Rodas

Rodas (grego: Ρόδος, Ródos roðos) é a illa máis grande das illas do Dodecaneso en términos de superficie e tamén a capital histórica do grupo de illas. Administrativamente a illa forma un municipio separado dentro da unidade rexional de Rodas, que é parte da rexión administrativa do Exeo Meridional. A cidade principal da illa e a sede do municipio é Rodas.[1] A cidade de Rodas tiña 50.636 habitantes en 2011. Está situada ao nordés da illa de Creta, ao sueste de Atenas e xusto á beira da costa anatolia de Turquía. O alcumo de Rodas é "A illa dos cabaleiros", nomeada logo de que os Cabaleiros de San Xoán de Xerusalén, a conquistaran.[2]

Historicamente, Rodas era famosa en todo o mundo polo Coloso de Rodas, unha das sete marabillas do mundo antigo. O casco antigo medieval da cidade de Rodas foi declarado Patrimonio da Humanidade. Hoxe en día, é un dos destinos turísticos máis populares de Europa.[3][4][5][6]

Rodas
Ρόδος
GR Rhodes
Localización da illa
Rhodes NLT Landsat7
Situación
PaísGrecia Grecia
PeriferiaExeo Meridional
ArquipélagoDodecaneso
Marmar Exeo, Mar Mediterráneo
Coordenadas36°10′N 28°00′L / 36.167, -28.000Coordenadas: 36°10′N 28°00′L / 36.167, -28.000
Xeografía
XeoloxíaIlla continental
Superficie1.401´459 km²
Longura máxima78 km.
Largura máxima39 km.
Punto máis alto1.215 m Ataviros
Demografía
CapitalRodas
Poboación115.490 (2011)
Densidade82 hab./km²
Lingua propiaGrego

Xeografía e situación

Rodas esténdese en dirección NL-SO ao sur da costa turca, enfronte da antiga rexión de Caria, da que a separa unha canle de 15 km de ancho. Ten unha lonxitude de 78 km, a súa anchura é de 39 km (entre os cabos Monolithos e Lindos) e unha extensión global de 1398 km². A distancia que a separa de Atenas é de 490 km.

Unha cadea montañosa descontinua atravesa a illa en dirección N-S. O pico máis alto sitúase na vertente occidental e chámase Ataviros (1215 m). Rodas non posúe grandes correntes de auga senón máis ben torrentes que están no seu maior parte secos durante o verán.

En Rodas atopábase unha estatua de dimensións extraordinarias (ver Coloso de Rodas). Era unha das Sete Marabillas do Mundo Antigo e a tradición conta que foi destruída tras un terremoto.

Orixes e mitoloxía do nome de Rodas

Podemos facernos unha idea dos diferentes nomes que Rodas tivo principalmente grazas a tres autores: Estrabón (Geographia, XIV, 2), Amiano Marcelino (XVII, 7) e Plinio o Vello (Naturalis Historia, V, 36).

Estrabón outorga a Rodas o nome de 'Telchinis' (Τελχινíς), que pode facer referencia aos primeiros habitantes que poboaron a illa, os chamados Telchinos, tamén mencionados por Diodoro de Sicilia. Estes eran Fillos do Mar, os primeiros habitantes da illa, con cabeza de can e aletas de peixe (precisamente unha das metamorfoses habituais de Proteo era a de foca), que foron ademais os primeiros poboadores de Creta. Ao parecer, por mor dos seus conxuros coa auga de Estixia, Zeus mándalles un Diluvio que os dispersa por diferentes puntos da Hélade e Asia Menor. Segundo a tradición criaron e educaron a Poseidon a instancias de Rea, fabricaron o seu tridente e a fouce de pedernal dentado que castrou a Cronos. Unha vez que a illa reemerxe das ondas é ocupada por Helio quen casa coa ninfa Rodo, que nalgunhas versións é filla da unión deste con Halia, unha telquin.

O nome de 'Pellagia' recollido por Amiano Marcelino pode estar en relación coa mítica orixe de Rodas a partir do mar. Pero é Plinio o Vello o que máis noticias nos refire sobre os antigos nomes de Rodas, ben sexan míticos ou reais. Así "vocitata est antea Ophiusa, Asteria, Aethraea, Trinacria, Corymbia, Paeeessa, Atabyria ab rege; deinde Macaria et Oloessa." (Naturalis Historia, V, 36).

Rhodos1493
A cidade de Rodas, gravado de 1493

A explicación a estes nomes pode ser a seguinte:

  1. - Ophiussa (Οφιουσσα). Pola abundancia de serpes que ao parecer tiña a illa.
  2. - Oloessa (Ολóεσσα). Que significa perniciosa ou mortal, quizais polo mesmo motivo das serpes.
  3. - Asteria (Αστερíα). Porque brillaba como un astro pola súa beleza e polo predominio do tempo soleado a maior parte do ano.
  4. - Trinacria (Τρινακρíα). Porque posúe tres promontorios como Sicilia.
  5. - Atabyria (Αταβυρíα). En referencia á súa máis alta montaña ou ao nome do seu máis antigo e lendario rei.
  6. - Macaria (Μακαρíα). Porque segundo a tradición é unha illa afortunada como Chipre e Lesbos.

