Roma antiga

Roma, en orixe unha cidade-estado, deu nome ao estado máis extenso da antigüidade europea.

Roman Republic Empire map
Animación mostrando a expansión de Roma desde os inicios até a caída do Imperio Romano (510 a. C. ao 530 d. C.).      República Romana     Imperio Romano     Imperio Romano de Occidente     Imperio Romano de Oriente

Historia

Comeza coa fundación de Roma (no século VIII a. C.) e pode dividirse en tres etapas: a Monarquía, a República e o Imperio. A fundación de Roma está envolta nunha morea de lendas, que a arqueoloxía só pode corroborar en parte. Parece que o primeiro núcleo poboacional foi a aldea de Alba Longa e Roma foi unha extensión da mesma, e que os sete outeiros foron poboados por dous pobos diferentes, os sabinos e os latinos, pero o poboamento final dos outeiros non chegou ata o século VI a. C.

Monarquía

Artigo principal: Monarquía romana.
Rome Liddell 1860 Lupa Capitolina
Imaxe da loba romana que segundo a tradición deu de mamar os xemelgos Rómulo e Remo.
Reis de Roma
Rei Período de reinado
Rómulo -753 --716
Numa Pompilio -715--674
Tulio Hostilio -673--642
Anco Marcio -642--617
Tarquinio Prisco -616--579
Servio Tulio -578--535
Tarquinio o Soberbio -535--510

Segundo a tradición, ao primeiro rei, Rómulo, sucedérono Numa Pompilio, Tulio Hostilio (vencedor en Alba), Anco Marcio, e os reis etruscos Tarquinio o vello, Servio Tulio e Tarquinio o Soberbio. O derrocamento deste último polos nobres romanos no ano -509 inicia a República.

O suposto reinado de Rómulo é moi pouco verosímil, pero Numa Pompilio, é considerado o organizador da relixión oficial. Con Tulio Hostilio, chega a destrución de Alba Longa, á que Roma estaba sometida e foi tamén o primeiro lexislador do seu pobo. Coa expansión etrusca, chega a conquista deste pobo, e os seus reis deixaron importantes obras públicas na cidade, como o desecamento do pantano, onde máis tarde se construíu o Foro, que chegaría a ser o núcleo da vida pública da cidade e arredor do cal se organizaría o desenvolvemento urbanístico da cidade. A drenaxe do pantano fíxose a través da Cloaca Maxima, que xa quedaría dende entón como o eixo do sistema de sumidoiros. Os etruscos introduciron o alfabeto escrito, animando o comercio e a actividade económica en xeral. Co rei Servio Tulio, tivo Roma a súa primeira Constitución.

Seguramente a institución romana mais antiga sexa a gens unha unidade social baseada nun antepasado común. E posíbel que se formase pola unión de varias familias establecida nunha mesma veciñanza, que se reunían para tomar decisións que os afectaban colectivamente e celebraban os seus ritos relixiosos e fúnebres particulares e pechados aos estraños. Os membros da gens ou gentiles poderían ter clientes, isto é, persoas adscritas á gens pero alleas a ela, que lles prestaban servizo a cambio de protección. Máis tarde, coa promulgación da lei das Doce Táboas, as obrigacións mutuas quedaron fixadas e outorgaron ao cliente o dereito a recibir axuda en materia xudicial por exemplo, pero debía prestar apoio á gens de carácter militar, político e mesmo de diñeiro. Nesa época arcaica adoitaban ser campesiños que se adscribían á terra que traballaban cos conseguintes dereitos e obrigas. Dentro da gens foi gañando peso e autonomía a familia. Esta estaba sometida por enteiro ao paterfamilias que gobernaba aos seus fillos e escravos e era o titular dos bens. A familia era patrilineal, e no caso de que non houbese descendencia, as funcións do pai pasaban á rama colateral.

Outra agrupación importante foi a Curia, que proviña da antiga organización tribal das primitivas aldeas e era o terceiro nivel de encadramento social do individuo na Roma arcaica, xa que correspondía máis ou menos a sacerdotes, guerreiros e produtores. O nome de cada Curia vén do sitio onde se reunían, pero, co paso do tempo, estas reunións celebráronse no Palatino. Nun principio a Curia tiña un propósito relixioso á fronte se colocou un curio máximo. Outra funciono da Curia foi o recrutamento de infantes, xa que debía proporcionar unha centuria en caso dalgún conflito bélico.

