 e 2003 (FAO 2005), en miles de habitantes.

A poboación do Sáhara Occidental, os saharauís, son na súa maior parte unha poboación mixta, descendentes dos Beni Hassan, unha tribo beduína árabe do Iemen que arredor do século XV chegan ao Sahara Occidental, e de tribos bérberes, existe tamén unha escasa minoría de ascendencia española ou europea, e de raza negra. Unha parte da poboación saharauí orixinaria (arredor de 155.000) atópase refuxiada en campamentos en Alxeria dende 1975. O país está ocupado maioritariamente por marroquís chegados despois de 1975 e polo exército.

O Sáhara Occidental é un dos territorios máis escasamente poboados do mundo e posiblemente o de menor densidade de poboación[Cómpre referencia]. Cara a xullo de 2004 existía no Sáhara Occidental unha poboación estimada de 267.405 persoas.

O idioma oficial é o árabe, o hassaniya é o dialecto que se fala popularmente. O español tamén ten unha certa presenza no territorio, sobre todo entre a poboación que se educou durante a colonia española.

A relixión predominante é o islam.

Cultura

Artigo principal: Cultura do Sáhara Occidental.

A sociedade saharauí caracterízase por numerosos costumes, tradicións e festexos. A cerimonia do té é a máis importante para eles. Nela fanse tres vasos de té, o primeiro amargo como a vida, o segundo doce como o amor e o terceiro suave como a morte. A cada vaso de té danlle un significado. Amargo porque pensan que a vida no deserto é moi dura. O doce porque para eles o amor é o máis importante que hai. E o suave xa que non temen á morte. A tradición manda prepararlle un vaso de té a cada visitante que vai á súa casa, irse sen tomar o té seria para eles un xesto de deshonra.[Cómpre referencia] A oración e o máis sagrado, rezan 5 veces ao día. A primeira é a primeira hora da maña sobre as cinco, a segunda antes de comer, a terceira a primeira hora da tarde, a cuarta sobre as 6 da tarde e por último a quinta pola noite. Á hora de rezar recítase un fragmento do Corán, os homes e as mulleres rezan por separado. Excepto se hai algunha festa importante como a Eid al-Adha rezan todos xuntos. O home sempre diante e a muller atrás cos nenos, as mulleres recitan o Corán en voz baixa namentres que os homes fano en voz alta. É tamén de tradición que cando un visitante chega se lle mate unha cabra, como sinal de riqueza por parte da familia.[Cómpre referencia]

Notas

  1. http://www.un.org/ga/search/view_doc.asp?symbol=S/2002/161 documento de distribución oficial S/2002/161 del 12 de febrero de 2002
  2. Real Instituto Elcano. GONZÁLEZ CAMPO, Julio.: Las pretensiones de Marruecos sobre los territorios españoles en el norte de África (1956-2002) Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine. Documento de Trabajo núm. 15 DT-2004, pp. 7.
  3. 3,0 3,1 Ruiz Miguel, Carlos (19 de abril de 2007). "El acuerdo de pesca UE-Marruecos o el intento español de considerar a Marruecos como “potencia administradora” del Sáhara Occidental" (PDF). Anuario de Derecho Internacional. Western Sahara Human Rights Watch. Las consideraciones anteriores se hallan confirmadas por resoluciones de la Asamblea General de la ONU. De estas resoluciones se desprenden dos conclusiones complementarias: la Asamblea General de la ONU nunca ha considerado a Marruecos como “potencia administradora” sino como ocupante; y España ha seguido siendo considerada como “potencia administradora” [...] VIII. Conclusiones. [...] 2º. El acuerdo tripartito de Madrid de 1975 no ha transferido “a Marruecos” la cualidad de potencia administradora. [...] 4º. De acuerdo con las resoluciones de la Asamblea General de las Naciones Unidas y la práctica del Secretario General la “potencia administradora” del Sáhara Occidental sigue siendo España, aunque lo sea de iure, pero no de facto
  4. Asamblea General (21 de novembro de 1979). "34/37. Cuestión del Sáhara Occidental". A/RES/34/37. Organización de las Naciones Unidas. La Asamblea General [de la ONU]
    Deplora profundamente la agravación de la situación, como consecuencia de la persistente ocupación del Sáhara Occidental por Marruecos y de la ampliación de esa ocupación al territorio recientemente evacuado por Mauritania.
    Pide encarecidamente a Marruecos que participe también en la dinámica de paz y ponga fin a la ocupación del Territorio del Sáhara Occidental
  5. Document S/2006/249, Report of the Secretary-General on the situation concerning Western Sahara [1].