Pero o máis probable é que o nome de Rodas faga referencia á flor ben do granadeiro ou á rosa mesma. De feito, en numerosas moedas rodias a rosa é un elemento iconográfico de primeira orde. Ademais a flor do granadeiro en grego clásico exprésase coa palabra ροια. En calquera caso todas estas explicacións non son máis que conxecturas.

Bosquexo histórico

Cara a finais da Idade de bronce (-1550 - -1100) a influencia minoica en Rodas é patente. En -1100 prodúcese a chegada dos dorios, que contribúen ao desenvolvemento dalgunhas cidades da illa como Lindos e Kamiros. Aproveitando o lugar privilexiado que Rodas ten no mapa como encrucillada entre Oriente e Occidente, os dorios favorecen o comercio e desenvolven rutas comerciais que comunican os catro puntos cardinales, especialmente con Exipto e coa Grecia continental.

Datas clave
Data Acontecemento
-305 Rodas alíase con Atenas. Construción do Coloso
-297 Roma conquista Rodas
-226 Terremoto sobre a illa. Destrución do Coloso
330 Primeiro período bizantino
961 Segundo período bizantino
1306 Os cabaleiros de S. Xoan de Xerusalén compran a illa
1522 Solimán o Magnífico conquista Rodas
1912 O Imperio Otomán cede a illa a Italia
1943-1945 Rodas baixo ocupación alemá
1945-1947 Administración británica
1947 Rodas intégrase na República helénica
1967-1974 Ditadura dos Coroneis
1981 Entrada de Grecia na CEE
2002 Grecia forma parte da zona euro

Durante todo o século -IV e -III, Rodas xoga un papel bastante indeciso desde o punto de vista diplomático. Cara a -480 atopámola aliada dos persas contra os gregos para virar posteriormente ao redor da órbita da Liga de Atenas. Anos máis tarde porase ao lado de Esparta contra Atenas para en -411 inclinarse novamente ao lado de Atenas contra Esparta. Este xogo de alianzas reflíctese tamén na súa estrutura política coa alternancia dun modelo político oligárquico de tipo espartano e un paradigma democrático á ateniense. Esta ambivalencia será a causa de non poucas tensións políticas internas ao longo de toda a primeira metade do século -IV.

Durante o Período helenístico, Rodas permanece á beira de Alexandre o Grande ata a súa morte. Pero en -323, Antígono, un personaxe próximo a Alexandre o Grande, solicita a axuda de Rodas para depor ao rei de Exipto. Pero como Rodas mantén relacións comerciais substanciosas con Exipto, rexeita a petición realizada. Antígono enviará ao seu fillo, Demetrio Poliorcetes, que asediará a illa durante un ano (-305--304). O asedio fracasa completamente e o conflito resolverase pacíficamente trala mediación dalgunhas \polis gregas.

Os anos posteriores serán proveitosos grazas á actividade comercial da illa. A cidade de Rodas chegará a ter ata 60.000 habitantes e construiranse nela numerosos teatros, estatuas e templos. En -297 Roma anexiona Rodas.

Tras a caída do Imperio romano, a illa estará dacabalo da dominación ou da influencia de Bizancio, Venecia e Xénova. A súa posición xeográfica entre occidente e Terra Santa converteraa nun lugar privilexiado e moi visitado durante as Cruzadas.

En 1309, os Cabaleiros da Orde de San Xoan de Xerusalén establécense en Rodas tras ser expulsados de San Xoan de Acre e de Chipre. Durante este período e ata finais do século XV a illa ve o desenvolvemento dunha arquitectura gótica sen parangón: castelos de Kamiros e Monolithos e as murallas de Lindos.

En 1522 Suleiman I conquista Rodas, os Cabaleiros da Orde de San Xoan de Xerusalén abandonan a illa para establecerse en Italia e despois en Malta. O período otomán durará ata 1912, ano en que Rodas pasa a mans italianas ata 1943. De 1943 ata 1945 os alemáns ocupan a illa, para ser novamente arrebatada polos ingleses, que exercerán a administración ata 1947 en que se integra a Grecia.

Maltan knights castle in rh
Castelo dos cabaleiros da Orde de San Xoan de Xerusalén en Rodas

Referencias antigas

Rodas (en grego Rhodos) é coñecida en latín como Rhodus. O seu nome primitivo foi Ofiusa, e despois foi coñecida como Estadía, Telquinis, Asteria, Aethraea, Trinacria, Corymbia, Poieessa, Atabyria, Macaria e Oloessa. A súa montaña máis alta era o Atabyris ou Atabyrion (actualment Attaviros, 1.215 metros), e as cidades estaban situadas na costa.