Patricios e plebeos

Parece que nun primeiro intre, non habería antagonismo entre as dúas clases. A distinción viña máis ben da súa orixe: os patricios serían os descendentes dos pobos latinos establecidos en Roma, que se impuxeran aos autóctonos. Quizais os sabinos e os descendentes autóctonos serían a plebe. A estrutura social e impermeábel das gentes tería impedido ou dificultado as mesturas entre eles. Nos derradeiros tempos da monarquía, as diferenzas serían económicas, xa que o patriciado estaba maiormente dedicado á gandería, mentres que os membros da plebe eran agricultores e man de obra inmigrada.

En calquera caso, co paso dos séculos, os patricios iríanse constituíndo en clase, procurando acaparar os privilexios. Este acaparamento foi consagrado ao facerse co poder e proclamar a república.

Precisamente o nome de patricios vén de pater 'pai', cando uns senadores, representantes de determinadas gentes, reclamaron o carácter hereditario do seu cargo e o remataron obténdoo.

O rei e o Senado

A monarquía latina non era absoluta nin se herdaba. Non se sabe moi ben cales eran os criterios para nomear o rei, pero todo parece indicar que se fiaban dos augurios. Os poderes rexios estaban moi limitados polo Senado. En materia relixiosa, o rei desempeñaba o cargo de summus pontifex (o que tende as pontes entre os homes e os deuses). Outra competencia tamén era a fixación do calendario, ao que se procedía na época das kalendas. Na xuntanza do pobo comunicábaselles entón cales eran os días fastos e cales os nefastos, que se establecían tamén mediante augurios, e cando conviña entón convocar xuntanzas, cando administrar a xustiza.

Esta derradeira función corría a cargo do rei, aínda que dadas as atribucións do pater familias no ámbito da súa competencia, o rei viña a ser como un arbitro, sobre todo cando habería problemas entre dúas gentes. Parece que esta función xudicial ou arbitral estaba conectada coas súas funcións relixiosas.

En materia política tamén desempeñaría unha función unificadora e de mantemento da cohesión social. Foi o Senado co que compartiu o poder e fiscalizou a actuación deste. Seguramente a orixe do Senado hai que buscala na necesidade das primitivas aldeas había pouco unificadas de dispoñeren dunha Asemblea de orde superior na que estivesen representados os patres familias. Sabemos que inicialmente o constituían cen membros, cantidade que se triplicou durante a monarquía etrusca. Os poderes do Senado nesta fase non están claros, e pola mesma razón non están tampouco os do rei, é case seguro que compartían o exercicio da autoridade.

República

Artigo principal: República Romana.

Na república, as atribucións do rei pasan a ser exercidas por dous cónsules durante un ano que poden, con permiso do Senado, designar un ditador con poderes case ilimitados pero temporais (seis meses). Co cambio de réxime comezan as largas loitas entre dúas clases sociais: os patricios e os plebeos, ao redor do ano 300 a. C. os patricios tiveron que ceder e os plebeos alcanzaron a igualdade legal (máis aparente que real). A causa disto foi a situación exterior de Roma, que ata o ano 202 a. C. estivo implicada sucesivamente en guerras contra os etruscos, os latinos, os volscos, os ecuos e os samnitas (guerras samnitas). Ao final destas guerras, Roma gobernaba toda Italia, e estendíase alén do Mediterráneo coa conquista de Taranto (272 a. C.) e, seguindo coa súa política de expansión enfróntase a Cartago nas guerras púnicas. Tras a derrota destes no ano 146 a. C., Roma pasa a controlar o norte de África. Nese mesmo ano Corinto foi arrasada e Macedonia conquistada, así Roma tiña o control das dúas beiras do Mediterráneo e emprendeu a conquista da Península Ibérica e das Galias.

