Rima

A rima, en poesía, é o feito da concordancia total ou parcial dos fonemas dunha ou máis palabras a partir da última vogal acentuada. Isto produce unha igualdade total ou parcial de certos sons entre dous ou máis versos.

Hai dúas clases de rimas:
A rima consonante ou total dáse cando a partir da última vogal tónica de cada verso son iguais os sons vocálicos e consonánticos.

Mais dorme, Rosalía, mentras tanto
N-as almas mingoa a fe y-a duda medra
¡Quén sabe si d'este recinto santo
Non quedará maña pedra con pedra!
Manuel Curros Enríquez, "N-a tumba de Rosalía".

A rima asonante ou parcial dáse cando a partir da última vogal tónica son iguais soamente os sons vocálicos.

Nasin cand' as prantas nasen,
No mes das froles nasin,
Nunh' alborada mainíña,
Nunh' alborada d' abril.
Rosalía de Castro, Cantares gallegos.
Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre literatura é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.
Bertsolari

Bertsolari (plural bertsolariak do éuscaro versificador) son os que se dedican a compoñer, cantar e/ou improvisar versos en éuscaro (bertsoak). Os bertsolariak improvisan no momento os seus versos segundo unhas regras de rima e métrica específicas.

Canción

Orixinariamente a palabra canción designa calquera texto, xeralmente en verso, cantable, polo que se pode dicir que canción é unha composición musical que contén, como mínimo, unha parte de voz ou melodía vocal, é dicir, con texto, cantado. Normalmente é de curta duración, polo menos se nos atemos ao texto musical, dado que no caso concreto das cancións de xesta e outros tipos de cancións narrativas pode chegar a haber un gran número de estrofas aplicadas a unha mesma música. No caso -que é o máis frecuente- que esta parte vocal soe simultaneamente con outras partes instrumentais, a vocal é a principal, de maneira que, como xénero musical, a canción queda tipificada como música vocal, e as partes instrumentais fan un acompañamento. A canción, pois, é música vocal que pode ter ou non un acompañamento instrumental. Noutros casos, os menos, o acompañamento fano outras voces, neste caso é unha canción a cappella e polifónica.

O texto da canción normalmente chámase a letra. A letra dunha canción habitualmente é un texto poético cunha estrutura métrica de gran regularidade e cunha rima clara. De todos os xeitos, tamén hai exemplos de cancións relixiosas con letra en prosa extraída da Biblia.

Normalmente, as cancións son pensadas pera ser interpretadas por un cantante solista, aínda que tamén as hai -especialmente na denominada canción artística- para dúo, ou trío ou ata para máis voces, nese caso fálase de canción polifónica, o canon é un caso concreto e paradigmático. Tamén é común, no terreo da música clásica, que haxa cancións interpretadas por corais, de modo que a melodía principal a realiza un grupo de voces, habitualmente as sopranos. De igual xeito, é habitual que as cancións polifónicas sexan interpretadas por coros, non a razón dunha persoa e voz por cada parte, senón a razón dun grupo por parte.

Especialmente na música tradicional, a canción adoita ter unha estrutura estrófica -xa sexa con ou sen retorno- de maneira que unha mesma música é cantada sobre unha serie de textos que manteñen similitudes importantes en canto a métrica e rima. Na canción de arte e na canción popular abundan tamén as elaboracións a partir da estrutura estrófica.

A canción, polas súas características, ten un papel esencial na educación musical nas escolas e nas escolas de música, e é a base das numerosísimas asociacións corais que existen en todas as sociedades occidentais.

Na linguaxe coloquial, canción ás veces é unha palabra do todo xenérico para referirse a calquera tipo de composición musical, incluídas as instrumentais e, xa que logo, sen texto.

Dicionario

Un dicionario é un lista de termos ou palabras coas súas definicións. Tamén se consideran dicionarios as compilacións de caracteres, iconas, símbolos coa súa representación gráfica. Moitos dicionarios inclúen información adicional: pronuncia, etimoloxía, exemplos de uso, ilustracións e a maior parte dos dicionarios están en formato libro. As palabras ordénanse alfabeticamente.

