Rocha

En xeoloxía chámase rocha ou roca a calquera agregado natural formado por un ou máis minerais. Un agregado é un sólido cohesionado. As rochas xeralmente están constituídas por varias especies mineralóxicas, pero tamén existen rochas constituídas por un só mineral (rochas monominerálicas), por exemplo algúns mármores (formados unicamente por calcita).

Na codia terrestre distínguense tres tipos de rochas:

As rochas están sometidas a continuos cambios polas accións dos axentes xeolóxicos, segundo un ciclo pechado (o ciclo das rochas), chamado litoxénese, no cal interveñen ata os seres vivos.

Rapakivigranite ss
Granito.

Composición das rochas

DolomitaEZ
Dolomita

Nas rochas aparecen dous tipos de minerais:

  1. Minerais esenciais: Son os minerais que sempre aparecen nun determinado tipo de rocha, polo que caracterizan á mesma. Por exemplo, o granito sempre contén cuarzo, feldespato e mica.
  2. Minerais accesorios: Son minerais que poden ou non aparecer nun determinado tipo de rocha, polo que non caracterizan á mesma. Cando aparecen, preséntanse en cantidades mínimas (menos do 5% do volume total da rocha). Por exemplo, o granito pode conter circón e apatita.
  • Rocha monomineral

Se ben a maioría das rochas están compostas por varios minerais, algunhas de elas poden ser de composición monomineral. Entre estas podemos destacar: o xeso, a anhidrita, a calcaria, composta por calcita e a dolomía (composta case exclusivamente por dolomita). Tamén a diatomita, as radiolaritas e as calcarias fussilínicas son rochas monominerais compostas por esqueletos silíceos de diatomeas (algas unicelulares) e de radiolarios (protozoos microscópicos), no primeiro e segundo casos, e carbonáticos de fussilínidos (protozoos macroscópicos) no terceiro caso. O sal común ou halita (ClNa) tamén pode atoparse formando espesos corpos de rocha que en moitos casos foron explotados durante séculos para o consumo alimenticio, como así tamén na industria. Son famosas polas súas dimensións as minas de sal de Wieliczka, en Polonia, en explotación dende hai 700 anos.

Clasificación das rochas

Mineral Pumnita GDFL004
Pumnita
O Pindo A Moa 046eue
A Moa, no Pindo

As rochas pódense clasificar de varias formas atendendo a criterios tales como a composición química, a textura, a permeabilidade etcétera. En calquera caso, o criterio máis usado é a orixe.

Rochas sedimentarias

Véxase rochas sedimentarias

Constitúense por diaxénese (compactación e cementación a presión e temperaturas normais) dos sedimentos, materiais procedentes da alteración en superficie de outras rochas, que posteriormente son transportados e depositados pola agua, o xeo e o vento, coa axuda da gravidade o por precipitación de disolucións. Tamén se clasifican como sedimentarios os depósitos de materiais organóxenos, formados por seres vivos, como os arrecifes de coral ou os estratos de carbón. As rocas sedimentarias son as que tipicamente presentan fósiles, restos de seres vivos, aínda que estos poida observarse tamén en algunhas rochas metamórficas de orixe sedimentaria.

As rocas sedimentarias fórmanse nas concas ou cuncas de sedimentación, as concavidades do terreo a onde os materiais arrastrados poa erosión son conducidos coa axuda da gravidade.

Rochas ígneas ou magmáticas

Véxase rochas ígneas

Fórmanse pola solidificación dun magma, unha masa mineral fundida que inclúe volátiles, gases disoltos. O proceso é lento, cando ocorre nas profundidades da codia; ou máis rápido, se o magma se solidifica na superficie. O resultado no primeiro caso son rocas intrusivas ou de profundidade, ou tamén nomeadas rochas abisais ou plutónicas, formadas por cristais grosos e recoñecíbeis; ou rochas volcánicas ou extrusivas, cando o magma chega á superficie, convertido en lava por desgasificación.

As rocas magmáticas intrusivas son as máis abundantes, forman a totalidade do manto e as partes profundas da codia ou crusta terrestre. Son as rocas primarias, o punto de partida para a existencia na codia de outras rochas. Exemplos de rochas intrusivas son: o granito, sienita, diorita, gabro, serpentina...

Tamén se pode falar dun tipo de rochas magmáticas que se constituíron a pequenas profundidades, as rochas filonianas. Son rocas holocristalinas, compactas, de estrutura ou textura porfírica ou afanítica. Os pórfiros son: granítico, diorítico, sienítico...

