Ricardo Mella

Ricardo Mella Cea, nado en Vigo o 23 de abril de 1861[1] e finado o 7 de agosto de 1925 na mesma cidade,[2][3] foi un dos primeiros escritores, intelectuais e activistas libertarios de España. Caracterizouse por ser un estudoso e crítico de variados temas, así como falante e tradutor de inglés, francés e italiano.

Foi o pai da activista feminista Urania Mella, que fora represaliada polos sublevados na Guerra civil española xunto co seu marido Humberto Solleiro, e tamén do político socialista Ricardo Mella Serrano

Ricardo Mella
Ricardo Mella
Nacemento23 de abril de 1861
 Vigo
Falecemento7 de agosto de 1925
 Vigo
SoterradoCemiterio de Pereiró
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónxornalista, escritor, autor e político
FillosRicardo Mella Serrano e Urania Mella

Traxectoria

Naceu na Gamboa, fillo de Dolores Cea Fernández e de José Mella Buján, sombreireiro e militante do republicanismo federal, que influíu ao seu fillo maior no respecto polos ideais republicanos e democráticos e máis a admiración por Francesc Pi i Margall. Ingresou moi novo Mella no partido deste, o Partido Republicano Democrático Federal, do que chegou a ser secretario, e destacando xa na súa defensa do estatuto republicano federalista, ollando para a autonomía política e administrativa de Galicia.

Traballou na súa mocidade nunha axencia marítima do seu Vigo natal, que xa daquela estaba a experimentar unha transformación e expansión considerable coma cidade mercantil e industrial. Comezou o seu traballo xornalístico no periódico La Verdad, xornal portavoz do máis extremo republicanismo, que apoiaba de raíz a loita do proletariado galego, e denunciando a presenza do caciquismo que xa se vía presente en Galicia. O carácter duro das súas denuncias ocasionaron unha denuncia por inxurias de José Elduayen -Marqués do Pazo da Mercé-, político canovista e representante local do poder central do goberno de Sagasta, a quen Mella acusou dun desfalco no Banco de España no que Elduayen fora gobernador. En abril de 1881 foi condenado pola Audiencia Provincial a 4 anos e 3 meses de desterro e multa de 625 pts., conmutada posteriormente a 3 anos e 7 meses en 1882.

Fundou en Vigo La Propaganda, publicación federalista de marcado carácter obreirista, que se mantivo catro anos, de 1881 a 1885. O xornal foi presentado no congreso sindical de Barcelona onde se fundou a Federación de Trabajadores de la Región Española, dando un xiro do republicanismo socialista ao anarquismo, cambio que foi seguido con ledicia por Mella. Poucos días denantes de recoller a súa condena, asistiu en Sevilla ao 2º congreso da Federación (24 a 26 de setembro de 1882), onde coñeceu a Juan Serrano Oteiza, coñecido anarquista de Madrid e editor de La Revista Social e tamén a Antoni Pellicer, membro directivo do comité federal.

Desterro

Trasladouse a Madrid a cumprir a condena imposta, renovando o contacto con Juan Serrano, casando logo coa filla deste, Esperanza Serrano Rivera, coa que tivo 12 fillos. Foi nesta época (1884) cando traduciu o libro Dios y el Estado de Bakunin, colaborando coa Revista Social, coa publicación mensual Acracia de Barcelona e co xornal barcelonés El Productor (subtitulado Periódico Anarquista) dirixidos por Antoni Pellicer, Rafael Farga i Pellicer e Anselmo Lorenzo.[4]

Aconsellado polo seu sogro, estudou topografía, gañando unha oposición e trasladándose a Andalucía para exercela; onde tomou contacto cos ambientes libertarios da época, que se opuñan ao latifundismo ao que estaban suxeitos os campesiños, aprendendo deles a súa grande capacidade de propaganda, e rexeitando a súa violencia. Durante a súa estancia en Sevilla, fundou o xornal La Solidaridad, entre outros, e no que defendeu o anarquismo colectivista.