Véxase tamén

Ligazóns externas

.eh

.sh é o Dominio de Nivel Superior xeográfico (ccTLD) para o Sáhara Occidental, aínda que non está asinado como tal aínda.

Arosien

Arsien é unha tribo do Sahara Occidental. Considéranse descendentes de Sidahamed Larosi, cunha liñaxe que se remonta a Mahoma, que chegou ao Sahara ao comezo do século XVI procedente de Marrocos, onde fora perseguido. Tradicionalmente foi unha tribo dedicada á meditación e ao estudo, nunca foi moi numerosa, actualmente pode andar arredor dos 3.000 individuos.

Bandeira do Sáhara Occidental

A bandeira do Sáhara Occidental é a mesma que utilizou a Fronte Polisario dende 1973 na súa loita contra a colonización española, e está baseada no deseño da bandeira da rebelión árabe fronte ao Imperio Otomán que tivo lugar durante a primeira guerra mundial. A bandeira consiste en tres franxas horizontais do mesmo tamaño (negro, branco e verde), unidas con un triángulo vermello situado no bordo máis próximo ó mastro; ademais, ten o engadido da media lúa e a estrela vermellas no centro da bandeira, símbolo utilizado noutros países magrebís.

Bérberes

Os bérberes (en bérber: ⵉⵎⴰⵣⵉⵖⵏ Imaziɣen, singular: ⴰⵎⴰⵣⵉⵖ Amaziɣ/Amazigh) son un conxunto de pobos do norte de África que falan linguas bérberes, da familia de linguas afroasiáticas. Estímanse en entre 14 e 25 millóns de persoas que falan estas linguas, principalmente en Marrocos, Alxeria, Melilla e Tunicia mais tamén fan parte deste grupo os tuaregs, predominantemente nómades do Sahara.

De acordo cos rexistros máis antigos, os bérberes foron os primeiros habitantes desta rexión, chegando a dominar o Exipto antigo arredor do 945 a.C.

Dakhla

Dakhla ou Ad-Dakhla (en árabe: الداخلة, 'a interior'), tamén chamada Villa Cisneros, é unha cidade do Sáhara Occidental cunha poboación aproximada de 40.000 habitantes. Atópase a uns 550 km ao sur do Aaiún na costa atlántica, sobre unha estreita península, a península de Río de Oro, que se estende paralela á costa en dirección nordés-suroeste.

Deserto do Sáhara

O Deserto do Sáhara (en árabe الصحراء الكبرى‎, aṣ-Ṣaḥrāʾ al-Kubrā, que significa o Gran Deserto) é o segundo maior deserto do mundo (despois do da Antártida), localizado no norte de África, cunha área total de 9 065 000 km2, sendo apenas un pouco menor que a de Europa (10 400 000 km2).

O nome Sáhara é unha transliteración do árabe صحراء, (Sahhra) que á súa vez é a tradución da palabra tuareg teneriwe ('os desertos', de onde lle vén o nome ó deserto do Teneré). Viven preto de 2,5 millóns de persoas na área do Sáhara, distribuídas pola Mauritania, Marrocos, Sáhara Occidental, Libia, Exipto, Malí, Níxer, Alxeria, Tunisia, Sudán e Chad.

As fronteiras do Sáhara son: o océano Atlántico ao oeste, as montañas do Atlas e o mar Mediterráneo ao norte, o mar Vermello ao leste e o val do río Níxer ao sur.

O Sáhara divide o continente africano en dous: África Norte e Subsahariana . A fronteira sahariana ao sur é marcada por unha faixa semiárida de sabana chamada Sahel, e ao sur de Sahel encontrase a rexión chamada o Sudán.

Os seres humanos viviron na extremidade do deserto durante case 500.000 anos. Durante a última Idade do xeo, o deserto do Sáhara foi (como o leste africano en xeral) máis húmido do que é agora. Fósiles de dinosauros foron encontrados alí. O Sáhara moderno, xeralmente, está exento de vexetación excepto no val do río Nilo, nuns poucos oasis e nalgunhas montañas dispersas.

Dinastía almorábide

Os Almorábides foron unha dinastía bérber do Sáhara que vivía entre o actual Senegal e o sur do Sáhara occidental. Esta dinastía está emparentada coas tribos bérberes de Sanhaja e Lamtuna. Desde o século XI até o XII, a dinastía almorábide gobernou o Sáhara, parte do norte de África e parte da Península Ibérica.

