Romaría Viquinga de Catoira

A Romaría Viquinga de Catoira é unha festa profana que se celebra en Catoira nas contornas do castellum honesti, as actuais Torres de Oeste, cada primeiro domingo de agosto dende o ano 1961, lembrando o papel que tivo Catoira na defensa de Galiza fronte aos ataques normandos na procura do tesouro da Igrexa compostelá, e onde se escenifican as invasións viquingas ocorridas no lugar hai arredor de mil anos.[1]

Os veciños de Catoira vístense de guerreiros viquingos e de campesiños galegos da época para representar a loita. A festa comeza ás 10 da mañá coa música popular galega polas rúas da vila. Mais a festa en si faise arredor dos restos das torres e da Capela de Oeste, na beiramar da Ría de Arousa co río Ulla, onde se instala a feira medieval onde se ofrecen mexillóns e viño do Ulla. O cénit da romaxe ocorre co desembarque. Os veciños que fan de normandos arriban pola ría cunha réplica dun bote viquingo do século XI para tomar as torres. O resto dos veciños fan de habitantes da vila, que intentarán loitar contra o invasor na beiramar. Os participantes rematan pingando de viño e auga. Os festexos seguen cun xantar popular (sardiñada, polbo, empanada…), co son de fondo das gaitas. A festa remata coa verbena[2].

Barco viquingo festa catoira
Nave viquinga na Ría de Arousa.

Marco histórico

Catoira foi dende a antigüidade un lugar estratéxico, a entrada polo mar até Compostela, polo que xa dende a Idade Media estableceuse un importante complexo militar para a defensa do sepulcro do apóstolo dos ataques principalmente normandos e sarracenos, polo que se construíron diversas torres de defensa no fondo da ría, onde desemboca o río Ulla, as chamadas Torres de Oeste. Foi o rei de Galiza Afonso III o que mandou erguer no século IX, ademais da Catedral de Santiago, a reconstrución do ‘’Castellum Honesti’’ en Catoira. O castelo converteríase nun dos máis importantes de Europa, e deste consérvanse só, parte de dúas das grandes torres. O edificio seguiu medrando cos traballos do rei de Galiza e León, Afonso V, que venceu os normandos de Olaf Haraldson. Despois de que no século XII a monarquía doase o Castelo á mitra compostelá, os bispos Cresconio e Diego Peláez continuaron a fortificar a cidadela, para a defensa de Santiago. Ademais disque no Castelo naceu Diego Xelmírez, primeiro arcebispo de Santiago, xa que seu pai, o cabaleiro Xelmirio, fora alcaide da fortaleza no século XI. As torres impediron durante séculos o ascenso polo Ulla dos exércitos normandos e sarracenos; o deseño final do século XIII era un recinto elíptico con sete torres (fican no século XXI en pé, só dúas do século XI; as ruínas doutras dúas son do século XII, sendo de época romana os restos doutras que se orientan cara ao interior). No medio existía unha gran torre central. Na Alta Idade Media chegan a Jakobsland (Terra de Xacobe, nome que eles lle daban a Galiza) as primeiras vagas de piratas normandos atraídos polas novas sobre as riquezas da capital compostelá. Os viquingos saquean e queiman vilas en toda a costa, e entran pola Ría de Arousa acadando en 850 Iria Flavia, provocando a fuxida do bispo e do cabido a Compostela. Nos anos 859 e 968 fíxose, porén, unha boa defensa galega dende o ‘’Castellum Honesti’’ (Torres de Oeste), conseguindo deter o ataque escandinavo e impedindo que estes acadasen Compostela.

Despois de que o Reino de Galiza perdese o seu poder lexislativo, pasando a depender da coroa de Castela, e especialmente a partir do reinado dos Reis Católicos, Catoira entra nun período de progresiva decadencia. As torres servirán de canteira para as vilas da zona.

A festa

Fiesta Vikinga en Catoria, Galicia
Veciños disfrazados na romaría cunha das Torres de Oeste no fondo.