Historia

Historia antiga

Os seus primitivos habitantes eran os lendarios telquines (telchines) e irían desde Creta. Os telquines eran nove, e unha irmá, Halia, que se emparellou con Poseidón e que tivo seis fillos e unha filla chamada Rhodos que deu o seu nome á illa. É máis probable que o nome derive do grego rhodos (rosa) xa que a rosa aparece como símbolo nas moedas.

Os seguintes habitantes lendarios foron os heliades (heliadae) que eran sete e foron os devanceiros das sete tribos da illa; emigraron a Lesbos, Cos, Caria, e Exipto.

Tamén a lenda menciona o establecemento de colonias estranxeiras: Exipcios dirixidos por Dánao, fenicios por Cadmo, tesalios e carios.

Finalmente a illa foi dominada polos dorios despois do 1200 a.C..

As tres primeiras cidades eran Lindos, Ialisos e Camiros (latín Lindus, Ialysos e Camyrus) que xunto con Cos, Cnido e Halicarnaso formaron a hexápolis dórica con santuario común na costa de Caria e Apolo como deidade tutelar.

Os rodios fundaron colonias nas Baleares, na costa xerundense, no sur de Italia (Parténope, Salapia, Siris e Síbaris), en Sicilia (Gela), en Cilicia (Soli), e en Licia (Gagae e Corydalla).

En -478 ingresaron na confederación de Delos encabezada por Atenas. As cidades rodias pagaron tributo a Atenas na primeira parte da guerra do Peloponeso, pero en -412 pasáronse aos espartanos despois do desastre da expedición a Sicilia. Un intento de contrarrevolución dos populares, favorables a Atenas, foi sufocado nas tres cidades.

En -408 as tres cidades uníronse e fundaron unha nova cidade, Rodas, no extremo norte da illa, que se converteu en capital dun estado unificado que abrazaba toda a illa.

En -396 Conón cunha frota ateniense presentouse na illa e forzouna a retornar ao seu bando. Estableceuse un goberno democrático que non durou, e en -390 os aristócratas enviados ao exilio seis anos antes regresaron e lograron o poder con axuda espartana.

O excesivo poder de Esparta afastou ao goberno de Rodas desta potencia, e entón achegouse a Atenas, pero en -371 logo da batalla de Leuctra, aliouse con Tebas. Durante a guerra social que durou ata o -355 estivo contra Atenas, instigados polo dinasta de Caria. En -357 caeu en mans do príncipe de Caria Mausolo, conservando, porén, a súa autonomía.

En -342 Mentor de Rodas, un xefe militar que loitara ao servizo de Artabazo II, sátrapa rebelde de Dascilio ou Frigia Helespóntica e máis tarde ao servizo de Exipto axudando ao rei de Sidón, Tabnit II, rebelado contra Persia, obtivo o perdón do rei (que apreciou as súas calidades militares, pois loitando en Sidón derrotara aos sátrapas Mazeos de Cilicia e Belisis de Siria, e só puido ser derrotado polas forzas superiores do exército real persa) que lle enviou a Rodas, que deste xeito converteuse nun estado vasalo de Persia. Mentor fixo chamar ao seu irmán Memnón de Rodas e ao seu cuñado Artabazo II, exiliados a Macedonia, e especialmente o primeiro mostrouse como un xeneral moi hábil, e foi o último xefe dos persas que fixo fronte a Alexandre o Grande, pero á súa repentina morte en -333 deixou Persia a mercé de Alexandre.

A conquista macedonia de Persia implicou tamén o sometemento da illa de Rodas a Macedonia e unha guarnición estableceuse na illa (-332), pero foi expulsada á morte de Alexandre (-323). Desde entón tivo unha política independente aliada cos tolomeos de Exipto que era de interese para o seu comercio.

Para romper a alianza con Exipto, Rodas sufriu un épico asedio por parte de Demetrio Poliorcetes, -305--304). Finalmente Demetrio retirouse e asinou a paz, e deixou unha gran cantidade de material militar no lugar, que os rodios venderon, e co diñeiro recollido erixiron unha estatua a Helios, coñecida como o coloso de Rodas.

Nestes anos Rodas estendeu o seu dominio á costa de Licia e a Caria, á chamada Perea Rodia, e ás illas veciñas: Kasos, Karpathos, Telos e Kalki.

Agatágetos tomou partido polos romanos e intentou convencer ao goberno da illa a aliarse con Roma, cara ao -171, pero a illa permaneceu neutral. Logo da derrota de Perseo de Macedonia (-168) Rodas houbo de ceder moitos dos seus territorios a Roma, acusada de dar apoio ao rei macedonio. En -164 asinou un tratado de amizade con Roma e a illa converteuse no centro de educación de moitos mozos de familias nobres romanas.

Nas Guerras Mitridáticas os rodios, aliados dos romanos, defendéronse contra os pónticos sen axuda e en premio Luculo devolveulle a Perea e algunhas illas. Na guerra civil entre Xulio César e Pompeio estivo á beira do primeiro e logo da morte de César opúxose tamén a Casio; Alexandre de Rodas o líder político de Rodas que dirixía o partido popular foi elevado ao cargo de Prítane en -43, pero pouco despois Alexandre e o almirante Mnasees foron derrotados por Casio na batalla naval de Cnido e os republicanos entraron na cidade e mataron a todos os xefes hostís e venderon ou saquearon a propiedade publica incluíndo as ofrendas dos templos (-42).

