Roald Dahl

Roald Dahl, nado en Llandaff, Cardiff, o 13 de setembro de 1916 e falecido en Oxford, o 23 de novembro de 1990, foi un novelista e autor de contos galés de ascendencia norueguesa, famoso como escritor para nenos e adultos. Entre os seus libros máis populares están Charlie e a fábrica de chocolate, Iago e o pexego xigante, Matilda, As bruxas e Muá, Muá.

Roald Dahl
Patricia Neal und Roald Dahl
Roald Dahl e Patricia Neal, fotografados por Carl van Vechten, 20 de abril de 1954.
Nacemento13 de setembro de 1916
 Llandaff, Cardiff, Gales Gales
Falecemento23 de novembro de 1990 (74 anos)
 Oxford, Inglaterra
Causasíndrome mielodisplásica
SoterradoGreat Missenden
NacionalidadeReino Unido e Gales
EtniaPobo noruegués
Alma máterRepton School e The Cathedral School
OcupaciónPiloto, guionista, novelista, autobiógrafo, poeta, contista, escritor de literatura infantil, escritor e autor
CónxuxePatricia Neal (1953–83; divorciado)
Felicity Ann d'Abreu Crosland (1983–90)
FillosOlivia Twenty
Chantal Tessa Sophia (b. 1957)
Theo Matthew
Ophelia Magdalena
Lucy Neal (b. 1965)
XénerosNarrativa, poesía
Coñecido/a porCharlie e a fábrica de chocolate, James and the Giant Peach, Fantastic Mr Fox, Matilda, As bruxas, The Twits, The BFG, The Gremlins, George's Marvellous Medicine, Danny, the Champion of the World e Charlie e o grande ascensor de cristal
PremiosEdgar Award, Zilveren Griffel, World Fantasy Award for Life Achievement, Golden Paintbrush, Prijs van de Nederlandse Kinderjury, Prijs van de Nederlandse Kinderjury e Prijs van de Nederlandse Kinderjury

Traxectoria

Infancia

Era fillo de pai e nai de ascendencia norueguesa, Harald Dahl e Sofie Magdalene Hesselberg de Dahl. Foi chamado Roald en honra do explorador Roald Amundsen, un heroe nacional en Noruega neses tempos.

En 1920, cando Roald tiña tres anos, a súa irmá Astri morreu de apendicite con sete anos. Unhas poucas semanas máis tarde o seu pai Harald morreu de pneumonía aos cincuenta e sete. A súa nai preferiu manter a familia en Gran Bretaña a retornar a Noruega a vivir cos parentes, cumprindo así o desexo do seu home de que os seus fillos fosen educados en escolas británicas. Roald asistiu á Escola da catedral de Llandaff.

Con oito anos, o director vareou a Roald e catro dos seus amigos logo de pór un rato morto nun tarro de doces nun negocio local. Logo enviárono a diversos internados, o que non foi unha experiencia pracenteira para el. Cando tiña nove anos, a Roald Dahl mandárono á St. Peter's School, un colexio privado na cidade costeira de Weston-super-Mare, á que asistiu desde 1923 ata 1929. Desde os trece educouse na Repton School, en Derbyshire, onde foi axudante dun prefecto, converteuse no capitán do equipo escolar de fives (un deporte semellante á pelota) e desenvolveu interese na fotografía. Durante os seus anos en Repton a compañía de chocolates Cadbury enviaba de cando en cando caixas de novos produto á escola para que fosen probados polos rapaces. Dahl adoitaba soñar con inventar unha nova barra de chocolate que sería o asombro do señor Cadbury, o que lle serviu como inspiración para escribir o seu segundo libro para nenos, Charlie e a fábrica de chocolate.

Ó longo da súa infancia e adolescencia pasou as súas vacacións de verán en Noruega. A súa nenez é o tema do seu libro autobiográfico Boy.