Tras estas conquistas tivo lugar un intento de reforma agraria por parte dos irmáns Graco que trataba de mellorar a situación da plebe, cada día máis miserábel e numerosa, pero a tentativa fracasou e a nobreza seguiu conservando a súa superioridade. A guerra de Numidia fixo que Mario destacase pola captura do rei Iugurta no 105 a. C., comeza así unha crise social debida á rivalidade entre Mario (apoiado polas clases populares) e Sila (apoiado pola aristocracia), na que este último vence e se proclama ditador sen límite temporal (82 a. C.). No ano 60 a. C., tras a abdicación de Sila, Pompeio toma o poder e forma un triunvirato con Xulio César e Craso. A loita polo poder desencadeou unha guerra civil que deixou a César como ditador ata o seu asasinato en marzo do 44 a. C., a súa morte levou a unha guerra civil entre Marco Antonio e Octavio Augusto.

Imperio

Artigo principal: Imperio Romano.
Roman Empire Map
Mapa da expansión romana durante o mandato do emperador Traxano.

Tras a derrota de Marco Antonio no ano 27 a. C., o senado concédelle a Octavio o título sacrosanto de augusto, converténdose así no primeiro emperador e inaugurando a dinastía Xulio-Claudia; certo que Octavio non aboliu legalmente a República e compartía o poder co Senado, pero, na realidade, era el quen tomaba as decisións. O Imperio estableceu novas estruturas económicas, políticas e relixiosas para administrar un territorio cada vez máis grande. Octavio adoptou ao seu fillastro Tiberio ao que seguiron varias dinastías de emperadores.

Baixo o mando de Constantino I, no século IV, o cristianismo converteuse na relixión preponderante do Imperio. O emperador Xuliano o Apóstata tentou volver ao paganismo, pero con Teodosio I o cristianismo asentouse definitivamente nun Imperio que á súa morte, de feito, xa estaba invadido polos bárbaros e se desmembrou. Finalmente, no ano 476 Roma caeu nas mans dos visigodos ao mando de Alarico, só sobreviviu o Imperio Romano de Oriente, ata que en 1453 os turcos tomaron Constantinopla.

Sociedade

A vida romana propiamente dita tiña lugar nas cidades xa que este era o único modo civilizado de vida para os romanos, que asociaban a vida do campo cos pobos bárbaros, se ben é certo que os romanos ricos gozaban da natureza e gustáballes ter grandes vilas lonxe da cidade aínda que a estancia no campo podía resultar moi perigosa pois eran comúns os grupos de bandidos.

Clases sociais

A sociedade romana é ante todo unha sociedade con profundas divisións de clases, os cidadáns romanos dividíanse en patricios (pertencentes á nobreza) e plebeos (o resto do pobo). No ano 450 a.C, tras anos de loitas civís (e mesmo unha secesión da plebe) promúlgase a Lei das XII táboas, coa que os plebeos alcanzaron a igualdade legal, pero esta igualdade era máis aparente que real; os patricios tiñan o poder económico, o poder político (a pesar de os plebeos tamén teren representantes no senado, eran os patricios quen ocupaban os cargos políticos), relixioso e xudicial. A sociedade romana era unha sociedade pensada para acentuar as diferenzas entre as clases sociais, porque os patricios eran tamén os únicos en ter acceso á cultura. De todos modos, tanto os patricios como os plebeos estaban por riba do resto dos habitantes das provincias do Imperio, xa que posuían a categoría de cidadáns romanos, que lles outorgaba privilexios legais e tributarios, ademais do dereito ao voto. Co edicto de Caracalla (ou Cosntitutio Antoniana), promulgado no ano 212, todos os habitantes do Imperio foron declarados cidadáns romanos.

Os únicos que practicamente non melloraron a súa condición durante os 1000 anos de civilización romana foron os escravos, que non eran máis que simples obxectos, que realizaban o traballo manual, se ben é certo que algúns escravos realizaban labores intelectuais (os helenísticos) e nalgúns casos mantiñan relacións de amizade co señor (dominus) ou a señora (domina), que podían terlles agarimo ou mesmo permitirlles comprar a súa liberdade. Os escravos liberados chamábanse libertos e ocupaban unha posición moi baixa na escala social (carecían practicamente de dereitos), ademais moitos deles seguían mantendo relacións de fidelidade cos antigos donos. No século VI, o emperador Xustiniano I deu a cidadanía romana aos libertos.