A diferenza entre entre dicionario e unha enciclopedia está en que un dicionario céntrase no significado e uso das palabras, mentres unha enciclopedia intenta recompilar e organizar o coñecemento sobre temas moi variados.

Estanza

Unha estanza é unha estrofa de orixe italiana propia da canción e cuxa estrutura foi fixada por Dante e Petrarca. Está formada por un número variable de versos heptasílabos e hendecasílabos e presenta rima consonante. Moitas estanzas axústanse ao esquema seguinte: capo ou fronte (dous conxuntos de tres versos cada un unidos pola rima), corpo (verso heptasílabo que rima co último da fronte e no que está o verso de volta), sirima (conxunto de varios versos que inclúe o verso de volta a modo de enlace e introducen rimas novas), e coda (pareado final). Algúns dos introdutores da estanza na métrica castelá son Garcilaso de la Vega e Juan Boscán.

Estrofa

En literatura, denomínase estrofa a un grupo de versos unidos por unha serie de criterios fixos de métrica. Reciben distintos nomes segundo a extensión (número de versos), lonxitude dos mesmos (arte maior ou arte menor), rima (en función do formato e de se é asoante ou consoante) e ritmo.

Juan Ramón Jiménez

Juan Ramón Jiménez Mantecón, nado en Moguer (provincia de Huelva) o 23 de decembro de 1881 e finado en San Xoán (Porto Rico) o 29 de maio de 1958, foi un poeta español, gañador do Premio Nobel de Literatura en 1956, mentres permanecía no exilio desde a súa segunda patria, Porto Rico (onde tamén viviron exiliados outras renomeadas figuras peninsulares, tales como Pau Casals e Francisco Ayala.

Lingua cantonesa

A lingua ou dialecto cantonés ou yuè (chinés simplificado: 粵语, chinés tradicional: 粤語, Pinyin: yuèyǔ, Jyutping:Jyut6jyu5) é un dos principais dialectos do chinés.

O nome yuè corresponde ao nome dun reino antigo situado na actual provincia de Guangdong. Por iso, o carácter 粵 utilízase hoxe en día como abreviatura do nome desta provincia.

Aínda que os chineses prefiren falar de dialectos (方言, fāngyán) ao referirse ás variedades do chinés falado, a intelixibilidade mutua entre estes é practicamente nula polo que moitos lingüistas consideran o chinés unha familia de linguas, e non unha lingua única.

O cantonés é o terceiro dialecto (dialecto neste sentido amplo) máis falado do chinés despois do mandarín e da wu. Ten ao redor de 70 millóns de falantes, principalmente na provincia de Guangdong e nas rexións administrativas especiais de Hong Kong e Macau. As primeiras comunidades chinesas que se estabeleceron en países como Perú, Estados Unidos, Australia ou o Reino Unido procedían desta zona do sur de China. Isto fixo que o cantonés fóra durante moito tempo o idioma principal nos chinatowns das grandes cidades destes países.

O cantonés é un dialecto chinés bastante conservador, máis próximo ás formas antigas da lingua do que outros dialectos. Isto reflíctese, por exemplo, no feito curioso de que a poesía antiga chinesa, cuxa pronunciación orixinal descoñecemos, rima mellor lida en cantonés do que en mandarín.

Dos diferentes dialectos chineses, o cantonés é o único, á parte, claro está, do mandarín, que ten unha forma escrita. Esta utiliza algúns caracteres chineses que non existen en mandarín, e reutiliza outros con significados diferentes. O cantonés escrito utilízase, no entanto, só en situacións informais, como cartas entre amigos, foros de Internet ou nalgunhas formas de literatura popular. En situacións formais o chinés escrito segue as normas do mandarín estándar.

En Hong Kong e Macau o cantonés falado utilízase tamén en situacións formais como discursos políticos, e en emisoras de radio e televisión. Nestes casos, a lingua utilizada non é auténtico cantonés, senón mandarín cunha lectura cantonesa dos caracteres.