Nesta época acude ao I e II Certamen Socialista (Reus, 1885, Barcelona 1889), con 8 traballos, todos eles premiados: El problema de la emigración en Galicia; Diferencias entre el comunismo y el colectivismo; La anarquía: su pasado, su presente y su porvenir; Breves apuntes sobre las pasiones humanas; La nueva utopía (novela imaginaria); El colectivismo: sus fundamentos científicos; Organización, agitación, revolución e El crimen de Chicago.

Retorno a Galicia

En 1895 volveu a Vigo, e durante o ano seguinte acolleu na súa casa a Josep Prat que fuxira de Barcelona escapando da represión na cidade durante o proceso de Montjuïc e a quen lle conseguirá un embarque para América.[5] En Vigo, pasou pouco tempo pois, en 1897, foi chamado polo seu traballo a Pontevedra, para colaborar no tendido do ferrocarril. Na capital da provincia tratou aos redactores de La Unión Republicana e escribiu para El Progreso de Madrid e El Corsario da Coruña, desde onde denunciou os fusilamentos de anarquistas de Montjuïc, Barcelona. Alí principiou o se u labor de espallar o anarquismo entre o campesiñado gallego, inspirándose na súa experiencia andaluza.

Ao mesmo tempo comezou unha intensa colaboración con varias publicación como os xornais La Revista Blanca, La Anarquía y La Idea Libre de Madrid; con El Despertar de Nova York;[6] en La Protesta de Bos Aires; revistas Ciencia Social, de Barcelona e Bos Aires; en La Questione Sociale de Bos Aires e L'Humanite Nouvelle de París. Desta época é tamén o seu libro Lombroso y los anarquistas (Barcelona, 1896), onde criticou as teorías antropolóxicas do médico e criminólogo italiano Cesare Lombroso; Los sucesos de Jerez (Barcelona, 1893); La barbarie gubernamental en España (Brooklyn, 1897); La ley del número (Vigo, 1899); La cooperación libre y los sistemas de comunidad (memoria que levou, en setembro de 1900, ao Congreso Revolucionario Internacional de París); Del amor, modo de acción y finalidad social (Barcelona, 1900); Táctica socialista (Madrid, 1900) e La coacción moral (1901).

Asturias

O seu traballo de topógrafo levouno a Asturias, onde comezou un período de silencio, ante as graves divisións do anarquismo da época. Porén deixou sona naquela terra a través do seu primeiro biógrafo Pedro Sierra e máis de Eleuterio Quintanilla con quen fundaría Acción Libertaria.

Retorno a Vigo

Volveu escribir nos xornais a raíz da Semana tráxica de 1909, desta vez nas páxinas de Acción Libertaria de Xixón e Vigo e El Libertario, onde, segundo Pedro Sierra están as mellores liñas que produciu coa súa pluma e mantivo un contacto permanente por correspondencia co presidente do Ateneu Enciclopèdic Popular de Barcelona, Josep Maria de Sucre. Foi tamén neste ano cando volveu a Vigo, chamado para a construción das liñas de tranvías da cidade, dos que ao seu remate, foi nomeado Director-Xerente por Martín Echegaray Olañeta.

Dende este momento e até a súa morte, deixou a militancia activa e as colaboracións nos xornais, dedicándose de cheo ós seus labores profesionais, mais aínda en 1911 asistiu en representación de Asturias ao congreso da Confederación Nacional do Traballo. O seu pasamento constitúe a maior mostra de dor pública que se veu na época, deténdose os tranvías e máis toda a cidade, nunha demostración do alto respecto que acadou na súa vida de calada loita.[7][8] Fica enterrado do Cemiterio de Pereiró, nun mausoleo feito por Asorey e pagado por colecta publica.

Escribiu máis de trinta ensaios ao longo da súa vida, sendo moitos deles premiados internacionalmente, e sendo traducido ao italiano, holandés, francés, inglés e portugués. O peso do sindicalismo revolucionario da CNT dos primeiros tempos procede das súas teses, nas que se reflectían os seguintes preceptos básicos:

  • Todos os homes teñen necesidade de desenvolvemento físico e mental en grao e forma indeterminada.
  • Todos os homes teñen o dereito de satisfacer con liberdade esta necesidade de desenvolvemento.
  • Todos os homes poden satisfacela por medio da cooperación ou comunidade voluntaria.
I.E.S. Ricardo Mella, Vigo
I.E.S. Ricardo Mella de Vigo.