A familia

A familia estaba baixo o mando do pai que tiña poder absoluto sobre a súa esposa e fillos (pater familias). Os fillos só se libraban da potestade do pai cando este finaba ou, no caso das mulleres, cando casaban (e pasaban a estaren baixo o mando do seu home). Ademais, os fillos tiñan que ser recoñecidos polo pai cando nacían, e se non eran abandonados, ou incluso o pai podía mandar matalos. Respecto ao matrimonio hai que aclarar que o concepto que tiñan os romanos del era moi diferente ao actual, para os romanos o matrimonio non se baseaba no amor senón que era unha mera cuestión reprodutiva. Así, eran frecuentes os divorcios que se levaban a cabo mediante a simple presentación dunha carta. Aínda así, hai que apuntar que a pesar de que o seu papel na sociedade era moi escaso, as mulleres eran respectadas.

Relixión

Por estraño que pareza, coñécense moi poucas fontes informativas da relixión romana xa que os historiadores romanos daban máis importancia a outros temas, como as conquistas do Imperio. As poucas fontes coñecidas dan a entender que a relixión romana se baseaba nuns ritos que se celebraban en actos públicos por sacerdotes ou maxistrados. Os ritos podían ser de dous tipos: o sacrificio ou a adiviñación. O sacrificio consistía en matar un animal para logo ser comido nun banquete polos sacricadores. A adiviñación era unha especie de solicitude que facían aos deuses para que estes aceptasen as accións que ían realizar.

Os romanos tiñan un concepto de relixión moi diferente ao noso, para eles non era necesaria a fe, bastaba coa pietas (piedade), a adoración aos deuses mediante a celebración dos ritos.

Cada familia, gens, ou cidade tiña os seus deuses favoritos. En cada casa había un "altar" dedicado ao deus da familia que ás veces o era xa dende tempos ancestrais.

No século I a. C., ao primeiro emperador, Octavio, concédenlle o título de Augusto que o identificaba como un representante dos deuses na Terra, o que quere dicir que para romanos o emperador era unha especie de divindade terreal á que se rendía culto.

Os romanos non trataban de impoñer a súa relixión aos pobos conquistados e, polo xeral, eran respectuosos coas súas relixións, sempre que respectasen a pax deorum, que respectasen aos seus deuses. Os cristiáns foron perseguidos porque ademais de criticar o sacrificio, se negaban a render culto ao emperador e foron vistos como unha ameaza.

Panteón de deuses

Artigo principal: Mitoloxía romana.

Sábese que xa os primeiros pastores romanos adoraban a algunhas divindades. Cando, séculos máis tarde, os romanos entraron en contacto coa cultura grega tomaron deles, entre outras cousas, o seu panteón de deuses, asimilando as divindades gregas coas súas. Estes deuses non eran seres perfectos e cheos de virtude, senón que eran iguais aos humanos en defectos, o único que os diferenciaba era que eran inmortais e que posuían poderes sobrenaturais.

Os deuses máis importantes eran:

Deus/Deusa Atribucións
Apolo Deus do Sol
Baco Deus do viño
Ceres Deusa da Terra
Cupido Divindade do amor e da reprodución
Diana Deusa da Lúa e da caza
Fortuna Deusa da sorte
Xano Deus das portas
Xuno Esposa de Xúpiter, deusa do matrimonio
Xúpiter Divindade suprema, deus dos fenómenos físicos
Marte Deus da guerra
Mercurio Mensaxeiro dos deuses
Minerva Deusa da sabedoría
Neptuno Deus dos mares
Plutón Deus do inferno
Proserpina Esposa de Plutón
Saturno Deus do tempo
Urano Deus dos ceos
Venus Deusa do amor
Vesta Deusa do fogar
Vulcano Deus do lume

Véxase tamén

Outros artigos

Antigüidade clásica

A Antigüidade clásica é un termo amplo que abrangue un longo período de tempo nas áreas dominadas por Grecia e Roma; é dicir, identifícase co período grecorromano da Idade Antiga no mundo grecorromano: a Conca do Mediterráneo e o Oriente Próximo.