A festa comezou a celebrarse en 1961. A primeira etapa foi a do Ateneo do Ullán entre 1961 e 1964. Todo comezou no ano 1959, cando o poeta e crego de Isorna, Faustino Rey Romero e mailo poeta catoirense Baldomero Isorna Casal, fundan o Ateneo do Ullán, un foro artístico e literario formado por intelectuais das terras do Ulla. Este grupo de intelectuais son quen decidiron en 1960, nunha das súas tertulias, que estaría ben celebrar a xeito de festa o desembarque do rei Ulfo. A primeira Romaría Viquinga tivo lugar o 29 de xullo do 1961, cunha misa na Capela de Santiago das Torres de Oeste, na memoria de Diego Xelmírez, e demais defensores da fortaleza. Ademais Pedro Montañés, coroado con pólas de árbores, representaba o temíbel viquingo Ulfo, e saltaba á terra dende a súa dorna, para ir ao encontro do bispo Cresconio, representado por Rey Romero que, con solemnes palabras, dominaba o invasor, facéndolle axenlloarse submisamente ante o representante da cristiandade. Despois tiña lugar un xantar campestre co son dunha banda de gaiteiros, ademais dun acto literario no que participaban escritores da comarca, e no que se basea o actual pregón das festas. Á noite, nas ameas das torres, acendíanse cacharelas para lembrar o xeito no que noutrora se anunciaba a arribada de piratas na ría[3].

A segunda etapa comeza en 1965 e dura até 1990, é o período de consolidación da romaría, desta volta patrocinada pola empresa local de Cerámica Domínguez do Noroeste S.A. e organizada polos seus traballadores. En 1988 a festa foi declarada de "Interese Turístico Nacional".[4]

A terceira e última etapa comeza en 1991, cando é o propio Concello de Catoira quen colle a rendas da festa, é o período de proxección internacional, orixinando o irmandamento coa vila dinamarquesa de Frederikssund. No ano 2002 a festa foi declarada de "Interese Turístico Internacional".[4][5]

Irmandades de Catoira

Danish sailboats
Veleiros na ría de Frederikssund (Dinamarca).

A romaría é tamén importante para Galiza polo intercambio cultural sobre as invasións normandas que se vén desenvolvendo en Catoira co seu irmandamento en 1993 coa vila dinamarquesa de Frederikssund; e un ano máis tarde, en 1994 coa vila británica de Watchet, as tres ligadas historicamente polo desembarque viquingo.

Galería de imaxes

Artigo principal: Galería de imaxes de festas de Galicia.
Catoira 060905 033

Escultura nunha rotonda da vila de Catoira que conmemora a arribada viquinga.

Romaría viquinga en Catoira, Galiza

Viquingos a celebrar a vitoria tralo desembarque.

Viquingos na festa Viquinga de Catoira

Bocois de viño na festa.

Catoira barco vikingo

Réplica dun barco viquingo na ría.

Catoira Drakar Vikingo - panoramio

Drakar viquingo en Catoira.

Notas

  1. Spain Info. "Cada primer domingo de agosto los habitantes de Catoira escenifican con un singular espectáculo las invasiones vikingas sufridas hace mil años.". Consultado o 6 de febreiro de 2017.
  2. Turismo de España
  3. A partir da información da páxina web do concello sobre a festa.
  4. 4,0 4,1 A Deputación promociona nove festas de interese turístico coa campaña 'Somos historias'
  5. "Páxinas Galegas". Arquivado dende o orixinal o 10 de marzo de 2016. Consultado o 10 de marzo de 2016.

Véxase tamén

Outros artigos

Barco

Un barco ou embarcación é calquera construción destinada a desprazarse sobre a auga, impulsada polo vento, por remos ou por rodas ou hélices movidas por un motor. Xeralmente de construción cóncava a base de madeira, metal, plástico ou outro material; debido á súa forma e ao principio de Arquimedes, aboia na auga, e é utilizado tanto no mar, coma en lagos e ríos para o transporte de bens ou persoas. Dedicado á navegación marítima ou a funcións militares .

Catoira

Catoira é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca de Caldas. Segundo o padrón municipal (INE 2013) conta con 3.421 habitantes (1.683 homes e 1.738 mulleres). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «catoirense».

Festa

Unha festa é un rito social mediante o cal as persoas marcan certo acontecemento derivado polo xeral dun motivo concreto ou especial, como un aniversario ou unha voda; non obstante, sobre todo na cultural occidental, non se considera imprescíndibel a existencia dun motivo definido, puidéndose xa que logo levar a cabo a festa coma un simple acto ocioso de xuntanza. Asé mesmo, o carácter festivo tamén engloba os festexos ou celebracións polulares, que segundo o tipo reciben o nome de foliadas ou romarías; tamén neste grupo de carácter folclórico entran as feiras.