Vida adulta

Despois de rematar o colexio botou tres semanas explorando Terranova cun grupo chamado Public Schools' Exploring Society. En xullo de 1934 comezou a traballar na petrolífera Royal Dutch Shell. Tras dous anos de adestramento no Reino Unido, levárono a Dar-es-Salaam, Tanganica (actual Tanzania). Xunto cos outros dous únicos empregados de Shell en todo o territorio, viviu luxosamente na Shell House, nas aforas de Dar-es-Salaam, cun cociñeiro e axudantes persoais. Subministrando combustible en Tanganica, enfrontouse a mambas negras e leóns, entre outros perigos.

En novembro de 1939 uniuse á aviación. Logo dunha viaxe en auto de case mil quilómetros desde Dar-es-Salaam ata Nairobi, aceptárono para o adestramento de voo canda outros dezaseis homes, dos que trece morrerían en combate aéreo máis tarde. Con sete horas e corenta minutos de experiencia no seu De Havilland Tiger Moth, comenzou a voar só e apreciou a vida silvestre de Quenia durante os seus voos. Continuou co adestramento avanzado en Habbanía (oitenta quilómetros ó oeste de Bagdad), Iraq. Tras seis meses voando Hawker Harts, nomeárono oficial e asignárono ó escuadrón número 80 da RAF, pilotando obsoletos Gloster Gladiators. Dahl sorprendeuse ó descubrir que non fora adestrado en combate aéreo nin en como voar cos Gloster Gladiators.

O 19 de setembro de 1940, Dahl voaría co seu Gladiator desde Abu Suweir, (Exipto), ata Amiría para recargar combustible, e logo ata Fouca (Libia), por unha segunda carga. Desde aí voou á pista do escuadrón 80, cincuenta quilómetros ó sur de Mersah Matruh. No treito final non deu atopado a pista e, escaso de combustible e coa noite caendo, viuse forzado aterrar no deserto. Desafortunadamente, o tren de aterraxe golpeou nunha rocha e o avión estrelouse. Roald fracturou o cranio, rompeu o nariz e cegou. Logrou arrastrarse lonxe do avión ardendo, e desmaiou. Máis tarde, escribiu acerca do seu accidente no primeiro traballo publicado. Nunha investigación da RAF acerca do suceso, descubriuse que a posición á que se lle indicara voar era completamente incorrecta, e que o enviaran a unha zona entre as forzas británicas e italianas.

Rescataron a Dahl e levárono a un posto de primeiros auxilios en Mersah Matruh, onde recuperou a consciencia (pero non a vista), e logo en tren ó hospital da Armada británica en Alexandría. Alí namorou dunha enfermeira, Mary Welland, quen foi a primeira persoa que viu ó recuperar a vista, tras oito semanas de cegueira. Os doutores dixeran que non había ningunha posibilidade de que volvese a voar, pero en febreiro de 1941, cinco meses despois de ingresar no hospital, foi dado de alta e pasado a tarefas de voo. Neses momentos, o escuadrón número 80 atopábase en Eleusis, cerca de Atenas, combatendo xunto á British Expeditionary Force contra as forzas do Eixo sen esperanzas de derrotalas. Agora nun Hawker Hurricane, en abril de 1941, Dahl cruzou o Mediterráneo para unirse ó seu escuadrón en Grecia, seis meses despois de converterse en membro.

Alí coñeceu un cabo cínico que se preguntaba canto tempo sobreviviría o novo avión, acompañado só por catorce Hurricanes e catro Bristol Blenheims en toda Grecia, contra centos de avións inimigos. O líder do escuadrón tampouco se mostraba entusiasmado por ter só un novo piloto. De todos os xeitos, Roald fíxose amigo de David Coke, quen, de non morrer máis tarde en combate, se convertería en duque de Leicester.