Dependiendo da composición do magma de partida, máis o menos rico en sílice (SiO2), clasifícanse en ultramáficas (ou ultrabásicas), máficas, intermedias e siálicas ou ácidas, sendo estas últimas as máis ricas en sílice. En xeral son máis ácidas as máis superficiais.

E logo temos as rochas efusivas ou volcánicas, formadas como resultado da erupción do magma, o seu arrefriamento e solidificación producíuse na superficie da Terra, ou no fondo do mar. Variedades de rochas extrusivas ou volcánicas son: a traquita,a riolita ou liparita, os vidros volcánicos (obsidiana, perlita, pumita ou pedra pómez), os basaltos...

Rochas metamórficas

Véxase rochas metamórficas

Son as rochas creadas a través da transformación doutras rochas, magmáticas ou sedimentarias, debido a alteracións das condicións ambientais, como a temperatura e a presión. Algúns exemplos son o gneis, formado a partir do granito; o xisto, formada a partir da arxila; o mármore, formado a partir da calcaria, e a cuarcita, formado a partir da arenita.

O ciclo das rochas ou ciclo litolóxico

Geode dm
Xeoda

No contexto do tempo xeolóxico as rochas sofren transformacións debido a distintos procesos. Os axentes xeolóxicos exteriores producen a meteorización, erosión, transporte e sedimentación das rochas da superficie.

Chámase meteorización á acción xeolóxica da atmosfera, que produce unha degradación, fragmentación e oxidación. Os materiais resultantes da meteorización poden ser atacados pola erosión e transportados. A acumulación de fragmentos de rocha desprazados pola gravidade forman derrubos. Cando cesa o transporte dos materiais, estes deposítanse en forma de sedimentos nas cuncas sedimentarias, uns sobre outros, formando capas horizontais (estratos).

Os sedimentos sofren unha serie de procesos (diaxénese) que os transforman en rochas sedimentarias. Aquelas proceden da compactación e cementación de sedimentos; prodúcense nas cuncas sedimentarias, principalmente os fondos mariños.

A compactación é o proceso de eliminación de ocos nun sedimento, debido ao peso dos sedimentos que caen enriba. A cementación é consecuencia producida pola compactación; consiste na formación dun cemento que une entre si aos sedimentos (os fragmentos de rochas).

Definir as propiedades das rochas sérvenos para diferenciar unhas das outras e para saber que emprego se lles poden dar. As propiedades son:

Estrutura

A estrutura dunha rocha é o conxunto de características a escala xeolóxica e describe ben os aspectos derivado da deformación da codia ou crusta terrestre. A estrutura comprende forma, dimensións e articulación dos compoñentes das rochas. Considéranse estruturas todos aqueles elementos, que máis alá da textura orixinal da rocha, reflicten cambio menores na súa composición e ordenamento. Son diferentes dependendo do tipo de formación da rocha. Hainas identificábeis a simple vista e existen estruturas que só se poden precisar cun microscopio.

As diferentes estruturas son:

  1. Granitoidea: rochas constituídas por minerais simplemente adheridos en grans de tamaños análogos.
  2. Ofítica: formada por cristais alongados e grosos que forman como una malla ou esqueleto dentro do cal se aloxa unha materia cristalina.
  3. Porfídica: sobre unha pasta de minerais dificilmente diferenciábeis destacan gránulos de maior tamaño.
  4. Estratificada: a estrutura da roca preséntase en bandas, se estas son moi delgadas, a estrutura denomínase xistosa.
  5. Clástica: producida por cementación de minerais ou rochas soltas. Segundo a forma de estes fragmentos temos diversas estruturas:
    1. Brechiforme, fragmentos angulosos.
    2. Pudingiforme, fragmentos redondeados.
    3. Amigdaloidea, fragmentos con forma de améndoa.
  6. Laminar: unha rocha posúe estrutura laminar se pode exfoliarse en láminas delgadas mediante un esforzo máis o menos grande.
  7. Escamosa: cuando las láminas son de pequenas dimensións
  8. Sacaroide: presenta esta estrutura unhas laminiñas brillantes entrelazadas en tódolos sentidos recordando ao azucre.
  9. Fibrosa: caracterízase esta estrutura por fibras paralelas ou radiais que presentan as rochas, dependendo da forma das fibras denomínanse:
    1. Bacilar, fibras grosas e cortas.
    2. Acicular, en forma de agulla.
    3. Capilar, fíos finos.
  10. Granuda: superficie graniforme.
  11. Compacta: os compoñentes da rocha forman unha masa homoxénea.
  12. Porosa: os compoñentes da rocha forman unha masa heteroxénea, aparecen ocos producidos por burbullas gasosas ou restos orgánicos.
  13. Cristalina: gran parte dos compoñentes da rocha están cristalizados.
  14. Vítrea: cando las rocas están constituídas por elementos amorfos.