Tiberio estivo alí desterrado uns anos antes de ser emperador. Baixo Claudio púxose fin ao seu status de nominal estado independente e foi incorporada á provincia de Asia. Aínda que máis tarde, recuperou a condición de estado nominalmente independente. Cara ao 300 foi incluída na Provincia das Illas (Provincia Insularum) da que foi capital.

O goberno de Rodas

O poder correspondía a unha asemblea do pobo que tiña a decisión final sobre calquera asunto; a esta asemblea eran sometidos os asuntos discutidos previamente polo senado. O poder executivo estaba en mans de dous maxistrados chamados πρυτάνεις, cada un dos cales gobernaba seis meses ao ano; ao seu lado os almirantes (ναύαρχοι) eran os que lles seguían en poder; había outros cargos, pero as súas funcións e dereitos son incertos.

Alta Idade Media

Permaneceu en poder de Roma e logo de Bizancio. En 654 foi atacada por Djunada ben Abi Umayya al-Azdi, gobernador de Siria, que construíu alí un forte que conservou sete anos, pero despois recibiu orde de abandonalo (661). En 672 foi temporalmente ocupada polas forzas do califa Muawiyah I dirixidas outra vez polo xeneral Djunada ben Abi Umayya al-Azdi. Os árabes atoparon os restos do coloso e os fragmentos foron vendidos a un mercador xudeu que usou 900 camelos para transportar as pezas, e fundiu o metal. En 718, despois do fracaso árabe en Constantinopla, a illa foi evacuada.

En 1082 Bizancio concedeu a Venecia unha base naval comercial en Rodas que garantiu a tranquilidade na zona, ata entón obxecto de depredacións de piratas, e os insulars do Dodecaneso volveron ao mar e á pesca como principal ocupación. En 1204, á caída de Constantinopla, Rodas e as demais illas permaneceron baixo o control do emperador establecido en Nicea, que en 1261 recuperou a antiga capital. En 1234 os venecianos estableceron alí emporios comerciais, pero en 1248 foron substituídos polos xenoveses que recibiron o recoñecemento bizantino.

Baixa Idade Media

En 1299, o Papa (que alí non tiña ningún dereito) deu a illa en feudo a Federico II de Sicilia. En 1302 os venecianos establecéronse na illa (e nalgunha máis entre 1302 e 1306) en posicións que foron consideradas baixo soberanía da república. En 1303 a illa foi arrasada por un terremoto que matou a boa parte da poboación grega e os otománs establecéronse nalgún punto da illa dos que foron expulsados entre 1306 e 1309.

Federico II enviou en 1305 ao seu irmán Fernando de Aragón, cabaleiro hospitalario, a ocupar algunhas illas gregas, expedición que fracasou. En 1306 os venecianos atacaron quizais ocuparon Nísiros e o veneciano Andrés Cornaro apoderouse de Karpathos; a posición xenovesa nas illas era moi débil e o almirante xenovés Vignolo de Vignoli, alegando ter Cos, Leros e unha facenda de Rodas (Lardos) en feudo do emperador, reuniuse secretamente en Limasol co gran maestre dos Cabaleiros de San Xoan de Xerusalén, Fulc de Villaret (27 de maio de 1306) e vendeulle os seus dereitos, acordando conxuntamente a conquista de Rodas da que Vignolo reservábase Lardos e outro castelo da súa elección, ademais dun terzo das rendas das demais illas.

O 23 de xuño Villaret saíu de Limasol con dúas galeras ás que se uniron outras provistas polos xenoveses e apoderáronse de Kastellorizo. Vignolo denunciado ás autoridades gregas de Rodas, escapouse da illa e reuniuse con Villaret. Cos foi ocupada por sorpresa, pero os gregos recuperaron o castelo e expulsáronos. O 5 de setembro de 1307 o Papa confirmou a cesión de Rodas (á que non tiña ningún dereito) agora aos cabaleiros. O 20 de setembro de 1306 os cabaleiros ocuparon Peraclos na costa oriental de Rodas, pero o día 25 foron rexeitados no seu ataque á cidade de Rodas.

En novembro, pola traizón dun grego, ocuparon o castelo de Fileremos e iniciaron o asedio da cidade, pero en 1307 o emperador Andrónico enviou unhas galeras e obrigounos a levantar o sitio. En outubro de 1307 chegaron galeras de reforzo desde Chipre e apoderáronse de Lindos. En abril de 1308 ofreceron ao emperador gobernar a illa baixo a súa soberanía, pero a oferta foi rexeitada por Andrónico. A captura dun barco con subministracións para Rodas, que chegou accidentalmente a Famagusta, foi determinante, e finalmente, coa complicidade do capitán do barco, a cidade de Rodas foi ocupada segundo a data tradicional o 15 de agosto de 1309.

