Ruta rosaliana

A Ruta rosaliana é un percorrido que se fai polos lugares máis singulares na vida da poetisa de Galicia Rosalía de Castro, todos eles vinculados sentimentalmente coa escritora, manifestándose de forma patente na obra poética de Rosalía.

Avelino Abuín de Tembra, escritor que elaborou algunha das máis destacadas antoloxías sobre a obra de Rosalía de Castro, foi quen ideou a creación dun itinerario e promoveu a viaxe polos lugares máis sobranceiros na vida da poetisa[1].

Letreiro da Ruta Rosaliana
Letreiro co plano da Ruta rosaliana en Iria Flavia.

Percorrido

O Camiño Novo en Compostela

42°52′25″N 08°33′07″O / 42.87361, -8.55194

Comeza o itinerario na praza de Vigo en Compostela, ó pé do monumento a Rosalía, que se lle dedicou en 1982, no lugar onde naceu, nunha casa hoxe desaparecida, a carón do Camiño Novo. Por trás da casa estendíanse os campos de San Xosé, de Ramírez e de Cornes, hoxe integrados na zona urbana de Santiago.

Lectura relacionada: "En Cornes", de Follas novas.

Seminario en Ortoño
Ortoño; *Aquí naceu o Seminario de Estudos Galegos * XII-X-MCMXXIII*

Ortoño

42°51′09″N 08°38′18″O / 42.85250, -8.63833

Pasou Rosalía a súa infancia en Ortoño, concello de Ames, no Castro de Ortoño, domicilio da familia paterna. Neste lugar fundouse en conmemoración da figura de Rosalía o Seminario de Estudos Galegos en 1923.

Lectura relacionada: "Acolá enriba", poema 12 (levou o n.º 14 a partir da 2ª edición) de Cantares gallegos.

Bastabales Igrexa 05eue
Igrexa de San Xulián de Bastavales.

Bastavales

42°49′27″N 08°40′13″O / 42.82417, -8.67028

San Xulián de Bastavales en Brión é unha importante freguesía da arcebispado compostelán. Na aldea de Soigrexa tivo residencia esporádica Rosalía. As campás do templo de Bastavales son un dos seus elementos máis singulares, instaladas en 1828. Rosalía podía escoitalas dende a casa do Castro de Ortoño. Comezouse a construír a igrexa en 1585 e rematouse en 1772. A nave está orientada cara o abrente, axexando cara o monte Ruibal e o mítico Castro Lupario. Por Bastavales transcorre o río Sar, moi vinculado tamén á poesía rosaliana.

Lectura relacionada: "Campanas de Bastabales", poema 9 de Cantares gallegos (n.º 11 na 2ª edición).

Torres de Lestrobe - Pazo de Hermida 002
Torres de Lestrobe ou Pazo de Hermida.

Pazo de Hermida

42°43′58″N 08°40′16″O / 42.73278, -8.67111

Artigo principal: Pazo de Hermida.

No Pazo de Hermida, en Lestrobe (Dodro), propiedade de parentes próximos, pasou Rosalía tempadas enteiras e mesmo escribiu alí parte da súa obra. Neste lugar naceron Ovidio e Gala, fillos da escritora. O panorama que se contempla é o val do Sar e Ulla e a veiga de Lestrobe.

Lectura relacionada: "Como chove mihudiño", poema 28 (n.º 32 na 2ª edición) de Cantares gallegos.

Padrón Galicia Xullo 2006 13
Estatua de Rosalía no paseo do Espolón en Padrón.

Padrón

42°44′20″N 08°39′41″O / 42.73889, -8.66139

A vila de Padrón está vinculada tamén coa poetisa galega. Na vila padronesa podemos atopar a casa onde Rosalía viviu, na rúa Juán Rodriguéz, camiñar paseniño polo Espolón, a carón do río Sar, ou pasear sosegadamente polo xardín botánico de Padrón.

Lectura relacionada: "Estranxeira na súa patría", de Follas novas.

Pazo de Arretén

42°44′45″N 08°38′47″O / 42.74583, -8.64639

Artigo principal: Pazo de Arretén.