Fractura

Esta propiedade está moi ligada coa estrutura. Chámase factura ao aspecto que presentan os bordes cando escacha unha rocha. Da unha idea, por exemplo, da súa aptitude para ser labrada. Pode ser:

  • Plana.
  • Escalonada.
  • Ondulada.
  • Follosa.
  • Astillosa.
  • Terrosa.
  • Concoidea.

Cohesión

Unión íntima entre as partículas que constitúen a roca, segundo este criterio podemos clasificar ás rochas en:

  • Coherentes: requírese gran traballo para a súa trituración.
  • Friábeis: desfanse facilmente.
  • Soltas: de forma natural, preséntanse grans.

Homoxeneidade

É unha propiedade moi importante para o emprego das rochas na construción. As rochas, polo xeral, non son homoxéneas.

Densidade

Para determinar a densidade dunha rocha hai que saber os ocos que contén, algo difícil. As rochas intrusivas son máis densas que as sedimentarias. Nas rochas pódese falar de densidade real ou absoluta e densidade aparente, sendo esta última achada sen contar coas porosidades internas que poida conter a rocha.

A densidade absoluta (eixe x) de una rocha está relacionada coa resistencia a compresión (eixe y) por unha lei que pode representarse como unha hipérbole equilátera. Dous métodos para achar a densidade real son o picnómetro e o volumenómetro.

Porosidade e compactidade

A porosidade dunha rocha depende do seu proceso de formación. Polo tanto: Ígneas: presentan unha porosidade moi reducida, pois o seu arrefriamento foi lento. Volcánicas: de porosidade elevada debido a un arrefriamento rápido. Sedimentarias: a porosidade dependerá da cantidade de material cementante e ao envoltorio das partículas constituíntes.. Hai unha fórmula que relaciona a densidade absoluta coa porosidade total. Pódemos falar de poros abertos, externos ou accesibles; e poros pechados ou interiores, que están no interior das pedras e non se comunican co exterior. Dado isto, tamén podemos falar de dous tipos de porosidades, a porosidade real, total ou absoluta, aquela porcentaxe que se calculou achando o volume total de poros, abertos e fechados; e porosidade aparente ou aberto, ollando só para os poros abertos. A compactidade vén sendo a inversa da porosidade.

Absorción

É a relación entre o volume de poros abertos e o seu peso seco (sen a humidade natural). Nas rochas ígneas é moi pequena. As arenitas son dez veces máis absorbentes que os granitos e as calcarias aínda máis.

Capilaridade

Esta propiedade ten unha importancia grande en rochas con partículas moi finas, porque entón os capilares tamén serán moi finos. Un exemplo típico son as arxilas.

Permeabilidade

A permeabilidade da rocha pode ser constante, aínda que tamén pode ser variable tralo contacto cos líquidos, pois pode:

  • aumentar se os poros se van agrandando: un mecanismo evidente é por disolución da auga absorbida.
  • diminuír se os poros se van colmatando ou pechando: os poros énchense coa deposición dos materiais que a auga leva disoltos.

Algúns exemplos son:

  • As calcarias son impermeábeis, mais teñen fendas polas que viaxa a auga que vai agrandando aos poros.
  • As arenitas humedécense por capilaridade e os poros féchanse.
  • As arxilas ao mollarse aumentan de volume e fanse impermeables.
  • Os granitos non son atacados pola auga e as gretas que presenta acábanse cerrando.

Xeladicidade

A auga contida nos poros da rocha pode conxelarse aumentado de volume e creando presións que poden romper a rocha, isto dependerá da cantidade de auga que conteña a rocha.

Propiedades térmicas

As rochas conducen moi mal a calor. Calor específica alta. Toman lentamente a calor e despréndena amodo tamén. Dilatación permanente (no arrefriamento non chegan a recuperalo seu volume primitivo). Pola súa baixa condutibilidade, as dilatacións e contracción adoitan afectar tan só a unha capa superficial de pouco grosor. Debido a isto pode ocorrer o descascado das rochas, xa que a masa interna non segue os movemento da capa superficial por non haber sufrido a diferenza de temperatura tan acusada como esta.