Desde 1310 os cabaleiros quixeron facer cumprir a prohibición do Papa de comerciar cos musulmáns e iso levou ao enfrontamento cos xenoveses.

Os cabaleiros dominaron as illas do Dodecaneso (1410) menos Astipalea (dos Querini), Karpathos (Cornaro) e Kasos. Nisiros foi dada en feudo aos Assanti de Isquia en 1316. En 1325 os feudos de Vignolo pasaron ao seu irmán Fulc de Vignoli hereditariamente, pero coa prohibición de vender sen o consentimento dos cabaleiros.

Cos, onde os gregos recibiran a axuda de 50 soldados venecianos mercenarios, foi ocupada parcialmente polos cabaleiros en 1312 e 1315, pero esta posesión non foi recoñecida por Bizancio, que outorgou a concesión aos Giustiniani de Quíos en 1362, e alí tiveron algunha factoría, pero un século despois, antes de 1481, renunciaron a favor dos cabaleiros.

En 1319 unha revolta na illa de Leros dos gregos devolveu a illa a Bizancio, pero en 1320 os cabaleiros recuperárona.

En 1344, no marco dunha liga organizada polo Papa Clemente VI, os cristiáns arrebataron Esmirna ao emir de Aidin. A cidade foi confiada aos cabaleiros que a conservaron a pesar dos ataques turcos, ata que en 1403 chegou Tamerlán que a saqueou e foi evacuada. En 1365 participaron no saqueo de Alexandría dirixido polo rei Pedro I de Chipre.

Cara a 1420 Mehmet I permitiu aos cabaleiros de Rodas ocupar a cidade de Halicarnaso e alí foi construído un castelo (o castelo de San Pedro, que aínda se conserva coas súas torres; é o símbolo da moderna cidade de Bodrum).

Rodas foi atacada tres veces (1440, 1443 e 1444) polos mamelucos de Exipto sen éxito. En 1443 ocuparon a illa de Kastellorizo, pero Rodas cidade non foi atacada ata 1444 e estivo asediada 40 días.

Logo de 1450 os otománs dirixidos por Hanza Bey atacaron Cos e a fortaleza de Arkangelos na costa nordeste de Rodas, pero se resolveu cun tratado que establecía o fin das depredacións aos barcos otománs por parte de corsarios protexidos polos cabaleiros.

Constantinopla foi ocupada polos otománs en 1453 e entón Kasos pasou a Rodas. En 1480 Rodas foi asediada (maio a xullo), por Mesih Pasha, pero fracasou no asalto final o 28 de xullo. O verán de 1482 o shehzade Djem, derrotado polo seu irmán Baiezid II, refuxiouse en Rodas e foi enviado a Francia onde morreu en 1495.

En xullo de 1522 iniciouse o ataque a Rodas; o castelo de San Pedro coa cidade de Halicarnaso pasaron a soberanía de Solimán o Magnífico (entón a cidade era chamada Petrion, probablemente do nome do castelo) e os otománs convertérona en Bodrum. Finalmente os turcos conquistaron Rodas (25 de decembro de 1522) e o 1 de xaneiro de 1523, en virtude do tratado de capitulación, permitiuse a evacuación dos cabaleiros das illas sans e salvos. Murad, fillo de Djem, que optara por quedar na illa, e converteuse ao cristianismo, foi executado xunto cun fillo (a muller e dúas fillas foron enviadas a Istambul). Cos foi ocupada pouco despois. En 1537 os otománs ocuparon Karpathos e Kasos.

Dominación otomá

A illa converteuse nun sandjak do eyalet do arquipélago, baixo autoridade do Kapudan Pasha. A reforma administrativa de 1867 que estableceu o wilayet como unidade administrativa superior, divididos en sandjaks e kades, incluír no wilayet do arquipélago, dividido nos sandjaks de Lesbos, Quíos, Lemnos e Rodas, con capital en Quíos. En 1876 a capital do wilayat foi transferida á cidade de Rodas.

Dominación italiana

O 4 de maio de 1912 un corpo expedicionario italiano de seis mil homes desembarcou na illa e ocupouna sen resistencia. O wali fuxiu ao continente e a pequena guarnición refuxiouse en Psinthos, unha fortaleza do interior, que foi ocupada polos italianos o 1 de xuño. O tratado de paz de Ouchy (outubro de 1912) estableceu a restitución da illa (e outras illas) a Turquía, pero Italia alegou indemnizacións pola guerra dos Balcáns e demorou a entrega e xa estalou a primeira guerra mundial, ao final da cal o Tratado de Lausana recoñeceu a posesión italiana (24 de xullo de 1923).

A illa foi ocupada polos ingleses en 1944 e entregada a Grecia o 7 de marzo de 1948.