Dahl tivo a súa primeira acción sobre Chalcis, onde uns Junker Ju 88 bombardeaban barcos. Só co seu Hurricane contra seis bombardeiros, logrou derribar un. Escribiu sobre todos estes incidentes no seu libro autobiográfico Voando só. Máis tarde prestou servizo en Siria, e logo traballou en intelixencia. Terminou a guerra como tenente coronel.

Comezou a escribir en 1942, cando foi destinado a Washington, DC como agregado militar de aviación. O seu primeiro traballo publicado, que apareceu na edición do Saturday Evening Post o 1 de agosto de 1942, foi un conto titulado A piece of cake (Un anaco de pastel), onde describía o seu accidente co Gloster Gladiator. O título orixinal era ese, pero mudárono a Shot down over Libya (Derrubado sobre Libia) para imprimirlle máis dramatismo, a pesar de que o accidente nada tivo que ver coa acción inimiga.

Estivo casado durante trinta anos (desde 1953 ata 1983), coa actriz estadounidense Patricia Neal. Tiveron cinco fillos (incluíndo a escritora Tessa Dahl), e morreulles un deles, Olivia Twenty Dahl, de encefalite polo virus do xarampón ós sete anos, en 1962. Theo, o seu único fillo home, sufriu un accidente durante a súa infancia que lle provocou hidrocefalia. Como resultado, o seu pai involucrouse no desenvolvemento do que máis tarde se coñecería como válvula de Wade-Dahl-Till, un dispositivo para aliviar esta condición. A súa filla Ophelia Dahl é directora e cofundadora (xunto co doutor Paul Farmer) de Partners in Health, unha organización sen fin de lucro dedicada a prover coidados médicos a algunhas das máis empobrecidas comunidades do mundo. A filla de Tessa, e inspiración para unha personaxe de The Big Friendly Giant, é a modelo e escritora Sophie Dahl. En 1983 casou con Felicity Ann d'Abreu Crosland, quen fora a mellor amiga da súa primeira muller.

Morte e legado

Morreu de leucemia o 23 de novembro de 1990, na súa casa, Gipsy House, en Great Missenden, Buckinghamshire, ós setenta e catro anos; foi enterrado no camposanto da parroquia de San Pedro e San Paulo. Na súa honra, a Roald Dahl Children's Gallery foi inaugurada no Bucks County Museum, na próxima Aylesbury. Os compromisos solidarios de Dahl nos campos da neuroloxía, a hematoloxía e a alfabetización foron continuados trala súa morte a través da Roald Dahl Foundation. En xuño de 2005, o Roald Dahl Museum and Story Centre inaugurouse en Great Missenden para celebrar o traballo de Roald Dahl e avanzar nos seus esforzos na alfabetización.

Antisemitismo

Dahl foi obxecto de boicots en Israel e outros lugares debido á súa sona de antisemita. En 1983, escribiu unha crítica no Literary Review que foi amplamente considerada antisemita. Dahl sempre creu que este foi o motivo polo que nunca foi nomeado cabaleiro.

Escritura

Empurrado por Cecil Scott Forester, Dahl escribiu o seu primeiro traballo publicado, "A piece of cake", que mercou o Saturday Evening Post por mil dólares, e que lle deu azos a súa carreira como escritor.

O seu primeiro libro para nenos foi The Gremlins, que trataba dunhas pequenas criaturas malvadas que formaban parte do folclore da RAF. O libro fora encargado por Walt Disney para unha película que nunca se fixo, e foi publicado en 1943. Dahl continuou creando algunhas das historias para nenos máis queridas do século XX, como Charlie e a fábrica de chocolate, Matilda ou Iago e o pexego xigante.

Paralelamente, tivo unha carreira de éxito como escritor de macabros contos para adultos, usualmente apelando ó humor negro e ós finais sorprendentes. Moitos deles foron orixinalmente escritos para revistas estadounidenses, como Ladies Home Journal, Harper's, Playboy ou The New Yorker, e logo recollidos en antoloxías que obtiveron un grande éxito en todo o mundo. Dahl escribiu máis de sesenta contos que apareceron en numerosas coleccións, algunhas só publicadas en forma de libro despois da súa morte.