Lingua chinesa

O chinés (chinés simplificado: 汉语 / chinés tradicional: 漢語 / Pinyin: Hànyǔ; 华语/華語 / Huáyǔ; ou 中文 / Zhōngwén) é a lingua (ou familia de linguas) falada na China, pertencente ao grupo sino-tibetano. Aínda que se tende a considerar o chinés como unha única lingua, principalmente debido ao feito de que todos os seus falantes escriben igual (é dicir, que son mutuamente intelixibles a nivel escrito), o certo é que é un conxunto de linguas distintas, cuxos falantes non se entenden oralmente entre si. A principal e oficial na República da China é o mandarín estándar (Putonghua), baseado no dialecto de Pequín, aínda que a máis falada fóra da China é o cantonés (Yue).

Arredor dun quinto da poboación mundial, por riba de 1.000 millóns, falan algunha forma de chinés como lingua materna.

De acordo cos novos informes de marzo de 2007, un 86% da xente na República Popular da China fala unha variante do chinés. O mesmo informe indica que o 53%, 700 millóns, poden comunicarse eficazmente en mandarín estándar (normalmente chamado "mandarín"), superando a calquera outra lingua do mundo.

Trátase dunha lingua tonal, isto é, na que un mesmo conxunto de fonemas ten distinto significado en función do ton no que se emite. O chinés escríbese con caracteres que nalgún caso son ideogramas pero máis comunmente representan pronuncias e composicións. Unha persoa escolarizada coñece uns 1.000 caracteres e unha culta uns 5.000. A escritura chinesa é a base das escrituras tradicionais coreana e xaponesa. O xaponés actual utiliza uns 2.000 kanji, caracteres chineses co mesmo significado pero distinta pronuncia.

Octosílabo

O octosílabo identifica un enunciado de oito sílabas. Pode aplicarse a unha palabra, un verso, unha oración ou un texto.

Poesía

A poesía é unha forma de literatura que emprega as calidades estética e rítmica da linguaxe, como a eufonía, o simbolismo fonético e a prosodia, para evocar significados engadidos ou o significado prosaico.

A poesía ten unha longa historia que se remonta á Epopea de Gilgamesh sumeria. Os poemas máis antigos evolucionaron dende cancións populares, como o Shijing chinés, ou dende a necesidade de recoller a tradición das lendas orais, como os Vedas sánscritos, os Gathas zoroastras ou os poemas homéricos, a Ilíada e a Odisea. Os primeiros intentos de definir a poesía, como os da Poética de Aristóteles, centráronse no emprego da fala na retórica, no drama, no canto e na comedia. Intentos máis serodios centráronse en aspectos como a repetición, na forma do verso e na rima, salientando a estética que é o que distingue á poesía doutras formas de escrita máis obxectivas, informativas e prosaicas. Dende mediados do século XX, a poesía é considerada de forma máis xeneralizada como a forma creativa fundamental de empregar a linguaxe.

A poesía emprega formas e convencións para suxerir diferentes interpretacións das verbas, ou para evocar respostas emotivas. Recursos como a asonancia, a aliteración, a onomatopea e o ritmo son empregados a miúdo para acadar efectos musicais ou de encantamento. O uso da ambigüidade, o simbolismo, a ironía e outros elementos estilísticos da dicción poética fan posible deixar un poema aberto a múltiples interpretacións. Figuras semellantes do discurso como a metáfora, o símil e a metonimia crean unha resonancia entre imaxes dispares creando conexións de significados.

Algunhas clases de poesía son específicas de culturas e xéneros particulares e responden a características da lingua na que escriben os poetas. Os lectores acostuman a identificar a poesía con Dante, Goethe, Mickiewicz e Rumi e poden considerarse escritos con rima e métricas regulares. Porén, hai tradicións, como a poesía bíblica, que empregan outros xeitos para crear ritmo e eufonía. Moita da poesía moderna reflicte unha crítica á tradición poética, poñendo a proba e xogando e co principio mesmo da eufonía, ou mesmo obviando a rima e o ritmo. No proceso crecente de globalización, os poetas a miúdo adaptan estilos, formas e técnicas de diferentes culturas e linguas.