Como rito que é, a festa segue uns patróns, que adoitan incluír bailes, música e dispensación de comida e bebida. Con todo, o concepto de festa é aberto e non ten unhas directrices fixadas, de xeito que estes patróns poden mudar para ficar nun segundo plano ou mesmo para terminar por desaparecer.

Os participantes da festa poden ser de todo tipo. Calquera individuo pode nun momento dado formar parte dela; dende unha familia ou grupo social até unha localidade, vila, municipio ou mesmo unha nación.

En canto á mocidade, o termo festa é dotado de novas acepcións, chegando a entenderse decote coma unha diversión buliciosa. Daquela, a palabra festa multiplícase dando orixe a diversas denominacións: xolda, esmorga, algueirada, pándega, rexouba, troula, trouleo, ruada...

Festas de interese turístico de Galicia

A seguinte é unha lista de festas de interese turístico de Galicia. Trátase dunha denominación honorífica outorgada a festexos ou acontecementos que se celebran en Galicia e que ofrecen interese real desde o punto de vista turístico. A declaración de Festas de Interese Turístico Galego é un nomeamento outorgado polo Consello da Xunta de Galicia a través dunha proposta por parte da Consellería de Economía e Industria.

As Festas de Interese Turístico Nacional e de Interese Turístico Internacional, son declaradas pola Secretaría de Estado de Turismo, dependente do Ministerio de Industria.

Festas de interese turístico internacional de España

A declaración de Festa de interese turístico internacional é unha distinción de carácter honorífico que se concede en España pola Secretaría Xeral de Turismo do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio do Goberno de España, ás festas ou acontecementos que supoñan manifestacións de valores culturais e de tradición popular, con especial consideración ás súas características etnolóxicas e que teñan unha especial importancia como atractivo turístico.

Galería de imaxes de Galicia

Galería de imaxes de Galicia.

Galería de imaxes de festas de Galicia

Galería de imaxes de festas de Galicia.

Galicia

Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal.

Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.

Santiago de Compostela é a capital, cun estatuto especial dentro da provincia da Coruña. Galicia posúe 2 718 525 habitantes (2016), cunha distribución poboacional que aglomera a meirande parte na franxa entre Ferrol e Vigo. En Galicia, os núcleos urbanos con rango de cidade son sete, que segundo criterios poboacionais son os seguintes: Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo, Santiago de Compostela, Pontevedra e Ferrol. Ten unha superficie de 29 574,4 km².

O concello máis poboado é o de Vigo con 292 817 habitantes e o menos poboado o de Negueira de Muñiz con 215 habitantes no 2016. O concello máis extenso é o da Fonsagrada cunha superficie de 438,4 km² e o máis pequeno o de Mondariz-Balneario con 2,3 km². A Coruña é o concello con maior densidade de poboación con 6449,32 hab./km² e Vilariño de Conso é o que ten menor densidade de poboación con 2,92 hab./km² no 2016.

Plácido Castro

Este artigo trata sobre o xornalista e tradutor. Para o artigo sobre o seu pai, vaia a Plácido Castro Rivas.Plácido Ramón Castro del Río, nado en Corcubión o 25 de xaneiro do 1902 e finado en Cambados o 17 de xullo de 1967, foi un escritor, xornalista e tradutor galego. Foi unha figura destacada do galeguismo de entreguerras, así como un activo persoeiro da cultura galega na diáspora, durante a súa estadía no Reino Unido tras a Guerra Civil.

Torres de Oeste

As Torres de Oeste son un sitio arqueolóxico composto polas ruínas consolidadas dunhas torres de orixe romana que serviron de enclave fundamental para a defensa das terras da arquidiocese de Santiago de Compostela dos ataques normandos na Alta e na Baixa Idade Media.

Trátase dun castelo de acceso libre e uso turístico e foi declarado Monumento Nacional.

Viquingos en Galicia

A presenza de viquingos en Galicia tivo lugar entre os séculos IX e XII, cando estes deviran unha potencia naval e militar, lanzando expedicións de saqueo e conquista polo océano Atlántico e subindo polo leito dos ríos até as cidades que pretendían saquear. Así chegaron até o mar Mediterráneo, e no camiño estaba Galicia.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.