Un dos seus contos para adultos máis famosos, Home do Sur (The smoker ou Man from the South), foi filmado como un episodio de Alfred Hitchcock Presenta, e foi ademais adaptada no segmento de Quentin Tarantino da película de 1995 Four rooms. A súa colección de contos Relatos do inesperado foi adaptada para unha exitosa serie de televisión do mesmo nome. Un número dos seus contos son supostamente extractos do diario do seu (ficticio) tío Oswald, un cabaleiro rico que conta historias de explotación sexual.

Por un breve período nos 1960s, Dahl escribiu guións para obter cartos. Dous deles, a película de James Bond Só se vive dúas veces (You only live twice) e Chitty Chitty Bang Bang, foron adaptacións de novelas de Ian Fleming. Ademais, adaptou o seu propio traballo para realizar Willy Wonka e a fábrica de chocolate, de 1971.

Memories with Food at Gipsy House, escrito ca súa esposa Felicity e publicado postumamente en 1991, é unha mestura de receitas, recordos familiares e reflexións de Dahl acerca dos seus temas favoritos, como o chocolate, as cebolas e o viño de Bordeos.

Moitos dos seus libros infantís teñen ilustracións de Quentin Blake.

Ficción infantil

Os traballos infantís de Dahl son a miúdo contados desde o punto de vista dun neno, frecuentemente coa actuación de malvados adultos que odian e tratan mal os nenos, e que presentan cando menos un adulto bo que contrarresta os malos. Usualmente conteñen gran cantidade de humor negro e escenarios grotescos, incluíndo espantosa violencia. As bruxas e Matilda son dous claros exemplos. The Great Friendly Giant segue este modelo nun modo máis analóxico, co bo xigante representando o arquetipo de bo adulto e os outros xigantes sendo os malos adultos. Esta fórmula vese tamén en parte no guión de Dahl para Chitty Chitty Bang Bang.

Prosa para nenos

  • The Gremlins, 1943
  • Iago e o pexego gigante (James and the Giant Peach, 1961). Editado en galego por Edicións do Cumio en 1990, con tradución de Alberte Avendaño.
  • Charlie e a fábrica de chocolate (Charlie and the Chocolate Factory, 1964). Editado en galego por Edicións do Cumio en 1989, con tradución de Alberte Avendaño.
  • The Magic Finger, 1966
  • Fantastic Mr. Fox, 1970
  • Charlie e o grande ascensor de cristal (Charlie and the Great Glass Elevator, 1972). Continuación de Charlie e a fábrica de chocolate, editado en galego por Edicións do Cumio en 1989, con tradución de Xosé Manuel Dasilva e Xosé Cuervo.
  • Danny, o campión do mundo (Danny the champion of the world, 1975). Editado por Edicións Xerais en 1989 en tradución de Emma Fernández Campo como Danny, o campeón do mundo, reeditado como Danny, o campión do mundo en 2003.
  • The enormous crocodile, 1978
  • The Twits, 1981
  • A marabillosa medicina de George (George's marvelous medicine, 1981). Editado en galego por Edicións Xerais en 2004 con tradución de Moisés Barcia Rodríguez.
  • The Big Friendly Giant, 1982
  • As bruxas (The Witches, 1983). Editado en galego por Edicións Xerais en 1991, con tradución de Xela Arias e Lidia Iglesias Izquierdo.
  • The giraffe and the pelly and me, 1985
  • Matilda (Matilda, 1988). Editado en galego por Alfaguara en 1990, con tradución de Xosé Miguel Barros Taboada. Reeditado por Oqueleo en 2017[1].
  • Esio Trot, 1989
  • The Minpins, 1991
  • The Vicar of Nibbleswicke, 1991.