En Arretén, o pazo dos devanceiros maternos de Rosalía, coñecido como a Casa Grande e así aparece nos versos de Rosalía. O pazo de Arretén está delicadamente restaurado.

Lectura relacionada: "Ô pazo d'A...", de Follas novas.

Casa da Matanza

42°44′18″N 8°39′07″O / 42.73833, -8.65194

Artigo principal: Casa Museo Rosalía de Castro.

A Casa Museo está na aldea da Matanza, regresando do pazo de Arretén. A visita ó museo, xunto coa horta, representa un dos puntos culminantes da Ruta rosaliana.

A Casa da Matanza é a casa na que Rosalía viviu os derradeiros anos da súa vida. Neste espazo faise un percorrido polos acontecementos que marcaron a vida e a obra de Rosalía. Na planta baixa, denominada O perfil dunha sombra, o visitante pode apreciar a verdadeira dimensión desta emblemática figura da cultura galega e universal: a súa vida, o seu contorno e a relación do pobo galego coa figura da escritora. Na primeira planta, denominada O seu, proponse unha recreación da casa rural da época, entre labrega e fidalga.

Lectura relacionada: "Miña casiña, meu lar", de Follas novas.

Inscripción na lápida de Rosalía de Castro en Iria Flavia.
Lápida de Rosalía en Iria Flavia.
Igrexa de Santa María de Iria Flavia, Padrón
Colexiata de Iria Flavia.

Iria Flavia

42°44′45″N 8°39′20″O / 42.74583, -8.65556

Artigo principal: Cemiterio de Adina.

A igrexa de Iria Flavia está rodeada por un fermoso adro. É o cemiterio onde estivo soterrada entre 1885 e 1891, a tumba está sinalizada. É o cemiterio de Adina que canta Rosalía, unha antiga necrópole do século V.

Lectura relacionada: "¡Padron...! ¡Padron...!", de Follas novas.

Convento de Santo Domingos de Bonaval - Panteón de galegos ilustres - 02 - Rosalía de Castro
Mausoleo de Rosalía en Bonaval.

O Panteón de Galegos Ilustres

42°52′58″N 08°32′19″O / 42.88278, -8.53861

Artigo principal: Panteón de Galegos Ilustres.

En San Domingos de Bonaval, de regreso a Santiago, conclúe a viaxe. En Bonaval está o Museo do Pobo Galego e o Panteón de Galegos Ilustres. Neste lugar sagrado e íntimo podemos contemplar o mausoleo de Rosalía.

Lectura relacionada: "!Adiós¡", de Follas novas.

Notas

  1. "O amor galicián»". Galicia Hoxe. 3-3-2009. A súa outra paixón foi a figura e a obra de Rosalía de Castro (...) Froito desta paixón son as antoloxías que realizou da escritora. Porén, foi máis alá e creou para ela unha ruta literaria, que percorre as paisaxes que evocaron os seus escritos

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas

Avelino Abuín de Tembra

Avelino Abuín González, chamado Abuín de Tembra, nado en Imo (Dodro) en 1931 e finado en Santiago de Compostela o 2 de marzo de 2009, foi un escritor galego.

Cemiterio de Adina

O cemiterio de Adina é un camposanto situado en Iria Flavia. En 1975 foi declarada Ben de Interese Cultural a igrexa de Santa María de Iria Flavia e o seu contorno, do que o cemiterio de Adina forma parte.

Cornes, Conxo, Santiago de Compostela

Cornes é un lugar do antigo concello de Conxo, situado ao suroeste de Santiago de Compostela e dende 1925 integrado neste. Cornes aínda existe como núcleo, integrado agora na cidade compostelá.

Fundación Rosalía de Castro

A Fundación Rosalía de Castro é unha institución cultural galega, constituída o 15 de novembro de 1947 por Xosé Mosquera Pérez (O Vello dos Contos) no Hotel Compostela de Santiago de Compostela baixo o nome Patronato Rosalía de Castro que se converteu en Fundación Rosalía de Castro nun acto celebrado no Colexio de Fonseca da mesma cidade o 29 de decembro de 1995. Os seus estatutos foron legalizados pola Xunta de Galicia en decembro de 1997 e renovados en 2008 (en vigor desde 2009).