Resistencia ao fogo

É mala, e aínda peor se o fogo se combatese con auga. A causa da irregular repartición da calor prodúcense tensión internas elevadas que a rocha non pode resistir. Se se arrefecera rapidamente a rocha con auga, produciríanse unhas fisuras superficiais. Unha excepción son as arenitas densas e de gran fino.

Resistencia á tracción

A súa resistencia a este tipo de solicitación é pequena.

Resistencia á compresión

Exprésase dividindo a carga de rotura pola sección sobre a que actúa dita carga.

Dureza e resistencia á abrasión

Dependendo da dureza denomínanse:

  • Brandas: cando poden serrarse con serra ordinaria de dentes.
  • Semiduras: cando se necesita unha serra con dentes de dureza especial.
  • Duras: necesítase unha serra de area.
  • Moi duras: necesítase carborundo ou diamante para cortalas.

A resistencia á abrasión está moi relacionada coa dureza e é moi importante naquelas rochas que vaian empregarse para pavimentación, afirmado de estradas, chanzos de escaleiras...

Elasticidade

Os módulos de elasticidade máis elevados preséntanos as rochas moi compactas de gran fino (intrusivas e algunhas metamórficas). Séguenas as rochas ígneas de gran grosor e as sedimentarias de gran fino e ben compactadas.

Cando as cargas actúan durante un período de tempo finito, prodúcense deformacións recuperábeis e non recuperábeis, aínda que as tensións ocasionadas sexan inferiores ao límite de elasticidade da rocha, o comportamento da mesma corresponde a un sólido elástico ou a un líquido viscoso. Cando as cargas son constantes prodúcense tres fases:

  • Deformación elástica instantánea.
  • Deformación diferida a velocidade decrecente.
  • Deformación lenta a velocidade case constante.

Se a carga segue constante pode chegar a producirse a rotura da pedra. Se se descarga, producirase unha recuperación parcial da deformación.

Ensaios

A avaliación das propiedades descritas no apartado anterior, realízanse por medio de ensaios e para realizar estes haberá que seguir fielmente unha norma co obxecto de que os resultados sexan reproducibles e de que poidan compararse.

Notas

  1. Fotos de rochas magmáticas en Wikimedia Commons.
  2. Fotos de rochas metamórficas en Wikimedia Commons.
  3. Fotos de rochas sedimentarias en Wikimedia Commons.

Outros artigos

Area

A area é unha substancia granulosa ou pulverulenta proveniente da descomposición das rochas, estanto por tanto formada por un conxunto de partículas de rochas disgregadas.

En xeoloxía denomínase area ao material composto de partículas cuxo tamaño varía entre 0,063 e 2 mm. Unha partícula individual dentro deste rango é chamada gran de area. Unha rocha consolidada e composta por estas partículas denomínase arenita (Sin. psamita)

As partículas por baixo dos 0,063 mm e ata 0,004 mm denomínanse limo, e por riba da medida do gran de area e ata os 64 mm denomínanse grava.

Arenita

Os arenitos ou arenitas son rochas sedimentarias de tipo detrítico constituídas por areas aglutinadas por un cemento natural que xeralmente caracteriza a rocha. Despois da lulita, é a rocha sedimentaria máis importante.

Basalto

O basalto é unha rocha volcánica, a máis abundante no planeta Terra.

Calcaria

A calcaria (do latín calx, calcis , "cal") é unha rocha sedimentaria composta principalmente por carbonato cálcico (CaCO3), adoitando presentarse en forma de calcita, aínda que pode ser dolomita, aragonita. A súa natureza intrínseca xeralmente é heteroxénea, polo que este tipo de rocha contén a miúdo cantidades variables de silicio, así como de hematita, siderita, arxila, limo ou area.

Carballa da Rocha

A Carballa da Rocha é un carballo situado na Saínza de Abaixo, en Rairiz de Veiga, no concello de Rairiz de Veiga, Ourense, declarado Monumento natural pola Xunta de Galicia o 1 de marzo do ano 2007, englobando seis leiras lindeiras que suman 0,6429 ha. Tamén foi declarada árbore senlleira o 17 de abril do 2007 .

A Carballa da Rocha atópase dentro da reserva da biosfera Área de Allariz.

Carbón

O carbón é unha rocha sedimentaria de cór negra ou marrón, con grande contido de carbono. É utilizada en diversos procesos industriais, destacando a produción de enerxía, procesos siderúrxicos e a industria química. A formación de carbón procede da acumulación de materia orgánica eminentemente vexetal durante millóns de anos. En España as minas de carbón son moi abundantes en Asturias, norte de Palencia, O Bierzo, Teruel, Andalucía e Galicia.