Baixo esta dinastía o imperio musulmán estendeuse sobre o actual Marrocos, Sahara occidental, Mauritania, Xibraltar, Tlemcen (en Alxeria) e grande parte do que hoxe son Senegal, Malí, España e Portugal. Na súa maior extensión, o imperio ocupaba 3000 quilómetros desde o norte ao sur (a maior latitude de todos os tempos até a colonización española das Américas).

Erguibat

Erguibat é unha tribo do Sahara Occidental, de carácter tradicionalmente guerreiro, constitúe a principal tribo do territorio. Considéranse descendentes de Sidi Ahmed Erguibi, cunha liñaxe que se remonta a Mahoma, que chegou ao Sahara no ano 1503.

Os erguibat divídense en 13 fraccións (fahed), a máis numerosa é a dos Boihat, aínda que é a de Ulad Musa a socialmente máis importante.

O longo de todo o século XIX saiu vencedora nas guerras que mantivo coas outras tribos. En 1894 conquistaron por breve tempo a cidade de Tinduf.

Actualmente gran parte dos dirixentes da República Árabe Saharaui Democrática, entre eles o seu presidente Mohamed Abdelaziz, e os políticos máis importantes da administración marroquina do Sahara son erguibat.

Filala

Filala é unha tribo do Sahara Occidental. Considéranse descendentes de Sidahamed el Filali, cunha liñaxe que se remonta a Mahoma. Tradicionalmente era a tribo da que saían os predicadores e mestres do Corán e nunca foi moi numerosa..

Fronte Polisario

O Polisario ou a Fronte Polisario (en árabe, جبهة البوليزاريو), forma abreviada de Fronte Popular de Liberación de Saguía el Hamra e Río de Oro (Wādī ad-Dahab) é un movemento político e militar do Sáhara Occidental.

O Polisario é o sucesor da Organización Avanzada para a Liberación de Saguia el Hamra e Río de Oro dos anos 1960, dirixido por Mohamed Bassir, asasinado polo exército español durante a ditadura de Francisco Franco.

Un grupo de estudantes, liderados por El-Uali Mustafa Sayyid, conforma o Polisario o 10 de maio de 1973 co propósito de atinxir a independencia do territorio mediante a loita armada, primeiro do dominio español e despois do marroquí e mauritano. O día 20 inician os primeiros enfrontamentos armados co ataque, por un grupo de sete guerrilleiros, ao posto de policía de Janguet Quesat, neste ataque como noutros os combates baséanse nunha estratexia de guerra de guerrillas, a primeira organizada nun deserto. Nun primeiro momento a maioría dos militantes do Polisario residen fóra do territorio e as accións armada serven para darse a coñecer no interior, o que se une o repartimento de propaganda nas cidades saharauís.

O 30 de setembro de 1973 nun ataque a unha patrulla de policías nativos a camelo, preto da fronteira de Mauritania, prodúcese a primeira morte por unha acción do Polisario, a do cabo xefe ao negarse a entregarse. En 1974 aumentaron as accións armadas do Polisario e as autoridades españolas vense obrigadas a realizar a coñecida como Operación Barrido para loitar contra o Polisario na zona de Echdeiría, pero non consegue os seus obxectivos de eliminar aos grupos guerrilleiros e o 26 de outubro o Polisario sabotea unha cinta transportadora de fosfato preto do Aaiún, o que supón que o transporte do mineral quede paralizado varias semanas. O 18 de novembro prodúcese o enfrontamento máis grave ata entón entre o Polisario e as forzas españolas, morren 2 persoas polas forzas polisarias e 6 polas españolas.

Internacionalmente, o Polisario consegue o apoio dos gobernos de Alxeria e Libia, país dende o que fai programas de radio destinados ao Sahara dende 1974. O 11 de marzo de 1975, nun cambio de estratexia, o Polisario secuestra a un empresario canario e en maio os membros saharauís de dúas patrullas españolas revíranse contra os seus xefes e fan 15 prisioneiros que levan cara Tinduf, ademais de vehículos e armamento e obriga o goberno español a negociar co Polisario. O último ataque do Polisario ás forzas españolas ten lugar o 14 de xuño de 1975 cando ocupa, durante unhas horas, o posto de Guelta co apoio de parte da Policía Territorial.

Entre o 14 e o 19 de xuño e o 3 e o 10 de xullo de 1975 realízanse negociacións en Alxer entre o goberno español e o Polisario, que leva ás autoridades españolas a recoñecer ao Polisario como "forza nacional fundamental, non exclusiva, do Sáhara", e o Polisario aumenta a súa influencia no interior do Sáhara entre os saharauís moderados, que vén nel unha saída pacífica e controlada cara a independencia. tras a xuntanza o PUNS e o Polisario do 12 de outubro a maioría dos membros do PUNS incorporáronse ao Polisario. O 22 de outubro entrevístanse o gobernador do Sáhara e o secretario Xeral do Polisario, tras o anuncio o día 16 por parte de Hassan II da Marcha Verde. Pero o goberno español, ao tempo, comezara as negociacións co marroquino para frear a Marcha Verde.