Notas

  1. Kallikratis law Greece Ministry of Interior (en grego)
  2. "Rhodes". Visit Greece.
  3. Paul Hellander, Greece, 2008
  4. Duncan Garwood, Mediterranean Europe, 2009
  5. Ryan Ver Berkmoes, Oliver Berry, Geert Cole, David Else, Western Europe, 2009
  6. Harry Coccossis, Alexandra Mexa, The challenge of tourism carrying capacity assessment: theory and practice, 2004

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

ATS F1

ATS foi un equipo alemán de Fórmula 1, o nome é o da marca de rodas alemán Auto Technisches Spezialzubehör. A compañía ten a súa sé en Bad Dürkheim cerca de Hockenheimring, o seu equipo estivo activo na Fórmula 1 entre 1977 e 1984.

Aeroporto de Londres-Gatwick

O Aeroporto de Londres–Gatwick (IATA: LGW, OACI: EGKK) é un aeroporto internacional situado a 5 km do centro de Crawley, no condado de West Sussex, e a 47,5 km do centro de Londres. Trátase do segundo aeroporto máis grande de Londres e o segundo máis ocupado (por tráfico aéreo) do Reino Unido (logo de Heathrow). Gatwick é o principal aeroporto europeo para os voos de punto-a-punto e ten a pista dun só uso máis activa do mundo, cun máximo de 55 movementos de aeronaves por hora. As súas dúas terminais (Norte e Sur) ocupan unha superficie de 98 000 m² e 16 000 m² respectivamente. En 2013, 35,4 millóns de pasaxeiros pasaron polo aeroporto.

Aeroporto de Rodas

O aeroporto internacional de Rodas, Diagoras (IATA: RHO, ICAO: LGRP) é un aeroporto grego situado na parte oeste da illa de Rodas. As súas instalacións atópanse xusto ao norte da vila de Paradisi, a uns 14 km ao suroeste da capital, Rodas. Trátase do cuarto aeroporto máis concorrido de Grecia e no ano 2016 pasaron polas súas instalacións un total de 5 007 159 pasaxeiros.

Aeroporto de Roma-Fiumicino

O aeroporto de Roma-Fiumicino, chamado oficialmente aeroporto internacional Leonardo da Vinci, (IATA: FCO, ICAO: LIRF) é un aeroporto internacional en Roma e o principal aeroporto de Italia. É un dos máis concorridos de Europa en número de pasaxeiros, con 41,7 millóns no ano 2016. Está situado en Fiumicino, a 35 km ao oeste do centro histórico de Roma.

O aeroporto serve como principal centro de conexións de Alitalia, a aeroliña italiana máis grande, e tamén é un centro de conexións de Vueling. En número de pasaxeiros é o oitavo aeroporto máis concorrido de Europa e no ano 2015 situouse no posto 36 de todo o mundo.

Arquipélago

Un arquipélago é un conxunto de illas relativamente próximas unhas das outras. A proximidade débese, xeralmente, a unha orixe xeolóxica común para a totalidade do arquipélago, que normalmente se forma ao longo dunha dorsal oceánica.

Automóbil

O automóbil é un vehículo que se despraza sobre rodas autopropulsado por un motor propio e destinado ao transporte de persoas ou mercancías sen necesidade de carriles. Diferentes tipos de automóbiles inclúen o coche, o autobús, a furgoneta e o camión. Desprázase grazas a un motor de explosión a base dunha mestura de gasolina, ou gasóleo, e aire. Recentemente empezáronse a producir automóbiles que funcionan con motor eléctrico, aínda que a autonomía destes vehículos é aínda limitada debido á autonomía das baterías. As rodas dianteiras dos automóbiles poden moverse cara a ambos os costados para realizar xiros e tomar as curvas.

Barco

Un barco ou embarcación é calquera construción destinada a desprazarse sobre a auga, impulsada polo vento, por remos ou por rodas ou hélices movidas por un motor. Xeralmente de construción cóncava a base de madeira, metal, plástico ou outro material; debido á súa forma e ao principio de Arquimedes, aboia na auga, e é utilizado tanto no mar, coma en lagos e ríos para o transporte de bens ou persoas. Dedicado á navegación marítima ou a funcións militares .

Bicicleta

Unha bicicleta ( pronunciación ) (do francés bicyclette, e este do latín bis, "dúas veces", e do grego κύκλος, kúklos, "círculo") é un vehículo sen motor de dúas rodas dispostas en liña e fixadas a un cadro. Serve para o transporte de persoas e mercancías. Móvese grazas á forza que o ciclista exerce sobre os pedais, que é transmitida ás rodas.

O nome do vehículo moderno data de 1869. Varios antecedentes desta máquina foron coñecidos como velocípedes, nome que data do século XVIII.

En moitos países a bicicleta é un dos principais medios de locomoción e de transporte de mercadorías para distancias curtas e medias. É un medio de transporte san, ecolóxico, sostible e moi económico, tanto para trasladarse por cidade coma por zonas rurais. O seu uso está especialmente difundido nos países da Europa central e nórdica e nos países pouco desenvolvidos. Tamén existen diversas modalidades deportivas que se practican con este vehículo.