Castelo da Rocha Forte

O castelo da Rocha Forte é un sitio arqueolóxico en proceso de escavación do castelo medieval máis emblemático da mitra compostelá, que tivo un período de ocupación desde, aproximadamente, o ano 1240 ao 1467, ano no que foi destruído ata os seus alicerces polos irmandiños. Nel tiveron lugar feitos moi sinalados da historia de Compostela.

Castriño de Conxo

O Castriño de Conxo é un sitio arqueolóxico composto por un castro prerromano (non estudado) e nel unha rocha cuxa superficie contén unhas serie de gravuras coñecidas como petróglifos. Atópase na parroquia de Conxo, no concello de Santiago de Compostela, provincia da Coruña, no lugar coñecido como A Volta do Castro.

Granito

O granito é unha rocha ígnea holocristalina , composta esencialmente por seixo, micas e feldespato potásico, tendo como minerais accesorios frecuentes circón, apatita ou anfíbolos. O granito é unha rocha empregada coma pedra ornamental e na construción. A súa densidade é de 2700 kg/m³

Lousa

A lousa é unha rocha metamórfica formada pola compactación de arxilas, aparece en cor escuro dividida en xistos, moi empregada nos tellados da provincia de Lugo. Está considerado como un dos materiais mais sostibles ambientalmente para as cubertas de edificios debido á súa mínima emisión de CO2 e consome menos auga que unha de cerámica.

España é o primeiro exportador do mundo desta pedra, obtidas nos xacementos de O Bierzo, Valdeorras, Zamora e Badaxoz. Aínda que é Gales o país que máis exporta, competindo con Portugal, Italia, Estados Unidos e Alemaña. Brasil exporta unha rocha similar (a metalutita) de peor calidade ao exfoliar trala súa colocación.

Mineral

Para a función nutritiva dos minerais, ver Minerais na alimentación.Un mineral é un corpo producido por procesos de natureza inorgánica, xeralmente cunha composición química definida e, se se forma en condicións favorables (espazo, tempo e repouso axeitados), unha estrutura atómica definida pola súa cela unidade que se expresa na súa forma cristalina e outras propiedades físicas características. Adoita presentarse en estado sólido á temperatura media da Terra, aínda que algúns, como a auga e o mercurio, preséntanse en estado líquido.

A ciencia que os estuda chámase mineraloxía.

Así pois, as tres características básicas dos minerais son:

Material inorgánico de orixe natural.

Material cristalino, ordenado en celas unidade.

Material sólido, salvo raras excepcións.Hai minerais formados por un só elemento, como o xofre, ou por varios, como o cinabrio.

Mármore

O mármore é un tipo de rocha compacta formada a partir de rochas calcarias que, sometidas a elevadas temperaturas e presións, acadan un alto grao de cristalización. O compoñente básico do mármore é o carbonato cálcico, cuxo contido supera o 90%; os demais compoñentes son considerados impurezas, sendo estas as que nos dan a grande variedade de cores nos mármores, e definen as súas características físicas. Tras un proceso de pulido por abrasión o mármore acada un alto nivel de brillo natural, é dicir sen ceras nin compoñentes químicos. O mármore emprégase principalmente na construción, decoración e escultura. Ás veces é translúcido, ou de diferentes cores, entre as que son máis frecuentes atópanse o branco, o marrón, o vermello, o verde, o negro, o gris, o azul e o amarelo. Tamén pode presentar unha coloración uniforme, xaspeada (a salpicaduras), veteada (tramado de liñas) e diversas configuracións ou mesturas entre elas.

O Chan da Ferradura

O Chan da Ferradura é un conxunto de gravados rupestres, situados na parroquia de San Pedro de Trasalba, pertencente ao concello de Amoeiro e parte no concello de Punxín, a poucos quilómetros da capital provincial Ourense.

As rochas foron descubertas ao longo dos traballos de seguimento arqueolóxico da construción do gasoduto Pontevedra - Ourense, realizados na segunda metade da década de 1990 polo Laboratorio de Arqueoloxía e Formas Culturais do Instituto de Investigacións Tecnolóxicas da Universidade de Santiago de Compostela. Durante estes traballos localizáronse unhas 30 rochas con gravados distribuídas en vinte grupos nunha área de 500 m².