A Antigüidade clásica localízase no momento de plenitude das civilizacións grega e romana (século V a. C. ao século II) ou no sentido amplo, en toda a súa duración (século VIII a. C. ao século V a. C.). O termo oponse á Antigüidade tardía e remite á herdanza da civilización grecorromana. É, sobre todo, empregado pola historiografía anglosaxoa para describir a Antigüidade. Neste senso, considérase que este período comézase co poema grego de Homero (século VIII-VII a.C), o máis antigo atopado intacto até os nosos días. Este período abrangue o auxe do cristianismo e o declive do imperio romano e remata coa disolución da cultura clásica e o principio do período denominado Antigüidade tardía (300-600 d. C.) e da Alta Idade Media (500-1000 d.C).

A dimensión espacial coincide coa conca do Mediterráneo, espallada cara ao Oriente Próximo co Imperio de Alexandre Magno e o Helenismo, e cara a Europa Occidental co Imperio Romano. O emprego deste termo é unha referencia para a Europa dos séculos XVIII e XIX, fortemente influenciada polo clasicismo, ademais do neoclasicismo na súa cultura, reiventándose unha continuación dese pasado por medio dunha prolongación indirecta. A laxitude ao redor das ideas transmitidas polo Occidente cristián é, pois, evidente.

O termo clásico significa 'digno de imitación', e derívase da admiración pola arte, a literatura e a cultura en xeral de Grecia e Roma que se redescubre no Renacemento tras unha Idade Media cuxos valores se desprestixiaron. O mesmo aconteceu co Neoclasicismo, movemento intelectual e artístico que segue ao descubrimento das ruínas de Pompeia a mediados do século XVIII.

Tal mostra ampla de historia e territorio cobre moitos períodos e culturas dispares. Por iso, a "Antigüidade clásica" refírese máis que nada a unha visión idealizada posterior sobre o que era esa época. A civilización dos antigos gregos foi inmensamente influente na lingua, política, sistema educativo, filosofía, ciencia, arte e arquitectura no mundo moderno, volvendo durante o Renacemento na Europa occidental e rexurdindo novamente durante varios movementos neoclásicos no século XVIII e XIX.

Arte da Roma antiga

A arte da Roma antiga ou arte romana foi unha das manifestacións máis importantes da cultura de Roma, e é unha das máis ricas fontes de estudo para a comprensión do mundo romano como un todo. Os romanos derivaron a súa arte orixinalmente dos pobos itálicos que habitaban na súa contorna. Entre eles destacáronse os etruscos, que no período da monarquía dominaron os romanos política e culturalmente. No entanto, a cultura etrusca baseárase moito na grega, transmitíndose aos romanos esta influencia precoz. Axiña, no seu proceso de expansión territorial, os romanos entrarían en contacto directo con colonias gregas no sur de Italia, e despois coa Grecia mesma, iniciando un longo período de absorción intensa das súas referencias culturais, que se tornaron no fundamento de toda a cultura romana, expresándose nunha variedade de eidos artísticos, como a literatura, a pintura, a escultura, a música, as artes decorativas e a arquitectura.

No entanto, aínda que os romanos sempre se orgulleceron de seren herdeiros culturais dos gregos, foron capaces de introducir lecturas innovadoras na herdanza recibida e adicionar elementos novos da súa preferencia especial, creando unha identidade propia e contribuíndo orixinalmente en varios aspectos. Por exemplo a invención do arco de volta perfecta e da cúpula na arquitectura, o desenvolvemento da perspectiva na pintura, a formulación dun xeito narrativo tipicamente romano na escultura, apreciándose especialmente na retratística, o desenvolvemento da retórica na literatura e na oratoria política, o gusto por temas cívicos e do cotiá, polo historicismo e polo ecletismo estético.

En relación ao seu imperio, a arte creada na capital, Roma, foi sempre o modelo, mais del xurdiron infinitas ramificacións e variaións. A súa civilización influenciou unha vasta área e durou máis de mil anos, e neste campo inmenso en perpetua transformación, englobando pobos e culturas extremamente diferenciados, formáronse ás veces escolas bastante individualizadas, que evoluíron preservando parte da súas linguaxes orixinais. Malia observarmos diverxencias ao longo dos anos e nas varias provincias, Roma conseguiu impor, aos seus territorios máis distantes, os seus principios culturais e artísticos e os seus sentidos máis esenciais, que funcionaron coma unha especie de lingua franca para a comunicación e o entendemento mutuo entre contextos tan dispares, e que ao mesmo tempo sinalaban para eses diversos pobos o que significaba ser romano e daban a dirección a ser seguida.