Tras os acordos de Madrid do 14 de novembro de 1975 polos que España cedeu o Sáhara Occidental a Marrocos e Mauritania, a guerrilla continúa combatendo aos países veciños que se repartiron o territorio, logrando o 5 de agosto de 1979 que Mauritania cedese a súa parte do Sáhara Occidental ao Polisario, pero isto non é recoñecido por Marrocos, que se anexiona esa zona.

Dende 1975, a organización ten o seu centro de operacións en Tinduf, territorio alxeriano, e mantén un amplo apoio no interior do Sáhara español e entre os estudantes saharauís nas Canarias e Madrid. O mesmo ano as Nacións Unidas recoñecen o movemento. En febreiro de 1976 a Polisario proclama a República Árabe Saharauí Democrática (RASD) cun goberno no exilio. A RASD é membro da Unión Africana. Foi recoñecida como estado por 66 países, a maioría africanos ou latinoamericanos. Outros moitos estados non recoñecen ao Sáhara Occidental pero si o Polisario como representante do pobo saharauí.

Os combates seguen durante 1976 e 1977, época durante a que a FP conta cuns 10.000 homes armados, atacando as localidades nas que se estableceran os marroquís e mauritanos e as instalacións de Fosbucrá, pero tamén o sur de Marrocos. Marrocos perdeu neses anos 20 avións e helicópteros, 600 vehículos e perdeu uns 4.200 homes, mentres Mauritania perdía 1.600 homes, segundo datos do Polisario. ata o 6 de setembro de 1991, día en que se acorda un alto o fogo trala creación dos muros marroquís.

A MINURSO (Misión das Nacións Unidas para o Referendo do Sáhara Occidental) é o organismo encargado de velar polo alto o fogo e preparar un referendo, aínda non celebrado.

O Polisario controla a parte occidental do territorio alén dos muros (un total de oito), aínda que o territorio está practicamente deshabitado e as súas tropas están estacionadas en Alxeria.

En Tinduf están organizados os Campos de refuxiados saharauís. Ata fai un tempo tiñan no seu poder uns 500 soldados marroquís como prisioneiros de guerra, algúns dende fai máis de 20 anos, aínda que foron liberados incondicionalmente como xesto de boa vontade. En Marrocos foi censurada toda información sobre esta liberación, xa que a monarquía alauíta nunca recoñeceu a existencia de prisioneiros marroquís en mans do Polisario.

O apoio tradicional de Libia e Alxeria diminuíu.

Marcha Verde

A Marcha Verde foi a avance masivo que a través do deserto realizaron, en novembro de 1975, 350.000 civís e 25.000 militares marroquís, logo da chamada do rei Hassán II, coa pretensión de forzar a entrega por España do Sáhara Español a Marrocos tras o ditame do Tribunal Internacional de Xustiza que recoñecía o dereito do pobo saharauí á autodeterminación.

Marrocos

Marrocos (en bérber: Amrruk, en árabe: المغرب Al-Magrib) é un país do noroeste de África. A súa longa costa atlántica chega desde o Sáhara Occidental ata o estreito de Xibraltar para dar ao mar Mediterráneo (ao norte), e continúa cara ao leste ata chegar a Alxeria, coa que limita ao leste e sueste.

Mauritania

Mauritania é un país da África Occidental. Limita ao norte co Sáhara Occidental, con Alxeria ao nordeste, o sur e o leste con Mali, ao sur con Senegal e ao oeste co Océano Atlántico. É un dos países máis próximos a Cabo Verde. A súa capital é Nouakchott.

Nación

O concepto de nación, dependendo do contexto ou da perspectiva política, pode variar na súa significación. Coloquialmente o significado de nación é sinónimo de país e mesmo estado; mais esta concepción é redutora ante aquela que considera unha nación como unha comunidade de persoas que posúen unha cultura, unha lingua, unha historia, unha orixe étnica, un territorio ou unha mentalidade propia, e que posúen ademais consciencia de constituíren un pobo diferenciado. Así a todo, dado que a realidade sempre é sumamente complexa, é posible achar nacións, mesmo en Europa, que non posúen algunha destas características (pénsese en Suíza e na súa realidade lingüística).