Poesía para nenos

Ficción para adultos

Novelas

  • Sometime never, 1948
  • My uncle Oswald, 1979

Escolmas de relatos

  • Over To You: Ten Stories of Flyers and Flying, (1946)
  • Someone Like You, (1953)
  • Muá, Muá (Kiss Kiss, 1960). Editado en galego por Ir Indo Edicións en 1991, en tradución de Isabel Flores.
  • Twenty-Nine Kisses from Roald Dahl, (1969)
  • Tales of the Unexpected, (1979)
  • Switch Bitch, (1974)
  • More Tales of the Unexpected, (1980)
  • The Best of Roald Dahl, (1978)
  • Roald Dahl's Book of Ghost Stories, (1983).
  • Ah, Sweet Mystery of Life: The Country Stories of Roald Dahl, (1989)
  • The Collected Short Stories of Dahl, (1991)
  • Two Fables (1986). "Princess and the Poacher" e "Princess Mammalia".
  • The Great Automatic Grammatizator, (1997).
  • Roald Dahl: Collected Stories, (2006)

Autobiográficos

  • Boy (Boy: tales of childhood, 1984). Conta a súa vida ata os vinte anos (1936), centrándose na educación británica de comezos de século. Editado en galego por Alfaguara, en tradución de Xosé Antonio Palacio, en 1989.[2]
  • Voando só (Going solo, 1986). Continuación do anterior, conta a súa vida como empregado de Shell e a súa participación na Segunda Guerra Mundial. Editado en galego por Alfaguara, en tradución de Xosé Antonio Palacio, en 1990.
  • Memories with food at Gipsy House (1991
  • Roald Dahl's Guide to Railway Safety (1991
  • My year, 1993

Teatro

  • The Honeys (1955). Representado no Longacre Theatre, Broadway.

Guións

Cine

Televisión

Roald Dahl foi tamén presentador dos programas Way out e Tales of the unexpected (na súa primeira tempada).

Adaptacións das súas obras

Cine

Televisión

Notas

  1. Ficha do libro.
  2. opacmeiga.rbgalicia.org

Véxase tamén

Ligazóns externas

13 de setembro

O 13 de setembro é o 256º día do ano do calendario gregoriano e o 257º nos anos bisestos. Quedan 109 días para finalizar o ano.

Alberto Avendaño

Alberto Avendaño Prieto, nado en Vigo o 30 de xullo de 1957, é un xornalista e escritor galego.

As bruxas

As bruxas é unha novela infantil do escritor galés Roald Dahl, publicada en 1983 co título orixinal de The Witches, ilustrada por Quentin Blake. Foi traducida ao galego por Xela Arias e Lidia Iglesias Izquierdo e publicada por Xerais en 2003.

Boy (libro)

Boy (relatos de infancia) (na versión orixinal Boy: Tales of Chilhood) é un libro autobiográfico do escritor galés Roald Dahl. O libro describe a súa vida dende o seu nacemento ata acabar a escola, centrándose nas condicións de vida na Gran Bretaña dos anos 20 e 30, o sistema de escola pública británica e como as súas experiencias da nenez o levaron á súa carreira como escritor. Remata o libro co seu primeiro emprego, traballando para Royal Dutch Shell. A súa autobiografía continúa no libro Voando só.

Editado en galego no ano 1989 por Alfaguara, con tradución de Xosé Antonio Palacio, e por Sushi Books en 2014.

Charlie e a fábrica de chocolate

Charlie e a fábrica de chocolate é unha novela infantil en lingua inglesa do escritor galés Roald Dahl, publicada en 1964 co título de Charlie and the Chocolate Factory.

O libro, un clásico da literatura infantil do século XX, é coñecido pola súa linguaxe fácil e espontánea, así como polas súas detalladas descricións, características do estilo de Roahl Dahl. En 1972 saíu publicada a súa secuela, Charlie e o grande ascensor de cristal (Charlie and the Great Glass Elevator).