A arte romana foi de fundamental importancia para a preservación do legado grego, deixou monumentos notábeis polo seu propio dereito en todas as formas de expresión, a súa fase final foi a base inmediata para a formación da arte paleocristá, a arte bizantina e a arte medieval, e se mantivo coma unha das referencias máis centrais para a cultura de occidente ao longo de toda a súa historia, incitando sucesivos ciclos de revivalismo. Hoxe a arte romana é apreciada en todo o mundo, sendo obxecto de innumerábeis estudos e atraendo lexións de visitantes aos sitios e museos onde se preserva.

Cónsul romano

Levou o nome de Cónsul a maxistratura romana formada que substituíu á monarquía á fronte do Estado (Véxase República Romana). Cada ano elixíanse dous cónsules.

Progresivamente van perdendo atribucións: primeiro algunhas facultades xudiciais civís e criminais (delegadas en Cuestores ou Decenviros nomeados en cada caso); despois as súas decisións deberon ser referendadas polo Senado; despois perdeu a administración do Tesouro (en favor dos Cuestores) e a dos arquivos públicos; despois perdeu o control das arcas do exército (en favor dos Cuestores Militares); máis tarde perdeu as súas funcións de censor (en favor dos Censores) e de nomear as vacantes do Senado (tamén atribuídas aos Censores); despois perdeu a facultade de nomear Cuestores (que pasou aos comicios tribunados); logo perdeu outras atribucións xudiciais (en favor do Pretor); despois as competencias sobre festas, policía e mercados (en favor dos Edís Curuis), e tamén a facultade de nomear ditador (que pasou ao Senado). Ao final só conservaba algunhas funcións menores, o poder executivo das leis e o mando do Exército.

As funcións dos cónsules, ao aumentar o territorio, houberon de ser delegadas para cada provincia: primeiro en cuestores insulares con funcións consulares (nas illas desde o -227.) e despois coa figura do procónsul (ou propretor) para Hispania Citerior e Ulterior (-197.).

O -190 estableceuse que para acceder ao Consulado debía pasarse con anterioridade polas maxistraturas inferiores, cun tempo de inactividade prefixado entre cada maxistratura (véxase cursus honorum). Como ocorreu coa censura, esta disposición fixo que o consulado fose accesíbel case en exclusiva á aristocracia.

Os Cónsules foron patricios ata as Leis do -367. (387 de Roma). Do 387 ao 412 de Roma, a cuestión é debatida, con alternativas; do 412 ao 581 de Roma, houbo un cónsul patricio e un plebeo; desde o 582 de Roma, ostentan o cargo ben un patricio e un plebeo ou ben dous plebeos, e nunca dous patricios.

Ditador

Un ditador é un gobernante que exerce a autoridade absoluta ou autocrática e que asume solitariamente o poder sobre o Estado (a pesar do termo non se aplica as monarquías absolutistas). Un estado gobernado por un ditador chámase ditadura. A palabra ditador proben do título dun maxistrado da Roma Antiga proposto polo senado romano para gobernar o estado en tempo de emerxencias.Do mesmo xeito que o termo "tirano" (que orixinalmente era un título respectable do grego antigo), e en menor grao "autócrata", "ditador" chegou a ser usado case exclusivamente como un termo non nominal para o dominio opresivo, mesmo abusivo, con todo era raro o uso coa acepción moderna de ditador.

Exército romano

Exército romano é o termo xenérico empregado para referirse ás forzas armadas da Roma Antiga, durante a monarquía, a república, o imperio e habitualmente tamén ás do seu inmediato sucesor, o exército bizantino.

Guerras púnicas

As guerras púnicas foron guerras sostidas nos séculos III e II antes de Cristo entre Roma e Cartago. A causa foi a competencia económica e militar da emerxente Roma coa potencia marítima hexemónica no Mediterráneo occidental e central dos cartaxineses.