Introducida no século XIX en Europa, tivo un impacto considerable na historia, tanto na cultura como na industria. No ano 1996 fabricáronse 101 millóns de bicicletas e só entre 1990 e 1996 máis de 700 millóns. No mundo hai máis de 1.000 millóns de bicicletas, máis do dobre que automóbiles, e a súa fabricación triplicou a destes todos os anos dende 1987.

Bizancio

Este artigo é sobre a cidade de Bizancio. No que atinxe ao imperio do que foi a capital, ver Imperio Bizantino.

Bizancio (do grego Βυζάντιον, Byzántion) foi unha cidade grega de Tracia, na beira do Bósforo, que ocupou un lugar moi importante na historia. Baixo o nome de Constantinopla, foi capital do Imperio Romano de Oriente, coñecido como Imperio Bizantino. Corresponde á actual cidade turca de Istambul.

Galería de imaxes de petróglifos de Galicia

Galería de imaxes de petróglifos de Galicia.

Un petróglifo é unha representación gráfica gravada nas rochas ou pedras.

Gran Premio de Suecia de 1976

O Gran Premio de Suecia de 1976 foi unha carreira de Fórmula Un celebrada o 13 de xuño de 1976 no Scandinavian Raceway en Anderstorp, Suecia. Foi a sétima carreira do Campionato do Mundo de pilotos de 1976 e o noveno Gran Premio de Suecia. A carreira disputouse sobre 72 voltas ao circuíto de catro quilómetros para unha distancia total de carreira de 290 quilómetros.

Viuse a primeira e única vitoria dun coche de seis rodas, o Tyrrell P34. A teoría era que as súas pequenas catro rodas dianteiras aumentarían o agarre frontal, con máis de caucho na estrada, e polo tanto eliminarían o subviraxe, mentres que ao mesmo tempo, melloraba nas curvas e na freada. Cando se presentou foi a sensación da tempada 1976. O coche era unha oportunidade para tomar fotos das rodas, as seis rodas, eran unha sensación, e deu a Elf máis publicidade gratis na pretempada 1976 e bastante máis da que obtivo no conxunto de 1974 e 1975.

O Tyrrell de Jody Scheckter logrou a pole, con Patrick Depailler no cuarto. Na carreira foi Mario Andretti no Lotus 77 quen liderou durante gran parte da carreira. Pero Andretti fora penalizado con sesenta segundos por adiantarse na saída. O motor de Andretti fallou na volta 46 ao intentar aumentar a súa vantaxe sobre os dous Tyrrells. Chegaron a terminar primeiro e segundo, Jody Scheckter liderando a Patrick Depailler na liña de meta para a súa segunda vitoria no Gran Premio de Suecia. O surafricano, que máis tarde confesou que cando o probaron pensaba que o concepto de seis rodas era ridículo, estaba radiante no podio. Con todo, a fácil vitoria en Suecia ía ser o único triunfo para o P34. Retirouse ao final da tempada 1977.

Oito voltas antes da retirada de Andretti Chris Amon estrelou o seu Ensign N176 logo dun fallo na suspensión, o que permitiu que o líder do campionato Niki Lauda adiantara unha posición para converterse en terceiro no seu Ferrari 312T2. Jacques Laffite cuarto, continuou demostrando que era unha promesa no Ligier JS5. James Hunt, foi quinto no seu McLaren M23 e Clay Regazzoni logrou o punto final no segundo Ferrari ao final da carreira.

Hóckey a patíns

O hóckey a patíns é un deporte de equipo que se xoga en patíns de catro rodas paralelas no que se enfrontan dous equipos de cinco xogadores cada un (un porteiro e catro xogadores de campo) que empregan un pau de madeira de forma curva ou stick para conducir e golpear unha pequena pelota de caucho. Este deporte xógase nunha pista pechada por un valo de esquinas redondeadas e dúas porterías. O hóckey a patíns é practicado principalmente en Europa e América do Sur, e os países que historicamente dominaron nesta modalidade a nivel mundial foron Portugal, España, Arxentina e Italia, o hóckey rodado tamén ten importancia nalgúns países de África, principalmente en Angola e Mozambique (antigas colonias portuguesas), o mesmo pasa en Asia, onde a máxima dominadora é Macau.

O hóckey a patíns é coñecido polo nome de roller hockey en inglés, rink hockey ou hockey sur patins, nos países francófonos, hardball hockey en Estados Unidos, hockey sobre patines nos países de fala castelá, hoquei sobre patins nas áreas de fala catalá e hoquei em patins nos países de fala portuguesa.

O hóckey a patíns non é unha modalidade olímpica na actualidade, mais nos Xogos Olímpicos de Verán de 1992 foi incluído como deporte de exhibición, gañando a medalla de ouro a selección da Arxentina.

Laxe das Rodas

A Laxe das Rodas é unha estación de arte rupestre ao pé do Outeiro de Eiroa, preto do lugar de Taxes da parroquia de Louro, en Muros.

Os gravados están feitos nun penedo de granito que sobresae pouco do terreo e constan de nove figuras, que inclúen dúas espirais e sete círculos concéntricos con coviñas grandes ou cazoletas no centro. A figura principal consiste nunha espiral que xira á dereita e outra menor que xira á esquerda; ambas as dúas teñen un suco radial que. Rodéanas 65 coviñas.