A historia xa mereceu dúas adaptacións para o cinema, Willy Wonka & the Chocolate Factory de Mel Stuart, con Gene Wilder, en 1971 e Charlie and the Chocolate Factory de Tim Burton, con Johnny Depp, en 2005.

Charlie e a fábrica de chocolate (filme)

Charlie and the Chocolate Factory é unha película dirixida por Tim Burton no ano 2005, baseada no libro homónimo de Roald Dahl. Está protagonizada por Johnny Depp, que interpreta a Willy Wonka, e Freddie Highmore, que interpreta a Charlie.

Foi rodada en Yorkshire, Inglaterra, e é a segunda adaptación da novela, tras Willy Wonka e a fábrica de chocolate, dirixida en 1971 por Mel Stuart.

O guión foi escrito por John August, que xa traballara como guionista con Tim Burton no 2003 en Big Fish. August dixo que non vira a adaptación de 1971 antes de escribir o guión, e que lle preguntou a Tim Burton se debía mirala. Burton díxolle que non, polo que a nova adaptación non ten influencias da primeira..

Johnny Depp xa traballara en varias películas de Tim Burton, e seica foi el quen recomendou a Freddie Highmore para interpretar a Charlie tras miralo en Finding Neverland.

Marilyn Manson tiña apalabrado[Cómpre referencia] con Tim Burton o papel de Willy Wonka desde había tempo, e mesmo a comezos dos 90 un dos seus videoclips era sobre a súa interpretación particular do libro. Ó final a súa participación non tivo lugar por presións da compañía distribuidora.

Johnny Depp afirmou que para o papel de Willy Wonka se inspirou en Howard Hughes no seu momento de reclusión, e nos glamurosos rock-stars dos anos 70.

Charlie e o grande ascensor de cristal

Charlie e o grande ascensor de cristal, é un libro infantil escrito polo autor galés Roald Dahl, continuación de Charlie e a fábrica de chocolate. Nun principio o autor quería publicar un só libro, pero por indicación do seu editor dividiuno en dous.

Fantastic Mr. Fox (filme)

Fantastic Mr. Fox é un filme de comedia en stop motion dirixido por Wes Anderson que foi estreado no 2009. Está baseado na novela homónima de Roald Dahl. Conta a historia dun raposo que rouba comida pola noite a tres ricos granxeiros. Fartos dos roubos de Mr. Fox tratan de matalo, pero os animais son quen de evadir os granxeiros e vivir baixo terra.

Ir Indo

Ir Indo Edicións é unha editorial viguesa, en galego, castelán, inglés e francés, fundada en 1985 por Bieito Ledo Cabido.

James and the Giant Peach

James and the Giant Peach é un filme de animación producido da compañía Walt Disney Pictures, producido por Tim Burton, dirixido por Henry Selick, baseado no libro Iago e o pexego xigante de Roald Dahl, e estreado o 12 de abril de 1996. A animación do filme foi feito coa técnica de "Stop-motion", o segundo filme de Tim Burton (despois de The Nightmare Before Christmas) na que esta técnica foi usada.

Matilda (filme)

Matilda é un filme estadounidense dirixido por Danny DeVito que foi estreado en 1996. Está baseado na novela de Roald Dahl Matilda.

Muá, Muá

Muá, Muá (título orixinal en inglés Kiss Kiss) é unha colección de relatos curtos de Roald Dahl, publicados conxuntamente en 1960 por Alfred Knopf. Foron traducidos o galego por Isabel Fortes e publicados por Ir Indo en 1990.

Contén os seguintes relatos:

"A patrona"

"William e Mary"

"A subida aos ceos"

"O pracer dun crego"

"Mrs Bixby e o abrigo do coronel"

"Xelea real"

"Georgy Porgy"

"Xénese e catástrofe, unha historia verdadeira"

"Edward o Conquistador"

"Porco"

"O campeón do mundo"Sen chegar a ser relatos de terror, estas son algunhas das historias máis macabras de Dahl. Sutilmente, o inxenuo castiga o malvado, mais tamén ao revés.