En 2015 réxese por unha Presidencia elixida polo Padroado entre os seus membros. O Padroado é o órgano de goberno, representación e administración da Fundación e está composto por quince membros institucionais e por personalidades da cultura que teñan especial vínculo coa obra de Rosalía de Castro. O Padroado designa un Presidente, un Vicepresidente, un Secretario e un Tesoureiro de entre os seus membros. Designará tamén unha Comisión Executiva que se compón pola Presidencia, pola Vicepresidencia, pola Secretaría, pola Tesouraría e por catro vogalías (sendo unha delas a Dirección do Centro de Estudos Rosalianos) cuxas funcións son: a xestión ordinaria dos asuntos da Fundación, a adopción de Acordos por razón de urxencia dando ulterior conta ao Padroado e as funcións que este delegue.

Nos seus 67 anos de historia contou con nove presidentes que foron —cronoloxicamente citados—: Luís Iglesias Iglesias, Juan Gil Armada, Xosé Mosquera Pérez, Octavio Sanmartín Domínguez, Agustín Sixto Seco, Carlos Amable Baliñas Fernández (en funcións tras a morte de Sixto Seco), Helena Villar Janeiro, Ana Blanco Gómez (durante dous meses tras a dimisión de Villar Janeiro) e Anxo Angueira Viturro, que a dirixe a maio de 2015.

Este organismo naceu coa vontade de restaurar a casa na que vivira Rosalía de Castro nos seus derradeiros anos e de a converter nunha casa museo (e sostela posteriormente), coidar do Panteón de Galegos Ilustres e difundir e promover a cultura galega.

Entre as súas finalidades están: fomentar o coñecemento e a conservación da memoria de Rosalía, de Manuel Murguía e dos seus fillos; a promoción do estudo, da edición e da divulgación da vida e obra de Rosalía, da Galicia do seu tempo e da súa influencia posterior; conservar o conxunto da Casa-Museo de Rosalía, conservar e incrementar o patrimonio rosaliano (mobles, pertenzas, recordos persoais de Rosalía etc.) dispoñéndoo do mellor xeito para que poida ser contemplado e estudado, coidar do Mausoleo de Rosalía sito no Panteón de Galegos Ilustres (Igrexa de San Domingos de Bonaval en Santiago) e máis da campa que albergou antes o seu corpo no cemiterio de Adina en Iria Flavia (Padrón, A Coruña); celebrar actos, cando menos, nas dúas datas rosalianas (24 de febreiro e 15 de xullo) ademais da celebración da Misa Votiva do 25 de xullo —acto que se viña celebrando desde 1932 e desde 1969 en lingua galega converténdose no único acto público en que se consentían o galego, as reivindicacións galeguistas e a presenza de políticos disidentes durante a ditadura franquista— e da Ofrenda Floral no Panteón de Galegos Ilustres ante a tumba da poetisa e fomentar e difundir a lingua e a cultura galegas.

No ano 2015 estaba representada no Pleno do Consello da Cultura Galega e na Ascociación de Casas-Museo e Fundacións de Escritores (ACAMFE).

Ten a súa sede na Casa da Matanza (antigamente coñecida como Horta da Paz), en Padrón (A Coruña).

Lista de monumentos da provincia da Coruña

Esta é unha lista dos monumentos da provincia de Coruña que están declarados como BIC polo Ministerio de Cultura ou pola Xunta de Galicia.

Pazo de Arretén

O pazo de Arretén, coñecido como Casa Grande, é un pazo situado no lugar de Arretén, parroquia de Iria Flavia, concello de Padrón, de titularidade privada, no que viviu a escritora galega Rosalía de Castro.

Pazo de Hermida

O Pazo de Hermida é unha construción civil situada en Lestrobe, é un dos lugares máis singulares do concello de Dodro. Está declarado Ben de Interese Cultural con categoría de monumento. É coñecido tamén como Torres de Lestrobe, e actualmente é unha casa de turismo rural.

Rosalía de Castro

Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro, nada en Santiago de Compostela o 24 de febreiro de 1837 e finada en Padrón o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna e unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego decimonónico, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.

Rosalía de Castro (1837-1885)
Obra
Familia
Lugares

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.