Pedra

O termo pedra (do grego πέτρα, "pedra") emprégase na linguaxe común e tamén na cantería, arquitectura e enxeñaría para facer referencia a calquera material de orixe natural caracterizado por unha elevada consistencia.

Como materia prima, a pedra extráese xeralmente de canteiras, explotacións mineiras a ceo aberto, que derivaría en topónimos como Pedreira, Pedreiras, A Pedreira, As Pedreiras, Canteira, A Canteira ou A Canteirada.

O mesmo material pode recibir distinto nome se se considera rocha ou se se considera pedra. Así, por exemplo, en España os canteiros chamaron tradicionalmente pedra berroqueña ó que os xeólogos chaman granito.[Cómpre referencia]

Petróglifo

Un petróglifo é unha representación gráfica gravada nas rochas ou pedras. Son o antecedente dos símbolos previos á escritura e o seu uso na comunicación data de hai uns 12.000 anos e chega aos tempos modernos, dependendo da cultura e o lugar, dándose sobre todo a partir do Neolítico.

A palabra provén dos termos gregos petros (pedra) e glyphein (tallar) e foi na súa orixe acuñada en francés como pétroglyphe. Este termo non debe confundirse con pictografía, que é unha imaxe debuxada ou pintada na rocha, aínda que ambos os dous pertencen á categoría xeral e máis ampla da arte rupestre. As petroformas ou modelos e figuras feitas en grandes rochas no chan, tampouco son moi parecidas.

Petróleo

O petróleo (do latín petra, pedra + oleum, aceite), tamén chamado cru de petróleo, é un líquido natural que se atopa en formacións na Terra consistindo nunha complexa mestura de compostos orgánicos, maiormente hidrocarburos. Os outros constituíntes son compostos orgánicos contendo elementos químicos como nitróxeno, xofre, osíxeno (chamados xenericamente de compostos NSO) e metais, principalmente níquel e vanadio.

O petróleo en estado líquido é unha substancia oleosa, inflamábel, xeralmente menos densa que a auga, cun cheiro característico e coloración que pode variar desde o incoloro ou castaño claro ata o negro, pasando por verde e marrón.

O petróleo é un recurso natural non renovábel, e tamén actualmente a principal fonte de enerxía. Del extráense variados produtos, sendo os principais bencinas, óleo diésel, gasolina, alcatrán e polímeros plásticos.

O petróleo, debido á súa importancia económica e estratéxica, é a principal fonte de renda de moitos países, especialmente no Oriente Medio) e leva xa provocado moitas guerras.

Solo

O solo, desde o punto de vista edáfico, é un medio poroso, bioloxicamente activo e estruturado, desenvolvido na superficie emerxida da Terra.

Cómpre non confundir o termo solo co termo chan, que é a superficie sobre a que andamos, é dicir, a capa superior ou codia do solo.

Dun modo simplificado pode dicirse que as etapas implicadas na súa formación son as seguintes:

Disgregación mecánica das rochas.

Meteorización química dos materiais regolíticos, liberados.

Instalación dos seres vivos (vexetais, microorganismo etc.) sobre ese substrato inorgánico. Esta é a fase máis significativa, xa que cos seus procesos vitais e metabólicos, continúan a meteorización dos minerais, iniciada por mecanismos inorgánicos. Ademais, os restos vexetais e animais a través da fermentación e a putrefacción enriquecen ese substrato.

Mestura de todos estes elementos entre si, e con auga e aire intersticiais.

Trabada

Trabada é un concello da provincia de Lugo, pertencente á comarca da Mariña Oriental. Segundo o IGE en 2014 tiña 1 203 habitantes (1 398 no 2009, 1 479 no 2006, 1 504 no 2005, 1 552 no 2004, 1 579 no 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «trabadés».

Xibraltar

Xibraltar (en inglés e castelán: Gibraltar) é un Territorio Británico de Ultramar situado no extremo meridional da Península Ibérica, ao leste da baía de Alxeciras, que se estende sobre a formación xeolóxica da rocha de Xibraltar (en inglés: the Rock of Gibraltar ou tamén, The Rock), península que domina a beira norte do estreito de Xibraltar, comunicando o mar Mediterráneo e o Océano Atlántico.

Xibraltar limita ao norte con España e alberga unha poboación de preto de 29.000 habitantes nunha superficie de menos de 7 km², cunha economía baseada no sector de servizos, principalmente como centro financeiro e turístico. Aproveitando a súa privilexiada posición estratéxica, é tamén unha base aeronaval das Forzas Armadas Británicas.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.