A maioría das historias son presentadas como narracións típicas, aínda que con personaxes imaxinativos. O horror de cada relato aparece construído arredor da implicación, pero non se relata explicitamente, polo que moitos dos finais, con morte ou situacións desagradábeis, só poden ser imaxinados.

Só se vive dúas veces

Só se vive dúas veces (en inglés: You Only Live Twice) é un filme británico de espías e o quinto título da franquía James Bond producido por Eon Productions. Está protagonizado por Sean Connery que interpreta o papel do axente 007. O guión do filme foi escrito por Roald Dahl, e está vagamente baseado na novela homónima de Ian Fleming. É o primeiro filme de James Bond que desbotou o argumento orixinal de Fleming, empregando só uns poucos personaxes e localizacións do libro como contexto dunha historia completamente nova.

The Witches

The Witches pode referirse a:

The Witches, unha novela infantil de Roald Dahl, traducida ao galego como As bruxas.

The Witches, adaptación cinematográfica da novela;

The Witches (filme de 1990)

The Witches é un filme británico-estadounidense de 1990 dirixido por Nicolas Roeg e protagonizado por Anjelica Huston, Mai Zetterling, Rowan Atkinson e Jasen Fisher. Está baseado na novela infantil de 1983 As bruxas, de Roald Dahl. Ó igual ca na novela orixinal, conta a historia dunhas bruxas que se disfrazan de mulleres correntes e matan nenos, e de que como un neno e a súa avoa deben atopar un xeito de detelas e destruílas.

The Witches foi producido por Jim Henson Productions para Lorimar Film Entertainment e foi distribuído por Warner Bros. como a derradeira produción de Lorimar, antes de que a compañía acabase en 1993. O filme foi moi ben acollido pola crítica, mais tivo pouco éxito de recadación e non foi do agrado de Dahl por ser diferente o final respecto do libro.

Willy Wonka e a fábrica de chocolate

Willy Wonka e a fábrica de chocolate (en inglés: Willy Wonka & the Chocolate Factory) é un filme estadounidense de 1971 dirixido por Mel Stuart. Está protagonizado por Gene Wilder, que intepreta o papel de Willy Wonka. Trátase dunha adaptación da novela Charlie e a fábrica de chocolate de Roald Dahl. Dahl foi acreditado como guionista do filme; porén, David Seltzer, que non aparece acreditado, foi contratado para refacer o guión contra os desexos de Dahl, facendo grandes cambios no final e engadindo os números musicais. Estes cambios, e outras decisións tomadas polo director, fixeron que Dahl renegase do filme.

Xela Arias

Xela Arias Castaño, nada en Sarria, o 4 de marzo de 1962, e finada en Vigo o 2 de novembro de 2003, foi unha poeta, tradutora en varias linguas, editora, e profesora galega, ligada a Edicións Xerais de Galicia, coñecida polas súas obras Tigres coma cabalos e Darío a diario. Como tradutora traballou con textos de, entre outros, Carlos Oroza, Camilo Castelo Branco, Gianni Rodari, Jorge Amado, Wenceslao Fernández Flórez, Roald Dahl, Juan Farias, James Joyce, Cervantes, James Fenimore Cooper, Vicenç Beltran, Jan Terlouw, Bram Stoker, Angela Carter, Charles Baudelaire e Jean Rhys. Proposta, en dúas ocasións (2014 e 2015), para ser a figura homenaxeada no Día das Letras Galegas, a súa Poesía reunida publicouse en novembro do ano 2018, con edición, introdución e notas de Chus Nogueira. En 2019 a plataforma de crítica literaria A Sega dedicoulle o Día das Galegas nas Letras.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.