Recoñecementos

En Vigo puxéronlle o seu nome a un Instituto de Ensino Secundario e a unha avenida.[2][9] En 2018, os irmáns Ramón e Xosé Trigo remataron, mediante crowfounding na plataforma Verkami, a obra de banda deseñada "Ricardo Mella. O home novo", sobre a a súa vida, con edición en galego e en castelán.[10]

Obras

Artigos e ensaios

Anarquismo. 1892. Evolución e revolución. Ricardo Mella
O anarquismo segundo Ricardo Mella. Discurso no Círculo Federal de Vigo
  • El Problema de la emigración en Galicia (monografía).
  • Diferencias entre el comunismo y el colectivismo (monografía).
  • La reacción y la revolución, artigo publicado na revista Acracia de Barcelona.
  • La Anarquía no admite adjetivos, publicado en La Solidaridad.
  • Breves apuntes sobre la naturaleza humana.
  • La Nueva utopia.
  • El colectivismo.
  • Organización, agitación y revolución.
  • El crimen de Chicago, reseña histórica.
  • La ley del número, sobre ficción democrática.
  • A los campesinos.
  • En defensa de la anarquía.

Libros

  • Lombroso e os anarquistas (1896). Resposta ao libro Gli Anarchici de Cesare Lombroso (1894).
  • Plumazos, escolma de artigos.
  • Ideario.
  • Breves apuntes sobre las pasiones humanas (editado por Tusquets, 1976, ISBN 9788472237124)

Traducións

Notas

  1. "Apéndice Ricardomellano I". Epifanías libertarias. Consultado o 25-5-2019.
  2. 2,0 2,1 Giráldez Lomba, Antonio (27-4-2010). "Pequena semblanza de Ricardo Mella Cea". web do IES Ricardo Mella. Consultado o 25-5-2019.
  3. Fernández (1990), p. 84
  4. "Relació de periòdics per ordre alfabètic". veuobrera.org (en catalán). Consultado o 25-5-2019.
  5. Fernández (1990), p. 77
  6. Fernández (1990), p. 76
  7. "El ideal gallego (8-8-1924)". biblioteca.galiciana.gal (en castelán). Consultado o 25-5-2019.
  8. "El Pueblo gallego (11-8-1924)". biblioteca.galiciana.gal (en castelán). Consultado o 25-5-2019.
  9. "RICARDO MELLA CEA - INTELECTUAL ANARQUISTA DE VIGO". puertoreal.cnt.es (en castelán). Consultado o 25-5-2019.
  10. "Ricardo Mella. O home novo". verkami.com. Consultado o 25-05-2019.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Álvarez, José (1976). La ideologia política del anarquismo español, 1868,1910 (en castelán). Madrid: Siglo XXI.
  • Arbeloa, Victor Manuel (1970). La Prensa obrera en España (1869-1899) (en castelán). Madrid: Publicacións do Ministerio de Traballo.
  • Barrio Alonso, Ángeles (2015). Ricardo Mella: frustraciones federales y expectativas libertarias de un idealista tranquilo (en castelán). Santander: Universidad de Cantabria. ISBN 978-84-8102-740-2.
  • Fernández Alvarez, Antón (1990). Ricardo Mella, o El anarquismo humanista (en castelán). Barcelona: Editorial Anthropos. ISBN 84-7658-232-3.
  • Morató, Juan José (1972). Lideres del movimiento obrero español (en castelán). Madrid.

Outros artigos

Ligazóns externas

23 de abril

O 23 de abril é o 113º día do ano do calendario gregoriano (114º nos anos bisestos). Quedan 252 días para finalizar o ano.

7 de agosto

O 7 de agosto é o 219º día do ano do calendario gregoriano e o 220º nos anos bisestos. Quedan 146 días para finalizar o ano.

Benedicto Conde

Benedicto Conde González, coñecido como Bene, nado en 1895 en Castrelos, Vigo, e finado en Vigo o 31 de marzo de 1987, foi un xornalista e fotógrafo galego.