O Día mundial da poesía foi proclamado pola Conferencia Xeral da Unesco e celebrouse por primeira vez o 21 de marzo de 2000. A súa finalidade é fomentar o apoio aos poetas novos, volver ao encantamento da oralidade e restablecer o diálogo entre a poesía e as demais artes (teatro, danza, música, etc.)

Proverbio

Proverbio (procedente do latín proverbium) ou refrán é un enunciado sentencioso curto tirado da sabedoría popular. Sinónimos de proverbio son refrán, adaxio, máxima, sentenza, aforismo, dito, paremia e apotegma.

O estudo dos proverbios denomínase paremioloxía.

Os refráns son sentenzas, habitualmente, anónimas. Porén, moitas expresións literarias e doutras culturas tamén pasaron a formar parte do refraneiro popular. Moitas son observacións acuñadas pola experiencia colectiva ao longo do tempo, con temas que van desde a meteoroloxía ata o destino invariable e fatalista de existencia. Constitúen a bagaxe cultural do pobo en tempos nos que a tradición oral pasaba a sabedoría popular dunha xeración a outra.

A súa estrutura adoita ser pareada e recorren tanto á rima como a figuras literarias (antítese, elipse ou paralelismo) para facilitar o seu perpetuación oral.

Miguel de Cervantes, en Don Quixote da Mancha, define o que é un refrán: "los refranes son sentencias breves, sacadas de la experiencia y especulación de nuestros antiguos sabios". Seguirá dicindo Don Quixote sobre a utilidade dos refráns: "cualquiera de los que has dicho [, Sancho,] basta para dar a entender tu pensamiento" (Segunda parte, capítulo LXVII).

Publicidade

Enténdese por publicidade a comunicación establecida tras a emisión dunha mensaxe que ofrece unha información interesada e que se divulga co obxectivo de influír no público para producir un beneficio ó emisor ou promotor ou no caso da publicidade institucional ofrecer información de servizo público. Na publicidade tamén se utilizan unha gran variedade de medios: de viva voz, medios de comunicación, o correo, teléfono, folletos, redes informáticas, competicións deportivas, bolígrafos, paraugas, roupa e mesmo avionetas, automóbiles, trens, bicicletas ou navíos.

Na publicidade empréganse con frecuencia estratexias de base lingüística:

A implicación do receptor na mensaxe, usando imperativos ou con oracións interrogativas.

Recursos da lingua literaria: A rima, a hipérbole, o símbolo. a metonimia, a metáfora, a alegoría, a antítese e bimembración, aliteracións, o paradoxo,...

Rangers F.C.

O Rangers Football Club é un club de fútbol da localidade de Glasgow (Escocia) que adoita ser chamado Glasgow Rangers inda que oficialmente ese nome non o posúa ningún equipo de fútbol. Este costume de darlle esta denominación a puxeron ben de moda os comentaristas ingleses dos partidos de fútbol que falaban do Glasgow Rangers pra tentar face-la diferenciación con respecto ó Queens Park Rangers londinense. Tamén ten denominacións alternativas coma os alcumes "The Gers" que non deixaría de se-la abreviación de The Rangers, "Light Blues" pola cor da súa camisola e "The Teddy Bears" pola rima que isto fai con Rangers.

En 2012 o Rangers F.C. entrou nunha profunda crise financeira debido a problemas coa administración de impostos do Reino Unido, polo que o 14 de xuño do mesmo ano, tras non poderse solucionar a dura situación económica do club, o equipo desapareceu, véndose obrigado a refundarse na Terceira División escocesa.

Romance (estrofa)

O romance é un tipo de estrofa lírica, caracterizada porque non está composta por un número fixo de versos, está formada por versos octosílabos, e ten rima asonante (só vogais) nos versos pares, quedando soltos os impares.