O termo nación vén do latín natio. Empregouse orixinalmente na Universidade de París para referirse a un grupo de estudantes dun determinado país, que falaban a mesma lingua e se rexían polas súas propias leis.

O modelo de estado-nación xurdiu durante o Renacemento cando os reis absolutistas de Castela, Inglaterra e Francia homoxeneizaron os territorios dos seus reinos, marxinando as minorías nacionais que había neles. Algunhas nacións coinciden actualmente no modelo estado-nación como pode ser Portugal, algúns estados están formados por varias nacións coma o Reino Unido ou Bélxica, e outras nacións non teñen un estado propio coma o Kurdistán ou o Sáhara Occidental.

O Aaiún

O Aaiún ou O Aiún (en castelán: El Aaiún, en francés: Laâyoune, en árabe: العيون [Al-Ayun]) é unha cidade do Sáhara Occidental, considerada a súa capital pola autoproclamada República Árabe Saharaui Democrática, pero na práctica atópase ocupada e administrada por Marrocos,​ como a maior parte do Sahara Occidental. Está situada no interior do territorio, a 28 km da costa norte, xunto ao leito seco do río Saguia el Hamra, na rexión homónima.

A cidade contaba no ano 2014 cunha poboación dunhas 217.732 persoas, sendo a maior de todo o Sáhara Occidental.

República Árabe Saharauí Democrática

A República Árabe Saharauí Democrática (RASD; árabe: الجمهورية العربية الصحراوية الديمقراطية, Al-Ŷumhūrīyyah Al-`Arabīyyah Aṣ-Ṣaḥrāwīyyah Ad-Dīmuqrāṭīyyah), é o goberno no exilio do Sahara Occidental, proclamado pola Fronte Polisario o 27 de febreiro de 1976, o primeiro goberno da RASD formouse o 4 de marzo dese ano.

Formado pola antiga provincia española do Sáhara Español foi ocupada ilegalmente en 1976 por Marrocos e Mauritania e logo completamente anexada por Marrocos en agosto de 1979, ao retirarse Mauritania da zona que ocupaba.

A RASD está recoñecida internacionalmente por 84 Estados, aínda que este número varía dependendo da fonte. Segundo o Parlamento Europeo, a RASD foi recoñecida por 54 Estados incluíndo a Unión Africana en 2002. Segundo o «portal Sahara Marroquí» 27 países recoñecían á RASD no ano 2011, pero para o Fronte Polisario eran máis de 80. É un Estado membro da Unión Africana dende 1984, pero carece de representación na ONU. O primeiro estado que recoñeceu a RASD foi Madagascar.

Sáhara Español

O Sáhara Español (en árabe: الصحراء الإسبانية al-Sahara' al-Isbaniyya) foi unha colonia e, posteriormente, provincia española en África xurdida da unión en 1958 dos territorios de Saguia el Hamra e Río de Oro, despois de que a agrupación de territorios da África Occidental Española deixase de existir. En 1976, logo da Marcha Verde de Marrocos sobre o territorio, España abandonouno. Desde ese momento o chamado Sáhara Occidental é disputado por Marrocos, que o anexiona sen recoñecemento internacional, e a República Árabe Saharauí Democrática que quere establecer un Estado independente no antigo territorio provincial.

Segundo o Dereito Internacional, xuridicamente a soberanía e a administración do Sáhara Occidental seguen en mans de España, aínda que desde a firma dos Acordos de Madrid, non levou a cabo ningunha acción en tal sentido.

Ulad Tridarin

Ulad Tridarin é unha tribo do Sahara Occidental que chegou ao territorio arredor do século XIV. Considéranse descendentes de Ali uld Abbu Iazza.

Divídese nas fraccións de Gassi, Iassin, Iazza e Moglich.

Os Ulad Tridarin foron tributarios dos Ulad Delim ata fins do século XVII

África do Norte

África do Norte é a rexión máis ao norte do continente africano, separada polo deserto do Sáhara da África Subsahariana. Segundo a ONU o norte de África abrangue os territorios seguintes: Alxeria, Exipto, Libia, Marrocos, Sudán, Tunisia e o territorio disputado do Sáhara Occidental. As cidades autónomas españolas de Ceuta e Melilla son xeograficamente parte da África do Norte xunto con enclaves menores como: Perejil, Peñón de Vélez de la Gomera, Illa de Alhucemas e as Chafarinas, así como as illas Canarias, Madeira e Salvaxes, Mauritania, Malí, Níxer e Chad. Máis raramente aparecen formando parte de África do Norte, Etiopía e Eritrea.

Países membros da Unión Africana
Países
Países con parte africana
Outros territorios

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.