Camilo Veiga Prego

Camilo Veiga Prego, nado o 25 de novembro de 1905 en Bouzas, Vigo, e finado o 2 de setembro de 1978, perito mercantil, foi un filántropo galego.

Eliseo Fernández Fernández

Eliseo Fernández Fernández, nado en Ferrol en 1967, é un historiador galego.

José Antela

José Antela Conde, nado en Teis (no daquela concello de Lavadores) en 1900 e finado en Vigo o 27 de agosto de 1936, foi un camareiro e político socialista de Galicia (España), alcalde do concello de Lavadores durante a Segunda República, executado vítima da represión dos sublevados na Guerra Civil.

José Ramón Fontán

José Ramón Fontán González, nado en Mos en 1915 e finado en Vigo en 1996, foi un político galego.

La Propaganda (Vigo)

La Propaganda foi un semanario publicado en Vigo entre 1881 e 1885.

La Revista Social

La Revista Social foi un xornal anarquista español publicado semanalmente dende o 16 de agosto de 1872 até 1884. Foi o órgano oficioso da Federación Rexional Española da Asociación Internacional de Traballadores (1870-1881). A partir de 1881 converteuse no xornal da Federación de Traballadores da Rexión Española (1881-1888), adoptando o nome de Revista Social.

Lavadores, Vigo

Santa Cristina de Lavadores é unha parroquia civil do concello de Vigo.

Entre 1836 e 1941 foi un concello independente composto polas parroquias de Santa Cristina de Lavadores, Beade, Bembrive, Cabral, Candeán e San Paio. En 1941 o Concello foi anexionado ao Concello de Vigo.

Segundo o traballo do filólogo Iván Sestay Martínez, Toponimia do Val do Fragoso 2. Lavadores, a parroquia divídese en oito barrios históricos: O Caride, San Paio, Riomau, Pardavila, A Bouciña, A Bagunda, Sabaxáns e A Gandariña. Estes, á súa vez, subdivídense en 30 lugares históricos ou aldeas.

No ámbito eclesiástico, as parroquias relixiosas de Santiago de Bembribe, Santa Mariña de Cabral, San Cristovo de Candeán, San Paio de Lavadores, Santa Cristina de Lavadores, San Pedro de Sárdoma, Santa Clara de Vigo, Santa Lucía de Vigo e Santa Teresa de Xesús de Vigo pertencen ao Arciprestado de Vigo-Lavadores.

Policarpo Sanz

José Policarpo Sanz Souto, nado en Marín o 25 de xaneiro de 1841 e finado en Nova York en 1889, foi un industrial e mecenas galego.

Ramón Abeleira Menéndez

Ramón Abeleira Menéndez foi un político de mediados do século XIX, alcalde presidente de Vigo.

Ricardo Mella (homónimos)

Ricardo Mella pode referirse a:

Ricardo Mella Cea (1861—1925), escritor, intelectual e activista libertario.

Ricardo Mella Serrano (1889—1958), enxeñeiro e político galego, fillo do anterior.

Ricardo Mella Serrano

Ricardo Mella Serrano, nado en Sevilla o 11 de novembro de 1889 e morto no exilio en Caracas en 1958, foi un enxeñeiro e político galego.

Urania Mella

Urania Mella Serrano, nada en Vigo no 15 de novembro do 1899 e finada en Lugo no 26 de maio do 1945, foi unha política galega e precursora do asociacionismo feminino. Filla do pensador anarquista Ricardo Mella Cea e mais de Esperanza Serrano, a súa vez filla de Juan Serrano Oteiza, coñecido anarquista madrileño e fundador da Revista Social, foi presidenta da sección viguesa da Unión de Mulleres Antifascistas, así como membro do Socorro Rojo Internacional.

Ángel Ilarri

Ángel Ilarri Gimeno, nado en 1913 en Corella, Navarra, e finado en 1998 en Vigo, foi durante corenta anos administrador e director do Museo Quiñones de León de Vigo.

Ángela Iglesias Rebollar

Ángela Iglesias Rebollar, alcumada A Protestante, nada en Tui ou na Guarda e finada o 11 de abril de 1937 en Vigo, foi unha muller asasinada aos 26 anos de idade, durante a Guerra Civil Española.

Onomástica do rueiro de Vigo

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.