Lexión romana

A lexión romana (do latín legio, "leva") era a división fundamental do exército romano e estaba formada xeralmente por entre 5000 e 6000 soldados de infantaría (posteriormente 8000) e varios centos de cabaleiros e tropas auxiliares. As lexións tiñan un nome e un número e coñécense unhas 50. Habitualmente había 28 lexións máis os auxiliares.

Marcus Tullius Cicero

Marco Tulio Cicerón (en latín Marcus Tullius Cicero, pronunciado ['mar.kʊs 'tul.liʊs 'ki.ke.ro:]; máis coñecido por Cicerón) nado en Arpino o 3 de xaneiro do 106 a. C. e finado en Formia o 7 de decembro do 43 a. C. foi un xurista, político, filósofo, escritor e orador romano. Está considerado coma un dos máis grandes retóricos e estilistas da prosa en latín da República romana.

Moeda da Antiga Roma

A moeda da Antiga Roma é, de entre todas as moedas da Idade Antiga, a que coñeceu a máis ampla expansión xeográfica, ata se converter durante varios séculos na moeda común de todo o mundo occidental e o Mediterráneo.

Particularmente durante a maior parte da República Romana e na metade occidental do Imperio Romano, baseouse nun sistema constituído polo áureo (lat. aureus, "ouro"), o denario (lat. denarius) e o sestercio (lat. sestertius), de prata, e o dupondio (lat. dupondius) e o ás, de bronce, nunha aliaxe máis ou menos rica en cobre en función das épocas.

O áureo, que, por mor do seu alto valor, funcionaba máis como unidade de conta que como moeda efectiva, valía 25 denarios (estímase que cara á fin da República un denario equivalía ao salario diario dun traballador). Un denario valía 5 dupondios ou 10 ases (en 118 a. C., o valor do denario foi reaxustado a 16 ases). Un dupondio valía 2 ases, e 1 sestercio valía 4 ases. Estas moedas usáronse desde mediados do século III a. C. ata mediados do século III d. C. Nese século, a reforma de Caracalla substituíu o denario polo denario dobre, máis coñecido como antoniniano (lat. antoninianus), o cal, pola súa vez, desapareceu na reforma do sistema monetario de Diocleciano, que creou denominacións como o arxénteo (lat. argenteus), de prata, e o follis, de bronce prateado. Posteriores reformas, como a de Constantino de 324 d. C., estableceron o sólido (lat. solidus), de ouro, dividido en 3 tremis (gr. Τρεμίσσης -tremissis-; lat. tremis) ou en 24 siliquas (lat. siliqua), o miliarense (lat. miliarensis), de prata, e algunhas denominacións menores de bronze. Estas últimas moedas son as que estiveron en circulación ata a fin do Imperio Romano de Occidente.

Ovidio

Publio Ovidio Nasón, (latín: Publius Ovidius Naso) nado en Sulmona o 20 de marzo do 43 a. de C. e finado en Tomis, actual Constanza no mar Negro no 17 ou 18 d. C., foi un poeta romano que escribiu sobre temas de amor, mulleres abandonadas e transformacións mitolóxicas. Contase, xunto con Virxilio e Horacio, como un dos tres poetas por excelencia da literatura latina. Ovidio foi amplamente considerado o máis grande mestre do dístico elexíaco. A súa poesía, moi imitada durante o final da Idade Antiga e a Idade Medieval, tivo unha influencia decisiva na arte e a literatura de Europa durante moitos séculos.

Ovidio escribía en dísticos elexíacos con só dúas excepcións: o seu Medea perdida, os dous fragmentos da que se conservan están en trimetres iámbicos e en anapestos, respectivamente, e a súa grande Metamorfoses, que escribiu en hexámetros dactílicos, o mesmo que a Eneida de Virxilio e os poemas épicos (Ilíada e a Odisea) de Homero. Ovidio ofrece unha épica diferente á dos seus predecesores, unha historia cronolóxica do cosmos desde a creación ata o seu propio día, e incorpora moitos mitos e lendas sobre transformacións sobrenaturais propias das tradicións grega e romana.

Patricio

Este artigo trata sobre unha caste romana, para o nome véxase Patricio (nome).