Outro grupo consta de tres círculos concéntricos arredor dunha coviña e arrodeados por 40 cazoletas, con seis máis fóra. Desde a coviña central parte unha liña que sae fóra do círculo exterior.

A Laxe das Rodas tense interpretado como almanaque laboral (as dúas espirais principais), mesa de ofrendas para propiciar as boas colleitas, conxunto de signos solares, a morte ou a fecundidade acuática e lunar.

Lista de illas de Grecia

Esta é unha lista dalgunhas das 6.000 illas e illotes de Grecia, das que 227 están habitadas. Apenas 78 illas teñen máis de 100 habitantes.

A illa grega máis grande por superficie é Creta, que se atopa no extremo sur do Mar Exeo. A segunda illa máis grande é Eubea, que está separada do continente polo Estreito de Euripo de 60 m. de ancho, e adminístrase como parte da perifieria de Grecia Central. Despois están a terceira e cuarta illas gregas, Lesbos e Rodas, o resto das illas son as dúas terceiras partes da superficie de Rodas, ou máis pequenas.

As illas gregas están tradicionalmente agrupadas nos seguintes grupos: As illas Argo-Sarónico no golfo Sarónico preto de Atenas, as Cícladas, unha gran pero densa colección, ocupando a parte central do mar Exeo, as Illas do Exeo Norte, unha agrupación da costa oeste de Turquía, o Dodecaneso, outro conxunto disperso no sueste entre Creta e Turquía, as Espóradas, un grupo moi pequeno fronte ás costas de Eubea, e as Illas Xónicas, situadas ao oeste da península no Mar Xónico (unha destas illas, Citerea, está na punta sur da Península do Peloponeso e forma parte da periferia Ática, pero se consideran parte das illas Xónicas, principalmente debido a razóns históricas). Tamén hai moitas illas, illotes e rocas que rodean a costa de Creta.

Mar Exeo

O Mar Exeo (grego: Αιγαίο Πέλαγος Aigaío Pélagos, turco: Ege Denizi) é un brazo do Mar Mediterráneo situado entre Grecia e a península de Anatolia, é dicir, entre as terras altas de Grecia e de Turquía. No norte, o Exeo está conectado ao Mar de Mármara e a o Mar Negro polos Dardanelos e o Bósforo. Considérase que este mar está delimitado ao sur por un arco que atravesa, en dirección oeste-leste, as illas de Citera, Anticitera, Creta, Kasos, Karpathos e Rodas. Polo arbitrario do seu «límite» sur, é difícil atribuírlle unha superficie exacta, sendo un valor aproximado 180.000 km². De norte a sur, a súa extensión máxima é de 600 km, e do leste a oeste é de 400 km.

O mar era tradicionalmente coñecido como o Arquipélago (na Lingua grega antiga, Ἀρχιπέλαγος, que significa "mar principal"),[Cómpre referencia] pero en galego o significado de arquipélago cambiou para referirse ás illas do Exeo e, en xeral, a calquera grupo insular.

Motocicleta

Unha motocicleta é un vehículo de dúas rodas impulsado por un motor de combustión interno a gasolina. O cadro e as rodas constitúen a estrutura fundamental do vehículo. A roda directriz é a dianteira e a roda motriz é a traseira. Comunmente, en galego coñécese mediante a abreviatura moto.

Orde de Malta

A Orde de Malta, tamén coñecida como Orde de San Xoán de Xerusalén ou Orde dos Hospitalarios, oficialmente Soberana Militar Orde Hospitalaria de San Xoán de Xerusalén de Rodas e de Malta, é unha orde católica que reclama soberanía nacional e que ten status de observador permanente na ONU e considérase sucesora directa da orde medieval dos Cabaleiros Hospitalarios. A Orde de Malta mantén relacións diplomáticas formais con 108 estados e ten a súa sede en Roma baixo a dirección dun Gran Mestre.

Santiago de Gaioso, Outeiro de Rei

Santiago de Gaioso é unha parroquia do concello de Outeiro de Rei na comarca de Lugo, na provincia de Lugo. No ano 2007 tiña 176 habitantes, deles 94 eran homes e 82 eran mulleres, o que supón unha diminución de 3 habitantes en relación ao ano anterior, 2006.

Yamaha Motor Company

Yamaha Motor Company é unha empresa xaponesa fundada en 1955 que se dedica á fabricación de motores e vehículos, principalmente de dúas rodas. Forma parte da Yamaha Corporation, que naceu a finais do século XIX como fabricante de instrumentos musicais, e que nas últimas décadas especializouse tamén na produción de aparellos electrónicos.

Yamaha Motor Company é un dos fabricantes de motocicletas máis importantes do mundo por volumen de vendas.

A súa presenza nos campionatos mundiais de velocidade é moi salientable, tendo acadado 16 títulos na categoría raíña do Campionato do Mundo de Motociclismo e 1 título no Campionato do Mundo de Superbikes.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.