Soneto

Un soneto é un subxénero da lírica consistente nunha composición poética de catorce versos hendecasílabos (de once sílabas), dispostos en dous cuartetos e dous tercetos. Pode ter rima abba abba cdc dcd, abba abba cde cde, abba abba cde edc (soneto italiano), abba abba ccd eed, abba abba cdc ede (soneto francés) ou abab cdcd efef gg (soneto inglés, cuxas dúas primeiras estrofas son serventesios).

Francesco Petrarca foi o máis famoso autor de sonetos.

Trobador

Os trobadores máis antigos eran poetas líricos en lingua de oc ligados ás cortes de entre a segunda metade do século XI e o século XIII. O nome provén do verbo trobar, que significaba "compor versos".

Verso

Un verso (do latín versus, que significa "volto", por oposición a prorsus, de onde vén prosa, que significa "todo seguido") é un conxunto de palabras suxeitas a medida, ritmo e cadencia, ou só a cadencia, en contraposición á prosa, que non está sometida habitualmente a estes procedementos. Adoita ser a canle formal habitual de expresión da poesía lírica.

Convén distinguir claramente entre verso, que é unha forma literaria, e poesía lírica, que é un xénero literario. Se temos clara esta definición, entenderemos por que pode haber e hai, por exemplo, obras narrativas, dramáticas e didácticas escritas en verso e, inversamente, que existan poemas escritos en prosa no canto de en verso.

Compuxéronse versos en distintas culturas sempre en torno a un recurso literario concreto: así, a poesía hebrea compuxo versos fundándose só no paralelismo semántico. A poesía xermánica medieval, pola contra, fundábase na aliteración de polo menos tres palabras por cada verso e a poesía grecolatina clásica na repetición dunhas secuencias determinadas de sílabas longas e breves e a poesía europea tradicional na rima e o ritmo acentual. Por outra banda, o rexeitamento que as vangardas europeas do século XX, especialmente o Surrealismo, experimentaron pola tradición literaria, ata a métrica, introduciu un tipo de verso máis extenso, o versículo, que non rima nin posúe ritmo acentual, senón que funda a súa poeticidade en repeticións de motivos e campos semánticos.

Fernando Pessoa dicía no seu Libro do desasosego que a poesía se atopaba entre a prosa e a música. É así en tanto que o verso é unha prosa provista dalgúns dos elementos que forman a música, grazas ao cal toda canción con letra ha de estar escrita en verso para poderse adaptar á música instrumental. Eses elementos que adquire o verso da música son o tempo, o ritmo, o compás e a melodía. O tempo vén dado por unha velocidade de enunciación marcada polo número fixo de sílabas da recitación, o ritmo pola colocación ou situación fixa de determinados acentos, o compás pola alternancia de diferentes tipos de versos e estrofas e a melodía pola repetición dunha rima ou un refrán ou bordón concreto.

O verso adoita darse dentro dunha estrutura literaria fixa que se compón dunha métrica definida, un ritmo conseguido pola colocación das sílabas tónicas e átonas e unha rima recorrente; a estas secuencias fixas chámaselles estrofas. A disciplina que estuda as clases de versos e estrofas denomínase métrica.

Existe unha gran variedade de estruturas no verso, comezando por unha división inicial entre verso rimado ou con rima e o verso solto ou verso branco sen rima, pero cun número fixo de sílabas e cuns acentos concretos. Por outra banda, o verso libre é un verso sen rima nin cantidade preestablecida de sílabas.

A creación do verso remóntase cara ás composicións gregas clásicas, en que o verso non era rimado, senón que consistía na repetición de determinada secuencia de sílabas longas e breves e o compás acentual ou ictus.

O verso rimado ten unha orixe probable na rexión da península itálica no Medievo, onde nacen composicións versificadas que persisten ata hoxe en día como no soneto, a canción ou o madrigal. Do latín vulgar, o seu paso ás linguas romances é sinxelo e atópanse composicións versificadas en rima e con metro dende o principio do idioma galego.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.