Na Roma Antiga, a clase social dos patricios, (do latín patricii; singular, patricius) estaba composta polos descendentes das trinta curias primitivas.

O nome vén de pater (pai), en referencia aos fundadores, é dicir, aos primeiros pais de Roma.

Plinio o Vello

Caio Plinio Segundo (en latín: Gaius Plinius Secundus), coñecido como Plinio o Vello, naceu en Como no ano 23 e morreu na actual Catellmare de Stabia no ano 79, vítima da súa curiosidade científica ao ir observar a erupción do volcán Vesuvio, que asolagou as cidades de Pompeia e Herculano.

Publio Cornelio Tácito

Publio Cornelio Tácito, nado no ano 55 e finado no 120, foi un historiador, senador, cónsul e gobernador romano.

República Romana

Para os Estados modernos do mesmo nome, véxase República Romana (1798-1799) e República Romana (1849).

A República Romana (Res Publica Romanorum, en latín) foi o goberno representativo de Roma e os seus territorios dende o ano 510 a.C. ata o establecemento do Imperio Romano no 27 a.C.

Roma

Roma é unha cidade, capital da Italia e da rexión do Lazio, provincia de Roma, con 2.754.440 habitantes (2010). Esténdese por unha área de 1.285 km², tendo unha densidade de poboación de 2.136,13 hab/km². Ten máis de 3,33 millóns de habitantes na súa zona metropolitana.

A cidade, que xurdiu no século VIII a.C., foi capital do Imperio Romano, e antes dun reino e unha república (ver Roma Antiga).

Roma é unha das cidades con maior importancia na historia mundial, sendo un dos símbolos da civilización europea e centro espiritual do catolicismo. Conserva numerosas ruínas e monumentos de tres milenios na parte da cidade antiga, declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO e que congrega cada ano a millóns de visitantes.

No interior da cidade encóntrase tamén o estado do Vaticano, residencia do Papa desde o século I. Tras o repregamento do dominio de Bizancio no século VII, foi centro dos Estados Pontificios ata a súa anexión en 1870 por parte do Reino de Italia.

Senado romano

O senado (do latín "senex, senis", ancián) foi unha das institucións do goberno da Roma antiga. Orixinouse como unha institución consultiva da monarquía romana, formado exclusivamente por patricios (un representante de cada gens), e adquiriu maiores prerrogativas coa República, en que pasou a referendar a través da súa auctoritas os actos dos cónsules, estendendo a súa competencia aos actos doutros maxistrados e Comicios, temas relixiosos, conflitos entre maxistrados, policía, crimes con pena capital cando esta era conmutada, cuestións militares e financeiras e tratados internacionais.

Tito Livio

Tito Livio (en latín Titus Livius), nado en Padua no 64 ou 59 a. C. e finado no 17 d. C., foi un historiador romano, autor de Ab urbe condita libri (Desde a fundación da Cidade), que relata a historia de Roma desde a fundación tradicional no ano 753 a.C. até á morte de Druso no 9 a.C.. En total componse de 142 libros, dos que só se conservan 35.

Torre de Hércules

A Torre de Hércules é unha torre e faro situado na península da cidade da Coruña, que ten o privilexio de ser o único faro de orixe romana en funcionamento no mundo. Está nun cabo.

O 27 de xuño de 2009 foi proclamada Patrimonio da Humanidade en Sevilla pola Comisión do Patrimonio Mundial da UNESCO. Deste xeito converteuse no cuarto recoñecemento da UNESCO en Galicia xunto co Camiño de Santiago, a Muralla de Lugo e o Casco Vello de Santiago de Compostela.

Ás

O ás (en latín unidade) era a moeda base do sistema monetario da república romana. Moeda de bronce ó comezo equivalía o peso dunha libra romana (273 gr), aínda que progresivamente foi reducindo o seu tamaño. Intruduciuse arredor do 280 a.C. Tras a reforma monetaria de Augusto, coa introdución do ouro no sistema monetario, o denario como unidade base da moeda de prata e unha nova moeda de oricalco, o sestercio, o ás seguiu a se cuñar pero xa como unha moeda de cobre, de moi baixo valor (10,9 g), ata o século III.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.